Presentación en Compostela de “Extramunde” de Xavier Queipo. Premio Xerais de Novela, 2011

17 Outubro 2011

Narrativa,Premios_Xerais,Presentacións

O próximo mércores, 19 de outubro, ás 20:15 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea, terá lugar o espectáculo artístico ”L’ombelico del mondo”. Este acto  preparouse con motivo da presentación de Extramunde de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela, 2011.

Intervirán Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Riolagares (MisterChoco e Xavier Queipo).

Aquí  se pode ler a carta do autor convidando a asistir ao espectáculo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011, o resumo

4 Xullo 2011

Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Bragado, intervención nos Premios Xerais 2011

22 Xuño 2011

2011,Discursos,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán, intervención nos Premios Xerais 2011

21 Xuño 2011

2011,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Poesía,Premios_Xerais,Vídeos

Eis un amplo resumo da intervención de María Xosé Queizán no acto de entrega dos Premios Xerais 2011. Moi emocionante foi o seu remate cando a escritora viguesa cantou a capela a cantifga de Mendinho (a partir do minuto 11).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011, a fotogalería de Paula Gómez del Valle

18 Xuño 2011

Facebook,Fotogalerías,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Magnífica fotogalería de Paula Gomez del Valle (só para usuarios de Fb).

Aquí a  versión en vímeo con música do Leo.

Untitled from Paula Gómez del Valle on Vimeo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Anxo Fariña, entrevista en «Faro de Vigo»: «A lectura é para divertirse»

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Descargas,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Agatha de Santos entrevista na última páxina da edición impresa de Faro de Vigo de hoxe a Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011. Un entrevista moi recomendable.

Aquí pode baixarse en pdf un fragmento do texto da obra gañadora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Leo i Arremecághona nos Premios Xerais 2011

17 Xuño 2011

2011,Música,Premios_Xerais,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Adianto dun capítulo do orixinal do Premio Merlín 2011, «A chave da Atlántida», de Anxo Fariña, para descargar en pdf

Adiantos_para_ler,Autores,Descargas,Merlín,Premios,Premios_Xerais

Hoxe poñemos a disposición dos lectores e lectoras un adianto dun capítulo do orixinal, aínda sen maquetar, do Premio Merlín 2011, A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, que pode descargarse en pdf.

Descargar aquí o capítulo 3 de A chave da Atántida

A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Xavier Queipo, Premio Xerais 2011: «A pobreza e a violencia sempre son parecidas. Agora na posmodernidade a apocalipse é a ausencia de emprego»

Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

O suplemento Luces de El País publica unha entrevista de Teresa Cuíñas con Xavier Queipo, sobre Extramunde, a novela gañadora do Premio Xerais 2011.

«Hai un ataque e cómpre reconstruírmos isto pedra a pedra»

Cando Extramunde saia do prelo, en outono, os lectores e a crítica poderán comprobar os méritos da novela gañadora do 28º Premio Xerais. O pai da criatura, o escritor e tradutor compostelán Xavier Queipo, da vizosa colleita intelectual de 1957, é quen de cáseque reproducir o extenso relato, con exactitude abraiante, sentado á mesa dun restaurante tailandés de Matongé, o barrio africano de Bruxelas, a cidade na que reside desde hai máis de 20 anos e que lle proporciona “a distancia suficiente para ser independente e a desvantaxe de non participar no ambiente cultural galego, nos contactos e no ensino”. Dúas décadas publicando nas que Queipo, quen se sinte “pouco coñecido en Galicia”, conformou unha carreira literaria prolífica e diversa que se abriu coa saída de Ártico e outros mares (1991, Premio da Crítica Española), que Galaxia reedita agora nunha versión ampliada, Ártico 2.0. Con Extramunde marca na súa traxetoria outro fito que, de novo, conta con escenarios marítimos nun convulso século XVI.

Pregunta. Un mundo no que reina a maldade, a fame e un clima desfavorábel para a vida mais “unha serie de sucesos ensarillados como as doas dun colar de desgrazas” comparecen no inicio de Extramunde. Un cadro apocalíptico…

Resposta. No século XVI houbo unha microglaciación que provocou esa paisaxe gótica, de película de medo, que se describe. Hai que pensar que estamos na fin do feudalismo e que o punto de partida é unha sociedade pechada, de casamentos consanguíneos, miseria extrema, enfermidades e un poder omnipotente por parte da Igrexa que se mestura con crenzas ancestrais. Existe outro esoterismo en Galicia alén da brétema morriñenta, as pedras de abalar e a Santa Compaña que fai palidecer ao realismo máxico. É menos mediático, pero é máis real. Agradecínlle ao xurado que a escolla fose por maioría e non por unanimidade. Que houbera debate até o final é síntoma de boa saúde na literatura galega.

