«Inmunda escoria», presentado en Viveiro

11 Novembro 2010

Crónica,Noticias,Presentacións

A edición de La Voz de Galicia na Mariña recolle a noticia da presentación, a pasada fin de semana en Viveiro, do libro Inmunda escoria, A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, na que participou o autor, Ricardo Gurriarán, a secretaria xeral de CCOO na Mariña, Covadonga Viamonte, así como o alcalde da localidade, Melchor Roel. O acto estivo organizado por CCOO Ensino e coordinado por Victoria Cora, directora da escola infantil San Roque.

«Inmunda escoria» preséntase hoxe en Madrid

7 Outubro 2010

Crónica,Presentacións,Socioloxía

O libro Inmunda escoria, publicado por Xerais baixo o subtítulo «A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, de Ricardo Gurriarán, presentarase hoxe en Madrid ás 19:30 horas, en Blanquerna Centre Cultural (Alcalá 44). O acto contará coa participación de Xosé María Calviño, Ezequiel Méndez, Fermín Bouza e Ricardo Gurriarán. Este evento está organizado por Xerais, pola Fundación 10 de Marzo e por Blanquerna Centre Cultural.

Xerais na Feira do Libro de Monforte

10 Agosto 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Premios

Xerais prepara o programa dos actos que realizará na Feira do Libro de Monforte de Lemos, que terá lugar do 25 ao 28 de agosto na rúa do Cardeal.

O xoves 26 de agosto, ás 19:00 horas Ricardo Gurriarán presentará Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1968.

O mesmo xoves, ás 20:00 horas Xabier Quiroga presentará a súa novela máis recente, O Cabo do Mundo, Premio da Crítica 2010 no eido da narrativa.

En ambas as dúas presentacións, os autores estarán acompañados polo editor Manuel Bragado.

Na Feira do Libro de Monforte tamén participarán Xosé Manuel Pereiro que pronunciará o pregón no serán do día 25 e o escritor Marcos Calveiro que asinara exemplares de Settecento, O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009) e o resto da súa obra en data por determinar.

«Inmunda escoria» de Ricardo Gurriarán

10 Xuño 2010

Críticas,Crónica,Historia,Xerais_nos_medios

MILITANCIA UNIVERSITARIA

Retrato dunha toma de conciencia

Inmunda escoria. Así foi como titulou Daniel Ares Enjamio a crónica dos sucesos de na universidade galega na volta de xaneiro de 1968; non obstante, o título do artigo facía referencia a un editorial do xornal ABC titulado “Para la Universidad queremos paz”, no que cualificaba de “inmunda escoria –da que tiña que ser depurada a Universidade–” o estudantado máis combativo da universidade galega. Eís a versión do franquismo e dos seus instrumentos de dominación –entre outros os medios de comunicación da época afíns ao réxime– dos sucesos na Universidade galega.

Fronte a esa visión, asumindo ese cualificativo como un sinal de identidade, Ricardo Gurriarán titula dese xeito unha investigación sobre A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela (1939-1968), subtítulo da súa recente obra de investigación,  Inmunda escoria (Xerais, 2010).

Ora ben, quen era esa “inmunda escoria”? Cal era a súa procedencia?

A maioría dos mozos e mozas que se mobilizaron na universidade galega nos anos sesenta ou ben estaban vinculados ao Partido Comunista ou ben tiñan simpatías pro-chinesas ou eran cristiáns de base cun fondo compromiso social: eís a militancia do grupo que soubo trasladar ao conxuntodo estudantado composteláns novas inquedanzas políticas; certamente, tamén había nacionalistas, como Sanxuás –quen foi o rostro visible do nacionalismo nas mobilizacións-, pero non tiñan unha presenza significativa no movemento estudantil dos anos sesenta.

