Marcos Calveiro e Pere Tobaruel falaron de como constrúen a novela histórica

2 Maio 2012

Mesa Redonda,Narrativa,Reportaxes

Reproducimos a reportaxe de Montse Dopico en Dioivo sobre a mesa redonda de onte na Feira do Libro de Santiago, organizada por RedeLibros onde participaron Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente ) e Fran Zabaleta (Medievalario).

 

A novela histórica, testemuña da utopía cotiá

Venecia é un labirinto. Unha maraña por terra, mar e aire. Un dédalo atravesado por cento cincuenta canles, salvadas por máis de trescentas pontes de madeira e pedra á sombra de cento corenta campaniles e de setenta igrexas e capelas. Dispostas teselas que conforman o máis grande e fabuloso mosaico do universo”. O escritor Marcos Calveiro comeza boa parte dos capítulos da súa novela ‘Settecento’ con descricións coma esta. Mais, curiosamente, nunca visitou a cidade italiana.

‘Settecento’ xurdiu, ademais, dunha imaxe. O autor leu nunha revista de música que en Venecia houbera un tempo no que os aprendices dos luthiers pelexaban até a morte no porto polas mellores madeiras para os seus xefes. Contouno na Feira do Libro de Santiago, nunha mesa redonda sobre a novela histórica. Advertiu ao principio de que, nin el, nin os seus compañeiros no debate, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, coñecían os segredos do xénero. Pero algún nos revelaron.

Cada un deles ten o seu método. O de Marcos é, segundo el mesmo o definiu, “caótico”. Comeza polo capítulo final e despois escribe o resto, sen guión sobre os personaxes. Traballa escoitando música. Documéntase moito, -le libros, vai aos arquivos-, pero non toma notas. Nin considera a rigorosa exactitude histórica como “un dogma de fe”, pois o que fai é, -lembrou-, literatura, e non historia.

Pere e Fran son máis sistemáticos, aínda que, no fondo, o seu xeito de traballar non é tan distinto ao de Marcos. Pere consulta historiadores. Mesmo para detalles como, -contou a anécdota na Feira do Libro- se o almorábide levaba roupa branca ou verde. Fran traballa co seu guión, e preocúpalle que o lector poida sentirse enganado se se decata dalgunha inexactitude histórica. Pero recoñece que, moitas veces, os personaxes atopan o seu propio camiño, diverxente do que el nun principio lles planeara.

Cada un deles presentou o libro doutro. Pere dixo de ‘Settecento’ de Marcos que para escribir liñas como as que encabezan esta crónica, tiña que ter toda a información sobre a cidade moi ben lida e dixerida. Marcos confesou que botaba de menos no libro de Fran, ‘Medievalario’, que non estivese en galego, pois a historia pídeo. Mais sinalou tamén que, para el, o importante na novela histórica non é a profusión dos datos, senón a súa achega á vida cotiá da época que recrea. Cualidade que, -subliñou-, si amosa ‘Medievalario’.

Fran apuntou, pola súa banda, ao xeito no que Pere conta a viaxe dunha investigadora catalá a Galicia ao tempo que narra a volta dunha familia catalá asentada en Galicia a Cataluña, no tempo da industria da salgazón. Mais o máis importante, -sinalou-, é que a acaba falando dos seres humanos, “dos motivos que nos levan e nos traen”, da arela de buscarnos a nós mesmos, que é o que distingue as boas novelas.

Unha das conclusións da mesa foi que, malia todo o traballo de documentación e todo o esforzo por darlle verosimilitude ás historias, os novelistas son “grandes mentireiros”. Porque para que che crean tes que mentir, traspasar a liña entre ficción e realidade. Marcos explicou que el partía sempre dunha idea, unha imaxe… algo como un billete de 25 pesetas que nos ensinou. Un agasallo da súa avoa, no que alguén escribiu algo para outra persoa de aquí desde Alemaña. “Aquí hai unha novela”, dixo.

Fran asegurou que a el, o que o “fascina vitalmente”, son as utopías. As loitas da xente que se rebela contra o poder establecido. E esa foi outra das conclusións da mesa: a novela histórica ten que apuntar a esas loitas cotiás, aos heroes anónimos. Ás cousas pequenas. Porque, dicía despois Pere, a historia é cíclica e sempre pasa o mesmo: o poder tenta manipular aos de abaixo. E, xa que a novela é un xeito de coñecer a realidade, bo é que olle a esas loitas.

Montse Dopico

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Santiago

25 Abril 2012

Feiras_do_libro,Presentacións

A FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a aos seguintes actos:

  • Día 1 martes, 20:00 horas: Mesa redonda, organizada por REDELIBROS, “Os segredos da novela histórica” coa participación de Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente) e Fran Zabaleta (Medievalario).
  • Día 2 mércores, 19:00 horas: Presentación de O silencio de Mario Regueira. Intervirán: Arturo Casas, Manuel Bragado e o autor.
  • Día 2 mércores, 20:00 horas: Presentación de Dark batterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora
  • Día 3 xoves, 20:00 horas: Presentación de Os fillos do mar de Pedro Feijoo. Intervirán: Suso de Toro, Sergio Zearreta, Manuel Bragado e o autor.
  • Día 5 sábado, 19:00 horas: Presentación de transmuta, de Xabier Cordal. Intervirán: Arturo Casas, Oriana Méndez, Mónica Camaño, Manuel Bragado e o autor.
  • Día 5 sábado, 20:00 horas: Presentación de Iria de Anxo Angueira. Intervirán: X. L. Méndez Ferrín, Manuel Bragado e o autor.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mesa redonda sobre “Os segredos da novela histórica”

14 Marzo 2012

Mesa Redonda,Narrativa

O venres 16 de marzo, na Libraría Paz de Pontevedra, convidámosvos á unha incursión na novela histórica:

Os segredos da novela histórica

Coa participación de: Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente) e Fran Zabaleta (Medievalario). Queremos que sexa unha oportunidade para falar sobre a novela histórica escrita en Galiza e sobre os procesos de creación. Aquí tedes o plan da mesa:
Primeira parte: Presentación das obras e debate en torno ao tema “Qué é a novela histórica?”

Segunda parte: Coloquio aberto sobre os procesos de elaboración da novela histórica: documentación, redacción, vocabulario, recursos, tratamento dos personaxes, verosimilitude…

Terceira parte: Proposta de elaboración de relatos ambientados nos universos literarios dos autores participantes, utilizando personaxes, situacións e ambientes descritos nas historias orixinais, en colaboración con Redelibros, que publicará os relatos resultantes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas de Xerais na VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento

26 Setembro 2011

Infantil,Noticias,Premios,Xuvenil

Publicamos o listado de libros de Xerais que resultaron finalistas en distintas categorías da VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento. Trátase dun premio que é outorgado a través da votación dos propios estudantes galegos.

2ª CATEGORÍA (3º e 4º de EP):

3ª CATEGORÍA (5º e 6º de EP):

4ª CATEGORÍA (1º e 2º de ESO):

5ª CATEGORÍA (3º e 4º de ESO e Bacharelato):

6ª CATEGORÍA ( adultos):

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas dos Premios AELG 2011

4 Marzo 2011

Ensaio,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios,Teatro,Traducións,Xerais,Xornalismo,Xuvenil

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais)  de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento», en O levantador de minas

30 Setembro 2010

Blogs,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

O blog O levantador de minas fala moi favorablemente de Settecento, a novela de Marcos Calveiro, Entre outras cousas, sinala:

«É, ao tempo, unha novela animada e rica en descricións anímicas oportunamente traballadas. A complexidade que require unha ben construída rede vital que chega ao fondo das necesidades particulares dos personaxes, os cales representan, como corresponde a unha narrativa de acción, o fundamento dunha historia que se conta coa axilidade e frescura. Unha novela para entreter coa ambición da mellor literatura».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro hoxe na Feira do Libro de Monforte

25 Agosto 2010

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias

En Monforte desenvolverase a XIII edición da Feira do Libro do mércores 25 de agosto até o sábado 28, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas todos os días. Na primeira xornada, o acto de inauguración será ás 18:00 horas, a cargo de Xosé Manuel Pereiro. Logo, ás 20:30 h., Marcos Calveiro asinará exemplares do seu libro Settecento e do resto da súa obra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O pintor do sombreiro de malvas» de Marcos Calveiro, crítica de Ramón Nicolás

24 Agosto 2010

Críticas,Fóra de Xogo,Premios,Xerais_nos_medios,Xuvenil

AS CORES E AS FRONTEIRAS DA VIDA

MARCOS CALVEIRO PUBLICA O “PREMIO LAZARILLO 2009”: UNHA FERMOSA HISTORIA DE AMIZADE NA ENCRUCILLADA DE DÚAS VIDAS QUE SE ENCONTRAN: A DUN ADOLESCENTE E A DO PINTOR VINCENT VAN GOGH

Non hai moitas datas deixaba nestas páxinas as impresións suscitadas pola novela Settecento, de Marcos Calveiro. Volvo agora ao mesmo autor pois cadra no tempo de publicación estoutra proposta narrativa que, baixo o título de O pintor do sombreiro de malvas, acadou o premio Lazarillo na convocatoria do ano pasado, competindo con outros orixinais nas diversas linguas do estado. Nunha e noutra novela avivecen certos lugares comúns na obra do autor, máis concretamente o de emprazar unha trama argumental nun tempo histórico moi concreto e, xaora, extraordinariamente documentado. Neste caso é en Auvers, unha pequena vila próxima a París e no verán de 1890, onde coinciden, por desemellantes motivos, os dous protagonistas fundamentais: un mozo de dezaseis anos que é enviado á casa dun familiar a pasar uns días, que logo se converterán nun tempo de duración incerta, e mais un pintor, un tanto peculiar e un pouco estrafalario, de barba desordenada e ataviado cun sombreiro de malvas, coñecido co nome de Vincent. Entre os dous irase xerando un vincallo afectivo que se transformará nunha relación de amizade situada, por certo, nun momento clave para os dous.

