Vídeo sobre «Valados», unha obra de teatro de Artestudio baseada no libro homónimo de Agustín Fernández Paz

24 Maio 2011

Teatro,Vídeos

Reproducimos o vídeo de Valados, unha obra de teatro de Artestudio baseada no libro homónimo de Agustín Fernández Paz.

Esta é a historia de Helena e Xoel. Da súa fermosa amistade e da súa vila, chea de vida ata que un vento fantasmagórico lle rouba a ledicia e o amor e aproveita as deliciosas diferenzas entre as persoas para convertilas en prexuízos: o medo ao diferente, a desconfianza no veciño…
Prexuízos adultos suficientes para erguer un VALADO que parte a cidade en dous, deixando a Helena a un lado e a Xoel ao outro.
A rebeldía, o inxenio e o amor que os unen serán as ferramentas para crear artimañas de comunicación e seguir así xuntos aínda que separados.
Un espectáculo no que a través da música, a máis grande das artes, a danza, a máis efémera, e o teatro, a máis directa, lanzamos ao ceo un papaventos cunha mensaxe de reflexión, esperanza e insurrección.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Feira do Libro de Vigo, actos de Xerais na primeira fin de semana

1 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Presentacións,Xuvenil

Mañá, venres, 2 de xullo, inaugúrase a Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na praza de Compostela, co pregón que pronunciará ás 20:00 horas o escritor Cid Cabido, autor d’ Unha historia que non vou contar, Premio ao mellor libro de Narrativa do ano 2009 da Asociación de Escrtiores en Lingua Galega. A continuación, ás 20:30 horas, realizarase a presentación do libro A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis, na que o autor estará acompañado pola editora Helena Pérez.

A causa da coincidencia no espazo da Alameda da Feira do Libro coa proxección en pantalla xigante dos partidos nos que participa a selección española, os organizadores da Feira víronse na lamentable obriga de modificar o programa de actos previstos do serán do sábado, 3 de xullo. No que afecta aos relativos a Xerais quedan do seguinte xeito:

Ás 19:00 horas, Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros Valados e Lúa do Senegal, Premio ao mellor libro infantil e xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega e do resto da súa obra.

A dirección de Xerais pide desculpas aos lectores e lectoras polos prexuízos que poida ocasionar esta modificación sobre o programa anunciado e lamenta a decisión das autoridades municipais de ubicar na Praza de Compostela un actividade lúdica que impide o normal funcionamento dunha convocatoria anual que se vén realizando nese mesmo espazo dende hai máis de tres décadas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Vigo

22 Xuño 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

Xerais adianta a relación das presentacións que ten previsto realizar na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Praza de Compostela do 2 ao 11 de xullo. A estes actos engadiranse diversas asinaturas de autores e autoras que anunciaremos nos vindeiros días.

Día 2 venres:
Cid Cabido, autor da novela Unha historia que non vou contar, Premio de ao mellor libro de narrativa 2009 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, pronunciará o pregón de apertura ás 20:00 horas.

Día 2, venres, ás 20:30 horas:
Presentación da novela A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis. Acompaña ao autor a editora Helena Pérez.

Día 3, sábado, ás 19:00 horas: Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros ValadosLúa do Senegal , Premio ao mellor libro Infantil e Xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e o resto da súa obra.

Día 3, sábado, ás 20:30 horas:
Presentación da novela de Suso de Toro, Sete palabras, Premio da Crítica de creación literaria 2010. Conversa co autor o editor Manuel Bragado.

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 7, mércores, ás 20:30 horas:
Presentación da novela O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Premio Lazarillo 2009 de Literatura xuvenil. Acompaña ao autor o ilustrador Ramón Trigo e o  editor Manuel Bragado.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Blanca Roig escribe sobre «Lúa do Senegal» de Agustín Fernández Paz

29 Abril 2010

Críticas,Sopa de Libros,Xerais_nos_medios

Blanca Ana Roig Rechou, profesora da USC, inaugura en El Correo Gallego a súa sección sobre Literatura Infantil e Xuvenil cun formidable artigo sobre Lúa do Senegal, a novela de Agustín Fernández Paz, recentemente gañadora do Premio AELG 2010 ao mellor libro infantil e xuvenil de 2010. Reproducimos o texto polo seu interese:

INMIGRACIÓN/EMIGRACIÓN E IDENTIDADE

É de xustiza iniciar esta sección visualizando unha obra de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) un clásico contemporáneo da LIX e autor dunha ampla listaxe de títulos gozosos.

