A presentación da primeira novela de Manuel Rivas, rescatada da hemeroteca de El Ideal Gallego

5 Abril 2011

Autores

O xornal El Ideal Gallego rescatou da súa hemeroteca, esta fin de semana, a foto da presentación, da primeira novela de Manuel Rivas, Todo ben, no Ateneo da Coruña, presentación na que participaron Xavier Seoane, Xosé Manuel Pereiro, Moncho Viñas e os xogadores do Deportivo Milos e Donowa. No acto, Rivas leu o «Manifesto por un fútbol atlántico» como unha reflexión irónica sobre o fútbol e a propia sociedade. A información pode descargarse en pdf. Precisamente esa novela foi reeditada recentemente por Xerais.

«Todo ben», a primeira novela de Manuel Rivas

30 Setembro 2010

Fóra de Xogo,Narrativa,Reedicións,Xuvenil

A Nosa Terra, nesa estupenda sección denominada «Un libro para cada día», faise eco da reedición na colección Fora de Xogo, de Todo ben, a primeira novela de Manuel Rivas, «unha historia ambientada no Brasil, con moito fútbol, algo de amor e unha chisca de intriga».

Manuel Rivas, o xoves 5, ás 19:00 horas, na Feira do Libro da Coruña

4 Agosto 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Noticias

Manuel Rivas asinará na Feira do Libro da Coruña mañá xovés, 5 de agosto, a partir das 19:00 horas, exemplares da nova edición de Todo ben, publicada con motivo do seu vinte e cinco aniversario da aparición da primeira edición.

Todo o verán para a aventura, todo o verán para a lectura

19 Xullo 2010

Fóra de Xogo,Merlín,Premios,Reedicións,Teatro,Xerais_nos_medios,Xuvenil

En pleno mes de xullo aínda hai tempo para a choiva, agradécese especialmente cando refresca o ambiente, pero o mellor é enrouchar no mar, esa sensación que lle queda a un cando leva unha porrada de horas dentro da auga.

O corpo pide sol e praia pero tamén quere froita, xeados e por que non, unha sopa, pero unha Sopa de xarope de amora. Este é o título da obra de Xosé A. Neira Cruz que acaba de tirar do prelo a Editorial Xerais e á que lle foi concedido o IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009. Un bo petisco ou larpeirada que levar á boca nestas tardes de estío e coa que poderemos gozar nós, os maiores, e facer gozar aos nosos cativiños.

Segundo o ditame do xurado, “unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando

unha atmosfera que estimula a imaxinación”. A “crítica social” supón”o trasfondo que está ao longo de toda a obra”. A peza conta a historia do doutor Amorodo, un científico ao servizo das casas reais que recibe encargos estrafalarios e está namorado de dona Chismunda. “Son reinos diminutos, que lle darán ao doutor ultimatos para que consiga casar as súas fillas, ou senón decláranlle a guerra… O título vén da sopa que fai a súa ama de chaves, e el tenta descubrir cal é a receita…” Esta magnífica peza está ilustrada por Marta Álvarez Miguens e serve para practicar dicción e oralidade, aspectos tan necesarios na actualidade.

A Xenaro Conese Maiúsculo complícanselle moito as cousas desta vez. Ademais de ter que se enfrontar cos irmáns Lourido, uns mangallóns disque malos malísimos, ten que aturar unha nena nova na súa clase, Sefi a madrileña. Por riba, o seu amigo da alma, Flipe Efes, compórtase dun xeito moi estraño, coma se agochase algún segredo. Resolver o misterio da Horta dos Reis será o de menos para o Xe nesta nova aventura, unha andanza onde nada é o que semella, nin sequera a hucha do indiano.

Xa son 232 páxinas de lectura dentro da Colección Merlín para aqueles que xa saben ler. Unha oportunidade única para practicar unha miga a diversión e a capacidade de resistencia ante unha noveliña por capítulos algo extensa. Xenaro e a hucha do Indiano agocha ata un plano da Horta dos Reis e terás que ler esta aventura de Mar Guerra para ser quen de saber que hai alí.

Para os xa mozotes, e dentro da inmellorable colección Fóra de Xogo,  presentamos a reedición da novela de Manuel Rivas Todo ben coa que o escritor se iniciou na narrativa. Unha intriga que cumpre nada menos que vinte e cinco anos sen perder a súa forza e o seu enxeño. Todo ben ábrese coa noticia do asasinato de Andrés Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Xaneiro. Na noticia incúlpase como principal sospeitoso ao xornalista Marcos Andrade, un náufrago e poeta namorado do fútbol. Logo de intentar cambiar o mundo en varias aventuras periodísticas en Galicia, Marcos Andrade decidiu procurar novos horizontes no Brasil colaborando no xornal O Globo coas súas crónicas deportivas, nas que defende un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas coma as ondas do océano.

A obra mantén a cerna dunha historia que se move na serie negra, cunha singular localización no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordinadas temáticas principais. Unha feliz reexistencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo e unha axeitada proposta para confeccionar un verán entretido e refrescante.

Tres propostas para tres idades diferentes todas divertidas e apetecibles.

Texto de Rominabal publicado no suplemento «Lecer» de Galicia hoxe o 18 de xullo de 2010.

Xerais na Feira do Libro da Coruña

8 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións

Xerais xa ten pechado o programa dos actos que realizará na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Día 2 luns
19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra.
19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Día 3 martes
19:00 h.: Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra.
20:00 h.: Presentación do libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz.  Intervirán: Manuel Rivas, Manuel Salorio, Manuel Bragado e o autor.
21:00 h.: Presentación do libro Settecento de Marcos Calveiro.  Intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.

Día 4 mércores
18:30 h.: Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19:00 h.: Presentación do libro Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra.  Intervirán Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Día 5 xoves
19:00 h.: Manuel Rivas asinará exemplares de Todo ben e do resto da súa obra.

Día 6 venres
19:30 h.: Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra.
20:00 h.: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Manuel Bragado e Vicente Araguas.

Día 7 sábado
19:30 h.: Presentación do libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.  Intervirán: Xavier Seoane, Manuel Bragado e a autora.

Día 9 luns
20:00 h.: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

«Todo ben», 25 anos despois, a obra de iniciación narrativa de Manuel Rivas

9 Xuño 2010

Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Reedicións,Xornalismo,Xuvenil

25 anos despois da publicación de Todo ben na colección Xabarín de Xerais, a obra de iniciación narrativa de Manuel Rivas, a vindeira semana chegara ás librarías a nova edicion dentro da colección Fóra de Xogo. Todo ben renace así, tras unha completa revisión do autor, achegando unha segunda vida a unha ficción pioneira da «serie negra» na literatura galega.

Todo ben ábrese coa noticia do asasinato de Andres Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Janeiro. Na noticia incúlpase como principal sospeitoso ao xornalista Marcos Andrade, un náufrago e poeta namorado do fútbol. Logo de intentar cambiar o mundo en varias aventuras periodísticas en Galicia, Marcos Andrade decidiu procurar novos horizontes en Brasil colaborando no xornal O Globo coas súas crónicas deportivas, nas que defende un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas coma as ondas do océano. Marcos Andrade fuxía dun amor imposíbel, á procura de paz, e atopouse metido nun xogo fatídico.

A obra mantén a cerna dunha historia que se move en «serie negra», cunha singular ubicación no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordenadas temáticas principais.

Unha feliz re-existencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo.

Esta segunda edición de Todo ben inclúe un prólogo do autor «A Literatura vadía», así coma tres epílogos documentais:

  • O «Manifesto do fútbol atlántico», texto que leu Manuel Rivas na Coruña, o 2 de abril de 1985, día da presentación de Todo ben, no que estivo acompañado polo xornalista Xosé Manuel Pereiro e o dianteiro do deportivo da Coruña Cunningham.
  • As ilustracións que María Rivas Barrós preparou para a primeira edición.
  • O prólogo da primeira edición: «Travesía e disfrace de Manuel Rivas» de Xavier Seoane.