Así pois Calveiro é quen de captar a atención de quen se achegue ao texto, ao longo de trinta e seis breves capítulos, presentando un trama que avanza en diversos sentidos e que, nun momento determinado, chegan a converxer. É o adolescente quen, desde o seu propio punto de vista, e nunha sorte de caderno de bitácora ou crónica que discorre case xornada a xornada, permite que se vaia avanzando na trama argumental, algo inusual nunha vila provinciana pero que se activa a través da presenza dos dous personaxes. Nesa fuxida cara adiante á que o rapaz se ve abocado a providencia, neste caso laica, fará que se cruce coa dun artista, Vincent, de intensa personalidade, arrebatado pola práctica do que é pintura: unha vivencia total que vai más alá do que en aparencia os ollos nos transmiten e que revela “unha verdade que ninguén enxerga”. Con todo, o pintor debe convivir cunha fogueira que arde no seu interior e avivecida coas relacións familiares fracturadas, con amores non correspondidos, con problemas económicos e psicolóxicos, con certas adiccións, cunha filosofía de vida que os sectores máis tradicionais e convencionais non entenden nin permiten.

O rapaz, un impenitente lector, por outra parte, xirando unha e outra vez arredor do seu novo amigo, consómese tamén por un lume que vai a máis e, logo dun período de certa aprendizaxe onde no fondo o que procura é a el mesmo e as súas orixes, aprende a valorar o que é a amizade co pintor e mais tamén o amor a través de Adeline, que fará coa súa vida. Nesta traxectoria atoparase coa incomprensión de parte da sociedade, dos poderes relixiosos e da súa propia familia ata que o golpe que lle infrinxe a morte, logo de vela fronte a fronte, obrigarao a escoller de vez entre o sedentarismo e unha inequívoca limitación da súas posibilidades que lle ofrecería a súa vida en Auvers ou procurar outras arelas noutros horizontes.

A novela presenta un indubidable interese para o lector adulto –repárense, por só citar dous elementos, tanto nas coidadas e intensas descricións da natureza como na forza emocional das páxinas finais, alén dos grandes temas sobre os que implicitamente nos fai pensar: a relixión, a vida e a morte, a arte…– e, ademais, amosa certas dinámicas que a converten nunha prezada e interesante proposta para os lectores xuvenís. E, asemade, non se deben esquecer as acertadas ilustracións da cuberta e de interiores, debidas á man de Ramón Trigo e inspiradas, non podía ser doutro xeito, na obra de Van Gogh. Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 14 de agosto de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro e Martin Pawley conversan sobre «Settecento»

13 Agosto 2010

Autores,Debates,Feiras_do_libro,Narrativa,Presentacións,Vídeos,Xerais nos blogs

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Wq8MQlzM3-c" width="600" height="450" wmode="transparent" /]
Conversa entre Martin Pawley e Marcos Calveiro sobre a novela Settecento no marco da Feira do Libro da Coruña. (4 de agosto de 2010).
Vía O levantador de minas. Moitas grazas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Monforte

10 Agosto 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Premios

Xerais prepara o programa dos actos que realizará na Feira do Libro de Monforte de Lemos, que terá lugar do 25 ao 28 de agosto na rúa do Cardeal.

O xoves 26 de agosto, ás 19:00 horas Ricardo Gurriarán presentará Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1968.

O mesmo xoves, ás 20:00 horas Xabier Quiroga presentará a súa novela máis recente, O Cabo do Mundo, Premio da Crítica 2010 no eido da narrativa.

En ambas as dúas presentacións, os autores estarán acompañados polo editor Manuel Bragado.

Na Feira do Libro de Monforte tamén participarán Xosé Manuel Pereiro que pronunciará o pregón no serán do día 25 e o escritor Marcos Calveiro que asinara exemplares de Settecento, O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009) e o resto da súa obra en data por determinar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento», conversa entre Marcos Calveiro e Óscar Sánchez

4 Agosto 2010

Entrevistas,Feiras_do_libro,Natureza,Presentacións,Twitter,Xerais nos blogs

Moi interesante foi a longa conversa que Óscar Sánchez e Marcos Calveiro mantiveron onte na Feira do Libro da Coruña arredor de Settecento. A conversa foi seguida por varios tuiteiros que foron recollendo algunhas das respostas de Calveiro: “Comezo sempre as novelas polo derradeiro capitulo.”; “Para documentarme leo moitísimo, nas novelas que estou escribindo agora levo case 300 libros; porén nunca tomo notas.”; “Cando estou escribindo estou con todas as cousas preferidas, dende a música, as comidas ou as persoas queridas…”“Escribo dende aquel rapaz de 15 anos que fun.”; “O instituto ou a adolescencia é onde esta a patria de cadaquén”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro, presentación na Feira do Libro da Coruña, o martes 3 de agosto ás 21:00 horas

2 Agosto 2010

Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Presentacións

Mañá, martes 3 de agoto, ás 21:00 horas presentarase na Feira do Libro da Coruña (xardíns de Mendez Núñez) Settecento de Marcos Calveiro. No acto Óscar Sánchez e o editor Manuel Bragado conversarán co autor sobre a novela.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro

1 Agosto 2010

Críticas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

AS MÁSCARAS DE VIDA

Que Marcos Calveiro, tras o seu celebrado Festina lente, decida, en parte non desprezable, continuar a estratexia da novela histórica, ben fundamentada documentalmente, ben artellada tecnicamente –velaí neste caso a estrutura de concerto barroco, presente tamén no ritmo narrativo–, depositando o coidado preciso na expresión e mais na lingua polo que consegue unha peza de lectura áxil e ecos verosímiles resulta sempre gratificante.

Fóra do indicado, Settecento permite reconstruír, cunha fidelidade absoluta, a Venecia no século XVIII, que se transforma en algo máis ca un escenario: velaí unha cidade que é “labirinto, concerto, festa, tránsito, cábala, teatro, caravasar ou fraga”, en palabras do autor. Nela, non podía faltar a presenza de Antonio Vivaldi, de quen se realiza tamén unha biografía ficcional a través da descrición do seu proceder, dos seus sentimentos, dos seus problemas e mais do seu xenio musical, apoiado nese tránsito por personaxes de eco duradoiro como son Anna Giró, a primma donna do músico, e sobre todo dese triángulo conformado por Caterina –a alumna preferida de Vivaldi no Hospicio da Piedade–, e os fundamentais Giacometto Casanova e Aldo Pietá: o mítico Casanova xunto cun aprendiz de luthier e protexido de Vivaldi que gozará de relevancia na trama. A carón deles Torttoni ou o afortunado recurso atopado na figura de Leo, león alado do Pazo Ducal, que resulta moi rendible como contrapunto técnico da novela, e mais tantos outros fan pensar tamén nunha novela non só de protagonista senón realmente coral.

Unha proposta, en fin, que tamén nos conduce a París e Viena, que recala mesmo en Santiago de Compostela, outra cidade que resulta operativa para asistir a algunhas das páxinas máis brillantes centradas na descrición das extremas necesidades que vivía a poboación labrega naquela altura e na importancia do poder relixioso. Settecento sitúanos, así pois, con acerto nun tempo, nunhas vidas e nunha música de onte pero tamén de hoxe, e que explica o que tras as máscaras podemos atopar. Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o 31 de xullo de 2010.

Settecento será presentada o vindeiro martes, 3 de agosto, ás 21:00 horas na Feira do Libro da Coruña. O autor conversará sobre novela con Óscar Sánchez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro da Coruña

8 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións

Xerais xa ten pechado o programa dos actos que realizará na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Día 2 luns
19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra.
19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Día 3 martes
19:00 h.: Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra.
20:00 h.: Presentación do libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz.  Intervirán: Manuel Rivas, Manuel Salorio, Manuel Bragado e o autor.
21:00 h.: Presentación do libro Settecento de Marcos Calveiro.  Intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.

Día 4 mércores
18:30 h.: Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19:00 h.: Presentación do libro Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra.  Intervirán Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Día 5 xoves
19:00 h.: Manuel Rivas asinará exemplares de Todo ben e do resto da súa obra.

Día 6 venres
19:30 h.: Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra.
20:00 h.: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Manuel Bragado e Vicente Araguas.

Día 7 sábado
19:30 h.: Presentación do libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.  Intervirán: Xavier Seoane, Manuel Bragado e a autora.

Día 9 luns
20:00 h.: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro, crítica de Montse Pena Presas

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

INVENTAR VENECIA

Unha voz consolidada

Sinalar que Marcos Calveiro é un magnífico creador e recreador de ambientes é, quizais, dicir xa pouco na pretensión de resumir a súa traxectoria. Dende o arrecendo a salgado, enchido de maxín, de Sari, soñador de mares (2005), pasando polo maquinismo dezanovesco de Rinocerontes e quimeras (2007), pola cidade en guerra d’O carteiro de Bagdad (2007), sen esquecer a misteriosa Compostela do S. XVII en Festina Lente (2008), as súas novelas son unha fiestra aberta a unha realidade a miúdo afastada e pretérita. A xeito de pintura paisaxística en movemento, a escrita de Calveiro é unha máquina do tempo que nos leva, desta volta con Settecento, a percorrer as rúas da Venecia do S. XVIII da man do mestre Antonio Vivaldi. Ao seu carón, tres personaxes principais con forza de seu protagonizan un triángulo amoroso de mocidade: Aldo, un inocente mozo campesiño, aprendiz de luthier e protexido de Vivaldi; Caterina, alumna aventaxada e intelixente do mestre da música, marcada polo seu destino prefixado de muller da época; e Giacometto Casanova, o mítico conquistador –que o creador presenta aquí nunha das súas primeiras aventuras. O desexo por fuxir dunha cidade que se convertera en cárcere para ela propicia a traizón de Caterina aos seus amigos, de terribles consecuencias. Así comeza o nó da historia, que logo seguirá a pegada destes caracteres –con decadencia do mago do violino incluída– por diferentes lugares e tempos. Viaxaremos a Compostela, a París e a Viena, nun fío narrativo con analepses e prolepses que consegue o que procura: manter en cada páxina a intriga lectora. O multiperspectivismo achega aínda máis dinamismo á acción, ao erixirse sobre elementos coma unha voz narrativa obxectivista (que deixa paso a uns fantásticos diálogos) ou a cesión da visión a Leo (o león de San Marcos, símbolo da cidade), cuxos pensam e n t os –de observador aventaxado – coñecemos a través do uso do estilo indirecto libre.

Calveiro manexa un material narrativo inxente para unha novela media –refírome ao tamaño, que non á calidade– como é Setteccento. Non se trata de desvelar algunhas das claves desta narración, mais por momentos a lectora demanda máis páxinas. Hai intrigas que quedan por resolver e que son abondo intrigantes para ser reconstruídas só polo maxín do receptor. Déixolles tan só dúas, por se len a novela: Por que remata Aldo en Compostela? Como chegan a el o guecho de Caterina e a composición inacabada de Vivaldi? Estes flocos soltos non impiden gozar dunha novela magnífica, que tira da lectura de comezo a fin e que confirma, unha vez máis, a Marcos Calveiro como a voz nova máis consolidada da literatura galega. Xoguemos con el a inventar Venecia. Montse Pena Presas

Texto de Montse Pena Presas publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 24 xe ñu de 2010. A páxina completa onde aparece publicado pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro

8 Xuño 2010

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

Gustoume moito este libro de Marcos Calveiro, moito máis, sen dúbida, que Festina Lente. Settecento lévanos a pasear pola Venecia do século XVIII, mentres escoitamos a melodía das súas palabras e coñecemos de primeira man os personaxes, rumores, envexas e máscaras que poboan esta cidade de contos e soños. En contraste, a música cerimoniosa compostelá, cidade atrasada e relixiosa, con fames e pestes, con relixión por riba de todo. E é que en Venecia existe o carnaval, a máscara, a igualdade baixo esta, cando menos durante un tempo. Aínda que esta máscara pode non ser real, ser a máscara da vida, a que utilizamos cada día para agocharnos detrás dela, para tentar sermos máis forte ou para ocultar os nosos verdadeiros sentimentos. Porque é esta, ao final, a máscara que debemos erguer para entender os personaxes, as súas paixóns, odios e frustracións. Música e poesía definen a obra. Lela e escoitala. Pisar as ruelas de Venecia oíndo os nosos propios pasos, os que se reflicten na novela, o rumor da auga constante nesta fermosa cidade, as campás, as notas disonantes dos humanos, as súas baixezas e mentiras, pero tamén o amor, a admiración, a lealdade. Imposible unha lectura xorda, imposible unha lectura rápida: hai que degustala, sentir as notas que tocan as palabras, a linguaxe engaiolante utilizada, o león que coñecemos de pedra tornarse humano, máis humano que os humanos, e pasear unha e outra vez por unha das cidades máis fermosas do mundo. Cando menos para min. Collede o libro ao remate do curso. Lédeo nas vacacións, disfrutádeo. Porque serán unhas vacacións inesquecibles.

Anotación publicada no blog Trafegando ronseis o 8 de xuño de 2010.

Aproveitamos para abeizoar a Marcos Calveiro que hoxe obtivo o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil pola súa novela Centauros do Norte.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Goretoxo recomenda «Settecento» de Marcos Calveiro

Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

Settecento de Marcos Calveiro

Venecia, no último alento, foi agocho de segredos xa daquela milenarios. As institucións do Estado, a delación como arma política e o poder absoluto dun Consello oligarca dábanlle aspecto de estado policial. E os cidadáns adicados ao placer, fora do tipo que fora, lonxe, moi lonxe das vellas virtudes republicanas que os seus antergos tiveran a honra, baixo o león de San Marcos. Por esas rúas, pontes e canles naufragan en bebedelas os devezos dun Vivaldi que xa vai vello, que desconta os últimos dias, a última estrea. Entre grappa e café recén chegado pola vía de Viena e mailo Turco sitiador, as anécdotas ilustran o ambiente, a paisaxe humana e a humidade da lagoa: a cidade na lagoa, un tema mítico de vello, repetido aló onde houbera augas paradas, dende Ys ata Antela. E Venecia sempre xogou cos mitos e as fontes de información, sempre foi intermediaria nas grandes liñas de tensión do seu presente. De todos os seus presentes.

Sen afondar nas sicoloxías dos personaxes, sen diseccionar a profundidade histórica das herdanzas dunha cidade que xa era vella cando a tumba de Prisciliano foi reinventada, todo cadra, todo encaixa nunha vidreira alumeada pola ollada do león, adurmiñado ás veces, pero sempre preocupado pola felicidade dos seus. O xogo veneciano das carautas, do engano, e a paixón pola música, e por medio dela, do recoñecemento, son as abas desta cadea de cristal. A música, escolla do autor, pódese escoitar en culturagalega.org.

Unha novela ben feita, para ler dun tirón sen case levantar os ollos do papel. Unha magoa que non teña oitocentas páxinas, en lugar de cento noventa, que o asunto ben podía dar para máis. O seguinte: recuperar Festina Lente.

Anotación de Pedro Silva (Goretoxo) publicada no blog De mares, portos e portas o 7 de xuño de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A lúa dos Everglades» de Xesús Manuel Marcos na mesa de noite de Marcos Calveiro

31 Maio 2010

Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos, Premio Terra de Melide 2007

Marcos Calveiro recomenda a lectura da obra A lúa dos Everglades, escrita por Xesús Manuel Marcos e premiada en 2007 co Premio Terra de Melide. O autor de Setecentto atopou neste libro unha gran novela que, afastándose dos tópicos da manida literatura da emigración, retrata a vida de diferentes persoas máis aló da súa terra. “Son tres historias diferentes que no desenvolvemento do libro acaban por unirse. A primeira trata de tres emigrantes vellos que teñen unha panadería nun barrio de Bos Aires e aparecen mortos. A segunda fala dun funcionario en Madrid que quere ser escritor e que comeza unha amizade cun veciño seu. Por último, na terceira atopamos unha muller que foi agredida e que está na UCI en Miami”, explica Marcos Calveiro. Para este escritor, a obra de Xesús Manuel Marcos é un libro que paga a pena e que, quizais, non tivo a sorte que merecía nas librarías. “É unha gran novela e conta co premio Terras de Melide. Non obstante, cando se fixeron os resumos do ano coas mellores obras quedou fóra de todo iso. Pasou desapercibida e é un libro moi recomendable”, lamenta Marcos Calveiro. Aínda que cada un dos argumentos parecen estar distanciados tanto na súa trama como nos seus escenarios, as tres pezas están intimamente conectadas entre si. “Realmente é un quebracabezas e e no libro agóchase un segredo de familia. Todos sabemos que en cada casa hai, polo menos, un morto escondido debaixo da alfombra e neste caso cúmprese esa máxima”, sinala o autor da aplaudida Festina lente. Marcos Calveiro recomenda así unha obra que merece maior atención por parte dos lectores, xa que a súa calidade e a súa profundidade son excepcionais.

Texto publicado en Xornal de Galicia o 29 de maio de 2010.


Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro, entrevista en «La Voz de Galicia»

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Begoña Sotelino publica na edición de hoxe de La Voz de Galicia unha interesante entrevista con Marcos Calveiro con motivo da publicación de Settecento. Reproducímola na súa totalidade.

«Escoitei moito a Vivaldi, pero tamén a Neil Young»

O autor de «Settecento» fixo unha novela histórica a ritmo de concerto barroco

Marcos Calveiro naceu en Vilagarcía en 1968, pero reside en Vigo desde os once anos e creceu no barrio de Teis, onde aínda vive, «e iso imprime carácter», recoñece, o que quere dicir que é vigués-vigués. O autor, de profesión avogado, debutou na literatura hai catro anos baixo a etiqueta de escritor de obras para público xuvenil con Sari, soñador de mares. Despois chegou Rinocerontes e quimeras, e logo diso gañou o Premio Ala Delta de literatura infantil e xuvenil con O carteiro de Bagdad. Pero non tardou en desfacerse de selos que non serven máis que para excluír lectores.

Tralo seu exitoso debut adulto con Festina lente, retorna polos sendeiros da historia con Settecento, ao tempo que coincide nas librerías co lanzamento de O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009). «Eu publico a pares», chancea.

Vivaldi é o artellador do argumento de «Settecento». ¿Como xurdiu facelo protagonista?

–Foi froito da casualidade. Lin un artigo dun musicólogo que falaba dos galeóns que chegaban a Venecia carrexando as madeiras que logo empregaban os lutieres e contaba que había verdadeiras pelexas por conseguir as mellores madeiras. Quedeime con esa idea e a novela realmente nace desa imaxe dos lutieres. E logo, tirando do fío, pensei que unha historia ambientaba en Venecia precisaba de música, da que eu tecnicamente non teño nin idea, aínda que son un gran melómano. A min gústanme moito o barroco e Vivaldi, que ademais ten un concerto para gaita e zanfona, aínda que fora falsificado, que daquela xa había piratería. Era habitual aproveitarse e editar partituras adxudicándoas ao nome famoso dun autor.

¿Todos os personaxes que aparecen na novela son reais?

–Hai algúns reais aos que lles mantiven o nome, como Casanova de rapaz, e outros aos que llo mudei, como o autor teatral Carlo Goldoni, que aquí é Tortoni… pero o fundamental foi a música, porque a novela está estruturada como un concerto barroco nos seus catro movementos: allegro, adagio, presto e finale , e na escrita tentei manter ese ritmo que vai de lento a lixeiro ata o final vivaz.

É doado imaxinalo escribindo e escoitando a Vivaldi todo o tempo, ¿non?

–Si. Escoitei moito barroco e moito Vivaldi, sobre todo as óperas, que son a súa faceta menos coñecida; pero tamén escoitei moito a Neil Young, e temas como o Favourite Things de John Coltrane.

A obra ten detrás un importante traballo de documentación…

–Si. Eu coñecía datos, pero claro, había que afondar. Eu pásoo moi ben con esa parte previa da escrita porque gozo moito coa lectura. Estudei biografías de Vivaldi, de Goldoni, libros sobre o teatro do século, a Venecia da época a través das crónicas de viaxeiros ingleses e franceses que andaban por alí… Eu ademais é que non coñezo Venecia. Nin me atraía sequera. Agora si.

Pero a historia tamén chega ata Santiago de Compostela

–E que un dos protagonistas da novela fai un periplo Venecia-París-Santiago, e remata cun pequeno McGuffin en relación cun Stradivarius que aparece na catedral de Santiago de Compostela. Hai que descubrir o misterio lendo as dúas últimas liñas novela. Eu non o vou facer, ¡claro!

Poderíase dicir que «Settecento» é unha recreación da vida de Vivaldi?

–Non. É unha novela coral na que aparecen máis dunha ducia de personaxes e todos teñen relación con Vivaldi, pero realmente é unha historia de amor, traizón, culpa e redención final. O tema é o amor, a procura da beleza e as máscaras que todos nos poñemos todos os días cando nos erguemos pola mañá para saír á rúa.

Parece que hai medo ou falta de imaxinación na literatura galega para abordar temas que saian de Galicia, ¿non?

–Hai moitos prexuízos. Tamén parece que se escribes unha novela xuvenil ten que estar protagonizada por rapaces, e non ten por que. E se escribes en galego tes que referirte a un tema galego? Pois non. Podes escribir de calquera cousa, de calquera tempo, de calquera lugar. A min resúltame máis difícil escribir sobre o mais próximo, porque dache a posibilidade de fabular e de mentir. Gústame Cunqueiro e a súa capacidade de recrear mundos que nunca pisou.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro presentou as súas novelas en Serra de Outes

Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

Da man da Asociación Cultural Barbantia, o pasado venres, 28 de maio, Marcos Calveiro presentou as súas dúas novelas máis recentes, Settecento e O pintor do sombreiro de malvas en Serra de Outes. La Voz de Galicia publicou unha crónica do acto no que Calveiro cualificou a literatura galega actual como a mellor do Estado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Settecento”: moi boa música», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

28 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

MOI BOA MÚSICA

[En Settecento] Marcos Calveiro reincide no eido da novela histórica e reconstrúe agora a peripecia vital de Vivaldi na Venecia do século XVIII, mais tamén cun salto ao Santiago do mesmo século, nun contrapunto moi ben logrado. A novela, culturalista e ás veces dunha linguaxe altamente poética, entretén a calquera lector e Calveiro consegue nesta obra que gocen coa lectura todo tipo de lectores, tanto os que só buscan un pasatempo coma aqueles que procuran o culturalismo ou mesmo as excelencias dunha linguaxe preciosista de gran forza poética.

O corpo central da novela é a reconstrución da vida de Vivaldi na Venecia do século XVIII. O relato principia cunha descrición poética da cidade que está perfectamente conseguida. Nesta cidade vitalista e proxectada cara á arte e á música, mais así mesmo á intriga, o proveito económico e ata o crime, vive Vivaldi na súa gloria, mais tamén no comezo da súa decadencia. Como é xa un tópico no mundo da música –lembremos a película sobre Mozart–, Vivaldi ten tamén en Venecia o seu envexoso que loita por destruílo: Benedetto Ricotta. Malia ser un tópico o tema da envexa do mediocre cara ao xenio, Calveiro sae moi airoso neste asunto, máxime cando a vinganza de Ricotta se acabará volvendo contra el e entra dentro da mellor tradición do que un lector con formación coida que ten que ser unha vinganza veneciana chea de intriga.

A figura que de Vivaldi traza o novelista engaiola o lector. Ese contraste entre o músico excelso, mais ao mesmo tempo obsesionado por obter cartos para poder sufragar os seus moitos gastos e o gusto pola boa vida ou a obsesión sexual ofrecen unha visión poliédrica do personaxe que resulta moi suxestiva. A galería das mulleres relacionadas dun xeito ou doutro con Vivaldi tamén é moi positiva, desde a malvada Caterina á sacrificada Paolinna. As descricións dos paseos e marchas nocturnas de Vivaldi e doutros personaxes por Venecia teñen unha plasticidade propia do cine. O elemento fantástico da estatua do león que os vixía eu creo, non obstante, que resulta innecesaria e prescindible.

Manexa ben Calveiro a estrutura da novela con anticipacións ou prolepses de feitos (como o episodio da presenza e morte de Aldo en Santiago), que converten o lector nun colaborador activo do narrador, de xeito que este lector se sente compracido ao ir atando cabos e recompoñendo a historia pola súa conta. As relacións humanas, especialmente as amorosas, son tratadas así mesmo dun xeito acaído, con esa mestura de amores-desamores entre Aldo-Caterina-Casanova, Anna-Vivaldi-Carlo… A historia da morte de Graziella e os seus antecedentes caen dentro do tópico sobre a intriga que o lector con certa formación cre propia de Venecia, mais o novelista resólvea sen caer no tópico.

Destaca na novela o anaco que dedica á descrición da fame en Santiago, cos exércitos de aldeáns famentos que invaden as rúas da cidade pedindo esmola. Parécenos unha homenaxe ao célebre anaco que Murguía dedica á descrición da fame de 1853 en Los Precursores. Se en Venecia gozabamos coa súa beleza decadentista, aquí o novelista vese que domina a chamada estética da fealdade.

Xa que logo, novela histórica, culturalista, cunha linguaxe moitas veces altamente poética especialmente rica é na transmisión das sensacións –olores, ruídos, mesmo sensacións táctiles–, na descrición das cidades e lugares onde se desenvolve o relato, entretida e que, malia utilizar tópicos, como poidan parecer os da bela e a besta (a relación Vivaldi e Anna, por exemplo), a envexa perante o xenio (Ricotta-Vivaldi), a decadencia na vellez de quen de novo foi rico e famoso (Vivaldi), a muller anegada (Paolinna) fronte á muller perversa (Caterina), os personaxes intrigantes de Venecia, o contraste entre a Venecia amante da arte e a Venecia obsesionada polo negocio ou o Santiago aferrollado polo clero e a Inquisición produce no lector unha sensación positiva e anovadora do tópico.

[...]

Polo tanto, novela histórica sobre Vivaldi que nos achega á figura poliédrica do gran compositor, mais tamén que reproduce con acerto, entre outros lugares, a Venecia e o Santiago do século XVIII. É un libro que os afeccionados á lectura deben meter no saco de lecturas que facer este verán. Manuel Rodríguez Alonso

Fragmentos da crítica publicada por Manuel Rodríguez Alonso no blog Bpuvard e Pécuchet.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro presentará as súas novelas en Outes

27 Maio 2010

Autores,Narrativa,Noticias

Marcos Calveiro presentará mañá, venres 28 de maio, ás 20:30, na Casa da Cultura de Outes, as súas dúas novelas máis recentes O pintor do sombreiro de malvas e Settecento. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, Asociación Cultural Terra de Outes, La Voz de Galicia e o concello de Outes, participarán María Xesús Blanco, socia de Barbantia; Xoán Mariño, presidente da Asociación Cultural Terra de Outes; e mais o alcalde de Outes, Carlos E. López Crespo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa Moure e Marcos Calveiro mañán na Feira do Libro de Lugo

21 Maio 2010

Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Presentacións,Xuvenil


No serán de mañán, sábado 22 de maio, a Feira do Libro de Lugo, que se celebra na Praza Maior, acollerá a participación dos escritores Marcos Calveiro e Teresa Moure.
A partir das 19:30 horas, Marcos Calveiro asinará exemplares das súas novelas Settecento e O pintor do sombreiro de malvas (PREMIO LAZARILLO 2009).
Ás 20:00 horas, Teresa Moure presentará A Intervención, acompañada do editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do libro de Lugo

13 Maio 2010

Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Presentacións

Xerais organiza diversos actos na Feira do Libro de Lugo, que se celebrará na Praza Maior do 15 ao 23 de maio.

Día 20 xoves, 19:30 horas
Rosa Aneiros asinará exemplares dos libros: Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA 2009)

Día 22 sábado, 19:30 horas
Marcos Calveiro asinará exemplares dos libros: Settecento e O pintor do sombreiro de malvas (PREMIO LAZARILLO 2009)

Día 22 sábado, 20:00 horas
Presentación da novela A intervención de Teresa Moure.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro, autor de «Settecento», entrevista en «Xornal de Galicia»

3 Maio 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

O escritor Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) regresa ás librerías cun novo libro titulado Settecento (Xerais). Nesta ocasión, o autor de Festina Lente (Xerais, 2008) volve con outra novela histórica na que un Vivaldi en plena decadencia busca unha nova faísca que esperte os éxitos colleitados no pasado. Pese ao papel de fío condutor que Calveiro lle outorga ao compositor, a obra é unha peza coral na que Venecia, Compostela ou Viena son tamén personaxes centrais do argumento. Marcos Calveiro presentou esta fin de semana Settecento na Feira do Libro de Santiago, na que tivo un especial protagonismo ao ser o encargado de ler un pregón reivindicativo co que percorreu a histórica relación entre a cidade do Apóstolo e os libros.

–En Settecento, Marcos Calveiro volve a ofrecer unha viaxe histórica que parte de Venecia. Que lle atrae do pasado?

–É unha cuestión circunstancial. Se cadra, as dúas próximas novelas son na actualidade. O que pasa é que as historias aparecen polo camiño. Neste caso, é unha historia que se desenvolve en Venecia e, noutra parte, en París. Logo decidín traela para a casa; por iso hai unha parte ambientada en Compostela. Apetecíame poñer o noso país no seu lugar porque no mundo fálase do barroco en Europa e hai que reivindicar o que sucedía aquí naquel tempo. Certo é que había un gran atraso en moitas cousas, pero no aspecto musical, a Capela de Música da Catedral era un pequeno oasis no que había grandes músicos italianos e compositores do barroco español.

–Un Vivaldi crepuscular ten parte do protagonismo da obra. A decadencia atrae a literatura?

–Pásanos a todos os escritores. Hai unha famosa Antoloxía do conto triste, pero eu non lembro que haxa unha antoloxía do conto feliz. É dicir, a tristura, o melodrama, as personaxes decadentes, os rebeldes ou aqueles que están cun pé na tumba son moi atraentes. Na obra, Vivaldi está en decadencia porque se atopa nos seus últimos anos, pero escribe neses momentos unha das súas mellores melodías. É un tipo maior, con sesenta anos e nunha situación complicada para el. Con todo iso, decide deixar todo en Venecia e ir a Viena para mudar as súas circunstancias. Pero as cousas non saíron como agardaba. Na derrota sempre hai encanto. Lembrámonos sempre daqueles que perderon cando non tiñan que perder ou dos que tiveron un xesto emocionante na derrota. Apréndese máis nas derrotas. Eu aprendo máis dos libros que non fun quen de escribir que dos que son un éxito.

–Quen acompaña a Vivaldi neste libro titulado Settecento?

–Vivaldi atópase co pé cambiado porque as cousas evolucionan dun xeito e el ten unhas formas que o ancoran no pasado. Pero hai outras tres personaxes no libro. Temos a Catalina, que está a aprender a tocar o violín, a Aldo, que é un aprendiz de luthier, e a Casanova en plena adolescencia. Hai contraste entre xente que está nos seus últimos pasos e xente que está a chegar. E nun momento da novela todas as personaxes levan unha máscara posta e non se sabe moi ben cal é a súa personalidade. É unha novela veneciana por ese motivo, porque non amosan a súa verdadeira forma de ser.

–O seu pregón na Feira do Libro de Santiago foi moi reivindicativo. Esa actitude é unha obriga para os escritores?

–A min dixéronme que falase do que quixese e no tempo que quixese. E se falaba de libros, tiña que falar de literatura galega. E se falaba de literatura galega, tiña que falar da lingua. E nisto hai unha pequena contradición porque nuns días, o 17 de maio, estaremos no Obradoiro 50.000 persoas –ou as que sexamos– e logo, en cambio, as vendas do libro galego son as que son. Como dixen no pregón, fannos falla falantes, pero precisamos tamén lectores. A nosa literatura é suficientemente variada e con todo tipo de rexistros para que a xente se achegue a ela. No pregón reivindiquei o noso e hai que lembrar que o Rexurdimento comezou como un movemento literario, que logo se fixo político. De aí vimos e hai que reivindicalo.

–Falando de lingua, cando se coñeceu o nome de Lorenzo como director xeral dixo que había que darlle un voto de confianza. Rompeuno completamente?

–Absolutamente. Cando se coñecera o cargo de Anxo Lorenzo, no meu blog fixera unha entrada na que dicía algo así como “xa coñecemos ao traidor”. Moita xente afeoume que o chamase traidor sen coñecelo. Entón fixen un exercicio de conciencia e deille un voto de confianza pola súa traxectoria na universidade. Pero non me trabuquei nadiña e o tempo deume a razón. Anxo Lorenzo para min segue a ser o nome do traidor e resulta inxustificable. Só hai que ler o decreto do galego para darse conta do que vai pasar. Non tardou moito tempo en darme a razón.

Texto da entrevista de Alberto Ramos publicada en Xornal de Galicia o 3 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro, autor de «Settecento», entrevistado por «A Nosa Terra»

2 Maio 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) presenta a un tempo dúas novas obras, ambas publicadas por Xerais. O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009) e Settecento, unha novela ‘moi musical’ situada na Veneza do barroco.

–Pasou da Compostela do século XVI de Festina lente á de dous séculos despois.

–Santiago é menos importante en Settecento que na miña anterior novela. Utiliceina como contraste á Veneza daqueles anos. Na cidade italiana había un caos no que agromaban naquel intre o teatro e a ópera moderna e había unha enorme explosión de todas as artes. Entrementres, na urbe galega seguían a mandar os curas e non se movía nada. Pero tampouco quixen afirmar que un ambiente é mellor ca outro; ben ao contrario, en Veneza había moitas máscaras, moita falsidade para non decatarse de que aquel tempo era o ocaso do xeito veneciano de existir no mundo.

–Veneza é unha cidade moi visitada pola literatura. Non pesa en exceso esa tradición cando un se achega a ela?

–O primeiro que debo recoñecer é que nunca pisei Veneza e nin tan sequera teño moita gana de visitala. Pero sucumbín ao seu feitizo. É un lugar fascinante e explícome facilmente que engaiolase personalidades como Richard Wagner ou Friedrich Nietzsche, tan marmóreo noutras cousas e que estando alí escribiu os únicos poemas que se lle coñecen. Alguén dixo que todos os escritores deberían deixar unha novela veneciana. Pois ben, esta é a miña.

–Na novela histórica, a documentación é o primeiro paso?

–Eu non encaro os meus relatos desde o xénero senón desde a chispa que me fai imaxinar unha historia e no capítulo final, que é o primeiro que redacto. En Settecento documenteime moito, lin infinidade de libros para entender os temas dos que quería falar, sobre todo de música barroca, pero non tomei notas. Preferín que todas as referencias estiven incluídas de ouvido, para manter fresco o texto.

–A estrutura da novela é a dunha sinfonía.

–Exacto. O esquelete é narrativo e tamén musical. Ademais, cada capítulo leva un ritmo de escrita, e de lectura, propio dun movemento sinfónico: allegro, adagio… E é que esta novela naceu por un motivo case musical. Quixen escribila logo de ler no suplemento cultural de La Vanguardia que os traballadores dos obradoiros dos luthiers venecianos pelexaban entre si por conseguir as mellores madeiras que chegaban a porto.

–Na literatura galega non se dá moito a novela histórica.

–Hai un preconcepto contra os xéneros. A min, persoalmente, interésanme as historias, pasen onde pasen e ocorran no momento que ocorran. O que pasa é que para un escritor galego, cunha literatura aínda moi atrasada na normalización, o pasado é unha gran fonte de inspiración. A pouco que rabuñes atopas persoeiros fascinantes dos que ninguén falou aínda. Asemade, moitos lectores non se ven reflectidos cando se fala do pasado. É un erro. En Settecento están as paixóns humanas coa mesma crueza que hoxe en día: o amor, a traizón… E non só iso. Comportamentos coma o da pirataría musical, que pensamos moi contemporáneo, xa existía no século XVIII. Imprimíanse partituras sen permiso e había artistas especializados en pastiches de obras alleas polas que cobraban sen pagar un peso en dereitos. Xa daquela había tensión entre arte e industria e o propio Antonio Vivaldi era empresario de si mesmo.

–O seu estilo é barroco e o vocabulario estenso. Nada de facer unha novela con 500 palabras.

–O importante non é o estilo, é o coidado do texto. En efecto, tento ampliar o léxico e procuro unha prosa adxectivada pero considero igual de interesante a lingua coloquial de Cid Cabido. Os escritores actuais en galego púen moito os textos. Eu aprendo un feixe de palabras en cada lectura dos contemporáneos.

(Entrevista completa de César Lorenzo na edición impresa do semanario A Nosa Terra de 2 de maio de 2010)

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Settecento”, a decadencia de Vivaldi»

1 Maio 2010

Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Marcos Calveiro convídanos neste novo libro a unha viaxe histórica. O badaleo de todos os campaniles de Venecia resoa en canles e pazos da Serenísima República unha mañá do ano de 1739 e, como nun teatro barroco, álzase o pano deste melodrama con música no que todos os personaxes semellan agochar sentimentos e intencións tras unha branca máscara de Entroido. Baixo a atenta ollada dun león de mármore, Antonio Vivaldi prepara a estrea da súa ópera, quizais a súa derradeira oportunidade de acadar o éxito de antano, mentres procura por un stradivarius perdido que moitos anos máis tardes escoitaremos nos oficios da catedral de Santiago.

É, no celme harmónico deste prodixioso instrumento e nas habelenciosas mans do seu intérprete, onde fica o segredo dunha historia de culpa e redención, de amor e desexo, de loita e resignación. En definitiva, de fulgor e decadencia. Quizias, distintas notas para unha melodía arreo repetida na partitura das nosas vidas. Settecento é un intrigante relato que confirma a Marcos Calveiro como un dos grandes novelistas da nosa literatura na actualidade.

Con estas esencias literarias, Calveiro propón unha viaxe pola historia e polo continente europeo. O lector viaxa a Venecia, a París, a Compostela ou a Viena. Como fío condutor emprégase a un Antonio Vivaldi que ve como a súa estrela musical estase a apagar. O compositor en decadencia é consciente dun punto e final que se achega inexorable para silenciar un talento que xa non era o que foi e ameaza por morrer como un flor moribunda.

Pese a que Vivaldi pode ser o gran nexo de unión da historia que propón Calveiro, a obra vai máis aló e ten un carácter coral, no que aparecen outras personaxes históricas como pode ser un Casanova en plena adolescencia. A música e a historia únense nun argumento creado por un autor que xa amosou o seu talento en obras anteriores. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari, soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007). En 2008 publicou Festina lente, que recibiu o Premio da Crítica 2008 e o de Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego.

Artigo publicado en Xornal de Galicia o primeiro de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A música de «Settecento»

Música,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

«lg3», o espazo literario de culturagalega.org tivo a idea brillante de publicar a que podería ser a «banda sonora» de Settecento, a novela que este serán presenta na Feira do Libro de Compostela Marcos Calveiro.

De Vivaldi e Bocherini a Coltrane e Neil Young. Detrás de Settecento, a última novela de Marcos Calveiro, agóchase moita música, e non toda está presente nas páxinas desta intriga histórica. De Venecia a Compostela, as grandes capitais europeas do século XVIII son escenarios dunha trama na que o autor de Festina lente emprega a estrutura dunha sinfonía para nos falar dos últimos anos de Vivaldi. Luthiers, músicos, personaxes históricos, Venecia e Compostela danse cita nestas páxinas. Agora, o autor achéganos unha selección de temas que están presentes na novela ou que tiveron un papel na elaboración da mesma.

De seguido, ofrecémosche a banda sonora de Settecento, seleccionada e comentada por Marcos Calveiro para culturagalega.org. Podes escoitala completa nesta lista de reprodución de Spotify ou ben de xeito individual en cada corte ao carón de cada comentario de Calveiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Settecento”: novela bizantina»

Críticas,Música,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

Settecento é unha Fraga. A imaxe proxectada sobre Venezia como un bosque invertido (“sterminata foresta capovolta, stai passeggiando sopra un incredibile bosco alla rovescia”), xa que está sostida por milleiros de piares de madeira submerxidos, mineralizados, tamén vale para este libro de Calveiro. Así, Settecento é un bosque de personaxes, todos presentados no primeiro capítulo, pero só entrevistos, como se unha parte mergullada impedira coñecelos de todo. Incluso personaxes dos que algo sabemos antes de ler o libro, aínda que sempre baixo o fulgor do misterio: Charpentier, Casanova ou Vivaldi. Calveiro colócaos ao comezo como un dramatis personae, baixo o badalar das campás da basílica, baixo a basílica, como os puntais xa minerais que sosteñen a trama.

Settecento é unha Festa. Henry James, nos Papeis de Aspern, escribe que Venezia é coma un apartamento, con cuartos e pasillos; nunca sintes que estás fóra: daí procede a necesidade de enmascararse. Tamén é -como sinala Tiziano Scarpa, un dos mellores guías da cidade- unha cidade sen intimidade, onde todo resulta difícil ou imposible de agochar. Como “recíproca contigüidade celular” define o Brodsky o ateigamento veneciano no seu marabilloso Fondamenta degli incurabili. Como escapatoria desta doméstica existencia procede a necesidade de ocultamento, de ser ou de construír unha persoa, unha máscara. A commedia dell’arte é, con perdon dos bergamascos, creación veneciana; e o entroido acada naquelas prazas unha eminente categoría. Nese suposto apartamento concurrido, abigarrado, a única saída é a confusión, a festa. Para contala, con pulo de intriga e misterio, como quere Calveiro, é case obrigatoria a adopción dunha terceira persoa distante, pero controladora, porque calquera incursión ameaza por desvelar desvelalo nunca todo. Mesmo necesita (non é tanto unha invención como unha autoesixencia) fantasear unha personaxe, un monstro, un dos moitos que viven nas pedras de Venecia e que contempla (para outorgar distancia, incluso humana) os movementos desde o alto: “in questa città l’occhio acquista un’a autonomia simile a quella di una lacrima. Dopo un poco, il corpo comincia a considerarsi semplicemente il veicolo dell’occhio”, lembra Brodsky. A historia coral, colectiva, medida en cerimonias, mercados, esponsales, nun calendario pautado por feiras, pide unha fórmula narrativa que ubique ao lector un pouco arredado, como espectador ansioso da trama.

Settecento é un caravasar. Así como Venezia é un final de recorrido, a desembocadura de varios ríos, a sedimentación de varios pobos perseguidos, refuxiados en illotes que houbo que unir ao longo do tempo con milleiros de pontes, para logo ser cabeza de imperio marítimo e de esplendor comercial, Settecento é tamén a historia de varios destinos que conflúen. Como en Festina lente, asistimos á historia dunha aprendizaxe: se na anterior desde Pontedeume a Santiago, aquí desde as granxas de búfala na Campania ata os obradoiros de luthiers venecianos. E, nese mesmo pouso, ese personaxe de Aldo (non sei se unha homenaxe a Manuzio) aparece citado, por gracia de Calveiro, con Casanova, con Vivaldi ou coa memoria de Giordano Bruno, baixo as cordas desexadas dun Stradivarius. Este caravasar pleno de riquezas (que ás veces parecen pugnar por entrar na novela) é unha das marcas de Settecento.

Settecento é unha cábala. A Venezia do primeiro ghetto -o lugar da fundición (o ghetto, en dialecto ou lingua veneciana) onde viviron (e viven) os xudeus, recluidos nun par de illas pequenas no medio do Cannaregio e comunicados co resto de Venezia só por unha ponte que se pechaba coa chegada da noite- non podía escapar á cábala, á interpretación completa e exhaustiva do universo. Settecento tamén busca unha certa orde, unha explicación dentro da aparente desorde. Así, a novela é matemática, rítmica. Que, por outra parte, creo que é característica do proceder poético de Marcos Calveiro. Allegro, adagio, presto, finale. Catro venezias caben no allegro. Catro venezias no presto. As páxinas así repartidas: [60-30-60]+20. Os capítulos, de semellante tamaño, os parágrafos do primeiro, de similar dimensión. No adagio compostelán o mesmo arranque do primeiro e do último capítulo, coa substitución do tempo: de chuviñento a solleiro. Coma en Festina lente, todo hai que dicilo, pouco ou mal entendido. A cábala é un proceso infinito. Todo está sometido a reglas perfectas, definidas. Pero non as sabemos. Calveiro conta a confusión coas ferramentas da simetría, da arquitectura narrativa.

Settecento é un teatro. Máis ca na outra novela, nesta o diálogo, a escenificación está máis presente. As personaxes adoitan presentarse en lugares públicos. As conversas son interrumpidas pola aparición doutras personaxes. Hai panos, armarios, chegadas insospeitadas, xogos de luces: un forte e indubidable compoñente dramático. Un algo de vodevil, ás veces. Ou de entremés burlesco. Ou de cadro costumista. Ou de farsa de enredo. Un tono en xeral de comedia (mesmo con algo de sátira non humorística, pero si divertente) que conduce, por contaxio da melancolía dun vello Vivaldi, ao melodrama (a tintura predominante, que figura baixo o título no blog de Marcos Calveiro) ou á épica de aventuras (o xénero que, creo, ao final vence, entre tanto atrezzo teatral). A mestura de xéneros resulta moi interesante, aínda que a novela de fugas, malentendidos, asesinatos, ciumes, incertos mcguffins e mesmo naufraxios (unha renovada novela bizantina) parece ser o carimbo deste teatro settecentesco.