Este vilalbés nunca deixa de sorprendernos con propostas innovadoras, tanto temáticas coma formais, transmisoras dunha poética moi persoal, inconfundible. No ano que acaba de rematar, publicou tres títulos: Valados e A dama da luz nos que reflexiona sobre a amizade, solidariedade, odio, xenreira, fraternidade, igualdade, liberdade, elementos identitarios… e Lúa do Senegal (Xerais) na que se achega, coa axuda das ilustracións de María Seoane, cruamente pero con sensibilidade, afectividade e calidade literaria, á emigración/inmigración, dependendo do lado desde o que se mire o ter que abandonar, por circunstancias varias, non por elección, a contorna xeográfica de nacencia e a identidade, para se incorporar a unha nova.

Para escribir esta obra o autor documéntase en profundidade e faino ver a través dos textos que acompañan a historia que se conta, é dicir de peritextos nos que dá noticia das fontes consultadas, das causas do nacemento da obra e do vocabulario de termos do wolof, a lingua maioritaria do Senegal. Ademais, nas dedicatorias fai chiscadelas sobre a historia que se vai contar con ecos rosalianos e outros debidos a creadores de dentro e fóra de Galicia. O tempo do discurso comeza cos preparativos de Khoedi, a nena protagonista, da nai e da irmá pequena, para deixar a súa casa do Senegal e vir a Vigo, nun mes de xuño, para se reunir co seu pai que xa leva anos emigrado. Descóbrese que o pai chegou en patera, non a París como pensaban senón a Vigo, onde, por fortuna, puido alugar unha casa e reclamar a familia para iniciar unha nova vida cargada de nostalxia e sufrimento pero cunha clara intención de se implicar na sociedade de acollida, sen renunciar á súa identidade e procurando axudar aos que, coma eles, chegan a un país alleo en busca de traballo.

Khoedi, en once capítulos, cargados de simbolismo, fala coa Lúa, elemento natural que a une ao Senegal, e vaille contando os seus problemas de adaptación, recordos da súa aldea, da avoa Feriane, dos contos que lle contaba e que ela agora actualiza segundo as necesidades do momento, ao mesmo tempo que se transmiten, en catro capítulos, os gustos literarios e vitais, os medos diante do rexeitamento que percibe, e isto antes de comezar o colexio no mes de setembro. Tamén se fala nos capítulos restantes da forza que se lle transmite para saiba vivir sen renunciar á súa identidade e dándolle azos para se adaptar e se converter en transmisora da identidade propia facéndoa madurar coa forza precisa, coma a do baobab, para con esperanza, crear un futuro máis xusto.

Recórdase explicitamente a emigración galega noutros tempos. Merece ser lida, non decepciona senón que fai recordar a importancia que ten o imaxinario socio-cultural propio pero tamén como é preciso incorporarse e comprender ao outro para convivir en paz. blanca. Ana Roig Rechou

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Valados na pel» por Lupe Gómez

12 Marzo 2010

Críticas,Merlín,Xerais_nos_medios

Inventamos valados que nos separan dos demais, ou levamos eses muros escritos e debuxados na pel. O escritor galego Agustín Fernández Paz conta moi ben unha historia de separacións dolorosas no seu libro Valados, publicado pola editorial Xerais. A man sincera e honesta do autor vaise pousando neste conto como se fose unha folerpiña de neve. O seu libro resulta moi entretido, moi animado. Conta con ilustracións divertidas e ensoñadoras de Xan López Domínguez. Un neno e unha nena son moi amigos e quérense moito, pero na súa amizade érguense valados que son como pantasmas. Eles seguen queréndose e buscándose para estar xuntos, xogar e escribir en avións de papel. Teñen un refuxio nunha árbore alta.

