“Despois da medianoite” de Salma, no Club de Lectura do Centro de Documentación Feminista

20 Xaneiro 2012

Clubs_de_lectura

O mércores, 25 de xaneiro, o Club de Documentación Feminista do Concello de Vigo e Implicadas no Desenvolvemento, organizan o club de lectura sobre o libro Despois da medianoite da escritora tamil Salma e traducido ao galego pola escritora e tradutora María Reimóndez.

O encontro terá lugar na Biblioteca Central, rúa Joaquín Yáñez, 6 de Vigo.

Dolores Vilavedra aborda «Despois da medianoite» e «Vía secundaria» no último repaso de novidades

23 Setembro 2011

Críticas,Narrativa

O suplemento Luces de El País publica un artigo de Dolores Vilavedra en que, baixo o título de «Pintan bastos», realiza unha panorámica crítica sobre os últimos títulos publicados, citando a tradución dos Sonetos de Shakesperare, feita por Ramón Gutiérrez Izquierdo e facendo un breve percorrido por Despois da medianoite, de Salma, e  Vía secundaria, de An Alfaya.

(…)

Máis que nunca hoxe precisamos de metas ambiciosas que nos levanten a autoestima, como a exemplarmente anotada versión galega dos Sonetos de Shakesperare.

(…)

Aínda que tamén moi extensa, Despois da medianoite, da escritora tamil Salma, resulta completamente diferente. Ante novelas coma esta unha pregúntase cantas grandes obras estamos inevitablemente condenados a ignorar por mor da distancia xeográfica e cultural. Sendo ben interesante o argumento, que nos achega á vida dunha comunidade musulmá na rexión india de Támil Nadu, sobre todo ás limitacións cotiás que padecen as mulleres, a novela é moito máis. Despois da medianoite consegue que nos mergullemos nun mundo no que rexen pautas diferentes ás que estamos afeitos, pautas lingüísticas e pautas temporais: a autora consegue que a lectura se contaxie dos ritmos dunha sociedade que se move ao son dos ciclos da natureza e na que os días e as horas teñen unha durée particular, e consegue tamén situarnos nunha posición de inferioridade ou, se se quere, de estranxeiría, ante un texto que a miúdo se resiste á apropiación que ao cabo é toda tradución. Somos nós os que temos que facer o esforzo de acceder o texto, non o texto que se nos revela. E isto, nunha novela que inevitablemente lemos dende a superioridade do noso Primeiro Mundo, é unha experiencia máis mobilizadora que calquera lectura panfletaria que do texto se queira facer.

(…)

An Alfaya ten demostrado que é un valor seguro das nosas letras e a ninguén sorprendeu que resultase gañadora do Premio novela por entregas de La Voz de Galicia 2010 con Vía secundaria, editada en libro logo de aparecer pinga a pinga nas páxinas do xornal. Trama interesante, ben anoada, arredor de cuestións de actualidade, e personaxes definidos con eficacia, malia a brevidade que impón o formato, son os principais méritos dun texto que reafirma a solvencia da autora.

Dolores Vilavedra

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Despois da medianoite», de Salma

20 Setembro 2011

Críticas,Narrativa,Traducións

Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre Despois da medianoite, da escritora india Salma.

Como viven as mulleres musulmás na India

Imos comezar esta crónica coas palabras con que María Reimóndez remata o seu limiar: “Estas que nos abren a noite de par en par para buscar a luz do día”. Refírese ao texto da novela de Salma. E queremos comezar así porque, unha vez lida a novela, esa é a sensación que fica no lector: a de que esta lectura esgaza a ignorancia que os occidentais adoitamos ter da vida oriental. Porque como mosaico de vida, a novela de Salma non ten prezo. Non ten prezo porque a amplitude da análise e retrato social déixannos unha panorámica impagábel: á vez xeral ou de conxunto ou exterior, e individual e privada ou íntima.

Teña o lector a seguranza de que esta é unha novela cuxa lectura non o deixará indiferente. Hai que ter o corazón moi duro para non sentir como se che van conmovendo as entrañas a medida que se vai lendo. E velaquí un valor que tampouco deixa de ser literario. Se hai algo indiscutíbel é que certas lecuturas teñen o poder de querer intervir na sociedade e son incomptíbeis coa indiferenza ou neutralidade do simple espectáculo que unha historia contada é. O cal é válido tanto para a primaria comunidade receptora, a támil, como esta occidental en cuxa lingua agora podemos ler a novela de Salma. Co engadido de que é a támil a máis interesada, porque ela é a espellada. Para situar o lector, digamos que a comunidade Támil Nadu está situada no sur da India. Trátase, a da novela, dunha comunidade rural onde a cidade de Madurai é un dos seus referentes e cunha poboación que ten na emigración (sobre todo a Singapur e Sri Lanka) un destino ao que lle é moi difícil escapar. E fica aínda por mencionar a característica fundamental: é unha comunidade de relixión musulmá, comunidade rural (o que engadimos coa esperanza de que a vida nas comunidades urbanas presente outras connotacións máis liberais.)

Porque a vida que retrata Salma nesta novela, a vida destas mulleres rurais e musulmás, a ollos de calquera occidental non musulmán, semella un exercicio de tortura difícil de imaxinar; e para quen o dea imaxinado, difícil de comprender. Sería difícil de comprender aínda que estivésemos en pleno século XIX; máxime hoxe, xa entrado o XXI, unha sociedade na cal a muller representase tan pouco. A muller, ese ser humano (é importante este adxectivo), que nos dá a vida, que é a orixe de todos, de homes e mulleres. Esa sociedade, unha sociedade na cal o rol da muller é máis semellante ao dunha escrava ou animal doméstico que o que se agarda atopar na especie humana. Unha muller á que moi cedo se lle nega a cultura e o ensino; unha muller á que en canto menstrúa xa lle están procurando o marido ( tantas veces moito máis vello ca ela) a quen servirá de por vida. Son máis as características definitorias da muller rural de Tamil Nadu, porén esas dúas citadas son a orixe, son o centro desta novela. Porque de aí resulta que, agás afortunado azar, eses matrimonios afogan a muller, entérrana en vida. Sendo ela, para máis, a súa propia carcereira, o que permite e fomenta e describe coma ideal a relixión musulmá que profesan

A estratexia narrativa é simple, mais moi efectiva. Primeiro retrátase a vida nesa comunidade; logo, dentro desa vida aparece o drama; o drama que desembocará en traxedia. Estas tres partes secuencias constitúen a estrutura da novela, sendo a primeira a máis extensa. Para levala adiante, nas condicións ao comezo citadas, é preciso un elevado número de personaxes e que estas representen abanos de idade diferentes. É así, da man destas mulleres, que se nos retrata a vida nesa comunidade támil musulmá, en capítulos que tenden a non ser longos. Un retrato, xeral e indivual, moi atento ao pormenor e onde as personaxes fican cunha configuración salientábel que as reafirma como seres de carne e óso, aspecto moi importante tratándose dunha novela realista. Son moitas esas personaxes e esa é a sensación que deixan, aínda que algunha (pensamos en Wahid, e é unha personaxe central) sexa sospeitosa de excesivo idealismo.

Velaquí, pois, valores estritamente literarios, por se non abondaban os humanos primeiramente comentados, e polos cales a comunidade receptora lle fixo ouvidos xordos, doída, sen dúbida, por este valente retrato da situación da muller. Non exactamente polo retrato, senón porque o home non fica ben parado, aínda que a finalidade da novela non sexa denigrar o xénero masculino senón expoñer a dramática, a tráxica situación da muller. Por iso e porque a contundencia da denuncia de Salma exprésase cunha delicadeza notábel, que, precisamente por ser así, por esa delicadeza, resulta aínda máis dura.

Ler a denuncia da situación da muller nesta novela de Salma, e non lembrar a peza teatral A casa de Bernarda Alba (Federico García Lorca) resulta imposíbel. E moi útil. Non hai tanto que as cousas pasaban, no occidente, de maneira moi parecida…

Xosé Manuel Eyré

Apuntes críticos de Xosé Manuel Eyré sobre «Despois da medianoite», de Salma

19 Setembro 2011

Críticas,Narrativa,Traducións

Xosé Manuel Eyré publica no seu blog, Ferradura en tránsito, diversos apuntes críticos sobre Despois da medianoite, da escritora india Salma.

As mulleres da noite esgazada tamil

Nomes de muller: Madina, Zhora, Nafiza, Wahida, Firdaus, Saura, Sherifa, Fatima, Rabia, Amina, Sabia, Mumtaz, Sainu, Kairunissa, Maimoon

Situacións:

-Acaba de ter a primeira menstruación, polo tanto debe abandonar a escola e non saír da casa até casar, casará con Sikander ( depois marcha emigrado) e sentirase violada, o seu sogro non para de mirala con lascivia, ela non sabe ser afectuosa co marido nin o marido con ela, a casa dos sogros afógaa ( a sogra non para de rifarlle) e axiña descubrirá que tamén a súa propia casa é capaz diso.

-Dúas nenas, van á escola, pregúntanse porque un home pode casar varias veces e unha muller non, no ceo haberá virxes para servir ás mulleres igual cós homes?, porque non poden seguir estudando e lendo despois da primeira menstruación?, pouco saben do sexo e vansa informando como poden.

-Muller que foxe cun home, deixa un fillo. A problemática creada á comunidade é enorme pois toda a comunidade queda estigmatizada por isto. A comunidade redúcelles ás mulleres as escasas liberdades que xa tiñan, especialmente ir ao cine. A aventura dura un ano aproximadamente, e ela morrerá atropelada. Na comunidade ven niso un acto de xustiza, a man de Alá.

-Cásana cun home ao que non quere, prodúcelle repulsión, e divórciase del. Píllaa, outra muller, co seu amante. Aféalle a conduta e acúsaa á nai. A nai pídelle á filla que se suicide, ou se suicida a filla ou se suicida  nai, finalmente é a filla quen se suicida.

-Muller malcasada, que, por riba, fica viúva. Se casada tiña mala vida, de viúva é peor, unha morta en vida

-Unha prostituta, feminista.

-Outra acabada de divorciar, esta vese na de ter que abortar ou creará unha situción insostíbel

-Todas estas mulleres botan o día traballando na casa. Elas levan a casa. Non poden comer, por moita fame que teñan, antes de que chegue o home. Nin levarlle a contraria ou falar mal del. Nin entrar na mesquita

Poisbilidades combinatorias: As que se queiran

Ubicación temporal: Pouco importa mais é agora

Ubicación xeográfica: No rural de Támil Nadu, India. Mais non só é cousa deles.

Certezas: O drama. A traxedia. A noite esgazada.

Xosé Manuel Eyré

Crítica de Dolores Martínez Torres sobre «Despois da medianoite», de Salma

15 Setembro 2011

Críticas,Narrativa,Traducións

O Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe hoxe unha recensión de Dolores Martínez Torres sobre a novela Despois da medianoite, da escritora india Salma.

Escrita rebelde

O prezo de nacer muller

Nunha aldea preto de Thuvarankurichi, en Tamil Nadu, ao sureste da India, Rabia esgota os días da súa nenez. Os sinais do seu corpo anuncian a inminente pubertade, e iso significa que, para ela, tal como convén á honra das mulleres da comunidade musulmá á que pertence, o seu primeiro sangue asinará un destino de férrea reclusión na casa familiar, de onde só saírá se é entregada en matrimonio. Rabia aínda xoga na rúa, e vai á escola, e ao cine, e aínda que non pode evitar facerse preguntas, nin imaxina os cambios que van acontecer. O tempo na aldea transcorre marcado polas cerimonias, e os acontecementos da vida cotiá,sociais e relixiosos,palpitan nas reveladoras conversas que unha voz narradora, omnisciente e sutil, engarza cos pensamentos íntimos dos personaxes –un mundo eminentemente feminino, de amigas e veciñas, criadas e parentes en distinto grao– para sacar á luz os segredos inconfesados, os soños rotos, a infelicidade dunha sociedade alicerzada sobre un entramado de silencio, submisión e hipocrisía, do que as propias mulleres son confrecuencia, as máis feroces, ríxidas e crueis gardiás.

Do confrontamento entre os variados puntos de vista, entre os actos e palabras que se levan a cabo en público e privado, infírese o retrato dun grupo onde o estrito cumprimento dos roles establecidos e o afán por acadar certa cota de poder –se cadra para exercer abuso, se cadra a misericordia–, non só determinan ás rela- cións entre os sexos, de meridiana desigualdade, senón tamén as rela- cións de parentesco e entre as distintas etnias e relixións. Nunha aldea preto de Thuvarankurichi, en Tamil Nadu, tamén Salma (pseudónimo de Rokkia Malik, recoñecida autora nacida en 1968, que actualmente ocupa un alto cargo esta- tal) ficou fechada na casa na casa ao chegar á pubertade. Asúa rebeldía fronte a obrigada soidade e o aburrimento foi escribir. A contracorrente e en segre- do; na súa lingua e do que mellor coñecía: a súa natureza de muller, támil e musulmá. Xusto as mesmas razóns polas que non debería telo feito; as mesmas polas que, na súa aldea, non a len.

Quen decida achegarse a este voluminoso texto –na tradución galega de María Reimóndez, a partir da versión en inglés– non atopará, de certo, un relato de acción; tampouco unha estampa exótica nin un alegato doutrina- rio. Só un fragmento de vida de mulleres de aldea, moito menos distantes que a súa xeografía.

Dolores Martínez Torres

O debate sobre a muller musulmana: Entrevista de Ramón Nicolás con Salma na revisa «Que Leer»

2 Setembro 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa

A revista Que Leer do mes de setembro inclúe unha entrevista de Ramón Nicolás ca escritora india Salma, autora de Despois da medianoite .


«SALMA Y EL DEBATE SOBRE LA MUJER MUSULMANA»

Invitada por la ONG Implicadas no Desenvolvemento,  la escritora tamil Salma visitó Galicia y presentó Despois da medianoite (Xerais), publicada hasta sólo en su versión original y en inglés.

Salma  (Thuvarankurichi, 1970), simboliza una parte sustantiva de la literatura india de expresión en tamil. De formación fundamentalmente autodidacta comenzó a escribir poesía desde muy joven y publicó clandestinamente durante muchos años utilizando un pseudónimo. Desde diversos sectores su obra fue objeto de duras críticas por el tratamento que realiza de la sexualidad femenina y por el contenido feminista de sus escritos. En  la actualidad es Directora General de Asuntos Sociales en Tamil Nadu, donde reside.

-¿Cuál fue el proceso de gestación de esta novela?
-Comencé a desenvolver la idea de la novela siendo bastante joven, reflexionando sobre los asuntos que aparecen en ella. Con 25 años tenía claro que justamente quería escribir esta novela, pero en aquel momento tenía mucho miedo por la repercusión que podría tener y por los problemas que podría provocar en mi familia y donde vivo. Por fin, con treinta años decidí acabarla. Así y todo, el proceso de redacción no fue doloroso porque era mi vida, aquí están las cosas que formaron parte de mí, aunque si sintiera miedo.

-Entonces, ¿cuanto hay de ficción y cuanto de realidad?
-Ambas cosas: la novela incluye fragmentos biográficos, pero también suscito la reflexión, me interno en el ámbito de los sentimentos y de la ficción. Es desde sus páginas como como intento compartir todo eso. De alguna manera en todos los personajes voy poniendo un poco de mí.

-La vida cotidiana adquiere en su novela una enorme plasticidad…
-Hay cierta tradición en las novelas tamiles del empleo de estos recursos, pero lo novedoso en mi novela es más bien el mundo que diseño de manera global: el mundo de una comunidad musulmana donde esos olores y sabores si resultan nuevos en su plasmación literaria, aunque lo que más persigo es abrir el debate sobre la vida de las mujeres musulmanas.

-En la novela surgen conflictos de carácter religioso y étnico, ¿de difícil resolución?
-En el campo de la religión todo es muy complicado porque todo el mundo quiere tener su único dios, y sus convicciones son casi inamovibles; pero en cuanto a las cuestiones de tipo étnico guardo más esperanza porque desde el punto de vista de la política siempre se puede promover un mejor entendemento.

-¿Cuáles son las expectativas que deposita en esta traducción?
-Pronto aparecerá en alemán. Tengo mucha curiosidad por conocer la recepción de la novela. En mi país no gozó de ningunha recensión favorable por cuestiones de tipo político y patriarcal; pero a partir de la traducción inglesa comenzó a obter algún reconocimiento. También sé que es la primera vez que se traduce una autora tamil al gallego y estoy muy agradecida a María Reimóndez por su labor.

Ramón Nicolás

«Salma e a delicadeza contundente»: valoración de Xosé Manuel Eyré sobre a novela «Despois da medianoite»

31 Agosto 2011

Blogs,Críticas,Narrativa,Traducións

Baixo o título «Salma e a delicadeza contundente», Xosé Manuel Eyré publica no seu blog algunhas consideracións en torno a Despois da medianoite , a novela de Salma.

Salma e a delicadeza contundente

Son moitas as cousas que me atraen do Despois da medianoite de Salma. Unha delas, como indica o título destas liñas é a delicadeza contundente da súa escrita nesta novela. Segue unha estratexia narrativa que no século pasado gozou de grande fortuna, e consistente na simple xustaposición de secuencias narrativas desde a cal se procura a complicidade do lector ao esixirlle que implemente el as xunturas e contiguidades precisas para lograr o todo desde as partes. Mais a noticia non está niso, a neu ver. Senón na delicadeza da súa denuncia. Unha delicadeza desde a cal non se observa nin o máis mínimo aceno de control autorial intencionado. Unha delicadeza que nace do respeto, do respeto discrepante. E que leva a unha decidida tentativa de comprensión da sociedade que retrata. Isto fai que me pegue, aínda máis, ás paxinas da novela posta en galego por María Reimóndez.

Para os occidentais, que pouco sabemos da vida e sociedade nun lugar tan afastado como a India ( mentres outras sociedade, penso, por exemplo, na dos USA, nos invade até a obscenidade), a novela de Salma constitúe unha engaiolante maneira de nola aproximar, de familiarizárnola. Impagábel.

E para os orientais, para a mesma sociedade retratada, esa delicadeza non é menor.

E aos meus ollos ocidentais choca formetente que Salma fora obxecto de críticas destrutivas polo uso da sexualidade nas súas obras. Teño poucas referencias disto, e as que teño son de segunda man. E penso que o que encobren é a necesidade de condenar ou desfacerse dunha escritora molesta, incómoda simplemente por poñer ao ar aspectos moralmente pouco sostíbeis en pleno século XXI.

Aliás, como xa anunciei, vou empregar esta novela no ensino. Unha das tarefas inmediatas e urxentes consiste en familiarizar os alumnos nos diversos tipos de lectura. E, para comezar, na lectura que esixe colaboración lectora. Esta pode ser, é, un exemplo acaído.

Xosé Manuel Eyré

Entrevista con Salma: «Só como escritora podo provocar cambios profundos na sociedade»

25 Agosto 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa,Traducións

Carmen Alonso publicou esta pasada fin de semana nos xornais xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego unha entrevista con Salma, autora da novela Despois da medianoite .

«Só como escritora podo provocar cambios profundos na sociedade»

«As mulleres da miña comunidade precisan un sistema de cotas de forma urxente»

O nome de “Salma” resulta aínda pouco coñecido en Galicia, mais a muller que se agocha –ou xa non se agocha tanto– tras deste pseudónimo está a vertebrar un fondo cambio, case revolucionario, na historia cultural, social e política do seu país, India, e sobre todo, do estado do que é orixinaria, Támil Nadu. Desde 1938 ela é a primeira muller musulmá que escribe ficción na súa lingua, unha das máis antigas e das de máis rica tradición literaria da India. A súa é unha voz feminina nun eido de homes, onde o seu éxito editorial e o seu activismo político contribúen a crebar firmes piares sociais.

Ademais da súa actividade literaria, Salma é a responsable da Dirección Xeral de Asuntos Sociais de Támil Nadu e activista comprometida coa loita polos dereitos da muller. Cando era nena os seus pais mandárona á escola –dato importante porque en Támil Nadu só unha minoría de rapazas ten acceso á educación–, mais unha trasnada de pubertade provocou que aos trece anos quedara recluída, como castigo, na vivenda familiar ata o seu casamento, sen voltar ás clases. Neste cárcere doméstico comezou a escribir poesía ás agachadas, na clandestinidade. A súa obra chegou ao galego a través da escritora e tradutora María Reimóndez, primeiro nunha escolma de poetas támiles e galegas, impulsada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. E máis tarde, coa súa primeira novela, “Despois da medianoite” (Xerais, 2011). Os seus libros están traducidos, ademais, a varias linguas indias, ao inglés e en breve poderanse ler tamén en alemán.

—A que se debe que en máis de 70 anos ningunha escritora musulmá teña publicado unha novela ou un relato na súa terra?
—A situación débese a que a maioría das mulleres musulmás pasan a vida oprimidas entre as catro paredes da súa casa. Teñen medo de participar nos asuntos comunitarios e teñen pouco contacto co mundo externo. A cuestióné que non reciben unha educación axeitada, e moito menos apoio e orientación doutras persoas para gañar confianza en si mesmas. Toda esta situación explica tamén a falta de participación no mundo da escrita.
—Por que firma con pseudónimo?
—Inicialmente escribía co meu nome real, Rajathi, pero debido á oposición do meu home e a súa familia, da comunidade en xeral, adoptei este pseudónimo, o de Salma.
—Vostede está a abrir un novo camiño na literatura e na política támil. Como reacciona a isto a sociedade e, dentro dela, as mulleres?
—É un camiño complicado e sen moitos apoios, máis ben a reacción social é de oposición pola mera razón de que falo da sociedade en xeral, non só dende o punto de vista da relixión. De feito isto acontece con todas as mulleres que falan abertamente do que pensan. En realidade, tampouco é que haxa entre elas moito interese na literatura e na escrita pero si existe un colectivo de mulleres que tentamos cambiar as cousas tamén neste campo.
—E a súa familia? Que pensan os seus pais, o seu home e os seus fillos do que vostede fai?
—Os meus pais e os meus dous fillos sempre me apoiaron, dende o principio. Pero o meu home e a súa familia amosaron moita oposición, aínda que agora, grazas á miña popularidade e visibilidade pública, cambiaron de actitude e senten orgullo do que fago.
—Séntese recoñecida como escritora?
—Sinto sobre todo que ser escritora é marabilloso; é para min máis importante que ser política, síntome moi orgullosa de poder escribir. Aló onde vou a xente tende a recoñecerme máis como escritora polo valor que ten poder ter voz. Creo que só como escritora podo provocar cambios profundos na sociedade.
—A súa novela fala do xeito de vida que teñen as mulleres na súa terra. Cre que as súas compatriotas se identifican con este retrato que vostede fai?
—A miña novela fala das mulleres da miña comunidade. Moitas delas, por desgraza, nin sequera están en posición de saber ler. Pero agora, ao ver o meu éxito e popularidade como autora, amosan por primeira vez interese en que as súas fillas rematen a escola. Creo que isto representa o seu apoio tácito porque na novela este é un tema principal, o de que as mulleres saian á comunidade e ao mundo. Sen educación é unha tarefa imposible.
—Identificaranse as mulleres novas da súa comunidade tamén con esa vida?
—Como acabo de contar, as mozas máis novas teñen agora posibilidade de recibir unha educación, se ben a comunidade segue co mesmo estilo de vida que describo no libro. A educación axudará a que estas mozas poidan ter máis opcións no futuro.
—Hai pouco estivo en Galicia presentando a novela. Que percibiu da vida das galegas e que lle pareceu?
—Tiven a sorte de coñecer galegas que amosan un pensamento gratamente progresista. Coñecín a moitas interesadas pola literatura e que traballan a reo pola liberdade das mulleres. Emocionoume e impresionoume escoitalas falar. Ademais, todas elas compartían o amor pola súa lingua e nela defendían con valor expresar os seus pensamentos.
—Como chegou á actividade política?
—No ano 2001 aprobouse na India unha lei de cotas na que o 33 por cento da representación na Administración local tiña que ser feminina. Nese momento na miña aldea debían presentarse mulleres ás eleccións. O meu home sempre estivo metido en política e quería presentarse, pero, debido á lei, non puido, así que tentou que participase eu para conseguir o posto de presidenta do Panchayat (o concello da vila). Gañei as eleccións e ese foi o inicio da miña carreira como política.
—Que deben facer os políticos e as políticas polas mulleres no seu país?
—As persoas que traballan en política están aí para apoiar ás comunidades. Unha medida importante que se debe tomar é a dos sistemas de cotas; as mulleres, e en especial as da miña comunidade, precisan este tipo de medidas de forma urxente. Tamén é fundamental concienciar ás persoas a través do diálogo para o cambio social, as instancias políticas teñen que dedicar fondos a este fin.
—Que se podería e debería facer dende fóra?
—O máis importante é apoiar ás moitas organizacións de mulleres que tentan cambiar a súa situación dende o propio Támil Nadu para que teñan máis capacidade de acción. Isto é algo que María Reimóndez e Implicadas no Desenvolvemento están a facer de forma sobranceira dende Galicia. Unha proposta concreta de facer algo é apoiar esta organización e unirse ás súas actividades.

Carmen Alonso

Ramón Nicolás repasa no «Breviario» algúns dos últimos títulos publicados por Xerais

19 Xullo 2011

Críticas,Letras_galegas,Narrativa

Ramón Nicolás repasa no seu Breviario de Biblos algúns dos últimos títulos publicados por Xerais:

1. Entrevístase neste número de Biblos. Clube de Lectores a Agustín Fernández Paz e, en boa lóxica, ocupa moita atención nela o seu último libro: Non hai noite tan longa. Noutro sitio xa me referín a este libro mais quería agora subliñar a relevancia deste título que se erixe desde un substrato de arrecendo shakesperiano e onde non é difícil, por máis que iso sexa un tanto aleatorio, reparar nun axuste de contas a un tempo vivido. A mestura dos recursos de novela negra cos da novela psicolóxica xunto co especial coidado expositivo condúcennos a unha auténtica epifanía contra a desmemoria do noso pasado máis recente. Aínda que só fose por iso, que non o é, xa pagaría a pena.

(…)

A cousa aínda resulta máis perentoria cando o texto en lingua galega vai ser, durante meses, practicamente a única versión peninsular que existe e penso en Despois da medianoite, de Salma. (…).

3. Publícase tamén estes días a última novela de An Alfaya titulada Vía secundaria, que foi premio de novela por entregas La Voz de Galicia en 2010. Tiven a fortuna de formar parte do xurado e lembro como elementos máis salientables o acaído do seu ritmo para as esixencias do xénero e o desenvolmento das temáticas da incomunicación e da soidade, entre outras. Deséxolle a mellor das sortes para esta edición como libro independente pois ben o merece.

4. Conclúo con tres referencias a recentes publicacións que se engaden á celebración do Día das Letras Lois Pereiro e que, por mor de seren publicados tras o 17 de maio, non sería de xustiza que ficasen esquecidos. Trátase dunha moi recomendable achega, en forma de banda deseñada, á obra e á vida do poeta da man de Jacobo Fernández Serrano titulada Lois Pereiro. Breve encontro; e logo, senllos monográficos que chegan, respectivamente, da USC o primeiro e da Universidade de Vigo o segundo, este último en colaboración con Xerais: Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, coordinado por Anxo Tarrío e Mª Xesús Nogueira e Que lle podo ofrecer a quen me intente?, baixo a responsabilidade de Anxo Angueira e Teresa Bermúdez.

Ramón Nicolás

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Despois da medianoite», da escritora india Salma

15 Xullo 2011

Blogs,Críticas,Narrativa,Traducións

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog unha recensión crítica sobre e Despois da medianoite, da escritora india Salma. Reproducimos os principais parágrafos:

Tan lonxe e tan preto

Ao longo de máis de seiscentas páxinas a escritora támil Salma preséntanos a situación de sometemento abafante en que vive a muller na comunidade musulmá de Támil Nadu. Parecería nunha primeira ollada que a novela está moi lonxe dos intereses do lector occidental, mais se se le con atención e espírito crítico algunhas das situacións de asoballamento da muller que nos amosa Salma seguen tamén a estar presentes no noso propio contorno. Xa que logo, interesante novela sobre a situación da muller, non só na cultura musulmá, senón tamén sobre a situación da muller en xeral, posto que asoballamentos como os que nos describe a novelista támil aparecen tamén na nosa civilización occidental, só que disfrazados de xeito máis sutil.

A novela presenta realmente un protagonista colectivo que son as mulleres asoballadas polo home da comunidade támil musulmá de Támil Nadu. Aínda que poida parecer que nalgúns momentos sobresaen personaxes individuais como Rabia, Wahida ou Firdaus, o certo é que non podemos establecer un protagonista individual, senón que o verdadeiro protagonista da novela son as mulleres desta comunidade. É este un evidente acerto da autora.

O relato ten así mesmo un evidente carácter etnográfico pois describe polo miúdo os costumes, ritos, festas e comidas desta comunidade tradicional musulmá, centrándoo sobre todo na vida das mulleres e visto desde unha perspectiva feminina, obviando o tradicional punto de vista do home. Este interese pola etnografía fai que ás veces o lector experimente certo cansazo, pois son páxinas e máis páxinas de etnografía. É mágoa que a novelista non adelgazase esta carga etnográfica.

O mundo das mulleres desta comunidade é un mundo pechado. As mulleres, desde que teñen a menstruación, só poden vivir no ámbito da casa. O mundo exterior é só dos homes. A muller debe ocuparse da crianza e educación dos rapaces, da organización da casa, da preparación dos grandes banquetes das festas e sempre calada e obedecendo o marido. A relixión condiciona totalmente a vida. A un lector galego e occidental, máxime cando a novela ten páxinas e páxinas de contidos etnográficos moi afastados do noso mundo occidental, pódelle parecer esta situación da muller moi afastada da da muller occidental.

Mais, se ollamos cara a nós mesmos con certo distanciamento e espirito crítico, decatarémonos de que na nosa sociedade, malia que a muller traballe fóra, ten que ocuparse ela dos fillos, levar a casa e mesmo ser quen organiza os banquetes do Nadal, da festa do patrón ou simplemente do aniversario dos cativos. O que lea nesta novela que a muller, segundo o ditados dos imáns, debe ter os fillos que Deus lle mande e non usar métodos anticonceptivos, pode pensar que está a oír algunha homilía de Rouco Varela. Por iso, parécenos que o que relata a novela está lonxe, mais tamén preto de nós, como diciamos no parágrafo introdutorio.

A novela, ademais do testemuñal e crítico, reúne outros méritos como é a boa creación de figuras femininas e o lector queda coas imaxes de mulleres como a preadolescente Rabia, a casada á forza con quen non quere Wahida, coa suicida Firdaus, coa cruel Amina e outras que non é do caso citar para non alongarnos en exceso. Ao igual que acontece en La casa de Bernarda Alba as mulleres de certa idade son as que asumen máis ao pé da letra o código de valores e normas machistas, mais as rapazas, como por exemplo Rabia, Firdaus ou a propia Wahida, comezan a cuestionar eses valores e esa conduta a partir dos modelos que lles ofrece o cine ou os libros que len na biblioteca pública. Tamén na escola ven que poden ser máis listas ca os homes. Velaí está a esperanza para o futuro.

Tamén acerta a autora no trazado das figuras masculinas, algunhas delas vítimas do código machista que os fai comportarse dun xeito que lles crea ata certo noxo, como é o caso, por exemplo, do pai de Wahida, especialmente a propósito da voda da filla. Noutros casos acerta ao pintarnos homes completamente noxentos coma o sogro da devandita Wahida ou túzaros talibáns como Suleimán.

Xa que logo, malia que por un etnografismo excesivo poida resultar pesada ás veces a lectura, cómpre ler esta novela para decatármonos que non se poden considerar culturas democráticas aquelas que someten e abafan a liberdade da muller. Por outra banda, nós, occidentais, temos que superar ese sentido de superioridade que nos fai crer que ese asoballamento da muller só é propio do Terceiro Mundo e de ideoloxías como a musulmá. No noso Primeiro Mundo segue a existir este sometemento da muller (como xa vimos a propósito do control de natalidade), aínda que disfrazado por procedementos sutís ou porque non reparamos neles xa que levamos moito tempo a admitilos.

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

Crítica sobre «Despois da medianoite», da escritora india Salma

27 Xuño 2011

Críticas,Narrativa,Traducións

O Xornal de Galicia publicou unha recensión sobre Despois da medianoite, da escritora india Salma, asinada por A. M. Reproducímola integramente:

O que se tece na sombra
Xerais abre unha porta á literatura tamil

Hai xa algunhas semanas que Xerais tirou do prelo a impoñente Despois da medianoite –650 páxinas, incluíndo un glosario de palabras frecuentes na lingua da autora–, primeira obra publicada en galego da escritora india Salma (Thuvarankurichi, 1970). É a versión galega, a cargo de María Reimóndez, de Irandaan Jaamangalain Kathai, un fito na literatura de Támil Nadu, un estado indio que conta con 65 millóns de habitantes.

Despois da medianoite supón un controvertido berro crítico dende o interior da minoría musulmá, un berro nidio e complexo. Cunha prosa de fiar moi fino, atenta ao detalle, aos tirapuxas de quen loita con forzas desiguais contra cumprir as normas e rachar con elas, a voz destemida de Salma axúdanos a penetrar no escuro, lonxe dos estereotipos e máis preto dun entendemento liberador.

No entorno abafante dunha pequena aldea, do outro lado da luz, no lugar pechado das casas e das cociñas, no reverso das normas da comunidade, transcorren as vidas de Rabia, Wahida, Rahima, Zohra, Firdaus e o resto das mulleres da novela. As súas arelas, os seus problemas e solucións van levando o lector por un camiño de dificultades onde a busca da liberdade se atopa fanada de maneira constante. As finas estratexias de cada unha das protagonistas amosan os atrancos que as mulleres atopan para desfacer as posicións que lles veñen dadas, inoculadas na infancia.

Salma provén dunha aldea próxima a Tiruchirapalli, e como moitas mozas da súa rexión non rematou a escola primaria. Aínda así, escribe dende os trece anos, primeiro na clandestinidade e logo abertamente. Xa ten publicadas varias antoloxías poéticas, amais desta novela. En 2001 accedeu de xeito accidental á política –polo sistema de cotas indio– e hoxe é directora xeral de Asuntos Sociais en Támil Nadu.

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Despois da medianoite», de Salma

17 Xuño 2011

Críticas,Narrativa,Traducións

Reproducimos unha recensión de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia sobre Despois da medianoite, da escritora india Salma:

Quen guste de inmiscirse e coñecer, mesmo emotivamente, a cerna dos  costumes e da idiosincrasia, as esperanzas e desesperanzas cotiás e vitais que alentan no espírito dunhas xentes, talvez de ficción, que poboan unha pequena vila india e musulmá, emprazada en Támil Nadu,  ten á forza que se achegar esta proposta.

Nela constrúese un fresco vivísimo e cheo de plasticidade, tamén deseñado con crueza cando é preciso, de homes e mulleres que conviven cos altos muros que erguen os fundamentalismos de toda clase, mais faise axotando os posibles estereotipos pois tamén se acollen eses trazos que nos igualan a todos como seres humanos. E Salma deseña este universo cunha vontade hiperrealista, deténdose nos pequenos detalles da vida cotiá e debruzándose, con efectividade literaria, sobre asuntos que se consideran tabús na sociedade india: o propio corpo, a sexualidade ou a crítica á relixiosidade.

No fondo, Salma foi tecendo un tapiz no que ficase constancia dunha vontade reivindicativa á busca teimosa da liberdade nun contexto ofegante  para trazar unha fermosa e dura metáfora sobre a opresión de todo tipo (patriarcal, política, económica, relixiosa, social…) que se exerce sen miramentos contra os máis febles. Unha sorte poder ler unha novela coma esta: vai directamente ao cerebro, mais tamén ao corazón.

Ramón Nicolás

«Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida»: declaracións de Salma a Ramón Nicolás por «Despois da medianoite»

14 Xuño 2011

Entrevistas,Narrativa,Traducións

Ramón Nicolás publicou a pasada fin de semana nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, unha entrevista con Salma. Reproducímola integramente:

«Sen lectura e sen escrita non podería soportar a miña vida»

Salma (Thuvarankurichi, 1970) comezou escribindo e difundindo poesía a través dun pseudónimo literario que agochase a súa identidade real,  aínda que hoxe segue a empregalo. Nesta conversa, que mantivemos mercé á ONG Implicadas no Desenvolvemento, que a trouxo a Galicia, a Edicións Xerais que publica o seu libro e a María Reimóndez, a súa tradutora e amable intérprete nesta entrevista, desvela algunhas claves da súa novela Despois da medianoite, que ata hoxe só viu unha versión en malaialam – lingua do estado de Kerala, na India- e outra en inglés. A súa palabra permite asomarse ao universo cotián dunha comunidade musulmá rural a través dun coro heteroxéneo de voces femininas coas que se percorren algúns dos grandes temas da literatura de todos os tempos.

-Seica a  lectura, e despois a propia escrita, lograron que rompese vostede cadeas. Por que?

-A lectura foi para min unha maneira de coñecer o mundo que había fóra da miña casa pois nesa época tiña que estar forzosamente recluída nela. Así puiden abrir o meu coñecemento á filosofía e a escritos políticos, e tamén me serviu para reflexionar sobre o grande que era o mundo e o pequena que era a miña vida e poder facerme preguntas sobre o sentido da vida.
Despois deste proceso, a escrita foi igualmente fundamental para poder expresar o meu coñecemento do mundo.  Sen lectura e sen escrita eu non podería soportar a miña vida pois vivía nunhas condicións de  moita opresión: ler era vivir, transformar os meus pensamentos.

-A novela transparenta como desde o particular se chega ao universal…, foi este un proceso calculado?

-Para min tivo moita influencia a lectura de moitas obras traducidas á miña lingua doutras literaturas da India, mais tamén da literatura rusa, francesa, autores hispanoamericanos…  A través desas lecturas vía como había moitos temas que estaban presentes en todas elas: sentimentos, cuestións relativas coa vida…, temas cos que eu conectaba e que tentei transmitir nestas páxinas, mais é o público quen terá que dicilo.

-A procura da liberdade, o devezo de xustiza, a crítica ao patriarcado, a presenza da muller sometida, os fundamentalismos reflectidos na novela…, son todos un?

-Para min o máis importante é o tema da liberdade e, concretamente, da supresión da liberdade, non só para as mulleres senón en xeral para o ser humano. É cando se vive nunha situación de supresión da liberdade cando agroman os grandes problemas. O poder político, relixioso, social e cultural tende sempre a controlar as persoas.

-Que expectativas deposita nesta edición do seu libro en lingua galega?

-Axiña aparecerá tamén en alemán. Eu teño moita curiosidade por coñecer a recepción da novela, e as opinións que suscita ao ser o primeiro libro en támil vertido ao galego, porque para min esta tradución foi un proceso inesperado e sorprendente. En Támil Nadu, o meu país, este libro non tivo ningunha recensión favorable por cuestións de tipo político e patriarcal; mais a partir da tradución inglesa a novela comezou a obter algún recoñecemento e realmente devezo por saber como se vai entender esta historia, quen van ser os lectores e lectoras do libro e que opinións vai suscitar.  E non quero deixar de significar o meu agradecemento a María Reimóndez polo seu impagable labor.