Settecento é un concerto. É unha das súas características, a presencia non só da música, senón dunha banda sonora chea de sons, voces, ruídos, efectos especiais. Esta novela escóitase. Imposible lela sen sentir o son directo das personaxes ou da cidade. O son das campás, a lagoa enchida coas augas dos ríos que baixan dos alpes chocando contra os chanzos e as olgas, o lonxano eco das voces das cantantes della Pietà, o violín que se ergue no medio da capela, os berros e as pértigas dos gondolieri doblando unha onte ou o balbordo babélico dos estibadores da Riva degli Schiavoni. Semella un escoitar nesta novela o sorber das tazas de café no Florián cando cae a tarde. Os adagios, allegros e prestos dos títulos dos capítulos non deixan de ser unha pequena concesión ao lector ou lectora escasamente atento á música interna, ao concerto de sons particularmente audibles, deste libro.

Settecento é un labirinto. A pesar do gusto pola matemática e pola simetría das pezas, o estilo procura sinuosidades. Se cadra por contrarrestar ou por impulso natural do escritor, dominan as frases longas, con natural sentido do ritmo e da musicalidade (léase en alto o final da páxina 55) que viamos xa en Festina lente, tan admirable. Pero tamén é advertible esa metáfora do libro como labirinto. O espazo descrito na novela acaba recluindo ás personaxes, a todas a personaxes, que, vivindo no lugar onde procurar a gloria, rematan por verense necesitadas de escapar, de seren outros noutros lugares. E así se vai resolvendo a historia. Un labirinto que ten o seu cerne último na donna angelicata entregada ao orfanotrofio da capela da Pietà ao pe do Canal Grande, a carón xusto dos peiraos de descarga dos galeóns que cruzan o mediterráneo: velaí a paradoxa veneciana: que o núcleo do laberinto estea precisamente no punto de fuga, mesmo na única saída dunha cidade que carece de rosa de ventos porque ela é por si mesma un universo.

Settecento é un tránsito. Coma o dos gramáticos, que levaba á mítica praza de Mazarelos, en costa e estreito, a carón da porta por onde entra precisamente Aldo Pietà en Compostela. O libro que comeza cun universo coral, de relacións múltiples e de escenarios abertos (as Procuradorías Novas, a Riva degli Schiavoni, a Fondamenta del Dose onde vive Vivaldi, o grande campo de Santa María Formosa), onde se citan as personaxes, vai camiñando aos poucos por canellas e por espazos máis íntimos, en correlato co proceso de búsqueda dos protagonistas dos seus desexos, da súa ansia. A medida que transita o libro por Venezia, os personaxes procuran a escuridade, o recuncho, a sombra, unha mínima cela onde aseguraren o seu destino. E nese recorrido, nese tránsito consúmese a novela, como unha fuxida constante dun pasado: o devalo da fama en Vivaldi, a opresión do orfanato en Caterina, a inxenuidade da adolescencia en Aldo, a pertencia a unha clase de Giacometto Casanova. Settecento conta con formas aparentes de trepidante aventura ese desacougo vital, coa mestura melancólica de quen funde o estático da cidade coa permanente auga que amuralla coa súa fuxitiva lámina a Venezia.

Finale vigués. Este libro debería ser devorado polos lectores se a literatura en lingua galega estivera plenamente normalizada. Debería ser un best seller, sen abonar este termo de ningún demérito. Porque á literatura galega cúmprelle ter un (ou varios) best sellers. E este está pedindo a berros lectores/as. Aproveito que o di o propio Alfaias, esoutra máscara: “Temos unha literatura á altura de calquera das peninsulares, con textos da máis variadas temáticas, calidades e rexistros. Hai un libro galego para cada un de nós. Só precisan un oco nos medios e nas librarías e que os lectores os achen e lles dean unha oportunidade, sei que non defraudarían aos moitos, que por desleixo, ignorancia ou prexuízos, non abren as súas follas”. Convén, pois, berrar, coa mesma voz dos gondoliere do libro de Marcos Calveiro, que aquí hai un libro extraordinario que está pedindo ser desfrutado. Porque contén todo o que o mundo lle pode pedir a unha novela fascinante: unha historia de apaixoante intriga, uns personaxes atractivos, unha estructura ao tempo ordenadísima e complexa, un estilo rico e cuidado, marca indiscutible da casa Calveiro, un dos escritores que mellor domina a lingua (ía dicir galega, pero para qué) e un final sorprendente que aquí non estou disposto a desvelar, a non ser que alguén me asegure unha viaxe en góndola polos canais do sestiere do Cannaregio mentres soa a música de Vivaldi polo ceo de Venezia e un spritz en man vaia lembrándome que hai paraíso nesta terra con forma de bocas que se morden ao bicarense en medio da lagoa véneta.

Texto lido por Manuel Candelas Colodrón na presentación en Vigo de Settecento de Marcos Calveiro o martes 27 de abril de 2010 e publicado no blog Arume dos Piñeiros.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O pintor do sombreiro de malvas» de Marcos Calveiro

30 Abril 2010

Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións,Xuvenil

Estes días, coincidindo co inicio da feira do Libro de Compostela, comezan a chegar á slibrarías os primeiros exemplares da novela de Marcos Calveiro gañadora do Premio Lazarillo 2009 de literatura xuvenil O pintor do sombreiro de malvas.

Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubriá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.

A aparición destoutra obra de Calveiro coincide coa publicación de Settecento, a novela que será presentada mañá, primeiro de maio, na Feira do Libro de Compostela a partir das 20:00 horas nunha conversa entre o autor e Martin Pawley. Tamén, mañá, á partir das 13:00 horas, Calveiro lerá o pregón co que comeza a Feira do Libro no Paseo Central da Alameda compostelá.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro: «O labirinto dos contrastes»

28 Abril 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Montse Dopico entrevista a Marcos Calveiro en Galicia hoxe con motivo da aparición de Settecento. Recollemos algunhas das respostas de Calveiro:

«O que me interesa é a contradición. Por un lado ese control, as delacións, a Inquisición, e por outra banda unha cidade en plena efervescencia cultural, e nese sentido cunha sociedade máis libre… A novela ía titularse A gramática das máscaras. En realidade trata da condición humana. Cada quen leva unha máscara que lle impide ser quen quere ser: a envexa, a paixón, o amor, o odio, a vinganza, o sentimento de culpabilidade, a redención… Están no Entroido e levan máscaras, pero cando as quitan levan outras que lles afectan máis.»

«Si, ademais son un montón de personaxes. É unha novela coral, na que se vai contando a vida de todos eles. O músico Antonio Vivaldi, a cantante Anna Giró, a súa irmá Paolina, o burócrata Benedetto Ricotta que envexa a Vivaldi, o avogado Carlo Torttoni, trasunto de Goldoni, que escribiu algunhas óperas para Vivaldi… Si é unha historia de personaxes, que contrapón aos máis novos, como Caterina, Aldo e Giacomo, e outros que xa están de volta de todo. Nunha cidade en decadencia, na que a xente segue a ir de festa en festa. Despois Venecia acabouse como Estado…»

«O triángulo Aldo-Caterina-Giacomo é o típico triángulo amoroso que atopas en moitos libros da historia da literatura. Aldo ao final é o máis forte, e Giacomo, que parecía o listo, o ligón, é enredado por Caterina. Ela fai o que fai porque quere buscar o seu propio camiño. Pero despois síntese culpable e tenta redimirse. O outro triángulo é o de Vivaldi, Anna e a irmá. Os rapaces, ao final, compórtanse mellor que os adultos. Dubidei se manter todos os personaxes, porque o lector podía perderse, pero ao final decidín metelos todos.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro presentou «Settecento» en Vigo

Autores,Entrevistas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

O Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Vigo encheuse para acoller a presentación de Settecento, a segunda novela de Marcos Calveiro en Xerais Narrativa. Tras unha fermosa glosa da obra de Manuel Candelas Colodrón e as palabras do autor, os membros da Orquestra «CMUS Profesional de Vigo», dirixidos por Edita Shulman, intepretaron o concerto «Alla Rustica» de Vivaldi. Con motivo deste acto Amaia Mauleón entrevista a Marcos Calveiro para Faro de Vigo.

O vindeiro sábado, primeiro de maio, Marcos Calveiro pronunciará ás 13:00 horas o pregón da Feira do Libro de Compostela. Na mesma xornada, a partir das 20:00 horas presentará na carpa da feira Settecento, nun acto no que conversará con Martin Pawley.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro, primeiro capítulo

23 Abril 2010

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Noticias,Presentacións

Tras o éxito que obtivera con Festina lente, Marcos Calveiro volve con Settecento visitar a Compostela doutrora, desta volta da man do mesmísimo Antonio Vivaldi, unha novela que constitúe un intrigante e vertixinoso relato que o confirma como un dos novelistas primeiros do noso tempo.

Settecento será presentada no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, o vindeiro martes, 27 de abril, a partir das 19:30 horas, nun acto que contará coa participación do autor, de Manuel Candelas (Arume dos piñeiros) e da Orquestra de Corda «CMUS Profesional de Vigo», dirixida por Edita Shulman, que interpretará o concerto «Alla Rustica» de Antonio Vivaldi.

O Primeiro de maio, Calveiro pronunciará ás 13:00 horas o pregón que abre a Feira do Libro de Santiago, que se celebrará do 1 ao 9 de maio no Paseo central da Alameda compostelá. O mesmo día, ás 20:00 horas, presentarase Settecento nun acto no que Martín Pawley conversará sobre a novela con Marcos Calveiro.

