«Ti non xogas», de Silvestre Gómez Xurxo, no Club Lendo Contigo de Espazo Lectura

24 Novembro 2011

Animación á lectura,Clubs_de_lectura,Infantil,Merlín

O libro Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo, centrará este sábado 26 o Club Lendo Contigo, de Espazo Lectura, e contará coa presenza do autor na Biblioteca de Gondomar.

O Lendo Contigo recibe a Silvestre Gómez Xurxo para falar de «Ti non xogas»

O sábado 26 de novembro, a partir das 12.00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.

Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Ti non xogas!, do escritor Silvestre Gómez Xurxo (Xerais, 2011). Se aínda non tes a guía de lectura para esta sesión, podes consultala picando aquí.

Contaremos coa presenza do autor

Silvestre Gómez Xurxo estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

O libro

Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado. O peor é estar amolado, e estao, porque cando quería xogar Róber chimpoulle: —Ti non xogas! Non houbo ninguén que lle dixese a Róber que iso non se podía facer, que todos poden xogar e ninguén ten dereito sobre os demais. Por iso Suso está amolado, porque non soubo que facer.

O autor

Silvestre Gómez Xurxo (Beba, Mazaricos 1951) é mestre, licenciado en Xeografía e Historia e Psicopedagoxía. Director da Escola de Formación Social de Vigo. Autor de numerosos materiais educativos destinados ao ensino da lingua galega, do coñecemento do medio e de matemáticas na Educación Primaria. Coautor, xunto con Ana María Llanes, do método de aprendizaxe da lectura en lingua galega De Vagar (2003). O seu primeiro libro foi Conversas do Pai Seixas (1985). Ten publicadas as seguintes obras de literatura infantil e xuvenil: Déixao medrar (2000), novela; Ith (2001), novela Todo vai ir ben (2005) e Ti non xogas! (2011).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de María Navarro sobre «Ti non xogas!», de Silvestre Gómez Xurxo

5 Maio 2011

Críticas,Infantil,Merlín

María Navarro publica no Faro da Cultura, o suplemento literario de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo. Reproducímola integramente:

Relacións entre iguais

Tecer cos fíos da cordura

A títulos como Déixao medrar e Ith séguelle Ti non xogas!, texto que afonda no tema da educación e das relacións entre iguais.
Neste caso son os nenos os que, nese intento por facerse un oco entre compañeiros, afánanse en amosar a súa valía e verse recoñecidos polo grupo. De modo que calquera xesto, calquera movemento é percibido por eles como unha auténtica afrenta na que a súa dignidade pode verse
trastocada.
Neste sentido a fantasía chega a converterse nun recurso do que botar man á hora de resolver conflitos e/ou buscar explicacións ao comportamento, a priori, negativo dos demais.
“Ti non xogas!” son as palabras que Róber lle dirixe a Suso ao comezo dun recreo calquera nun día calquera de clase. Son palabras proferidas con rabia e coa intención de paralizar o adversario que nese momento fica desconcertado non só polo que acaba de escoitar, senón tamén pola falta de reacción do resto dos rapaces que impasibles renuncian a calquera actuación a favor do compañeiro discriminado.
O autor, Silvestre Gómez Xurxo, tece a partir desta situación inicial unha tea que cose cos fíos da cordura, do respecto, da paciencia e da sensatez para que por eles circulen o protagonista e Phanti, unha pantasmiña –probablemente imaxinaria– que irrumpe na vida de Suso para acompañalo nese percorrido que vai dende o enfado ata a reconciliación e que pasa pola resignación, o desasosego e a tensa calma, como estadios imprescindibles que levan o rapaz a aceptar as suxestións que outros lle fan e a poñer en práctica as normas elementais de conduta.
As características ilustracións de Anxo Fariña acompañan ao texto e lembran o lector que a imaxinación convértese nunha boa aliada na resolución de conflitos.

María Navarro

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Ti non xogas!», de Silvestre Gómez Xurxo

27 Abril 2011

Críticas,Infantil,Merlín

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog unha recensión sobre Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo. Reproducímola integramente:

Sigo con moito interese, por diversas razóns, as achegas literarias de Silvestre Gómez Xurxo que comezaron desde o saudoso Conversas co Pai Seixas (1985), cando os libros de conversas eran ben pouco comúns. Desde aquela, o profesor natural de Mazaricos achegouse, polo de agora e case con exclusividade, ao ámbito da literatura infantil e xuvenil con novelas de grande éxito entre lectores como son Déixao medrar (2000), Ith (2001) e Todo vai ir ben (2005), nómina á que acrecenta, desde hai pouco máis dun mes, o título Ti non xogas! (2011), proposta narrativa para lectores de nove ou dez anos en diante e que condensa, ao meu parecer, algúns dos motivos que máis preocuparon ao autor en boa parte da súa obra como son, á marxe da recreación histórica perfilada en Ith, a exposición de conflitos que se formulan a idades temperás, polo xeral protagonizados polos propios rapaces e rapazas e sempre reflectidos con afán verista no medio dos ámbitos máis comúns nos que estes se moven acotío.

Dalgún xeito a expresión que lle dá título ao volume convértese na faísca, nesta ocasión, que prende un argumento a abalar entre os esteos que van conformando a propia personalidade, seguindo o devalar do  protagonista, un rapaz de nove anos chamado Suso, e  a denuncia dos abusos de poder e as discriminacións que se exercen a instancias do antagonista, neste caso outro rapaz chamado Róber. Como nexo de unión recórrese a un sorprendente recurso, focalizado nun branco pano de man que, con complicidade, introduce o factor  máxico.

