As suxerencias dun narrador solvente. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras

26 Xaneiro 2012

Críticas,Narrativa

Francisco Martínez Bouzas publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica de  Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

 

Friso expresionista

Oregón, Ourense

Narrador solvente, Diego Ameixeiras afronta con éxito unha incursión no xénero folletinesco que ten que ver case que sempre coa novela negra. Porén, malia que haxa “mores matadas”, Historias de Oregón non descansa no eixo temático que acostuma definir o xénero. O presado de secuencias seriais ten outro propósito: retratar de forma expresionista a paisaxe humana dese Oregón, trasunto literario da cidade de Ourense na narrativa de Ameixeiras.

Nútrese o relato do cruzamento de historias,historias case que todas de intemperies vitais nas que habitan os personaxes deste mosaico que o autor debuxa con trazo realista. Nos lindes de Oregón, ese lugar sombrío e precario, no que se dan cita as clases privilexiadas e o inframundo, viven ou sobreviven seres cuxas vidas, ganduxadas en tramas que se entretecen, representan o fluxo e refluxo dunha cidade preñada dunha ferinte carga de violencia. Saliento no haber da novela a competencia autorial para espellar con ficcións vidas reais e facelo de xeito fragmentario, dándolle múltiples oportunidades á omisión, aos espazos baleiros para que o lector poida construír a súa historia. No debe da proposta de Ameixeiras, certas secuencias de recheo que, ao meu ver, están aí para axustarse ás esixencias formais dunha novela por entregas.

Francisco Martínez Bouzas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vidas que encaixan coma un puzzle. Crítica de Vicente Araguas sobre «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras

24 Xaneiro 2012

Críticas,Narrativa

Vicente Araguas publicou unha recensión crítica de  Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas, nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños

.

Oregón está en Ourense

Libros de relatos que encaixan como nun puzzle

A estas alturas  da película coido que lin todos os libros de Diego Ameixeiras,  ao menos os publicados por Xerais. Como este “Historias de Oregón” (Edicións Xerais, Vigo 2011), Premio de Novelas por Entregas La Voz de Galicia. E do dado á imprensa polo autor nado en Lausanne direi que nada me ten decepcionado agás “Asasinato no Consello Nacional”, demasiado apegada á realidade, un pouco novela “á clef” de máis para este país pequeno e lareteiro, onde todos nos coñecemos, incluíndo aquí aos persoeiros políticos, por suposto. Ameixeiras, en fin, é tamén guionista e agota que descubro que foi coguionista de “18 comidas”, de Jorge Coira, un dos mellores filmes do ano 2010, empezo comprender moitas cousas.

Dito isto engadirei axiña que “Historias de Oregón’, muden Oregón por Ourense e iremos xa vendo de que vai a cousa, é un libro de moi ben resolvidos relatos, que irán canxando os uns cos outros ata conformar un “puzzle” ou novela, se prefiren, do máis interesante.

Co seu eheiriño a Raymond Carver, máis tamén a certos mestres do xénero “negro”, así Simenon, pero non o de Maigret (aquí non hai comisarios hin detectives pero tampouco se lles bota en falla). E cito a Carver, tamén podería facelo con Tobias Wolff ou Quim Monzó, como practicante dunha narrativa breve cos pés na terra, mais con altura abondo para permitirse licencias se non fantásticas si fóra do regulamento realista. Que por aí iria, digo eu, a etiqueta do “dirty realism”.

Oregón, como dicía é Ourense, e os seus barrios aqueles que os coñecedores ou simplemente amadores cal é o meu caso da cidade das Burgas, tan tremendamente calorosa nos veráns de hoxe como ben se deduce dos relatos de Ameixeiras, identificarán ben doadamente. Iso por un lado, polo outro todo ese mundo cotián que Ameixeiras retrata, ao minuto, pero con rigor (e amor) notoríos, ben podería ser o de Oregón, se non fose porque o seu recriador non tenta deseñar outra cousa que aquela que el domina.

Non lle pasa, pois, como ao Delibes de “La sombra del ciprés es alargada”, novela gafiadora do Nadal e da o que seu autor sempre estivo queixoso por coidar que non andivera mol listo ao trasladar a acción dela a unha cidade como Nova York, para el descoñecida daquela.

Quero dicir que descoñezo se Ameixeiras sabe ou non de Oregón, tampouco semella relevante, o que si é do meirande interese é que o mundo do autor de Lausanne, putiñas, amas de casa que se afogan, maridos maltratadores, alcohólicos drogadictos, policías municipais e bótalle fío ao papaventos dunha certa cotidianidade que aparece aquí cos vapores abafantes dun verán en Oregón. Perdón, en Ourense.

Vicente Araguas

Chuzame! A Facebook A Twitter

A indefensión da vida real: «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras. Crítica de Xosé Manuel Eyré

18 Xaneiro 2012

Críticas,Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré publica unha recensión en Galicia Confidencial sobre Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

 

Oregón: O punto e as historias

Esta semana o protagonista literario é o escritor e xornalista Diego Ameixeiras pola súa obra ‘Historias de Oregón’, editada por Xerais.

É, este de Diego Ameixeiras, o título vencedor no último certame de novela  por entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia. E a primeira reflexión que se nos aparece ten que ver coa propia denominación do premio, tan mentireira, pois 31 capítulos, como moito de 3 páxinas, non dan para unha novela, en todo caso sería máis acertado chamarlle novela breve, pois os textos anteriores, e este tamén, si cumpren as estipulacións xenéricas da novela breve e nunca, nunca, as da novela. Nin as personaxes poden ser moitas, nin a trama pode ser complexa. Alén de que neste tipo de convocatorias adoita lerse todo o texto da novela por xunto, e non coa cadencia das entregas. Precisamente as Historias de Oregón son un bon exemplo disto. Non ha ser doado que quen lera a novela por entregas coincida na valoración de quen a le por xunto. Precisamente porque as personaxes deste novo título de Diego Ameixeiras non son poucas, tendo en conta que se trata dunha novela breve, e sabendo que o lector tipo destas novelas por entregas le con obrigada cadencia temporal, quen lea o texto completo terá unha máis cabal imaxe do desenvolvemento da trama.

Arredor de Camélia , Aurora ,  Rafael , Carlos, Andrés, Mateo…técese unha trama na que se entremesturan as súas historias en Oregón ou de Oregón. Oregón, topónimo que nace do xogo de palabras co seu referente, Ourense, feito detrás do cal descansa un innegábel e desenfadado afán crítico no que o alleamento ten moito que dicir, pois resulta imposíbel ler as historias de Oregón sen recoñecer a cidade das Burgas como punto de encontro das diferentes historias. Historias dos nosos días, historias de personaxes de a pé, de xentes que ben poden ser eses que camiñan ao teu carón cara a Erbedelo ou nas marxes do Barbaña ou simplemente pasan diante de onde ti estás tomando café. Así que, se esas ficcións ficticias, son doadamente asimilábeis a esoutras ficcións reais que camiñan á nosa beira mais das que descoñecemos case todo, agás que están alí, canda nós, velaquí temos a literatura a devolver vida ao lector, e poucos alicientes mellores hai para fixar a  mente do lector ás páxinas, porque…que emoción hai maior? E hai, aínda unha outra cousa a comentar, que sendo o do autor un nome vencellado ao xénero negro,  o lector le estas historias que acontecen en Oregón-Ourense tratando de descubrir aquilo que as vencella a ese xénero negro. O cal non resulta nada difícil, nada, velo na particular de Aurora, esa muller maltratada até límites grotescos, nin tampouco é nada complexo na de Camélia, prostituta e asasina. Por poñer dous exemplos. Dous exemplos que revelan como as personaxes do xénero negro non son criaturas de laboratorio en situacións extremas. Polo menos non estas de Diego Ameixeiras, desde as cales pode verse a delgada liña que delimita a vida cotiá desoutra que adoitamos asimilar ao sórdido xénero negro.

A novela comeza coa exhibición no primeiro capítulo dun narrador con moito oficio, un narrador que sabe conxugar a primeira e terceira persoas para non deixar detalle por contar, á vez que crea unha atmosfera de indefensión, indefensión ante a vida, que vai caracterizar o resto dos capítulos que dure a lectura. E, depois, aínda que o narrador faga sitio ás personaxes, non vai perder eficiencia e nunca deixa de lerse con agrado este relato de vidas cruzadas, de destinos marxinais sobre os que pende a fatalidade. Deste xeito, pola atmosfera de indefensión perante a vida, e por seren personaxes recoñecíbeis na tipoloxía humana coa que convivimos, o lector empatiza doadamente coa lectura. Unha lectura que, por outra banda e debido ás características propias da convocatoria, se efectúa desde capítulos breves, o cal lle confire moito dinamismo. Polo cal o narrador debe ter unha planificicación moi estudada na que alternen as historias,  alén de saber ser conciso, directo, áxil e hábil na caracterización tanto de personaxes, como de ambientes e lugares.

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha lectura agradable. Anotación de Xosé Manuel Eyré sobre «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras

13 Xaneiro 2012

Blogs,Críticas,Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré publica no seu blog unha anotación sobre Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

Oregón e a emoción maior

Unha das lecturas que estou facendo esta semana, a última de Diego Ameixeiras.

Historias de Oregón é un cruzamento de camiños, de camiños que son vida. Non rematei de lela, polo que teño que matizar esa a afirmación. Polo momento, Historias de Oregón  é a exposición de varias historias que aparentemente teñen en común o espazo de Oregón como nexo. Polo momento aínda non se cruzaron agás dese xeito. Mais eu manteño o dito, aínda que non cheguen uns a afectar a vida dos outros, porque hai un espazo onde si se cruzaron xa, desde o inicio. A mente do  lector, iso tan esquecido, durante tanto tempo, como territorio literario, e fundamental, engado.

E a mente do lector ( sobre todo a do lector avezado, aínda que o circunstancial non é incapaz de facelo e mesmo pode, na miña opinión é seguro, que lle efecte igual aínda que non o recoñeza), esa mente do lector, xa no  primeiro capítulo recoñece que alí hai literatura da boa. Por como conxuga a primeira persoa e a terceira, por como o narrador domina todas as instancias narrativas para deixar un texto breve máis completo, breve mais sematicamente denso e ben contado.

E é magoa que ese narrador despois se faga a un lado, se convencionalice como instrumento das personaxes, que son quen realmente dominan. En parte é lóxico. Porque? Porque é o primeiro capítulo, a trama esta principiando a se desenvolver. E cando se estea desenvolvendo xa non hai outro interese que lle poida.

Lese con agrado, este Premio de Novela por Entregas de LVG, tamén porque as personaxes, esas ficcións ficticias, son doadamente asimilábeis a esoutras ficcións reais que camiñan á nosa beira mais das que descoñecemos case todo, agás que están alí, canda nós. É a literatura a devolver vida, e poucos alicientes mellores hai para fixar a  mente do lector ás páxinas, porque…que emoción hai maior?

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter

Poder político e violencia machista na trama de «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras. Crítica de Ramón Nicolás

19 Decembro 2011

Críticas,Narrativa,Premios

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

 

Fronteiras vitais na cidade cero

Hai relativamente poucos meses que os lectores de La Voz de Galicia tiveron a oportunidade de seguir, diariamente, unha narración artellada por Diego Ameixeiras e que dispuxo baixo o título de Historias de Oregón, coa que conseguiu a undécima edición do premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, sumándose ao meu ver con acerto e dignidade á xa  longa nómina de propostas galardoadas neste concurso literario.

         De botarmos unha ollada atrás ás novelas premiadas neste concurso non é difícil albiscar como Diego Ameixeiras, que vén de colleitar un éxito rotundo co seu Asasinato no Consello Nacional, sabe situarse nese ronsel que, desde as instancias dunha limitación espacial determinada, conduce a soster unha trama próxima ás fronteiras do xénero negro. Con todo e se cadra dun xeito máis evidente e consonte cos seus trazos coñecidos como narrador de inequívoca vontade realista, aproveita esta proposta para dirixir unha ollada crítica, por veces incisiva e sempre reflexiva, sobre unha parte da sociedade do noso tempo, exposta sempre cun trazo claro, rápido e limpo. Neste sentido non podo deixar de sinalar que se á Oria de O porco de pé risquiano, lle seguiu aquela feraz e translúcida Auria blanco-amoriana, para entender algunhas das claves motrices dos modos de relación contemporáneos e mesmo para desvelar os recursos aos que obriga a supervivencia en contextos adversos cómpre, sen dúbida, asomarse ás aristas desta Oregón, desta cidade cero, dese transparente trasunto de Ourense polo que Ameixeiras xa transitara noutras entregas e que, alén de espazo físico desde o que irradian sólidas historias, chega a cobrar a un tempo categoría protagónica.

     Historias de Oregón bota a andar co suceso da desaparición dunha moza brasileira. De aquí en diante gandúxanse os fíos desde os que, a través de tramas paralelas expostas con vontade fragmentaria e que logo se irán compoñendo por si soas, un conxunto de personaxes  construídos con solvencia irán entrelazándose e deseñando un devalar cotián heteroxéneo onde  a presenza do malfado, das dificultades e da precariedade vehiculízanse a través de argumentos que recrean ou se espellan na vaga de incendios, na violencia machista, na cobiza polo poder político ou na inestabilidade laboral, constituíndo así focos de atención dunha novela que vai alén do simple divertimento e agocha moitas máis cousas.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novela negra urbana: «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

14 Decembro 2011

Blogs,Críticas,Narrativa,Premios

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

 

Aparece agora editada en volume a novela curta gañadora este ano de 2011 do concurso de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Como acontecía cos vellos folletíns ou novelas por entregas do século XIX, o autor manexa á perfección as técnicas propias deste subxénero narrativo, mais tamén incorre nalgunhas das súas eivas, como a do excesivo tremendismo.

            Como dixemos xa a propósito doutras novelas de Ameixeiras, o novelista pertence a esa xeración de novelistas que andan agora polos trinta anos, educados xa na etapa democrática e que tiveron acceso ao estudo do galego no Ensino. Unha das características destes autores é o absoluto predominio do urbano, mesmo sen referencias ao rural (como acontece aínda na xeración de Rivas-De Toro). Xa que logo, esta novela ofrécenos unha Galicia plenamente urbana. Mais a cidade que nos presenta Ameixeiras é a do suburbio, a dos barrios onde se sitúan o proletariado e mais o lumpen. O novelista defíneo de xeito acertado: Pero Rafael B.D. pertence a un inframundo que o plano de Oregón colocou no extrarradio. A cidade cero. A ese lugar sombrío que non coñecen os profesionais entusiastas, donos de apelidos prestixiosos… (páx. 36).

            A novela, como froito da súa publicación por entregas nun mes, aparece dividida en trinta e un fragmentos. Xa temos dito, a propósito doutras obras anteriores deste novelista, que manexa moi ben esta técnica. O relato aparece articulado nunha serie de fragmentos, como pezas dun puzzle, que segundo o lector avanza na historia ha de ir artellando, coma se estivese a facer unha montaxe. Para unha novela, que inicialmente se publicou por entregas, é unha estrutura moi adecuada.

            Como novela por entregas presenta algunhas das características que este xénero ten desde a súa aparición no século XIX. Así ten un argumento ben trazado que acapara o lector; cada fragmento-capítulo deixa aberto o suspense de xeito que incita a lectura do seguinte. Explora (como xa fixeran no XIX os clásicos do xénero) o mundo da delincuencia da cidade, que tanto atrae o lector burgués que merca cada día o xornal coa súa entrega narrativa. As descricións e a caracterización dos personaxes é sumaria e ata moitas veces son tipos, pois o que interesa neste tipo de relato por entregas é fundamentalmente o argumento e non distraer o lector con digresións.

            Mais hai innovacións que adaptan o xénero da novela por entregas ao momento actual. Fronte á tremenda extensión dos folletíns por entregas decimonónicos, neste caso a extensión é a dunha novela curta, trinta e un fragmentos, moi breves en relación coa extensión dos capítulos das novelas realistas tradicionais. O lector das entregas actuais non é coma o do século XIX ou dos comezos do XX que tiña moito tempo para ler. Agora ha de compartir o tempo dedicado á lecturas con outros competidores no lecer, que van desde a TV a internet.

            O antigo folletín tamén ofrecía finais pechados e un autor omnisciente que daba todos os feitos atados e ben atados, sen que fose necesario esforzo ningún por parte do lector. Os criminais ou os malos eran castigados no desenlace.  Xa vimos como aquí o autor opta polo fragmentarismo e que será o lector o que teña que recompoñer a liña argumental. Por outra banda, non hai castigo para os culpables no desenlace, que queda aberto e terá que ser o lector quen supoña o que lles pasará aos que delinquiron.

            A novela está pensada para que teña éxito e por iso actúa en certo xeito como unha ampliación das noticias e reportaxes televisivas sobre asasinatos, corrupcións e asuntos semellantes, tan abundantes no telelixo ou nas reportaxes audiovisuais. O lector, en certo modo, cando le este relato penetra máis no mundo deses personaxes do talk show. Nesta novela, como noutras anteriores deste autor ou dos membros da súa xeración, a presenza do audiovisual, como acontece por outra banda na nosa sociedade, é asoballante. Non esquezamos ademais que o autor é un profesional da televisión, polo que coñece ben estes resortes para chegar ao gran público.

            Mais ao lado deste aproveitamento e adaptación ao presente das técnicas da novela por entregas decimonónica ou dos procedementos da televisión para atraer público, a novela tamén se insire na tradición do relato urbano galego (dos Pérez Placer, Lamas, Risco, Blanco Amor…). O Oregón de Ameixeiras é o equivalente literario actual aos Oria ou Auria dos nosos clásicos. O autor asumiu así mesmo o fragmentarismo e final aberto propios da literatura moderna. A presentación da violencia, do extrarradio, do sexo, do mundo da droga… déixanos ver que o autor ten presentes temas e técnicas da literatura máis moderna que fixeron aparecer na literatura os invisibles dos suburbios, os drogodependentes, a prostitución…, aproveitando as técnicas da chamada non-fiction novel dos Capote, Easton Ellis, o propio Burroghs sen desprezar o realismo sucio de Carver, pois estes seres vencidos do suburbio urbano, en Ameixeiras, igual ca no estadounidense, sempre aparecen redimidos e cunha aura lírica que lles é conferida pola dor e o sufrimento.

            Xa que logo, novela curta, que combina con bo criterio as técnicas propias da literatura ou da cultura de masas para atraer lectores con outras que proveñen do que se considera literatura culta.

A obra, agora en volume único, como resultado da súa condición previa de novelas por entregas conserva a brevidade e máis os capítulos curtos. Editada ademais cunha tipografía de caracteres grandes é moi apropiada para ser degustada polos que hoxe len nas viaxes en tren ou autobús cara ao traballo, polos que agardan nunha estación ou consultorio, en definitiva, para ese sector de lectores que buscan fundamentalmente un entretemento cómodo. Este tipo de literatura é fundamental para os sistemas literarios que, coma o galego, han de procurar os lectores non profesionais ou non concienciados.

Xa que logo, cremos que o autor acertou nesta proposta de literatura popular, porque ademais non esquece a procura da calidade literaria. En fin, unha máis que boa readaptación e reacomodación do folletín tradicional tanto aos tempos actuais como á Galicia de hoxe.

            Só lle apoñemos a eiva de que hai un exceso de crimes e unha pinga de máis de tremendismo. Mais iso é posiblemente un dos tributos do subxénero das entregas.

Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras, novidade do mes de novembro

24 Novembro 2011

Narrativa,Novidades

Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas, é unha das novidades de Narrativa do mes de novembro.

Diana Maroto, unha moza brasileira de vinte anos, desaparece en Oregón. A policía búscaa sen éxito ata que un equipo de mergulladores atopa o seu corpo a tres quilómetros da ponte do Bibei, desde onde fora tirada ao río tras ser apuñalada. A súa compañeira, Camelia V.P. encóntrase unha vez ao mes cun construtor no motel Trópico. A doutora Carme M. T. esfórzase por atopar as palabras axeitadas cando Rafael B.D. se presenta na súa casa cun ramo de rosas para expresarlle a súa admiración. Aurora P.G., unha doante cero positivo, sofre cada noite a violencia do seu home. Os membros da brigada antiinciendios enfróntanse a esa nube sucia que percorre a ladeira do monte. Eis algunhas das historias que se mesturan nos límites de Oregón, na cidade cero, ese lugar sombrío debuxado pola precariedade e os proxectos truncados pola sorte adversa. Vidas cruzadas de personaxes que viven nas marxes, tramas paralelas que conforman un mosaico incompleto, aínda que representativo das maiores inxustizas e contradicións das sociedades urbanas do noso tempo. Tras os éxitos rotundos obtidos por Asasinato no Consello Nacional e Dime algo sucio, premio da Semana Negra de Xixón, Diego Ameixeiras consolídase con Historias de Oregón, co seu característico estilo directo e conciso, como auténtico mestre do xénero negro máis contemporáneo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación en Vigo de “Vía secundaria” de An Alfaya

27 Outubro 2011

Narrativa,Premios,Presentacións

O venres, 28 de outubro, ás 20:00 horas, na libraría Librouro, rúa Eduardo Iglesias, 12 de Vigo, terá lugar a presentación da novela Vía secundaria de An Alfaya (Premio de Novela por entregas “La Voz de Galicia” 2010). No acto intervirán, Ramón Nicolás, Manuel Bragado e a autora.

Vía secundaria é un relato de vidas cruzadas sobre a soidade e a incomunicación, ese virus silencioso, mais moi estendido, que asolaga os nosos días. Unha emocionante novela coral, escrita e construída con mestría e precisión, capaz de arrebatar o interese dos lectores e lectoras en todos e cada un dos seus capítulos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A novela «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras, verá a luz en novembro

3 Outubro 2011

Narrativa,Noticias

La Voz de Galicia informou onte sobre a publicación, no mes de novembro, de Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, que ve a luz logo do éxito de Asasinato no Consello Nacional.

Historias de Oregón foi Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.


Xerais editará la Novela por Entregas «Historias de Oregón»

La obra que Diego Ameixeiras publicó en La Voz saldrá en noviembre

La editorial Xerais editará en noviembre la obra Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, la Novela por Entregas que La Voz publicó durante el pasado mes de agosto a razón de un capítulo diario. Para el autor, la publicación de su obra en 31 entregas «foi unha oportunidade de publicar no xornal, o que implicou chegar a un número de lectores moi amplo».

Asegura Ameixeiras que la obra fue concebida de forma específica para el premio de Novela por Entrega de La Voz de Galicia, de acuerdo con sus bases y ateniéndose a una estructura de 31 partes. «Intentei manter a intriga ao longo dos 31 capítulos, e creo que agora a novela tamén poderá lerse sen problemas dun tirón e nunha tarde -afirma-. Eu mesmo a seguín todos os días e intentei poñerme na pel do lector».

Uno de los atractivos que para Ameixeiras tenía leer su página cada día era ver las ilustraciones que Abraldes realizó para acompañar a sus textos. «Creo que as ilustracións respondían moi ben ao tipo de novela e gustábame ver cómo lle ía poñendo imaxes a cada capítulo», subraya el escritor ourensano.

Para el autor de obras como Tres segundos de memoria y Asasinato no consello nacional, la recuperación de este género por entregas ha resultado ser una experiencia muy positiva. «Paréceme moi boa idea recuperar esta forma de publicar, porque son moi atractivas as historias que rematan cun continuará», afirma Diego Ameixeiras.

Historias de Oregón es una obra ambientada en la ciudad de Ourense y en la que se cruzan varias historias fragmentadas y situaciones habituales de los informativos actuales, con protagonistas como brigadas antiincendios, malos tratos y negocios ilegales.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Diego Ameixeiras gaña Premio de Novela por Entregas de La Voz con «Historias de Oregón»

8 Xullo 2011

Narrativa,Noticias,Premios

O escritor Diego Ameixeiras gañou onte o Premio de remio de Novela por Entregas de La Voz con Historias de Oregón, novela que será publicada diariamente, durante o mes de agosto, en La Voz de Galicia e que posteriormente editará Xerais. Reproducimos a información que publica ao respecto La Voz de Galicia:

O mes de agosto xa ten historia. Será publicada a diario nas páxinas de La Voz de Galicia e procede do escritor ourensán Diego Ameixeiras. Historias de Oregón é o título da novela por entregas que durante cada día do mes de agosto poderán gozar os lectores do periódico. Esta obra foi a gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rei Fernández-Latorre.

O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller ou premio, que gañalo «supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo». A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou ou premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.

Deste xeito, na obra aparecen integrantes de brigadas antiincendios cambiados de bando, mulleres maltratadas, inmigrantes solidarios, parellas que están en vías de extinción, moitos bares de menú do día, todo nun crebacabezas que se vai compoñendo desde a fragmentación inicial. Ou escritor, que apuntou que esta era a súa sexta novela, recordou dous referentes literarios para el, Andreu Martín e Michael Connelly, dous autores que leu hai pouco e que «publicaron recentemente en xornais de xeito que eu vou poder estar máis preto deles».

Non discorrer da historia van xurdindo algúns dos conflitos actuais: desde os evidentes problemas dos incendios no país, a violencia machista nas súas múltiples versións, algunhas ambicións políticas e tamén personaxes secundarios da vida e da historia que se encontran atrapados polas circunstancias. Entre a necesidade de cartos e a posibilidade de conseguilos de xeito pouco legal.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp