Aínda queda media hora para a presentación de Sete Palabras, o novo libro de Suso de Toro. Cae a noite. Non cae a noite tropical, iso é certo, porque novembro se volveu frío de súpeto, tras as grandes tormentas do outono. A cidade, envolvida nesta incipiente escuridade, está preparada para recibir a mensaxe azul da memoria. Suso de Toro chega ao evento acompañado de parte da súa familia. A súa nai, Óscar e Antonio. Antonio Raúl de Toro, catedrático de Filoloxía na Universidade da Coruña, estará na mesa en Sargadelos, dentro duns minutos. Xunto a Toni Doce, grande amiga de Suso, lectora de toda a súa obra, Xosé Manuel Villanueva e Manuel Bragado. Suso toma algo, non lembro que, mentres falamos. Estamos nun bar, un bar calquera, tampouco importa moito, tampouco imos entrar en detalles. A conversación percorre este libro singular, un libro que, iso di Suso de Toro, podería pechar a súa produción literaria para sempre. Non vai ocorrer, claro. Pero é un libro de peche, un libro que estivo a esperar aí, na recámara, ata que o autor xulgou que chegara o momento de sacalo á luz. É un libro que nace da memoria. Un libro que busca a orixe da súa familia, o pasado, envolvido en certa bruma. Un libro que busca as terras de Zamora, que viron o comezo dos De Toro. Unha viaxe apaixonante.
-Sete palabras é un título enigmático. Por que?
-Bueno, ten algo de máxico, si. Ten algo de número cabalístico. E tamén se refire, claro, ás sete últimas palabras de Cristo, con tantas adaptacións musicais. Pensei que era un título bonito, e que, ademais, ten unha xustificación na historia, porque nela hai un momento no que alguén di algo que consta, exactamente de sete palabras. E esas palabras revelan o enigma e resolven sentimentalmente a historia.
É este un libro diferente, como tantos libros de Suso de Toro. Un libro que non deixará indiferente a ninguén. O alto grao de experimentalismo do autor volve agora con toda a súa enerxía: coa enerxía dos vellos tempos. Suso de Toro é, quizais, o máis vangardista dos nosos escritores. O máis joyceano.
-Atopámonos, Suso, ante un texto misterioso e complexo.
-Eu case sempre escribo historias de pantasmas. No fondo, historias que tratan da identidade, de alguén que investiga o pasado, o mundo dos mortos… A literatura sempre é un engano para divertir o lector, non o esquezamos. Pero, no fondo, como dicían os Rolling, It’s only rock and roll but I like it. A novela é un aparello, un artificio, pero sabemos que hai moito máis alá do meramente contado.
-Nesta novela hai por primeira vez unha viaxe persoal cara ás túas orixes. É, como digo, a primeira vez que escribes, se non me acordo mal, da túa propia vida e da túa propia peripecia vital. Sentícheste, quizais un pouco estraño facendo isto. Porque hai moita verdade e moita autobigrafía nesta curiosa obra.
-Ben, o certo é que a literatura sempre é unha mentira, iso é evidente. Unha fermosa mentira. Este libro variou varias veces, evolucionou. E co tempo, foime conducindo, desde o amor, desde a aventura persoal… até o final. Escribir este libro foi moi pracenteiro para min, sentime moi feliz escribíndoo, de verdade.
-Pero algunha razón haberá que explique esta viaxe cara ás orixes, precisamente agora. Por que esta novela nestes momentos?
-Seguramente terá que ver moito coa miña idade. Hai momentos nos que te preguntas máis sobre o pasado. Eu fíxeno sempre, é certo, pero diría que este libro, no fondo, é o resultado lóxico de todo o anterior, ese libro é o texto que estiveches preparando toda a vida, dalgún xeito. Este libro é diferente. Ou, polo menos, eu síntoo así. É tamén un libro término, así que, en teoría eu tería que dicir adeus xusto agora, con estas liñas. Pero espero que o pracer de crear historias e personaxes vaia máis aló das miñas dúbidas e me de fortaleza para o futuro. Agardo iso.
Sete Palabras acaba de ser publicada por Edicións Xerais e para Manuel Bragado, o editor, estamos tamén ante un texto diferente: ante un texto non moi habitual na literatura galega.
Hai hoxe unha gran quietude na cidade, creo que xa o dixemos. Mentres a noite faise inevitablemente connosco e atrapa os nosos soños, Suso descose o tecido da súa narración. Destece o tecido, como unha Penélope contemporánea. Hai unha rara quietude outonal, unha quietude de prata, un baile espectral de luces macilentas. Hai recordos no aire flotando como bandadas de paxaros. O pasado retorna como unha sinfonía da memoria. Novembro cae como sempre, co seu enorme fardo gris. Pero aquí chega Suso de Toro, si, disposto a facernos lembrar aqueles días. Os días da fundación. A historia daquela Zamora remota e pobre, ocre e vermella de arxilas e cereais. Daqueles personaxes que el non coñeceu e que agora lle narran outros, con máis ou menos detalle (o autor utilizou gravacións, realizadas nos lugares nos que o seu avó paterno viviu, para construír a súa novela). Porque Suso gravou voces e ecos, utilizando unha técnica un tanto xornalística. Antonio Raúl de Toro, que acode á nosa entrevista coral co escritor, asegura que estamos ante unha viaxe talvez moi existencialista, pero tamén profundamente modernista. Suso de Toro, pola súa banda, insiste: “Non hai que esquecer que a literatura é unha mentira. O que me interesa é que todo funcione, que a maquinaria funcione, iso é o importante. Recoñezo que, neste caso, tratábase de construír unha novela, unha narración, unha historia inventada… e creo que foi un exercicio moi produtivo e moi pracenteiro. Paseino ben. Gocei moitísimo escribindo este libro. Creo que este artificio literario leva grandes fragmentos de verdade no seu interior. Empecei pensando nun libro de ideas, de moitas ideas, con moitas intencións, pero, aos poucos, decateime de que todo me empuxaba cara a unha narración chea de misterios. O misterio é o máis importante. Pero si, é certo que esta obra ten moito que ver coa miña vida persoal… Sucede que desvelar o descoñecido sempre encerra unha certa violencia. Pero para min este libro é como unha purga. Só quería saber por que viñamos de alí, de Toro, en Zamora. Cal era a orixe. O amor, ao final, está detrás de case todos os argumentos.