As súas estratexias, principalmente a loita cultural, entendida como elemento de axitación (conferencias como a de Aranguren, recitais de música como o de Raimon, mesas redondas, debates no Cineclub…), o “entrismo” nas estruturas de representatividade universitaria e a información, entendida como principal elemento de difusión das súas demandas; así como os persoeiros máis representativas desas mobilizacións, entre os que se atopaban Marisa Melón, Pérez Touriño, Domenech e tantos e tantas máis, son o obxecto de estudo principal desta obra, que malia iniciar o percorrido tras a guerra civil, centra a investigación nas mobilizacións dun estudantado que na década dos sesenta foi perdendo o medo á xerarquía franquista e ao silencio imposto polo franquismo, moi ben transmitido polos seus achegados. Neste sentido, o fío condutor do libro do profesor Gurriarán son as loitas desenvoltas polo estudantado galego para emanciparse mediante a autoorganización democrática, que van aumentando en intensidade até estourar no 68.

En fin, Inmunda escoria axúdanos a comprender que o 68 galego foi un acontecemento fundamental no proceso de toma de conciencia dun país e mais dunhas clases sociais que foran violentamente reprimidas despois dos tráxicos sucesos do 36. Alfredo Iglesias Diéguez

Texto de Alfredo Iglesias Dieguez publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 10 de xuño de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

«”Inmunda escoria”, documentadísimo traballo de investigación»

8 Xuño 2010

Críticas,Crónica,Xerais nos blogs

De novo a memoria próxima

Ao longo das máis de cinconcentas páxinas deste libro o seu autor analiza con detalle e polo miúdo o desenvolvemento no só da protesta dos universitarios galegos contra a ditadura de Franco, senón tamén a evolución da universidade galega desde o remate da Guerra Civil ata 1968, ano este do mítico peche dos universitarios na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago.

Gurriarán presenta con datos abondos como tras o remate da Guerra Civil o franquismo converte a universidade nun feudo do falanxismo e do nacionalcatolicismo. Lembra acertadamente a disposición franquista que reservaba o 80% de todos os postos de funcionarios para os combatentes do chamado Exército Nacional, para os colaboradores do Alzamento Nacional ou mesmo para os familiares destes dous colectivos. O SEU e o nacionalcatolicismo son donos e señores absolutos da universidade naqueles anos da inmediata posguerra civil.

Non elude o autor dar nomes concretos de represores e censores. Así pasan diante dos nosos ollos os nomes dos que daquela se dedicaron a expurgar as bibliotecas de autores e obras considerados perigosos para o Réxime e nesa listaxe aparecen os Pérez Bustamante, Filgueira Valverde, Torrente Ballester ou o falanxista e sempiterno decano de Filosofía Moralejo Lasso.

O libro detense na loita polo poder universitario que se establecen entre as distintas familias do franquismo. No longo reitorado de Legaz Lacambra (1942-1960) prodúcese a invasión da universidade compostelá por parte do OPUS a través dos López Rodó, D´Ors, García Garrido ou Meilán Gil. Non pasa por alto tampouco os elementos adoutrinadores franquistas como o SEU, as milicias universitarias ou os colexios maiores. Sinala así mesmo o sopro vivificador que supuxo para a universidade compostelá a presenza nelas nos cincuenta de Otero Pedrayo como catedrático de xeografía e os parladoiros no Hotel Compostela ou no Café Español, en que participaban moitos dos membros da xeración das Festas Minervais, como Franco Grande ou Méndez Ferrín. Salienta así mesmo a Homenaxe á poesía galega celebrada no Círculo Mercantil de Santiago, porque supuxo o uso do galego como lingua oficial neste acto.

Xa que logo, malia estes intentos anovadores, no remate dos cincuenta a universidade galega aparecía dominada polo OPUS (López Amo, López Rodó, Meilán Gil…), a cúpula eclesiástica (Lucas, Suárez Núñez…) e o SEU (Massaguer, Sánchez-Harguindey, Eiras Roel…). Nese bloque monolítico o galeguismo cultural de Galaxia e Piñeiro trataba de abrir un oco a través de actos como as Festas Minervais.