P. No seu discurso de recepción tamén lle mandou un recado ao conselleiro de Cultura, presente no acto.

R. Dirixínme a Roberto Varela para dicirlle o que penso: “Somos galegos, moitos momentos da nosa vida son en galego, facemos o amor en galego, queremos que os nosos fillos vaian á escola en galego. Dígalle ao Goberno da nosa parte que queremos galego”. Despois agradecínlle que estivera alí nese día. A xente, que até entón estivera un pouco tensa, merecía esa alegría e penso que todos saímos gañando.

P. Un grupo de condenados pola Inquisición inicia unha travesía en barco cara a unhas selvas ignotas onde ían ser abandonados á súa sorte, o que enlaza coa figura da ordalía, ou xuízo de Deus, que se aplicou desde a Grecia clásica para probar a inocencia ou a culpabilidade dos acusados mediante probas de forza que os enfrontaban coas potencias superiores. Por que recorre a unha ambientación histórica para este libro de aventuras? Trátase dunha fábula sobre os tempos actuais?

R. A pobreza e a violencia sempre son parecidas. Agora na posmodernidade a apocalipse é a ausencia de emprego. Puidera ser que hogano houbese menos miseria, pero que significa que a cocaína sexa máis popular nas aldeas có café? Ou que haxa máis anuncios de prostitución feminina e masculina ca ofertas de emprego? É miseria mental. Metáforas tan primitivas como esta permiten extraer a esencia dunha idea. O que me interesa é que a xente poida ler con varios niveis de atención. Nesa nave de tolos están á mercé da providencia… Dicían que non os mataban, simplemente deixábanos alí, que era o mesmo! Hai personaxes secundarias moi potentes, como un hermafrodita, descricións moi plásticas de treboadas, episodios de violencia contra as persoas, unha conspiración da curia de Compostela, unha rebelión a bordo, desembarcos en portos africanos, encontros con criaturas e paisaxes descoñecidas e motivos clásicos… O relato está engarzado de varios xeitos: un narrador principal, outro que se chama o cego de Zas e que ten o seu referente no cego de Gondar de Valle Inclán, o escribán que vai tomando nota de todo o que pasa e, ademais, acontece que a personaxe central nunca é a mesma.

P. Adivíñase un esforzo importante de documentación detrás da novela.

R. Moitas delas son lecturas que teño feito desde pequeno, dos libros de aventuras que me gustaban! En particular, é froito de soños que tiven e de dous anos mergullado en Conrad, Cortázar, García Márquez, as películas de vaqueiros, Lévi-Strauss, Wallace, n’ O rinoceronte do Papa, de Lawrence Norfolk, en moitas lecturas das que non lembro nada pero deixan pouso. Coido que Extramunde terá preto de 500 páxinas, pero co material que xuntei tería para moitas máis! Tiven que frearme! Pensando no lector e pensando en min, porque chega un intre no que cómpre pechar as historias. En calquera caso, quedan apuntamentos para proxetos futuros.

P. Que hai de aprendizaxe nesta viaxe?

R. É o sentido de procura primixenia que guiaba aos exploradores naturalistas, aos adiantados e aos descubridores: querían ver mundo para contalo, recrealo, gozalo ou o que fose. Estas xentes non tiñan nada que perder, porque viñan dunha miseria inmensa e saían dun ambiente de represión. Eran como os emigrantes nosos polo mundo coas súas maletas de cartón. Outros aspectos son a solidariedade que nace entre presos e mariñeiros, que ao final son todos iguais a bordo, e o choque coas forzas da natureza, con descricións de tempestades formidábeis inspiradas, en parte, na Historia Natural do conde de Buffon, do século XVIII, porque eu nunca vin unha néboa negra por riba do mar, aínda que existe! É no confronto onde as persoas ven a medida de si mesmas e que non son tan distintas das demais. Tamén o home precisa arredarse de si mesmo e buscar espazos abertos non opresivos, como o mar, para ser un mesmo, un novo mundo no que expresarse como é, como seguimos procurando nesta sociedade, na que xa estivemos mellor.

P. Cando foi iso?

R. Cando había menos paro, menos agresión á lingua e existía outro pudor. Os Gobernos de Fraga, sobre todo os primeiros, non nos odiaban. Eran conservadores e protofachas, pero con Rosalía e con Castelao. O seu carácter non era antinacionalista; tamén é verdade que o nacionalismo estaba daquela menos organizado e polo tanto non era considerado un enemigo potencial. “Como non nos fai dano, non o imos masacrar”. Ademais, cando hai, como agora, un momento de crise económica e ética, e hai que dicir ética porque senón os encausados por casos de corrupción non sairían elexidos nuns comicios como ven de pasar, a xente é menos espléndida e cada un vai máis polo seu. Diso falei no discurso do Xerais, da solidaridade entre os creadores galegos, mesmo en sentido guerreiro.

P. Que propón vostede?

R. Hai un ataque e cómpre unha estratexia para reconstruírmos isto pedra a pedra. Como formulou, no século V a. C., o chinés Sun Tzu n‘A arte da guerra, se amosas febleza cando te atacan, o inimigo arrisca máis para acabar contigo dunha vez por todas, envalentónase. A loita é crónica cando levas 16 anos na oposición, houbo unha vitoria parcial durante catro anos, e despois o desencanto foi terríbel e é maior cando desaparecen Vieiros e a edición en papel d’A Nosa Terra, o símbolo que foi Sargadelos está fóra de combate, vai pechar a sala Nasa e as axudas culturais desaparecen na súa meirande parte porque todo está absorbido pola gran chupadeira que é a Cidade da Cultura. Este país non ten infraestrutura empresarial para semellante megalópole. Cómpre recuperar a idea das comarcas e colocar a cultura nos lugares que están ao alcance da xente, ao xeito das capitais culturais europeas.

Teresa Cuíñas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011, intervencións dos premiados no acto de entrega

2011,Autores,Fóra de Xogo,Lingua,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais,Xuvenil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Anxo Fariña, Premio Merlín 2011: «’A chave da Atlántida’ explora as posibilidades da biotecnoloxía»

16 Xuño 2011

Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais

Xornal de Galicia publica unha entrevista de Héctor J. Pena con Anxo Fariña, Premio Merlín 2011, sobre a súa novela A chave da Atlántida. Reproducímola a continuación:

Anxo Fariña: «É máis difícil facer literatura infantil»

Fariña gañou o Merlín na primeira ocasión en que se presentou a un Premio Literario

Anxo Fariña (Vigo, 1977) vén de facerse co Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 pola súa novela A chave da Atlántida. Ilustrador ademais de escritor, cunha longa traxectoria avalada por máis de 30 títulos publicados, o éxito no concurso chégalle na primeira ocasión na que se presenta a este tipo de certames literarios.

Que supón para vostede o Merlín?

A nivel persoal chega nun momento excepcional, un deses intres nos que necesitas un empurrón. A nivel profesional supón un gran recoñecemento, pois é a primeira vez que me presento a un premio e a primeira que o gaño. É a confirmación de que non só lle gusto aos rapaces, tamén á crítica.

Di que este libro non só lle gusta aos rapaces. Os adultos tamén poderán gozar coa lectura do seu texto?

Si. Curiosamente é unha das cousas que valoraron no xurado, e ademais é unha tónica que veño seguindo nos meus libros, que son nun principio para rapaces, porque eles son os protagonistas, pero enganchan aos pais. Este libro trata temas como as posibilidades da biotecnoloxía, xunto co mito da Atlántida, que son capaces de satisfacer tamén os adultos.

Pasa un pouco como con Harry Potter, que transcendeu o seu público obxectivo e converteuse en algo universal…

Si, é un pouco así. Tamén me comentaron algo parecido en referencia ás películas de superheroes que agora poboan os cines, pensadas para un público adolescente pero que chega tamén aos adultos. Ao final todos os temas que teñen que ver coas persoas son universais, e poden enganchar teñas a idade que teñas.

Que achega de novo a súa perspectiva sobre un tema que no mundo da literatura non é nin moito menos novo, pois leva falándose da Atlántida dende os tempos da antiga Grecia?

