Reportaxe sobre Manuel Rivas na televisión irlandesa

4 Maio 2012

Autores,Noticias,Televisión

O escritor galego Manuel Rivas falou de literatura na televisión irlandesa con motivo da súa participación no Festival Cúirt de Galway a finais de abril.

Durante o festival, Rivas, xunto co escritor vasco Kirmen Uribe, mantivo unha conversa co seu tradutor, Jonathan Dunne, sobre literatura e identidade.

Logo presentouse a edición inglesa do seu último poemario, A desaparición da neve, que se publicou o pasado mes da man de Lorna Shaghnessy na editorial Shearsman Books.

En maio de 2013 publicarase a tradución ao inglés de Todo é silencio, feita por Jonathan Dunne, co seu editor habitual Harvill Secker (Random House).

Neste enlace pode verse a reportaxe sobre Manuel Rivas na televisión irlandesa (está ao inicio do programa).

 

Entrevista con Manuel Rivas en Galicia de Moda: «O fondo da historia é o poder, a cobiza, querer dominalo todo»

1 Febreiro 2012

Autores,Cine,Entrevistas,Narrativa

Alicia López, xornalista da revista Galicia de Moda publicou unha entrevista co escritor Manuel Rivas centrada en Todo é silencio.

 

A solas con: Manuel Rivas

Todo é silencio

GaliciadeModa tivo a sorte de asistir a presentación do filme ‘Todo é silencio’ baseada nunha novela do escritor coruñés Manuel Rivas, dirixida por José Luis Cuerda e guionizada polo mesmo escritor. O filme narra a complicada relación entre os tres protagonistas que viven inmersos no mundo do narcotráfico dende pequenos. O actor Quim Fernández (AzulOscuroCasiNegro) interpreta ó mozo que volve á súa vila natal como axente de policía para loitar contra o narcotráfico mentres que o amor da súa vida interpretada por Celia Freixeiro (Homicidios) e o seu mellor amigo interpretado por Miguel Ángel Silvestre (Alakrana) están totalmente atrapados polo tráxico destino do narcotráfico. Como non podía ser doutra maneira, a rodaxe tivo lugar en Galicia, na Costa da More ‘Todo é silencio’ baseada nunha novela do escritor coruñés Manuel Rivas, dirixida por José Luis Cuerda e guionizada polo mesmo escritor. O filme narra a complicada relación entre os tres protagonistas que viven inmersos no mundo do narcotráfico dende pequenos. O actor Quim Fernández (AzulOscuroCasiNegro) interpreta ó mozo que volve á súa vila natal como axente de policía para loitar contra o narcotráfico mentres que o amor da súa vida interpretada por Celia Freixeiro (Homicidios) e o seu mellor amigo interpretado por Miguel Ángel Silvestre (Alakrana) están totalmente atrapados polo tráxico destino do narcotráfico. Como non podía ser doutra maneira, a rodaxe tivo lugar en Galicia, na Costa da Morte, onde a paisaxe ten un especial carisma.

Falamos con Manuel Rivas, autor da novela e guionista de ‘Todo é silencio’. A relación profesional entre Cuerda e vostede semella que parte tamén dunha amizade activa e creativa.

José Luis Cuerda é destas persoas que axudan a ter unha mirada más ampla, das que cando falas con elas saes coa cabeza chea de novas ideas. Ten moito sentido do humor e, precisamente, a súa boa aclimatación a Galicia ven do seu carácter irónico. É unha persoa que escoita o latexo da terra e polo tanto sabe contar moi ben as paixóns humanas.

No caso de A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro non foi responsable da escritura do guión pero neste caso a responsabilidade é súa ó cen por cen. ¿Atópase cómodo neste papel?

Nun primeiro momento fun algo reticente cando mo propuxeron pois todo o proceso de facer unha película é realmente complexo. Pero ás veces é dabondo con que che digan algo novo para que estea aí a idea, coma co pan, levedando. Despois de dous anos chamaron de novo insistindo e decidín aceptar o desafío. Foi unha moi boa experiencia eademais, híbrida, por xuntar elementos literarios e audiovisuales.

A vila protagonista, Noitía, é unha localización ficticia, ¿pero de qué lugares comúns está formada?

Para min foi unha parte moi bonita do traballo axudar a localizar pois xa tiña escenarios na mente. Aínda que a xente tiña como localización de partida Arousa non quería establecer unha ligazón tan obvia. Non se trata da historia dun capo concreto senón da metamorfose dos capos do narcotráfico en Galicia. É unha paisaxe que non está nun lugar concreto pois ademais en Galicia tes moitas posibilidades: pasas dun cantil cunha mar bravísima e en poucos quilómetros un areal tranquilo ó abeiro da ría.

Os protagonistas de ‘Todo é silencio’ viven situacións moi límites na novela e o filme, ¿pensa que así saen as mellores personaxes?

Colocar os seres humanos nunha situación fronteiriza fai que afloren as paixóns e saia ese lugar estraño que é a alma, a caixa negra do ser humano, esa zona misteriosa. A historia de fondo do narcotráfico, así como a guerra, é un escenario universal onde se pon a proba a condición humana.

É palpable o éxito cinematográfico e televisivo que ten o tema do narcotráfico, sen embargo, chama a atención o silencio informativo por parte dos medios convencionais. ¿Pensa que falar deste conflito é responsabilidade dos guionistas e escritores?

O xornalismo e a literatura son tempos diferentes e distantes. Penso que mesmo no título do filme, na idea do silencio, estamos a ver como non só en Galicia si no tamén en Latinoamérica como a literatura ou o cinema van cun fósforo aí onde hai penumbra e escuridade. Kierkegaard dixera que canto máis profundo sexa o silencio más terrible é o demo que agocha. Nese sentido, o chamado narcotráfico é a metáfora doutras cousas que estamos a ver neste tempo coma a corrupción ou os poderes ocultos. O fondo da historia é o poder, a cobiza polas propiedades, diñeiro ata querelo dominar todo. O importante non é a mercadoría concreta porque cando vemos unha historia de gánsters non nos preocupa tanto o proceso de destilación de alcohol se non qué pasa coa condición humana. A historia van sorprender nese sentido.

 

Galiciademoda

Vídeo da conversa do xornalista Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda

22 Decembro 2011

Cine,Narrativa,Vídeos

Redelibros publicou o vídeo da conversa do xornalista Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda.

O escritor Manuel Rivas e o cineasta José Luis Cuerda falan co xornalista pontevedrés Manuel Jabois dos camiños de ida e volta que unen a literatura e o cine, a partir das súas experiencias con “A lingua das bolboretas” e “Todo é silencio”, a última novela de Rivas que Cuerda está rodando en Galicia. Rivas falará tamén da antoloxía de relatos O máis estraño, que ven de presentar con Xerais.

As 10 mellores novelas de 2010 para Xosé Manuel Eyré

6 Outubro 2011

Blogs,Narrativa,Noticias

O crítico Xosé Manuel Eyré publica un post no que escolle as que, ao seu xuízo, son as 10 mellores novelas de 2010. Reproducimos aquí as que corresponden a Xerais. O listado enteiro pode consultarse no seu blog.

1. O coitelo en novembro, Marilar Aleixandre

3. Periferia , Iolanda Zúñiga

4. Todo é silencio, Manuel Rivas

6. Denso recendo a salgado, Manuel Portas

10. Asasinato no Consello Nacional, Diego Ameixeiras

Os actores de José Luis Cuerda agradécenlle a Manuel Rivas que crease os personaxes de «Todo é silencio»

29 Setembro 2011

Cine,Narrativa,Noticias

Os actores da película que dirixe José Luis Cuerda a partir da novela Todo é silencio, de Manuel Rivas, agradecéronlle onte ao escritor, na presentación pública da longametraxe, que tivo lugar en Oza dos Ríos, que crease os personaxes da novela, que «son un agasallo».

A película desenvólvese na costa galega a finais dos anos 80 e relata a relación de rivalidade e amizade de Fins, interpretado por Quim Gutiérrez, e Brincos, interpretado por Ángel Silvestre. Entre eles dous, móvese a figura de Leda, encarnada pola actriz galega Celia Freijeiro. José Luís Cuerda definiu a película como «a máis romántica que fixen nunca”, porque en Todo é silencio priman os sentimentos sobre a razón».

Manuel Rivas estivo onte presente durante o acto de presentación da película, no pazo de Santa Cruz de Mondoi, xunto co director, os actores e o autor do guión, Gerardo Herrero. O escritor publicará proximamente en Xerais os seus contos completos baixo o título O máis estraño.

O lugar íntimo onde escribe Manuel Rivas

26 Setembro 2011

Artigos literarios,Autores,Narrativa,Noticias

El País publicaba o sábado unha reportaxe de José Luis Estévez sobre o íntimo lugar que escolle Manuel Rivas para escribir.

Manuel Rivas, “a la manera de Chaplin”

“El escritor debe hacer dos cosas: escribir y andar”, afirma el autor, que trabaja en soledad en su casa de A Coruña

Si Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tuviera que elegir un lugar para escapar del mundanal ruido no elegiría la isla desierta o el rincón bucólico de la montaña en el que muchos pueden pensar, él escogería una pequeña sala del Museo del Prado en la que se encuentran cuadros de pequeño formato de pintores como Corot, Degas o De Nittis. Seguramente hay algún vínculo entre esa elección y la búsqueda del escritor por lugares especialmente íntimos para trabajar. “Me gustan mucho los rincones y por eso incluso dentro de mi propia casa tengo un pequeño espacio, una especie de cueva en la que suelo refugiarme para escribir”, explica Rivas, quien vive en un piso alto cercano a la céntrica plaza de María Pita en A Coruña. Sin embargo, ese refugio no le impide moverse para conocer otros lugares y realidades. “El escritor debe hacer dos cosas: escribir y andar, pero hacerlo a la manera de Chaplin, como un vagabundo”, señala. Frente al tópico que indica que el escritor y sobre todo el poeta encuentra la inspiración en la naturaleza o en las personas y cosas que le rodean, Rivas prefiere la soledad de un espacio íntimo para construir sus libros y artículos. Eso no significa que no aproveche la cercanía de su casa a la costa para escaparse en cualquier momento a los acantilados cercanos y respirar el perfume del mar. Su vida y su obra siempre tienen en el paisaje costero una de sus referencias, de ahí que esa cueva en la que se refugia para escribir tenga también cosas que recuerdan al camarote de un barco: “Ahí tengo libros y maletas, y también guardo pequeños objetos, fotos, dibujos, conchas marinas…”. Aunque no le ha quedado más remedio que familiarizarse con las nuevas tecnologías, a Rivas sigue gustándole escribir a mano y tiene muchos cuadernos abiertos con apuntes. El autor, cuyo guión Todo é silencio se rueda estos días en Galicia dirigido por José Luis Cuerda, confiesa un cierto fetichismo con los elementos relacionados con la escritura. Usa distintas tintas y a veces recurre a la máquina de escribir, sobre todo para componer poesía: “Me gusta la resistencia que ofrecen las teclas a los dedos”. Rivas, escritor y también activista que siempre se ha distinguido por su compromiso con las causas en las que cree, considera que el oficio de escribir es también “un espacio de lucha” y que el papel puede llegar a convertirse en un cuadrilátero. “Nunca he tenido miedo a la página en blanco, pero hay momentos en que el papel puede llegar a convertirse en el rival al que el boxeador se abraza a pesar de que ha recibido de él un duro castigo”.

José Luis Estévez

A novela «Todo é silencio», de Manuel Rivas, convértese en Carnota na película de Cuerda

16 Setembro 2011

Cine,Narrativa,Noticias

Alicia G. Arribas publica unha información no Galicia Hoxe sobre a rodaxe, en Carnota, de Todo é silencio, a película de Cuerda baseada na novela de Manuel Rivas.

Cuerda e Rivas, xuntos en Carnota nunha película moi galega

José Luís Cuerda, que roda  estes días en Galicia “Todo é silencio”, a súa longametraxe número  once, repite colaboración co escritor Manuel Rivas, autor do  guion, para dar vida a un pobo rendido ao narcotráfico e a unha  historia de persoas que “aínda teñen en consideración ao outro”.
Nunha xornada da rodaxe na localidade coruñesa de Carnota, á  que asistiu EFE, o director de “Amence que non é pouco” explicou  que a película fala de amor -“amor si, pero durito”, puntualiza o  cineasta-, coa supervivencia de todo un pobo como transfondo e  a súa submisión, deliberada ou non, ao narcotráfico.
“É unha historia de amor nunha zona rural onde as cousas son  crúas, son fastidiosas”, sinala Cuerda, e tamén unha película de personaxes  moi complexos.
“Nunca -engade o responsable de “Os girasoles cegos”, “A  lingua das bolboretas” ou “O bosque animado”- atopeime con personaxes  tan poliédricos, que teñan máis facetas e onde estea  menos claro que as cousas se faga por unha razón: todos teñen entre  cinco e sete razoes para dicir, calar ou facer”.
De feito, o albaceteño Cuenca, que loce unha imaxe inusual, coa  barba rasurada por “unha promesa á virxe”, chancea, fixo  unha película moi galega.
Se autodenomina “galego adxunto” para explicar a súa debilidade por esta  terra na que investiu parte da súa vida e “o diñeiro que  non teño”, di, por culpa de Alejandro Amenábar -ao que produciu parte das súas películas, desde a primeira, “Tese”-, que lle empuxou a fundar unha adega.
A historia de “Todo é silencio”, que Manuel Rivas realizou por encargo  do produtor e terminou convertendo nunha novela, fala  do narcotráfico e das redes de contrabando que actúan na  costa atlántica española e que acaban por controlar a vida dos  pobos nos que recalan.
Pero tamén é unha historia de amor a tres, dous amigos da  infancia, Brinco (Miguel Anxo Silvestre, “Sen tetas non hai  paraíso”) e Fins (Quim Gutiérrez, “Curmáns”), e unha muller, Leda  (Celia Freijeiro, “Pelotas”).
Xuntos dedicáronse desde pequenos a explorar a costa en busca  do que o mar arroxe, sen saber que o seu destino estará  ligado ao omnipresente e corrupto “capo” Mariscal (Juan Diego),  dono de case todo no seu pequeno pobo. Pero Cuerda non contou  a historia de ningún personaxe real, advirte.
“É un pobo de sobreviventes, pero tamén no sentido  emocional, e non condenamos ao narco, senón que, como estamos onde  estamos, dedicámonos ao que nos podemos dedicar”, explica a  galega Freijeiro, que describe a Leda como “moi práctica, moi  salvaxe e sen grandes cuestións morais”.
Ambientada a finais do oitenta, esta película prefire, como  di o seu título, “os silencios que levan implícitas determinadas  palabras ou frases”, e por iso son imprescindibles as miradas.
“Contei cuns actores privilexiados para isto”, afirma  Cuerda.
Un deles, ao que os outros chaman “mestre”, afirma que os  guións de Rivas son tan rítmicos, tan musicais e tan galegos que  non fai falta nin finxir o acento.
É Mariscal, interpretado por Juan Diego, impoluto (e charramangueiro),  de traxe pantalón de liño branco, pano ao pescozo e zapatos a xogo,  un “indiano” ao que non lle fai falta gritar. Pero cando  grita…”, explica o actor, redondo no papel de capo.
O que si se imbuíu de galego e de “chuleta” é Miguel Anxo  Silvestre quen, a pesar de convalecer dunha pequena operación,  seguía repetindo tomas sen pestañear.
“Brinco é o mellor lanchero, ninguén coñece a ría mellor que el;  vén dunha familia desestructurada e é un inestable”, explica o  actor que deu vida a “O Duque”, a quen fascina dar vida a este  mozo “tan cheo de gretas”.
E Quim Gutiérrez é “o bo”, aínda que relativamente.
“É o menos galego de todos, porque pasou vinte anos  fóra. É un Ulises que volve a Ítaca, pero ninguén lle recoñece”,  explica o actor catalán, que resume a película como unha historia  con “moitas preguntas e poucas respostas”
Producida por Tornasol films coa participación de TVE, Canle+  e TvGa, gustará, segundo o seu director, “aos que aínda lles segue  interesando algo o ser humano”.

Alicia G. Arribas

Comezou a rodaxe de «Todo é silencio», baseada na novela de Manuel Rivas

30 Agosto 2011

Cine,Narrativa,Noticias

Onte comezou en Galicia, a rodaxe da nova película de José Luis Cuerda, Todo é silencio, baseada na novela de Manuel Rivas. A longametraxe, como a novela, relata como un grupo de novos amigos descobre o segredo de Noitía, o contrabando, e admira ao grande capo, Mariscal. A lei é non ver nin oír. A boca é para calar. O vello poder esténdese co narcotráfico e envelénao todo. O destino dos mozos enfróntase con violencia. Queda o refuxio dos recordos e o amor oculto para resistir.

A novela recibiu o Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro narrativa para adultos, 2010; o Premio Fervenzas Literarias a mellor portada adultos, 2010; o Premio Ánxel Casal ao mellor libro do ano 2010; e o Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Narrativa), 2011.

Entrevista con Manuel Rivas, sobre «Todo é silencio» en El Comercio

24 Agosto 2011

Autores,Entrevistas,Natureza

O xornal asturiano El Comercio publicou unha entrevista con Manuel Rivas sobre a súa novela Todo é silencio. Na entrevista, que se pode descargar en dous pdf desde aquí e aquí, o escritor declara que «o verdadeiro produto tóxico é o poder, o control e a corrosión social que minan os valores cívicos». Nese sentido, Rivas asegura que «se instalou unha especie de capitalismo máxico, mediante o que, dun día para otro, se podían obter grandes bens materiais ou declarar legal unha urbanización ilegal. Desapareceu o sentido do ben común e quedou só a codicia, que ademais funciona».

«Todo é silencio», de Manuel Rivas: a piques de comezar a rodaxe da película de José Luis Cuerda

22 Agosto 2011

Cine,Narrativa,Noticias

Nunha semana comezará a rodaxe da película Todo é silencio, baseada na novela de Manuel Rivas, que será dirixida por José Luis Cuerda. Diversos medios, como Xornal de Galicia e Galicia Hoxe informan deste feito.

A cinta está protagonizada por Quim Gutiérrez, Miguel Ángel Silvestre, Celia Freijeiro, Juan Diego e Xoque Carvajal.

Hoxe Manuel Rivas e Carlos Callón na Feira do Libro da Coruña

3 Agosto 2011

2011,Autores,Crónica,Feiras_do_libro,Lingua,Narrativa,Noticias,Presentacións

Hoxe na Feira do Libro da Coruña os actos de Xerais estarán protagonizados por  Manuel Rivas que presentará a súa novela Todo é silencio e por Carlos Callón o seu  libro máis recente Como defenderes os teus dereitos lingúísticos. No serán do venres, día 5, Federico Cocho presentará o seu libro Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España, publicado na colección Crónica.

  • Día 3 mércores
    • ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas.  Participan: Manuel Rivas e Rómulo Sanjurjo.
    • ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón.  Participan: Xabier P. DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.

Hoxe Agustín Fernández Paz na Feira do Libro da Coruña

2 Agosto 2011

Autores,Crónica,Entrevistas,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Presentacións

Hoxe na Feira do Libro da Coruña o acto de Xerais estará protagonizado por Agustín Fernández Paz que conversará con Óscar Sánchez e Iago Martínez sobre Non hai noite máis longa a súa novela máis recente. Mañá, mércores, Manuel Rivas presentará a súa novela Todo é silencio e Carlos Callón o libro Como defenderes os teus dereitos lingúísticos.

  • Día 3 mércores
    • ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas.  Participan: Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
    • ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón.  Participan: Xabier DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.

Actos de Xerais na Feira do Libro da Coruña

22 Xullo 2011

Feiras_do_libro,Presentacións


  • Día 3 mércores
    • ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas.  Participan: Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
    • ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón.  Participan: Xabier P. DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.

Manuel Rivas alerta na presentación de «Todo é silencio» na Feira do Libro de Bogotá dos perigos da indiferencia

9 Maio 2011

Autores,Narrativa,Noticias

O xornal Galicia Hoxe inclúe unha crónica sobre a presentación por parte de Manuel Rivas de Todo é silencio na Feira do Libro de Bogotá. Reproducímola integramente.

“Non caer na indiferenza” é a receita que lle propón Manuel Rivas ás sociedades latinoamericanas que sofren as graves secuelas da globalización do narcotráfico, o asunto central da súa última novela, Todo é silencio, cuxa tradución ao castelán presentou na Feira Internacional do Libro de Bogotá. Rivas confesou ter “a sensación preocupante de que o que está pasando no mundo, no que derivou a globalización, é que o mercado honesto acaba sendo depredado polas zonas grises ou delituosas”. É o mesmo que ocorre “coa moeda falsa, que se pega á verdadeira para pasar desapercibida”.

“Estamos nese período de incerteza”, manifestou o escritor en alusión ó argumento da súa última novela, que retrata “o momento de tránsito do contrabando de tabaco ó narcotráfico” en Galicia. Eran os anos oitenta, “tempos en que se vía a Galicia como Sicilia”. “Non chegou a selo, pero tivemos momentos fronteirizos, límites, con institucións tocadas e moitas complicidades”, explicou.

A novela desenvólvese “nunha xeografía determinada, local, pero que ten sentido universal”, segundo o autor, quen explicou que “Galicia é unha metáfora porque o que alí ocorre está pasando en todas as partes do mundo”. Fins, Brinco e Leda son tres nenos que cada día acoden á praia para descubrir aquilo que arroxa o mar bravío: primeiro son laranxas e manequíns de barcos escorados, logo tabaco e whisky e máis tarde droga para terminar vomitando cadáveres. En poucos anos ese lado escuro modifica de forma radical a vida das persoas.

A sociedade sucumbe ao que Rivas denomina “capitalismo máxico”, un mundo no que se vai adquirindo un “poder non democrático” sobre a riqueza, pero tamén sobre as institucións e as persoas. “É o momento decisivo, pásase do modelo delituoso local á globalización delituosa”, apuntou, tras afirmar que na súa novela “todo é ficción pero todo é verdade”, ó citar as soadas palabras de John Ford.

Para o escritor, esa metamorfose explícase en que “o contrabando achegou organización, medios e experiencia para montar as redes internacionais do narcotráfico”, todo iso nun ambiente de “baleiro e indiferenza” por parte dos cidadáns.

PERSPECTIVAS
«O poder corrupto sempre acaba»

Rivas indicou que nos anos noventa foi cando Galicia “viu un espertar” cos grupos de nais que crearon asociacións contra as drogas e que denunciaron os feitos ante a xustiza. Por iso é polo que Rivas propón agora para as sociedades latinoamericanas afectadas hoxe por ese flaxelo “conciencia social e non caer na indiferenza”. O narcotráfico en Galicia tivo un punto de inflexión en 1990 coa Operación Nécora, liderada polo xuíz Baltasar Garzón. O autor recordou que “ese espertar social precedeu ó espertar institucional”, convencido de que “ao final ese narcótico, que é o poder corrupto, acaba”. “Se non vemos o que hai que mirar e non dicimos o que hai que dicir acábanos corrompendo a todos”, concluíu Rivas.

«Todo é silencio», «O pintor do sombreiro de Malvas» e «Randea do alento», Premios AELG

2 Maio 2011

Premios

O sábado pola noite falláronse en Santiago de Compostela os Premios AELG, concedidos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

En libros de Xerais recaeron os galardóns de tres das categorías.

Na categoría de Narrativa, o premio foi para Todo é silencio, de Manuel Rivas.

Na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil o premio foi para O pintor do sombreiro de Malvas, de Marcos Calveiro.

E no apartado de tradución o premio foi para a tradución que Marga do Val realizou do libro Randea do alento, de Herta Müller, a Premio Nobel alemana.

As obras finalistas destes premios deunas a coñecer a Asociación de Escritores en Lingua Galega o pasado mes de marzo.

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2010

14 Marzo 2011

Autores,Editores,Narrativa,Noticias,Premios

Todo é silencio de Manuel Rivas obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2010. O galardón, outorgado pola Asociación Galega de Editores, foi entregado o pasado sábado, 12 de marzo, en Lugo no seo da Noite da Edición. Os nosos parabéns  a Manuel Rivas que xa obtivera con esta mesma obra o Premio Fervenzas Literarias á mellor obra de ficción do pasado ano.

Finalistas dos Premios AELG 2011

4 Marzo 2011

Ensaio,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios,Teatro,Traducións,Xerais,Xornalismo,Xuvenil

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais)  de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, finalista do Premio de Novela Europea Casino de Santiago

Autores,Narrativa,Noticias,Premios

A última novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, foi elixida onte entre as cinco novelas finalistas do Premio de Novela Europea Casino de Santiago. Xunto coa obra de Manuel  Rivas,  as outras novelas seleccionadas foron foron da irlandesa Emma Donoghue, do holandés Herman Koch, do asturiano Menéndez Salmón e do italiano Gianrico Carofiglio. Todas elas foron publicadas durante o ano 2010.

A esta magnífica noticia para a novela de Rivas, cando entra na súa 2ª edición logo de vender 12.000 exemplares, súmase o recente anuncio de que a obra será publicada en francés pola editorial Gallimard e en inglés por Harvill Secker, selo de Random House.

«Todo é silencio», segunda edición

1 Marzo 2011

Asinatura,Autores,Narrativa,Noticias,Traducións,Vídeos

Agotados os 12.000 exemplares da primeira edición, comeza a chegar ás librarías exemplares da segunda edición de Todo é silencio de Manuel Rivas. Até agora, Todo é silencio foi recoñecida cos Premio de Fervenzas Literarias ao mellor libro de narrativa de adultos de 2010 e á mellor portada de adultos. A novela é finalista do Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2010, convocado pola Asociación Galega de Editores, que será fallado en Lugo o vindeiro 12 de marzo na Noite da Edición. Coincidindo coa esta segunda edición anúnciase a tradución ao inglés e ao francés e Manuel Rivas asinará exemplares de Todo é silencio na Casa do Libro de Vigo (rúa Velázquez Moreno) o xoves 3 de marzo, a partir das 18:00 horas.

“Todo é silencio” de Manuel Rivas será publicada en inglés e francés

Asinatura,Autores,Narrativa,Noticias,Traducións

Todo é silencio, a máis recente novela de Manuel Rivas,  será publicada en francés pola editorial Gallimard e en inglés por Harvill Secker, selo de Random House. Nesta mesma editorial publicouse, no pasado mes de febreiro, a edición de peto d´ Os libros arden mal ( Books Burn Badly) na Colección Vintage, logo da gran acollida da edición en tapa dura aparecida hai un ano. Manuel Rivas participará no prestixioso Festival Internacional de Edimburgo o primeiro de agosto.

Manuel Rivas asinará exemplares de Todo é silencio na Casa do Libro de Vigo (rúa Velázquez Moreno) o xoves 3 de marzo, a partir das 18:00 horas. Nestes días sae á venda a segunda edición da novela, aparecida no pasado mes de outubro cunha tirada de 12.000 exemplares.

Extenso comentario sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas, no blog Ler e ver, de Juan Romero

28 Febreiro 2011

Blogs,Críticas,Narrativa

O blog Ler e ver, do profesor de lingua e literatura españolas Juan Romero, inclúe un extenso comentario crítico sobre a novela Todo é silencio, de Manuel Rivas. Reproducimos algúns parágrafos:

(…)  A verdade é que hai tempo que non lía nada de Manuel Rivas e esta última que apareceu recentemente tiña unha historia que me parecía atrainte e tiña algunha boa recomendación dela. Case esquecera o ben que escribe, como é capaz de adornar maravillosamente con palabras moitos dos momentos das súas novelas, así que terei que pensar en ler algunha máis das anteriores que me foron quedando no tinteiro.

(…) nha historia que empeza dunha maneira e vai evolucionando cara a outra, igual que os personaxes e a narración. Empezamos ao redor do contrabando de tabaco nas costas galegas alá polos anos 50 ata chegar ao máis moderno e profesionalizado mundo do narcotráfico na mesma zona. De todos modos tampouco é unha novela sobre o contrabando e o narcotráfico, é máis unha novela que nos vai mostrar e evolución dunha serie de personaxes que se moven ao redor deste mundo, uns a un lado e outros ao outro e os problemas, cambios e situacións que todo isto provoca. Para min o fundamental da narración son os personaxes, como van vivindo esa realidade e todas as que os rodean, as súas familias, as súas relacións, o seu mundo e as súas vidas nun pequeno pobo da costa galega (…).

(…)  para min é unha novela de personaxes, todos eles, non so os que poden parecer protagonistas, teñen unha forte intervención no desenvolvemento das cousas que van pasando e non hai superficialidade neles. É unha novela relativamente breve, pero ao mesmo tempo a profundidade e evolución dos personaxes é dun nivel bastante alto. Os acontecementos van e veñen case como as ondas dun mar que é básico nas súas vidas en todos os sentidos e ao igual que este mar a historia ten momentos de calma, resaca ou de tormenta. Estes personaxes están, como digo, perfectamente retratados, pero por riba de todos destaca Mariscal, que está sempre presente aínda que non apareza. A súa forma de expresarse, con esas palabras e expresións que usa en latín e que lle dan un aire moito máis culto, forte e dominador que ao resto son xeniais, así como a súa forma de comportarse, para min un deses personaxes de novela que quedan durante un tempo na memoria.

E por riba de todos temos esa forma que ten Rivas de usar a linguaxe. É curioso como é capaz de expresar moitas cousas sempre de formas orixinais e chamativas e provocando no lector unha especie de pausa para saborear con calma eses xogos de palabras, esas imaxes e esas sensacións que consegue transmitir ao lector.

(…) Outro aspecto destacable da súa forma de escribir é que é moi cinematográfica, o lector pode imaxinar á perfección case as caras, as casas, o decorado, as situacións case como se o estivera a ver. Nalgúns casos isto pode ser un defecto, pero nesta novela en concreto paréceme unha virtude, porque ademais está conseguido á perfección e é un elemento máis a favor da novela. O futuro realizador da versión de cine, José Luis Cuerda di que “Co guión de Rivas teño a sensación de que, por primeira vez, teño nas miñas mans unha película”. Loxicamente non é un guión, pero para un lector e máis para un director, penso que é relativamente sinxelo levar todo o que pasa á pantalla, porque está redactada dun xeito que facilita moito ese proceso.(…)

Juan Romero

Pode lerse o comentario completo aquí.

Manuel Rivas asinará libros en Vigo o próximo xoves 3 de marzo

Autores,Noticias,Sinatura

O escritor Manuel Rivas estará asinando exemplares de Todo é silencio e de todos os seus libros o xoves 3 de marzo, a partir das 18:00 horas, na Casa do Libro de Vigo.

Libros de Xerais finalistas nos Premios da Edición 2010

21 Febreiro 2011

Autores,Noticias,Premios

A Asociación Galega de Editores fixo públicos esta fin de semana os libros e autores finalistas nos Premios da Edición 2010, que serán entregados en Lugo o sábado 12 de marzo durante o transcurso da Noite da Edición.

No que se refire aos libros de Xerais, os finalistas son Todo é silencio, de Manuel Rivas, no Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción do ano; a novela Bilbao-New York-Bilbao, traducido por Isaac Xubín, no Premio Lois Tobío ao mellor libro traducido do ano; e a Guía ilustrada da Galicia invisible, ilustrada por Noemí López, así como Quéroche contar un conto, ilustrado polos alumnos do centro ASPANAEX de Vigo, no Premio Isaac Díaz Pardo aos mellor libro ilustrado do ano.  En canto ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano, os finalistas son Xosé Neira Vilas, Pepe Carreiro e Marcos Calveiro.

Crítica de Vicente Araguas sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas

8 Febreiro 2011

Críticas,Narrativa

Os xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa publicaron unha recensión crítica de Vicente Araguas sobre Todo é silencio, de Manuel Rivas, baixo o título de «Como certa vida mesma». Reproducimos algúns parágrafos:

«Teño a completa sensación de estar diante dun “artefacto”. É dicir, dun conglomerado onde todo canxa, onde cada apartado ou xénero entra no outro de maneira que a imaxe que dá do seu autor sexa dunha exemplar coherencia».

«Novela coral, pois, dun sentimento retabular acentuado polo fragmentarismo que Manuel Rivas imprime ao seu desenvolvemento, de xeito que os anacos da historia van canxando os uns nos outros á maneira dun “puzzle” epicamente disposto (se non fose polos pespuntes líricos con que Rivas vai artellando o seu traxe».

«Un home que anda a deseñar na súa literatura a Galicia de hoxe. Desta volta a da economía mergullada na loucura dun tempo que quixo poñerlle cancelas ao mar, sen decatarse de que del, tamén desas planadoras como anxos do mal, ían saír os antollos dos homes como Mariscal. Todo un carácter debguxado poor Manuel Rivas con trazo sutilísimo».

A recensión completa pode lerse aquí.

Acto literario musical o venres 28 en Noia arredor da novela «Todo é silencio», de Manuel Rivas

24 Xaneiro 2011

Narrativa,Presentacións

O IES Campo de San Alberto de Noia, e Edicións Xerais de Galicia, coa colaboración do Concello de Noia, organizan un acto literario musical ao redor da novela Todo é silencio, de Manuel Rivas, que terá lugar no Teatro Coliseo Noela (rúa Curro, 4 Noia) o día 28 de xaneiro, venres, ás 20,00 horas.
As alumnas do IES Miriam López Romero e Paula Gómez González e os alumnos Pablo García Blanco e Sergio García Domínguez
entrevistarán ao escritor para a revista Entrepontes.
Acompañarán musicalmente o acto o trío formado pola cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara.

José Luis Cuerda anuncia que levará ao cine «Todo é silencio», a novela de Manuel Rivas

11 Xaneiro 2011

Autores,Cine,Narrativa,Noticias

«Co guión de Rivas teño a sensación de que, por primeira vez, teño entre as miñas mans unha película», asegura José Luis Cuerda


O director de cine José Luis Cuerda anunciou no Café de Redacción do Xornal de Galicia que levará ao cine a novela de Manuel Rivas Todo é silencio.

Para Cuerda, que xa levara ao cine A lingua das bolboretas, Todo é silencio ten persoanxes «que van dous dedos por riba dos padróns medios do ser humano».

Cuerda, que chegou ao guión da película a través de Gerardo Herrero, di que o que máis  lle interesa son «unhas personaxes que se moven nunhas circunstancias e fan o que fan por razóns múltiples e que, ao seu xeito, a historia permite lecturas múltiñples».

José Luís Cuerda, que, como informa Alberto Ramos, xa está inmerso no proceso de adaptación, declarou que «co guión de Rivas teño a sensación de que, por primeira vez, teño entre as miñas mans unha película. O guión que me puxo Rivas diante fala de personaxes en situacións concretas con diversos anzois. Dende o dos sentimentos ao da acción social até o anzol dunha determinada mítica socialmente potenciada. Nesta novela de Rivas vexo imaxes e personxes que evocan a Ao leste do Edén».

Pode lerse a entrevista completa con Cuerda en pdf ou nas páxinas do Xornal de Galicia.

«”Todo é silencio”: a sedución e a tiranía do poder», comentario de R. Nicolás

26 Decembro 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

“As sombras resentidas da figueira acoitelaron toda a noite a ventá”. Velaquí un período calquera desta novela que por si só resulta abondo para alicerzar e deseñar unha atmosfera, un momento, un estrato deses que recobren Todo é silencio e que, como lectores, imos retirando e gorentando para descubrirmos, baixo unha urdime que nos achega ao celme das fronteiras precisas e históricas do delictuoso e en concreto dese percorrido que foi do contrabando ao narcotráfico, un rodopío narrativo que nos aboca ás claves da tiranía que exerce o poder, a súa sedución e cómo se estende o seu dominio abafante no que, porén, hai algunha fírgoa para a esperanza e a rebelión.

A proposta, talvez a máis cinematográfica do autor, construída con man de ourive paciente e asentada nunha arquitectura milimetrada, con eses notables lugares comúns que un espera en Manuel Rivas –o pouso melancólico, o alento e alto poder metafórico ou o lirismo por citar algúns deles– introduce un escalpelo que disecciona e proxecta para hoxe os territorios dese “silensio mudo” rosaliano, o que non é pouco. Ramón Nicolás

Publicado nas páxinas da sección de <<Cultura>> de La Voz de Galicia do 26 de decembro como un dos libros galegos máis salientables deste 2010.

Manuel Rivas en Culturgal, a entrevista de Galicia Móvese

15 Decembro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Presentacións,Vídeos

Moito agradecemos  a anotación que Galicia Móvese montou arredor da participación de Manuel Rivas en Culturgal en Pontevedra o pasado 28 de novembro. Manuel Rivas conversa co xornalista Camilo Franco arredor de Todo é silencio.

Moi recomendable.

Manuel Rivas asinará exemplares de «Todo é silencio» na Coruña os días 17, 22 e 30

13 Decembro 2010

Asinatura,Autores,Narrativa,Noticias

Os días 17, 22 e 30 de decembro, o escritor Manuel Rivas estará asinando exemplares da súa última novela, Todo é silencio, na Coruña.

O venres 17 de decembro faráo na libraría Arenas (Cantón Pequeno, 25), o mércores 22 na libraría de El Corte Inglés da Coruña e o xoves 30 na libraría Carballido (nos Castros).

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, libro do ano para a revista Que Leer

10 Decembro 2010

Autores,Entrevistas

A revista Que Leer resalta na portada do seu último número o libro Todo é silencio como Libro do Ano e inclúe unha longa entrevista con Manuel Rivas, publicada baixo o título «Hablamos con Rivas».

Crítica sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas, no blog Trafegando Ronseis

9 Decembro 2010

Blogs,Críticas,Narrativa

O blog Trafegando Ronseis publica unha valoración crítica sobre Todo é silencio de Manuel Rivas. Reproducímos un parágrafo da recensión:

De Todo é silencio hai que falar, posto que é falando como podemos compartir a nosa paixón pola Literatura, pola palabra escrita, pola lingua ben trazada, pola historia que nos apreixa. De Todo é silencio hai que falar para que non se oculte no esquecemento da mudez. De Todo é silencio hai que escribir para que se saiba que non sempre aquel é o axeitado.

Pódese ler o post completo aquí.

«Todo é silencio», a presentación en Couceiro

26 Novembro 2010

Autores,Narrativa,Presentacións,Vídeos

Couceiro from Fernando Lema on Vimeo.

Eis o magnífico vídeo que preparou Fernando Lema do acto da presentación o pasado 14 de outubro na praza de Cervantes de Todo é silencio de Manuel Rivas, organizado pola Libraría Couceiro. Iria Peña canta o fado «Chaves da vida», acompañada nas guitarras por Miguel Ladrón de Guevara e Gastón Rodríguez.

Entrevista a Manuel Rivas por «Todo é silencio»: «Un libro que non é perigoso non é libro»

25 Novembro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa

O suplemento literario Faro da Cultura, do Faro de Vigo, publica hoxe unha longa entrevista de dúas páxinas a Manuel Rivas feita por Natalia Álvarez, con motivo da publicación da súa última novela Todo é silencio.  O libro, para o que Xerais preparou un booktráiler, leva xa 12.000 exemplares vendidos.

Manuel Rivas asegura na entrevista que aínda que a súa novela se centre no narcotráfico, no fondo, do que fala é de seres humanos, e da condición humana.

A ese respecto, asegura que, de feito, as novelas «non só teñen unha lectura horizontal; non se poden ler en liña recta e quedar nunha soa zona. Hai que lelas en sonda, como no mar, e ir mergullando para poder descubrir todas as capas».

A derrota da solidariedade

Outra das declaracións de Rivas na entrevista refírese ao que el chama «capitalismo máxico», que coincide cun retroceso de calquera outra alternativa: «É a derrota da solidariedade e dunha economía que teña como centro a humanidade. Por iso é tan importante a literatura como información, non só como construción estética. Porque a Historia non se corresponde con esa idea de crecemento infinito que nos intentaron facer crer. Nós estamos vendo como, en certos intres, os movementos da historia tamén poden ser de derrota da humanidade. E a literatura pode dar unha visión diferente desa euforia histórica que fixo pensar que o futuro xa estaba aquí».

Unha viaxe ao inferno

Con respecto ao espírito que guiou Todo é silencio, Manuel Rivas asegura que «cando escribes hai que emprender unha viaxe ao inferno, porque esa é a razón de ser da literatura. Non é unha viaxe turística. Se a literatura se confundise cunha guía de Turgalicia sería a súa morte. Xustamete se vas ás orixes, aos contos tradicionais para nenos, atopas nelas as maiores historias da serie negra que podemos encontrar. É tremendo. E fíxate que o  elemento común a case todos estes contos é sempre a loita contra o medo e, sobre todo, contra o medo ao abandono: Hansel e Gretel, Polgariño… Penso que aí está a semente onde atopariamos o agromar da literatura. No fondo, o libro que non sexa un puñazo non é un libro. Realmente, ten que ser perigoso, aínda que tamén ten que estar presente a sutileza e o matiz da vida».

Pódese ler a entrevista completa en pdf aquí.

Crítica de Armando Requeixo sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas

22 Novembro 2010

Críticas,Narrativa

Armando Requeixo publicou o pasado xoves no suplemento literario Faro da Cultura, do Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Todo é silencio, de Manuel Rivas, baixo o título «A mallante Rivas», na que asegura que «na novela, a reflexión ten máis peso que o enredo do narotráfico». O artigo remata deste xeito:

«Na mallante do corazón, loitando co reverso escuro dos ácidos do Poder, fálanos todo o silencio mudo de Rivas, unha xeografía das paixóns e o Tempo que nos alegoriza».

A recensión crítica completa pode lerse aquí en pdf.

Artigo de Ramón Reboiras sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas

Artigos literarios,Críticas,Narrativa

Ramón Reboiras publicou o pasado venres na edición galega de El País un artigo literario, a modo de recensión crítica, sobre Todo é silencio, de Manuel Rivas:

He leído, tengo la sensación, algo griego, una tragedia clásica en este libro y por más que reconozco las rías y los cines, los automóviles y los ritos de paso, los acentos nativos y el trullo universal, atisbo en lontananza el libro que se abre sobre una cultura arcaica y sagrada que entra en la edad de la razón, en el siglo de las luces, a lomos de una planeadora de dos mil caballos.

Seguir lendo.

«A filla do ladrón de bicicletas» e «Todo é silencio», na Galipedia

18 Novembro 2010

Galipedia,Narrativa,Noticias

A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa, converteuse nun dos primeiros libros infantís galegos recentes con entrada na Galipedia, logo de obter o Premio Merlín de Literatura Infantil 2010.

Outro dos libros de recente aparición que tamén ten xa entrada na Galicipedia é Todo é silencio, de Manuel Rivas.  Dese xeito, a literatura galega está cada vez máis presente na principal canle de consulta documental da rede.

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, recensión no blog «Mesturas»

17 Novembro 2010

Blogs,Críticas,Narrativa

O blog Mesturas publica un post cunha recensión crítica sobre a novela Todo é silencio, de Manuel Rivas, que reproducimos integramente:

Quizais sexa a novela que mellor se deixa ler de Manuel Rivas. Os primeiros capítulos están máis na liña das anteriores. Preséntannos os personaxes e o ambiente no que se moven. Son uns capítulos moi fermosos cunha lingua moi coidada e ás veces poética. Conseguen meternos no mundo que logo aparecerá cheo de acción. Moitas veces nas novelas de contrabando o protagonista é o detective alleo a ese  mundo, o policía chegado de fóra; el será o encargado de desvelar os segredos da trama. Aquí non hai detective ningún e o policía non aparece ata ben entrada a novela, e cando aparece vai ser alguén coñecido. Non hai malos nin bos, hai xente, persoas que viven na costa galega e fan o que fan, o que a vida lles vai deparando.

Na cúpula da organización está o Mariscal (o Vello), un personaxe especial e moi crible, que mantén cos demais unha relación moi curiosa. Logo Brinco, o mellor piloto da vila, e Leda, unha moza que non pode nunca ser mala aínda que ande cos malos. Sempre, coma na teleseries hai un bar de fondo onde se reúnen, se ven, namoran… Alí canta fados Sira, que nunca foi a Lisboa. A vella e abandonada escola dos indianos serve de almacén e de cita para os rapaces.

Na segunda parte da obra todo é acción. Pasouse do tabaco dos inicios á droga, de participar toda a vila nas descargas a facelo só a organización. Mesmo se conectou con Portugal e outras xentes de fóra, incluídos colombianos. Case todo o mundo está comprado, non hai nada que facer, ou si? Quen mellor para observar que un policía saído da contorna? Deixarase comprar tamén? Ninguén sabe nada, todo é silencio.

E como pano de fondo de toda a acción, como elemento indispensable en toda a trama, está o Mar, sen el non habería novela.
Manuel Rivas leva moitos anos demostrando que é un mestre escribindo artigos para xornal. Despois de Que me queres, amor xa ninguén pode dubidar de que tamén é un dos grandes do relato curto galego. Con Todo é silencio deixa claro que tamén domina o oficio de novelista. Non se pode deixar de lela.

«Todo é silencio», booktrailer

9 Novembro 2010

Narrativa,Televisión,Vídeos,Xerais

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/hza4zvhKPz4" width="600" height="450" wmode="transparent" /]

Booktrailer de promoción da novela Todo é silencio de Manuel Rivas, editada orixinalmente en lingua galega por Edicións Xerais de Galicia. A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez. A música e a interpretación é de Lara Domínguez.

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, en Trafegando Ronseis

8 Novembro 2010

Blogs,Narrativa

O blog Trafegando Ronseis recolle a opinión dunha colaboradora sobre Todo é silencio de Manuel Rivas. Trátase da valoración dunha lectora que podemos ler aquí. O texto remata deste xeito: «porque temos boca e falamos, temos ollos e vemos, temos oído e oímos, recomendámosvos a lectura desta novela».

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas

3 Novembro 2010

Autores,Críticas,Narrativa

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre a novela Todo é silencio, de Manuel Rivas. Reproducimos algúns parágrafos:

(…)

Rivas entra con esta obra no terreo da novela reportaxe ao ocuparse do tema do tráfico de drogas nunha vila costeira galega (Brétema na novela), que non se pode identificar con ningunha vila en concreto, mais que está formada por trazos tomados de distintas vilas costeiras. Mais a partir da análise do actual tráfico de cocaína, Rivas, mestre nas superposicións temporais ao xeito da poesía de Machado, fai que no texto convivan diferentes tempos que representan moi ben o devir histórico contemporáneo da Galicia costeira.

Deste xeito, na novela superpóñense, cun presente dos anos oitenta, o pasado máis ou menos remoto dos tempos en que se recollen os restos dos naufraxios de barcos na Costa da Morte (as laranxas que apañan os homes de Mariscal na praia tras o posible afundimento dun barco), o primeiro terzo do século vinte coa súa pedagoxía laica e racionalista (a escola dos indianos que remata por arder no desenlace da novela), os anos corenta coa venda de volframio  aos alemáns e tamén aos ingleses e co estraperlo  ou os anos sesenta coa lembranza do contrabando de tabaco e whisky e o transporte ilegal de portugueses cara a Francia. Xa que logo, desde os anos oitenta, que é o tempo fundamental, a novela proxéctase cara ao pasado, co que o documento se tinxe tamén de melancolía, á par que se penetra na prehistoria do actual tráfico de drogas, así como na historia contemporánea de Galicia.

(…)

Con todo, a figura central da novela é Mariscal. Imponse visualmente co seu traxe branco e coas súas luvas tamén brancas, que cobren as mans queimadas. A súa figura é nebulosa. Uns din que se enriqueceu en Cuba, outros que herdou da familia (estraperlistas e contrabandistas de volframio). Mesmo o expulsaron do Seminario por dedicarse nel a negocios sucios. Ten todo o poder, pero realmente, como di cando arde a escola laica, el é un ninguén, aínda que se fale de que pode ser alcalde e ata senador. Por outra banda, non é un brután nin un túzaro, pois ten certos coñecementos de latín, polos seus estudos no Seminario, e ata se amosa como un bo coñecedor da obra de Unamuno.

Resultan así mesmo entrañables personaxes secundarios ou episódicos como o mestre Basilio Barbeito (tamén coñecido como O Coxo ou O Desterrado) e o médico Luís Fonseca, que nos fan atopar a memoria histórica, outro dos leitmotivs da narrativa de Rivas.

A novela presenta unha radiografía dos medios de que se vale a corrupción. Mariscal e os seus socios penetran en todos os ambientes sociais e controlan todo. Danlles cartos aos que participan nas descargas de droga, subornan gardas e policías que poden vivir así por enriba das súas posibilidades, penetran no sistema financiero e bancario cos seus ingresos en diñeiro, conseguen que os xornais os entrevisten e falen ben deles (moi boa é a entrevista que unha xornalista lle fai a Mariscal) e mesmo os seus tentáculos chegan aos xuíces ou a altos cargos policiais, sen esquecer o propio cura párroco.

Cando non abonda con isto, os capos saben crear unha boa imaxe entre a xente do común, pagando a megafonía da igrexa, subvencionando o equipo de fútbol ou aparecendo como os heroes da planadora. Salientemos neste eido o bo uso que Rivas fai das lendas urbanas, como a do aparcadoiro do cuartel da Garda Civil cheo de coches de luxo ou a pericia dos pilotos de planadora. A arañeira da corrupción aparece acaidamente descrita nesta novela.

(…)

Será esta novela lectura imprescindible deste inverno e anunciamos así mesmo  que será best-séller noutras linguas, como no castelán, cando se traduza a esta lingua dentro da política que levan algúns autores e editoriais de presentaren case simultaneamente as súas obras en galego e castelán. Esperemos só que medios como El Pais e similares, cando comenten a obra en castelán, digan que é unha tradución dunha novela orixinalmente escrita en galego.

Manuel Rodríguez Alonso

Crítica de Eyré sobre «Todo é silencio» de Manuel Rivas

2 Novembro 2010

Autores,Críticas,Narrativa

Xosé Manuel Eyré publica hoxe en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre Todo é silencio, de Manuel Rivas, logo de que adiantase algunhas opinións sobre o libro no seu blog. A recensión, publicada baixo o título «As áncoras da vida e da podremia» pode lerse integramente aquí. Reproducimos algúns parágrafos:

(…)

Dicir que é o máis acertado de Todo é silencio non resulta doado. En si, a novela toda está moi ben construída, moi pensada, é complexa como a realidade do día día, e está contada coa prosa sensíbel e doadamente recoñecíbel de Rivas, esa prosa densa e solidaria. Solidaria coas personaxes, en primeiro lugar, aí é onde asenta a novela, o tratamento das personaxes en Rivas sempre é de salientar, sempre, non pode ser doutro xeito, Rivas escribe personaxes igual que ve personaxes na vida, e no papel verte a mesma solidariedade, non é dos que escriben para a galería e o bonitismo. Á par desas personaxes que pasean carne e óso nas palabras negras en fondo branco, personaxes-fado rescatadas por un poeta negro, noveladas desde un punto de vista lírico, solidario, crítico á vez que comprensivo, experincialmente vívido; á par delas, habilidade narrativa de Rivas maniféstase nas descricións, breves e impactantes, descricións de trazo groso e moita sombra que acompañan e propician unha tensión formal moi notábel. Esa brevidade acelera o ritmo lector, ao que tamén contribúe a distribución da historia en capítulos breves, mais por outro lado son capítulos que non se deben ler vertixinosamente, ás tolas, irreflexivamente, porque convite á lectura reflexiva está presente desde a primeira liña do texto, o que tamén dá idea, anuncia e confirma que se trata dunha historia moi pensada e está escrita de maneira tamén moi calculada. Esa sensación, esa certeza, non nos deixa desde a primeira palabra á que pon remate.

(…)

Con estes vimbios é obvio que non falamos dunha simple novela senón dunha novela moi pensada, moi calculada e intelixentemente resolta alén de feitos anecdóticos como o de que no índice fora esquecido o capítulo XXXVI, que non se espante ninguén porque o tal capítulo está onde non debe faltar: no corpo textual da novela. Entre esas intelixencias e resolucións axeitadas, no quixeramos esquecer a secuenciación, progresiva e de contigüidades, mais que, outra vez, esixe certa concentración na lectura e só é posíbel nun narrador como Rivas, que con catro trazos sitúa, caracteriza, evoca, reflexiona e fai avanzar a trama, unha trama que inevitabelmente ten puntos de contacto coa cultura audiovisual (sobre todo recente, Matalobos, mais tamén clásica: Mariscal é, desde xa, o noso Padriño) mais quen lea Todo é silencio ficará coa imaxe dunha novela única, dura e entrañábel tamén, contada con tanta habilidade e intelixencia como antes ponderamos e aínda temos que engadir máis cousas. Como o tratamento temporal, que sabe dotar de actualidade unha trama que é do pasado, dese pasado que non pasa e pesa a diario porque nada, nada de hoxe se pode explicar sen onte, definitivamente as áncoras do pasado non están prendidas nos adverbios do almanaque senón no fondo de nós e negalo, negalo en calquera dimensión da vida, é un síntoma de atraso e pequenez.

Todo é silencio é máis que unha novela sobre o contrabando e o narcotráfico. É unha novela que retrata a purulencia dunha sociedade atrapada por un capitalismo salvaxe que a enche de balor coa súa coñecida falta de escrúpulos, tanto que mesmo os “beneficiados” rematan podres.

Balzac, hoxe, escribiría algo polo estilo.

Xosé Manuel Eyré

A última novela de Manuel Rivas, «Todo é silencio», será levada ao cine

Autores,Cine,Narrativa

Faro de Vigo e La Opinión recollen hoxe a nova, asinada por Mar Mato, na que se dá conta de que a produtora galega Milou Films iniciou xa os pasos necesarios para levar ao cine a última novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, que saíu á luz, editada por Xerais, hai a penas unhas semanas. A información recolle declaracións da responsable da empresa, Elisa Saldaña, que explica que aínda non se realizou o casting. O guión será responsabilidade do propio Manuel Rivas.

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, moi ben valorado tamén na tradución ao castelán

Autores,Narrativa,Traducións

Esta pasada fin de semana comezaron a aparecer as primeiras valoracións da tradución ao castelán de Todo é silencio, de Manuel Rivas, que está sendo moi ben recibida pola crítica. Nese sentido vai a recensión aparecida esta fin de semana en Babelia, así como esta outra. Outro texto salientable sobre o libro é o do blog de Juan Cruz.

Entrevista a Manuel Rivas: «Pódese estudar a sociedade desde a súa historia delictiva»

29 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa

O xornalista Manuel Jabois publica unha longa entrevista con Manuel Rivas na Revista do Diario de Pontevedra con motivo da publicación da novela Todo é silencio.

«Pódese estudar a sociedade desde a súa historia delictiva», declara Rivas, «normalmente tendemos a contar a historia dende unha identidade positiva, pero tamén é importante ver o lado escuro. Falar desta historia, que foi gravísima e é grave, nos permite facer un escáner da sociedade e de como foi quen de crear anticorpos para un modelo oculto, como a mafia, que intenta ocupala».

Con respecto ao futuro, o autor de Todo é silencio engade: «Non estamos libres de que a situación afrouxe de novo. Agora mesmo no conxunto de España a corrupción aparece case no último lugar de preocupación nas estatísticas. O Gürtel está na 11 ou 12 posición. Os inmigrantes de segundos ou terceiros. Á xente preocúpanlle moito máis os inmigrantes que coidan dos vellos e limpan a merda e recollen a froita que unha mafia que pode saír ceibe mañá».

Con respecto á cultura galega, Manuel Rivas asegura que «é unha cultura e unha lingua que saíu adiante contra corrente. Como a vida do noso país, ten forma de dorna que capea o temporal. Tamén os libros son dornas. O problema é cando o temporal non é natural senón provocado, e os ventos e as mareas non se producen sós».

Aquí pode lerse a entrevista completa en pdf.

Jaureguizar entrevista a Manuel Rivas: «O tema da novela é a loita polo poder»

27 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa

O xornal El Progreso de hoxe recolle unha entrevista que o escritor e xornalista Jaureguizar lle fai a Manuel Rivas con motivo da publicación da súa última novela Todo é silencio. «Máis ca cocaína, o tema da novela é a loita polo poder», asegura o entrevistado: «Había xente que se encontrou con que podía gañar diñeiro con algo que non era pecado, porque contrabando sempre houbo coas mulleres que pasaban a fronteira preñadas e volvían paridas».

A ese respecto, noutra das súas respostas, Rivas puntualiza: «sabemos quen goberna este mundo, pero non quen o domina».

Rivas asegura que da literatura lle interesa «as relacións de poder e o xeito no que a cultura actúa con prevención civilizadora como instrumento de dominio cun envoltorio perverso». E log engade: «pero non escribo pensando neses efectos secundarios. Como di Miguel Torga, o primeiro deber do escritor é escribir. Escribiría aínda que non me publicasen».

A entrevista pode lerse completa aquí.

Artigo de Manuel Gago sobre «Todo é silencio», de Manuel Rivas

25 Outubro 2010

Artigos literarios,Blogs,Narrativa

O xornalista Manuel Gago publica no seu blog un artigo sobre Todo é silencio, de Manuel Rivas, no que asegura, entre outras cousas:

A prosa de Rivas é poderosa, é unha sucesión de frases de impacto. Recórdame por veces a un videoclip: todo intenso, todo forte, todo ten que impactar. As personaxes rematan as conversas con sentencias lapidarias, sentencias para recordar, como é o propio diálogo público de Rivas, as súas conferencias e entrevistas. A prosa de Rivas, que non describe exhaustivamente os espazos, senón que esboza trazos de brocha gorda dunha intensa cor, ten para un galego un gran poder evocado.

O artigo pode lerse completo en Capítulo 0.

Eyré sobre “Todo é silencio”: “Balzac escribiría hoxe algo polo estilo”

22 Outubro 2010

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

O crítico Xosé Manuel Eyré publica no seu blog unha anotación na que compila todas as anteriores que publicou arredor de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas. Adiantamos uns cantos parágrafos da crítica que publicará proximamente na edición dixital do xornal A Nosa Terra:

Dicir que é o máis acertado de Todo é silencio non resulta doado. En si, a novela toda está moi ben construída, moi pensada, é complexa como a realidade do día día, e está contada coa prosa sensíbel e doadamente recoñecíbel de Rivas, esa prosa densa e solidaria. Solidaria coas personaxes, en primeiro lugar, aí é onde asenta a novela, o tratamento das personaxes en Rivas sempre é de salientar, sempre, non pode ser doutro xeito, Rivas escribe personaxes igual que ve personaxes na vida, e no papel verte a mesma solidariedade, non é dos que escriben para a galería e o bonitismo. Á par desas personaxes que pasean carne e óso nas palabras negras en fondo branco, personaxes-fado rescatadas por un poeta negro, noveladas desde un punto de vista lírico, solidario, crítico á vez que comprensivo, experincialmente vívido; á par delas, habilidade narrativa de Rivas maniféstase nas descricións, breves e impactantes, descricións de trazo groso e moita sombra que acompañan e propician unha tensión formal moi notábel. Esa brevidade acelera o ritmo lector, ao que tamén contribúe a distribución da historia en capítulos breves, mais por outro lado son capítulos que non se deben ler vertixinosamente, ás tolas, irreflexivamente, porque convite á lectura reflexiva está presente desde a primeira liña do texto, o que tamén dá idea, anuncia e confirma que se trata dunha historia moi pensada e está escrita de maneira tamén moi calculada. Esa sensación, esa certidume, non nos deixa desde a primeira palabra á que pon remate.

[…]

Con estes vimbios é obvio que non falamos dunha simple novela senón dunha novela moi pensada, moi calculada e intelixentemente resolta alén de feitos anecdóticos como o de que no índice fora esquecido o capítulo XXXVI, que non se espante ninguén porque o tal capítulo está onde non debe faltar: no corpo textual da novela. Entre esas intelixencia e resolucións axeitadas, no quixeramos esquecer a secuenciación, progresiva e de contiguidades, mais que, outra vez, esixe certa concentración na lectura e só é posíbel nun narrador como Rivas, que con catro trazos sitúa, caracteriza, evoca, reflexiona e fai avanzar a trama, unha trama que inevitabelemente ten puntos de contacto coa cultura audiovisual ( sobre todo recente, Matalobos, mais tamén clásica: Mariscal é, desde xa,  o noso Padriño) mais quen lea Todo é silencio ficará coa imaxe dunha novela única, dura e entrañábel tamén, contada con tanta habilidade e intelixencia como antes ponderamos e aínda temos que engador máis cousas…

[…]

Todo é silencio é máis que unha novela sobre o contrabando e o narcotráfico. É unha novela que retrata a purulencia dunha sociedade atrapada por un capitalismo salvaxe que a enche de balor coa súa coñecida falta de escrúpulos, tanto que mesmo os “beneficiados” rematan podres.

Balzac, hoxe, escribiría algo polo estilo.

«Todo é silencio», crítica de Manuel Candelas no blog Arume dos Piñeiros

16 Outubro 2010

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

Manuel Candelas publica no seu blog Arume dos Piñeiros unha crítica de Todo é silencio. Recollemos apenas un dos parágrafos dun texto no que se analiza moi polo miúdo o texto recente de Manuel Rivas:

Esta novela de Rivas Todo é silencio (cuxo título rememora o verso rosaliano) tampouco defrauda esa determinación previa. Atopamos os signos inequívocos da narrativa de Rivas: a presencia simbólica e poderosa dos mapas ou da escola ou da figura do mestre ilustrado de estirpe republicana (neste caso co engadido tamén ilustrado dos indianos que construiron escolas por toda a xeografía galega); a zooloxía ou a botánica como fonte inesgotable de metáforas; os equívocos lingüísticos que Rivas anota en forma de lista no seu caderno habitual (como puiden ver eu nunha memorable para min ocasión en que tiven a honra de presentalo), as patoloxías siquiátricas (a epilepsia dun dos protagonistas, as ausencias, a adicción doutro, a tendencia melancólica que conduce á desesperación ou á negación dun mesmo) como punto de partida para o fluxo estrañado da conciencia; a onomástica ou os modismos como arranque enxeñoso de brincadeira; a épica que remata grotesca por contraste entre a gravidade do momento e o ridículo do esceario (como na anécdota do búho avisador); o lirismo marino de peixes e escuma (a descripción da praia, ese outro mapa ou croquis que un bota en falta como apéndice e que espero que Xerais achegue en vindeiras edicións); a retranca amablemente irreverente, inocua pero chusca, que impregna boa parte dos diálogos; a anatomía humana (unhas dedas, unhas unllas, o cabelo deses cancerbeiros do cemiterio) como síntoma do porvir.

«Todo é silencio», primeira crítica, Sandra Faginas en «La Voz de Galicia»

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs,Xerais_nos_medios

Sandra Faginas publicou hoxe, 16 de outubro, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia a primeira crítica de Todo é silencio, a novela máis recente de Manuel Rivas. Como o texto non foi publicado na edición electrónica do xornal, aquí o transcribimos:

A CONSTRUCIÓN MÍTICA DO NARCOTRÁFICO

MANUEL RIVAS RESOLVE NA ESCURIDADE DUN TEMPO NO QUE A MAFIA DETURPOU A ALMA DE BRÉTEMA, TRASUNTO DUNHA GALICIA QUE SE ENGANCHOU AO DELITO E Á MORTE

O remate da última novela de Manuel Rivas (1957) deixa no padal aínda o sabor asalitrado desa prosa súa anfibia que desta vez arrastra como o mar atlántico a historia ficcionada do narcotráfico galego. Unha obra, Todo é silencio, construída desde a mítica duns personaxes que representan a orixe dunha nova evanxelización: o demo agochado nos oráculos dos caciques contrabandistas que abandonan o vello mundo, o tabaco, e aspiran outro novo, a cocaína. Un paso que lle serve ao autor para resolver na escuridade dunha época, desde os sesenta aos oitenta, na que a mafia deturpou as almas, as institucións, e, tamén, a linguaxe. De aí que dende o título suxerido nese verso seseante rosaliano («Todo é silensio mudo, soidá, dolor») as palabras queden convertidas en sentenzas, nun xogo orixinal dun narrador implicado no celme dos sucesos da historia, que permite que os personaxes cuspan ladaíñas e refráns como a Biblia fai cos salmos.

Porque desta vez, como sucedeu en Os libros arden mal, Rivas indaga dun xeito moito máis acentuado nas relacións da linguaxe e o poder, do crime, nunha volta iniciática á orixe proverbial onde os personaxes aparecen desposuídos da fala, do reclamo, do canto da verdade, da defensa, tal e como se nos anuncia na primeira frase: “A boca non é para falar, É para calar.” Este arranque mudo serve como unha salmodia, esa mesma que inspirou a obra («Os ídolos dos pobos son prata e ouro […] teñen boca, pero non falan, teñen ollos pero non ven, teñen oídos, pero non oen») para atraernos á creación dun universo paradoxal, real e ficticio, material pero non espiritual, terreal mais non divino, no que o mar enturbia simbolicamente a relación dos personaxes, como un ser supremo, que dá e quita a vida, nun trasunto da Xénese.

Neste invisible fío é onde sucumbe o lector que queda enleado na rede tecida por Rivas nesa dobre lectura (real e mítica) na que por un lado se recoñece nuns feitos dos que se cumpren 25 anos a impunidade dunhas bandas que se instalaron no sur de Galicia e a metafórica duns seres poliédricos muxidores e vítimas desa malla delitiva (Leda, Fins Malpica, Brinco e Mariscal…) con distintas respostas ao culto idolátrico artificial representado polo capitalismo do po máxico. Pero na mirada de Rivas o que sorprende en rigor é que non hai apaixonamento, nin sequera un ápice de distancia, nin unha fenda pola que escorregue unha dobrez irónica de quen olla afastado para eses seres verdaeiramente ficticios, non, o autor narra desde dentro cara a fóra como un deles, fundido, oculto na mafia da literatura para ofrecernos unha prosopografía perfecta da outra cara de Galicia, a secreta, que agocha outro mar de almas corrompidas.

En Todo é silencio, Rivas dinamita a acción tamén para pervertela nunha estrutura cronolóxica que vaia abalando entre o ritmo frenético dos diálogos e o apousamento descritivo dunha paisaxe devoradora. É nese fímico transcorrer alicerza unha obra que non encaixa no cualificativo de novela negra, no sentido de que se ofrece a cara escura dunha sociedade que podrida sobreviviu a un tempo no que mar disfrazou a morte de cor branca ata que a boca por fin dun grupo de madres se abriu para berrar. Sandra Faginas

Tamén son moi interesantes tanto a información que achega o blog Papel en blanco anunciando a aparición da edición en castelán de Todo é silencio, como os comentarios do crítico Xosé Manuel Eyré no seu blog ao fio do inicio da lectura da novela.

Manuel Rivas encheu a Praza de Cervantes coas palabras de «Todo é silencio»

15 Outubro 2010

Autores,Narrativa,Presentacións

Onte tivo lugar a presentación do último libro de Manuel Rivas, Todo é silencio, que se celebrou 19,30 horas, diante libraría Couceiro, coorganizadora do acto. A Praza de Cervantes de Santiago de Compostela acolleu un evento ao aire libre no que tamén estiveron presentes a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara, así como o editor Manuel Bragado.

Asistiron case 300 persoas e numerosos medios de comunicación fanse hoxe eco da presentación. Iago Martínez fai crónica do acto desde o Xornal de Galicia e Vanesa Oliveira desde as páxinas de Galicia Hoxe, que recolle as declaracións de Rivas nas que asegura que «Galicia xa é moi vella para suicidarse» en referencia ao «malestar e desacougo cultural» que está a padecer o país.

Tamén Carmen Villar, desde Faro de Vigo, recolle as palabras de Manuel Rivas cando recitou a Rosalía de Castro e cando se referiu a Todo é silencio como unha historia de personaxes na que, ademais dese contexto de tránsito delictivo, «o fundamental é a condición humana».

A nova da presención foi recollida tamén por distintos medios como La Voz de Galicia, Diario de PontevedraLa opinión, EcoDiario, 20minutos, LaVozlibre, e mesmo o Diario de León, así como por emisoras de radio e varias axencias de noticias.

Rivas: «O peor tóxico do narcotráfico foi a creba das defensas éticas da sociedade»

11 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Xesús Fraga publica en La Voz de Galicia unha entrevista a Manuel Rivas con motivo da chegada á slibrarías de Todo é silencio. Recomendamos a lectura dun texto moi interesante do que recollemos algúns parágrafos:

Os vieiros da literatura teñen os seus antollos. Hai anos, Manuel Rivas pasaba unha tranquila tarde de lectura entre os penedos da costa cando o sobresaltaron unha serie de estoupidos. «Eu pensaba que viñan dentro da terra, ata que me decatei de que dende aquel pesqueiro tan bucólico botaban dinamita ao mar», lembra. Aquela escena agroma agora de novo no capítulo inaugural de Todo é silencio (Xerais), unha novela centrada na capacidade envelenadora do narcotráfico nunha vila galega atlántica, á que o escritor bautizou como Brétema, «un local universal».

O libro narra como desemboca a venda de volframio, o estraperlo de subsistencia, o tráfico de emigrantes e despois de tabaco nunha superestrutura dedicada á introdución de droga en Europa a través de Galicia. Neses anos, a década dos oitenta, a comunidade «situouse en primeira liña da sociedade de risco», a piques de converterse nunha Sicilia. Non aconteceu, en opinión de Rivas, pola intervención decisiva do xuíz Garzón e a contestación social encabezada polas nais e as asociacións contra a droga. Esa globalización criminal que representou a chegada da cocaína trouxo unha morte xa anticipada no comezo de Todo é silencio, cando o océano cospe cadaleitos, a carga dun mercancías naufragado. «O mar é o que di a verdade», advirte Rivas, dun libro cargado de mutismo, evocado nas liñas do salmo: «Teñen ollos e non ven, teñen boca e non falan, teñen oídos e non escoitan».

[…]

Despois da estrutura de «esfera armilar» sobre a que teceu a longa novela Os libros arden mal, Rivas fai avanzar Todo é silencio «a golpes de mar». Unha historia que narra dende a ficción e non o documentalismo á mantenta: «A literatura ten a capacidade do matiz e a ficción conta mellor algunhas cousas», defende o tamén xornalista. Precisamente dende o periodismo e nalgúns contos Rivas xa abordara o mundo dos narcos, pero non foi ata agora que cristalizou nunha «visión moi completa», un impulso que equipara ao andar de Charlot, movido a medias pola «casualidade e a causalidade». Todo é silencio preséntase o vindeiro xoves día 14, ás 19.30 horas, na librería Couceiro de Santiago.

“Contra o silencio”, Daniel Salgado escribe sobre “Todo é silencio”

Autores,Críticas,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

Baixo o título “Contra o silencio”, Daniel Salgado publica un fermoso comentario sobre Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas. Un texto moi recomendable.

Cando Galicia estivo a punto de ser outra Sicilia, reportaxe de Manuel Rivas en “El País Semanal”

Autores,Narrativa,Xerais_nos_medios,Xornalismo

Recomendamos a reportaxe que Manuel Rivas publica en El País Semanal con motivo da publicación de Todo é silencio. A ilustración é de Miguelanxo Prado, como a portada da edición de Xerais.

«Todo é silencio», de Manuel Rivas, preséntase o xoves 14 na libraría Couceiro en Compostela

8 Outubro 2010

Narrativa,Noticias,Presentacións

A última novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, preséntase o próximo xoves 14, ás 19,30 horas, na libraría Couceiro, situada na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Durante o acto intervirán o propio Manuel Rivas, a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara e o editor Manuel Bragado. Se o tempo o permite, o acto ocupará a praza de Cervantes.

Previamente, o propio xoves 14, ás 12,30 h., celebrarase unha rolda de prensa de presentación aos medios de comunicación na propia libraría Couceiro.

Os diarios Galicia Hoxe e Xornal de Galicia recollen a chegada ás librarías do libro de Rivas, co que Xerais bate unha marca histórica ao convertérense os 12.000 exemplares de saída na tirada inicial máis alta da historia da editorial.

Manuel Rivas entrevista para EFE

3 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

O redactor de EFE Pablo L. Orosa realizou unha entrevista a Manuel Rivas  con motivo da aparición a vindeira semana de Todo é silencio. O texto publícase nalgúns medios como  El Correo Gallego, Galicia hoxe, La Opinión da Coruña, La Voz de Galicia. Recollemos algúns fragmentos dunha conversa longa e moi interesante:

Nesta novela Galicia non é Galicia. É un territorio imaxinado, Brétema, un lugar onde a vida vira ó redor do tráfico ilegal de mercadorías, do tabaco de estraperlo á cocaína. “O tipo de mercancía cóntanos como era cada época”, resume Rivas. Brétema puido ser calquera lugar fronteirizo do planeta. Pero foi Galicia. Quizais porque alí a “identidade delituosa” levaba tempo forxada, explica Manuel Rivas (A Coruña, 1957).

O berro desesperado O que en realidade sucedeu despois, o “berro desesperado” das nais da ría, a instrución do xuíz Garzón ou a operación Nécora, é un futuro aberto para os personaxes da novela, un grupo de mozos dos 60 arrastrados cara a un destino común. Todo é silencio non é un libro documental. Con todo nel, “todo é ficción e todo é verdade”, como adoi- taba dicir John Ford, recorda Rivas. Todo é silencio (Xerais, 2010) é unha fusión de novela negra e esperpento, unha chiscadela a Valle-Inclán. “Un esperpento de serie negra”, propón como definición o autor coruñés.

“O narcotráfico é a extensión delituosa do neoliberalismo: pór a economía ó servizo do poder e non das persoas”, denuncia Rivas, sempre crítico ante a “deshumanización” da sociedade causada por un “capitalismo caníbal”.

Os seus personaxes viven esta dualidade, no paso débil entre o ben e o mal, medorentos do mundo que os rodea, onde o maior perigo non vén das drogas, senón do veleno que inoculan: “O baleirado das almas”.

“As organizacións criminais queren posuír as sociedades, as persoas e, ao final, as palabras”, explica Rivas. “Ese é o botín máis importante. Con iso podes controlar todo”, conclúe.

Por fortuna, hai un elemento simbólico que nunca poderán controlar: o mar. Un personaxe fundamental desta novela.

Manuel Rivas en «Xornal de Galicia»: «Este país necesita un calendario de vitorias»

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Iago Martínez publica en Xornal de Galicia unha longa entrevista con Manuel Rivas con motivo da publicación de Todo é silencio. Recomendamos a lectura deste texto que consideramos moi interesante e do que recollemos algúns parágrafos:


–Os protagonistas de Todo é silencio andan por aí, están tirados do real. Por que escribir unha novela e non un relato xornalístico?
–Hai libros documentais moi bos sobre o narcotráfico, sobre todo os de Perfecto Conde e Felipe Suárez, e xornalistas que saben moito, como Julio Fariñas ou Elisa Lois. En ningún momento pensei en facer algo semellante. Todo isto que conto, esa herba da memoria que foi traballando na cabeza durante anos, levábame dereito á ficción. Pretendía contar unha boa historia, o que non implica un desapego ou unha falta de compromiso, e quería situalo nunha especie de intemporalidade, aínda que estea contextualizada entre o 68 e os oitenta. Conto o que pasou doutro xeito. É o Mariscal, o capo, un cínico que me ten enfeitizado, quen conta a novela. É o lado escuro o que fala en Todo é silencio. E dinos moito máis, desvenda moito máis a realidade que as fontes oficiais.

–Daquela, o real é aquí pura documentación ao servizo da novela.
–Hai un traballo de documentación grande, pero logo hai que deixalo atrás. Como a vaca cando rumia. Na novela, a realidade está en cachizas, mesmo as personaxes e os escenarios son froito dun traballo de costura. O Mariscal ten trazos de personaxes reais, pero xa é distinto. E a vila tamén. Parecíame parcial e inxusto situar a historia nun escenario concreto. Podía ser Vilagarcía ou Cambados ou Vilanova, pero sería inxusto. Esta historia foi máis alá do Salnés. Hoxe sabemos que a droga entra nos contedores, en calquera gran porto, e que se blanqueou en moitos sitios. Creo que Brétema, onde se ambienta a novela, é a cidade atlántica. É máis real que o real. De todos os xeitos, a min gústame moito a literatura [ri]. Creo que é unha boa ferramenta. A novela muda, ten metamorfoses, pero a ninguén se lle ocorre hoxe dicir que está en crise. Ao contrario. É dos xéneros que máis posibilidades ten. Está moi ensanchada, mesmo asimila elementos de non ficción, documentais.

[…]

Non é certo que a intelixencia, no canto de procurar alternativas ou construír unha historia das conquistas, desbalde o tempo en certificar ciclicamente iso que chaman “o fracaso colectivo”?

Estou de acordo. Cabréame moito, cando falamos de loitas, cando fago repaso ás verdadeiras mobilizacións… Aquí tiñamos todas as cartas para que puxesen unha central nuclear en Xove. Aquí, en fronte de Fisterra, tiñamos o maior vertedoiro de lixos radiactivos do mundo. Íase facer unha celulosa en cada ría. Por que non pensamos en que todo iso se evitou? Por que non pensamos en como se evitou? Moi fácil: con moitísima xente na rúa. Moitísima xente aguantando alcumes, desprestixio. Eramos anarquistas, comunistas, nacionalistas, radicais… Mayor Oreja dixo que eramos batasunos. Gustaríame que o proceso xurídico do Prestige non acabase sendo un desastre, pero iso xa non depende de nós. No que dependeu da xente cambiáronse as regras do xogo. A ver que goberno volve facer o mesmo. Cambiouse a lexislación europea. Mesmo diría que os poderes da Coruña deberían ser honestos e recoñecer que iso que se está a facer aí, o porto exterior, por moi discutíbel que sexa, foi posíbel pola reacción popular. Gábanse de non sei que cando foi grazas a que a xente, cando a expulsaron de María Pita, ocupou o resto da cidade mentres se celebraba o Consello de Ministros. Se fosen honestos, recoñeceríano. É un mínimo moral. As confrarías, unhas honestas e outras que calan como petos, saben que o que se cobrou foi porque a xente saiu á rúa. Aí é onde está a diferenza entre a Galicia que loita polo ben común e pola liberdade e esoutra Galicia deshonesta que o único que fai é chuchar como unha sambesuga a outra Galicia. Hai que loitar sen esperar ningunha medalla. Loitar para gañar, para conseguir as cousas. Reganosa non debería estar onde está, aí perdemos, pero hai que recordar que en Xove non hai unha central nuclear. Este país necesita un calendario de vitorias. Semella que o reparto da terra en Galicia veu dado ou foi unha concesión romana, cando foi unha loita tremenda que non acabou até a redención total de foros nos anos trinta do século XX. É tremendo pensar que moita xente pensa que os roxos lle van vir quitar a terra cando foron os roxos os que lla deron. E moita xente morreu nesa loita. En Galicia o que se fai é borrar continuamente a causalidade das cousas. A relación entre os movementos sociais e a realidade. As conquistas. Coma se todo fose unha dádiva. Se hai unha autonomía é en boa parte pola lingua, é lamentábel que agora se use para desarmar esa lingua. É un esperpento. En Galicia hai razóns abondo para estar todo o día na rúa. Se cadra haille que dar tempo á xente. Ao mellor está rumiando, como o escritor.

Rivas e o capitalismo máxico

1 Outubro 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

A edición galega de El País inclúe hoxe unha extensa entrevista a dúas páxinas de Daniel Salgado con Manuel Rivas, con motivo da aparición, a próxima semana, da súa última novela Todo é silencio, da que se inclúe tamén o primeiro capítulo: «Manuel Rivas regresa á novela, con Todo é silencio. E faino para esculcar en como o narcotráfico condicionou a vida do litoral atlántico. ‘Con John Ford, gústame dicir que todo é facción, mais todo é verdade’, explica. Reproducimos algúns fragmentos entrevista:

“Non é un libro documental, como os grandes grandes traballos de Perfecto Conde ou Felipe Suárez sobre o tema, ou o traballo xornalístico de Elisa Lois ou Julio Fariñas”, argúe, “pero eu quería escribir unha boa historia, e iso implica verosimilitude”. Non hai referentes concretos en Todo é silencio e, porén, nada é mentira: “O mesmo escenario está prendido da realidade”.

“Brétema realmente está feita con anacos, con cachizas de diferentes paisaxes e trazos de diferentes lugares; é a cidade atlántica”, define, “e hai unha intención intemporal”.

O primeiro thriller de Manuel Rivas detense, 274 páxinas despois, xusto no minuto anterior á caída dos grandes capos arousanos da cocaína.

Primeiro foron as mulleres que cruzaban a fronteira portuguesa coas cadeiras engordadas polas bolsas de sal -“ían preñadas e volvían xa paridas”, ri Rivas. A internacionalización do mercado ilegal sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial, no episodio do volframio común a Os libros arden mal e Todo é silencio. “Mariscal [o patriarca que domina a trama da novela] ironiza sobre o seu pai, de quen afirma que era autenticamente neutral”, relata, “porque vendía o mesmo volframio a ingleses e a alemáns”. Logo aparece o glamour do tabaco e o joni güolker que non pagaba xuros. Para o autor, aquilo foi un asunto de empaque, “case fashion“, nun país que apenas saía da pobreza ditatorial. “Pero a gran globalización represéntaa a cocaína”, conclúe.

Esta cronoloxía apurada do capitalismo totalmente desregulado opera na base da novela de Manuel Rivas. “Con todo, o importante non é a historia da mercadoría, senón como este proceso cambia e condiciona a vida das persoas”, explica, “e produce eses hábitos do capitalismo impaciente, un capitalismo máxico que se contrapón co que fai a maioría da xente”. Ao fondo dos traficantes de Brétema, as mariscadoras laboran metidas na auga até a cintura e algúns mariñeiros prefiren non empregar dinamita para acumular cartos máis rápido. O propio Mariscal resume a filosofía contrabandista: “Mentres se traballa, non se gaña diñeiro”.

“Tamén imos vendo o carácter destrutivo dese capitalismo delitivo, como vai penetrando, como vai manchando todo”, engade. E as primeiras vítimas, segundo a versión de Todo é silencio, chámanse Leda, Brinco, Chelín, Fins, os rapaces que ao longo dos 45 capítulos sintetizan os estragos dun modo específico de circulación da riqueza. O seu fado diverxe, aínda que sempre en relación ao corrupto becerro de ouro: a lei e a orde, o ionqui, a consorte do narco, o narco… “O importante é o que pasa con eles. Parece que os personaxes acaban dedicándose a iso porque o destino está neles”, describe.

Pero Galicia, ao cabo, non foi Sicilia. “Preguntouse moitas veces por que non”, di, “e houbo varias causas; a decisoria é porque a xente rompeu o silencio. Como as nais de maio, aquí foron unhas nais as que o fixeron. En Arxentina chamábanlles as tolas, aquí, as borrachas. Elas acabaron coa omertá“. Malia que este episodio xa conforma o fóra de campo da novela, é central para explicar o propósito de Manuel Rivas. Toda a obra xorde do silencio e a relación con el dos habitantes de Brétema.

“A literatura, para min, é destruír eses símbolos, tentar ver o que non se pode ver, unha maneira de conxurar o medo”. Tamén este fío cose Todo é silencio con Os libros arden mal e materialízase, por veces, na denuncia do eufemismo. Ese que leva a un policía da PIDE portuguesa a definir a tortura como “a procura de ausencia de conforto” no preso.

O ambiente colectivo que favoreceu o xurdimento do narcotráfico tamén ten a ver, segundo o escritor, co período que abranxe a súa anterior novela. “A banalización do mal, o queime ético, derivada de que un pobo viva nunha situación de sometemento, de humillación, como unha ditadura provoca un clima de inmoralidade pública”, esténdese, “e a delincuencia organizada que chamamos mafia é o resultado da inmoralidade pública. Velaí o hábitat ideal para que funcione a corrupción na alma dos personaxes”.

Rivas inventa sobre a marcha unha etiqueta e menciona “unha ecoloxía de serie negra”. “A paisaxe tampouco se libra da desfeita e iso vese ben no urbanismo”, comenta, ou nas técnicas ilegais de pesca ao comezo da novela. E non lle estraña o éxito de lectores do xénero policíaco que demostra a vaga nórdica de novelistas, os estadounidenses post-Ellroy ou, en Galicia, Diego Ameixeiras e, sobre todo, Domingo Villar. “A xente precisa esculcar e todos temos a sensación de que algo está oculto”, sinala, “nunha época que define un grafiti: ‘Tiñamos as respostas pero cambiáranos as preguntas”.

Manuel Rivas advirte, malia todo, contra a moda. “Tamén podemos ler hoxe o Quijote como serie negra, ou La Regenta, ou La Tribuna e Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán”, asegura, “porque se adentran nas tebras, loitan contra ese poder que vira máis forte cando emprega a ocultación”. Só que na escrita de Todo é silencio actúa un matiz: o mecanismo do humor, da ironía. “A ironía permítenos exceder esa fronteira do inaccesíbel que atopas ao escribir e ir un pasiño máis alá”, aventúrase.

Daniel Salgado

«Todo é silencio» de Manuel Rivas, adianto do segundo capítulo

19 Setembro 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Faro de Vigo e La Opinión da Coruña adiantan hoxe o segundo capítulo de Todo é silencio, a novela de Manuel Rivas que aparecerá nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Unha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega.  Boa lectura deste adianto.

A páxina en pdf de Faro de Vigo pode baixarse aquí.

Outono de lectura: Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras

16 Setembro 2010

Narrativa,Noticias,Reportaxes,Xerais_nos_medios

Maré, as páxinas de cultura do Galicia Hoxe, recolle hoxe unha reportaxe sobre as novidades literarias para o próximo outono, baixo o título «Outono de lectura».

Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras son os tres autores que Xerais vai ofrecer aos seus lectores e lectoras. A nova novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, que aborda o mundo do narcotráfico; o Premio Xerais de Novela 2010, concedido por unanimidade a Iolanda Zúñiga por Periferia; e a novela político dectectivesca de Diego Ameixeiras, Asasinato no Consello Nacional, constitúen tres magníficas novelas, distintas e de grande calidade, para este outono literario, tal e como se recolle no Galicia Hoxe:

«Manolo Rivas levou con sumo segredo o contido de Todo é silencio, a obra que sucede á eclosión narrativa de Os libros arden mal. Antonte mesmo fixo as últimas correcións do texto e a finais deste mes terá, fisicamente, o libro. Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema – coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, “quedará gravado na historia da Literatura galega”. É, engade o editor, “unha novela profundamente fermosa, de lectura e de escrita”. Segundo as previsións da editorial, publicarase antes do 10 de outubro».

«O Xerais 2010 tamén terá o seu oco nos andeis, xa que a editorial publicará proximamente Periferia, de Iolanda Zúñiga. Trátase dun texto “contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia” ambientado nas favelas brasileiras, onde a xente sen oportunidades recorre ó narcotráfico antes que a ir á Universidade xa que “gañan moito máis”. Periferia fala daqueles que viven “nos confíns do mundo” e dos “corazóns esperanzados dos seus protagonistas”. A editorial aproveitará a ocasión para facer unha reedición do seu Vidas post-it, de 2007».

«Quen está levantando moita expectación é Diego Ameixeiras co seu Asasinato no Consello Nacional, que ten tódalas papeletas para converterse no best seller da temporada. Na súa novela, o detective Alberto Cudeiro recibe o encargo da dirección do Bloque Nacionalista Galego de investigar un crime sucedido ó saír da reunión do consello nacional do partido. Alí, un encarapuchado asasina con tres disparos ó parlamentario Mario Dacosta, intres despois de que a executiva presentase a súa dimisión. A súa investigación non queda nese incidente, xa que Cudeiro rematará por resolver un enigma relacionado coa Guerra Civil».

Manuel Rivas anuncia a publicación da novela «Todo é silencio» no vindeiro outono

27 Xullo 2010

Autores,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Manuel Rivas anuncia hoxe nunha entrevista que Alberto Ramos publica nas páxinas de Xornal de Galicia a publicación o vindeiro outono de Todo é silencio, unha novela que xirará arredor do mundo do contrabando de Brétema, unha vila inventada. «Acontece nun lugar imaxinario con referencias reais da costa atlántica. Nárrase o ascenso dun capo do contrabando, pero o realmente esencial na obra son as personaxes. O contrabando é simplemente o pano de fondo», adiantou Manuel Rivas nesta entrevista con Xornal de Galicia. Dende esa vontade de poñer en primeiro plano as personaxes, Manuel Rivas realiza un percorrido temporal polo transcorrer desta vila imaxinaria. «O libro está ambientado nas últimas décadas do século XX, trata da vida da xente deste lugar e das distintas xeracións. Pódese dicir que trata das almas da vila», explica o autor de Que me queres, amor? «Temos ese pano de fondo do contrabando, pero o que principalmente prima son as personaxes, as relacións entre as persoas e en todos os sentidos. Para min, o máis importante das novelas son as personaxes, eles son a novela», explica o autor. Con todo, Rivas que se atopa estes días rematando o texto. «Non quero falar demasiado, aínda estou traballando niso e penso que das novelas hai que falar cando son unha realidade», sinaloulle para rematar a Alberto Ramos.

Todo é silencio será publicada no vindeiro outono dentro de Xerais Narrativa. A portada da novela (220 páxinas) foi preparada por Miguelanxo Prado. Adiantamos o que serán os paratextos de contracuberta:

Todo é silencio narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Brétema, o universo que domina ao seu antollo. En Brétema, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha novela, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o extraño feitizo da condición humana.

Actualización (28-07-2010):