Reproducimos a reportaxe de Montse Dopico en Dioivo sobre a mesa redonda de onte na Feira do Libro de Santiago, organizada por RedeLibros onde participaron Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente ) e Fran Zabaleta (Medievalario).
A novela histórica, testemuña da utopía cotiá
Venecia é un labirinto. Unha maraña por terra, mar e aire. Un dédalo atravesado por cento cincuenta canles, salvadas por máis de trescentas pontes de madeira e pedra á sombra de cento corenta campaniles e de setenta igrexas e capelas. Dispostas teselas que conforman o máis grande e fabuloso mosaico do universo”. O escritor Marcos Calveiro comeza boa parte dos capítulos da súa novela ‘Settecento’ con descricións coma esta.
Mais, curiosamente, nunca visitou a cidade italiana.
‘Settecento’ xurdiu, ademais, dunha imaxe. O autor leu nunha revista de música que en Venecia houbera un tempo no que os aprendices dos luthiers pelexaban até a morte no porto polas mellores madeiras para os seus xefes. Contouno na Feira do Libro de Santiago, nunha mesa redonda sobre a novela histórica. Advertiu ao principio de que, nin el, nin os seus compañeiros no debate, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, coñecían os segredos do xénero. Pero algún nos revelaron.
Cada un deles ten o seu método. O de Marcos é, segundo el mesmo o definiu, “caótico”. Comeza polo capítulo final e despois escribe o resto, sen guión sobre os personaxes. Traballa escoitando música. Documéntase moito, -le libros, vai aos arquivos-, pero non toma notas. Nin considera a rigorosa exactitude histórica como “un dogma de fe”, pois o que fai é, -lembrou-, literatura, e non historia.
Pere e Fran son máis sistemáticos, aínda que, no fondo, o seu xeito de traballar non é tan distinto ao de Marcos. Pere consulta historiadores. Mesmo para detalles como, -contou a anécdota na Feira do Libro- se o almorábide levaba roupa branca ou verde. Fran traballa co seu guión, e preocúpalle que o lector poida sentirse enganado se se decata dalgunha inexactitude histórica. Pero recoñece que, moitas veces, os personaxes atopan o seu propio camiño, diverxente do que el nun principio lles planeara.
Cada un deles presentou o libro doutro. Pere dixo de ‘Settecento’ de Marcos que para escribir liñas como as que encabezan esta crónica, tiña que ter toda a información sobre a cidade moi ben lida e dixerida. Marcos confesou que botaba de menos no libro de Fran, ‘Medievalario’, que non estivese en galego, pois a historia pídeo. Mais sinalou tamén que, para el, o importante na novela histórica non é a profusión dos datos, senón a súa achega á vida cotiá da época que recrea. Cualidade que, -subliñou-, si amosa ‘Medievalario’.
Fran apuntou, pola súa banda, ao xeito no que Pere conta a viaxe dunha investigadora catalá a Galicia ao tempo que narra a volta dunha familia catalá asentada en Galicia a Cataluña, no tempo da industria da salgazón. Mais o máis importante, -sinalou-, é que a acaba falando dos seres humanos, “dos motivos que nos levan e nos traen”, da arela de buscarnos a nós mesmos, que é o que distingue as boas novelas.
Unha das conclusións da mesa foi que, malia todo o traballo de documentación e todo o esforzo por darlle verosimilitude ás historias, os novelistas son “grandes mentireiros”. Porque para que che crean tes que mentir, traspasar a liña entre ficción e realidade. Marcos explicou que el partía sempre dunha idea, unha imaxe… algo como un billete de 25 pesetas que nos ensinou. Un agasallo da súa avoa, no que alguén escribiu algo para outra persoa de aquí desde Alemaña. “Aquí hai unha novela”, dixo.
Fran asegurou que a el, o que o “fascina vitalmente”, son as utopías. As loitas da xente que se rebela contra o poder establecido. E esa foi outra das conclusións da mesa: a novela histórica ten que apuntar a esas loitas cotiás, aos heroes anónimos. Ás cousas pequenas. Porque, dicía despois Pere, a historia é cíclica e sempre pasa o mesmo: o poder tenta manipular aos de abaixo. E, xa que a novela é un xeito de coñecer a realidade, bo é que olle a esas loitas.
XERAIS