En Galicia estanse creando valados entre a xente por culpa dos políticos. Falar unha lingua tamén é un manifesto político. Amar ao galego é a raíz oculta que nos fai ser como somos, vivir como vivimos. Unha cultura nace, vive e medra con moitísimo esforzo e moitísimas dificultades. Se os políticos non apoian a nosa lingua, xorden guerras e valados. No conto de Agustín Fernández Paz, o neno e a nena que se querían tanto, tentan superar eses muros infranqueables para seguir queréndose e comunicándose. A identidade galega non se pode destruír porque, aínda que é algo moi delicado, tamén é unha muralla forte. Os valados están na pel, nos ollos, nas ideas, na ignorancia, na desigualdade. Helena e Xoel “xogaron a deixarse caer a rolos polo prado abaixo, cazaron grilos, tombáronse na herba para veren pasar as nubes por riba das súas cabezas e adiviñar as formas que tomaban… Xogaron como se nada raro ocorrese, coa mesma alegría e entusiasmo que calquera outro día”. Lupe Gómez

Extracto do texto de Lupe Gómez publicado, baixo o título «O funambulista coxo», en «Lecer» suplemento de El Correo Gallego o 31 de xaneiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Valados», crítica de Mª Jesús Fernández en «Clij»

Críticas,Merlín,Xerais_nos_medios

Valados, Agustín Fernández Paz

Helena e Xoel son dous nenos unidos por unha gran amizade. Non só comparten as horas de clase no colexio, senón que gozan xuntos máis alá do parque á sombra do grande carballo. Viven na mesma vila, mais os seus barrios son moi diferentes. Onde vive Helena, as casas teñen dúas bufardas e xardín traseiro; a rúa de Xoel está na parte baixa, alí as rúas son estreitas e as casas máis antigas.

Mais algo sucede no pobo que muda completamente a situación e pon a proba a amizade dos nenos. Dun día para outro aparecen pintadas ofensivas para algunhas persoas, as xentes empezan a mirarse con desconfianza, a escola deixa de ser o grato lugar que era, na propia casa de Helena os pais falan á nena da conveniencia de non seguir relacionándose con Xoel e, o peor de todo, algúen ergue unha reixa metálica que separa en dúas zonas aos habitantes da vila. Helena queda dunha banda e Xoel da outra. A partir deste momento, os dous amigos buscan todos os xeitos posibles para poder seguir en contacto, mais cada un dos seus intentos só consegue endurecer as medidas de separación. Aínda así, Helena e Xoel non deixan de intentalo unha e oura vez e, a pesar de todos os impedimentos, cada vez son máis as persoas que se unen nesta afán, dunha banda e outra do valado no que se converteu a reixa inicial.

Presentado como un conto de amizade e resistencia fronte ás imposicións inxustas, esta historia é unha fábula que denuncia todas as barreiras, unha visibles e outras invisibles, que na actualidade separan e discriminan aos seres humanos. O libro remata de xeito esperanzador, mais lembrando que os valados seguen aínda en pé.

Cun tratamento editorial especial, o libro enriquécese ademais coas notables ilustracións de Xan López Domínguez. María Jesús Fernández

Tradución para o galego do texto publicado por Mª Jesús Fernández na revista CLIJ correspondente aos meses xaneiro e febreiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas Premios AELG 2010

19 Febreiro 2010

Autores,Crónica,Fóra de Xogo,Infantil,Narrativa,Noticias,Premios,Sopa de Libros,Teatro,Xuvenil

Recollemos a relación de finalistas dos Premios AELG 2010, que serán fallados o 17 de abril de 2010, no seo da Cea das Letras.

Blog Literario

  • A canción do náufrago (http://franciscocastro.blogaliza.org/), de Francisco Castro
  • As uvas na solaina (http://asuvasnasolaina.blogspot.com/), de Marcos Valcárcel
  • Axenda Cultural da AELG (http://axendaaelg.blogaliza.org/), de Algueirada (Acción cultural na rede)
  • Brétemas (http://bretemas.blogaliza.org/), de Manuel Bragado
  • Cabaret Voltaire (http://cabaretvoltaire.canalblog.com/), de Santiago Jaureguízar
  • O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro
  • Ensaio

  • A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, de Manuel Forcadela
  • As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo
  • Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero
  • Soñadores e Familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro, de María Xesús Nogueira Pereira
  • Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)

  • Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros
  • Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz
  • O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos
  • Valados, de Agustín Fernández Paz
  • Mellor traxectoria xornalística (AELG-Colexio de Xornalistas)

  • Belén Regueira
  • Ana Romaní
  • Xosé Manuel Pereiro
  • Bieito Iglesias
  • Manuel Rivas
  • Fran P. Lorenzo
  • Lino Braxe
  • Anxo Tarrío
  • Narrativa

  • Monte Louro, de Luís Rei Núñez
  • O cabo do mundo,de Xabier Quiroga
  • Unha historia que non vou contar,de Cid Cabido
  • Poesía

  • Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza
  • O pouso do fume, de Dores Tembrás
  • Teatro

  • Delimvois, de Rubén Ruibal
  • Medea dos fuxidos e outras pezas, de Manuel Lourenzo
  • Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa
  • Tradución

  • Flanagan. Flash-Back, de  Jaume Ribera e Andreu Martín, en tradución de Isabel Soto
  • O museo da inocencia, de Orhan Pamuk , en tradución de Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos
  • Obra dramática completa, de Sarah Kane, en tradución de Manuel F. Vieites
  • Residente privilexiada, de María Casares, en tradución de Ana Belén Martínez Delgado
  • Chuzame! A Facebook A Twitter

    Encontro virtual con Agustín Fernández Paz

    30 Xaneiro 2010

    Autores,Clubs_de_lectura,Infantil,Merlín,Noticias,Presentacións

    Nas sesións do club de lectura compartida Lendo Contigo de Espazo Lectura un dos elementos máis motivadores e atractivos para os nenos e nenas que participan é poderen establecer un diálogo cos autores e autoras dos libros que len.  Nesta ocasión, o atractivo do encontro con Agustín Fernández Paz, o autor de Valados, tamén estará na fórmula utilizada. Convertirase a biblioteca nun espazo virtual para que, por primeira vez, os asistentes á actividade teñan a oportunidade de conversar co autor a través de videoconferencia, nunha experiencia novidosa que une a lectura coas novas tecnoloxías.

    Ao comezo da sesión, e axudados pola guía de lectura que Espazo Lectura lles proporcionou ás familias, falaremos sobre Valados, o libro proposto. A continuación, os participantes manterán un encontro virtual con Agustín Fernández Paz durante o cal os nenos e nenas poderán facerlle todas aquelas preguntas que lles xurdisen tras a lectura do libro. O acto, enmarcado na celebración do Día escolar da non violencia e pola paz, pecharase coa proxección dun audiovisual sobre os muros existentes no mundo con guión literario do propio Fernández Paz.

    A actividade celebrarase hoxe o sábado 30 de xaneiro, a partir das 12.00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «Valados» recomendado por Trafegando Ronseis

    23 Xaneiro 2010

    Blogs,Críticas,Infantil,Merlín

    Agustín Fernández Paz demostra en Valados que non son necesarias grandilocuencias nin rimbombancias para denunciar a realidade do noso mundo; ese que nós, os humanos, nos empeñamos en empozoñar cada día, construíndo valados arredor nosa: coa indiferencia, co odio, co medo, co silencio. Cal é a explicación a tanta destrución? Falamos estes días e horrorizámonos coa traxedia de Haití, un valado máis, produto da destrución do home cara á natureza. Lembramos de cando en vez o que supuxo o nazismo e a construción do muro de Berlín. Aprendemos cada día sobre valados vergoñentos que ninguén quere destruír en tantos lugares do mundo: Palestina, Sáhara, Ceuta… Sobre todos estes en conxunto e ningún en particular escribe Agustín, unha lección de emoción sobre uns nenos que, afastados por un valado, inventan mil e un xeitos de destrozar ese muro. Por que non deixar paso ao optimismo? Seremos quen de erguernos un día e descubrir que por fin comprendemos que tod@s somos iguais e alzarnos da man para derrubar todos os valados -reais e imaxinarios- que existen? Serán eses nenos capaces de medrar coa intención de loitar contra as pantasmas dos adultos?

    Un libro especial que o noso alumnado debe ler e traballar, para que a educación sexa tamén esa pinga de sentido común que a sociedade do futuro necesita.
    As ilustracións de Xan López Domínguez, un dos nosos mellores ilustradores, son esenciais acompañantes neste texto fermoso e profundo que deixa paso á esperanza.

    Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «”Valados”: fermosa historia de sentimentos encontrados», crítica de María Navarro

    15 Xaneiro 2010

    Críticas,Infantil,Merlín,Xerais_nos_medios

    TENRO E DELICADO. UN MEIGO DA PALABRA

    A existencia de valados físicos e imaxinarios é hoxe en día unha realidade espallada por case todo o mundo e somos nós, as persoas, os que os construímos con táboas, formigón armado ou prexuízos do máis diverso. Nun momento dado non se sabe –ou si– por que alguén decide erguer unha fronteira e impedir o trafego de vida, preservando ideas, modos de vida, mesturas.

    Da mesma forma que imaxinar un mundo sen ataduras, sen lindes, sen barreiras é posible se falamos en termos de ficción, tamén tender á utopía pode converterse nun plantexamento vital e nun xeito de educar a través de nobres comportamentos. Neste sentido ficción e realidade, ilusión e existencia converxen nun punto no que o imposible chega a realizarse, o improbable se efectúa e o desexo devén en auténtico e efectivo.

    En Valados, un texto tenro e delicado de Agustín Fernández Paz que Edicións Xerais de Galicia vén de publicar na colección «Merlín», os personaxes amósannos a parte máis amable da relación entre iguais e tamén como a maioría das situacións teñen unha compoñente de vontade moi importante. Se existe vontade chegaremos a acadar aquilo que nos propoñamos, se hai vontade a utopía é posible. Da man de Helena e Xoel sabemos da existencia dunha vila, a máis fermosa do mundo, na que os seus habitantes en aparencia viven en harmonía, mais só en aparencia, porque o xerme da discordia prende nunha parte da poboación que, considerándose superior, pretende marcar e visualizar a diferenza erguendo un muro que separe vidas. Quizais a constancia e o empeño que nenos como os protagonistas da historia poñen en negar a segregación, conseguen que alá no ceo, «guiados por unha brisa alegre, porque o aire non sabe de valados», voen os desexos felices de atopárense todos xuntos.A dualidade que vertebra o texto -nena/neno, branco/ cor, dentro/fóra- vaise diluíndo ata o final cando se fala de humanidade e harmonía.

    Bo coñecedor do público infantil e da capacidade que estes presentan de aprehender a realidade,o escritor agasalla os seus lectores cunha fermosa historia de sentimentos encontrados e amosa unha vez máis ser un meigo da palabra. María Navarro

    Texto da crítica María Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (14-010-2010). A páxina orixinal pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «Valados»: «Como un irmao che falo»

    4 Xaneiro 2010

    Infantil,Merlín,Xerais_nos_medios

    Coa cita que serve para titular esta recensión, extraída do coñecido poema de Celso Emilio Ferreiro, e ben acaída para esta ocasión, ábrese Valados, o último libro de Agustín Fernández  Paz que se engade ás súas últimas propostas publicadas este mesmo ano: Lúa do Senegal e mais A dama da Luz. Este relato longo que agora nos ocupa, que ben pode entenderse como unha novela curta, ofrécese nun formato especial próximo ao álbum ilustrado que facilita a incorporación dunhas magníficas ilustracións a cargo de Xan López Domínguez.

    Valados concentra, en esencia, o mellor do escritor chairego. O percorrido do autor fai que, probablemente, esteamos diante dun texto clave para a literatura xuvenil galega; mais non se esqueza que, ao tempo, é este un  exercicio de ficción que os adultos percorrerán con agrado pois ao pouco que nos asomemos ás súas páxinas, fóra de ver como se transita desde unha sorte de “lugar ameno” urbano ata un espazo que cambia radicalmente a súa fisionomía afastando os membros da sociedade en virtude de criterios inspirados na desigualdade, e alén de ver agromar liña a liña o exercicio de concentración e estilización do que sempre fai gala o autor, advertimos que o seu discurso narrativo vai adquirindo forma, desde ese lugar imaxinario e innomeado que contribúe a focalizar e xeneralizar a mensaxe,  para se converter nun fermoso alegato sustentado en esteos como son a amizade, a fraternidade e a igualdade dos seres humanos para nos falar de realidades dolorosas: de valados que separan e que son tanxibles, mais tamén daqueloutros invisibles, de consecuencias igualmente dolorosas. Malia todo déixase translucir, ao final, un raio de esperanza comunal que ha servir para quebrar muros, un raio vivo e escintilante como é a escrita de Fernández Paz. Ramón Nicolás

    Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia (02-01-2010).

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Os cinco mellores libros de 2009 para Jaureguizar

    30 Decembro 2009

    Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

    O símbolo perdido, de Dan Brown.

    O novo supervendas da Factoría Brown non está no meu top five soamente pola súa funcionalidade: cumpre coas expectativas de lexibilidade, ritmo e intriga. Fundamentalmente está como símbolo de anormalidade: é o único best-seller, considerado no seu sentido máis puro, que puidemos ler este ano. A maiores, foi unha editora foránea, El Aleph, quen nolo achegou. Mágoa.

    A deleiba do mundo, de Amin Maalouf

    Seica algo avanzamos dende a Xeración Nós no que atinxe á súa teima de que as correntes do pensamento de arestora refresquen as nosas costas. Maalouf é unha novidade de extremo interese e puidemos dispor dela ao tempo có resto de Occidente. Subliño o esforzo de Xerais, que debería de verse axudado de xeito concreto por Cultura, mais o seu pensamento está en clave xacobea.

    Valados, de Agustín Fernández Paz

    Dende que nos agasallou con O único que queda é o amor; empezan a serme indiferentes os títulos de Agustín Fernández Paz. Digo que me son indeferentes non con desprezo, senón cun orgullo que lle collo prestado. Tras novelas como Aire negro, Corredores de sombras ou Cartas de inverno, o vilalbés xa está na categoría dos indiscutibles. Fernández Paz é o noso maior clásico vivo.

    Unha historia que non vou contar, de Cid Cabido

    Todo o noso sistema literario camiña nunha dirección, pero o meu explorador favorito decidiu adentrarse na contraria hai uns libros. Cada achega do noso rariño nacional é un coche bomba que guinda polos aires todas as nosas certezas. Cid Cabido vai descubrindo territorios e aos demáis non nos queda outra que non perdelo de vista.

    Episodios galegos, de Manuel Rivas

    O periodismo literario é un xénero no que baten as présas diariamente, pero Rivas sabe mudar as urxencias en frescura. Contra fin de ano chegounos un novo diario do seu caleidoscopio. O país non deixou de decepcionar durante o 2009, mais Manuel Rivas acerta sempre a amosarnos que os prados está baixo as leiras cubertas de estrume. O mellor é que, a maiores, logra que sorriamos. Jaureguizar

    Anotación publicada en Cabaret Voltaire.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    2010, O ceo non sabe de fronteiras

    24 Decembro 2009

    Xerais

    Texto e ilustración extraídos de Valados de Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «Valados», entrevistas a Agustín Fernández Paz

    16 Decembro 2009

    Autores,Entrevistas,Infantil,Merlín,Presentacións,Xerais_nos_medios

    Con motivo da presentación realizada onte na Casa do Libro de Vigo de Valados, Agustín Fernández Paz foi entrevistado por Faro de Vigo e Xornal de Galicia.

    En ambos os dous textos, Fernández Paz sinala que a idea deste libro «xurdiu dunha das clases de Segundo de Bacharelato, cando lles mandaba elaborar un texto a partir dunha noticia na prensa para que practicaran redacción. Nunha semana, deille dúas fotos, unha do valado de arames de Ceuta e Melilla e outra do muro entre Palestina Israel. A min, pareceume que sería unha idea formidable para face-lo meu texto. Esa foi a semente para un traballo de dous anos nos que fixen 12 redaccións. É unha obra moi traballada.»

    Con respecto ao obxectivo de Valados, Agustín expresa que súa intención foi «narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra tódolos muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acabna cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.»

    Na presentación de Valados interviu Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo que gabou a obra e a contextualizou no traballo que desenvolve AI en España a prol do dereito de asilo e da ampliación de deereitos á poboación inmigrante, en contra do racismo. No acto proxectouse un audiovisual sobre os muros existentes no mundo, preparado por David Rodríguez sobre un guión literario do propio Fernández Paz.

