Ramón Caride: «Publicarei en breve “Sarou Louzós”, recompilación de serie negra con dous topónimos que marcan espazos míticos»

4 Maio 2012

Autores,Entrevistas,Xuvenil

Ramón Nicolás recolle no seu blog, Caderno da crítica, unha entrevista con  Ramón Caride que publicou no número 175 da revista Que Leer.

Ramón Caride: libros xuvenís para pensar

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957) exerce a docencia nun centro de ensino secundario e a súa traxectoria literaria, que abrangue distintos xéneros, foi recoñecida con numerosos galardóns entre os que destacan o Premio Branco Amor, o Lueiro Rey e o Merlín de literatura xuvenil.

—Publica para primeiros lectores Catro amigos pillabáns e A pomba dona Paz: subxacen aí os mesmos valores da súa obra?
—A pesar de seren libros cun forte compoñente gráfico e dirixidos ás primeiras etapas lectoras, son distintos: A pomba… é un libro feito expresamente para celebrar o Día Escolar da Paz e poñer de relevo cousas como a tolerancia, a ecoloxía e a convivencia nas aulas; mentres que Catro amigos… é máis ben un libro de aventuras protagonizado por animais. No fondo, non obstante, comparten os mesmos valores.

—Fálenos da tradución d´O frío azul.
—O frío azul (en Anaya en castelán, en Sotelo Blanco en galego) é unha novela histórica, ambientada entre 1517-1525, con elementos realistas, como un proceso inquisitorial ben documentado, pero con moitos elementos fantásticos e lendarios. Transcorre entre Oseira, Xálima (Estremadura) e Toledo. Acaba de recibir o premio «Templis» á mellor novela autoconclusiva nacional do ano 2011 instituído pola revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas. Estou orgulloso deste premio, porque está outorgado polos lectores.

—Exogamia 0.3 tamén foi un título ben acollido por crítica e lectores…
—É un libro de relatos para pensar e debater sobre a explotación infantil, as consecuencias da industria nuclear, os avances biomédicos ou a emigración clandestina. Está construído a partir de informacións xornalísticas e de avances recentes publicados en revistas científicas, buscando un dobre obxectivo: a máxima actualidade e a maior diversidade de técnicas narrativas. A súa excelente recepción demostra que os novos lectores non teñen apriorismos á hora de ler. En contra do que se di ás veces, creo que non debemos rebaixar o nivel de esixencia e precisión nos textos para adolescentes. Continuarei esta serie con Endogamia 0.2, xa redactado.

—Non descoida a lírica: que achega A chuvia humana á súa obra anterior?
—A chuvia humana é, esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente).

—Algún proxecto actual?
—En galego publicarei un libro de novelas curtas e relatos para adultos, Sarou/Louzós, centrado na serie negra realista. Estes dous topónimos imaxinarios marcan os meus dous espazos míticos: as Rías Baixas, onde vivo, e a Galicia interior, profunda, montañosa e agora case deshabitada, da que procedo. É a primeira vez que todo o ciclo, vinte anos de traballo, se publica nun volume único. Espero tamén completar a publicación en castelán da serie, xa ben coñecida, d´As aventuras de Said e Sheila, coa publicación do cuarto volume, A negrura do mar, ilustrado como os anteriores por Miguelanxo Prado.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter