«Catro amigos pillabáns», unha historia tenra de Ramón Caride. Crítica en Brabádegos

29 Maio 2012

Críticas,Infantil,Sopa de Libros

Brabádegos, o portal de literatura infantil e xuvenil publica unha recensión sobre Catro amigos pillabáns, de Ramón Caride.

 

Amigos cos que xogar

A Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato gustaríalles vivir aventuras como as dos personaxes das películas que ven no cine. E un día o seu desexo faise realidade. Grazas á aparición dun bastón máxico, iniciarán unha emocionante viaxe que os levará a cruzar o océano e chegar ata Australia, onde terán que atopar o xeito de regresar ás súas casas. Manporriño, Murrigato, Caracol Col e Murrato viven en Animalandia e van xuntos á mesma escola.
Se te aburres, como lle pasa a Manporriño, un porquiño rosadiño e mantido, non desesperes, a mellor forma de pasalo ben é facendo amigos e deixarte levar pola imaxinación.
Catro amigos Pillabáns é unha historia de animaliños para cativos a  partir de oito anos ideada por dous monstros do infantil: Ramón Caride e Manuel Uhía. A senlleira Xerais presenta unha obra saborosa e totalmente adecuada para os nosos nenos botando man de dous xigantes recoñecidos por un traballo silandeiro nas nosas letras e dunha calidade inmensa.
As ilustracións de Manuel Uhía completan maxistralmente a tenra historia presentada por Caride, que sabe perfectamente que a estas idades é moi importante que o que se conte enganche para alimentar o hábito, e o que se narre, ademais, debe fuxir e contrarrestrar a violencia á que con frecuencia se ven expostos os nosos pequenos de xeito totalmente innecesario.
As aventuras, o misterio, a imaxinación e a cultura xeral deben ser os ingredientes empregados para que os brabádegos medren sans e rexos xunto cunha aprendizaxe rica en valores.
Catro amigos pillabáns podémola atopar na colección Sopa de Libros de Xerais ao prezo máis que económico de 9,30 euros. Debemos salientar que Xerais deseña as súas obras en función do que é aconsellable ler a cada idade e podemos acceder de xeito sinxelo a todos os títulos desta colección na súa web www.xerais.es, onde por outra parte están todos os autores galegos de prestixio.

Parlamento das letras: Entrevista de Armando Requeixo con Ramón Caride

23 Maio 2012

Autores,Blogs,Entrevistas

O blog Criticalia, de Armando Requeixo, publica unha entrevista con Ramón Caride. Reproducimos a primeira pregunta. A entrevista pode lerse completa aquí.

 

Parlamento das Letras

Ramón Caride Ogando

Ramón Caride Ogando é o noso miglior fabbro, o máis cómpito mestre de tafona literaria desta banda do Padornelo. E é que nacer en Cea imprime carácter, por máis que un, no mezzo del cammin della sua vita, ande xa afeito aos caldos de acios dourados do albariño cambadés.

Porque os de Cea cocen o que sexa mester e sempre con calidade de denominación de orixe literaria: tanto amasan o levedo poético en paisaxes de verde chuvia como enfariñan todo de novela negra e crónicas de sucesos, igual fermentan futuros de soños eléctricos que fantasían con pezas históricas de fríos azuis, o mesmo roxan o forno infantoxuvenil de aventureiros Saids e Sheilas que se lles dá polas roscas articulísticas defrontadas ao gume dos espellos todos.

Con Caride Ogando aprendemos das xeografías de sal e o cerne das labaradas, das criptografías que nos habitan e as complexas máscaras de Cronos que van configurándonos, pero tamén soubemos do lumefrío, do sangue que imos deixando polos camiños e dos infindos ollos da noite. Porque no universo de Sarou/Louzós todo é posible, incluso que un rapaz de Cea diga a súa palabra e un mundo abroche.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Publiquei o meu primeiro libro, Paisaxe de verde chuvia, en 1986, o mesmo ano no que naceu Uxía, a miña primeira filla, un ano moi especial para min, como ves. Foi unha autoedición, duns poucos centos de exemplares. Fíxeno nunha imprenta pequena do Porriño, e debeu ser un dos últimos libros da historia nos que a composición se fixo a man, tipo a tipo, con caixas metálicas. Daquela non pensaba facer máis libros, entre outras cousas porque o soldo non daba para moito máis e xa pateara unhas cantas editoriais, sen resultados. Ao cabo de tres anos, Isaac Alonso Estravíz deume a oportunidade de publicar outro libro de poesía, na normativa reintegracionista, que se chamou Tudo quanto hà no mundo, o título era unha cita de León Felipe, poeta agora moi esquecido, pero que daquela era un dos meus favoritos. Fixeron trescentos exemplares que non chegaron a distribuírse. Estes dous poemarios ían ilustrados polo meu amigo o pintor Miguel Karballo. Non os considero obras ben rematadas e por iso non os recompilei en As mascaras de Cronos (1992-2005), a miña poesía reunida no 2005.

As dúas primeiras recensións de prensa que conservo apareceron unha en La Voz de Galicia de Ourense, asinada por Camilo Franco, e outra en El Correo Gallego, nas páxinas culturais coordinadas por Helena Villar e Xesús Rábade. Esta segunda reproducía dous poemas. Falo de Paisaxe… pois Tudo… pasou desapercibida.

En paralelo xa publicaba cousas soltas, poemas ou contos no suplemento Revista das Letras de El Correo Gallego, na revista Animal de Positivas, en Dorna, no suplemento Mes a Mes da edición do Ribeiro de La Voz de Galicia etcétera. Nos oitenta, do que publiquei en prensa, hai pouca cousa que valla, pero seguramente me serviron para aprender. Unha escolla destes textos, xa dende os 90, ou sexa omitindo os primeirísimos anos, está no libro O gume dos espellos (2010) da editorial Toxosoutos, cousa que sempre lle agradecerei ao meu paisano David González Couso.

No 1990 publiquei o meu primeiro libro de contos, Os ollos da noite, relatos convictos e confesos de serie negra en Ir Indo. Modesto Hermida, paisano meu das terras de Cea e daquela profesor en Vigo coma min, foi quen fixo de embaixador na editora. E por fin entrei nun mercado editorial “normal”, dentro do que cabe. Este libro, Os ollos…, é moi irregular, pero nel hai algún conto interesante, que recuperei en libros máis recentes. Os ollos… tivo certo éxito durante dous anos, convidáronme á Semana Negra de Xixón e reeditouse. Isto facilitoume seguir publicando.

O meu cuarto libro, Crónica de Sucesos (1991) —que ti coñeces e valoras ben, Armando—, é sen dúbida o mellor dos meus libros iniciais e o primeiro no que realmente atopei a miña voz. Aínda o libro que teño arestora no prelo en Xerais, para saír neste 2012, Sarou/Louzós, ten moito de Crónica…

Curiosamente, este libro, Crónica…, no que tiña tantas esperanzas, pasou novamente desapercibido, en parte polo éxito de Soños eléctricos (1992), a miña primeira novela. Perdoa a extensión da resposta, pero é moi difícil resumir anos en poucas liñas.

(…)

A entrevista pode lerse completa aquí.

Ramón Caride: «Publicarei en breve “Sarou Louzós”, recompilación de serie negra con dous topónimos que marcan espazos míticos»

4 Maio 2012

Autores,Entrevistas,Xuvenil

Ramón Nicolás recolle no seu blog, Caderno da crítica, unha entrevista con  Ramón Caride que publicou no número 175 da revista Que Leer.

Ramón Caride: libros xuvenís para pensar

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957) exerce a docencia nun centro de ensino secundario e a súa traxectoria literaria, que abrangue distintos xéneros, foi recoñecida con numerosos galardóns entre os que destacan o Premio Branco Amor, o Lueiro Rey e o Merlín de literatura xuvenil.

—Publica para primeiros lectores Catro amigos pillabáns e A pomba dona Paz: subxacen aí os mesmos valores da súa obra?
—A pesar de seren libros cun forte compoñente gráfico e dirixidos ás primeiras etapas lectoras, son distintos: A pomba… é un libro feito expresamente para celebrar o Día Escolar da Paz e poñer de relevo cousas como a tolerancia, a ecoloxía e a convivencia nas aulas; mentres que Catro amigos… é máis ben un libro de aventuras protagonizado por animais. No fondo, non obstante, comparten os mesmos valores.

—Fálenos da tradución d´O frío azul.
—O frío azul (en Anaya en castelán, en Sotelo Blanco en galego) é unha novela histórica, ambientada entre 1517-1525, con elementos realistas, como un proceso inquisitorial ben documentado, pero con moitos elementos fantásticos e lendarios. Transcorre entre Oseira, Xálima (Estremadura) e Toledo. Acaba de recibir o premio «Templis» á mellor novela autoconclusiva nacional do ano 2011 instituído pola revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas. Estou orgulloso deste premio, porque está outorgado polos lectores.

—Exogamia 0.3 tamén foi un título ben acollido por crítica e lectores…
—É un libro de relatos para pensar e debater sobre a explotación infantil, as consecuencias da industria nuclear, os avances biomédicos ou a emigración clandestina. Está construído a partir de informacións xornalísticas e de avances recentes publicados en revistas científicas, buscando un dobre obxectivo: a máxima actualidade e a maior diversidade de técnicas narrativas. A súa excelente recepción demostra que os novos lectores non teñen apriorismos á hora de ler. En contra do que se di ás veces, creo que non debemos rebaixar o nivel de esixencia e precisión nos textos para adolescentes. Continuarei esta serie con Endogamia 0.2, xa redactado.

—Non descoida a lírica: que achega A chuvia humana á súa obra anterior?
—A chuvia humana é, esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente).

—Algún proxecto actual?
—En galego publicarei un libro de novelas curtas e relatos para adultos, Sarou/Louzós, centrado na serie negra realista. Estes dous topónimos imaxinarios marcan os meus dous espazos míticos: as Rías Baixas, onde vivo, e a Galicia interior, profunda, montañosa e agora case deshabitada, da que procedo. É a primeira vez que todo o ciclo, vinte anos de traballo, se publica nun volume único. Espero tamén completar a publicación en castelán da serie, xa ben coñecida, d´As aventuras de Said e Sheila, coa publicación do cuarto volume, A negrura do mar, ilustrado como os anteriores por Miguelanxo Prado.

Ramón Nicolás

Auténticas aventuras en «Catro amigos pillabáns», de Ramón Caride. Crítica de María Navarro

9 Abril 2012

Críticas,Infantil,Sopa de Libros

María Navarro publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Catro amigos pillabáns, de Ramón Caride.

 

Auténtica aventura

Surcando os mares

O gusto polos sucesos estraños e perigosos leva a pequenos e maiores a inventar realidades nas que é posible vivir fantásticas aventuras, similares ás que representan os actores da gran pantalla ou as que cadaquén crea no seu maxín. Todas válidas e todas apaixonantes se conseguen basicamente o obxectivo de disfrutar dos que nos acompañan o/ou do que temos ao   noso redor.

E isto é o que lle sucede aos catro amigos que Ramón Caride lles presenta aos lectores mozos para que fagan dos seus días unha auténtica aventura. Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato, isto é, un bacoriño,un gato, un caracol e un rato, respectivamente, aproveitan cada momento que poden para xogar ao aire libre ou para acudir ao cine. E de tanto intentalo un día grazas a aparición dun bastón máxico emprenden unha aventura que os leva a Australia,que lles permite traballar no circo ou surcar os mares xunto a unha balea e todo nun tempo elástico que non distorsiona en absoluto o seu quefacer cotiá.

De volta a casa contemplan a riqueza que lle outorga a imaxinación de explorar lugares descoñecidos e a fortuna de poder entablar relación con outros seres semellantes, botando man, iso si, de comportamentos humanos.

Manuel Uhía, pola súa parte, interpreta o texto e crea uns personaxes divertidos que, sen dúbida, acapararán a atención do público infantil.

María Navarro

Educar para a paz. Crítica de Paula Fernández sobre «A pomba dona Paz», de Ramón Caride

23 Marzo 2012

Álbums,Críticas,Infantil

Paula Fernández publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre A pomba dona Paz de Ramón Caride.

 

Educando para a paz

Contra as inxustizas do mundo

A pomba dona Paz é un libro pensado para contribuír coa educación para a paz, para axudar nun contido trasversal cada vez máis tratado e favorecido nos currículos escolares e para transmitirlle mao alumnado máis novo unha mensaxe que o coloca como a esperanza para acadar un mundo sen desigualdades e sen inxustizas.

Dona Paz, a pomba branca, o símbolo da paz, sae voar e olla todo o malo que acontece no mundo: a fame dalgúns, dos que nada teñen, e dos que xogan a vida emigrando a outros países, enfrontada ao consumismo feroz dos máis ricos; a agresión constante ao medio produto de poderosos intereses económicos; o maltrato á muller e a explotación infantil. Situacións estas que levan a dona Paz a falar cos homes, mais ante a súa falta de atención decide levar a súa mensaxe de solidariedade á infancia, sabedora de que a inocencia das súas mentes será a unica que sexa quen de frear a barbarie.

Nos catro versos rimados de todas as estrofas do libro destacan a denuncia e o ton solemne e grave adaptado para os primeiros lectores, pero, sen dúbida, o máis importante e salientable desta apoloxía da paz é a demanda, a reclamación desesperada, da necesidade dunha educación sólida en valores que encha o planeta de individuos xustos que acaben con todo o que ten de inxusto o mundo.

Paula Fernández

Os libros infantís de Ramón Caride. Recensión de Armando Requeixo

12 Marzo 2012

Infantil,Merlín,Sopa de Libros

Armando Requeixo, publicou nos xornais  El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión na que fala dos últimos libros de Ramón Caride: Catro amigos pillabáns, na colección Sopa de Libros, e A pomba dona Paz, en Merliño.