    Foto: Sonia Daponte. Xornal de Galicia

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «Valados» de Agustín Fernández Paz, presentación en Vigo

    10 Decembro 2009

    Infantil,Merlín,Noticias,Presentacións

    O vindeiro martes, 15 de decembro, ás 20:00 horas nas instalacións da Casa do Libro de Vigo presentarase Valados, o libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Xan López Domínguez. No acto acompañarán ao autor Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo e o editor Manuel Bragado.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Agustín Fernández Paz, autor do mes en Gretel

    19 Novembro 2009

    Autores,Infantil,Noticias,Xuvenil

    Agustín Fernández Paz é o autor do mes de Gretel, o portal que agrupa as actividades de investigación e docencia relacionadas coa literatura infantil e xuvenil da Universidade Autónoma de Barcelona. Consideramos especialmente interesante os espazos dedicados ao texto «Leer y escribir: la creación del mundo» e a completísima bibliografía do noso autor existente no Centro de Documentación del Banco del Libro. Os nosos parabéns para Agustín que acaba de recibir os primeiros exemplares de Valados, o seu libro máis recente na colección Merlín.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «Valados» de Agustín Fernández Paz

    9 Novembro 2009

    Educación_para_a_cidadanía,Infantil,Merlín,Noticias

    Coincidindo coa efeméride do vinte aniversario da caída do muro de Berlín, anunciamos a publicación este mes de novembro de Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz. Presentado na serie de volumes acartonados e sen recomendación de idade da colección Merlín, este conto ilustrado por Xan López Domínguez propón derrubar todos os valados, todos os muros existentes no planeta. Un libro que reivindica a liberdade, a fraternidade e a igualdade como valores primeiros dos seres humanos. Un conto extraordinario, chamado a converterse nunha das achegas máis importantes realizadas á humanidade pola liiteratura infantil galega.

    Helena e Xoel son amigos inseparables, non hai horas que lles cheguen para estaren xuntos. Na súa vila comezan a suceder feitos que os desacougan; semella que un vento estraño varreu a alegría das rúas e deixou no seu lugar odio, xenreira e medo. Axiña se erguen altos valados para separar e illar unhas persoas doutras. Valados visibles, e tamén invisibles, que afastan a Xoel e a Helena. Os dous terán que idear mil e unha artimañas para manter viva a intensa amizade que os une.

    Valados, conto de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Xan López Domínguez, é un libro chamado a converterse nunha das achegas máis importantes realizadas pola literatura infantil galega á humanidade. Un libro sobre a amizade por riba de todas fronteiras. Un libro sobre a fraternidade por riba de muros e valados. Un libro sobre a igualdade e liberdade como dereitos primeiros de todos os seres humanos.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Xerais, próximas novidades infantís e xuvenís

    15 Outubro 2009

    Cine,Fóra de Xogo,Fóra_de_colección,Infantil,Merlín,Noticias,Polo correo do vento,Premios_Xerais,Teatro

    Anunciamos o programa de novidades infantís e xuvenís preprado pola editorial até finais de 2009:

    XERAIS MERLÍN

    XERAIS FÓRA DE XOGO

    XERAIS POLO CORREO DO VENTO

    XERAIS INFANTIL E XUVENIL FÓRA DE COLECCIÓN

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Agustín Fernández Paz, novas reedicións

    16 Xaneiro 2009

    Infantil,Narrativa,Noticias,Reedicións,Xuvenil

    agustin_fernandez_paz2Ao longo deste mes de xaneiro entran no almacén novas reedicións de diversos títulos de Agustín Fernández Paz: a terceira d’ O único que queda é o amor, o libro de relatos gañador do Premio Nacional de Literatura Infantil e  Xuvenil 2008; a vixésimo terceira de Cartas de inverno, un dos longseller da edición galega (acabou o pasado ano con 68.864 exemplares vendidos, dende a súa primeira edición na primavera de 1995); a décimo terceira de Aire Negro, que aparece revisada e con nova cuberta; a sétima de Corredores de sombra, novela editada hai apenas dous anos; e a sexta d’ A cidade dos desexos, o seu primeiro libro de creación, publicado hai agora vinte anos.

    Agustín Fernández Paz agarda a aparición de tres novos libros que publicará Xerais ao longo deste ano 2009. A comezos da primavera,  Lúa de Senegal, novela para lectores de 10 anos en diante na colección «Sopa de libros», e A dama da luz, álbum que preparou co ilustrador Jorge Magutis. Xa despois do verán aparecerá na colección «Merlín», Valados. Os nosos parabéns a Agustín por esta magnífica xeira.

    Chuzame! A Facebook A Twitter
    Olark Livehelp