O primeiro capítulo desta formidable novela pode baixarse en pdf aquí. Boa lectura e bo Día do Libro!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Santiago

22 Abril 2010

Crónica,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Historia,Narrativa,Noticias,Poesía,Xuvenil

Xerais preparou un importante programa de actividades para a Feira do Libro, que se celebrará no Paseo Central da Alameda de Santiago de Compostela, entre o 1 e o 9 do vindeiro mes de maio.

Día 1 sábado

13:00 horas: Pregón a cargo de Marcos Calveiro.
19:30 horas: Ricardo Gurriarán asinará exemplares do seu último libro Inmunda escoria.
20:00 horas: Presentación da novela Settecento de Marcos Calveiro. Intervirán: Martin Pawley, Manuel Bragado e Marcos Calveiro.

Día 3 luns

19:30 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA 2009)

Día 4 martes

20:00 horas: Presentación da novela A intervención de Teresa Moure. Intervirán: Margarita Ledo, Manuel Bragado e Teresa Moure.

Día 5 mércores

19:00 horas: Presentación do poemario (Retro)visor de Antía Otero. Intervirán: Estevo Creus, Fran Alonso e Antía Otero.

Día 6 xoves

20:00 horas: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Rosa Aneiros, Xosé A. Sánchez Bugallo, Manuel Bragado e Manuel Portas. Ao remate, a música Clara Pino (Integrante de Cobalblue), tocará coa Harpa Celta o tema “Alalá do viquingo”.

Día 7 venres

20:00 horas: Presentación do libro Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia de Francisco Calo Lourido. Intervirán: Xerardo Pereira-Menaut (Catedrático de Historia Antigua da USC), Manuel Bragado e Francisco Calo Lourido.

Día 8 sábado

19:00 horas: Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón. Intervirán: Caetano Díaz (Director de Galicia Hoxe) e Pilar García Negro. Colaboran a Asociación Cultural O Galo e A Mesa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Festina lente» de Marcos Calveiro recomendada por Ghanito

13 Abril 2010

Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

Pasoume con Festina Lente o mesmo que con Bone. As insistentes recomendacións de xente á que lle teño moita lei conseguiron que lle dera tres oportunidades tanto á obra de Jeff Smith coma a de Marcos Calveiro antes de collerlles o xeito. E pagou a pena, nos dous casos.

Aborrecido de ler novelas históricas con intrigas que perden os folgos estragando cara o final o único interese que ten a súa lectura, é un pracer descubrir como Calveiro engánanos para que collamos o libro coma se fora un best seller calquera. Pensando que ten importancia o que non deixa de ser unha desculpa para meternos na vida de Ambrosio Cavaleiro. E sen que por iso descoide a intriga e resolvendoa perfectamente. Quen lle dera a algúns autores de best seller de misterio ter un final tan xeitoso.

Lin a 1ª edición da novela e non sei se o fixeron, mais pareceríame unha boísima idea incluir un glosario e un plano de Compostela en posteriores edicións. Unha das cousas que me botara para atrás da primeira vez foi a dificultade que tiven con algúnhas pasaxes do comezo, fixo que tardara en concentrarme. Sentar nun curruncho durante a mudanza non parecería algo que facilitara coller o fio da narración, mais foi o tal no meu caso :-D

A captación de neolectores (ou lectores neofalantes) non debe condicionar o nível da escrita coma eu parvamente suxería a Calverio nunha conversa o día que tiven a sorte de que mo presentaran, ainda que iso non impide que eu siga pedindo un glosario que sirva de muleta para desfrutar da súa obra.

Parte dos que ledes este blogue probablemente non oírades falar moito desta obra. Guiádevos por min e dádelle unha oportunidade, ainda que non teñades costume de ler en galego,porque paga a pena. Tedes opinións moito mais autorizadas ca miña no blogue que o autor abríu para o libro cando saíu. (antes de cambiar a súa casa para unha veciñanza mais selecta ;-) ).

Lede o libro, non tentedes que niguén vos faga un resumo.

Eu pola miña banda acho que vou mercar, así que me cadre, Settecento.

Texto publicado por Ghanito no seu blog Apocalipse do porco.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Rivas e Marcos Calveiro abren blogs

5 Abril 2010

Autores,Blogs,Fóra de Xogo,Narrativa,Premios,Xerais nos blogs

Iníciase a primavera literaria coa apertura de novos blogs literarios. O escritor Manuel Rivas, coincidindo co proceso de redacción final da súa nova novela que publicaremos despois do verán, abriu blog co título «O máis estraño» e o subtítulo «A boca da literatura». Pola súa banda, Marcos Calveiro abriu blog para cadansúa das novelas que publica neste mes de abril: Settecento en Xerais Narrativa e O pintor do sombreiro de malvas, premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 en Fóra de Xogo. Os nosos parabéns para ambos os dous.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Settecento» de Marcos Calveiro

18 Marzo 2010

Narrativa,Noticias

Xa está no prelo Settecento, a segunda novela na colección Narrativa de Marcos Calveiro. Os primeiros exemplares chegarán ás librarías despois de Semana Santa e a presentación realizarase coincidindo coa semana do 23 de abril.

O badaleo de todos os campaniles de Venecia resoa en canles e pazos da Serenísima República unha mañá do ano de 1739 e, coma nun teatro barroco, álzase o pano deste melodrama para música no que todos os personaxes semellan agochar sentimentos e intencións tras unha branca máscara de Entroido. Baixo a atenta ollada dun alado león de mármore, Antonio Vivaldi prepara a estrea da súa nova opera, quizais a súa derradeira oportunidade de acadar o éxito de antano, mentres procura por un stradivarius perdido que moitos anos máis tarde escoitaremos nos oficios da catedral de Santiago. É, no celme harmónico deste prodixioso instrumento e nas habelenciosas mans do seu intérprete, onde fica o segredo dunha historia de culpa e redención, de amor e desexo, de loita e resignación, de fulgor e decadencia. Quizabes distintas notas para unha melodía arreo repetida na partitura das nosas vidas. Settecento é un intrigante e vertixinoso relato que confirma a Marcos Calveiro como un dos novelistas primeiros do noso tempo.

Foto de cuberta: Fran Herbello

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais: novidades literarias de xaneiro e febreiro de 2010

4 Xaneiro 2010

BLG,Clásicos,Crónica,Ensaio,Fóra de Xogo,Guías_de_viaxe,Lingua,Narrativa,Noticias,Poesía,Reedicións,Traducións,Universitaria,Xuvenil

Tras os días de descanso de Nadal, o equipo da editorial prepara os primeiros lanzamentos das primeiras novidades literarias de 2010.

Neste mes de xaneiro aparecerán, dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas, dous poemarios de Ramón Cabanillas: Samos, en edición de Xosé Carlos López Bernárdez e No Desterro, en edición de Xosé Ramón Pena. Nas mesmas datas aparecerán os dous primeiros títulos de ensaio, A espiral no espello de Anxo Angueira (Xerais Universitaria) e Lingua de calidade de Xosé Freixeiro Mato (Xerais Materiais).

A comezos do mes de febreiro chegarán ás librarías os primeiros títulos do «Ano Uxío Novoneyra»: a nova edición d’ Os Eidos (Xerais Clásicos) e o libro de Xosé Lois García Uxío Novoneyra revisitado (Xerais Estudos Literarios). No mesmo envío incluiranse os dous primeiros títulos de Cronica: Melancolía de sofá de Luisa Castro e Feministas Galegas. Unha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón.

Tamén en febreiro aparecerán as tres primeiras novelas de Narrativa: A intervención de Teresa Moure, Settecento de Marcos Calveiro e Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe, premio Nacional de Narrativa 2009, traducido do éuscaro por Isaac Xubín. No mesmo servizo chegarán ás librarías dous títulos de Xerais Poesía,  Lapidarias de David Rodríguez e (Retro)visor de Antía Otero e dúas novelas de Fóra de Xogo, A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo, traducida do catalán por Eva Lozano, e A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis.

Na derradeira semana de febreiro publicaranse os dous primeiros títulos de Xerais Ensaio: Georges Steiner no The New Yorker, traducido do inglés por Lara Domínguez, Patricia Buján e Saleta Fernández e o segundo tomo d’ O segundo sexo. II. A experiencia vivida de Simone de Beauvoir, traducida od francés por Marga Rodríguez Marcuño, así como a Guía do Camiño de Santiago de Antón Pombo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro entrevistado por Manuel Vidal Villaverde

14 Decembro 2009

Autores,Entrevistas

Manuel Vidal Villaverde publica en Galicia hoxe unha longa entrevista con Marcos Calveiro, recente gañador do Premio Lazarillo de literatura xuvenil, que publicará a comezos do vindeiro ano a novela Settecento.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marcos Calveiro Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2009

4 Decembro 2009

Fóra de Xogo,Noticias,Premios,Xuvenil

Segundo anunciou hoxe a OEPLI, Marcos Calveiro resultou gañador do Premio Lazarillo de literatura xuvenil coa súa novela O pintor do sombreiro de malvas. Segundo relata Calveiro no seu blog a historia acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas… O pintor do sombreiro de malvas será publicada por Xerais na colección Fóra de Xogo a vindeira primavera. Os nosos parabéns para Marcos Calveiro, quen nestes días remata a corrección das probas de Settecento, a súa segunda novela na colección Xerais Narrativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter