«Un veciño cheo de sorpresas» de Víctor Raga, no Club Lendo Contigo, de Espazo Lectura

26 Maio 2011

Infantil,O Club da ciencia

O libro Un veciño cheo de sorpresas, de Víctor Raga, e pertencente á serie que publica Xerais O Club da Ciencia, será o que despida mañá venres en Gondomar a tempada do Club Lendo Contigo, de Espazo Lectura. A sesión terá lugar na noitiña do venres 27 de febreiro, a partir das 21:00 horas, cando comece na Biblioteca Municipal de Gondomar o programa especial de despedida que rematará cunha observación astronómica para descubrir as estrelas, guiada por membros da Agrupación Astronómica Rías Baixas, que se fará desde o monte Cepudo.

Un veciño cheo de sorpresas é o primeiro número da colección de divulgación científica O Club da Ciencia e os protagonistas son Martiño e Helena, que nesta ocasión se introducen na terraza do señor Viramontañas. Gustaríalles ver as estrelas a través do seu telescopio. Pero o seu veciño ten un problema moi gordo e teñen que axudarlle a resolvelo. En troques, o señor Viramontañas ensinaralles os misterios marabillosos do Universo.

«Un veciño cheo de sorpresas», primeira entrega da colección «O Club da ciencia»

8 Xullo 2010

Críticas,Infantil,O Club da ciencia,Xerais_nos_medios

NO MUNDO DA CIENCIA

Con perspectivas amenas

Un veciño cheo de sorpresas constitúe unha das primeiras entregas dunha nova colección que, baixo o nome “O club da ciencia”, vén de tirar do prelo Edicións Xerais de Galicia e que resulta recomendada para o segundo e terceiro ciclos de Primaria  onde pretende introducir os nenos no mundo da Ciencia dende unha perspectiva amena para que perciban que os contidos científicos están presentes en todo o que nos rodea e que explican o funcionamento e a organización do cosmos.

Tres son os personaxes que nos invitan a disfrutar da lectura e que, entre teimas de rapaces, atracción polo descoñecido e curiosidade polas cousas, van entretecendo unha historia sinxela, ben contada, pero na que vemos reproducida algún que otro estereotipo que se afasta da realidade como o que se corresponde co aspecto do físico e e psicolóxico científico; persoa de idade co cabelo branco e de punta, que vive só, que se comporta dun xeito estraño, pero que posúe un gran corazón. Mais para descubrir a sabedoría e virtudes que agocha o señor Viramontañas están Martiño e Helena, dous compañeiros e veciños dun edificio situado na rúa da Liberdade onde vive o investigador e do que, tras unha incursión ilegal no seu ático, se fan amigos levados non só polo desexo de descubrir o misterio que rodea a súa vivenda, senón tamén pola intención de facerse amigos dalguén que consideran a priori fascinante.

O tópico volve cebarse na historia, porque á chegada ao ático de forma pouco normal lle segue unha intervención pouco menos que milagreira da nena e que espanta a un malo malísimo que se quere facer co piso do vello. A literatura chega despois á exposición máis ou menos científica da diferenza entre estrelas, planetas e satélites, explicación do que é unha galaxia, de que se compón o sistema solar, cales son os movementos da Terra, por que temos estacións ou cales son as fases da Lúa. Cuestións todas elas que dalgún modo buscan a participación do lector, porque entre os personaxes se establece un diálogo que é quen de implicar o receptor e demandar del que complemente o texto.

A este volume de Víctor Raga –o autor  é responsable doutros títulos que, igualmente, publica Xerais: Descenso ao Barranco do Demo, Sempre tes que  meter o nariz ou Un furacán chamado Otilia, que traduce para o galego Pablo Sánnchez Mato, séguenlles outros que teñen a diversidade de paisaxes da Terra, os sentidos, os animais ou as plantas como tema en torno ao cal xiran as aventuras e explicacións que viven Martiño, Helena e o señor Viramontañas. As ilustracións que acompañan o volume chegan, da súa parte, da man de Montse Español Rodié. María Navarro

Texto de maría Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura« de Faro de Vigo o 8 de xullo de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.