Crítica de Xavier Castro sobre «Xuvia-Neda», de Vicente Araguas

2 Novembro 2010

Autores,Críticas,Natureza

Xavier Castro Rodríguez publicou unha recensión crítica sobre Xuvia-Neda, de Vicente Araguas no Galicia Hoxe o pasado sábado. Reproducímola integramente:

Vicente Araguas: sempre en Xuvia-Neda

Case trinta relatos para compor e organizar un universo. Relatos tan breves que semellan luzadas que só duran no aire uns segundos mais que permanecen no lector por moito tempo pois hai neles, na esencia e na epiderme das súas estruturas tanta prosa atinada como poesía semioculta, agochada esta detrás da frase rotunda e da expresión trazada con precisión desde a lembranza. Diriamos que son as lembranzas as que articulan as pequenas prosas que están contidas neste “Xuvia-Neda”, -que marca a orixe de personaxes, do seu autor e limita un destino que é a recuperación do pasado nos espazos da memoria-, que Vicente Araguas acaba de dar ao prelo na Editorial Xerais. Desde a óptica dun hoxe, alguén protagonista decide (re)crear amplos espazos (nun acto de xustiza persoal coa comarca do Ferrol) da realidade a da memoria persoal e colectiva que se presentan constantemente a partir de marcas temporais indelebles para os que as teñen vivido: “De cativo teño xogado…”, “Neda 1960…”, “Ía polas casas dos anos cincuenta e primeiros sesenta pedindo que lle deran de comer…”.

Na comarca ben coñecida e interiorizada, na que se mesturan os cruceiros coas capelas e os asentamentos castrexos foi onde o narrador -que non é quen de obviar a lírica na prosa sintética e concentrada- remata por se atopar coa súa terra, con moitas voces de seres que habitaron un pasado, voces que tamén entoaban ríos e muíños, e consigo mesmo, logo de décadas ancorado noutros espazos. É que a memoria fainos singulares e, frecuentemente, libres, a través dun proceso selectivo que vai chantando as marcas da identidade. Logo vén a plasmación da historia ou a creación literaria do feito, esa dimensión que o narrador utiliza para diluír as lenes fronteiras que se organizan entre a realidade, a ficción e a licenza literaria. Espazos fundamentais que Vicente Araguas xa tiña recollido en libros anteriores de fasquía diferente, unha dedicatoria de proximidade, máis ben de intimidade, cos universos infantís e mozos, nunca perdidos, que mantiveron a transparencia que fai posible interiorizalos en cada título, parágrafo e páxina, cicelados a golpe de corazón.

Xavier Castro Rodríguez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Suso de Toro e Vicente Araguas o venres, 6 de agosto, na Feira do Libro da Coruña

5 Agosto 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias

Suso de Toro e Vicente Araguas protagonizarán a participación de Xerais na Feira do Libro da Coruña o venres, 6 de agosto. Ás 19:30 horas Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra e ás 20:00 Vicente Araguas presentará Xuvia-Neda acompañado do editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro da Coruña

8 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións

Xerais xa ten pechado o programa dos actos que realizará na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Día 2 luns
19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra.
19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Día 3 martes
19:00 h.: Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra.
20:00 h.: Presentación do libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz.  Intervirán: Manuel Rivas, Manuel Salorio, Manuel Bragado e o autor.
21:00 h.: Presentación do libro Settecento de Marcos Calveiro.  Intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.

Día 4 mércores
18:30 h.: Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19:00 h.: Presentación do libro Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra.  Intervirán Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Día 5 xoves
19:00 h.: Manuel Rivas asinará exemplares de Todo ben e do resto da súa obra.

Día 6 venres
19:30 h.: Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra.
20:00 h.: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Manuel Bragado e Vicente Araguas.

Día 7 sábado
19:30 h.: Presentación do libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.  Intervirán: Xavier Seoane, Manuel Bragado e a autora.

Día 9 luns
20:00 h.: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda e os heroes» por Xosé Manuel Eyré

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

Acabo de tomar contacto con eles. E o contacto resulta conmovedor, absolutamente CONMOVEDOR e INTELIXENTE. Son xentes humildes, auténticos heroes que manteñen unha grande humanidade en tempos socialmente miserentos, en tempos de inverno eles son a primavera que permite soñar.

Falo das personaxes de Xuvia-Neda e, no caderno da crítica estas son as primeiras notas que tomei. Xuvia-Neda está contada con amabilidade, coa bonhomía que presta o autor,  Vicente Araguas, ás personaxes e ao tempo, devolvendo así parte da débeda que xamais será de todo satisfeita. Xuvia-Neda é unha historia de amor ás xentes e ao lugar. As personaxes vanse xuntando, citadas na recordanza e na pluma de Vicente Araguas, un recanto da memoria onde ferven as cousas das xentes de bon corazón.

Si,con estas personaxes todo é máis sinxelo. E tamén o reto é máis grande porque sempre o medo de non lles facer xustiza.

Tamén dixen que era INTELIXENTE, o narrador non enxuíza o tempo e as súas miserias. Non cómpre, esa tarefa déixase nas mans do lector, é o seu privilexio e o seu deber.

Xuvia-Neda non é para lectores conformistas, é para lectores intelixentes e activos

Xuvia-Neda poder ser unha novela, unha novela fío, ou un libro de relatos enfiados. En todo caso é unha lectura tenra, intelixente e conmovedora.

Anotación de Xosé Manuel Eyré publicada no seu blog o 8 de xullo de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Xuvia-Neda”: regresar ao espazo mítico»

7 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

VICENTE ARAGUAS «COMPRIME A EXPRESIÓN» NO SEU LIBRO DE RELATOS «XUVIA-NEDA», QUE VOLVE HOMENAXEAR OA LUGAR NATAL

O neno Fandiño, que prefire escoitar historias de amor que facer caligrafía. “Filósofos de rueiro” como Lourenzo, o indiano que simpatizaba coa República porque en Cuba aprendera que ninguén é máis ca ninguén.

Unha casa que chora cando soan cancións tristes. Unha ponte de pedra que foi de madeira e linda con dous concellos. Son algúns dos personaxes e espazos que protagonizan o libro de relatos de Vicente Araguas Xuvia-Neda, (Xerais), que o autor presentou onte en Vigo.

Xuvia-Neda é o seu lugar de nacemento. “O meu territorio natural, e espazo mítico e literario”, -subliña-, presente xa nos seus poemarios Xuvia (1984) e Xuvia revisitada, (2008), e tamén en certo modo na novela A canción do verán (2001). “Son moi namoradizo das cidades”, explica. Ademais, desde que foi nomeado Fillo Predilecto de Neda “sentín que lle debía este libro”.

Á súa paixón polos lugares quédalle moito por espremer, ademais. Aínda que “non hai que abusar. Non quero ser manierista”, asegura. En Xuvia-Neda “comprimo a expresión. Se a novela é unha sinfonía, o conto é unha canción. É outro mundo, no que me sentín moi cómodo. Sempre me gustou o conto, do que agora parece que hai un renacer. As miñas colaboracións diarias no Diario de Ferrol axudáronme a adelgazar a expresión, facer economía expresiva. Son case un conto. Falo de min, do meu arredor…”, apunta.

O nobelo da memoria tece os relatos de Xuvia-Neda, cos seus saltos temporais: a infancia, -o neno Fandiño, “que xa aparece noutras novelas miñas, e dalgunha maneira son eu”-, a adolescencia, a etapa pretérita -a guerra civil e a posguerra, coa represión e a resistencia-, os anos 50 e 60, a ditadura esmorecente nos 70, a actualidade.

“Son un traballador da memoria, si. Este é un libro realista, que tamén ten algo de realismo máxico”, -a casa que chora, a Pirucha que defeca subida a unha árbore…-. Realidade e ficción constrúen unha atmosfera evocadora, que mesmo provoca no lector a arela de coñecer, sentir os espazos míticos dos que se fala, ou que deles queda. A pegada cinematográfica, como a musical, é intensa: o ritmo, a forza do sensorial…

O autor deféndese -sen que lle mencionen o tema- das acusacións de localismo, lembrando, por exemplo, Dubliners de James Joyce. E poboa a paisaxe emocional que recrea con personaxes tocados pola perda: do amor, da xuventude…

“Personaxes que estaban aí, que existían. Daquela” -na posguerra- “había, por exemplo, moitos pobres de pedir”, subliña Araguas. Xentes que falan en primeira persoa -hai algúns monólogos-, ou das que fala ou ás que se dirixe un narrador.

Como o vagabundo Henrique Badiola, o sempre famento Pedro Pelotas, o doente Marcelino, a resignada e ofendida Soidade, o rexeitado Cholo Carreiro, o celoso home de Carmucha de Riola, a parella de amantes que decide marchar malia os remorsos dela… O estilo é áxil, -os relatos son bastante curtos- e a linguaxe está coidada.

Narrador, poeta, tradutor e crítico

Vicente Araguas é narrador, poeta, tradutor e crítico literario. Decatouse cando vivía en Escocia de que “a poesía (facela, digo) era cousa grande, o meu amor, e por iso o meu primeiro libro foi Paisaxes de Glasgow (Vigo, 1978)”, asegura na súa biografía na Biblioteca Virtual Galega.

A súa poesía pode coñecerse ben a través das antoloxías Billarda ou Maneiras de querer.

Publicou tamén novelas como Agora xa foi (2000), e contou a historia do grupo Voces Ceibes, do que foi cofundador, en Voces Ceibes (1991) O que non contei en Voces Ceibes. É colaborador de xornais como El Correo Gallego.

Texto de Montse Dopico publicado en Galicia hoxe o 7 de xullo de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda», presentación o venres en Neda

Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro venres, 9 de xullo, ás 20,00 horas na Casa das Palmeiras, Avda. de Algeciras en Neda Vicente Araguas presentará o seu libro de relatos Xuvia-Neda. Acompañará ao autor o escritor e profesor Eduardo Fra Molinero.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Feira do Libro de Vigo, programa definitivo de actos para esta semana

5 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Presentacións,Xuvenil

A inoportuna coincidencia na Praza de Compostela da celebración da Feira do Libro de Vigo e da proxección dos partidos do campionanto mundial de fútbol, obriga a editorial a cancelar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o vindeiro mércores. Agardando que non se produzan novas continxencias, o programa defnitivo de actos organizados por Xerais deica remate da Feira será o seguinte:

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Xuvia-Neda”: o moito que dá de si un mes de verán»

22 Xuño 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Guillermo Llorca publica hoxe en Diario de Ferrol unha moi gabanciosa crítica de Xuvia-Neda o aclamadísimo libro de relatos de Vicente Araguas. O texto pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Vigo

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

Xerais adianta a relación das presentacións que ten previsto realizar na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Praza de Compostela do 2 ao 11 de xullo. A estes actos engadiranse diversas asinaturas de autores e autoras que anunciaremos nos vindeiros días.

Día 2 venres:
Cid Cabido, autor da novela Unha historia que non vou contar, Premio de ao mellor libro de narrativa 2009 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, pronunciará o pregón de apertura ás 20:00 horas.

Día 2, venres, ás 20:30 horas:
Presentación da novela A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis. Acompaña ao autor a editora Helena Pérez.

Día 3, sábado, ás 19:00 horas: Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros ValadosLúa do Senegal , Premio ao mellor libro Infantil e Xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e o resto da súa obra.

Día 3, sábado, ás 20:30 horas:
Presentación da novela de Suso de Toro, Sete palabras, Premio da Crítica de creación literaria 2010. Conversa co autor o editor Manuel Bragado.

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 7, mércores, ás 20:30 horas:
Presentación da novela O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Premio Lazarillo 2009 de Literatura xuvenil. Acompaña ao autor o ilustrador Ramón Trigo e o  editor Manuel Bragado.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vicente Araguas: “Xuvia-Neda é un libro agridoce”», entrevista de Giráldez

31 Maio 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

José Miguel Giráldez publicou onte en El Correo Gallego dúas páxinas arredor da publicación de Xuvia-Neda o libro de relatos de Vicente Araguas que está provocando un grand eimpacto na sociedade literaria galega. Recollemos o inicio dunha entrevista moi interesante:

Xuvia-Neda, o obxecto principal desta entrevista, é, como dicimos, unha colección de relatos intensos, nos que o humor está moi presente. “Son dous ducias de relatos, e vaia, é certo que se trata do meu territorio fundacional. Neda, de onde son fillo predilecto desde hai un par de anos, algo que me ten marabillado, está sempre presente en min. Non quixen que se notase moito o lirismo, e ademais cos anos crece o escepticismo dentro de nós. Pero Neda sempre é para min o punto de partida. Os relatos, en principio son reais, pero a memoria os transforma. A memoria cámbiao todo, así que haberá cousas máis reais que outras. Pero hai dous relatos absolutamente pegados á realidade. Un deles é o dedicado ao ariete de España, Marcelino, que foi comer fronte á miña casa a un dos meus territorios míticos, o Hispano-Arxentino. E alí reunímonos douscentos rapaces, esperando a que aparecese Marcelino, o heroe do mítico gol a Rusia, que desapareceu rapidamente no seu Volvo, un Volvo que lle regalou o Marqués de Villaverde. Pero bueno, esa é outra historia”. E Araguas, evidentemente, non se detén. A súa conversación é festiva e interminable. “Eu, iso está claro, non son Faulkner. Nin son Onetti. Nin son Joyce. Como ti dis, a miña única vantaxe sobre eses tres grandes bebedores é que eu estou vivo. Eles levan moitas millas de tinta e de alcol por diante de min. Eu sei que ti adoras a Joyce, hai pouco que cadramos na Universidade de Deusto para dedicar unhas palabras ao mestre. Pero en fin, claro, un, non é Joyce. Pero eu fixen como el. Joyce tirou directamente a Dublín, e eu, pois tirei pra Neda. Pra Xuvia-Neda. Sen nada no medio”, remata con brío.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» de Vicente Araguas, crítica de Dolores Martínez Torres

29 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

EXPERIENCIA DA PALABRA

Xuvi-Neda: Un discurso sen fronteiras

“Vexamos, Fandiño, e ti, que estás facendo aquí? Porque temas para unha novela tes de abondo sen saír da casa. Mesmo as túas andanzas servirían para o material literario que andas a buscar”. Os seguidores de Vicente Araguas terán, se cadra, recoñecido esta cita: pertence á súa novela A canción do verán (publicada en 2001), mais tamén podería resumir a esencia dos presentes relatos, nos que o autor, instalado en fondo e forma no seu territorio habitual literario, unha vez máis adopta a voz e préstalle a memoria –ou viceversa– ao personaxe dese Fandiño mozo que, coma el, descobre a vida aos poucos, co paso dos veráns, rodeado de historias nas terras de Xuvia-Neda.

Fiel ao seu estilo particular, no que o marcado ritmo outorga equilibrio á inopinada sintaxe, Araguas conforma un discurso que suxire a espontaneidade da narración oral, pero que, en realidade, reflicte a deconstrucción metódica característica dun nada inocente experimentador da palabra. Aparecen aquí temas e recursos comúns na súa escrita, na que, coma o a u t o r declara, ás veces non hai fronteiras entre poesía e prosa; as voces mestúranse no discurso narrativo, simultanéanse accións en diferentes espazos e tempos –velaí, por exemplo, o relato titulado “Veronal o cinco de agosto, martes”–, e as asociacións de e l eme n to s coas que se constrúen as esceas ceméntanse con liberdade lírica. Mesturadas coas referencias aos clásicos e adornadas con detalles pop atópanse as tradicións máis enxebres –véxanse, a propósito, “Perico en lúas”, ou “Onde estea un acordeón”–; e os endemismos léxicos –peperetada, arruchi, cerillita, forriche e outros tesouros da fala de Trasancos– conviven cos termos cultos e as moi cosmopolitas expresións noutras linguas.

As distintas historias, artelladas arredor dos veráns da infancia e mocidade de Fandiño –ese tempo de melancolía carnal, onde se agardan imposibles–, reviven unha época que abrangue dende o fin da Guerra Civil á actualidade, con referencias a acontecementos da comarca. Os infames paseos de madrugada naquel “Fiat 509, matrícula tres mil e algo da Coruña”; ese tenente que os fuxidos mataron ao baixar do tranvía número 2; a visita de Marcelino, o do famoso gol. Mais tamén as “garzas e garcetas, lavancos e cormoráns” que acoden á ribeira, e as camelias a florecer nas hortas, e os rostros dos antigos amigos que mudan en adultos estraños. En Xuvia-Neda, Fandiño namorou dos ollos verdes de Lady Pepa e bailou con ela. E disque por alí pasea certo esmoleiro que ten unha “orquestra de heterónimos, coma Pessoa, para pedir o caldo no canto de facer poemas”; e que hai unha casa que chora coas cancións tristes, e que a raíña das festas, vella e espida, fala co seu can diante do espello. Dolores Martínez Torres

Crítica de Dolores Martínez Torres publicada en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo o 27 de maio de 2010. A páxina completa onde aparece o texto pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» de Vicente Araguas, recomendación de Perfecto Conde e Xosé Carlos Caneiro

Críticas,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

«El llano en llamas de Vicente Araguas»

Escribe hoxe Xosé Carlos Caneiro sobre a permanencia de Compostela nun artigo que aparece no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia. E, tirando do fío, coloca o seguinte párrafo: “Vén Compostela na memoria, e ignoro o motivo, cando o gozo impulsa a lectura de cada relato do novo libro de Vicente Araguas, Xuvia-Neda, tan ben escrito que un sabe rapidamente que detrás de cada liña está un dos poetas máis excelsos, de porte diccional anglosaxón (enténdanme os que coñecen a Yeats ou Eliot), que deu a nosa literatura”.

E canta razón ten o novelista de Verín. Hai pouquísimos libros de relatos cos que eu me metera na cama sen durmirme dende a primeira ata derradeira páxina. Xuvia-Neda é o último que me produciu ese pracer da lectura. Nas páxinas deste volume hai narracións curtas realmente extraordinarias. Tanto, que había moito tempo que un escritor galego non me regalaba o regusto de lembrarme da primeira vez que lin a Juan Rulfo nas páxinas de El llano en llamas. “Como las vi se las endoso”, escribía daquela o mexicano. E así escribe agora Vicente Araguas.

Anotación de Perfeto Conde publicada no blog Croques o 29 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» de Vicente Araguas, crítica entusiasta de Xulio Valcárcel

24 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Xulio Valcárcel publica na  páxina literaria de Diario de Ferrol unha crítica entusiasta de Xuvia-Neda, o libro máis recente de Vicente Araguas. Valcárcel salienta de inicio a grata lectura dos relatos que compoñen o volume, para destacar despois a sutileza e elegancia coa que foron escritos: «Aragua stece e destece, confíos levísimos, lembranzas, emocións, sentimentos, aduviados con comentarios inxeniosos, cando non abertamente humorísticos, pero mantendo sempre un delicado equilibrio entre o real e o imaxinario, entre o enlevo poético e a melancolía que deita da sabedorái e da experiencia». Tras unha análise moi detallada da estrutura e contido do libro, Valcárcel remata deste xeito: « Araguas avanza decidido e firme no camiño trazado por Agora xa foi e A canción do verán [...], cómpre engadir con non menor mérito que estes relatos o confirman como indispensable en calquera antoloxía e como un fito indiscutible da máis esixente narrativa galega».

O texto completo da crítica de Xulio Valcárcel pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» por José Miguel A. Giráldez

20 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

ARAGUAS NO SEU ETERNO RETORNO MÁXICO

Non coñezo a ninguén tan extraordinario en vivo e en directo. Vicente Araguas é magnífico nas distancias curtas. E este libro, Xuvia-Neda, é precisamente iso: un libro que hai que ler desde a curta distancia, desde o territorio fundacional, desde o lado liminal da experiencia. Acabo de ler este marabilloso libro no que Araguas regresa ao seu paraíso de infancia e adolescencia, aos lugares que lle construíron. É incrible a sensación de proximidade, de felicidade, de verdade, que produce este texto. Esta colección de textos. Xuvia-Neda, que vén de publicar Xerais, é, en efecto, unha longa viaxe á terra, ao territorio, ao ómphalos. É tamén unha longa viaxe á memoria. Araguas, que se acorda de todo, fala aquí das pequenas e grandes cousas da vida, aquelas que realmente pagan a pena. Moitas son anécdotas, divertidas a maioría, episodios en branco e negro de tempos que criamos felices. Episodios da idade da inocencia (ou non tanto). E aquí temos a este outro Araguas que non é o poeta, pero que é quen de escribir nunha lingua que ninguén escribe: xiros locais colocados no sitio exacto, fragmentos de conversacións que el leva na memoria como unha colleita de peces azuis do Atlántico. Un Araguas que nos fai atravesar o tempo con delicada quietude, até levarnos aos días irrepetibles de Portazgo, até un territorio que, como en Mark Twain, e como noutros, é tan realista que se torna máxico. Araguas pode escribir unha frase solemne e unha humorada consecutivamente: é máis, iso é o que de verdade lle gusta. Capaz de escribir unha poesía fermosísima, capaz de traducir como os anxos (lean, por favor, Traballo de campo, do gran Seamus Heaney), Araguas demostra unha vez máis a súa gran capacidade para camuflar o seu humor entre as uvas, ás veces agraces, outras doces, doutro tempo. Araguas está a falar aquí de algo moi persoal. Pero, por encantamento, todo se converte de súpeto en materia colectiva, todos estamos alí, naquel lugar do norte, naquela encrucillada de camiños, naquel mundo imperfectamente perfecto. Alí estamos cos soños pop, co perfume de Brigitte Bardot (“unha BB calquera”), de Massiel, ou de Norma Jean, que latexa en todo o libro como un animal de fondo. Lóxico neste gran amante do juke box, neste poeta que adora a Bob Dylan. Aí está Marcelino, o heroe histórico do fútbol, marcando o gol decisivo a Rusia e, ao tempo, saíndo do Hispano-Arxentino. Hai moito de desacralización da memoria, pero tamén moito de tenrura: non é raro que algúns relatos teñan dedicatoria (incluída unha a José Manuel Rey, e a este lugar do Preguntoiro, ao que Araguas chama “casa común”). Toda a néboa que envolve a memoria daqueles días é como o fume da maxia. Toda esa néboa fai que todo sexa posible, que o paraíso estea detrás de cada esquina. Toda esa néboa é a que fai posible o imposible. Fandiño e Merceditas, e, por suposto, Saladina. Historias de amor. Este é o libro das hortas da infancia, dos trens, das mulleres, das miladies. Froita madura. Como as mazás de ouro que levábamos no peto, agasallo dos deuses. José Miguel A. Giráldez

Texto publicado en El Correo Gallego o 20 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» de Vicente Araguas, recomendado en «Ler e ver»

19 Maio 2010

Narrativa,Noticias,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

Hoxe é 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao poeta Uxío Novoneyra. Moitos artigos hoxe en todo tipo de publicacións sobre el e a súa obra, así que vou celebrar e recordar este día cun comentario sobre un libro en galego, pero non deste autor. O libro titúlase Xuvia-Neda e o autor é Vicente Araguas.

Naceu en Xuvia o 24 de setembro de 1950. É licenciado en Filoloxía inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1968 deu os seus primeiros recitais como cantautor, e nese mesmo ano publica o seu primeiro disco, gravando outro no ano 1970. No ano 1972 marcha a Glasgow a dar clases de español e comeza a escribir os seus primeiros poemas que apareceran no libro Paisaxe de Glasgow. Agora vive en Madrid, exercendo a docencia. Ademais é crítico literario en varias revistas, columnista no Diario de Ferrol e El Correo Gallego. Gracias ao seu traballo neste periódico, na súa sección dominical, recibiu o Premio Reimóndez Portela de xornalismo. Ademais é cofundador do grupo “Voces ceibes”, no ano 1968. Os seus libros son fundamentalmente de poesía e algúns en prosa. Ademais da produción propia traduciu ao galego obras de autores como Stevenson, Seamus Heaney ou James Joyce. Tamén traduciu ao castelán obras de Darío Xoán Cabana, Celso Emilio Ferreiro ou Vinicius de Morais. Das súas obras poéticas podemos mencionar, ademais da citada anteriormente, Poemas pra Ana Andrea (1982), Xuvia (1983), Caleidoscopio (1988) ou Billarda (1999) ou a colección de poesía completa publicada no ano 2005 Maneiras de querer . Obras en prosa como Agora xa foi (2000), A canción do verán (2001) ou esta que vou comentar.

Xuvia-Neda non é exactamente unha novela, é unha breve colección de contos de pouco máis de cen páxinas, editada recentemente pola Editorial Xerais. Está formada por vinte e oito contos moi breves, de non máis de dúas ou tres páxinas, pero son tan breves como intensos. Non lera nunca nada deste autor e a verdade é que me deixou moi gratamente impresionado, non sei se serei capaz de plasmar en palabras as impresións que me produciu, a verdade.
Polo visto na súa produción literaria é fundamentalmente poeta, e iso nótase nestas páxinas. Estamos ante unha prosa moi poética, hai anos que non oía falar de prosa poética, pero este libriño é o máis preto disto que teño lido en moitos anos. A prosa ten unha musicalidade, un ritmo e un ton que se non fóra pola distribución das liñas, dos parágrafos, do texto pensaría que estaba lendo auténtica e completa poesía. E non so por estas cuestións técnicas, senón tamén polo contido, polo que se le, polas historias que nos conta. E ao mesmo tempo podemos relacionalo con outro tipo de escritura, o realismo máxico, de moda hai anos, pero que aquí aparece de xeito claro e marabilloso, movéndose entre a realidade e a fantasía, entre o cotián e os soños, entre a vida real e dura e a que nos gustaría ter. A verdade é que son auténticos poemas en prosa, poemas sobre o erotismo, a melancolía, os perdedores, a tristeza, a memoria, a historia, a saudade, o amor e o desamor…, tantas cousas que non é posible plasmalas aquí todas.

E tampouco podemos dicir que sexan exactamente contos, non teñen un principio e un final moitos deles. Máis que contos son recordos, lembranzas de tempos pasados e presentes, porque o movemento temporal entre uns e outros é constante, algúns transcorren case na actualidade e outros nun pasado máis ou menos recente. Moitos deles son como pinceladas dun cadro que quedou sen rematar, é máis, algúns non chegan nin a iso, senón que son inicios de pincelada de cadros sen rematar ou so levemente iniciados. É como unha luceciña que se acende so uns segundos e que chega para ver unha parte mínima dun recordo, un paso fugaz pola memoria dun tempo pasado. Son case como fotografías, algunhas delas dixitais, con case todo e outras xa deterioradas polo paso do tempo. Fotografías en branco e negro con tantos anos xa que algunhas das cousas que aparecen non se poden recoñecer e so nos quedamos con algunhas cousas da mesma. Como esas fotos que un ve pero en lugar de quedarse co motivo central queda con algo que aparece no fondo ou nunha esquina, algo que un fotografou sen darse conta, sen querer, pero que de repente lle recorda algo que estaba escondido no máis fondo da memoria.

Algúns personaxes aparecen, desaparecen e, de repente, volven aparecer varios relatos despois, como saltos no tempo pero sen que nos conten enteira a súa historia, porque iso non é o importante. O importante son os sentimentos que provocaron, os recordos espallados que temos deles. O Fandiño, que vai saltando de conto en conto, o cura e outros máis que, como o Guadiana, métense no máis fondo da memoria para volver a saír pouco despois. A muller que, espida e acompañada do seu can, na súa casa, en tres páxinas concentra toda a alegría e tristura da súa vida. O disco dos Beatles que en realidade está interpretado pola “Torero Band”, un engano máis que un comete sen darse conta. A tenda bar que todos podemos recordar da nosa infancia, das que hai moitas en cada rincón de Galicia e onde se pode oír o voo das moscas, as procesións, as festas, as discotecas, os baños de principios e finais de verán, os amores non correspondidos…, tal cantidade de cousas concentradas en tan poucas páxinas. Unha marabilla para os sentidos, de verdade, e ademais non é algo baleiro, é algo cheo de contido que non se queda so nun bo e bonito envoltorio.

A verdade é que me sorprendeu moi gratamente, non lera nada antes deste autor, pero penso que algo máis verei, porque avivou cousas nos meus sentidos que estaban algo escondidas.

Déixovos so un par de frases extraidas dalgún dos contos, non elixidas por nada en concreto, porque poderían ser moitas as que poría, pero prefiro deixar estas dúas para que os que sexan afeccionados a este tipo de narrativa poidan descubrir as demais, porque abras por onde abras o libro atoparás moitas.

“…, e agora os limpiaparabrisas son dúas batutas dunha orquestra pantasma”

“A tarde vaise poñendo con maneiras de muller febril, de dona namorada”

“A procesión arrodeaba a igrexa, con xeitos de cóbrega de mazapán”Juan Romero

Texto de Juan Romero Roig publicado no seu blog «Ler e ver» o 17 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» de Vicente Araguas, presentación na Feira do Libro de Ferrol

20 Abril 2010

Narrativa,Noticias,Presentacións

O mércores 21 de abril, ás 20:30 horas terá lugar na Feira do Libro de Ferrol (Cantón de Molins) a presentación de Xuvia-Neda, o libro de relatos do que é autor Vicente Araguas. No acto intervirán Xermán Castro, Nicolás Vidal, Manuel Bragado, o cantante Roger de Flor e o propio autor. Con anterioridade, ás 19:30, Vicente Araguas pronunciará o pregón da primeira das feiras do libro organizados esta primavera e verán pola Federación de Libreiros de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Ferrol

15 Abril 2010

Autores,Conferencia,Gran Merlín,Narrativa,Noticias,Presentacións

Coa Feira do Libro de Ferrol, que se celebrará no Cantón de Molíns entre os días 21 e 25 de abril, coincidindo coa festa do Libro, comeza o ciclo anual de Fieras do Libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais ten preparado unha importante participación en cada unha delas, consciente da importancia de visibilizar na rúa, no contacto coa cidadanía, o libro en lingua galega.

Día 21 mércores

19:30 horas: Pregón a cargo de Vicente Araguas.
20:30 horas: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Xermán Castro, Nicolás Vidal, Manuel Bragado, Vicente Araguas e o cantante Roger de Flor.

Día 24 sábado

19:00 horas: Charla de Rosa Aneiros e sinatura dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO F. CAIXA GALICIA 2009)

19:30 horas: Jorge Llorca asinará exemplares do seu libro O’ Salto do Can.

Día 25 domingo

19:00 horas: Presentación de Ao pé da Laxa da Moa de Antón Cortizas. Intervirán Manuel Bragado e Antón Cortizas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Xuvia-Neda» de Vicente Araguas

10 Marzo 2010

Autores,Narrativa,Noticias

O libro de relatos Xuvia-Neda supón a volta de Vicente Araguas ao eido da Narrativa. O libro chegará a fin de mes ás librarías.

Este libro de relatos está composto dun par de ducias de achegamentos a ese terreo máxico, de puro realista, co que Vicente Araguas asegura manter unha relación carnal. E afellas que a través deste relatorio imos vendo como o erotismo e máis a chamada telúrica van ensamblando un conxunto onde a melancolía dos perdedores canxa coas maneiras nobres de quen miran como as luces do derradeiro tranvía abren paso á ollada riba da memoria, sentimental e histórica. Personaxes neboentos xunto a outros tan certos como Marcelino, saíndo do Hispano-Argentino o verán do gol a Rusia, ou Brigitte Bardot a erguer saudades que se debruzan no río onde unha cucaña dispón un xamón no seu remate. Mentres hai quen se desfai, literalmente, entre das ponlas das árbores e o neno Fandiño en canto de facer caligrafía prefire escoitar unha historia de amor que alá foi no comboio descendente. Un libro que se move entre o real e o pintado, á metade do camiño que vai entre Norma Jean e ese homiño namorado dunha rapaza, suicida que non foi aínda. Un libro que nos fala da froita madura recollida por un autor, agora que é ano hernandino, tan “perico en lúas” como o seu conto homónimo.

Chuzame! A Facebook A Twitter