«Limpeza de sangue» ten unhas raíces cinematográficas moi claras. Conversa entre Rubén Ruibal e Jorge Coira

1 Marzo 2012

Cine,Debates,Entrevistas,Teatro

Rubén Ruibal e Jorge Coira mantiveron unha conversa, convocados polo xornal dixital Praza Pública, sobre a adaptación ao cine da obra Limpeza de sangue, coa que Rubén Ruibal gañou o Premio Álvaro Cunqueiro e posteriormente o Premio Nacional de Teatro. A conversa estivo guiada polo xornalista Alberto Ramos. Praza Pública publica tamén un vídeo da conversa.

 

«A cultura é o que vertebra a existencia diso que chamamos Galicia»

Jorge Coira e Rubén Ruibal non se coñecían,  aínda que o realizador será o encargado de dirixir coa produtora Filmanova a adaptación ao cine de Limpeza de Sangue (Xerais, 2007), obra coa que o dramaturgo gañou o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007. Nunca se viran en persoa até que Praza decidiu xuntalos no Restaurante Rúa de Santiago. “Tiña ganas de coñecelo, tiña que falarlle das localizacións”, recoñeceu, minutos antes do encontro, Coira que xa traballa no guión con Jacobo Paz. Despois dun primeiro apertón de mans, os dous concederon unha entrevista conxunta que, en gran parte, se desenvolveu como unha conversa entre dúas persoas que tiñan moito que se dicir.

Limpeza de Sangue é unha obra moi complexa para realizar unha montaxe teatral. Conta, entre outras cousas, cun gran número de escenas e unha morea de localizacións diferentes. Estas dificultades fan que sexa máis difícil convertela nunha función que nunha película?

Jorge Coira (JC): A min paréceme que o texto ten unhas raíces cinematográficas moi claras. De feito hai escenas e localizacións que son moi difíciles para o teatro, pero non para o cine. Na adaptación, unha cousa que traballamos moito é en estirar todo moitísimo máis porque para teatro hai moitísimos cambios de escena, pero para o cine resulta moi poucos. O texto ten 31 escenas. Iso, para o cine, serían corenta e pico secuencias. Iso faría unha película moi lenta.

Rubén Ruibal (RR): Todo isto vén porque esta obra era unha homenaxe a Vidal Bolaño, polo tanto tiña que aparecer o cine. O cine era a paixón de Roberto mesmo cando facía teatro. A min tamén me gusta moito o cine e tamén me gusta traballar nos límites das artes, iso de achegar o teatro ao cine, á danza, ás artes do momento. Iso por un lado, polo outro está que a miña idea sempre foi facer directamente un híbrido de cine e teatro.

En que momento de desenvolvemento está a fita?

JC: O que se fixo até agora foi traballar no guión, Jacobo Paz e mais eu. O primeiro foi analizar o texto e entrarlle ás tripas. Despois desa análise, hai que facer unha escaleta e desenvolver escena por escena toda a historia. O texto teatral comeza xa cunha escena na que se dá unha chea de información…

RR: Esa escena, en tempos, era unha obra de teatro. Só esa escena. Era a miña idea para facer unha obra completa que nunca se fixo porque, ao final, xurdiu o espazo da diálise. Pero en principio esa escena era unha obra.

JC: Nesa escena aparece moitísima información. Nós, para a película, desentrañámola toda para que esa información vaia en moitas escenas. Así comezamos a alongar os espazos. Tamén, con cada personaxe que nos pode interesar o seu mundo, pois ampliamos máis ese mundo. E agora estamos nese traballo, escribindo os diálogos. A idea é que o guión estea listo nos próximos meses para poder rodar a finais deste ano ou a comezos do que vén.

Unha das personaxes da obra  participa dunha trama de corrupción inmobiliaria. O tema da corrupción, polas circunstancias, está moi presente hoxe en día. Esa trama tería a mesma forma de contarse agora que cando se escribiu a obra en 2005?

RR: Limpeza de sangue falaba dese tempo no que atabamos os cans con longanizas, cando estabamos todos sobrados de pasta e todo importaba relativamente pouco. A min preguntábanme pola trama de corrupción, preguntábanme en que consistía. Para min a historia é que traballaban con material de construción ocultos, pero non me preguntes máis porque eu non o entendo. Eu non son capaz de entender os mecanismos polos que estes tipos se facían coa pasta.

JC: Na obra, a trama está indefinida. Eu non sei até que punto na película vai quedar definido. Eu, para poder traballar, si que preciso telo claro. Por iso, unha das cousas que fixemos nesta temporada foi analizar o texto e documentarnos, tamén falando con médicos e con xente que traballa nos transplantes para a parte toda da diálise.

RR: Eu sei por que xurdiu o da trama de corrupción para a obra. A miña cuñada era arquitecta e traballaba nunha oficina para certificar a calidade das obras. Entón eu sei como era o proceso de todo iso  e pensaba: “Macho, temos a nosa fe como cidadáns depositada nunha xente determinada que se supón que vai facer as cousas ben, pero como algún salte un pouco, xa está”. Dese xeito e onde menos o esperas, sae un Urdangarín. Vaia… Nese caso, era previsible que saíra…

JC: Realmente ese mundo de corrupción non é que siga só vixente, é que ten máis importancia social e mediática que hai cinco anos. En tempos de bonanza daba igual que roubaran…

RR: Hai dez anos importábanos unha merda que estivesen chorizando

JC: Claramente a obra está escrita nos momentos gloriosos da burbulla, pero xa non vivimos nese tempo. Non ten sentido que fagamos unha película de época. A crise, lonxe de ser un problema, dálle ao texto unha verdade e unha forza moi interesante. Na obra era un pano de fondo, pero cambiaremos iso. En vez de producirse no intre en que todos desbaldían e se facían ricos, a película desenvolverase no momento en que todo está a caer e todo é un desastre.

Con todo este tema da crise, parece que agora non nos podemos permitir a cultura. Parece que esa mensaxe callou, que hai que recortar en cultura, que non  queda outra…

RR: Calla porque o repiten continuamente. A cultura como produto non é algo tanxible. Somos así de burros, como non podemos tocar unha obra de teatro parece que nos la suda. Na maquinaria da opinión pública é un discurso que se dá por real. Tamén habería que preguntarnos que fixemos os da cultura respecto a iso. No caso do teatro, mentres os políticos decidían facer máis e máis infraestruturas para facer teatro, parece que ningún dos profesionais chegou a pensar que a esas infraestruturas había que darlles un uso e que iso era máis difícil que construílas.

JC: Está presente esa idea de que a cultura é prescindible, unha idea é incrible formulala dese xeito. Sen dúbida o noso non é un dos sectores primordiais a nivel de estado. O primordial é a sanidade e a educación. Iso é sagrado. Pero o noso sector está despois, coma todo o resto. Non me parece menos importante que os automóbiles. Non o digo porque me dedique a isto. Por suposto, penso que sería terrible que se deixasen de facer automóbiles e que se perdesen postos de traballo. Como tamén é terrible que se perdan empregos na cultural. Creo que precisamos coches, pero tamén bens culturais para alimentar o espírito. Pode soar forte iso de alimentar o espírito, pero a todos nos gusta o cine, as series, o teatro… Non é algo para entendidos nin para unha minoría selecta, non.

RR: Fórmanse sempre frases feitas. Parece que cultura e subvencionada van sempre xuntas e acabouse. E a ninguén se lle ocorre dicir que a gandería subvencionada tamén existe ou a agricultura subvencionada…

Tampouco nos podemos permitir unha Consellería de Cultura? Parece que esta Xunta sempre levou sempre unha política de perfil baixo coa cultura, de rebaixarlle a categoría cada vez que podía e agora, directamente, elimina a Consellería de Cultura…

RR: É insistir no discurso de que é algo prescindible. Entrou unha brigada de demolición para todo. Parécelles completamente prescindible tanto cultura como a lingua. Pois que se decidan! Que a brigada de demolición entre tamén na Xunta! Para que queremos este goberno? É unha brigada de demolición que chegou e dixo: “Imos acabar con todo isto”. Así de resumido.

JC: Dá pena  que non haxa unha Consellería de Cultura, que se coloque con Educación. É poñela nun segundo termo. Coido que para o goberno galego debería ser unha preocupación fundamental.

RR: Se existe unha Xunta de Galicia é para iso!

JC: A cultura no sentido máis amplo da palabra é o que vertebra a existencia diso que se chama Galicia. Compartimos todos unha cultura, un idioma… Dá moita pena que se lle dea tan pouca importancia. Tamén é certo que nos toca pelexar por conseguilo. Loitar por conseguir maior recoñecemento. Loitar. É o que hai.

Alberto Ramos

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, será levada ao cine por Filmanova

23 Agosto 2011

Biblioteca Dramática Galega,Cine,Noticias,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de teatro de Rubén Ruibal que fora galadardoada co Premio Álvaro Cunqueiro e posteriormente co Premio Nacional de Teatro, será levada ao cine por Filmanova, segundo informa Alberto Ramos no Xornal de Galicia: «A produtora Filmanova está a desenvolver o proxecto para que a obra teatral escrita por Ruibal chegue á gran pantalla. Polo momento, a futura película está nunha fase inicial e estase a levar a cabo a adaptación do guión. “Jacobo Paz está a traballar no guión e imos a facer todo co máximo respecto á historia do texto orixinal. Imos facer unha película cuxa produción sexa 100% galega”, explica Antón Reixa, de Filmanova, que engade que a intención da produtora é comezar a rodaxe “en 2012 ou en 2013, como moi tarde». Máis información aquí.

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, represéntase mañá en Vigo a cargo de Espello Cóncavo

11 Febreiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, represéntase mañá en Vigo no Teatro Novacaixagalicia, ás 20,00 horas. A obra fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 e a súa posta en escena está a cargo da compañía Espello Cóncavo.
Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC.

Artigo de Craig Patterson sobre «Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal

21 Xaneiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios

O xornal Galicia Hoxe publicou un artigo de opinión de Craig Patterson sobre o libro Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal,  que reproducimos integramente:

Limpeza de sangue

Asistimos o sábado pasado con grande ánimo e ilusión á representación Limpeza de sangue no Teatro Rosalía de Castro na Coruña. Gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007, a obra supón un triunfo persoal do seu autor, Rubén Ruibal, e unha poderosa achegada á dramaturxia galega.

Comeza a obra cunha conversa entre ionquis, e remata cunha alusión ao enterro de Valle-Inclán e ás obras de Bolaño. A mestura de crítica social e humor negro non deixa de ser eficaz. Ese humor que transcende toda a obra é o que non a converte nunca en traxedia, senón unha ollada aos trasfondos sociais. Un humor moi galego, e moi coruñés en tanto se circunscribe nunha contorna claramente identificada coa Coruña. Porén, e ao mesmo tempo, acada universalidade. Ademais dunha crítica á corrupción e ás dobres varas de medir dunha sociedade hipócrita, a obra fala sobre todo do poder terríbel do azar, encarnado aquí na saúde. A analoxía que centra gran parte da posta en escena é a diálise en referencia á constante necesidade de achegármonos con novas perspectivas á realidade, tanto á nosa como á allea. A necesidade que teñen os dous protagonistas principais de limpar o sangue con incómoda frecuencia convértese nunha metáfora da nosa vulnerabilidade persoal e colectiva, onde a saúde é unha lotaría, do mesmo xeito que a clase social en que nacemos.

A diálise non che mellora a vida; é un parche que só che permite continuar nela. O personaxe non muda, ou non pode mudar, por moito que lle limpen o sangue. O individuo segue a estar condicionado pola contorna: os individuos que forman parte dela sempre lle van lembrar cun dediño cal é o seu sitio. A obra non deixa de ser pesimista ao non deixar ningunha saída positiva, agás a dura reflexión que nos fai ver que todos somos pezas dunha engrenaxe. Nese sentido, o sangue que flúe polas veas da obra de Rubén Ruibal si que fai ruído, moito ruído que nos compensa escoitar. A visión de Ruibal suxire un determinismo onde a saúde nos escolle a nós, e unha cosmovisión que plasma un mundo onde é difícil rebelarse contra as definicións, autodefinicións e estereotipos cos que nos marcan. Xa vai sendo hora de que lle outorguemos a Rubén Ruibal o lugar que lle corresponde no máis alto do teatro galego.

Craig Patterson

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, represéntase na Coruña a cargo de Espello Cóncavo

13 Xaneiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, represéntase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña mañá mércores e o próximo sábado, ás 20, 30 horas, tal e como informan algúns xornais. A obra fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 e a súa posta en escena está a cargo da compañía Espello Cóncavo.

Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC.

Estrea de «Limpeza de sangue», Premio Nacional de Literatura Dramática 2006

1 Outubro 2010

Autores,Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, que fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 estréase este sábado ás 20:00 horas no Pazo da Cultura de Narón a cargo da compañía Espello Cóncavo. Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC. Xornal de Galicia informa hoxe das dificultades que perseguiron a posta en escena desta obra.

Rubén Ruibal, entrevista en «Xornal de Galicia»

1 Setembro 2010

Autores,Entrevistas,Teatro,Xerais_nos_medios

Iago Martínez entrevista en Xornal de Galicia a Rubén Ruibal. As dificultades para estrear Limpeza de sangue, cinco anos despois de ser premiada e dunha sentenza do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia e a súa vinculación co seu mestre Roberto Vidal Bolaño son algúns dos temas abordados nunha entrevista que recomendamos moi vivamente.

Xerais obtén catro dos Premios AELG 2010

18 Abril 2010

Autores,Blogs,Crónica,Narrativa,Noticias,Premios,Sopa de Libros,Teatro,Xerais_nos_medios

Nunha noite memorable para a editorial, Xerais obtivo catro dos  Premios AELG 2010 fallados na Cea das Letras celebrada onte no Palacio del Carmen de Santiago. Obtiveron cadanseu premio Xesús Alonso Montero por Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) na categoría de Ensaio; Agustín Fernández Paz por Lúa do Senegal na de Libro infantil e xuvenil (concedida polos asociados de GALIX); Rubén Ruibal por Delimvois na de Teatro e Cid Cabido por Unha historia que non vou contar na de Narrativa. Ademais, Manuel Rivas foi o gañador na categoría de Traxectoria de xornalismo literario e Manuel Bragado na de Blog literario polo seu espazo na rede Brétemas.

«Delimvois», crítica de Armando Requeixo

4 Febreiro 2010

Críticas,Teatro,Xerais_nos_medios

LITERATURA VISIONARIA. ZAMIATÍN EN RIBADEO

Rubén Ruibal é un dos autores teatrais galegos máis sólidos dos últimos anos. Incorporado á escrita pública non hai tanto (a súa primeira peza, Limpeza de sangue, apareceu aínda no 2007), as súas obras figuran xa como referentes do noso teatro recente, no que a súa traxectoria se perfila como unha das máis valiosas e orixinais.

O escritor de Ribadeo regresa á actualidade editorial coa publicación de Delimvois, obra que fora xa estreada con éxito pola compañía Teatro A Oficina de Guimarães no maio pasado en Santiago. Daquela versión dirixida por Marcos Barbosa nace o drama distópico que ve luz agora na Biblioteca Dramática Galega de Edicións Xerais, constituíndo unha das máis refrescantes novidades da temporada teatral.

De como Ruibal é capaz de coctelizar nunha peza dun cento escaso de páxinas os cronopios e famas de Cortázar cos gravados satíricos de William Hogarth, de cómo o teatro de Juan Mayorga marida cos monólogos de Jacobo Paz e, sobre todo, de como a escrita ácida e antisistema de Ievgueni Ivánovich Zamiatin enraíza nesta utopía invertida que é Delimvois é do que me prestaría dicir agora dúas palabras.

Porque Ruibal se amosa neste seu novo título máis decididamente debruzado na crítica desapiadada contra os sistemas sociopolíticos e as súas trelas e falsidades mil. Zamiatin e o seu nunca suficientemente gabado Nós (1921) están na base da sociedade totalitaria que Delimvois describe, cunha economía de medios, por certo admirable: tres personaxes (fortemente simbólicos), apenas un par de escenarios e moito e moi bo diálogo plurisignificativo, metaliteraturizado, repregado nunha espiral significante na que van espellando o tratamento crítico do pensamento único e a denuncia dos sistemas autoconsistentes, a anulación das liberdades individuais e da disidencia ideolóxica, a supresión da universo emotivo e intuitivo e a erradicación da felicidade humana en aras dese “Estado Único” do escritor ruso que Orwell calcou no Grande Irmán para debuxar un futuro de control gobernamental absoluto, de xélida e deshumanizadora enxeñería social totalitaria.

Delimvois é outro acabado exemplo de literatura visionaria dun porvir caótico, opresivo, indesexable e por veces mesmo apocalíptico que, no fondo, non quere senón facernos repensar as lacras do noso presente, deste mundo globalizadamente estupidizado polas autoridades, lexatinizado polas esmolas patronais, orfidolizado polos mass media vendidos ao capitalismo feroz.

Aviso para navegantes: ler a Ruibal é unha experiencia dolorosa; nunca é bocado agradable descubrir que se nos está tentando arrastrar á lobotomización da fantasía, á aniquilación da paixón a favor da razón das ecuacións do Poder, a un mundo onde o falible e o soñado non teñen cabida, porque a Máquina do Poder, engrenaxe de devastación perfecta, nunca se equivoca e só procura perpetuarse indefinidamente. Armando Requeixo

Texto da crítica de Armando Requeixo publicada no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 4 de febreiro de 2010. A páxina onde aparece pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

«Delimvois» de Rubén Ruibal

3 Decembro 2009

Noticias,Teatro

A vindeira semana chega ás librarías Delimvois de Rubén Ruibal. Publicada dentro da Biblioteca Dramática Galega, coeditada por AGADIC e Xerais, esta peza explora os límites da identidade de dous homes coa memoria borrada e unha científica que experimenta con eles.

Delimvois (ou dlmvs) é a muralla científica que protexe e rodea unha das cidades do Estado Único. A partir dun texto de Jacobo Paz, «Estado Único», baseado no «Nós» de Yevgueni Zamiatin, Delimvois de Rubén Ruibal quere explorar os límites mentais, os marcos ideolóxicos, as fronteiras de palabras e pensamento nas que dous homes coa memoria borrada e unha aparente muller, científica eminente que experimenta con eles, descobren a súa carne, a súa identidade e mesmo a súa ledicia. Ela, á quen chamarán Castro, é a responsable dun urxente estudo para a optimización do Subministrador Único de Coñecemento, o sistema que mantén a orde, a felcidade e a unanimidade da cidade e que ameaza con colapsar. Pero durante o proceso o pasado agromará descubríndolle aspectos que non sospeitaba da organización do seu mundo e verase abocada a tomar decisións antes impensables.

Xerais, próximas novidades literarias

14 Outubro 2009

Crónica,Narrativa,Noticias,Teatro

Anunciamos o programa de novidades literarias preparado pola editorial até finais de 2009.

XERAIS NARRATIVA

XERAIS CRÓNICA

  • Episodios galegos, Manuel O’ Rivas (aparición librarías terceira semana de novembro).
  • Melancolía de sofá, Luisa Castro (aparición librarías terceira semana de novembro).

XERAIS / AGADIC BIBLIOTECA DRAMÁTICA GALEGA

  • Delimvois, Rubén Ruibal (aparición librarías terceira semana de novembro).

XERAIS CLÁSICOS

XERAIS BIBLIOTECA DAS LETRAS GALEGAS

XERAIS MANUAIS

"Incertos"

18 Maio 2009

Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

XG00145801Rubén Ruibal publica no seu blog unha anotación sobre Incertos, o libro de relatos de Antón Dobao. Unha memorable recomendación literaria.

Espazo radioescénico: entrega do IIIº premio de Teatro Radiofónico

19 Abril 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro,Xerais_nos_medios

tr2-320x2001xg00166201Aquí pode escoitarse a hora de radio e teatro na radio, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña,  na que se entregou o IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. O libro cedé, que inclúe a peza gañadora, Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas, e as dúas finalistas Servizo de Urxencias de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Ferreira, estará nas librarías ao longo deste vindeira semana.

Premio «Diario Cultural» de Teatro Radiofónico

13 Abril 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro

ImprimirO vindeiro mércores, 15 de abril, ás 20:30 horas, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a gala de entrega da IIIª edición do Premio «Diario Cultural» de Teatro radiofónico. Será entón cando Rubén Ruibal e César Candelas reciban o premio por Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, peza protagonizada polo boxeador britano Peter Buckley,un eterno perdedor. Esta peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais presentará na gala o libro-CD que  incluirá tanto a peza gañadora como as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira.

«Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley», Premio Teatro Radiofónico

26 Marzo 2009

Noticias,Premios,Radio,Teatro

nota300_233799Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico «Diario Cultural« pola súa obra Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, protagonizada polo boxeador britano peter Buckley,un eterno perdedor. A peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais editará a peza nun libro-CD que tamén incluirá as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní–  destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O premio será entregado o 15 de abril nunha gala, que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e na que será presentado o libro cedé. Entrevista cos autores en Galicia hoxe.

«Limpeza de sangue», lectura dramatizada

20 Xaneiro 2009

Noticias,Premios,Teatro

xg00116901O día 26 de xaneiro, luns, ás oito da tarde na sede da SGAE en Santiago, na rúa das Salvadas, realizarase unha lectura dramatizada de Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Dirixe Santi Prego e conta cos actores Sergio Zearreta, Josito Porto, Xavier G. Pan, Fernando Morán, Monica García, Mónica Camaño, Xavier Deive e Víctor Mosquera. Do ambiente sonoro encárgase Anxo Graña. E conta co apoio da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

As novidades de literatura dramática de 2008 por Rubén Ruibal

18 Xaneiro 2009

Críticas,Teatro,Xerais_nos_medios

Na recollida de textos publicados polos medios, que vimos realizando no blog, quedounos atrás o magnífico traballo que Rubén Ruibal publicou o pasado 3 de xaneiro no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia (non está publicado na rede). No longo artigo, que ocupa dúas páxinas, o autor fai un percorrido polas novidades de literatura dramática publicadas en 2008. Recollemos algúns dos parágrafos que fan referencia aos títulos editados por Xerais:

xg00140301Tentando citar todo, emprezo pola literatura infantil. A publicación máis destacada do 2008 foi o Game over de Carlos Losada, gañador do premio Manuel María 2007. [...] Levado á escena por Cachuzo, é posible que no 2009, se a lotería das programacións o contempla, teñamos de novo a oportunidade de velo nos escenarios galegos. Ó meu modo de ver, o espectáculo ten un gran problema: lonxe do habitual, non trata ós nenos coma parvos.

[...]

xg00136401Falando de autores galegos que chegan ós escenarios, se cadra con menos fortuna do que merecen, Roberto Salgueiro publicou no 2008 dentro da Biblioteca Dramática Galega de Xerais o texto gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2007, Historia da chuvia que cae tódolos días, no que un pai, un fillo e a moza deste viven, sofren e reflexionan en torno ás miserias da emigración e da permanencia na terra propia nun espazo fechado arredor do cal todo se afunde na auga da chuvia; un texto ben recomendable. Nesa colección publica Raúl Dans, Nachtmarhr, un exercicio de liberdade literaria que non deixa escapar ó lector dende a primeira á ultima liña e sorprende pola riqueza de imaxes escénicas que provoca. Unha das miñas pezas preferidas deste autor e, probablemente, do 2008. Xerais tamén sacou á rúa o libro-CD do IIº certame de Teatro radiofónico do «Diario Cultural» da Radio Galega, a oportunidade de ler teatro sen esforzo de pasar páxinas xg00133001sequera; non teñen excusa. Xerais agasallounos, tamén, xa para rematar, coa Obra Dramática de Francisco Taxes, un gran libro que merece, en calquera país teatralmente civilizado, algo mási que esta simple nota nunha sorte de resume anual. Un volume imprescindible. Rubén Ruibal

Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo

5 Decembro 2008

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

b87a7965514201e0edddce5158d3ea2314a2bc63

Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

Teatro de verdade

13 Setembro 2008

Opinións_lectores/as,Teatro,Xerais_nos_medios

No blog Trafegando ronseis publícase unha interesante anotación de lectura sobre Limpeza de sangue, o texto dramático de Rubén Ruibal que mereceu o Premio Nacional de Literatura Dramática. Recollemos o primeiro parágrafo do texto:

Limpeza de sangue de Rubén Ruibal (Xerais, 2006) pareceume Teatro de verdade, así con maiúsculas, recomendable tamén para todas e todos os que prefirades ver e non ler teatro, porque se nota que o autor pensou no espectador/a pero tamén no lector/a; fixádevos, se non, na elaboración das didascalias. Tematicamente é ousada, dá moito que pensar e fai gala dun sentido crítico digno do mesmo Vidal Bolaño. Os diálogos son ás veces finamente irónicos e outras tan directos e descarnados que sobrecollen. Todos os ambientes e personaxes están moi acabados. E logo está o seu o humor, como unha especie de elemento compensatorio e indispensable para sobrevivir a toda a corrupción que nos rodea. Unha lectura para pensar e divertirse, en definitiva.

"Festina lente", conversa na Feira do libro da Coruña

5 Agosto 2008

Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

Rubén Ruibal publica no seu blog unha crónica do que foi a presentación de Festina lente de Marcos Calveiro na Feira do libro da Coruña.

Presentación de "Limpeza de sangue"

28 Abril 2008

Presentacións,Teatro

O día 8 de maio, xoves, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo presentarase Limpeza de sangue, a obra pola que Rubén Ruibal mereceu o Premio Nacional de Literatura Dramática. No acto participarán o autor, acompañado por Xaime Pena e Manuel Bragado.

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, procedentes de mundos aparentemente opostos coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Igualados pola situación e obrigados a facerse mutua compañía, coñecen outros aspectos da vida aos que a rutina diaria non lles permitiu que lles prestasen atención. Ven nacer así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento, no que nin sequera unha inocente proposta roubada de Príncipe e mendigo de Mark Twain abrirá unha nova porta.