Antonio de Toro fíxase entón nunha frase do libro do seu irmán. Unha que di, “este libro faite máis mortal”. Parece unha frase dura. Suso de Toro explica a sentenza: “o escritor é alguén que ten que vencer varias cousas, romper varias membranas, o mesmo que un actor ten que saber representar cousas extremas e contrarias. A literatura é crucial nas nosas vidas: os libros pódennos axudar a vernos desde fóra. E este libro fai esa función. Véxome coma se xa non estivese aquí, desde fóra. É unha experiencia interesante.
-Este é un libro de peche, un libro que fala de nós e do futuro, pero tamén nos fala da enerxía que destila o pasado.
-O certo é que en min hai moitas contradicións: por exemplo entre a cultura popular e a cultura elevada. O que sucede é que a literatura popular é a verdadeira cultura. Eu reflexiono moito sobre a literatura, as artes, etc… Pero isto é sobre todo unha novela de misterio, que para min unha novela de misterio é a literatura por antonomasia. Hai unha historia e esa historia serve para deixar claros certos temas. Eu creo moito nas historias. Nun certo tremor ante o que vai pasar. Penso que ese é o auténtico poder da literatura.
-Ti es coñecido por ser, dalgún xeito, seguidor de autores como James Joyce: hai unha gran dose de modernismo en moitas das túas novelas, como ben sinalou o teu irmán, Antonio Raúl. Pero non é menos certo que ás veces, esta viaxe ao pasado, ás pantasmas, á orixe de todo, recorda un pouco a Henry James.
-O libro é, entre outras cousas, unha viaxe. Unha viaxe a unha comunidade, a uns cantos pobos de Zamora. Son moitas cousas as que se encerran no libro, pero sobre todo trátase dun desprazamento espacial. O protagonista vai a Zamora, pero tamén vai a Cuba. E os ritmos cambian. Quero que saibas, aínda que o comentarei agora na presentación, que eu tiven un dilema importante con este libro: non sabía se debía escribilo en galego ou en castelán. Parecíame que debía facelo en castelán, porque así recollería mellor a voz de todas as persoas coas que falei, e que tantas cousas me contaron. Pero logo díxenme que eu era un escritor galego, que o fun sempre, e que me debía a iso. Así que ao final escribino en galego, e traducino, eu mesmo, de inmediato ao castelán. O que espero é lograr recoller axeitadamente o que aquelas xentes me dixeron. Quero dicir, e xa sei que insisto, que atopei alí persoas marabillosas: con esa elegancia antiga, sen dúbida irrepetible.
-Cal foi a razón auténtica pola que decidiches escribir este libro?
-Os escritores adoitamos mitificar o pasado. Na miña familia dous dos irmáns somos escritores, e sempre lle preguntabamos aos nosos pais que pasara con ese avó de Castela que non coñeciamos. Unha vez, coa miña familia, fixen noite en Toro. A miña muller dixo que debiamos parar e durmir alí. Desveleime e díxenme: alguén que estivo neste lugar debe ser o pai do meu pai. Díxenme que tiña que escribir esta historia, que tiña que achar a orixe deste apelido noso que estaba alí mesmo, na cidade de Toro.
José Manuel Estévez-Saá, profesor da UDC, tamén presente na conversa, pregúntase entón se se vai facendo máis esixente cada vez, como escritor. “Pesan, por exemplo, os premios?”, pregúntalle.
“Non, o que pesan son os anos”, di, divertido, Suso de Toro. “Co paso do tempo perdemos entusiasmo, vigor, enerxía. Iso está claro. Vas pasando do ímpeto á reflexión. Eu sempre tiven un programa estético, pero as miñas ideas era implícitas, pouco obvias. Eu non quería facer as novelas de Thomas Mann, que me parecía o límite da literatura. A pesar de que sinto respecto por el, por suposto. Pero agora observo que a miña propia literatura se vai condensando, vaise facendo máis espesa. O curioso é que non sei agora mesmo quen escribe esta historia, de quen é a voz que estamos a escoitar.
Agora, co libro que acaba de saír do prelo, o autor quere relaxarse: “paseino ben, pero tiven que refacelo varias veces”·, di. “Agora quero escribir algo máis doado: creo que vou facer algo de dúas mulleres detectives… non sei. Vou desconectar un pouco, porque, a verdade, esta historia, tan densa e complexa, deixoume contento, pero sen folgos”. J. Miguel Giráldez.