Isto último outorgará moita rendibilidade ao desenvolvemento da novela pois o devandito obxecto de filiación fantástica contribuirá, de maneira destacada e sen nunca perder a verosimilitude que ofrece a naturalidade con que se transmiten os espazos domésticos e escolares, a solventar o reto que se formula na necesaria resolución dos propios problemas por si mesmo e a través do diálogo, sen por iso pechar a porta á solidariedade colectiva, que tantas veces incide de xeito favorable. Por todo o dito beizóns, mestre!

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Recendo de aire sonoro», «Ti non xogas!», «O misterio das badaladas» e «A princesa Sabela»: Romina Bal fai un repaso polas novidades infantís de Xerais

29 Marzo 2011

Álbums,Infantil,Merlín,Novidades,Sopa de Libros

Galicia Hoxe publicou unha páxina sobre as novidades infantís de Xerais asinada por Romina Bal. A información, que tamén pode descargarse en pdf, reproducímola a continuación:

Unha manchea de novidades de Xerais completan a proposta anterior. Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro é outro libro da coleccion Sopa de Letras que recolle un diálogo fascinante entre a música e a poesía. Un poemario que vai espertar nos lectores e lectoras sensacións vivas e profundas, cargadas de emoción. En Recendos de aire sonoro as notas musicais e as palabras danse a man e camiñan xuntas polos vieiros que trazan os versos. Nos seus poemas soa o violín, treme a arpa, percute o timbal, láiase a gaita, Beethoven saúda a Bob Dylan mentres berran as guitarras de rock e a orquestra se despista. Un libro para ler cos cinco sentidos.

As dúas paixóns de Antonio García Teijeiro, a música e a poesía, establecen un diálogo fascinante neste poemario fermosamente ilustrado por Fino Lorenzo, que vai espertar nos lectores e lectoras sensacións vivas e profundas, cargadas de emoción.

Unha opción máis novelada é Ti non xogas! unha fermosa historia sobre a convivencia, de Xurxo Gómez Silvestre e ilustrado por Anxo Fariña, un libro que fala da importancia de dedicar esforzos a traballar pola xustiza, pola paz, pola compaixón, pola solidariedade e pola amizade.
Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante, solleiro. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado por mor de Rober.

Noutra orde de cousas hoxe presentamos un gran libro que está de aniversario O misterio das badaladas, de Xabier P. DoCampo, o primeiro best-seller da literatura infantil galega ilustrado por Xosé Cobas foi publicado por vez primeira en 1986, cumpríndose este ano o seu 25 aniversario. Un clásico que non perde fol e permanece na vangarda como no momento no que se publicou.

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde…

A princesa Sabela, de Cornelia Funke e ilustracións de Kerstin Meyer, completa a oferta de Xerais para este mes, unhas novidades máis que potentes que enchen . A princesa Sabela é un divertido álbum ilustrado protagonizado por unha princesa moi particular. A princesa Sabela e as súas dúas irmás tiñan trinta armarios roupeiros cheos de preciosos vestidos, serventes que lles limpaban o nariz, doncelas que lles aquelaban os dormitorios… Pero Sabela, a princesa máis nova, non era feliz.

Propostas divertidas, axeitadas a cada idade e cun ronsel de aventuras que non aburren. Coleccións únicas para gozar
A experiencia de Edicións Xerais de Galicia na escolla do material axeitado a cada idade é froito da experiencia. Hai moitos anos que aposta pola literatura infantil e xuvenil en galego e mostra desa aposta é a colección Merlín. A colección Merlín, despois dos máis de douscentos títulos publicados, continúa sendo o tronco do proxeto lector de Xerais.
Organizada en catro grandes tramos (álbums do Merliño, sete, nove  e once anos en diante), abrangue todos os xéneros (conto, novela, poesía e teatro) e reúne a máis variada nómina existente de autores e autoras e ilustradores e ilustradoras galegos.
Os milleiros de lectores e de lectoras da colección, así como os premios outorgados a moitos dos seus títulos (Lazarillo, Crítica, Lista de Honra do IBBY, Lecturas Galix, Frei Martín Sarmiento, ademais do gañador da convocatoria anual do Premio Merlín, convertido tamén desde 1986 nun dos premios de maior prestixio) referendan a excelencia dunha colección considerada unanimemente como referencia
imprescindible da edición infantil de calidade.
Na colección Sopa de Libros, organizada en primeiros lectores, catro, seis, oito, dez e doce anos, están publicados títulos de autores galegos tan exitosos como No corazón do bosque de Agustín Fernández Paz, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey, A casa da luz e O Pazo Baleiro de Xabier Puente DoCampo e tamén de tradución como Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure.
Na páxina web www.xerais.es podemos atopar os catálogos completos que compoñen as coleccións máis representativas da editorial, xunto cunha breve recensión da obra, así como descubrir os plans lectores cos que conta. Este contido está permanentemente actualizado e as novidades editoriais tamén se poden seguir a través do seu  blog http://xerais.blogaliza.org/, en facebook e no Twitter.

Romina Bal

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Ti non xogas!», de Silvestre Gómez Xurxo, novidade do mes de marzo

3 Marzo 2011

Merlín,Novidades

O libro Ti non xogas!, de Silvestre Gómez Xurxo é unha das novidades dos mes de marzo na colección Merlín. O libro esetá ilustrado por Anxo Fariña.

Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado. O peor é estar amolado, e estao, porque cando quería xogar Róber chimpoulle: —Ti non xogas! Non houbo ninguén que lle dixese a Róber que iso non se podía facer, que todos poden xogar e ninguén ten dereito sobre os demais. Por iso Suso está amolado, porque non soubo que facer.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp