«Limpeza de sangue» ten unhas raíces cinematográficas moi claras. Conversa entre Rubén Ruibal e Jorge Coira

1 Marzo 2012

Cine,Debates,Entrevistas,Teatro

Rubén Ruibal e Jorge Coira mantiveron unha conversa, convocados polo xornal dixital Praza Pública, sobre a adaptación ao cine da obra Limpeza de sangue, coa que Rubén Ruibal gañou o Premio Álvaro Cunqueiro e posteriormente o Premio Nacional de Teatro. A conversa estivo guiada polo xornalista Alberto Ramos. Praza Pública publica tamén un vídeo da conversa.

 

«A cultura é o que vertebra a existencia diso que chamamos Galicia»

Jorge Coira e Rubén Ruibal non se coñecían,  aínda que o realizador será o encargado de dirixir coa produtora Filmanova a adaptación ao cine de Limpeza de Sangue (Xerais, 2007), obra coa que o dramaturgo gañou o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007. Nunca se viran en persoa até que Praza decidiu xuntalos no Restaurante Rúa de Santiago. “Tiña ganas de coñecelo, tiña que falarlle das localizacións”, recoñeceu, minutos antes do encontro, Coira que xa traballa no guión con Jacobo Paz. Despois dun primeiro apertón de mans, os dous concederon unha entrevista conxunta que, en gran parte, se desenvolveu como unha conversa entre dúas persoas que tiñan moito que se dicir.

Limpeza de Sangue é unha obra moi complexa para realizar unha montaxe teatral. Conta, entre outras cousas, cun gran número de escenas e unha morea de localizacións diferentes. Estas dificultades fan que sexa máis difícil convertela nunha función que nunha película?

Jorge Coira (JC): A min paréceme que o texto ten unhas raíces cinematográficas moi claras. De feito hai escenas e localizacións que son moi difíciles para o teatro, pero non para o cine. Na adaptación, unha cousa que traballamos moito é en estirar todo moitísimo máis porque para teatro hai moitísimos cambios de escena, pero para o cine resulta moi poucos. O texto ten 31 escenas. Iso, para o cine, serían corenta e pico secuencias. Iso faría unha película moi lenta.

Rubén Ruibal (RR): Todo isto vén porque esta obra era unha homenaxe a Vidal Bolaño, polo tanto tiña que aparecer o cine. O cine era a paixón de Roberto mesmo cando facía teatro. A min tamén me gusta moito o cine e tamén me gusta traballar nos límites das artes, iso de achegar o teatro ao cine, á danza, ás artes do momento. Iso por un lado, polo outro está que a miña idea sempre foi facer directamente un híbrido de cine e teatro.

En que momento de desenvolvemento está a fita?

JC: O que se fixo até agora foi traballar no guión, Jacobo Paz e mais eu. O primeiro foi analizar o texto e entrarlle ás tripas. Despois desa análise, hai que facer unha escaleta e desenvolver escena por escena toda a historia. O texto teatral comeza xa cunha escena na que se dá unha chea de información…

RR: Esa escena, en tempos, era unha obra de teatro. Só esa escena. Era a miña idea para facer unha obra completa que nunca se fixo porque, ao final, xurdiu o espazo da diálise. Pero en principio esa escena era unha obra.

JC: Nesa escena aparece moitísima información. Nós, para a película, desentrañámola toda para que esa información vaia en moitas escenas. Así comezamos a alongar os espazos. Tamén, con cada personaxe que nos pode interesar o seu mundo, pois ampliamos máis ese mundo. E agora estamos nese traballo, escribindo os diálogos. A idea é que o guión estea listo nos próximos meses para poder rodar a finais deste ano ou a comezos do que vén.

Unha das personaxes da obra  participa dunha trama de corrupción inmobiliaria. O tema da corrupción, polas circunstancias, está moi presente hoxe en día. Esa trama tería a mesma forma de contarse agora que cando se escribiu a obra en 2005?

RR: Limpeza de sangue falaba dese tempo no que atabamos os cans con longanizas, cando estabamos todos sobrados de pasta e todo importaba relativamente pouco. A min preguntábanme pola trama de corrupción, preguntábanme en que consistía. Para min a historia é que traballaban con material de construción ocultos, pero non me preguntes máis porque eu non o entendo. Eu non son capaz de entender os mecanismos polos que estes tipos se facían coa pasta.

JC: Na obra, a trama está indefinida. Eu non sei até que punto na película vai quedar definido. Eu, para poder traballar, si que preciso telo claro. Por iso, unha das cousas que fixemos nesta temporada foi analizar o texto e documentarnos, tamén falando con médicos e con xente que traballa nos transplantes para a parte toda da diálise.

RR: Eu sei por que xurdiu o da trama de corrupción para a obra. A miña cuñada era arquitecta e traballaba nunha oficina para certificar a calidade das obras. Entón eu sei como era o proceso de todo iso  e pensaba: “Macho, temos a nosa fe como cidadáns depositada nunha xente determinada que se supón que vai facer as cousas ben, pero como algún salte un pouco, xa está”. Dese xeito e onde menos o esperas, sae un Urdangarín. Vaia… Nese caso, era previsible que saíra…

JC: Realmente ese mundo de corrupción non é que siga só vixente, é que ten máis importancia social e mediática que hai cinco anos. En tempos de bonanza daba igual que roubaran…

RR: Hai dez anos importábanos unha merda que estivesen chorizando

JC: Claramente a obra está escrita nos momentos gloriosos da burbulla, pero xa non vivimos nese tempo. Non ten sentido que fagamos unha película de época. A crise, lonxe de ser un problema, dálle ao texto unha verdade e unha forza moi interesante. Na obra era un pano de fondo, pero cambiaremos iso. En vez de producirse no intre en que todos desbaldían e se facían ricos, a película desenvolverase no momento en que todo está a caer e todo é un desastre.

Con todo este tema da crise, parece que agora non nos podemos permitir a cultura. Parece que esa mensaxe callou, que hai que recortar en cultura, que non  queda outra…

RR: Calla porque o repiten continuamente. A cultura como produto non é algo tanxible. Somos así de burros, como non podemos tocar unha obra de teatro parece que nos la suda. Na maquinaria da opinión pública é un discurso que se dá por real. Tamén habería que preguntarnos que fixemos os da cultura respecto a iso. No caso do teatro, mentres os políticos decidían facer máis e máis infraestruturas para facer teatro, parece que ningún dos profesionais chegou a pensar que a esas infraestruturas había que darlles un uso e que iso era máis difícil que construílas.

JC: Está presente esa idea de que a cultura é prescindible, unha idea é incrible formulala dese xeito. Sen dúbida o noso non é un dos sectores primordiais a nivel de estado. O primordial é a sanidade e a educación. Iso é sagrado. Pero o noso sector está despois, coma todo o resto. Non me parece menos importante que os automóbiles. Non o digo porque me dedique a isto. Por suposto, penso que sería terrible que se deixasen de facer automóbiles e que se perdesen postos de traballo. Como tamén é terrible que se perdan empregos na cultural. Creo que precisamos coches, pero tamén bens culturais para alimentar o espírito. Pode soar forte iso de alimentar o espírito, pero a todos nos gusta o cine, as series, o teatro… Non é algo para entendidos nin para unha minoría selecta, non.

RR: Fórmanse sempre frases feitas. Parece que cultura e subvencionada van sempre xuntas e acabouse. E a ninguén se lle ocorre dicir que a gandería subvencionada tamén existe ou a agricultura subvencionada…

Tampouco nos podemos permitir unha Consellería de Cultura? Parece que esta Xunta sempre levou sempre unha política de perfil baixo coa cultura, de rebaixarlle a categoría cada vez que podía e agora, directamente, elimina a Consellería de Cultura…

RR: É insistir no discurso de que é algo prescindible. Entrou unha brigada de demolición para todo. Parécelles completamente prescindible tanto cultura como a lingua. Pois que se decidan! Que a brigada de demolición entre tamén na Xunta! Para que queremos este goberno? É unha brigada de demolición que chegou e dixo: “Imos acabar con todo isto”. Así de resumido.

JC: Dá pena  que non haxa unha Consellería de Cultura, que se coloque con Educación. É poñela nun segundo termo. Coido que para o goberno galego debería ser unha preocupación fundamental.

RR: Se existe unha Xunta de Galicia é para iso!

JC: A cultura no sentido máis amplo da palabra é o que vertebra a existencia diso que se chama Galicia. Compartimos todos unha cultura, un idioma… Dá moita pena que se lle dea tan pouca importancia. Tamén é certo que nos toca pelexar por conseguilo. Loitar por conseguir maior recoñecemento. Loitar. É o que hai.

Alberto Ramos

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, será levada ao cine por Filmanova

23 Agosto 2011

Biblioteca Dramática Galega,Cine,Noticias,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de teatro de Rubén Ruibal que fora galadardoada co Premio Álvaro Cunqueiro e posteriormente co Premio Nacional de Teatro, será levada ao cine por Filmanova, segundo informa Alberto Ramos no Xornal de Galicia: «A produtora Filmanova está a desenvolver o proxecto para que a obra teatral escrita por Ruibal chegue á gran pantalla. Polo momento, a futura película está nunha fase inicial e estase a levar a cabo a adaptación do guión. “Jacobo Paz está a traballar no guión e imos a facer todo co máximo respecto á historia do texto orixinal. Imos facer unha película cuxa produción sexa 100% galega”, explica Antón Reixa, de Filmanova, que engade que a intención da produtora é comezar a rodaxe “en 2012 ou en 2013, como moi tarde». Máis información aquí.

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, represéntase mañá en Vigo a cargo de Espello Cóncavo

11 Febreiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, represéntase mañá en Vigo no Teatro Novacaixagalicia, ás 20,00 horas. A obra fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 e a súa posta en escena está a cargo da compañía Espello Cóncavo.
Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC.

Artigo de Craig Patterson sobre «Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal

21 Xaneiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios

O xornal Galicia Hoxe publicou un artigo de opinión de Craig Patterson sobre o libro Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal,  que reproducimos integramente:

Limpeza de sangue

Asistimos o sábado pasado con grande ánimo e ilusión á representación Limpeza de sangue no Teatro Rosalía de Castro na Coruña. Gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007, a obra supón un triunfo persoal do seu autor, Rubén Ruibal, e unha poderosa achegada á dramaturxia galega.

Comeza a obra cunha conversa entre ionquis, e remata cunha alusión ao enterro de Valle-Inclán e ás obras de Bolaño. A mestura de crítica social e humor negro non deixa de ser eficaz. Ese humor que transcende toda a obra é o que non a converte nunca en traxedia, senón unha ollada aos trasfondos sociais. Un humor moi galego, e moi coruñés en tanto se circunscribe nunha contorna claramente identificada coa Coruña. Porén, e ao mesmo tempo, acada universalidade. Ademais dunha crítica á corrupción e ás dobres varas de medir dunha sociedade hipócrita, a obra fala sobre todo do poder terríbel do azar, encarnado aquí na saúde. A analoxía que centra gran parte da posta en escena é a diálise en referencia á constante necesidade de achegármonos con novas perspectivas á realidade, tanto á nosa como á allea. A necesidade que teñen os dous protagonistas principais de limpar o sangue con incómoda frecuencia convértese nunha metáfora da nosa vulnerabilidade persoal e colectiva, onde a saúde é unha lotaría, do mesmo xeito que a clase social en que nacemos.

A diálise non che mellora a vida; é un parche que só che permite continuar nela. O personaxe non muda, ou non pode mudar, por moito que lle limpen o sangue. O individuo segue a estar condicionado pola contorna: os individuos que forman parte dela sempre lle van lembrar cun dediño cal é o seu sitio. A obra non deixa de ser pesimista ao non deixar ningunha saída positiva, agás a dura reflexión que nos fai ver que todos somos pezas dunha engrenaxe. Nese sentido, o sangue que flúe polas veas da obra de Rubén Ruibal si que fai ruído, moito ruído que nos compensa escoitar. A visión de Ruibal suxire un determinismo onde a saúde nos escolle a nós, e unha cosmovisión que plasma un mundo onde é difícil rebelarse contra as definicións, autodefinicións e estereotipos cos que nos marcan. Xa vai sendo hora de que lle outorguemos a Rubén Ruibal o lugar que lle corresponde no máis alto do teatro galego.

Craig Patterson

«Limpeza de sangue», de Rubén Ruibal, represéntase na Coruña a cargo de Espello Cóncavo

13 Xaneiro 2011

Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, represéntase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña mañá mércores e o próximo sábado, ás 20, 30 horas, tal e como informan algúns xornais. A obra fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 e a súa posta en escena está a cargo da compañía Espello Cóncavo.

Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC.

Estrea de «Limpeza de sangue», Premio Nacional de Literatura Dramática 2006

1 Outubro 2010

Autores,Biblioteca Dramática Galega,Premios,Teatro

Limpeza de sangue, a obra de Rubén Ruibal, publicada por Xerais, que fora Premio Nacional de Literatura Dramática en 2006 estréase este sábado ás 20:00 horas no Pazo da Cultura de Narón a cargo da compañía Espello Cóncavo. Limpeza de sangue merecera tamén o XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e está publicada na colección Biblioteca Dramátaica Galega, que a editorial coedita con AGADIC. Xornal de Galicia informa hoxe das dificultades que perseguiron a posta en escena desta obra.