«Xoa», de Antonio Yáñez Casal, e «A filla do ladrón de bicicletas», de Teresa González Costa, Premios Frei Martín Sarmiento

8 Maio 2012

Infantil,Merlín,Premios

Logo de que Dragal, de Elena Gallego resultase gañadora do Premio VIII Premio Frei Martín Sarmiento nas categorías de 1º e 2º da ESO, dous novos libros de Xerais acaban de ser distinguidos co premio.

Xoa, de Antonio Yáñez Casal, fíxose co galardón na categoría de 3º e 4º de Primaria, e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, fíxose co galardón  na categoría de 5º e 6º e Primaria. Ambos os dous premios foron entregados esta pasada fin de semana no Museo da Cidade da Cultura coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Xoa conta a historia dunha xoaniña. Cando Xoa naceu, houbo festa rachada. Ninguén acordaba outra igual no campeiro. Os seus habitantes bailaron e bailaron ata non poder máis, contentos coma carricantas. E é que había tempo que naquel lugar non viña ao mundo unha xoaniña. Os veciños foron un por un darlle os parabéns á nai, que acoleiraba a Xoa con dozura. Todos coincidiron en que nunca unha xoaniña tan feita e tan garbosa adornara o campeiro, e iso celebrárono rillando nuns pulgóns moi sabedeiros escollidos para a ocasión.

A filla do ladrón de bicicletas conta a historia de Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo. O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa Gonzalez Costa salientando “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. A filla do ladrón de bicicletas foi ilustrada por Jacobo Fernández Serrano e recomendada para lectores de 11 anos en diante.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Finalistas de Xerais na VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento

26 Setembro 2011

Infantil,Noticias,Premios,Xuvenil

Publicamos o listado de libros de Xerais que resultaron finalistas en distintas categorías da VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento. Trátase dun premio que é outorgado a través da votación dos propios estudantes galegos.

2ª CATEGORÍA (3º e 4º de EP):

3ª CATEGORÍA (5º e 6º de EP):

4ª CATEGORÍA (1º e 2º de ESO):

5ª CATEGORÍA (3º e 4º de ESO e Bacharelato):

6ª CATEGORÍA ( adultos):

Presentacións de «Xoa» e «Asasinato no Consello Nacional», hoxe na Feira do Libro de Ferrol

7 Abril 2011

Feiras_do_libro,Presentacións

Esta tarde, no marco da Feira do Libro de Ferrol, serán presentados dous libros de Xerais, coa presenza dos seus autores e do editor Fran Alonso.Ás 19:00h terá lugar a presentación de Xoa, de Antonio Yáñez Casal, unha obra que foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil. Posteriormente, ás 20:00h terá lugar a presentación de Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, recentemente galardoado polos libreiros como Libro do Ano 2010.

Crítica sobre «Xoá», de Antonio Yañez Casal, no blog Trafegando ronseis

1 Marzo 2011

Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

O blog Trafegando ronseis inclúe unha pequena recensión crítica sobre Xoá, de Antonio Yáñez Casal, que reproducimos a continuación:

Publica Xerais este libro de Antonio Yáñez Casal con ilustracións de Rodrigo Chao: Xoa. Non sonson especialista neste tipo de lecturas, de feito non me gusta a manía de etiquetar a contracapa indicando a idade. Non sei se é apto para “a partir de” os 7 anos, como din. O que si sei é que o libro é fermoso. As ilustracións, por suposto, pero o texto… creo que é unha magnífica metáfora da superación persoal, da loita e do esforzo que deberiamos ser quen de enfrontar e que semella que ultimamente esquecemos inculcar ás nosas xeracións máis novas. Gocei coa lectura como creo que poderán gozar os lectores pequerrech@s: unha obra na que os protagonistas son animais é normalmente do agrado destes. Pero neste caso temos o paso e a transformación dun bechiño que acabará por se converter nunha desas fermosas xoaniñas que tanto nos gustan ver, coller e botar a voar -inda que hai poucas-. Un contido moi acertado e moi axeitado, unha boa maneira de explicar os cambios que sofren este tipo de animais e unha boa metáfora da vida. Todos os elementos necesarios para estar ante un bo libro infantil.
E é que madurar non é fácil… sexa no reino que sexa.

Crítica de María Navarro sobre «Xoa», de Antonio Yáñez Casal

11 Febreiro 2011

Infantil,Merlín

O Faro da Cultura (Faro de Vigo) publicou onte unha recensión crítica de María Navarro sobre Xoa, de Antonio Yáñez Casal, que reproducimos integramente:

Ingredientes atractivos

Con boa cadencia narrativa

Os cambios supoñen a miúdo unha crise que non sempre resulta doado asimilar, toda ruptura co setado anterior leva asociada unha modificación ou alteración,ás veces, difícil de encaixar.
O nome da protagonista, Xoa,convértese no título do conto que Antonio Yáñez Casal vén de publicar e que fará as delicias do lector novo, porque na historia se combinan ingredientes atractivos para os pequenos: deste xeito, os protagonistas pertencen ao reino animal e o decorrer dos acontecementos demanda a complementarieda de / complicidade do lector para resolver enigmas que lle permitirán á Xoaniña ir acadando aspecto de membro adulto.Se a isto sumamos a cadencia na narración e unha forma clara e sinxela de contar a través dunha linguaxe coidada o resultado cáseque ten o éxito asegurado.
Quere a ficción literaria que a coccinella septempunctata teña, despois da eclosión inicial, que desenvolver o proceso dunha metamorfose completa;primeiro en larva, logo en pupa e finalmente en imago superando sete probas en cada unha das cales obterá o punto característico que cobren os élitros do coleóptero. Para levar a cabo tal empresa emprega Xoa os recursos dos que dispón; consellos da nai, ensinanzas dos habitantes do campeiro…e moito, moito enxeño.E como soe suceder nestes casos o resultado final é unha inmensa satisfacción polo traballo ben feito que ten a súa recompensa no punto que tras cada solución lle marcan no corpo.
Trátase dunha historia ben sinxela que ben pode ser considerada unha metáfora da vida; un percorrido cara a adiante no que día tras día imos superando  probas e/ou retrocendo pasos.

María Navarro

Recensión de Ramón Nicolás sobre «Xoa», de Antonio Yáñez Casal

28 Xaneiro 2011

Infantil,Merlín

O crítico Ramón Nicolás publicou unha pequena recensión en La Voz de Galicia sobre Xoa, de Antonio Yañez Casal, que reproducimos:

Os sete puntos da xoaniña

Finalista na última edición do Premio Merlín, Antonio Yáñez –quen conta cunha ampla experiencia na narrativa para primeiros lectores- ofrece un cumprido e imaxinativo volume que se acobilla á clásica fórmula da fábula, por extensión tamén á dunha alegoría.

Nel transítase pola vida dunha xoaniña que, na súa descuberta do mundo, asumirá un inevitable percorrido de aprendizaxe, someténdose a unhas probas que a abocarán ao mundo dos adultos e que lle permitirán ao animaliño diminuto obter, se consegue superalas aplicando máis a intelixencia e o enxeño que a forza, eses sete máxicos puntos escuros dos seus élitros.

Ramón Nicolás

«A filla do ladrón de bicicletas», «Xoa» e a «Guía ilustrada da Galicia invisible»: as novidades infantís de Xerais

15 Novembro 2010

Artigos literarios,Infantil

Romina Bal publicou onte no suplemento Lecer do Galicia Hoxe un artigo literario sobre tres das últimas novidades de Xerais destinadas especialmente aos lectores infantís: o Premio Merlín 2010, gañado por Teresa González Costa con A filla do ladrón de bicicletas, Xoa, de Antonio Yañez Casal e a Guía ilustrada da Galicia invisible, de Antonio Reigosa.

Reproducimos o texto do artigo:

Non irás en bicicleta costa abaixo se te deixas aconsellar polas propostas desta senlleira editorial galega, máis ben terás que pórlle freos á túa imaxinación. Son insondables lecturas que te levarán a unha terra fértil e a un mundo máxico irrepetible. Bota man do lapis e anota porque chega A filla do ladrón de bicicletas, Xoa e Guía ilustrada da Galicia invisible.

Hoxe presentamos as novidades de Xerais que inclúen o agardado Premio Merlín de literatura infantil creado alá polo 1986 coa intención de fomentar a creación literaria destinada especificamente ao público infantil. Entre as vinte e cinco obras presentadas a aquela primeira edición resultou gañadora a presentada pola escritora Úrsula Heinze baixo o título A casa abandonada.

Esta edición foi parar á escritora nada no Grove Teresa González Costa coa obra A filla do ladrón de bicicletas ilustrada por Jacobo Fernández Socorro. Esta noveliña conta a historia de Serafina, que é filla dun ladrón de bicicletas e que vive coa súa tía, dona Perfecta, nunha vila mariñeira. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar, e cara a iso van enfocados todos os seus esforzos, aos que non serán alleos nin a axuda do vello Elías nin as dificultades que lle ocasionan a panda de Martiño o Bravo. O xurado da XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil outorgou o seu recoñecemento a esta primeira novela de Teresa González Costa salientando “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. A filla do ladrón de bicicletas está recomendado para lectores de 11 anos en diante.

A segunda proposta que nos presenta esta senlleira das editoriais galegas é Xoa, de Antonio Yáñez Casal que conta coas impresionantes ilustracións cheas de vida de Rodrigo Chao e que conseguiu ser finalista do Merlín do 2009. Unha noveliña para lectores de 7 anos en diante que conta a historia de Xoa. Cando Xoa naceu, houbo festa rachada. Ninguén acordaba outra igual no campeiro. Os seus habitantes bailaron e bailaron ata non poder máis, contentos coma carricantas. E é que había tempo que naquel lugar non viña ao mundo unha xoaniña. Os veciños foron un por un darlle os parabéns á nai, que acoleiraba a Xoa con duzura. Todos coincidiron en que nunca unha xoaniña tan feita e tan garbosa adornara o campeiro, e iso celebrárono rillando nuns pulgóns moi saborosos.Todo un mundo que explorar para esta pequena bechiña que terá que completar sete probas sorteando atrancos que a levarán á madurez.
Por último temos que falar dunha xoia, unha edición que contén tradición e agarimo, trátase da

Guía Ilustrada da Galicia Invisible, que agocha no seu interior reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar.

Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, ábrense as galerías, franquéanse e ilumínanse os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navégase polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, e o autor Antonio Reigosa guíanos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio.
Unha guía que fai visible o invisible.
Así podemos ler sobre Antioquía e como os paxaros da Limia berraban Que se funde! ou sobre o camiño soterrado que vai a Santo André de Teixido, ou de como medrou o mar cando todos durmían na cidade que había en Louro..

Algo máxico para ter na casa para grandes e para pequenos, ilustrada por Noemí López desde a súa singular perspectiva que todo o enche, que nos axudará a conservar ou a recuperar o noso, o noso fantástico herdado e moitas veces esquecido imaxinario popular galego.

Romina Bal