Os anos sesenta xa van ser moi distintos para a universidade galega. O libro analiza como se vai formando o ambiente que rematará no célebre peche na Facultade de Filosofía e Letras o ano 1968, fito na rebeldía universitaria compostelá antifranquista. O autor presenta de xeito acaído a galeguización das Festas Minervais nestes anos, o xurdimento de asociacións culturais como O Galo, a celebración do centenario de Cantares gallegos, a homenaxe a Antonio Machado… Íase formando un ambiente de protesta e antifranquista que callaría nos xa citados actos de protesta de 1968, que o autor analiza polo miúdo e alí aparecen os nomes dos líderes estudiantís antifranquistas como Cochón, Mauro Fernández, Casares, Luís Mariño, Calviño, Sanxúas, Álvarez Areces e tantos outros aos que lles debemos eterno agradecemento pola súa loita a prol da democracia. Tamén sinala con nome e apelidos os que defendían a universidade franquista como Otero Túñez, Massaguer, Ocón, García Garrido, Moralejo…

Como supremo acto de ignominia o autor describe polo miúdo o nomeamento de Franco, en 1965, como doutor honoris causa pola Facultade de Ciencias. O sistema represor antiestudantil estaba formado pola Policía (ao mando do comisario Armada), o SIM do Exército, a Falanxe e a Garda Civil. Os elementos infiltrados entre os estudantes como bedeis espía ou policías da Brigada Social que se facían pasar por estudantes aparecen mesmo con nomes e apelidos. Para ver como eran os represores do franquismo cómpre ler a historia da persecución psicopática que sufriu Mauro Fernández por parte dalgúns membros do SIM do Exército.

O libro remata coa análise dos feitos do 68, que culminaron co peche na Facultade de Filosofía de varios centos de estudantes, acontecemento estrela da revolta universitaria galega antifranquista.

Este documentadísimo traballo de investigación volve darnos de novo a imaxe dunha Galicia progresista, que estivo en primeira liña nas revoltas estudiantís dos sesenta e en consonancia co que supuxo, por exemplo, o maio francés do 68. Por outra banda, nesta revolta, a partir do grupo das Festas Minervais, o galego vai gañando un espazo como lingua de cultura e de progreso e convértese en lingua de propaganda e ata emblemática do movemento estudantil. Así o demostran a tradución ao galego da célebre canción himno da revolta, Venceremos nós, desde o inglés ou tamén a tradución ao galego, por parte de García Bodaño e Casares, das cancións que interpretou Raimon no mítico concerto compostelán de maio de 1967. O movemento estudantil estaba a facer que o galego xa non fose identificado só como lingua rural, senón tamén como lingua de progreso e compromiso. Mediten os sociolingüistas oficiais sobre estes feitos e saberán por que hoxe os sectores ultraconservadores atacan o galego: non é por ser lingua pouco útil ou ruralizante –como din os moi parvos–, senón porque o que os molesta do galego é que é lingua de progreso e innovación política e social.

Xa que logo, libro que debe estar en todas as boas bibliotecas e que os profesores de historia, filosofía e lingua lles deben comentar aos alumnos do segundo ciclo de secundaria e por suposto aos de bacharelato. Manuel Rodríguez Alonso

Anotación publicada no blog Bouvard et Pécuchet o 6 de xuño de 2010.

Perfecto Conde Recomenda «Inmunda escoria» de Ricardo Gurriarán

Crónica,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

Ricardo Gurriarán e os seus 68

[...] Quero falar de algo que me interesou moito. Os dous libros publicados por Ricardo Gurriarán sobre o movemento estudiantil galego do ano 1968, Inmunda escoria e 1968 en Compostela testemuños. A min o primeiro paréceme un libro fundamental, de auténtica referencia. Lonxe do edulcoramento e ás veces alleamento que pode caracterizar algunha vez parte da historiografía galega, Gurriarán conta neste libro a batalla do 68 comprometéndose seriamente co que lle contan as súas diversas fontes informativas, que el debullou con paciencia de palilleira. Aínda que só fose por este volume, que no o é porque Gurriarán xa demostrara antes a súa valía historiadora, o autor de Inmunda escoria gañou sobradamente un posto de honra na bibliografía galega, sobre todo polo esforzo investigador que demostra neste libro.

O outro, 1968 testemuños, ten tamén a súa importancia. É un libro colectivo no que escribimos dazaseis sobreviventes daquela emocionante e esperanzada aventura que foron as revoltas estudiantís do ano 1968. Como obra testemuñal tamén ten o seu aquel. [...]

Fragmento da anotación publicado por Perfecto Conde no seu blog Croques o 7 de xuño de 2010.

«Inmunda escoria», presentación na Coruña

24 Maio 2010

Crónica,Noticias,Presentacións

O martes, 25 de maio, ás 19:00 horas terá lugar a presentación do libro de Ricardo Gurriarán, Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela. 1939-1968, no Centro Social Caixanova da Coruña (Rúa Riego de Agua). O acto, organizado pola Unión Comarcal de CC.OO da Coruña, a Fundación 10 de marzo e Xerais, coa colaboración da Asociación Cultural Namentras, contará coa participación de Pancho Fontenla, Anxo Guerreiro, Víctor Santidrián, Manuel Bragado e o autor.

Ricardo Gurriarán, entrevista en «Galicia hoxe»

Autores,Crónica,Xerais_nos_medios

Ricardo Gurriarán, autor de Inmunda escoria, é entrevistado por Manuel Vidal Villaverde, dentro da serie ¨Conversas contemporáneas» de Galicia hoxe. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:

[...] Hai que precisar que non foron moitos os nacionalistas galegos que estiveron na confrontación estudantil contra o franquismo, alá polo 1968, e menos que lideraran as loitas. Logo de estar un tempo no PCG Arxona e Foz, este último, cara a 1967, pasou a artellar opcións políticas maoístas. Logo marchou cara a Francia, en xaneiro de 1968. Nese curso a cara visible do nacionalismo era Sanxuás. En canto á loita na universidade, foron cristiáns con compromiso social, baixo a marca ADE, comunistas e algúns pro-chineses, os que, de xeito unitario, foron quen de trasladarlles inquedanzas sociopolíticas aos estudantes do común.

Inmunda escoria é o libro co que me considero máis identificado, pois considérome plenamente identificado coa loita que levaron a cabo os estudantes no 68. Por razóns naturais, eu fun un beneficiario das súas conquistas, e continuador do seu ideario. Mais non esquezo o meu primeiro libro, unha biografía do meu parente Florencio Delgado Gurriarán (1999), pois pescudar o seu itinerario e a súa desaparición de Valdeorras abriume moito os ollos sobre o que pasou no país.

As atrocidades das guerras, en si mesmas, levan á aniquilación do inimigo, sen reparos (aquí tivemos un golpe de Estado faccioso). Mais a nosa non rematou no 1939, pois a liquidación dos vencidos perdurou durante moito tempo. Mentres non se rexeite publicamente a Ditadura franquista e o xenocidio cometido, mediante lei, non se poderá reparar a xustiza que reclaman as familias dos perdedores. As feridas interiores, como as corporais, non hai que tapalas, pois non curan. Hai que airealas e sacalas á luz.

Ricardo Gurriarán, autor de «Inmunda escoria», entrevistado por «A Nosa Terra»

2 Maio 2010

Autores,Crónica,Entrevistas,Xerais_nos_medios

Ricardo Gurriarán (O Barco, 1953) é un exhaustivo investigador que agora publica Inmunda escoria (Xerais) e que antes comisariou a  exposición “1968. Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos nós”. Profundo coñecedor da historia da universidade galega no século XX o seu traballo edítase cando as universidades galegas están mergulladas en procesos electorais.

–O título Inmunda escoria tomouno dun artigo do ABC que falaba do estudantado neses termos, “hay que barrer esa inmunda escoria de las aulas universitarias”, pero vai máis alá do 68 e analiza que universidade tiñamos no franquismo.

–Entendín que era revelador saber como se constrúe a universidade desde 1939 cuns perfís opostos ao tempo republicano. E a conclusión é que se edifica cos méritos de guerra. Cun cadro de persoal diminuído nun 50% por exilio ou represión, a renovación faise por adhesión ao réxime, con alféreces provisionais ou con exames patrióticos que rematan carreiras nun abrir e pechar de ollos. Así se completa o cadro docente e se controla o SEU (Sindicato Español Universitario) de obrigada afiliación e outras organizacións que vixían a universidade e reprimen a primeira disidencia dalgúns profesores en 1948. Tamén falo da inflexión morna cos catedráticos que chegan despois da guerra civil e como surxen voces discordantes. Aquí non tivemos un Dionisio Ridruejo pero si botou dez anos Carlos París. Abordo tamén a primeira “organización” para acceder a outro xeito de ver a cultura e o país, surxida arredor de Ramón Piñeiro e como nos anos 50 se producen as primeiras mobilizacións contra o SEU e aparecen familias de pensamento cristián que se alimentan despois arredor do Concilio Vaticano II. Todo iso antecede ao curso de 1968, pero vaise agregando e culmina na incorporación dos estudiantes á loita contra a Ditadura.

–En moitas notas a pé de páxina inclúe pequenas biografías actualizadas dos protagonistas. O SEU (Sindicato Español Universitario) nutriu despois a dereita?

–Que tivésemos, co paso do tempo, un goberno prolongado do PP ten raíces tamén naquela época. A capa democrática constitucional que se plasmou na transición ten que ver co tecido político que foi creando Fraga desde a súa aparición en Galicia como ministro en 1961. Axiña fai pasar os veráns na Coruña a Franco e se produce o nomeamento do ditador como Honoris Causa da universidade. As estruturas do SEU, das máis tépedas ás máis radicais, marcharon despois á opción conservadora culminando a visión longopracista coa que Fraga traballou. Fixen tamén o itinerario dalgúns daqueles cargos do SEU que aparecen en gobernos civís, con responsabilidades ministeriais ou en cargos intermedios, primeiro en UCD e despois na súa opción natural de AP e PP. Quixen darlle máis voz no libro a algúns deles, pero nin Frutos, que foi secretario xeral da Universidade, nin Ricardo Fernández Castro, que era presidente do SEU no distrito, nin o xornalista Couselo que tamén era seuista, nin o gobernador civil Avendaño Porrúa quixeron falar comigo. Resulta curioso que non sexan capaces de contemplar a época con distancia histórica catro décadas despois. Mesmo os policías cos que falei, aínda que prefiran o anonimato, son capaces de dar unha versión desde a súa óptica de “defensa da legalidade vixente”.

(Entrevista completa realizada por Xan Carballa para a edición impresa do semanario A Nosa Terra 02/05/2010)

Ricardo Gurriarán, autor de «Inmunda escoria», entrevista en «El País»

30 Abril 2010

Autores,Crónica,Entrevistas,Historia,Xerais_nos_medios

Daniel Salgado publica unha longa entrevista nas páxinas de «Luces» de El País Galicia con Ricardo Gurriarán, autor de Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1969.

Gurriarán presentou onte na súa cidade natal, O Barco de Valdeorras. Hoxe faráo en Vigo, na Libraría Librouro, a partir das 20:00 horas, acompañado por Xesús Alonso Montero, Víctor Santidrián e Manuel Bragado. Mañá, primeiro de maio, a partir das 19:30 horas, asinará exemplares do libro na Feira do Libro de Compostela.

Hoxe, Fermín Bouza publica nas páxinas da edición galega de El País un artigo no que fai referencia aos libros recentes de Gurriarán.

«Inmunda escoria», presentacións no Barco de Valdeorras e Vigo

26 Abril 2010

Crónica,Feiras_do_libro,Noticias,Presentacións

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1968 de Ricardo Gurriarán será presentado esta semana no Barcod e Valdeorras e na cidade de Vigo.

O acto do Barco de Valdeorras realizarase o xoves, 29 de abril, ás 20:00 horas no Salón de Actos do Edificio Multiusos (Praza do Concello nº 2). Contará coa participación de Alfredo García (alcalde do Barco), Gustavo Docampo (técnico de cultura), Víctor Santidrián (director da área de Historia da Fundación 10 de marzo), Manuel Bragado (editor) e Ricardo Gurriarán.

O acto de Vigo realizarase o venres, 30 de abril, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo (Rúa Eduardo Iglesias 12). Contará coa participación de Xesús Alonso Montero, Victor Santidrián, Manuel Bragado e Ricardo Gurriarán.

O autor completará o seu periplo, o primeiro de maio, sábado, ás 19:30 horas asinando exemplares da súa obra na Feira do Libro de Santiago de Compostela.

Xerais na Feira do Libro de Santiago

22 Abril 2010

Crónica,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Historia,Narrativa,Noticias,Poesía,Xuvenil

Xerais preparou un importante programa de actividades para a Feira do Libro, que se celebrará no Paseo Central da Alameda de Santiago de Compostela, entre o 1 e o 9 do vindeiro mes de maio.

Día 1 sábado

13:00 horas: Pregón a cargo de Marcos Calveiro.
19:30 horas: Ricardo Gurriarán asinará exemplares do seu último libro Inmunda escoria.
20:00 horas: Presentación da novela Settecento de Marcos Calveiro. Intervirán: Martin Pawley, Manuel Bragado e Marcos Calveiro.

Día 3 luns

19:30 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA 2009)

Día 4 martes

20:00 horas: Presentación da novela A intervención de Teresa Moure. Intervirán: Margarita Ledo, Manuel Bragado e Teresa Moure.

Día 5 mércores

19:00 horas: Presentación do poemario (Retro)visor de Antía Otero. Intervirán: Estevo Creus, Fran Alonso e Antía Otero.

Día 6 xoves

20:00 horas: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Rosa Aneiros, Xosé A. Sánchez Bugallo, Manuel Bragado e Manuel Portas. Ao remate, a música Clara Pino (Integrante de Cobalblue), tocará coa Harpa Celta o tema “Alalá do viquingo”.

Día 7 venres

20:00 horas: Presentación do libro Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia de Francisco Calo Lourido. Intervirán: Xerardo Pereira-Menaut (Catedrático de Historia Antigua da USC), Manuel Bragado e Francisco Calo Lourido.

Día 8 sábado

19:00 horas: Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón. Intervirán: Caetano Díaz (Director de Galicia Hoxe) e Pilar García Negro. Colaboran a Asociación Cultural O Galo e A Mesa.

Ricardo Gurriarán, autor de «Inmunda escoria», entrevistado por «La Voz de Galicia»

8 Abril 2010

Autores,Crónica,Entrevistas,Historia,Xerais_nos_medios

Leal Coello publica en La Voz de Galicia unha entrevista con Ricardo Gurriarán con motivo da presentación en Compostela de Inmunda escoria. Baixo o titular «A guerra non se gañou, pero si a batalla do 68», Gurriarán adianta algún dos contidos e reflexións centrais do seu libro sobre as mobilizacións estudantís na Universidade de Copostela durante o franquismo. Así sinala como comezaron os acontecementos do 68: «Os estudantes están facendo asembleas, e certas facultades impiden as reunións e descualifican a elección democrática dos representantes. Nunha gran asemblea irrompe o decano de Ciencias, o que provoca unha gran resposta que leva a catro estudantes fronte a Tribunal de Orden Público. Isto fai tambalear as estruturas académicas porque os alumnos manteñen unha folga de dous meses na que participaron preto de 4.500, e, segundo a policía, encérranse máis de setecentos no edificio central da Universidade durante tres días e tres noites. A folga tivo moito impacto na cidade; todo o mundo soubo que os estudantes de Santiago están pechados.»

Grande éxito da presentación en Compostela de «Inmunda escoria»

Crónica,Historia,Noticias,Presentacións,Xerais_nos_medios

Trescentas persoas ateigaron o Salón Nobre de Fonseca para participar na presentación da obra de Ricardo Gurriarán Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1936-1968. No acto interviron o reitor da USC Senén Barro, o director da área de Historia da Fundación 10 de marzo Víctor Santidrián, o editor de Xerais Manuel Bragado e o autor. Pechou a quenda de intervencións Vicente Álvarez Areces, actual presidente do Principado de Asturias e un dos coprotagonistas do estoupido estudantil do 68, situando «a magnífica obra de Gurriarán no contexto da restitución democrática» da loita antifranquista.

Máis información sobre o desenvolvemento da presentación na crónica de Galicia hoxe, na nota a axencia Europapress e na información de Xornal de Galicia.
A presentación tamén tivo repercusión nos medios asturianos. Velaí as referencias aparecidas en La Voz de Asturias.

«Inmunda escoria» de Ricardo Gurriarán, presentación en Compostela

6 Abril 2010

Crónica,Historia,Noticias,Presentacións,Xerais_nos_medios

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 de Ricardo Gurriarán será presentado mañá, mércores 7 de abril, ás 19:30 horas no Salón Nobre de Fonseca en Santiago. O acto contará coa participación dos prologuistas da obra, Vicente Álvarez Areces (Presidente do Principado de Asturias) e Senén Barro (Reitor Magnífico da USC), ademais de Víctor Santidrián (Director da Área de Historia da Fundación 10 de marzo), Manuel Bragado (Director de Xerais) e do propio autor.

«Inmunda escoria» foi o titular co que un xornal caracterizou os estudantes universitarios antifranquistas en 1968, cando as súas protestas fixeron tremer as estruturas da Ditadura. Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968 nace da exposición que a Fundación 10 de Marzo lle encargou a Ricardo Gurriarán para conmemorar os corenta anos das loitas do curso 1967/68 na Universidade galega. A partir dun intenso labor de investigación en arquivos públicos –malia os impedimentos legais que amparan os tan «distantes» tempos da Ditadura franquista– e privados, así como das máis de cen entrevistas aos participantes directos e indirectos do conflito, Gurriarán analiza o que foi coñecido como «o 68 galego», que protagonizou toda unha xeración de persoas cun percorrido político, social e cultural que chega ata os nosos días. A investigación arranca no ano 1939 e avanza ano a ano para chegar ao curso 1967/68, cando as mobilizacións estudantís antifranquistas conquistaron espazos de liberdade, á custa, iso si, de non poucos desgastes persoais. Sen aqueles acontecementos, a sociedade galega de hoxe sería moi diferente. Inmunda escoria é un libro que non só enche un baleiro na historiografía, senón que está chamado a converterse, sen dúbida ningunha, nun referente para os estudos que sobre o antifranquismo se fagan no futuro. O libro inclúe un DVD con 50 entrevistas ás persoas que protagonizan os feitos.

A presentación do libro está organizada por Xerais, en colaboración coa Fundación 10 de marzo e a Reitoría da Universidade de Santiago.

Daniel Salgado faise eco hoxe da presentación da obra nas páxinas de El País.