Eulalia Agrelo Costas publica en El correo Gallego unha recensión sobre Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro, libro ao que califica de «goce para os sentidos». Reproducímola integramente:
Volven os «aires sonoros»
Recendos de aire sonoro, presenta un poético compendio musical no que conflúen os músico, instrumentos e ritmos varios.
Ao falar de poesía infantil e xuvenil galega é de obriga citar a Antonio García Teijeiro, que se fixo poeta cando, despois de escoitar La poesía española de hoy y de siempre, de Paco Ibáñez, se internou na poesía castelá e galega, ao tempo que foi seducido pola música de Bob Dylan e a actitude rebelde dos Beatles.
A partir destes referentes, decidiu escribir poesía para os máis novos e en galego coa intención de promover un dos xéneros menos frecuentado para este receptor, así como para dignificar unha lingua cun inmenso caudal lingüístico, literario e afectivo. Así, logo da aparición de 3 pequenos poemarios en 1988, Coplas, Nenos e Aloumiños, escribiu máis de 20 títulos, nos que innovou os patróns da poesía tradicional e incorporou os daqueloutra máis experimentalista.
Para este mestre a música é necesaria para vivir, pois reconfórtao como ser humano, provócalle a reflexión, permítelle estar en harmonía e anímao a compartir a súa maxia coa xente querida. De aí que varios dos seus poemarios sexan un espazo privilexiado para a fusión entre a música e outra das súas grandes paixóns, a poesía. Entre eles, están Palabras envoltas en cancións (2000), Aire sonoro (2001) e Petando nas portas de Dylan (2007), nos que se alude a diferentes grupos e intérpretes musicais, ademais de poetizárense elementos do universo musical.
De Aire sonoro (finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil) parte Recendos de aire sonoro (2011), que acolle novos poemas e está ilustrado por Fino Lorenzo coa técnica da colaxe e cuns trazos moi coloristas.
Esta nova proposta ábrese cun texto autorial e coas palabras de dous prestixiosos directores de orquestra, Daniel Barenboim e Jehudi Menuhin, que son a antesala de máis de 30 composicións asentadas en esquemas estróficos da poesía popular e en modelos máis actuais, como o testemuña a disposición gráfica dalgúns versos, que non se resisten a empatizar co asunto tratado nos poemas. Como anticipan os paratextos, a temática deste volume xira ao redor da música, aínda que esta non só está presente polas numerosas referencias a este ámbito (instrumentos, músicos, dúo, partitura…), senón que polo ritmo marcado dos seus sinxelos textos, que están cargados da sonoridade desprendida polo fonosimbolismo, a aliteración, o paralelismo e os xogos lingüísticos, entre outros recursos. Así mesmo, sobrancean os apuntamentos cromáticos e os sentimentos que afloran da humanización experimentada por moitos dos elementos musicais, que lle dan corpo a unha serie de metáforas moi evocadoras, un goce para os sentidos.
Estes Recendos de aire sonoro atesouran un microcosmos poético, polo que grandes e pequenos poden pasear acompañados dunha melodía poética repleta de sensibilidade, harmonía e “aire sonoro”.
Eulalia Agrelo Costas