«Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela. Ese galeguismo difícil; crítica de Vicente Araguas

22 Maio 2012

Biografía,Críticas,Letras_galegas

Vicente Araguas publicou unha recensión crítica sobre Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela., nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa  e La Región. O artigo pódese descargar, completo, en pdf.

 

Paz Andrade: ese galeguismo difícil

Outras consideracións á parte (…) penso que a meirande característica do noso home do Día das Letras deste ano é a súa galeguidade filantrópica. Isto é: o prepresentar un galeguismo que, dotado de dispoñibilidade económica, faga desta causa e razón coa que manter institucións de toda caste nas que Galicia teña unha maneira autonómica (e non falo das autonomías descafeinadas de hoxe) de mirarrse. Algo así como o PG de  antes da guerra. Ou cal, hoxe, Convergenicia i Unió ou o PNV. (…)

Polo demais, a biografía de Paz Andrade, manexo varias estes días, hoxe teño diante miña unha espléndida de Charo Portela Yáñez, quen tivo a sorte de tratar moi de perto a Isaac Díaz Pardo, o noso Giangiacomo Feltrinelli (…), que desenguedella a figura humana e intelectual de Paz Andrade. Coa axuda dunha batería fotográfica (reprodución de libros, revistas, caricaturas icluída) moi chamativa. A través dela sabemos deste home dunha longa vida (de 1898 a 1987), desenrolada no medio dun país violento e, ás veces, autodestructivo.

(…)

Ler o artigo completo.

 

Paz Andrade, un exemplo de galeguismo progresista. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela

21 Maio 2012

Biografía,Críticas,Letras_galegas

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica unha recensión en Galicia Confidencial sobre Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela.

 

Exemplo de galeguismo progresista

Valentín Paz Andrade foi, ademais de escritor, xornalista, empresario, economista e, sobre todo, comprometido co país. Iso é alomenos o que conta Manuel Rodríguez Alonso na súa crítica literaria desta semana.

O pensamento neoconservador, do que é bo exemplo a ideoloxía do PP agora no goberno de España e de Galicia, tenta presentar o galeguismo ou incluso o propio galego como algo atrasado, que non está de acordo cos tempos actuais e que equivale a ruralismo ou mesmo a un idealismo edénico de escritores e intelectuais utópicos e pouco realistas, así como desprezadores do progreso e mais do desenvolvemento económico. Ese é, por exemplo, o espírito que anima o chamado coloquialmente Decreto de plurilingüismo. A biografía de Paz Andrade, que hoxe comentamos aquí, é o mellor desmentido para esta versión falsa, interesada e túzara do galeguismo.
Esa interpetación negativa do galeguismo só é produto da incultura e do que Manuel Rivas chamou acertadamente tuzarismo. Por iso, cremos que é un acerto que este Día das Letras se dedicase á figura de Valentín Paz Andrade. Quen queira achegarse ao que supuxo a figura de Paz Andrade na literatura galega, mais tamén na historia moderna de Galicia, debe ler a biografía que do homenaxeado deste ano publica Charo Portela e comentamos hoxe, porque Paz Andrade non só foi un escritor, senón tamén un gran xornalista, así como empresario e economista e todo iso sen esquecer nunca o seu galeguismo, que lles dá sentido a unha vida e obra que, como ben sinalou, o meu vello mestre do instituto vigués Santa Irene Méndez Ferrín –ese si que foi un verdadeiro profesor e non os Moreno, Bobes, García e compañía que soportamos despois en Compostela- é o grande manifesto político e económico do nacionalismo progresista.
A biógrafa estuda acertadamente o período de formación de Paz Andrade, en Pontevedra e mais na universidade compostelá, coa tutela do seu tío e poeta Xoán Bautista Andrade e tamén co maxisterio directo de Losada Diéguez ou o propio Castelao, na Pontevedra dos primeiros vinte anos do século XX. Tras a experiencia da guerra de África, Paz Andrade dirixirá ese mito do xornalismo galego que foi o diario Galicia. A autora tamén reflicte o papel representado na política e no galeguismo por Paz Andrade nos anos da República. Sinala así mesmo nesta etapa o vencellamento do homenaxeado co mundo da pesca e da economía, que culminará non só coa dirección da revista Industrias Pesqueras (a partir de 1942), senón coa fundación de Pescanova (1960).
O proxecto vital de Paz Andrade, como o de tantos galeguistas e demócratas, vese crebado polo franquismo e sufrirá tres desterros, nun dos cales comezará a súa traxectoria como poeta. Mais na posguerra a autora describe axeitadamente como Paz Andrade se converte nun grande especialista en temas pesqueiros e no notable economista de Galicia como tarea ou La marginación de Galicia. Do mesmo xeito salienta a produción literaria do biografiado con obras rechamantes como o Pranto Matricial (1955), elexía a Castelao, ou con ese grande ensaio que é Castelao na luz e na sombra (1982). Por último, destaca o papel representado por Paz Andrade no posfranquismo como membro da Comisión dos Dez que, entre outras cousas, conseguirá que Galicia sexa considerada nacionalidade histórica, como Cataluña ou o País Vasco. Como colofón dálle o espazo debido á participación como orador de Paz Andrade na célebre manifestación do 4 de decembro de 1977 en Vigo a prol da autonomía.
Mais o gran mérito do libro é que a autora consegue incardinar a vida e os feitos de Paz no devir histórico e cultural de Galicia desde o ano do nacemento do escritor, o mítico 1898. Paz Andrade participou en grandes actos da nosa historia: a Celebración do Día de Galicia de 1930 no Teatro García Barbón vigués; colaborou estreitamente con Castelao na preguerra; foi un dos fundadores de Pescanova nos sesenta; como economista subliñou a marxinación de Galicia nos tempos do desarrollismo ; no eido cultural, ademais da súa produción poética e ensaística, tendeu lazos co exilio americano.
Segundo o lector vai avanzando nesa peripecia vital do homenaxeado deste ano no Día das Letras, revive a historia de Galicia desde o 98 ata o 19 de maio de 1987, ano en que falece Paz Andrade. As referencias a estes feitos históricos e culturais actúan sobre este lector como un aguillón para lembrar, se é unha persoa con certa formación galeguista, ou, no caso de non o ser, para informarse máis sobre eses eventos fundamentais na historia de Galicia.
Acerta a autora ao darnos a imaxe dun intelectual e economista galeguista, mais, como subliñabamos máis arriba, de talante claramente progresista. Fronte aos que ven o galeguismo e o galego como algo propio do pasado e mesmo localista e isolacionista, Paz defende un capitalismo moderno no que Galicia aproveita os seus recursos e non se deixa explotar polo capitalismo estatal ou de fóra. Desenvolve empresas que marcan un fito nos adiantos tecnolóxicos, como é o caso de Pescanova.
Cómpre así mesmo que non esquezamos as súas consideracións sobre o galego. Pola súa actividade como técnico da pesca, Paz Andrade tivo que viaxar por zonas de África do Sur, das antigas colonias portuguesas e tamén do Brasil. Alí decatouse de que o galego non era unha lingua pequena e illada, senón unha lingua universal, pois co seu galego entendía perfectamente os que falaban portugués en África ou tamén no Brasil.
Por iso, fronte ao isolacionismo en relación co portugués, defendido nos primeiros oitenta polos normativizadores do galego do ILG, propón non romper a primitiva relación co portugués e recuperar a unidade galego-portuguesa medieval, aínda que dun xeito realista e sen caer nun reintegracionismo que puider ser pouco efectivo. Esta postura seica, como sinala a autora, lle causou certa desconfianza por parte dos membros da Academia no remate dos setenta e nos primeiros oitenta. Foi mágoa que na normativización e normalización do galego non se tivesen en conta opinións coma estas de Paz Andrade e que todo se deixase nas mans dos filólogos do ILGa, pois como dixo alguén a propósito da guerra (a guerra era demasiado seria para deixala só nas mans dos militares), podemos dicir que a lingua é unha cousa demasiado seria para deixala só nas mans dos filólogos. E sobre todo se os filólogos se formaron na Escola Lingüística Española e españolista dos Pidal, Dámaso Alonso, Alvar, Consello de Investigaciones Científicas…, que adoitan considerar só o galego como unha lingua dialectal e lírica e sen tradición literaria.
En fin, no referente á obra literaria a autora analiza ben e valora a poesía e o ensaio de Paz Andrade e o espazo dedicado a este tema resulta suxestivo e move á lectura do homenaxeado, que os non profesionais da literatura poden comezar polo Pranto Matricial, continuar con algúns artigos sobre a marxinación económica de Galicia e, se gustan da historia, co maxistral ensaio sobre Castelao Castelao na luz e na sombra, que Valentín publicou hai agora trinta anos, no 82 e que acaba de reeditarse estes días.
É de salientar así mesmo a importancia dada pola autora á correspondencia de Paz Andrade e o coidado apéndice bibliográfico. Despois de ler este libro sobre Paz Andrade, xa non cabe, como fai o tuzarismo, considerar o galeguismo como unha cousa de intelectuais atrasados, localistas, enraizados no rural ou alleos á civilización moderna, senón como un movemento onde a arela de progreso e universalidade son valores supremos, sen por iso perder a identidade galega. E iso nestes tempos de globalización vale un mundo.
Para rematarmos, só nos queda engadir que se alguén quere acceder á figura de Paz Andrade dun xeito máis sinxelo e mesmo con antoloxía dos seus textos pode acudir a outras obras editadas nestes días como o volume que a mesma autora, Charo Portela, publicou na colección Merlín, tamén de Xerais, ou aos dous volumes tamén sobre Paz Andrade (biografía e antoloxía) que Xan Carballa deu ao prelo en Galaxia.

«Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela. Para achegarse á figura do homenaxeado no 2012. Crítica de Armando Requeixo

7 Maio 2012

Biografía,Letras_galegas

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela.

 

Para ler a Paz Andrade

 

Agora que vai achegándose, paseniño, o Día das Letras Galegas, non estará de máis recomendar unha competente monografía na que informarse da vida, obra e milagres dese personaxe singular que Valentín Paz Andrade foi e a quen dedicamos este ano a honra da efeméride.

Ensaísta, periodista fundador de históricas cabeceiras, poeta de estro errático e empresario de éxito, Paz Andrade é un deses nomes sen os cales non pode comprenderse na súa integridade a historia do galeguismo cultural, político e socioeconómico do pasado século.

Por iso mesmo é tan de agradecer que a investigadora Charo Portela Yáñez puxera por xunto o seu saber sobre o autor no volume Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que ve luz na indispensable colección Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia.

Non é esta a primeira vez que Portela Yáñez se achega á figura do pontevedrés e iso nótase. Lonxe deses libros de encarga para a ocasión, a que fora subdirectora de Ediciós do Castro amosa aquí o seu fondo coñecemento da biobibliografía do escritor, atesourado ao longo de anos de trato directo cos que foron os seus amigos máis próximos e, tamén si, coa súa familia e o seu arquivo documental.

O resultado de frecuentar por tanto tempo os textos e contextos do homenaxeado é un estudo que ofrece unha condensada pero exhaustiva biografía deste —que ten as súas raíces nunha obra anterior de Portela Yáñez, Valentín Paz Andrade, editada por Ir Indo hai xa catorce anos—, á que se amece unha completa panorámica da súa obra literaria (poesía e ensaio literario), xornalística (en cabeceiras como Galicia. Diario de Vigo, Industrias Pesqueras e outras), de ensaio económico e do sector pesqueiro e mais da escrita epistolar.

Quero salientar aquí unha virtude para min capital do traballo de Portela Yáñez: o seu rigor informativo e documental, que antepón a calquera tentación de nesgadas valoracións apreciativas. Neste sentido, a súa profesionalidade amósase exquisita ao falar da roma poesía de Paz Andrade, lucidísimo ensaísta, decisivo activo no eido periodístico e do tecido infraestrutural do país, pero que se amosou como un versificador ben discreto, por máis que a cita de certas voces amigas e prologuistas das súas obras por parte de Portela Yáñez adornen de consideracións abondo xenerosas unha poética meridiana.

O volume remata coa mellor das bibliografías de e sobre Paz Andrade que coñezo. Nela, o lectorado interesado atopará cumprida referencia non só dos libros escritos polo de Pontevedra, senón que tamén saberá da nómina detallada de limiares que asinou, de escolmas nas que foi antologado e de ensaios, colaboracións, discursos e artigos en revistas e xornais por el publicados. Así mesmo, tamén poderá informarse dos libros, homenaxes, entrevistas, artigos e recensións que suscitou a súa traxectoria.

Por remate, resístome a non chamar aquí a atención sobre outra agradecida achega deste moi interesante Valentín Paz Andrade. Vida e obra: a non pequena cantidade de instantáneas, caricaturas, documentos e outros materiais que son reproducidos fotograficamente no libro, o que fai del un volume se cabe aínda máis atractivo para estudosos e curiosos, que poderán completar o discurso analítico sobre a figura homenaxeada acudindo a estas oportunas engádegas gráficas, nalgúns casos coido que inéditas ou, en todo caso, moi pouco divulgadas.

Merecidos parabéns, por tanto, para Charo Portela Yáñez, quen nesta obra nos fai máis próxima e admirable a peripecia dun intelectual que por riba de todo amou a súa Terra e a Cultura que lle deu o sangue.

Armando Requeixo

Valentín Paz Andrade, en versión para nenos e en versión para adolescentes, da man de Charo Portela

3 Maio 2012

Biografía,Letras_galegas

La Voz de Galicia dá conta hoxe dunha información sobre as dúas biografías sobre Valentín Paz-Andrade que Charo Portela publicou en Xerais, unha para público infantil (Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía), e a outra para adultos e lectores de ensino secundario (Valentín Paz Andrade. Vida e obra).

 

Charo Portela publica unha biografía e unha obra xuvenil do protagonista do Día das Letras

«Este libro explica e mostra a vida e a obra dun home que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén desde a utopía, traballou arreo tendo sempre a Galicia como tarefa». Isto indican desde a editorial Xerais sobre o libro titulado Valentín Paz-Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez (Pontevedra, 1963). Este volume «pretende ofrecer un amplo percorrido pola vida do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas e pola súa inmensa obra».

Mentres dita publicación está pensada para un público adulto, a mesma editorial acaba de publicar dentro do seu selo Merlín, destinado ao público infantil e xuvenil, outro texto da mesma autora.

Este volume conta coas ilustracións de Jaime Asensi Cabirta e relata a vida e obra deste «avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista son presentadas por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía», indican os editores.

Tirando de Galicia. Crítica de Ramón Nicolás sobre «Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela

2 Maio 2012

Biografía,Críticas,Letras_galegas

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela.

 

Memoria e actualidade de Paz Andrade

Miguel Anxo Fernán Vello, nunhas reflexións que precedían uns apuntamentos biográficos sobre Xosé Manuel Beiras e que subscribía nun libro-homenaxe publicado hai pouco tempo por Galaxia, subliñaba a validez dunhas palabras da escritora arxentina Graciela Scheines, que me parecen moi acaídas para este traballo que hoxe me ocupa e que definían a biografía como “un mapa que serve para orientar os pasos, para saber de onde vimos e cara a onde imos, para vermos simultaneamente o presente, o pasado e talvez o futuro […], e todo isto de par das liñas de forza da historia, os obstáculos e as encrucilladas”. Reflexións todas elas, ao meu ver, pefectamente aplicables a esta rigorosa cartografía biográfica e literaria titulada Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que Charo Portela acaba de publicar en Edicións Xerais de Galicia.

         Nunha mesa redonda celebrada na cidade de Vigo en que participaron os máis dos biógrafos de Paz Andrade, a autora deste ensaio referíase á relevancia que lle outorgaba á consulta, entre outra moita documentación, do epistolario conservado de Valentín Paz-Andrade e o que esa “revelación” supuxo para a redacción deste traballo. Comparto con ela esta visión que lle concede unha importancia esencial a esta fonte singular de datos pois aí repousan boa parte das liñas principais de actuación e de pensamento de toda unha vida, sexa de quen for; aí se conservan, estantías e tan significativas, as palabras e as vivencias que rescatan un tempo e que, por suposto, en alguén como Portela que consultou e ordenou no seu día boa parte do epistolario do autor pontevedrés é un elemento distintivo que se advirte moi ás claras ao pouco de se internar por estas páxinas.

         Portela opta, así pois, por seguir un esquema a través do que afonda, en primeiro lugar, nos socalcos máis estritamente biográficos que van das orixes pontevedresas até os derradeiros días, revisando con vagar, exhumando moitos datos e vivencias, interpretando e valorando a súa andaina persoal nos ámbitos vital, cultural, político e empresarial. A continuación pásase a analizar, con detemento, a obra literaria galega que vai desde o Pranto Matricial ou a Sementeira do vento até o seu célebre Castelao na luz e na sombra, sen esquecer prestarlle a atención precisa a outros estudos histórico-literarios menos coñecidos ou divulgados. Unha completa visión analítica sobre o seu relevante labor xornalístico, verbo do ensaio económico e daquel que se detivo nas posibilidades do sector pesqueiro desembocan nunhas atinadas reflexións arredor do epistolario conservado, engadindo finalmente unha ampla e  útil bibliografía arredor do autor.

         Na conclusión desta entrega ensaística Portela afirmaba que pretendeu explicar e amosar os fíos e as cordas dun trasmallo que era o dun home “que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén dende a utopía, traballou arreo tendo sempre a Galiza como tarefa”. Engadiría eu que, afortunadamente, misión cumprida e con creces.

Ramón Nicolás

Novidade: «Valentín Paz Andrade. Vida e obra», de Charo Portela

12 Abril 2012

Letras_galegas,Novidades

Estes días está a chegar ás librerías Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela, un interesantísmo achegamento biográfico á vida de Valentín Paz Andrade.

Valentín Paz Andrade. Vida e obra pretende ofrecer un amplo percorrido pola vida do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2012 e pola súa inmensa obra. Xornalista e poeta, home de leis e político, economista, empresario, e persoa vencellada á política galeguista, Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1899 – Vigo, 1987) foi un loitador incansable cunha única tarefa: servir a Galicia desde todos os campos que abarcou o seu saber e o seu facer. A súa traxectoria vital foi de tal fondura que se converteu nun home clave na historia do século XX en Galicia e, segundo vai pasando o tempo, vemos medrar a súa verdadeira dimensión humana. Este libro explica e mostra a vida e a obra dun home que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén desde a utopía, traballou arreo tendo sempre Galicia como tarefa.

 

Martes 10, en Vigo: Mesa redonda sobre «Valentín Paz Andrade. Tres biografías e unha longa entrevista»

9 Abril 2012

Letras_galegas,Mesa Redonda,Noticias

Mañá martes 10 de abril celebrarase na Casa Galega da Cultura, en Vigo, unha mesa redonda arredor das biografías publicadas sobre Valentín Paz Andrade. Charo Portela estará presente coas dúas biografías da súa autoría publicadas en Xerais: Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, publicada na colección Merlín e dirixida ao público infantil; e Valentín Paz Andrade. Vida e obra, publicada na colección Letras Galegas. Canda ela estarán tamén os biógrafos e xornalistas Tucho Calvo e Xan Carballa. A mesa redonda estará presentada e coordinada por Miguel Anxo Seixas Seoane.