 

O ‘hat trick’ de Ramón Caride Ogando

Co temporal que atravesamos, ter un libro novo nas librerías é para case calquera autor motivo de celebración, ter dous é un auténtico luxo, pero ver tres títulos dun mesmo creador como novidades literarias da tempada é un privilexio só ao alcance dos benamados pola deusa Fortuna.

Entre ese escolleito grupo de elixidos cóntase Ramón Caride Ogando, quen acaba de pór en circulación un pequeno álbum para primeiros lectores autónomos (A pomba dona Paz), un relato para lectorado de cursos medios de Primaria (Catro amigos pillabáns) e mais un poemario para público adulto (A chuvia humana), todos tres, como se verá, textos de interese e apostas literarias que resultan enriquecedoramente complementarias.

A pomba dona Paz é unha emotiva e comprometida historia ilustrada por Pepe Carreiro. Nela, a través dos ollos da pomba Paz, téntase concienciar os máis pequenos da necesidade de ser solidarios, o inxusto das desigualdades sociais, do perigoso urbanismo antiecolóxico, do desastre da biodegradación planetaria, da loucura de morte e destrución que arrastran os conflitos armados, da dureza da emigración, do terrible da discriminación sexual e o maltrato e explotación infantís e, sobre todo, este libro deposita nas nenas e nenos do mundo a esperanza de que sexan eles os que consigan no futuro mellorar este caos global que crearon os seus maiores.

Máis alá das mensaxes benintencionadas e literariamente abondo coñecidas do volume anterior, Catro amigos pillabáns ofrécenos unha narración aventureira na que, a xeito de moderna fábula, catro –logo cinco– amigos inician unha fantástica viaxe na que irán descubrindo seres e salvando obstáculos.

Deste xeito, Mamporquiño (un suíno), Murrigato (un gato), Caracol Col (un cosco) e Murrato (un roedor) –cal novos Winnie Pooh e compañía– van coñecendo territorios e experiencias que os farán medrar na súa amizade e capacidade de superación.

(…)

Armando Requeixo

«Catro amigos pillabáns», de Ramón Caride, novidade en Sopa de Libros

14 Febreiro 2012

Infantil,Novidades,Sopa de Libros

Catro amigos pillabáns, de Ramón Caride, é unha das novidades infantís da colección Sopa de libros.

A Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato gustaríalles vivir aventuras como as dos personaxes das películas que ven no cine. E un día o seu desexo faise realidade. Grazas á aparición dun bastón máxico, iniciarán unha emocionante viaxe que os levará a cruzar o océano e chegar ata Australia, onde terán que atopar o xeito de regresar ás súas casas.

«A pomba dona Paz», de Ramón Caride»: unha mensaxe de esperanza. Anotación en Trafegando ronseis

30 Xaneiro 2012

Álbums,Blogs,Críticas,Infantil

O blog Trafegando ronseis publica unha anotación sobre A pomba dona Paz, de Ramón Caride, ilustrado por Pepe Carreiro. O libro será presentado hoxe luns 30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz, ás 12 horas na Escola Infantil A Pastora de Cambados.

 

A pomba dona Paz

Vén de saír do prelo este libro publicado por Xerais na súa colección “merliño” moi axeitado para o Día que todos os centros conmemoranos ano tras ano: o Día da Paz. Este é de Ramón Caride con ilustracións de Pepe Carreiro, a quen nos alegramos ver outra vez en activo. O libro é, ante todo, unha mensaxe de esperanza dirixida aos máis pequenos e pequenas, posto que só eles e elas serán quen de cambiar este presente desolador que vivimos sen protestar: diferenzas sociais, pobreza versus riqueza, guerras, nenos traballadores, mulleres maltratadas, falta de respecto polo medio-ambiente… Os cartos mandan, de aí que a pomba da esperanza se apoie na infancia.

Dona Paz é unha pombiña que vive a rentes do ceo.
Nunha casiña moi linda entre as torres dunha igrexa.
En conto o día amañece vai pasear moi cediño,
para ver que cousas pasan polas prazas e os camiños.

 

 

«A pomba dona Paz», de Ramón Caride e ilustrado por Pepe Carreiro, unha novidade da colección Merliño, que se presenta o Día Escolar pola Paz

25 Xaneiro 2012

Merlín,Novidades,Presentacións

A pomba dona Paz, de Ramón Caride e ilustrado por Pepe Carreiro, é unha das novidades do mes de xaneiro da colección Merliño. O libro será presentado o próximo 30 de xaneiro, Día Escolar pola Paz,  ás 12 horas na Escola Infantil A Pastora de Cambados. A información sobre o acto pode lerse no Diario de Arousa.

Dona Paz é unha pombiña que vive a rentes do ceo. Nunha casiña moi linda entre as torres dunha igrexa. En conto o día amañece vai pasear moi cediño, para ver que cousas pasan polas prazas e os camiños. O día 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar pola Paz en conmemoración da morte de Mahatma Gandhi, unha data que contribuíu nos centros educativos de xeito moi especial á difusión da Educación para a Paz. A pomba dona Paz é un relato concibido para que os lectores e lectoras máis novos participen tamén dos valores da construción pacífica da sociedade e da cidadanía democrática. Un libro que é un vieiro da esperanza cara a un mundo en paz e igualdade.

“Exogamia 0.3″ de Ramón Caride, presentación en Allariz

27 Decembro 2011

2011,Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Presentacións,Xuvenil

Organizada pola libraría Aira das Letras e por Edicións Xerais de Galicia, o xoves, 29 de decembro, ás 20:00 horas celebrarase en Allariz, nos locais da Fundación Vicente Risco (rúa de san Lorenzo 3), a presentación dos dous libros máis recentes do escritor  Ramón Caride: Exogamia 0.3 e El frío azul. No acto acompañarán ao autor Manolo Busto (ilustrador de Exogamia 0.3), Alberto Canal, Jorge Emilio Bóveda e Manuel Bragado.

Anotación sobre «Exogamia 0.3», de Ramón Caride, en Trafegando ronseis

2 Decembro 2011

Blogs,Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

Trafegando ronseis publica unha anotación sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride.

Exogamia 0.3

Unha das actividades que propuxemos dende o Equipo de Normalización e Dinamización do IES Chano Piñeiro para o Día da Ciencia en Galego foi que o alumnado de terceiro e cuarto de Diversificación lese este libro e logo tivese un encontro co autor. Este producirase bastante máis tarde do previsto, o 9 de decembro, pero unha alumna de 3º, Susana Lamas, quere recomendarnos a súa lectura.
Así que dámoslle as grazas e animámola a seguir participando connosco no fomento da lectura.
Exogamia 0.3 é de Ramón Caride e está publicado pola editorial Xerais.