Exacto, e de feito eu baséome na descrición de Platón para a miña interpretación da Atlántida. Logo doulle unha volta e fago que a xente se dea conta de que hai moitas posibilidades. Entón, o que eu formulo é que pasaría se hoxe en día alguén tivese a oportunidade de atopar a Atlántida, que no fondo está vinculada con Galicia e coas costas galegas, e penso que a historia está moi ben.

Na novela hai certos factores, como o uso da tecnoloxía, a explotación dos recursos… Que mensaxe quere transmitir aos lectores?

Hai varias mensaxes transmitidas a través de varias personaxes, que teñen varias procuras. A do ser artificial, que se busca a si mesmo, porque non entende como habendo varios millóns de persoas na terra o constrúen a el. E logo está a busca da Atlántida, onde están implicados moitos personaxes que a buscan polos seus propios motivos. Non son mensaxes directas, pois o meu obxectivo non é adoutrinar a ninguén, pero si pretendo que se reflexione un pouco sobre que pasaría se. Logo, tamén está a cuestión de, se un mesmo tivese na man algo tan importante como é o descubrimento da Atlántida, por que renunciaría?

É dos que reivindica a dignidade da literatura infantil e xuvenil?

Por suposto. Eu penso que a literatura infantil é máis difícil de facer que a de adultos, sobre todo hoxe en día. Un rapaz é máis esixente ca un adulto, e subvalorizar a literatura infantil porque se tocan temas máis sinxelos é unha falacia. Eu acabo de gañar o Premio Merlín cunha novela que ten como tema central a busca dun ser de si mesmo. É un exemplo de que é moito máis complexa do que se cre.

Héctor J. Pena

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011, as entrevistas a gañadores, membros do xurado e participantes

15 Xuño 2011

2011,Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.

Eis a relación e os seus enlaces:

cid

Chuzame! A Facebook A Twitter

Carlos Negro, entrevista nos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Carlos Callón, entrevista nos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Entrevistas,Lingua,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

An Alfaya, entrevista nos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Entrevistas,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xuvenil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cid Cabido, entrevista nos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Entrevistas,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Roberto Varela, conselleiro de Cultura, entrevista nos Premios Xerais 2011

2011,Premios,Premios_Xerais,Vídeos

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antonio Reigosa, membro do xurado do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

2011,Autores,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Andrea Ramos, membro do xurado Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2011

2011,Fóra de Xogo,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xuvenil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pemón Bouzas, membro do xurado do Premio Xerais de novela 2011

2011,Narrativa,Premios_Xerais,Televisión,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Leo i Arremecághona!, músico dos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Música,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán, mantedora literaria dos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Feminismo,Poesía,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fran Alonso, entrevista sobre os Premios Xerais: «”Extramunde” posúe unha pulsión narrativa enorme»

2011,Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de novela 2011 por “Extramunde”

14 Xuño 2011

2011,Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos

Chuzame! A Facebook A Twitter

Héctor Carré, gañador do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por “Febre” 2011

2011,Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xuvenil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Anxo Fariña, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 por “A chave da Atlántida”

2011,Autores,Entrevistas,Merlín,Premios,Premios_Xerais,Vídeos

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo: «Hai moitas cousas da miña novela ‘Extramunde’ que perviven hoxe: a negación das minorías, a laminación intelectual, a opresión ou a superstición…»

Entrevistas,Música,Premios_Xerais

Reproducimos a entrevista de Iago Martínez que publicou o Xornal de Galicia con Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de Novela 2011 con Extramdunde.

A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste ser de dereitas

O escritor, compostelán afincado en Bruxelas, cre que “o máis revolucionario en Galicia é escribir en galego”

Xavier Queipo (Santiago, 1957) quixo ser breve o sábado en San Simón ao recoller o Premio Xerais de Novela por Extramunde. Limitouse a agradecer a decisión do xurado, gabar a calidade dos finalistas e a literatura galega e pedirlle un favor ao conselleiro de Cultura, que o escoitaba dende as primeiras filas do auditorio. O autor de Ártico e outros mares (1990), que vén de rescatar Galaxia nunha edición corrixida, ampliada e rebautizada como Ártico 2.0, encargoulle a Roberto Varela que lle trasladase unha mensaxe da súa parte ao Goberno de Feijóo: que nos deixe vivir en galego. A ovación foi menos breve.

Varela é soamente o mensaxeiro?

Varela forma parte dun goberno que está a masacrar conscientemente o galego, pero non creo que sexa o inimigo. Outra cousa é que non fose galego falante, pero tampouco eu o era cando me mudei a Bruxelas. Eu empecei a falar galego na emigración, cando me decatei de que se precisaba un referente.

E cando aconteceu iso exactamente?

En 1989, tiña eu trinta e un anos. Falábao de cando en vez con algún amigo, pero pouco máis. A partir dese momento, na miña casa e na miña vida privada sempre se falou galego. Cando remato a miña xornada laboral, que transcorre en inglés, francés e algo menos en italiano, portugués ou español, chego á casa e falo galego. É bastante liberador.

Que se conta en Extramunde?

É unha novela de aventuras ambientada no século XVI e ten unha forte compoñente ideolóxica. Critícase a opresión da ideoloxía única da Igrexa católica naquel momento, o colonialismo… Dáse unha visión dos dereitos fundamentais do home, e en particular do dereito á liberdade, a través dun grupo de persoas condenadas polo Santo Oficio.

Segue vivo hoxe ese século XVI?

As metáforas non están excesivamente elaboradas na novela. Un decátase con certa facilidade de que hai moitas cousas que perviven hoxe: a negación dos dereitos das minorías, a sospeita polos comportamentos individuais das persoas, a laminación intelectual dos pobos e da xente, a opresión dunha entidade imperial sobre outras ou a superstición, que en forma de catolicismo, islamismo, xudaísmo ou calquera outra manifestación inflexíbel de espiritualismo, nos levou a unha situación como a presente, na que estamos indignados.

Un dos textos engadidos en Ártico 2.0 explica, con rigor e algo de retranca, por que non hai máis novelas de aventuras na historia da literatura galega.

Non somos un país marítimo, somos un país pesqueiro. Non é o mesmo. O que nós temos é frota de pesca.

E man de obra, sobre todo.

Cada vez menos. Agora son sobre todo caboverdianos, ucraínos ou lituanos, xente que acepta un traballo duro por un salario baixo. Os nosos empresarios tampouco son uns santos.

“O noso é un pobo de mariñeiros máis que de navegantes; os mariñeiros non escriben novelas e os navegantes non tiñan conciencia de nación”. Desolador.

Que eu saiba, si. Nin os irmáns Nodal de Pontevedra nin Mourelle de la Rúa, que andou á procura de Alasca, escribiron en galego. Hoxe é máis fácil atopar o diario de Mourelle de la Rúa en inglés ca en galego, porque en galego non existe. Todo aquel que nace en Galicia é galego, pero hai quen exerce e quen non exerce. Non hai máis que mirar para o que temos no goberno da Xunta.

No Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (Litvi), que financia a Xunta con 20.000 euros, non hai un só escritor galego. Non os hai ou non os ven?

Unha cousa é que non teñamos unha experiencia marítima e outra que non sexamos viaxeiros ou non teñamos literatura de viaxes. A literatura da emigración é literatura de viaxes, e temos abondosos exemplos recentes, como New York, New York de Inma López Silva, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado ou o que escribín sobre as miñas viaxes por Asia. A metade de Saltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro, tamén se desenvolve en Londres. E hai literatura de catedrais, por suposto. De que fala Trece badaladas? De que fala Festina lente? Falan de catedrais. Se fose profesor de literatura e non biólogo, podería dar moitísimos máis exemplos.

Daquela, como se explica?

Supoño que a dirección consideraría que aos autores galegos non son abondosos, nin en número nin na súa calidade. Eu estiven na primeira edición, e coido que en igualdade de condicións con xente como Julio Llamazares ou César Antonio Molina. Nunca me sinto inferior cando estou con autores de sistemas literarios cun idioma maioritario, pero tampouco podemos esquecer que o galego é unha lingua minorizada en Galicia. Unha lingua que, debendo ser maioritaria, como indica o noso Estatuto de Autonomía, está a ser atacada pola xente que ten medo, pola dereita. Ser de dereitas consiste niso, en ter medo.

Medo a que?

Medo a que cambie unha coma no libro sagrado, no sistema de referencias no que eles se sinten seguros. O máis revolucionario en Galicia é escribir en galego, e por iso o fago.

Ártico e outros mares foi un dos primeiros títulos de Edicións Positivas. Cal foi o papel do selo naquela altura?

A principios dos anos noventa había un certo estancamento das editoriais máis grandes, que apostaban por rostros coñecidos e autores dun certo prestixio e unha certa idade. Eu tiña xa 31 anos, pero considérome dunha xeración posterior, polas temáticas, polo estilo e polo intre no que empecei. Por idade pertenzo á xeración de Manuel Rivas, Suso de Toro, Gonzalo Navaza ou Bieito Iglesias, pero eles xa tiñan unha carreira. Eu comecei con Fran Alonso, Jaureguizar e outros autores, un grupo de xente que ten en común que non ten nada en común. Somos illas nun arquipélago.

O limiar de Ártico 2.0 relata o periplo do libro fóra de Galicia ao longo dos últimos vinte anos. Non recibiu ningunha remuneración económica nin asinou ningún contrato polas traducións.

Os escritores estamos nas mans dos editores, e a eles nunca lles pasa nada cando incumpren un contrato. Non te vas meter nun xuízo cun tipo que está en Portugal ou en Cataluña ou en calquera outro sitio. Sería perder o tempo.

Cambiaron esas condicións ao longo das dúas últimas décadas?

Cada un terá a súa propia visión. Houbo un momento en que parecía que ían cambiar porque había axudas públicas e interese nalgunhas persoas, pero agora volve haber moitas dificultades cos recortes da Consellaría de Cultura, que ten como único referente o Gaiás.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011. Fotogalería

13 Xuño 2011

2011,Fotogalerías,Premios,Premios_Xerais,Reportaxes fotográficas,Xerais

Podes visitar a fotogalería de Manuel G. Vicente dos Premios Xerais, 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011, primeiras entrevistas

2011,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Radio,Xerais_nos_medios

Aparecen as primeiras entrevistas a Xavier Queipo, autor de Extramunde, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2011:

  • «A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste en ser de dereitas» (Xornal de Galicia)
  • «A viaxe dunha nave de tolos constitúe a personaxe central da novela» (Atlántico Diario)
  • «O poder esmagador» (Galicia Hoxe).
  • Audioentrevista no programa “O viraventos” (Radiofusión).
  • Vídeoentrevista (Blogaliza)
  • «En el siglo XVI como hoy, la sociedad tiene problemas para aceptar lo diferente» (Faro de Vigo, 16-06-2011)
  • Audioentrevista no Diario Cultural (Radio Galega).
Chuzame! A Facebook A Twitter

#Xerais11

12 Xuño 2011

2011,Noticias,Premios_Xerais,Twitter

Foto de Paz Raña.

Estes Premios Xerais 2011 foron, sen dúbida, os da irrupción de Twitter. Por vez primeira, tuiteouse toda a velada dende o perfil da editorial e creouse un hastag para seguila #Xerais11.

Magnífico traballo de emisión dixital de todo o equipo de Blogaliza (Goretoxo, Alfredo, Tati, Ghanito e Mirinho), a quen expresamos a nosa gratitude.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Leo i Arremecághona! obtén un éxito rotundo nos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Concertos,Música,Noticias,Premios_Xerais

Foto Gracia Santorum

Celia Torres, condutora dos Premios Xerais e da velada, presentou deste xeito a O Leo i Arremecághona!, un dos máis rotundos éxitos do serán de san Simón.

Sempre abrimos o noso acto coa música. Hoxe está con nós O Leo i Arremecághona! un cantante, un artista co significado que o pobo galego lle deu, lle dá ou lle queira dar a esas dúas palabras inantes ou doravante. Farto de se aturar a si mesmo, envexoso das bandas de punk malogradas por membros que escollían separarse uns dos outros porque non se podían ver diante, en 2007 convértese no primeiro cantautor que se separa de si mesmo, por esporas, dando lugar á produtora Arremecághona’s Producións, empresa familiar que emprega basicamente ao Leo i Arremecághona!, cantautor punk, anarquista galego; o En-Riquinho, solista pop, seu irmán xemelgo que estudou en colexios de pago, apolítico de esquerdas; o Leo de Matamá, o pai de todos, cantautor de intervención dos anos 70, comunista independentista e nacional-popular, única rondalla unipersoal; o Leíño, unha crew de hip-hop el só, antiglobalización indignado e rapeiro; e A Reme Cághona, Mamá Arremecághona!, sen repertorio propio, vestida cun baby de camuflaxe co mesmo estampado ca o mantel e as servilletas da cociña, que dá os concertos dos homes da familia, que, coma sempre, fai o que eles tiñan que facer pero non fan.

Na illa de San Simón aparecerá agora o propio Leo propiamente dito, que abrirá tentándolle dar a volta á frase de Lois Pereiro  «teño o subconsciente colonizado polo rock and roll», citando a Wim Wenders. Unha mestura continuum de 3 pezas da memoria sonora de Lois con poemas del: «Psychokiller» de Talking Head para «Dandy« de Poemas 1981-1991; «Ne me quitte pas» de Jaques Brell para «Deixaches no meu corpo a túa presenza...» de Poesía última de amor e enfermidade e «Love will tear us apart» de Joy Division para «Mala Sorte» de Poesía última de amor e enfermidade.

Foto de Luz Picos.

Na segunda intervención apareceu o irmán do Leo; o En-Riquinho, cantautor pigho, que fai popop, influído fifty-fifty por Iván Ferreiro e Galicia Bilingüe, que tocará os seus temas «Eu nunca serei yo» e a «Cançión Popop». Pechou as actuacións musicais o patriarca petrucio o Leo de Matamá, con dous himnos, un para a infancia, «Doraemon metido nun saco», e outro para todas as idades, de Suso Vaamonde e Darío Xoán Cabana, «Irmán Daniel».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011, fotogalerías

2011,Fotogalerías,Premios,Premios_Xerais,Xerais nos blogs

Foto de Paz Raña.

Na rede comezan a publicarse diversas fotogalerías dos Premios Xerais 2011. A todos os seus autores e autoras, a nosa gratitude.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011 nos blogs

2011,Autores,Eventos,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Xerais nos blogs,Xuvenil

Varios blogueiros e blogueiras comezan a publicar as súas crónicas e comentarios sobre os Premios Xerais 2011. A todos eles a maior gratitude de Xerais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011 nos medios

2011,Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xerais,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Foron numerosas as referencias na prensa galega, tanto impresa como dixital, ao fallo dos Premios Xerais 2011.

  • «Os Xerais distinguen obras de aventuras mariñas e de intriga» (Camilo Franco, La Voz de Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña se alzan con los Premios Xerais 2011» (E. Ocampo, Faro de Vigo).
  • «Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela con “Extramunde”« (Xornal de Galicia).
  • «Queipo gaña o Xerais cunha novela de aventuras ambientada no s. XVI» (Koro Martínez, El Correo Gallego).
  • «O poder omnímodo» (Maré, Galicia hoxe).
  • «Xavier Queipo gana el Xerais con una novela de viajes sobre la conquista de la libertad» (Teresa Cuíñas, El País Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña se alzan con los Xerais 2011» (E. Ocampo, La Opinión da Coruña).
  • «Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela con “Extramunde”» (Diario de Pontevedra).
  • «Xavier Queipo Premio Xerais cunha novela de “viaxe alucinada”» (A Nosa Terra).
  • «Premios Xerais 2011: Galardoados Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña» (Europa Press).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011) (Axenda AELG).
  • «Los Premios Xerais 2011 reconocen a Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña» (El Mundo Galicia).
  • «Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Friña, Premios Xerais 2011» (ABC).
  • «Los Premios Xerais 2011 reconocen a Xavier Queipo, Héctor Carré y Anxo Fariña» (El economista).
  • «O santiagués Xavier Queipo gaña o Xerais coa novela de aventuras Extramunde» (El Progreso).
  • «Xavier Queipo, Anxo Fariña e Héctor Carré, novos Premios Xerais» (Atlántico Diario).
  • «Xavier Queipo gana el Xerais de Novela con Extramunde» (La Región).
  • «Os gañadores do Xerais infantil e xuvenil abren as fronteiras do xénero» (La Voz de Galicia).
  • «Novelas escritas seguindo o guión e que poderían ser de cine» (La Voz de Galicia).
  • «Unha nave de tolos con interpretación metafórica« (La Voz de Galicia).
  • “Uns premios Xerais de mar, volframio e mitos” (Cultura Galega.org).
  • «Tres historias, tres premios literarios» (Atlántico Diario)
Chuzame! A Facebook A Twitter

«Escribir en nome propio», discurso de María Xosé Queizán

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Noticias,Poesía,Premios_Xerais

RECLAMOU COMO CLAVES PARA UNHA ESCRITORA DAR VISIBILIDADE Á PROPIA IDENTIDADE,FACER DO SEU SEXO OCULTO O VISIBLE, E CAPITALIZAR O DESEXO

A escritora María Xosé Queizán, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2011, rememorou no seu discurso as trobairitz (o texto pode baixarse en pdf) as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega.