Ramón Nicolás

«Despois da medianoite», de Salma: un descubrimento

7 Xuño 2011

Críticas,Narrativa,Traducións

O Atlántico Diario publicou unha pequena recensión sobre a novela Despois da medianoite, da escritora india Salma. Reproducímola a continuación:

En Edicións Xerais de Galicia, 650 páxinas. Salma (1970) é una das máis notábeis eseritoras támiles da actual literatura india.
María Reimóndez, con esta tradución fai unha extraordinaria achega, traducindo a Kalachuvadu Parthippagam, cuxo heterónimo necesario é Salma. A novela Irandaam Jamanglin Kthai, en idioma indio, foi traducida ao inglés e publicada co título The Hour Past Midnigth co nome Zubaan. Supoñemos que desta última versión é a que traslada ao galego, co noso infinito agradecemento, a cara amiga María Reimóndez, quen ademais achega un glosario necesario para comprender a arquitetura da novela. Salma é unha muller musulmá que denuncia o patético anacronismo no que viven as mulleres adscritas –por obriga– a esta e outras relixións no mundo. A India, aquí, é un mundo superposto, ás veces subxacente, e como ben di a tradutora, Despois da medianoite “non rala da India, senón de Támil Nadu e dentro deste dunha comunidade musulmá rural moi concreta”. É un descubrimento ler unha novela así, sen dúbida. Os nosos parabéns.

Unha semana de Salma en Galicia presentando «Despois da medianoite»

6 Xuño 2011

Blogs,Críticas,Narrativa,Traducións

Ramón Nicolás publica no seu blog un post valorativo da estadía de Salma en Galicia. Reproducímolo integramente:

Resultoume unha experiencia moi grata,  e mesmo emotiva,  poder coñecer á autora támil Rokkiah, que adoptou o nome literario de Salma. Escoitar o támil, esa lingua milenaria coa que titulo o post (con certeza erroneamente), e mais dialogar con ela logo de poder ler esa intensa e desacougante novela que é Despois da medianoite, e que tan acaidamente deseña un universo do que non saes, non podes saír, nunca, indiferente pois proxéctase con forza desde o particular ao universal e pertence ao grupo desas propostas, raras por escasas,  que envolven mainiño ao lector, á lectora, sen soltarte até o final.

Beizóns a Xerais pola súa publicación e  a María Reimóndez por posibilitar lermos este libro na lingua galega e por responsabilizarse, a través de Implicadas,  das singraduras da observadora Rokkiah, a das profundas conviccións que tan diafana e artisticamente traslada ao papel, unha muller de quen diría que parece rodearse dunha auréola conformada por un substrato de resistencia que semella distanciamento, mais que esfarela deseguida cun sorriso escintilante. Tomara que poidamos ler, axiña, outras novas achegas na nosa lingua.

Ramón Nicolás

A escritora india Salma, autora de «Despois da medianoite», asegura que toda relixión discrimina á muller

3 Xuño 2011

Feminismo,Narrativa,Traducións

La Voz de Galicia publica unha información de Concha Pino sobre a escritora india Salma, que está en Galicia para presentar o seu libro Despois da medianoite. Reproducímola integramente:

A escritora e política india Salma di que toda relixión discrimina á muller

Salma é o pseudónimo co que Rokkiah burlou a imposibilidade de escribir abertamente que lle impuña o conservadorismo da comunidade musulmá á que pertence, no estado indio de Támil Nadu, que entre outras normas reclúe ás mulleres na casa dende puberdade ata que casan, mesmo impedíndolles ir á escola. Hoxe Salma é unha escritora recoñecida e participa activamente na vida política. É directora xeral de Asuntos Sociais de Támil Nadu.

A literatura axudouna a rachar ese cerco que limitaba a súa vida. «Grazas á literatura e porque teño moita vontade, pero sobre todo polas cotas femininas na política (como membro da asemblea local e logo candidata ao congreso polo partido nacionalista támil). Sen esa oportunidade non tería saído da situación de opresión na que vivía, foi determinante. Logrei que o meu home fose entendendo pouco a pouco que quería escribir e facer outras cousas», explica.

Falou diso en Santiago, onde veu presentar a súa primeira novela, Despois da medianoite, publicada por Xerais e traducida ao galego por María Reimóndez. Relata a vida das mulleres da súa aldea, nun entorno opresivo, pechadas no fogar, se ben fi xo fi ncapé en que non fala só das mulleres da India, nin dunha relixión, «porque toda relixión discrimina ás mulleres, todas van contra ela, os problemas que afectan ás mulleres son universais».

A autora, que acadou unha gran relevancia como poeta, asegura que a vida ensinoulle «a pensar como feminista». Explica que conseguía os libros na biblioteca da aldea e que os pedíapor correo. Lía a autores como Marx: «Meus pais non sabían de que trataban, ata que os veu o que ía ser meu sogro, que vivía en Singapur, e lles dixo que tiñan que queimalos, que ían contra todas as normas». Salma asegura que, malia a súa rebeldía e loita pola liberdade, nunca pensou en fuxir da súa comunidade: «Detesto o seu conservadorismo, pero quero vivir nela, é o meu pobo e ámoo».

A súa fama de escritora transcendeu ao tempo que gañaba protagonismo político. E apareceron as críticas e acusacións de traizón que foi aprendendo a xestionar.
«Pero afectan ao escribir, porque mido as palabras, experimento autocensura, e a familia ten medo», di. Sobre que a súa novela se publique en galego, di que só ten unha palabra para explicalo: «María» [Reimóndez, a tradutora do libro].

Concha Pino

«Despois da medianoite», de Salma: a opresión contra as mulleres támiles na India

2 Xuño 2011

Narrativa,Noticias,Traducións

Galicia Hoxe publica unha información, asinada por V. Oliveira, sobre a visita de Salma a Galicia para presentar a súa novela Despois da medianoite. Reproducímola integramente:

O berro contra o patriarcado da escritora támil Salma

“Despois da medianoite” relata a opresión sufrida polas mulleres nunha comunidade india

A autora rebelouse a través da lectura e a escritura

“Na nosa aldea as mozas musulmás non poden saír da casa dende o día que lles vén a regra ata que casan”. Dío a escritora támil Salma na novela Despois da medianoite, traducido do támil por S. Thillainayagam e do inglés ao galego por María Reimóndez, que onte se presentou na libraría Couceiro de Compostela.

Nesta obra, a autora relata a opresión patriarcal sufrida polas mulleres nunha comunidade india. Salma só puido atopar o camiño para liberarse a través da lectura. “Os libros acolléronme. Fixeron dos seus mundos o meu fogar”, relata. Na súa obra sempre hai unha crítica perenne á sociedade patriarcal que constrinxe “a nosa sexualidade, as nosas crises e desexos”. De feito, tivo que padecer un forte rexeitamento na súa comunidade.

Ao cumprir 18 anos, a súa familia comezou a negociar o seu casamento. Esixíanlle que deixase de escribir, algo ao que ela se opuxo. Malia as súas folgas de fame, o matrimonio saíu adiante. Daquela comezaron as ameazas e o maltratamento para que deixase de escribir. Practicamente encarcerada, adoptou o pseudónimo de “Salma” para continuar a escribir na clandestinidade. No 2001, aproveitou certo aperturismo lexislativo para o empoderamento das mulleres e presentouse a unhas eleccións do seu distrito, o cal lle abriu as portas á sua liberación. “Tento amosar na miña obra como as mulleres se fan vulnerables á violencia cando ceden a súa vida e independencia ante as crenzas e restricións sociais dos demais”, asegura.

EN VIGO
Actividades até o sábado

A visita de Salma a Galicia continúa hoxe no IES Alexandre Bóveda e coa presentación da novela en Vigo ás 20:00 horas na Libraría Librouro. Na xornada de mañá, a escritora támil e María Reimóndez participarán nun obradoiro literario que se celebrará pola tarde no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo. Finalmente, o sábado Salma encontrarase no Museo Liste de Vigo con poetas galegas e traballarán en textos conxuntos. Ademais, celebrarase unha mesa redonda que concluirá cun recital no que as convidadas compartirán a súa obra co público asistente.

«Salma e a fe nas palabras», artigo de María Reimóndez sobre a escritora india editada por Xerais

Artigos literarios,Narrativa,Traducións

A escritora María Reimóndez, tradutora da novela la Despois da medianoite, da escritora india Salma, publicou un artigo en Xornal de Galicia sobre a novela e a súa autora. Reproducímolo integramente:

Salma e a fe nas palabras

A nosa sociedade hai tempo que perdeu a fe nas palabras. Só así podemos entender a restra de descricións benevolentes dun ditador nun suposto libro de historia ou o insultante uso da palabra liberdade que día si, día tamén, temos que escoitar por boca de quen busca seguir impoñendo os seus privilexios por enriba dos dereitos das demais persoas. Se cadra é por iso máis vital ca nunca recordar de cando en vez a importancia de falar en público e a responsabilidade que implica. Haberá quen reaccione cun risiño sarcástico cando algunha de nós, amantes da palabra, afirme que ter voz é vital para a xustiza pensando que que terá iso que ver co material e cos problemas importantes.

Haberá días nos que nos sintamos esgotadas de que as palabras semellen non chegar a ningures, unha sensación que as miñas compañeiras de Implicadas no Desenvolvemento e máis eu temos a miúdo, por exemplo nestes meses de campaña 1 de 200 (www.200implicadas.com) cando a pesar da claridade da mensaxe (200 nenas morren polo infanticidio feminino no distrito támil de Salem por cada 1000 nenos nacidos, nós precisamos 200 persoas que cunha cota de 12 euros ao mes nos axuden a deter esta situación), dos esforzos realizados (accións, actividades, escola feminista, clubs de lectura, mesas informativas, información na web…) e dos resultados obtidos con moito esforzo polas traballadoras e activistas do proxecto a cifra continúe estática e moi lonxe das 200 (83 neste momento).

Entón, no medio de todo isto, aparece algunha persoa que nos amosa coa súa vida a importancia de ter voz. Unha desas persoas é Salma, a escritora támil que esta semana nos visita para presentar a súa novela Despois da medianoite, que tiven o luxo de traducir para o galego. Xerais publica estes días un textiño chamado A miña vida no que explica o proceso de sufrimento que implicou para ela tomar a palabra pública.

A Salma quitárona da escola antes de rematar a primaria e obrigárona a casar nunha familia que tentou por todas as formas posibles reprimir a lectura e a escrita porque non eran algo decente para unha moza. Ante as ameazas e mesmo violencia física da súa familia, ela seguiu escribindo os seus poemas agochada no baño, cun pseudónimo que axiña había coller fama nos círculos literarios támiles. Para asistir á presentación do seu primeiro poemario Salma tivo que finxir unha enfermidade para poder achegarse á capital sen que a familia o soubese, so pretexto de ir á médica e nin sequera se atreveu a gardar un exemplar do libro.

Mais ante todas estas dificultades nunca perdeu a fe nas palabras e seguiu escribindo convencida de por que é tan fundamental que as mulleres tomemos a palabra. “Ningunha sociedade patriarcal está disposta a facer exercicios de introspección e por iso a escrita e as escritoras temos que loitar moito para reter o espazo”.

Non se pode dicir con maior claridade. E o esforzo paga a pena, como pode comprobar calquera que lea Despois da medianoite. Esta semana contamos ademais co privilexio, grazas a Implicadas no Desenvolvemento, de escoitar a súa voz en primeira persoa nas presentacións da súa novela en Santiago e en Vigo e tamén a través do obradoiro literario e o recital con poetas galegas que realizará nesta última cidade.

Ás veces cómpre só mirar algo cara a fóra para recuperara a tan necesaria fe nas palabras. Como di Salma: “A pesar de todas as cousas fun quen de labrar un espazo para a miña escrita. O tempo, que estivo parado e conxelado ao meu arredor coma un penedo de xeo na miña aldea ata que fixen os trinta e tres anos, comeza a desconxelar. Agora lévame coa súa corrente que me trae ata vós”. É de xustiza estar á altura.

María Reimóndez

A escritora india Salma, en Galicia: «A xente atácame por escribir sobre a sexualidade»

1 Xuño 2011

Autores,Entrevistas,Traducións

O Xornal de Galicia publica hoxe unha entrevista de Héctor J. Pena coa escritora india Salma, autora da novela Despois da medianoite, que acaba de publicar Xerais. Reproducímola integramente:

«A xente atácame por escribir sobre a sexualidade»
A escritora reflicte en ‘Despois da medianoite’ a “opresión” que sofren as mulleres da India

Salma (Thuvarankurichi, 1970) é unha escritora india que se atopa estes días en Galicia para promocionar a súa última novela, Despois da medianoite (Irandaan Jaamangalain Kathai), editada por Xerais e traducida por María Reimondez. Ademais, Salma ocupa actualmente a Dirección de Asuntos Sociais de Támil Nadu e é unha das voces máis firmes da India na defensa dos dereitos da muller e os homosexuais.

Considera que a súa novela é un fiel retrato da situación actual da muller na India?
A novela trata sobre todo do estilo de vida das mulleres musulmás da India, e paréceme que vai ser unha novela interesante porque é un tema novidoso para os lectores e as lectoras galegas. É importante ter en conta que na India hai moitas relixións, moitas culturas e moitos tipos de vidas diferentes, pero espero que os lectores e lectoras galegas gocen coa súa lectura e coñezan da súa man a opresión que experimentan moitas mulleres da India na súa vida.

Vostede empezou moi nova a escribir, e tivo que afrontar moitas dificultades para facelo. Cre que pagou a pena toda esa loita de anos?
Toda a miña vida tiven que loitar contra a miña propia sociedade para poder escribir, pero visto en perspectiva, foi un esforzo satisfactorio pois agora podo escribir de calquera tema. A dificultade que teño agora é que ao ser tan coñecida, e ao estar tamén na política, estou constantemente observada por todo o mundo: que é o que escribo, que é o que fago… É unha presión que me leva a tentar controlar as miñas palabras e as miñas opinións. Por exemplo, hai un par de meses estaba dando unha opinión a un medio de comunicación sobre a homosexualidade, e recibín críticas moi fortes tanto da miña propia comunidade musulmá como do meu propio partido político. Recriminábanme o feito de apoiar publicamente a comunidade e as persoas homosexuais. Constantemente me están a dar consellos sobre certos temas, e compáranme co que lle pasa a Taslima Nasrin, que sofre ameazas polas súas opinións.

Agora que fala do seu cargo político, vostede entrou nese mundo por unha cota de xénero. Pensa que son positivas para a súa sociedade?
Si. Grazas ás cotas moitas mulleres puideron acceder ao poder. Sen este tipo de leis é case imposible que as mulleres accedan á política. De feito, agora están a intentar que as cotas, que só se aplican nas eleccións locais, se apliquen no parlamento central. Incluso algúns partidos políticos non lle darían a oportunidade de participar ás mulleres de non ser polas cotas. Sen ir máis lonxe, hai máis de 230 escanos no parlamento federal, e só saíron once mulleres elixidas.

Cre que agora que forma parte do parlamento e é unha escritora de fama internacional goza de maior respecto ou segue a ser vista como unha anomalía na súa comunidade?
Nalgúns lugares si que amosan respecto, pero noutros non. Moitas veces, cando vou polas aldeas, a xente sabe que son unha escritora, e ademais feminista radical, que escribo obras con moita sexualidade, e as veces a míranme mal e fanme comentarios despectivos ou métense comigo por escribir deses temas. Mesmo o meu fillo ás veces volvía da escola chorando e preguntando por que escribía poemas sobre sexualidade, que os seus compañeiros se metían con el.

Agora as nenas téñeno máis fácil para recibir unha educación e desenvolverse como individuos que no seu tempo ou percibe un estancamento?
No fondo, o estilo de vida cambiou pouco, pero o que si que cambiou bastante foi o nivel de educación ao que poden aspirar a chegar as rapazas, pois mesmo no caso das familias máis pobres, hoxe as rapazas soen rematar a educación primaria, o que xa supón un avance moi importante.

Héctor J. Pena

O crítico Ramón Nicolás califica de lectura ‘imborrable’ a novela «Despois da medianoite», de Salma

Blogs,Conferencia,Narrativa,Traducións

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog un avance crítico sobre a novela Despois da medianoite, da escritora india Salma, que califica como lectura «imborrable». Reproducímolo integramente:

Camiña entre nós, estes días, a escritora de orixe india Salma, por invitación de Implicadas no desenvolvemento, da que se vén de publicar en lingua galega Despois de medianoite, unha aposta de Edicións Xerais por visibilizar unha escritora que camiña moi ás marxes de circuítos comerciais ao uso, mais cuxa carta de presentación é unha intensa, voluminosa e para min xa imborrable novela. Cunha innegable forza narrativa e unha crueza, por veces, estarrecedora, nela desvélanse as claves operativas para entender tanto o universo dunha sociedade tan afastada como a india, pero ao tempo tan próxima, afondando na idiosincrasia dun mundo no que se entra e non se pode ser quen de saír indemne. Da lectura global da novela, exposta en clave crítica e abertamente feminista, ocupareime, en datas vindeiras, nesta mesma bitácora.

Desde aquí só quero compartir a miña satisfacción por ter nas mans a primeira tradución que ve a luz, logo dunha versión en inglés, dunha proposta que chega mercé á tradución de María Reimóndez, talvez polémica pero que entendo como asisada e cabal, resultado dun longo período de traballo como é doado constatar.

Desta novela pódense ler o primeiro capítulo e o limiar da tradutora premendo aquí. Ademais, Salma  participará en diversas presentacións do seu libro: en Santiago o día 1 de xuño e  o xoves 2 presentarase en Vigo, ás 20:00 h. na Libraría Librouro, ademais de protagonizar outras actividades. Coido que é unha oportunidade inmellorable para asomarnos, desde nós mesmos, a outros mundos, literarios ou non, que tamén están aí e dos que sempre hai algo que aprender.

Ramón Nicolás

Dous textos en pdf sobre «Despois da medianoite», da escritora india Salma: un adianto do primeiro capítulo e un texto no que a autora relata a súa propia vida

31 Maio 2011

Narrativa,Novidades

Hoxe ofrecemos a todos os lectores e lectoras de Xerais dous textos en pdf sobre a novela  Despois da medianoite, da escritora india Salma: un adianto do primeiro capítulo e outro texto de Salma no que relata a súa propia vida.

1) O adianto do primeiro capítulo (28 páxinas), que inclúe tamén a introdución da tradutora, María Reimóndez. Descargar.

2) «A miña vida»: Un texto de Salma no que relata a súa propia vida, traducido tamén por María Reimóndez e que non se inclúe no libro. Descargar.
O texto comeza así:

A miña familia púxome de nome Rajathi. Nacín nunha aldeíña onde prevalece unha atmosfera opresiva que impide que as nenas musulmás vaian á escola. Para todas as nenas que nacen na nosa aldea, a escola remata aos trece anos. Os meus días pasaban co medo de que ese día chegase tamén para min.

A novela Despois da medianoite, da escritora india Salma, é unha das novidades de Narrativa do mes de xuño. Está traducida por María Reimóndez e a autora visita Galicia, por invitación de IND, para presentar a súa obra.

Mañá preséntase en Santiago, ás 20:00 h. na Praza de Cervantes, coa colaboración da Libraría Couceiro; e o xoves preséntase en Vigo, tamén ás 20:00 h. na Libraría Librouro.

O calendario de presentacións, encontros e actividades de Salma en Galicia pode consultarse aquí.

Salma, autora de «Despois da medianoite», visitará esta semana en Galicia

29 Maio 2011

Autores,Feminismo,Narrativa,Noticias,Novidades,Presentacións,Traducións

Hoxe domingo chegou a Galicia Salma para participar nos actos de presentación da novela Despois da medianoite, (Irandaan Jaamangalain Kathai ), un fito na literatura tamil, traducida para o galego por María Reimóndez. Convidada por Implicadas/os no desenvolvemento, Salma viaxou dende Támil Nadu (un estado índio que conta con 65 millóns de habitantes) até Galicia para falarnos de primeira man desta súa novela, da súa realidade e do que implica ser muller, musulmá e escritora na India.

Salma (Thuvarankurichi, 1970) é unha das escritoras támiles máis relevantes do actual panorama literario indio. Provén dunha familia tradicional musulmá dunha aldea próxima á cidade de Tiruchirapalli e como moitas mozas da súa rexión non rematou a escola primaria. Aínda así, dende os trece anos comezou a escribir poesía e máis adiante a publicar en revistas literarias. Durante anos escribiu na clandestinidade, pola oposición da súa familia. A súa obra foi obxecto de críticas destrutivas en sectores literarios polo uso da sexualidade feminina dunha maneira aberta na súa obra e tamén polo contido feminista dos seus escritos. En 2001 accedeu de xeito accidental (pola obrigada cota de xénero na India) á política; comezou sendo membro do Panchayat (asemblea local) para converterse logo en candidata polo seu distrito electoral polo DMK (Dravida Munnutra Kazhagam, partido nacionalista támil laico e progresista) ata chegar a ser directora xeral de Asuntos Sociais do Goberno de Támil Nadu, cargo que ocupa na actualidade.

No entorno abafante dunha pequena aldea de Támil Nadu, do outro lado da luz, no escuro da medianoite, no lugar pechado das casas e das cociñas, no reverso das normas da comunidade, transcorren as vidas de Rabia, Wahida, Rahima, Zohra, Firdaus e o resto das mulleres de Despois da medianoite. As súas arelas, os seus problemas e solucións vannos levando por un camiño de dificultades onde a busca da liberdade se atopa fanada de maneira constante. As finas estratexias de cada unha das protagonistas amósannos os atrancos que as mulleres atopan para desfacer as posicións que lles veñen dadas, que lles son inoculadas a cada paso dende a infancia.

Despois da medianoite supón un fito na literatura támil e propuxo un controvertido berro crítico dende o interior da minoría musulmá, un berro nidio e complexo. Cunha prosa de fiar moi fino, atenta ao detalle, aos tirapuxas de quen loita con forzas desiguais contra cumprir as normas e rachar con elas, a voz destemida de Salma axúdanos a penetrar no escuro, lonxe dos estereotipos e máis preto dun entendemento liberador.

Na súa estancia en Galicia, Salma manterá contactos cos medios de comunicación galegos e desenvolverá un amplo programa de actividades, preparado por Implicadas/os no desenvolvemento, en colaboración con Xerais e diversos centros educativos e cívicos de Santiago e Vigo, cidades que visitará.

Mércores, 1 de xuño

  • Visita asociación de mulleres ALBA en Santiago de Compostela. O diálogo sobre as accións das asociacións de mulleres en Galicia e en Tamil Nadu permitirá que ambas partes coñezan qué é o que se fai dende os movementos feministas en ambos contextos.
  • Presentación da novela Despois da medianoite en Santiago. Ás 20:00 h. na Praza de Cervantes. Coa colaboración da Libraría Couceiro.

Xoves, 2 de xuño

  • ·Visita ao IES Alexandre Bóveda. Ao longo de dúas sesións Salma e María Reimóndez, dúas das autoras do libro Vanakkam/Benvidas, intercambiarán impresións co alumnado (que terá traballado previamente co documento), e comentarán de primeira man cuestións referidas tamén ao país de orixe de Salma, a escrita das mulleres ou a cooperación ao desenvolvemento (11:30 e 13:25 h).
  • Presentación da novela Despois da medianoite en Vigo. Será ás 20:00 h. na Libraría Librouro.

Venres, 3 de xuño

  • Obradoiro literario coa cidadanía. Esta xornada de obradoiro de escrita creativa aberta á cidadanía de Vigo e coordinado por Salma e María Reimóndez engadirá aos tradicionais obradoiros literarios o aliciente de poder contar cunha autora que provén doutro sistema literario e que poderá contribuír cunha lingua e imaxes diferentes a ese traballo xa existente na cidade (17:00-19:30 h. Centro de Documentación e Recursos Feministas da Cidade de Vigo, C/ Joaquín Yánez, 6, 2º andar). Para inscribirvos, non tendes máis que mandar un mail a info@implicadas.com antes do martes 31 de maio.

Sábado 4 de xuño

  • Encontro de poetas galegas con Salma. Dita xornada constará de dúas sesións.
  • Durante a sesión da mañá (11:00 – 14:00 h.) terá lugar un intercambio de experiencias aberto entre as autoras galegas convidadas e Salma. Traballarase tamén a creación de textos conxuntos.
  • A sesión de tarde (17:00 – 19:00 h.), aberta á cidadanía, comezará cunha mesa redonda, na que participarán Salma e outras autoras, e concluirá cun recital no que as convidadas compartirán a súa obra co público asistente (entre o que agardamos vervos!). Esta xornada terá lugar no Museo Liste (R/ Pastora nº 22, Vigo).