Este libro pareceume moi interesante porque nel o autor reflicte en seis breves historias o punto ata o que podemos chegar nesta sociedade: racismo, egoísmo, enganos, onde o único e máis importante é o diñeiro, o que máis capital ten é o que manda sobre todo e sobre todos. Quizais semelle algo esaxerado, pero está presente no noso día a día.
O libro, por tanto, trata de abrirnos os ollos á realidade social que temos arredor e coa que convivimos cada día, moitas veces cos ollos pechados.
Recoméndovos que o leades.

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Exogamia 0.3», de Ramón Caride

11 Xullo 2011

Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

Ramón Nicolás publicou esta fin de semana nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, unha recensión crítica sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride.

Á afortunada visita á nosa historia que constituíu O frío azul, unha das últimas achegas de Ramón Caride Ogando ao ámbito da narrativa ata o de agora, súmase nesta ocasión unha prospección narrativa que se asoma ao campo científico como plataforma desde a que idear unha ficción, ou un conxunto de ficcións, emprazadas as máis delas na literatura de anticipación.

Non transita o autor, por vez primeira, estes camiños amentados como ben amosa a súa ampla bibliografía, mais talvez si o faga coa aguilloante intencionalidade crítica, que non unicamente pedagóxica, que se deixa ver. No libro atópase un sentido que vai máis alá das consecuencias que se poderían derivar do cruzamento, ou alteración xenética, entre suxeitos diferentes; nel matízase a acepción de “exogamia” e sitúase nunha coordinada que vai de fóra cara dentro, posibilitando unha lectura arredor dos elos e fíos establecidos entre as persoas, ás veces intanxibles pero existentes, ás máis das ocasións impostos e dirixidos desde instancias do poder.

Agás o primeiro dos relatos, titulado irónica e significativamente “Reciclado”, emprazado no noso tempo e detido no asunto da escravitude ou explotación laboral infantil e as consecuencias do neo-liberalismo a través dos soños contrastivos duns nenos que viven en espazos e atmosferas sociais distintas, os máis deles -esvarando por veces cara aos eidos do ensaio divulgativo ou mesmo da reportaxe de corte xornalístico- facilitan o acceso a universos que se poderían cualificar como futuristas, en que se intensifican ou redimensionan os perigos que hoxe podemos albiscar no uso perverso, ao servizo duns poucos, do que poden ser os avances ou adiantos científicos. Velaí como se deseña a crueldade da cacería de animais salvaxes nas ruínas de Chernóbil, como se aposta nun xogo cruel sobre as chegadas de inmigrantes en caiucos; eis a popularización desas pílulas que borran as lembranzas negativas, a recreación da manipulación dos xenomas ou a intereseira transformación biomolecular, co pano de fondo da enxeñaría xenética ou as catástrofes climáticas.

Ao meu ver Exogamia 0.3, entre outros méritos, encerra o de propor, desde un punto de vista crítico e tamén desacougante, os camiños da ciencia actual e a súa proxección cara ao futuro; contribúe á reflexión tanto sobre os seus límites como arredor da recorrente perda  dos valores do humanismo respecto dos que nunca debeu estar enfrontada; converte, en fin, a ciencia como ineludible obxecto de debate.

Ramón Nicolás

«Exogamia 0.3», de Ramón Caride, por Dolores Vilavedra

1 Xullo 2011

Críticas,Fóra de Xogo

O suplemento Luces de El País publica un artigo de Dolores Vilavedra en que, baixo o título de «O mundo dende outras perspectivas», realiza unha panorámica crítica sobre os últimos títulos publicados. Reproducimos o referido a Exogamia 0.3, de Ramón Caride.

Exogamia 0.3, de Ramón Caride: media ducia de relatos de ficción científica sobre temas de arestora, susceptibles de interesaren a públicos de idade diversa. Narracións depuradas que só teñen unha eiva: as 89 páxinas de que consta o libro saben a pouco!

Entrevista con Ramón Caride: «En “Exogamia 0.3″ está a clonación, a enxeñería xenética, a rede…»

24 Xuño 2011

Entrevistas,Fóra de Xogo

O suplemento Luces de El País inclúe hoxe unha entrevista de Óscar Iglesias con Ramón Caride pola publicación do seu libro Exogamia 0.3. Reproducímola integramente:

«A literatura galega aínda ten déficit de se introducir no mundo de hoxe»

Máis de trinta libros despois, Ramón Caride (Cea, 1957), biólogo e profesor en Cambados, mantén a ficción fantástica como marca da casa. Dos primeiros autores, canda Fernández Paz, en achegarse ao público xuvenil, recunca no relato (social, de tema científico) en Exogamia 0.3, publicado na colección Fóra de xogo de Xerais.

O autor da triloxía De sombras e de lume -composta por Soños eléctricos, Sarou e O sangue dos camiños (Premio Risco 2003), publicada en México e Portugal como Tempos de fuga e agardando reedición en Galicia- prepara tamén outra novela para adultos ambientada no verán dos incendios de 2006.

Pregunta. Debutou con poesía e relato, foi dos primeiros en probar co infanto-xuvenil e non abandona a ficción para adultos. Cómpre estar dacabalo de todo?

Resposta. A vida diaria xa ten repetición dabondo, trato de fuxir diso na literatura. Si é certo que primeiro publiquei poesía, pero xa daquela publicaba contos. Tardei máis en entrar na novela [Soños eléctricos, Premio Blanco Amor en 1992], e xa no 95 publiquei o primeiro da saga de Said e Sheila, Perigo vexetal.

P. Pódese dicir que deixou de lado a ficción realista do comezo?

R. Non, de feito teño unha novela de ficción realista que empecei en 2006 e agardo rematar este ano. Ambientada ao comezo do bipartito, naquel verán dos incendios… Un momento interesante. A literatura infanto-xuvenil publícase sen a demora típica, pero eu sigo traballando nas dúas.

P. Por que se foi arrimando ao público novo?

R. Perigo vexetal presenteino ao Merlín coa idea de que se publicase, pero ao obter o premio tan rápido… Ves que aí tes unha vía. Non se sabe por que, pero conectas… Aquilo foi máis ben pola insistencia da miña filla maior, Lucía. Non pensaba daquela que ía ter esa saída, pero logo vas a unha escola e quédanche ganas de volver.

P. Logo está o criterio editorial que prescribe Exogamia 0.3 como libro xuvenil e Made in Galiza, por exemplo, para adultos.

R. Son cousas dos editores. Eu podo saber o que é ou non para adultos, pero nunca saberei se é para oito anos ou para 12, e de feito iso muda segundo os países.

P. Cal é a medida pedagóxica na escrita escolar?

R. Sei que Exogamia 0.3 non pode ir a Primaria porque se falas de biotecnoloxía ou reciclaxe, pode que ese lector non se entere de nada. Pero si penso que podería publicarse nunha colección para adultos. Por outra parte, a historia importa máis cós valores, non hai que hiperpedagoxizala.

P. Ponse os límites un mesmo, alén das marcas editoriais?

R. O único que teño feito é quitar algún taco, por exemplo n?O frío azul, que saíu en galego como narrativa para adultos e en Anaya, en castelán, nunha colección xuvenil. Na edición galega escribía quirica, e houbo que quitalo, fixémoselle aí unha perífrase… Pero sigo sin saber por que unha editorial considera unha obra para adultos e outra como xuvenil. Eu non o penso á hora de escribir.

P. Séntese parte dunha xeración?

R. Hai unhas constantes nos narradores coetáneos, como tamén en Lois Pereiro: o rock, escribir tipo colaxe incluíndo voces noutros idiomas, o relato curto, a influenza do cine… Eu leo a Suso de Toro ou Bieito Iglesias e vexo moitos puntos en común, é normal. En moitos casos fomos os primeiros universitarios da familia, vimos dunha cultura agraria, atopamos as mesmas cousas á mesma idade, estabamos na Universidade cando morreu Franco…

P. Para escribir en liberdade hai que vivir doutra cousa, como di Ramiro Pinilla?

R. O oficio de escritor ten que ser libre. Hai quen se poderá atopar libre gañando a vida doutro xeito e escribindo no lecer. Pero se gañas a vida doutro xeito tes menos tempo para escribir…

P. “Sae máis rendible escribir para a escola” tamén é algo que se lle pode escoitar a algún escritor que pasou ao infanto-xuvenil.

R. A literatura infanto-xuvenil é escolar, pero iso non é bo nin malo de seu. A través dunha gran campaña podes facer moito diñeiro co Código Da Vinci, pero que alguén se acorde del en cinco anos… Ao final, queda o ben feito.

P. Falta fantasía política na literatura galega?

R. Fantasía é toda, pero unha. Non toda a fantasía é a materia de Bretaña, hai videoconsolas.

P. Cando empezou aínda se falaba diso.

R. A diversidade é riqueza. N?O frío azul, ambientada en 1525, hai lendas de época sen ruptura temporal. Creo que segue habendo certo déficit á hora de introducir a literatura galega no mundo de hoxe. Inténtoo facer en Exogamia 0.3, coller elementos que xa están aí: a clonación, a enxeñería xenética, a Rede… Non como valor de seu, pero forman parte do cotián e, como tal, teñen que estar presentes.

P. Nos 90 fixo realismo sucio. Mudou fontes ou estaba todo aí?

R. Leo todo tipo de cousas, e iso abrolla na escrita. Realismo sucio é contar a realidade poñendo o foco nunha parte, e o fantástico non deixa de ser literatura realista. Unhas memorias xa son literatura fantástica cando as escribes. J. G. Ballard escribiu Noites de cocaína, e podería asinala Graham Greene como realismo sucio. Pero tamén ten historias máis puramente especulativas, iso é o bonito. Como el dicía, vivimos nunha sociedade ficcional, a realidade que vivimos é unha ficción. Condiciónanos xente que nunca veremos, desde Rajoy a Belén Esteban, pero non somos quen de reelaborar iso. Dicía Ballard que o labor da ficción é crear a realidade. Dalgunha maneira, con todo no mesmo plano, eu intento experimentar con iso.

P. Inflúe a falta de hábito á hora de situar todo nun mesmo plano, tradición incluída?

R. É que cando empezabas a escribir en galego coñecías a Curros polos Tamara, moito máis non. Eu tiña vintepico anos cando lin o cancioneiro galego-portugués. Se escribín en galego é porque o falaba, non por tradición. É bonito ter unha tradición literaria, mais non para pensar ‘se Cunqueiro fixo literatura fantástica, voume colocar ao seu carón, e o seguinte son eu’. Sobre isto escribiu cousas moi divertidas Bolaño n?Os detectives salvaxes

P. Se tivese que sincronizar a súa obra coa literatura galega, onde a poría?

R. A miña tradición é Ferrín. En Elipsis e outras sombras, o primeiro relato, Prólogo á impunidade, sobre a represión franquista, é realista a tope. E despois escribe sobre o mundo de Huxley e máis a materia de Bretaña… Non é que se adiantase, senón que naquel momento xa tiña aquela visión. Como el di, o escritor é coma un pirata. E as literaturas que aspiren a estar no mundo teñen que botar man do propio e do alleo, porque nada lles é alleo.

P. Cría que nesta altura ía ter que estar asinando manifestos en prol do galego?

R. A verdade é que non, pero o galego, a fin de contas, será o que nós queiramos. Está ben asinar manifestos, pero falando galego non agredes a ninguén. E quen se sinta agredido por iso ten un problema psicolóxico que ti non vas solucionar. Eu teño libertade de cátedra e ninguén me vai imponer o idioma das miñas aulas.

Óscar Iglesias

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Exogamia 3.0», de Ramón Caride

20 Xuño 2011

Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Reproducimos os principais parágrafos:

Baixo o título de Exogamia 0.3 reúnense seis textos breves que oscilan entre a narración e a reportaxe xornalística de ciencia ficción. O autor tivo o acerto de situar estes relatos non nun futuro afastado de nós, senón case á volta da esquina, na segunda metade do século XXI, entre unhas datas que, a partir das informacións que nos fornece o texto, podemos situar entre a actualidade e 2080, é dicir, que é o futuro que está aí xa e que tanto depende da enxeñaría xenética, da globalización ou do cambio climático.

O primeiro texto, “Reciclado”, pon en contrapunto a vida de cinco rapaces na actualidade, catro deles no mundo subdesenvolvido e un deles no desenvolvido, concretamente en Galicia. Os catro teñen a teima de posuír unha videoconsola. Ao lado da narración, temos unha especie de reportaxe sobre como viven os adolescentes do mundo desenvolvido do Norte e en como o fan os rapaces do Terceiro Mundo. Mentres o rapaz de Lanzós (en Galicia, no mundo desenvolvido, no Norte opulento) vive como un lacazán ao que lle cumpren todos os caprichos, mesmo o regalo da videoconsola máis moderna, aínda que sexa aos dezaseis anos incapaz de aprobar todo 4º de ESO, os rapaces do Terceiro Mundo, do Sur, teñen que traballar en condicións insalubres, especialmente Tarim, o que busca cobre nun vertedoiro de Gana.

Acerto deste texto de apertura é o contraste entre o mundo rico do Norte e o pobre do Sur, centrado na vida da infancia e da adolescencia,  así como o descubrimento das mentiras que se agochan detrás da reciclaxe e tamén a globalización dos entretementos dos nosos rapaces. Pobres e ricos aspiran á videoconsola. Difícil o teñen as culturas tradicionais.

O segundo texto transcorre cara ao 2026 e amosa un financeiro millonario que practica a carta furtiva no contorno de Chernóbil, pois as radiacións produciron unha fauna superdesenvolvida moi do gusto dos cazadores ricos. O desenlace resulta moi soprendente e axeitado.

“Mnemotécnica”, o terceiro texto, transita polos eidos dos fármacos que nos fan esquecer e ser felices. Apréciase a pegada do célebre soma de Huxley.

O cuarto relato-reportaxe do libro entra no tema da enxeñaría xenética e da biotecnoloxía presentando a creación de mascotas de deseño, que reproducen a cara do dono. Arrepían eses cans que teñen a cara do amo.

No penúltimo texto a ciencia ficción únese claramente coa denuncia social a partir das historias dos inmigrantes que procedentes de África chegan cara ao 2058 a unha Costa do Sol que está asolagada en gran parte pola suba do nivel do mar causada polo cambio climático.

O derradeiro texto presenta os cambios que na especie humana produciron o cambio climático e mais a contaminación e como os vai solucionando, nos que teñen cartos para o pagar, a enxeñaría xenética. É un bo exemplo do que ao principio chamabamos mestura de relato de ciencia ficción e reportaxe de ciencia ficción.

Xa que logo, estamos ante un conxunto de textos que resultan atractivos non só para o público xuvenil, ao que se dirixe a colección en que se publica o libro, senón tamén para calquera persoa preocupada polo que será do noso mundo xa non dentro de varios séculos, senón no futuro próximo, na segunda metade do século XXI. A contaminación, o cambio climático, a globalización económica e cultural e a enxeñaría xenética están a crear un mundo novo, que pode ser moi duro, especialmente para as clases menos favorecidas ou para os países do chamado Sur subdesenvolvido.

Cómpre salientar neste texto o emprego que se fai da linguaxe técnico-científica, especialmente da terminoloxía. Aparecen termos como organoxénese, xene, clon, clonar, ovocito, chips… e non sei cantos máis ata hai pouco non aparecían nos dicionarios e repertorios léxicos galegos máis extensos. Hoxe xa teñen carta de natureza nos dicionarios dos nosos escolares, así como na lingua coloquial culta. E isto débese indubidablemente a que foron popularizados polo Ensino. Sabido é que a mellor fonte de difusión dos tecnicismos son os libros e as materias de ESO e Bacharelato. De aí a importancia que ten que o galego teña unha presenza efectiva no Ensino de todas as materias, especialmente das científicas. Cómpre non perder isto que se conseguir nestes últimos vinte anos e do que é bo exemplo o léxico e en xeral a lingua deste libro. Xa que logo, queremos máis galego.

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

Crítica de Armando Requeixo sobre «Exogamia 0.3», de Ramón Caride

9 Xuño 2011

Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica unha recensión crítica de Armando Requeixo sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Reproducímola integramente:

Presente suicida

Ballard entre nós

Ramón Caride Ogando volve ao relato curto no recente Exogamia 0.3, volume breve no que reúne media ducia de historias que moi ben poderiamos encadrar nese particular subxénero da ficción científica, singular modalidade do arquixénero da ciencia ficción. Malia a súa esperable diversidade argumental, todos os contos do libro coinciden na denuncia implícita dos desastrosos abusos e perversións aos que conduce a negación do ecolóxico e o desenvolvemento sostible, amais de amosar os perigos da perpetuación do clasismo social feroz e da cada vez máis acusada bipolarización entre mundo rico e mundo pobre. Por descontado, as modulacións que tales distopías presentan en cada relato son ben distintas e,se en“Reciclado” a crítica se centra no neoescravismo da explotación polo Primeiro Mundo dos nenos do Terceiro Mundo como man de obra barata na extracción de materias primas e a elaboración de produtos manufacturados, en“Natural”o cuestionado é a obsesión cinexética que fai desaparecer especies; se en“Mnemotécnica” se pon de relevo a manipulación agochada tras a evasión farmacolóxica, en“Heteroxénico” é o aberrante da manipulación xenética sen límites o recreado; se, en fin, en“Observador” o que se reduce a espectáculo é o duro drama da inmigración do Estreito, en “Aleatorio” é a trata de corpos a que nos lembra o aberrante dalgunhas condutas. No ronsel do mellor J.G. Ballard, Exogamia 0.3 de Ramón Caride Ogando convida á reflexión sobre o presente suicida, agora que aínda estamos a tempo de evitar o témero futuro polo que, parece, nos empeñamos en chamar.

Armando Requeixo

Crítica sobre «Exogamia 0.3», de Ramón Caride, no Atlántico Diario

26 Abril 2011

Críticas,Fóra de Xogo

O Atlántico Diario publicaba a pasada semana unha pequena valoración crítica sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Reproducímola integramente:

En Edicións Xerais de Galicia, 89 páxinas. Ramón Caride Ogando é xa unha das figuras sobranceiras da literatura galega, cunha longa e sólida obra tanto en narrativa, ensaio ou poesía; se cadra -inaugura- con Exogamia O3 un novo xeito do que el chama “relato aberto’, é dicir, que esta novidosa obra de Caride Ogando, constituida por media ducia de singraduras, e “non estritamente literarias”, afonda de maneira suxerente nas deseurbertas e debates científicos do mundo actual, dende a internet, á SIDA, o ADN ao evidente cambio climático; a astrofisíca e as novas/vellas patoloxicas inherentes ao horno sapiens desque somos tal. Todo o que nestes sinxelos e amenos relatorios expón o noso amigo, sen excepción, son suseeptíbeis de ser debatidos un por un, xa que todas as propostas que aquí se inclúen naeeron con esa pretensión, que nós como lectores apludimos e celebramos. É este un libro que non debe pasar desapercibo entre os moitos que podemos consultar nos andeis das librarías galegas. Os nosos parabéns.

Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Exogamia 0.3», de Ramón Caride

25 Abril 2011

Blogs,Críticas,Fóra de Xogo

Francisco Martínez Bouzas publica no seu blog Novenoites unha recensión sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Reproducímola integramente:

Exogamia 0.3, retratos do presente

Recolle Ramón Caride neste pequeno volume, que acaba de saír dos prelos de Edicións Xerais, seis relatos breves nos que o autor, un dos narradores galegos que máis achegas ten feito no eido de ficción científica, debuxa, dun xeito enxeñosamente crítico, o momento presente. E faino mediante a anticipación dun porvir que será a irrevogable consecuencia  da consumación das actuais tendencias que imperan no noso mundo. Son, pois, relatos nos que a ciencia ficción, a anticipación do futuro nos mergullan nos grandes inquéritos e inquedanzas que a tecnociencia e os imperativos comerciais proxectan sobre o presente da especie humana. Xa hai tres décadas que G. Rophol conectaba a pregunta kantiana que debo facer? a aquilo “do que son quen de facer”. No noso tempo o ámbito do quefacer humano  atópase de tal maneira agrandado que mesmo a morte esencial da nosa especie é un perigo específico dos nosos días.

Nalgúns dos relatos de Ramón Caride podemos verificar as consecuencias desas tendencias do presente, cando a tecnociencia está gobernada polos imperativos comerciais  e o home tecnolóxico, como no seu día dixera Teller, un dos pais da bomba nuclear norteamericana, debe producir todo o que lle sexa posible e debe aplicar os coñecementos acadados sen ningún límite. Esta ausencia de lindes escraviza os mesmos desexos dos cativos do primeiro relato. Para que o rapaz galego posúa o último modelo da vídeo – consola, outros rapaces no Sur son vítimas  dun traballo de escravos, aínda que tamén eles soñan coas vídeo – consolas, porque soñar é de balde.

Porén, este futuro preñado de aglaios e anticipado ao presente, amósase con maior claridade nos outros relatos. Desde esa utilización dos desastres nucleares da rexión de Chernóbil, convertida agora nunha fabulosa rexión de caza, para satisfacer a cobiza dos dirixentes das transnacionais e políticos destacados  por matar as pezas senlleiras, ata esa aleatoriedade da lotaría de Nad.Al  do último relato, cuxo premio consiste nunha biotransformación. A trama deste relato amosa dun xeito nidio ese futuro que estamos inzando desde o presente: o incremento da temperatura do planeta, a mediados do presente século, acaba cos casquetes polares. A elevación do mar arrasa coas instalacións industriais, militares e atómicas, liberando contaminantes letais. Daquela,  a tecnociencia tivo que acelerar a evolución da especie humana coas armas da biotecnoloxía. O resultado é a biotransformación dos seres humanos. O único problema é o seu elevado custo económico. Endalí que só acontecementos como as lotarías agraciaban  a alguén do inframundo coa oportunidade de ingresar na caste dos privilexiados. Mais o proceso implicaba tamén unha psicotransformación. Deste xeito, e aínda que a ciencia  non acadara a inmortalidade, permitía que os poderosos mudasen o envoltorio corporal como quen fai un transplante (páxina 89).

Saliento finalmente outro relato, “Observador”, porque, desde a ficción, Ramón Caride anticipa as solucións coas que, nestas datas, matina algún dirixente político da vella Europa. O relato amosa un mundo de novo pechado, restrinxido, con visados para circular por Europa tras a anulación dos acordos Shengen de libre circulación na U.E. Seguramente que cando o lector lea este relatorio de esquilmacións do Sur, da renacida presión da inmigración clandestina, agora en pateras con motores solares, e a anulación en 2045 do convenio Shengen coa reaparición das fronteiras interiores, decatarase de que Ramón Caride non fai unha prospección no futuro. Retrata o presente.

Francisco Martínez Bouzas

«Andanzas de Xan Farrapeiro», de Ramón Caride, Premio Frei Martín Sarmiento

13 Abril 2011

Premios,Sopa de Libros

O libro Andanzas de Xan Farrapeiro, de Ramón Caride, foi proclamado a semana pasada gañador do Premio Frei Martín Sarmiento na segunda categoría (3º e 4º de Educación Primaria). O certame celebra este ano a súa sétima edición e ten a particularidade de que son os propios alumnos e alumnas quen escolles, a través do seu voto, as obras gañadoras.

Andazas de Xan Farrapeiro conta a historia dun home moi pobre que vivía nunha aldea da montaña e era tan pobre que non tiña nada, nin eidos, nin casa, nin sequera roupa, vestíase con farrapos, por iso lle chamaban Xan Farrapeiro. Pero a historia de Xan non é unha historia triste, trabucariamonos se pensasemos iso; Xan era pobre pero alegre, animoso e valente e ben espelido, por iso as cousas cambiaron para el un día que estaba a procurar guizos e apañar piñas no monte e atopou a dona dos penedos, unha moza fermosa de pel alba como o leite, que levaba un vestido ricamente bordado. Andanzas de Xan Farrapeiro é a reinvención que Ramón Caride realiza dun conto marabilloso ben coñecido, aquela historia dun Xanciño pobre que se facía pobre por arte de maxia e logo o esquecera todo. As ilustracións de Marisa Irimia axudan a brotar as cores dunha historia de noites escuras, altos penedos e paisaxes de verde intensidade.


«Exogamia 0.3», de Ramón Caride, novidade do mes de abril

4 Abril 2011

Fóra de Xogo,Novidades

O libro Exogamia 0.3, de Ramón Caride, na colección Fóra de Xogo, é unha das novidades do mes de abril.

John Brockman sostén que a ciencia é a única noticia, o único verdadeiramente novidoso que hai hoxe sobre a Terra. Na ciencia sempre hai algo novo: a internet, as células-nai, as vacinas contra a SIDA, as probas de ADN, os avances contra o alzhéimer, a loita contra o cambio climático. Ningunha empresa ten o monopolio dos números. Ningunha nación ten a soberanía sobre a adenina e a guanina. Ningún imperio goberna as ondas cuánticas, a astrofísica ou o cálculo diferencial. Hoxe debe haber sitio para todos na celebración do coñecemento, unha verdade que non se pode vender nin mercar nin impoñer pola forza, nin conter nin evitar. A ciencia é imparable. Exogamia 0.3 reúne media ducia de relatos, non estritamente literarios, suxestivos e non pechados, que permiten abrir un debate necesario sobre algúns dos temas candentes do noso tempo, cuestións nas que a ciencia é protagonista, problemas decisivos para a humanidade aos que ninguén pode quedar alleo.

Longa entrevista con Ramón Caride: «escribir para rapaces é un privilexio»

15 Novembro 2010

Autores,Entrevistas

Manuel Vidal Villaverde publica no Galicia Hoxe unha longa entrevista co escritor Ramón Caride. Reproducimos algúns fragamentos da longa entrevista, que pode ser lida completa aquí.

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957) é autor dunha extensa obra literaria, con máis de corenta libros individuais e múltiples colaboracións. A súa narrativa, recoñecida pola crítica e os lectores, conta con novelas tan destacadas como a triloxía De sombras e de lume, integrada por Soños eléctricos (Premio Blanco Amor, 1992), Sarou (Premio Café Dublín, 1997) e O Sangue dos camiños (Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003); ou a histórica O frío azul (Premio Lueiro Rei, 2007). Como autor de relatos publicou, entre outros, os volumes: Dedre (2004), Boca da noite (2004), Escáner (2002), A incerteza dos paraísos (2000) ou Lumefrío (1994) .

Na súa produción infantil e xuvenil, aparecen títulos como Xan Farrapeiro (2009), Bertiño Rompetodo (2008), O bastón dos desexos (2008), O tareco de Sara e Do A ao Z con Ramón Cabanillas (2010), O cabo da serpe (2004) ou a peza teatral Historia dunha sobreira (2001); destacando a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado, iniciada con Perigo vexetal (Premio Merlín, 1995), e culminada con A negrura do mar (Premio Frei Martín Sarmiento 2006).

Varias destas obras foron traducidas e publicadas en castelán, portugués, francés, éuscaro e outros idiomas. Perigo vexetal totaliza ata agora vinte edicións en tres idiomas. Unha escolla da súa actividade xornalística, recóllese na escolma O gume dos espellos (2010), de recente publicación.

A andaina literaria de Ramón Caride principiou como poeta, sendo o seu primeiro libro publicado Paisaxe de verde chuvia (1986); este e outros poemarios publicados na década dos oitenta son considerados polo autor obras de aprendizaxe, non retomando a poesía ata mediados dos noventa. Os seus últimos poemarios son Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés 1998) e o volume recompilatorio As máscaras de Cronos (Poemas 1994-2005). Criptografías (2009), o seu último poemario publicado mostra a pegada das viaxes e a viaxe mesma. Unha viaxe poliédrica, entre a partida e o retorno, entre as paisaxes internas e as alleas.

—Ramón Caride e a poesía… Ultimamente, Ramón, parece que a tes abandonada, ou cecais fuches abandonado por ela; pero talvez exerces o teu labor poético nun silencio moderato, tal que un exercicio reflexivo, espiritual, pero espero que non haberá tardanza en ler as túas novas poéticas. Fálame do anterior e do novo, que creo que axiña leremos. Non, Ramón?

—Eu comecei como poeta xa hai moito tempo, falamos do 1986, cun libro autoeditado, a este seguiron outros dous de difícil publicación e edición escasa, que eu, á volta dos anos, considero obras máis ca nada de aprendizaxe, non estou moi certo delas. Por iso estes tres primeiros poemarios non as incluín en ‘As máscaras de Cronos –Poemas 1994-2005-’, que se publicou hai catro anos. Este é un volume de máis de dúas centas cincuenta páxinas de poesía, o cal para min xa é case excesivo, pois eu son máis de obras intensas que de libros extensos; así que quedei moi satisfeito desa obra poética, e sen intención de facer máis poesía. Pero como un non é dono da poesía, como ti ben dixeches, a poesía non ten dono, pois tres anos máis tarde publiquei ‘Criptografías’ en Libros da Frouma, que se presentou neste ano aquí en Compostela, e axiña tirarei do prelo ‘A Chuvia Humana’ en Toxosoutos, un novo poemario. A verdade é que me dá un chisco de vertixe publicar dous poemarios tan consecutivos, e non acabo de entendelo eu mesmo, pero non quero parar a pensalo moito. Como digo neste último libro, que é en grande parte de micropoemas:”A poesía non se explica / revélase / ou non é tal”. Seguramente, a esencia da poesía é o misterio. E ríome dos canonizadores, catalogadores e clasificadores: ” O taxonomista / nunca pode ollar / o voo da
bolboreta”.

—Poderías definir in extemsum, a túa viaxe narrativa?

—Uff! Isto vaiche ser como contar a miña vida en trescentos caracteres. Fixen ciencia-ficción en 1992 e en galego, gañei un Blanco-Amor, e seguramente gañar ese premio cunha primeira novela fíxome moi feliz por uns anos. Pero daquela as barreiras entre o que chamaban “subxénero” e A Outra Literatura, a presuntamente seria, aínda eran máis definidas do que son hoxe. Así que foi un arma de dobre gume, rachei polo novidoso e paguei polo mesmo. O tempo deume a razón, malia todo, hoxe achéganse a min moitos mozos e mozas, que me din que ler cousas coma esa novela miña en galego abriulles os ollos a novos camiños. Así que non me queixo, non se pode perder o tempo chorando cando hai tanto por facer. Logo, seguindo esta liña, mais para os lectores mozos, fixen a serie de aventuras de Sheila e Said (‘Perigo Vexetal’, ‘Ameaza na Antártica’, ‘O futuro roubado’, ‘A negrura do mar’) que foi o que me deu máis recoñecemento e máis alegrías, máis quilómetros percorridos e máis miles de lectores, e moitísimos actos en colexios e institutos, do país e de fóra.

Creo que tiven moita sorte, e moito traballo tamén, cousa que moitos compañeiros escritores aínda non tiveron; pero eu tiven a fortuna inmensa de experimentar o éxito con varios libros, e ademais con lectores novos, lectores sen prexuízos, lectores que non se preocupan do teu lugar no sistema literario, nin das listas de vendas, nin se paran a analizar o estilo… lectores gozosos, lectores lúdicos, lectores agradecidos. Escribir para rapaces é un privilexio.

Manuel Vidal Villaverde

XXV Premios Merlín

13 Xuño 2010

Autores,Merlín,Premios_Xerais

Foto conmemorativa da XXVª edición do Premio Merlín. Illa de san Simón, 12 de xuño de 2010. Algúns dos autores e autoras que obtiveron o Premio Merlín. Atrás, de esquerda a dereita: Jacobo Fernández Serrano (Mil cousas poden pasar, 2009), Helena Pérez (secretaria do xurado), Gloria Sánchez (Fafarraios, 1990), An Alfaia (¡Sireno, Sireno!, 1997), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico, 1994), Antonio García Teijeiro (Na fogueira dos versos, 1996), Mar Guerra (Xenaro e o misterio da mochila verde, 2008), Fina Casalderrey (Dúas báboas por Máquina, 1991), Ramón Caride (Perigo vexetal, 1995). Sentados, de esquerda a dereita: Carlos López (Minimaladas, 2007), Palmira González Boullosa (A princesa Lúa e o enigma de Kián, 1987), Agustín Fernández Paz (As flores radioactivas, 1989) e Teresa González Costa (A filla do ladrón de bicicletas, 2010).

Foto de Pilar Ponte.

Xerais, novidades do mes de xuño

5 Xuño 2009

Crónica,Fóra de Xogo,Infantil,Narrativa,Noticias,Poesía,Sopa de Libros,Teatro,Universitaria,Xuvenil

Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.

XG00164001Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez.  Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.

Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.

XG00157101Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil,  ilustrada por Rodrigo Chao.

Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.

Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.

XG00163901Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.

"Andanzas de Xan Farrapeiro", novo libro de Ramón Caride

1 Xuño 2009

Infantil,Noticias,Sopa de Libros

A vindeira semana poñerase á venda Andanzas de Xan Farrapeiro, o novo libro infantil de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia. Unha fermosa reinvención do conto marabilloso do Xanciño.

XG00155701Hai moitos, moitos anos, vivía nunha aldea da montaña un home moi pobre, moi pobre, tan pobre que non tiña nada, nin eidos, nin casa, nin sequera roupa, vestíase con farrapos, por iso lle chamaban Xan Farrapeiro. Pero a historia de Xan non é unha historia triste, trabucariamonos se pensasemos iso; Xan era pobre pero alegre, animoso e valente e ben espelido, por iso as cousas cambiaron para el un día que estaba a procurar guizos e apañar piñas no monte e atopou a dona dos penedos, unha moza fermosa de pel alba como o leite, que levaba un vestido ricamente bordado.

Andanzas de Xan Farrapeiro é a reinvención que Ramón Caride realiza dun conto marabilloso ben coñecido, aquela historia dun Xanciño pobre que se facía pobre por arte de maxia e logo o esquecera todo. As ilustracións de Marisa Irimia axudan a brotar as cores dunha historia de noites escuras, altos penedos e paisaxes de verde intensidade.

«Bertiño Rompetodo», primeira crítica

18 Setembro 2008

Críticas,Infantil,Merlín,Poesía,Xerais_nos_medios

Paula Fernández publica no Faro da Cultura a primeira crítica de Bertiño Rompetodo, o álbum escrito por Ramón Caride e ilustrado por Chus Ferrín, publicado na colección «Merliño».