A autora de Amor de tango sinalou que «o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.»

A escritora viguesa reclamou como claves para unha escritora dar visibilidade á propia identidade, facer do seu sexo oculto, o visible, e capitalizar o desexo. «Na sociedade patriarcal o desexo é patrimonio masculino. Ao feminino correspóndelle a pasividade, a debilidade, a submisión, a beleza idealizada. Repasen a literatura galega, e poden comprobar que a inmensa maioría do protagonismo nos contos, nas novelas, téñeno os homes e os nenos. Poucas son as mulleres que asoman nos textos, e cando o fan, ou están idealizadas, ou son inferiores e nais sacrificadas. Nesta concepción do feminino, o desexo das mulleres é seren desexadas.»

María Xosé Queizán rematou a súa intervención lendo dúas das traducións destas trobairitz que ela traduciu para o galego e cantando a capela a cantiga de mendinho, o que constituíu un dos momentos máis emocionantes do serán.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A chave da Atlántida» de Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

2011,Autores,Ciencia_ficción,Merlín,Noticias,Premios,Premios_Xerais

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.

A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, presentada baixo o lema «Prometeo», recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Anxo Fariña declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. «Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo, Hector Carré e Anxo Fariña, Premios Xerais 2011

2011,Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xuvenil

O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «Extramunde», «O caso Ocaso» e «Todo home é coma a lúa». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Extramunde» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo (Francisco Xavier Vázquez Álvarez) e corresponde ao título Extramunde.

O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «Ánxela», «Gabirro» e «Pelouro». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Pelouro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré e corresponde ao título Febre.

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os Premios Xerais 2011 fallaranse o sábado 11 de xuño na illa de San Simón

9 Maio 2011

Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais

Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2011, nomeou aos membros dos tres xurados.

O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren corenta obras, está formado por: Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e tres obras, esta formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil , dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e seis obras,  está formado por: Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 3 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 11 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o Premio de Literatura Xuvenil Fundación Novacaixagalicia-Claudio Sanmartín 2011

5 Xaneiro 2011

Bases_premios_literarios,Noticias,Premios_Xerais,Xuvenil

Edicións Xerais de Galicia convoca a 5ª edición do Premio de Literatura Xuvenil Fundación Novacaixagalicia -Claudio Sanmartín, dotado con 10.000 euros, para obras orixinais e inéditas, en lingua galega. De cada orixinal presentaranxe seis copias en papel antes do 11 de abril de 2011. O Xurado, composto por 5 persoas, fará público o seu fallo o día 11 de xuño de 2011. A convocatoria do premio réxese por estas bases.

Bases

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

Bases_premios_literarios,Infantil,Noticias,Premios_Xerais

Edicións Xerais de Galicia convoca a 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, para obras orixinais e inéditas, en lingua galega. De cada orixinal presentaranxe seis copias en papel antes do 11 de abril de 2011. O Xurado, composto por 5 persoas, fará público o seu fallo o día 11 de xuño de 2011. A convocatoria do premio réxese por estas bases.

Bases

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o Premio Xerais de Novela 2011

Bases_premios_literarios,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais

Edicións Xerais de Galicia convoca a 28ª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, para obras orixinais e inéditas, en lingua galega. De cada orixinal presentaranxe seis copias en papel antes do 11 de abril de 2011. O Xurado, composto por 5 persoas, fará público o seu fallo o día 11 de xuño de 2011. A convocatoria do premio réxese por estas bases.

Bases

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocados os Premios Xerais 2011

Bases_premios_literarios,Noticias,Premios_Xerais

Edicións Xerais de Galicia convoca, un ano máis, os Premios Xerais nas súas tres modalidades, correspondentes á convocatoria de 2011. As súas bases poden consultarse neste blog ou na web de Xerais e o prazo de admisión de orixinais remata o día 11 de abril.

Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, na súa 28ª edición. Bases.

Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, na súa 26ª edición. Bases.

Premio de Literatura Xuvenil Fundación Novacaixagalicia -Claudio Sanmartín, dotado con 10.000 euros, na súa 5ª edición. Bases

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp