As 10 mellores novelas de 2010 para Xosé Manuel Eyré

6 Outubro 2011

Blogs,Narrativa,Noticias

O crítico Xosé Manuel Eyré publica un post no que escolle as que, ao seu xuízo, son as 10 mellores novelas de 2010. Reproducimos aquí as que corresponden a Xerais. O listado enteiro pode consultarse no seu blog.

1. O coitelo en novembro, Marilar Aleixandre

3. Periferia , Iolanda Zúñiga

4. Todo é silencio, Manuel Rivas

6. Denso recendo a salgado, Manuel Portas

10. Asasinato no Consello Nacional, Diego Ameixeiras

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas dos Premios AELG 2011

4 Marzo 2011

Ensaio,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios,Teatro,Traducións,Xerais,Xornalismo,Xuvenil

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais)  de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Lorena Domínguez Mallo sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

2 Marzo 2011

Críticas,Narrativa

O portal de literatura do Consello da Cultura Galega, LG3, publica hoxe unha recensión crítica de Lorena Domínguez Mallo sobre a obra Periferia, de Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de Novela 2010. Reproducímola a continuación:

Plano favela

Obra gañadora do Premio Xerais de novela 2010, a forza e a intensidade da prosa que flúe nestas páxinas reborda os sentidos. É un peso pesado literario sexa cal for a etiqueta que o designe. Nesta novela hai espazos e personaxes, vidas que son fíos dos que se pode tirar para ver, o triunfo absoluto do interartístico e da polifonía. Nela habitan por igual a narrativa e o baile, a música e o grafiti.

Vertixe, suor nas mans, lategazos nas tempas, silenzo, pensamentos en liña de fuga, pausa, o momento de retomar a lectura, e de novo, plano xeral, plano máis curto, movemento, tanto tempo ata un primeiro plano que realmente non é tal, que realmente non pode selo, porque sabes que o que tes entre as mans non é unha novela ao uso, e de novo a samba, o rap, o po branco, os disparos, a distancia e a proximidade, a favela, a favela, São Paulo.

Intimida un pouco comezar a ler unha novela de 503 páxinas, que non resulta cómoda de levar no bolso a todas partes para aproveitar a ler un pouco nos momentos perdidos do día. Non obstante, nada máis empezar a ler xa te decatas de que tampouco é un libro que permita ou posibilite ser lido deste xeito. Chegaches a el porque todo o mundo dicía que valía realmente a pena, e porque tampouco parece irrelevante a declaración de vencedor por unanimidade do Premio Xerais de Novela 2010. A magnífica foto da cuberta é só un indicio do mundo que cabe no libro.

A obra artéllase coma en dez pistas dun cedé de música: A Cidade, A Periferia, A Coprotagonista, O Carnaval, O Narcotráfico, O Amor, O Fútbol, O Crime, e o Bonus Track: o Cárcere, alén do Hidden track: o Funk. Cada unha desas pistas ou capítulos confórmase dunha prosa que esvara e non frea nunca, sen a concorrencia de puntos e á parte en case toda a novela. Marca así o seu propio ritmo de lectura, que non se adapta á lectora ou ao lector, somos nós quen debemos adaptarnos. O título do capítulo marca o epicentro temático ou a abertura do zoom da cámara cinematográfica, na que se enfocan diferentes segmentos da vida dunha cidade. A descrición eríxese en toda a obra como vehículo estrela para comunicar. A realidade que se nos amosa cobra un peso real, atragóasenos de realidade, desde o prezo da droga ao prezo da deslealdade, pasando polos soños e polas torturas, pola imposibilidade, polos nenos que traballan cosendo etiquetas a zapatillas de marca que poñen “made without child labour”(296). Os planos acúrtanse da macrópole, São Paulo, á favela concreta da que se fala, logo á vida dunha serie de personaxes, ao carnaval, a como se vive e se morre traficando, a como se pode amar, ao fútbol, á lei de fidelidade que impón o crime, ao cárcere, a ese aire enrarecido que di que non hai futuro posible. Teño que dicir que o capítulo final dedicado ao Funk para min non canxa xa co resto da novela por innecesario, ou é que talvez entre tanta posmodernidade seguimos tendendo a aferrarnos a unha historia e unha vez rematada a historia dos protagonistas (se é que é posible usar esa designación nesta obra), Simone e Brown, para min acabou a novela, que non o hipertexto posible.

A febleza do fío narrativo é deliberada, perséguese a imaxe e a vida dunha favela, e a vida non permite ser reconvertida en narración lineal con protagonistas representativos sen perder o pulso. O que se nos regala en Periferia é o pulso da vida de moita xente, dos espazos que habitan. Por outra banda, a forza e a intensidade da prosa que flúe nestas páxinas reborda os sentidos. É un peso pesado literario sexa cal for a etiqueta que o designe, se ben teño que anotar que abondo clara me parece a tendencia ao hipertextual. A sensación é que en lugar de ler prememos sen decatarnos en ligazóns-palabra que nos levan a outro plano, a outro personaxe, nunha sucesión de escollas fértiles quase ad infinitum. Nesta novela hai espazos e personaxes, vidas que son fíos dos que se pode tirar para ver, o trunfo absoluto do interartístico e da polifonía. É unha obra interartística porque nela habitan por igual a narrativa e o baile, a música e o grafiti. É unha obra polifónica porque inclúe voces e textos tirados de moitos lugares diferentes, moitos letristas, cantantes, autores e autoras cuxa identidade a escritora vai revelando pouco a pouco no blog da novela, xuntamente con ligazóns á banda sonora da mesma (http://periferia.blogaliza.org).

Ligado a ese blog e a esa resonancia hipertextual, esta novela amósanos asemade as potencialidades e as limitacións do mundo no que vivimos. Unha obra absolutamente excepcional se pensamos no formato electrónico, no que poderiamos visitar cada canción, cada letra que a atravesa, algo que sabemos ao mesmo tempo que está totalmente fóra das nosas posibilidades polo simple feito de que non é asumible o gasto que suporía pagar os dereitos de autoría de todos os implicados. Iolanda Zúñiga fala de 500 cancións a comporen a banda sonora desta favela paulense. Os dereitos da cultura tórnanse unha trampa para o dereito á cultura.

Por último, non quero deixar de anotar a miña sorpresa coa confluencia de galego e portugués nesta obra, sorpresa derivada do feito de que as bases do Premio Xerais esixen orixinais en galego segundo a normativa vixente. Alégrame ese encontro, que debería crear escola, aínda que só fose para demostrarnos que as linguas tenden pontes e abren camiños, que non os pechan. Aquí o portugués vai no sangue da novela, as letras e as expresións vivas son difíciles de “traducir” sen perder a forza do que se nos conta. En todo momento na miña cabeza habita a Cidade de Deus, o filme. Invito a comprobar que non supón dificultade ningunha pasar do galego ao portugués e viceversa de xeito constante.

Cheguei ao libro polo boca a boca, e devolvo o convite agradecida. “Periferia é periferia, milhares de casas amontoadas” (57), e por iso a lectura é máis custosa, pero deixa pegada, e como se di nun momento na novela sobre a cidade de São Paulo: “É bonita porque é feia, e como toda feia que se preza, beija mais gostoso” (48).

Lorena Domínguez Mallo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Iolanda Zúñiga sobre «Periferia» en A Nosa Terra

17 Xaneiro 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

A Nosa Terra publica unha entrevista de César Lorenzo Gil con Iolanda Zúñiga sobre a súa novela Periferia, Premio Xerais 2010. Reproducímola a continuación:

Iolanda Zúñiga: «Débolle máis á linguaxe audiovisual que á literaria»

César Lorenzo Gil. Un mes nos arrabaldos de São Paulo, no Brasil, fixo abrochar na imaxinación de Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) o universo narrativo que cimentou en ‘Periferia’, gañadora do Premio Xerais de Narrativa 2010 e considerada pola crítica unha das obras máis renovadoras das letras actuais.

Periferia está construída coma un mosaico de pezas de distinta orixe, desde cancións a fragmentos de libros ou xornais pasando por descricións, diálogos… Por que este modelo estilístico para contar a historia?

Eu quería facer unha estrutura de bonecas rusas, de escena pequena dentro de escena grande. Algo así como unha técnica de zoom cinematográfico que, á vista de paxaro, vai enfocando primeiro a grande urbe de São Paulo, logo a periferia, despois a favela na que vive Luciana e finalmente a historia que quería contar. Tomei o punto de vista que tiven eu cando cheguei ao Brasil, sen coñecementos sobre o lugar, soa, vivindo a vida cotiá cos ollos dunha viaxeira. Quixen guiar o lector a través da miña propia ollada pero recoñezo que sen demasiada distancia, recoñezo que adoutrinándoo un pouquechiño.

Aínda así, a descrición é a técnica máis usada.

Unha descrición do xeral ao particular que comeza cunha longa transición que conducise o lector a onde eu quería levalo. É por iso que nos dous primeiros capítulos non pasa “nada” a mantenta. Se falásemos dunha película, diriamos que na narración non hai montaxe. Todo o que pasa, entra no plano. Quería, sobre todo, ser honesta co que estaba vendo en cada intre, co grao de superficialidade, estrañeza ou abraio que a min me producira aquela experiencia “ao vivo”.

Quen lea o libro pode chegar a dubidar de que sexa unha novela. Vostede a que xénero a adscribe?

É unha novela porque non pode ser outra cousa. Se fose un ensaio, cada fonte que uso debería estar acreditada. Por poñer un exemplo, dou referencia de 500 cancións. Non hai nota ningunha sobre os autores. É certo que hai pouca ficción pero penso que unha novela de hoxe en día é aquel xénero que lle permite ao autor, con maior liberdade, apreixar a parte da realidade que lle interesa. Por iso non me importa recoñecer que hai plaxio, porque reproduzo directamente múltiplas referencias, e incluso algo de pirataría porque me “aproveitei” dos autores das músicas, dos artigos de xornal, dos libros… Estou “corrixindo” isto a través do meu blog, no que vou aos poucos deixando datos máis completos das citas, para quen teña interese.

A novela como concepto literario é obxecto de controversia desde hai décadas. É certo que está en ocaso unha concepción concreta de narrativa?

Eu non son teórica e podo achegar ben pouco a ese debate. O que si penso, como escritora e lectora, é que a literatura deixou de ter como fío preferente a propia literatura. A xente da miña idade está ben máis influída polo audiovisual e a música que polas lecturas. E eu recoñezo que sempre acabo preferindo ver unha película que empezar un libro. E como é lóxico, a linguaxe audiovisual acaba por influír na maneira de escribir, nos temas que se tratan, no enfoque, na relación entre narrador e lector. Pero tamén digo que este concepto é suficientemente amplo como para que caiban moitos tipos de novelas, sen que morra ningún.

Que papel ten a internet na construción de Periferia?

Sen a internet, Periferia non existiría, así de simple. A internet é o 50% da miña novela. Comprobei cada dato na rede, desde cifras até a gíria que falan cariocas e paulistanos. No ordenador descarguei as letras das cancións, lin os xornais dixitais, consultei a wikipedia e outras enciclopedias, deille ao play moitas veces no Youtube (Así a acabei incluído na páxina de agradecementos).

Arestora hai moito debate sobre como salvagardar os dereitos de autor. Pode haber quen diga que houbo “excesos” no seu uso en Periferia.

E quizais teñan razón. Debería ter dado maiores referencias de autores para que non pareza que non os respecto. Porque considero que hai que respectar e pagarlle a quen día a día crea; pero ao mesmo tempo, como creadora tamén, estaría encantada de espallar de balde o que imaxino, porque coido que esa idea está no propio cerne da creación. Dar a coñecer algo que ti compuxeches para que os demais poidan desfrutalo e tamén modelalo, aproveitalo e crear algo novo con material teu. O duro é encontrar un sistema que faga compatíbeis as dúas cousas.


«Non estou segura de que haxa demanda de libro electrónico»

A portavoz do xurado do Premio Xerais, Comba Campoy, dixo que lle gustaría ler Periferia en formato electrónico para poder escoitar a música da novela. Están os creadores preparados para integrar diferentes linguaxes na literatura?

Falarei por min. Penso que en novelas coma esta sería xenial poder acceder dunha maneira instantánea, a través de enlaces, a todas as referencias. E sería máis xusto, retomando o que falabamos sobre dereitos de autor. E supoño que quizais insustentábel porque pagar os dereitos de todas estas cancións non había ser barato. Pero para outro tipo de historias, o libro tradicional chega de abondo. No futuro deduzo que a xente pensará doutro xeito pero a min gústame o libro de sempre por romantismo. Podo marcalos, deixar que amareleen, regalalos. O iPad véxoo demasiado voluminoso. Para iso levo un libro que me ocupa o mesmo. Tampouco estou moi segura de que haxa demanda dos lectores pero vaia, non me opoño ao avance das novas tecnoloxías.

A súa é das poucas novelas que integra o portugués do Brasil directamente no texto.

Na primeira versión da novela non había tanto portugués, tanta cursiva. Era consciente de que atragoaba un tanto a lectura. Mais ao final fun egoísta. Pensei máis en min ca no lector. É algo que fixen conscientemente. Non quería domesticar o libro a risco de que fose máis inaccesíbel. Precisaba que o ritmo de rap conducise o libro da primeira á derradeira páxina porque o ton da novela tiña que ser opresivo, abafante e escuro. E para iso necesitaba a lingua real que escoitara, na rúa e nas músicas. Non foi unha consideración lingüística senón literaria. Tanto é así que penso que este libro perdería o sal se fose traducido ao brasileiro porque un dos seus motores é ese contraste entre galego e portugués, entre tipografía plana e cursiva.

«Para escribir necesito illarme da rutina»

Periferia é en xeral pesimista coa situación dos pobres brasileiros. Hai esperanza de que as cousas cambien?

Coido que si. Pero eses cambios non poden ter só un responsábel. Sen ánimo de entrar a falar de política, do meu punto de vista a periferia brasileira non está completamente “fóra do sistema”. Estanse a facer cousas, moi importantes, por mellorar unhas vidas que estiveron durante décadas apartadas da axenda gobernante. Por iso non se poden resolver nun feixe de anos. Pero o principal é que a propia poboación descubra dentro de si o poder para cambiar. Chámame a atención o enorme poder das relixións, vehiculadas nos cultos africanos e en multitude de confesións evanxélicas. No medio do balbordo dun día a día tan complexo, a actitude maioritaria parece ser a resignación e a entrega ao ditado de Deus. Cando se decidan a actuar, a mellorar, a aprender, os brasileiros mellorarán moito a súa vida.

A súa obra busca caldo de cultivo no conflito case de placas tectónicas (insatisfacción persoal, inxustiza social, represión…) Que outra “falla emocional” lle gustaría pasar ao papel?
Agora mesmo non encontrei nada que me “abale”, seguindo esa metáfora das placas tectónicas. Eu non son unha escritora de rutinas. Preciso illarme, crebar a miña vida cotiá e cambiar de escenario, buscar un espazo meu onde poder concentrarme no que quero facer. Unha vez conseguido isto, a historia flúe con comodidade.

Que libro está a ler arestora

Ando ás envoltas con dous. Tres ataúdes brancos, de Antonio Ungar, e O imposible de desatar, de Iván García Campos, que gañou o Premio Blanco Amor 2010. Aínda lles estou a meter o dente.

César Lorenzo

A entrevista pode lerse en A Nosa Terra, xunto coa recensión de Xosé Manuel Eyré e a de Xosé Lois García no seu blog.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Iolanda Zúñiga, sobre «Periferia» no Faro de Vigo

5 Xaneiro 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

O Faro de Vigo inclúe hoxe unha entrevista de Mar Mato con Iolanda Zúñiga sobre a súa novela Periferia, Premio Xerais 2010. Reproducímola a continuación:


«Só escribo cando unha historia me toca no corazón»

A autora critica que o Goberno brasileiro pacifique as favelas por causa da olimpíada

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) iniciou a súa andaina como escritora recoñecida con Vidas post-it no 2007. Dos relatos curtos, choutou á poesía de Amor amén para, o pasado ano, gaña-lo Xerais de Novela con Periferia, un canto á realidade cruel das favelas.

MAR MATO – VIGO Luciana non pediu “vez para nacer”. Vive na periferia de São Paulo, onde “a guerra do narcotráfico deixa catro veces máis mortos có conflito palestino”. Iolanda Zúñiga dá estes datos e narra a vida deste personaxe así como a doutros habitantes do arrabalde de favelas brasileiras en Periferia, Premio Xerais 2010.Nun momento no que a policía ocupa barrios como Vila Cruzeiro en Rio de Janeiro para intentar frena-la violencia dos clans, a escritora galega (Vigo, 1975) non traba a súa lingua dende esta costa do Atlántico: “Paréceme sorprendente e de cara dura que agora se metan nas favelas porque veñen os Xogos Olímpicos e a copa mundial da FIFA”. “Van –prosegue– para intentar arranxar unha situación que leva pasando 20 ou 30 anos co narcotráfico, a violencia… Ata agora dáballes igual pero agora intentan facer algo para quedar ben ante o mundo”.

–Nun capítulo de Periferia conta como o exército entra nunha favela e acaba asasinando a un neno que na man portaba uns debuxos e que corría cara a nai.
–De vez en cando, a policía entra para cargarse uns cantos narcotraficantes e no camiño cae quen cae. No Rio de Janeiro, coméntoo no libro, hai un coche blindado coñecido como caveirão que teñen unha saída para os canóns do fusil que comezan a disparar “a diestro y siniestro”. Se un neno pasa nese momento, morre.

–Vostede sufriu esa violencia na súa estadía en São Paulo?
–Pasei un mes alí. A tensión no ambiente pálpase. A cidade ten tensión. São Paulo non é o Brasil que venden de praias e de samba. São Paulo ten un carácter máis do norde de Europa, pechado, a xente vai vendo para o chan; non é nada accesible. Eu tardaba da periferia ó centro catro horas en chegar e, de volta, outras catro. Estaba oito horas no autobús, con atasco. Ía cinco días á semana porque quería vivir iso, para plasmalo no libro.

–A historia presenta a Luciana, unha rapaza que deixa os estudos para iniciarse como traficante na favela. Está rodeada de nenos (moitos deles, meniños da rúa) que se drogan co crack.
–Hai sociedades como a sudamericana que se refuxian na relixión. O aborto non está permitido; os anticonceptivos son como instrumentos do diaño e os homes –que son moi machistas– non queren usa-lo preservativo. Unha muller desde os 13 anos comeza a estar embarazada, e de diferentes pais. Os rapaces acaban criándose sós e viven na rúa. Para sobrelevar esa vida, fuman ou inhalan crack, unha droga que mata milleiros de persoas. A xente de clase baixa tómaa proque é moi barata. Non sei exactamente canto custa agora unha pedra pero ó mellor anda entre os tres ou cinco reais, un euro ou incluso menos. O crack evádeos desa miseria e con el tampouco teñen fame.

–En Periferia, ó igual que en Vidas post-it, hai moita soidade.
–Ó mellor, ten que ver co mal do animal, que son eu. Ó mellor, cando un se pon a escribir leva consigo parte da súa biografía ou de como ve o mundo. Ver unha sociedade que non dá unha man á xente necesitada, fai que me preocupe por estes temas, por esas persoas que non son significativas para os medios. Interésanme as persoas anónimas.

–E interésalle a vida sen a escrita literaria?
–Non teño esa necesidade de escribir cada día, nin cada mes, nin ó mellor nun ano ou dous. Cando atopo unha historia da que me namoro intento contala do xeito menos mediocre posible. Ata que unha historia me toca no corazón, non conto nada (Iso si) se volvo a escribir no futuro, será narrativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”Periferia”: sen respiro», comentario de R. Nicolás

26 Decembro 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

En Periferia Iolanda Zúñiga incorpora discursos literarios, ou non, de moi diversa condición e transloce unha intención de revisión social, crítica e activa, nun pano de fondo como é o das favelas de São Paulo, cidade que é metáfora tamén do propio mundo.

Neste universo, e no medio dunha singular banda sonora constituída polos ritmos das cancións populares, do hip hop, do samba, do rap ou do funk carioca, preséntase unha historia de amor suburbial protagonizada por Brown e Simone, emprazada a carón de multitude de luzadas narrativas, algunhas estarrecedoras, que escorren nunha atmosfera de alcatrán para deseñar con verosimilitude un mundo escuro, alimentando un artefacto literario no que non hai respiro e que reflexiona sobre o exercicio do poder,  sobre as escravitudes e a intolerancia mercé unha voz que quere erguerse contra ese holocausto recorrente. Ramón Nicolás

Publicado nas páxinas da sección de <<Cultura>> de La Voz de Galicia do 26 de decembro como un dos libros galegos máis salientables deste 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dolores Vilavedra asegura que «Periferia» lanza un desafío que vai moito máis alá dos límites do propio texto

17 Decembro 2010

Críticas,Música,Premios_Xerais

No suplemento Luces de El País, Dolores Vilavedra fai un repaso das últimas novidades e anuncia unha próxima recensión crítica sobre Periferia, de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de Novela 2010.

Sobre a novela, Vilavedra di que «abraia polo seu poderoso alento narrativo, pola súa ambición literaria e pola súa proxección ética»:

Periferia, a novela coa que Iolanda Zúñiga obtivo o Xerais, abraia polo seu poderoso alento narrativo, pola súa ambición literaria e pola súa proxección ética. Pero, alén dos seus indiscutibles valores literarios, é un texto que debería servir para poñer en debate algún dos mitos e dos tabús da nosa sociedade. Cal é a verdadeira identidade da nosa lingua? Onde está o seu futuro? Cal é, e cal pode chegar a ser, a nosa relación coa lusofonía? Como lemos o brasileiro, en que tipo de lector nos convertemos ante una novela coma esta? Periferia lanza un desafío que vai moito máis alá dos límites do propio texto. Mais temo que, unha vez máis, deixaremos pasar a ocasión de valorar con xusteza a nosa posición, e seguiremos a enredar con lideiras de curto alcance. As árbores, coma tantas veces na nosa historia recente, que non nos deixan ver o bosque do futuro. E o poder, encantado, claro.

Dolores Vilavedra

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia« de Iolanda Zúñiga, o booktrailer

16 Decembro 2010

Narrativa,Premios_Xerais,Vídeos

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/6aoTiBbM4iQ" width="600" height="448" wmode="transparent" /]
Booktrailer de Periferia de Iolanda Zúñiga, novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2010.
O guión e a realización é de David Rodríguez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Os periféricos de Iolanda Zúñiga», artigo de Xosé Lois García

15 Decembro 2010

Artigos literarios,Narrativa,Premios_Xerais

Baixo ese título, «Os periféricos de Iolanda Zúñiga» publica Xosé Lois García en A Nosa Terra un artigo literario sobre a novela Periferia, coa que Iolanda Zúñiga gañou o Premio Xerais de Novela 2010. Reproducimos os principais fragmentos:

A novela de Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) Periferia, publicada por Edicións Xerais de Galicia e galardoada co “Premio Xerais de Novela 2010”, representa un enorme vencello, por parte dunha escritora en lingua galega e desde Galiza, que nos leva ao centro desas convulsións extremas onde a pobreza crea mundos nada improvisados na súa resistencia existencial. Na proeza das favelas de São Paulo, onde Iolanda Zúñiga tece esas historias tan crueis como inconcibíbeis para que esa realidade puntual non deixe de ser materia narrativa; crónica dun territorio privado no que fica normalizado ese exceso cotián de rebasar límites de miseria e delincuencia. Unha novela na que se mastiga o sabor acedo de millóns de persoas confinadas na periferia do grande e populoso São Paulo, onde se articula a desigualdade e a falta de xustiza social nun Brasil onde predomina a minoría de ricos explotando a maioría de pobres de solemnidade.

Á marxe dese tecido harmónico e suculento que nos ofrece esta novela, cos seus persoeiros principais e con tantos outros nada secundarios, a proposta narrativa concede esoutro interese para que a literatura galega vire cara ao escenario da lusofonía; cara aos acontecementos dos nosos irmáns na lingua. Nesta novela mestúranse as expresións galega e brasileira. A autora desexou a convivencia de dous universos bastante descoñecidos apelando ao idioma común. Ela entrou nas mesmas entreteas das diversas miserias e contradicións sociais dos favelados que viven nesas colmeas de barraquiñas, onde os seus habitantes respiran po e limo das estrumeiras fedentas e malsás. (…)

Así, con «olhos embotados de cimento e lágrima» os favelados respiran bafo marxinal onde os códigos predominan e están regulados dunha maneira solidaria para que a vida, áspera e fráxil, acuñe portento e resistencia alén dos límites que trazan as barraquiñas de pau e lata e dos que enarboran riqueza nas áticas terrazas dos edificios de metal cemento e cristal da Avenida Paulista. Dous desafíos potenciais con olladas cruzadas, desenvolvidas nas longas distancias entre miseria e opulencia.

Iolanda Zúñiga esclarece moi ben ese universo descoñecido e tantas veces rodeado de tópicos, nunha narración densa, puntual e fecundante dun novo evento literario sen retorno.

Xosé Lois García

O artigo pode lerse integramente aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia», de Iolanda Zúñiga, unha novela contra a literatura confortable

10 Decembro 2010

Autores,Críticas,Narrativa,Reportaxes

O suplemento Luces de El País publica hoxe unha longa reportaxe de Dolores Vilavedra sobre a novela Periferia, de Iolanda Zúñiga, baixo o título de «Contra a literatura confortable». Reproducimos algúns parágrafos:

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) xa suscitara a atención da crítica coas súas primeiras obras publicadas, os microrrelatos de Vidas post-it e o poemario Amor amén, e por iso resultou alentador que a súa novela Periferia gañase o Xerais 2010. No acto de entrega do galardón, a escritora pronunciou un breve discurso que moitos interpretamos como unha reivindicación da literatura como instrumento de revelación dos problemas do individuo como ser social, que resultaba esperanzadora como alternativa ao narcisismo posmoderno.

(…)

Periferia nace da experiencia biográfica dunha estadía no Brasil, pero tamén dunha inquedanza previa: “A idea de crear algo que denunciase a situación desa parte marxinada da sociedade brasileira, e emprego a palabra ‘crear’ conscientemente, porque daquela non sabía que eu ía ser quen de escribir, xa me seduciu, por vez primeira, hai máis de 10 anos, cando lin Meu pé de Laranja Lima, unha historia sinxela e emotiva que narraba a vida na favela dun menino, Zezé. Logo axudoume o seguimento que fixen dalgunhas das súas músicas (MPB, bossa nova ou, sobre todo, rap). E, por último, influíume outro libro, Cidade de Deus, que tempo despois inspirou unha das series de televisión máis atraentes que vin xamais, Cidade dos Homens“. O coñecemento directo do Brasil impactou fondamente a Iolanda Zúñiga.

(…)

Periferia combina unha historia de amor con elementos da novela de aventuras, pero todo o discurso está salferido de constantes referencias ás causas da desigualdade social, aos fenómenos económicos que explican as periferias, de xeito que quen le non pode eludir esa compoñente, non pode limitarse a unha lectura superficial ou anecdótica. Iso era exactamente o que a escritora buscaba. “Non quería que ninguén eludise esta denuncia. E, se cadra, que algunha lectora se unise tamén a ela. A historia ten un obxectivo claro e, como dixen antes, premeditado. E si, é imposible que se dea unha lectura superficial. Quen queira disfrutar dese tramo da viaxe que atinxe á ficción ten que pagar toda a pasaxe, e aturar informacións, estatísticas e, sobre todo, crueza, realidade. Senón, as lectoras deberán recorrer a outras lecturas máis compracentes”.

Quizais por esa vontade de realismo unha parte importante do texto está escrita en brasileiro. Cando comeza a lectura, unha pensa que esa lingua vai ter una función ornamental, pero a medida que avanza decátase de que non, de que é un procedemento para obrigarnos a escoitar en directo as voces daqueles que non teñen moitas ocasións de facérense oír. Ante o que iso supón de desafío para o público, a autora confésase: “Apenas o valorei, talvez fun unha inconsciente. Se o fixese, non redactaría a novela dese xeito e tentaría aproximarme a un texto máis comercial. Pero non quería sucedáneos baratos do que supuña vivir naquel lugar. Buscaba narrar con veracidade a historia desa periferia.

(…)

Sen complexos, recoñece que o seu é un texto “labiríntico, complexo e canso para a lectora. É probable que haxa quen se desanime a lelo, pero lecturas cómodas e de cen páxinas que fomenten a lectura en galego hainas a moreas. E que ninguén se engane, non vou ser eu quen colla o relevo dese tipo de literatura confortable. A música e o cine xa nos dan todo mastigado. Ler require do noso esforzo e, ás veces, tamén un exercicio de reflexión. Escollín as ferramentas das que me ían valer para narrar a historia sen pensar no mercado nin nas lectoras e si pensando nas calamidades polas que pasan os habitantes dos guetos das grandes urbes, malia que, ao cabo, todos, pobres e acomodados, naufraguen. Así que este relato, denso e asfixiante, está escrito con premeditación e aleivosía. Sorprendeume gañar o Xerais. Era consciente de que presentara unha proposta arriscada e difícil de comercializar.

(…)

Dolores Vilavedra

A reportaxe completa pode lerse aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

29 Novembro 2010

Críticas,Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré publica hoxe en A Nosa Terra unha recensión crítica sobre Periferia, de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de Novela 2010.  A recensión pódese ler integramente aquí. Reproducimos algúns parágrafos:

(…)

Periferia hai que entendela inserida na eclosión, desde hai dúas décadas máis ca nada, da literatura feita nas favelas ou sobre as favelas. Non desmerecemos a Cidade de Deus de Paulo Lins, o primeiro título referencial á hora de falar desta novela de Zúñiga

Literatura marxinal porque está escrita desde a marxe das condicionantes perspectivas da clase media acomodada, a novela de Zúñiga, gañadora do último premio Xerais, denuncia, ergue a voz para retratar o mundo favelario de São Paulo. Un mundo que é un submundo, un submundo que se rexe por regras propias e onde os valores de vida da sociedade acomodada non teñen ningunha validez. Porque son de todo punto imposíbeis: non é o mesmo vivir no andar 23 que nunha favela feita de urxencia e necesidade, non é  o mesmo vestir uniforme de colexio de pago que educarse na rúa da indixencia, dar a luz nun paritorio que tronzar o cordón umbilical cos dentes… Ser un cidadán escribindo unha reclamación de consumo que un ninguén con menos medo á morte que á vida, refugallo creado pola sociadade capitalista ao que os pais con fillos universitarios miran con receo.

(…)

Zúñiga adapta a fórmula narrativa aos seus intereses, xa, de primeiras, dándolles entrada no dicurso ás voces da periferia, facendo delas tamén voces narrativas, desde fragmentos de cancións, sobre todo, mais tamén slogans, graffitis ou estudos que podemos considerar eruditos. Todas estas voces tinxen a novela dándolle unha faciana inequívoca, e cadran do máis natural nunha historia que incorpora unha nómina de personaxes elevadísima. Que vai choutando dunha personaxe noutra de xeito que a imaxe final sexa a dunha pluralidade que non minusvalora o individuo. De xeito que lembra moito títulos como Manhattan transfer ou A colmea e ben pode dicirse, sen temor ningún, que actualiza unha das técnicas narrativas afortunadas do século pasado converténdose inequivocamente nunha novela do século XXI.

(…)

Todo isto fai de Periferia unha novela fortemente transgresora. Nin Camilo José Cela nin John Dos Passos deron soñado con que unha novela como a de Iolanda Zúñiga for posíbel. Mais si, Iolanda fíxoa posíbel. E xa metidos en fariña, daría imaxinado alguna vez James Joyce que un monólogo, un único monólogo for capaz de expoñer semellante tonelaxe de situacións externas sen perder a perspectiva única? Perspectiva única e denunciadora que é o único motor da narración, e que se superpón á propia voz narrativa sen que por iso se deba sospeitar ningún tipo de maniqueísmo.

(…)

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Armando Requeixo sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

25 Novembro 2010

Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

O crítico Armando Requeixo publicou hoxe no suplemento literario Faro da Cultura, do Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Periferia, de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de Novela 2010.  A recensión pódese baixar en pdf. Reproducímola integramente:

Armaxedón; periferia

Exorcismos para sobrevivir

Un zunido inmenso nos oídos. Un zunido inmenso nos oídos e un acedume mesto galgando polo esófago. Esa é a sensación coa que din rematado o medio milleiro de páxinas de Periferia, a novela coa que Iolanda Zúñiga –digamos da autora que naceu en Vigo, 1975 e que é autora de títulos como Vidas post–it (relatos, 2007) e mais Amor amén (poemario, 2008); a presente vén constiturír, entón, a súa primeira narración longa– resultou vencedora, este pasado verán, do Premio Xerais de Novela 2010.

Periferia –ambientada na cidade, na megalópole, de São Paulo, Brasil– vén resultar un vórtice textual de tal magnitude que desintegra calquera xénero literario que trate de describilo. A medio camiño entre o docudrama e mais a crónica ficcionada, entre o relato xornalístico e a prosa poético–musical, as planas de Periferia resístense a tipoloxías planas e o que mellor as retrata é a súa radical e absoluta indeterminación.

Mais esa aconvencionalidade xenérica non é senón a consecuencia lóxica do continente que o contido da obra reclamaba: como transmitir literariamente a loucura mísera dos suburbios de São Paulo, as xeracións de mozos arrasadas polo crack,o espellismo adeusado do fútbol profesional, a violencia agochada tras cada recanto urbano, a escravitude ditada polo narcotráfico, a delincuencia como horizonte único para tantos, a desvertebración social dun mundo no que a vida humana vale menos que nada, nada vale, non vale?

Iolanda Zúñiga non narra ren. Iolanda Zúñiga vomita, máis ben, todo un inferno que se lle meteu dentro,cospe a visión apocalíptica que lle queimou ata o último dos alvéolos pulmonares. O seu non é un exercicio novelístico; antes ben, estamos diante do exorcismo ao que necesitou someterse para conseguirsobrevivir á contemplación do Horror.

Farán ben as lectoras e lectores acostumados aos placebos novelísticos en arredar de si este cáliz literario. E é que acontece que Periferia non pode lerse sen sentir cosidas as tripas,sen arrubiar de só pensar no planeta lamacento que nos congratulamos en perpetuar, nós, aseñoradas e aseñorados habitantes deste denomando “Primeiro Mundo”que habitamos.

Por iso, que aínda existan seres como a Luciana/ Simone coprotagonista do texto, embebidos da esperanza da loita por saír da condena dunha subvida infrahumana, non só insufla vitais ánimos no medio da tempestade agónica, senón que resulta o precioso milagre do rebento vexetal no medio do ermo desértico da mesquindade e mais da ruindade xeral. Periferia, de Iolanda Zúñiga, vénse conformar, xa que logo, como un verdadeiro armaxedón literario. Polo tanto,antes de aventurarnos na súa lectura, convén que meditemos amodo: é que,de certo,non todos están preparados para tanto…

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

22 Novembro 2010

Blogs,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre a novela Periferia, de Iolanda Zúñiga. Reproducimos algúns parágrafos:

Malia a crítica negativa que adoitan recibir os premios literarios, o certo é que serven para facer visible nos medios a creación literaria, especialmente a narrativa, que, sen estes premios, non tería a presenza e visibilidade social que estes galardóns lle procuran. Na literatura galega, tan necesitada de visibilización, o Xerais é, sen dúbida ningunha, o Premio por excelencia, cunha proxección social e de vendas semellante á que ten o Planeta na literatura castelá, ben que limitada ás nosas dimensións.  Este ano o Xerais decidiu darlle o premio a unha novela, que nos pode gustar ou non, mais que non ten nada de convencional, como adoito acontece coas narracións premiadas nestes certames.

Mais ca ante unha novela, entendida no sentido canónico do texto, estamos ante un macrotexto polixenérico, é dicir, hai narración, mais tamén hai etnografía, socioloxía, propaganda política, ensaio ou reportaxe xornalística. Aínda que a narración presente dous personaxes que sobresaen sobre os demais (Luciana-Simone e o Brown) ou outros que teñen certo relevo (a nai de Luciana-Simone, Vagner…), o certo é que estamos realmente ante unha novela de protagonista colectivo, como ben indica o título.

(…)

Como conclusión, hai que dicir que esta novela, aínda que esixe un lector activo e esforzado, é un bo galano para calquera afeccionado á novela, á lusofonía ou o interese por coñecer datos sobre os chamados Terceiro e Cuarto Mundo. Eu despois de a ler, xa verei con ollos distintos todas as reportaxes e noticias que saen sobre as periferias das grandes cidades, especialmente das do Terceiro Mundo ou mesmo do noso Primeiro Mundo

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

A recensión crítica pode lerse enteira aquí.

Ademais, Iolanda Zúñiga continúa escribindo post no seu blog sobre o proceso creativo de Periferia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia», de Iolanda Zúñiga, e a trata de futbolistas

Blogs,Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré continúa a incluír no seu blog novas citas, subliñados e reflexións en torno á novela gañadora do Premio Xerais 2010, Periferia, de Iolanda Zúñiga. Nun deses apuntamentos, incide no capítulo da novela que está dedicado ao fútbol e a súa relación coa sociedade brasileira, así como a «trata» de futbolistas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Citas de Xosé Manuel Eyré sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

17 Novembro 2010

Artigos literarios,Blogs

O crítico Xosé Manuel Eyré publica un novo post con algunhas citas sobre Periferia, a novela coa que Iolanda Zúñiga gañou o  Premio Xerais 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia», de Iolanda Zúñiga, primeiras impresións do crítico Xosé Manuel Eyré

15 Novembro 2010

Blogs,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

O crítico Xosé Manuel Eyré publica un breve post coas súas primeiras impresións sobre Periferia, a novela de Iolanda Zúñiga gañadora do Premio Xerais 2010. O crítico, que manifesta o seu pasmo nun momento en que aínda non rematou de lela, declara descubrir con esta novela a auténtica estatura narradora da escritora. «Estamos no XXI», escribe.

Pode lerse  completo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con Iolanda Zúñiga: «Non hai bos nin malos», asegura falando de «Periferia»

11 Novembro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

A xornalista Montse Dopico publica no Galicia hoxe unha longa entrevista con Iolanda Zúñiga con motivo da publicación da súa obra Periferia, Premio Xerais de Novela 2010. Reproducímola integramente:

«Non hai bos nin malos»

«A dobre moral fainos pensar que temos dereito a xulgar. Aquí véndennos mulatas, praias, festa, pero en São Paulo os negros e mulatos son discriminados»

Crúa, como a realidade do naufraxio global ao que está a abocar un sistema depredador e alucinado. Densa, como o ambiente abafador, caótico, das favelas de São Paulo que a protagonizan. Demoledora. Así é Periferia, a obra coa que Iolanda Zúñiga gañou o último premio Xerais, e que leva só uns días nas librarías. Cincocentas páxinas imposibles de deixar despois de comezar. A ausencia de puntos e á parte, en capítulos que son case como relatos independentes, nin se percibe. Todo flúe veloz, como as letras de cancións que se irmandan co texto, nunha crónica do desamparo humano, da intemperie que chama a berros á drogadicción ou ao alistamento no narcotráfico. O estilo permite recoñecer a creadora de Vidas post-it e Amor Amén. E a súa capacidade para abanear o lector. Falamos con ela para seguir a desentrañar as claves do libro.

O que di o narrador e o que din as letras de cancións que zarrapican o texto é case igual de importante para o que queres contar. Ten que ver coa reivindicación que fas do rap ou do funk das “favelas”?

É que non poden expresarse doutro xeito, agás dentro da súa propia comunidade. Hai moito racismo, e o rap ou o funk das favelas é marxinado nos circuítos comerciais. A música é o medio de expresión máis democrático, de máis alcance. Teñen radios piratas, pero a súa música non chega máis alá. Só un grupo, Racionais MC”s, o conseguiu, e iso axudou a outros. Eu precisaba das súas palabras para contar o que quería contar. E si é certo que se cadra se podería entender sen o meu texto, que está en galego, ou sen as letras das cancións, en portugués…

A periferia e a súa relación co resto da cidade e do mundo é tan protagonista como os personaxes de Simone e Brown. O libro pode parecer unha denuncia da desigualdade, pero é máis… Falas do desamparo da humanidade, tamén os ricos. Do desengano, o fracaso…

O que conto é o mesmo que pasa nas periferias doutros países. Tamén nós temos as periferias abandonadas. O naufraxio é colectivo, hai unha gran perda de valores. Vivimos centrados en gañar cartos e consumir. Non sei se é o sistema, a educación… Parte da humanidade mira só o seu embigo e segue comendo, mentres a outra non come. Os privilexiados son egoístas, prepotentes, soberbios… Xa dixen que todo o planeta é unha periferia.

O estilo comeza moi lírico, outras partes son máis narrativa e rápidas… Hai un narrador en terceira persoa até o capítulo final, no que falan Simone e Brown. Por que?

Eu tiña claro que a protagonista ía ser a periferia. Non sei se é estritamente unha novela, porque non hai moita historia de personaxes… En todo momento quixen recrear a atmosfera abafante que vivín estando un mes en São Paulo. Pero é un caos controlado o do libro, non hai nada posto ó chou. Quería facerlle sentir iso ó lector, aínda sabendo que iso ía disuadir a parte deles de seguir lendo, pois a vida xa é bastante fodida como para ademais atoparte con isto… Pero quería que fose así. Nese capítulo final, antes do anexo, Simone e Brown falan un co outro de amor, de ausencia, de distancia. Quería que falasen eles, e que a voz deles reforzase a do narrador.

Volves falar de soidade, afectos precarios, violencia… e do consumismo como xeito de evasión, como o fútbol,o Carnaval, a relixión…

O hedonismo é vía de escape, o consumismo, como as drogas. A relixión, o fútbol, o Carnaval, son para moita xente unha maneira de seguir adiante, ter esperanza. Aforran todo o ano para ir ó Carnaval… son refuxios que lles permiten sobrevivir.

A través de Simone seguimos o proceso que pode levar ós nenos a tomar crack e/ou meterse no narcotráfico: o racismo, a falta de oportunidades laborais alén da absoluta precariedade, a fame…

Aos nenos ofrécenlles trapichear, ou facer de vixilantes para avisar cando chega a policía, de moi pequenos. Van entrando nunha dinámica da que despois non poden saír, porque cada vez saben máis de xente que está máis arriba. Para manterse espertos para vixiar toman drogras… É perverso. -Non estou a dicir que sexa así con todos, pero poucos conseguen ir á Universidade, onde van os brancos, ou ter un bo traballo-. Despois de estar alí, eu estou segura que, de estar no seu lugar, faría o mesmo. Todos o fariamos: queren axudar ós seus… Ademais moitos nenos están sós, nas rúas, desamparados…

DATOS
A complicidade e a hipocrisía

Sinalas como a ausencia de Estado na periferia propicia que os narcos sexan como os caciques que dan empregos, conseguen favores… E o Estado responde con represión indiscriminada: asasinatos, abusos nos cárceres, tortura…

Non pasa só en Brasil, tamén en México, Colombia… Se non houbese narcotráfico, tampouco habería tanta policía, que chega a acordos cos narcos… Non é que o fomenten, pero tampouco o impiden. E aquí non hai bos nin malos, todos fan o que poden. Tampouco é que sexa o presidente, pero hai alcaldes que mandan no narcotráfico….

Tamén denuncias a hipocrisía e a complicidade: doutros Estados, dos ricos que compran droga, da prensa que silencia o que pasa, dos afeccionados ó fútbol que se manteñen alleos ó tráfico de menores e a explotación que nacen das promesas ás familias de utopías en Europa…

É a dobre moral que nos venden, que nos fai pensar que temos dereito a xulgalos… Desde aquí todo parece mulatas, festa e praia, pero alí os mulatos e os negros son discriminados. Eu observaba como os executivos eran brancos… Fun alí para ver, -un mes tampouco é moito tempo-, e busquei moita información en Internet. Tampouco fixen un ensaio: non é información contrastada ata ese punto.

Montse Dopico

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cartel dos Premios Xerais 2010

5 Novembro 2010

Carteis,Infantil,Narrativa,Premios

Xa se está a distribuír polas librarías o cartel dos Premios Xerais 2010 coas obras gañadoras: Periferia, de Iolanda Zuñiga (Premio Xerais de Novela) e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa (Premio Merlín de Literatura Infantil).

O cartel pode ser baixado en pdf por quen desexe dispoñer del.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga define «Periferia» como «un cóctel de ficción, música e documentación»

29 Outubro 2010

Autores,Narrativa,Presentacións

Periferia, a novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2010, foi presentada onte en Pontevedra. A información de María Conde, de La Voz de Galicia, recolle as declaracións da autora, Iolanda Zúñiga, cando define a novela como «un cóctel de ficción, música e documentación», nas que tamén asegura que a novela «contén moitoa información de xornais, televisión e Internet», procurando mesturalo todo.  Tamén o Diario de Pontevedra recolle a noticia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga abre un blog sobre «Periferia»

28 Outubro 2010

Autores,Blogs,Narrativa,Noticias,Presentacións

A escritora Iolanda Zúñiga acaba de abrir un blog sobre a obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2010, Periferia. Precisamente esta tarde terá lugar en Pontevedra a presentación da novela (ás 20,00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Edificio Café Moderno de Pontevedra).

O blog chámase Planeta Periferia e nel a autora vai incorporando anotacións e comentarios sobre a súa propia novela e o proceso de creación, así como da banda sonora que acompaña ao texto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Manuel Candelas sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

26 Outubro 2010

Autores,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

Manuel Candelas publica no seu blog, Arume dos piñeiros, unha recensión crítica sobre Periferia, a novela de Iolanda Zuñiga que foi Premio Xerais de Novela 2010. A recensión crítica remata con estas palabras: «Eu, con esta Periferia, coloquei xa a Iolanda Zúñiga no máis alto da literatura galega. A ver se cunde o exemplo deste volcán literario que temos aquí diante». Reproducímola integramente:

Aproximación (tímida) a Periferia

A novela, Periferia é unha crónica complexa (por aproximar algo a definición coa incompetente lingua do lector que son eu) da cidade de Sao Paulo, con dous protagonistas case imperceptibles pero poderosos que viven unha paixoal relación amorosa. Este subtilísimo fío argumental, a vida feroz destes dous personaxes, resumida nos seus comezos con trazos duros e demorada na súa fixación erótica, é o de menos, porque Zúñiga prefire atrapar o pulso dinámico, caótico ás veces, sempre electrizante da metrópole brasileira nun desafío que supón crear a propia cidade co concurso de miles de palabras completamente ceibes.

A novela está escrita en forma polifónica, cun narrador/a omnipresente (tamén por ir acoutando algo, pobre de min) que vai debullando, con un presente histórico que dota á historia dun modo documentalista, as súas descricións, as súas impresións da cidade. A voz narrativa, nun galego de elevada concentración metafórica, cunha sintaxe envolvente e interminable, case abafante, vai colocando as pezas deste quebracabezas con parsimonia, coa introdución de numerosos excursos, con datos, estatísticas, informes, sobre a prostitución, o narcotráfico, o fútbol, o entroido, as organizacións criminais, o tránsito, a venda de armas ou a estrutura interna e funda do mundo das favelas. Esta voz que conduce a historia (por meandros inacabables, por rodeos tan apaixoantes como o propio tecido da trama) aparece alternada con numerosísimas citas ou referencias en portugués abrasileirado, procedentes de letras de cancións (particularmente do funk suburbial de Sampa ou da variada fertilidade musical do Brazil, desde Chico Buarque a Adriana Calcanhotto, desde a bossanova ao hiphop faveliano), de diálogos televisivos quitados de telenovelas populares, de discursos oficiais copiados na súa solemne retórica decadente, de prospectos, de cartaces, de infinitos lugares onde un texto poida referendar ou amosar a veracidade e a riqueza íntima dos feitos. Dá a impresión de que a célebre afección cervantina por ler ata os papeis que atopa no chan acha un correlato na afección de Zúñiga por trasladalos todos (sen xerarquías nin sucedáneos culturistas) ao corpo xa abigarrado do seu texto extraordinario.

Toda esta perspectiva, organizada por esa instancia narrativa, con todos os recursos e as voces ao seu alcance, transcritas en portugués, trata de dar conta da complexidade urbana da gran cidade de Sao Paulo. O primeiro capítulo, titulado precisamente a Cidade, apenas debuxa un leve relato e xa se deixa levar por unha prolongada descrición da cidade. O retrato comeza así:

“Latexa a madrugada no asfalto poeirento das avenidas. Zoa o vento ferido cobregueando calexas secundarias de neons esgotados. No formigón aínda tépedo, ue non renuncia ao sufoco do día previo., permanecen esmagadas as cabichas de filtos Philip Morris dos conductores na caravana infame de coches. Permanece a noite. Perpetúase a fatiga. Apoiado ao pé dun semáforo, un letreiro manuscrito dun home que non pasou da segunda serie do primeiro grao, nunha xornada de caridade escasa: unha esmola, meu, por caridade.. que Deus abençoe voçe. Bolsas de plástico rolan por mor da brisa enfurecida que anuncia o ocaso do verán. O tempo no que as norias estacionan o seu xiro, as luces do carrusel de cabaliños minguan e as caravanas trashuman. Na medula danada da cidade todo acontece coma nas novelas do oeste. O pó de molestas partículas, a soidade das arquitecturas efémeras, a desconfianza da penumbra prácida, as balas de lixo a desprazarse pola noite espida. Íntima.”

A pintura da urbe recolle toda a heteroxeneidade do mundo. Apenas queda nada por ser descrito. Unha idea de totalidade, de exhaustividade narrativa apodera o relato. Tras este primeiro capítulo, no que se divisan as cachoupas pobres dos arrumbados á periferia, dos desherdados que se agrupan nos outeiros en favelas, Zúñiga entra en calquera recuncho desa megalópole e penetra até nos íntimos espazos, onde se explica de maneira total a desorde, o caos e, sobre todo, o non future de case todo. A narración continúa cunha portentosa suma de paisaxes humanas para poder conter nas súas máis de 500 páxinas toda a cidade e, sobre todo, toda a periferia de SP. Quizá haxa poucos exemplos na literatura moderna nos que unha cidade se impoña decididamente a todo, en que unha cidade constrúa por si soa o ritmo da narración. A fabulosa invención de Zúñiga resulta aínda máis extraordinaria pola creación dun mundo decididamente pouco próximo aos lectores que nin siquera mantén con Galicia ningunha relación (só unha levísima mención á fábrica de armas de coruña, que curiosamente figura como gratuíta), dun lugar descoñecido, abigarrado, complexo, coas armas dunha narrativa fragmentaria pero totalizadora, con centos de voces prestadas pero enérxicas e efectivas, coas perspectivas cruzadas e coas palabras usurpadas a outros discursos para compoñer un unha especie de patchwork de encaixe marabilloso.

Eu, con esta Periferia, coloquei xa a Iolanda Zúñiga no máis alto da literatura galega. A ver se cunde o exemplo deste volcán literario que temos aquí diante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia», de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais 2010, presentación este xoves en Pontevedra

Narrativa,Noticias,Presentacións

A novela gañadora do Premio Xerais 2010, Periferia, de Iolanda Zúñiga, será presentada este xoves en Pontevedra por Edicións Xerais de Galicia en colaboración co Ateneo de Pontevedra e a Fundación Caixa Galicia.

O acto, que contará coa intervención de Antón Sobral, Manuel Bragado e Iolanda Zúñiga, terá lugar o xoves, 28 de outubro, ás 20,00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Edificio Café Moderno de Pontevedra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia», de Iolanda Zúñiga: «Esperanza nas favelas»

25 Outubro 2010

Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

Baixo o título de «Esperanza nas favelas», o Xornal de Galicia recollía o pasado sábado unha recensión de Periferia, Premio Xerais 2010, asinada por XDG. Nela infórmase do tema da novela, recollénse declaracións da autora, Iolanda Zúñiga, así como as valoracións do xurado: «un universo so narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela». Pode lerse completa aqui.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A reedición de «Vidas post-it»

4 Outubro 2010

Autores,Narrativa,Noticias,Reedicións

O Xornal de Galicia faise eco da reedición de Vidas post-it, o primeiro libro de Iolanda Zúñiga, autora gañadora do Premio Xerais 2010 coa novela Periferia, que estará proximamente nas librarías. Vidas post-it fora publicado orixinariamente, hai tres anos, na colección Abismos, destinada á publicación de novos narradores e reedítase agora na colección Narrativa.

Como se di na información do propio xornal, «os relatos de Vidas post-it tiveron unha excelente acollida por parte da crítica no seu momento. Contos curtos, concisos e veloces que alimentan un receitario de tropezos na vida. Un libro inzado de imaxes do cotián».

E n definitiva, os do libro, son post-it escritos cunha prosa directa e rotunda, atractiva e imantada, deseños veloces coma tráilers de películas que debuxan vidas marcadas polo naufraxio persoal ou colectivo, afondando no recuncho máis escuro e brutal da propia vida.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vidas post-it», o libro de relatos que descubriu a Iolanda Zúñiga, reeditado en Narrativa

24 Setembro 2010

Autores,Narrativa,Noticias

Vidas post-it, o libro de relatos  que descubriu a  autora revelación dos últimos anos, Iolanda Zúñiga, recente Premio Xerais de Novela con Periferia, acaba de ser reeditado en Narrativa e estará a vindeira semana á venda en todas as librarías.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga: «Os tempos son chegados, tamén para a ficción»

20 Setembro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de Novela 2010 coa novela Periferia, foi entrevistada este sábado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia polo crítico Ramón Nicolás.

«OUTROS TEMPOS SON CHEGADOS, TAMÉN PARA A FICCIÓN»

A INCORPORACIÓN DE NOVOS FORMATOS ENTRETECIDOS NA FICCIÓN ÉRGUESE COMO CLAVE DUNHA DAS NOVELAS MÁIS AGARDADAS DA TEMPADA

Iolanda Zúñiga representa unha das voces máis heterodoxas e independentes da creación literaria galega. Deu o salto á creación  creación con Vidas post-it (2007) unha recompilación de relatos que agora vai ver unha nova edición, á que seguiu o seu primeiro poemario: Amor, amén (2008). Nuns días verá a luz a súa primeira novela.

A súa primeira novela e xa Premio Xerais. Sorprendida ou confiaba nas posibilidades do texto?

—Albergaba a esperanza de que Periferia chegara a finalista, posto que me embarcara nunha tarefa de rastrexo moi minuciosa, mesmo imprescindible, para elaborar algúns fragmentos nos que era obrigado achegar datos sobre aquela realidade diferente, illada, allea. Quedei satisfeita cando souben que Periferia fora unha das tres novelas elixidas. Pero si, sorprendeume que o xurado a premiara, pois malia que coñeza as súas virtudes tamén sei onde estriban as súas carencias.

En «Periferia» incorpora fragmentos de todo tipo (letras de cancións, textos ensaísticos, anuncios, poemas…) pero sobre todo hai unha enorme presenza de textos tirados da Rede…

—Incorporo todo aquilo que me rodea e, principalmente, todo o que atinxe á realidade que tento describir, todo o que axude a comprender ao lector a idiosincrasia daquel lugar e das súas xentes. É por iso que todos os recursos que enumera van escritos en lingua portuguesa. Soldan o texto galego ao portugués, imprímenlle un carácter de continuidade ao relato e evitan os puntos e á parte. Mais non fago referencia á Rede de xeito deliberado, non premeditei ningunha estratexia, só é un condimento máis da novela, agás que creo que outros tempos son chegados, tamén para a ficción.

Hai quen afirmará que na novela hai escasa ficción (Brown e Simone son uns novos Bonnie and Clyde) e abondosa información…

—Exacto, non segue os patróns habituais dunha novela. E si, hai quen afirmará que máis que unha novela é un documental. Pero non foi algo gratuíto. Elixín, con aleivosía, darlle ao texto unha tintura pseudoxornalística para que a narración fose crible. Pensei que se a avituallaba de moita ficción e pouca información quedaría ridícula e fráxil, sen alicerces. E si, ese tipo de tandém ao Bonny and Clyde encántame. Se non falei máis deles foi porque o número de páxinas xa era abondo elevado, eu estaba cansa e tampouco quería aborrecer o lector.

A música é máis que un «leit-motiv» na novela: un fío polo que deixarse levar…

—A música é o 20% da novela, fóra a ficción e a documentación. Son nove cortes e un bonus track, igual que nalgúns cedés. Sírvome de letras de rap, MPB ou samba para narrar a historia, sen pausa e con afogo, tentando recrear a claustrofobia de vivir en idénticas circunstancias ás dos personaxes. As frases musicais que aparecen entremedias do texto en galego pretenden fornecer de veracidade pasaxes do argumento, xa que moitos deses autores de rap viviron ou viven unha realidade semellante á dos coprotagonistas.

A São Paulo retratada no libro non é a dos folletos das axencias de turismo…

—Non, a São Paulo que interesa aos turistas non vai moito máis alá dunha avenida principal, dúas vistas panorámicas, tres museos e catro liñas de metro. É común que os visitantes non excedan os límites do saudablemente recomendado nin transiten lugares que non aparezan na Lonely Planet. Todas as cidades do mundo agachan os seus extrarradios aos forasteiros, por vergonza, mais ninguén fai nada para amañalo. Os seus gobernantes limítanse a varrer o po debaixo  da alfombra (o último berro en Brasil consiste en separar, mediante muros de contención, as zonas emerxentes das favelas).

Na novela emprega xiria brasileira e numerosos fragmentos sen traducir. Unha aposta pola proximidade lingüística?

-Si, valinme deses recursos porque a proximidade lingüística é innegable. Quen lea en galego non vai ter dificultade para ler en portugués. Porén, creo que a maior parte da novela se sostería só seguindo os fragmentos en galego e obviando os portugueses que, sobre todo, buscan imprimir autenticidade no texto e teñen un papel máis explicaticavo, orientativo.

A ficción ás veces rodéase dunha extrema dureza, teselas dun mosaico que é a vida  real?

—Si, nas nosas vidas mestúrase o bo e o malo, mais no devir biográfico doutras persoas abunda o peor. Estiven alerta para non converter esta ollada descarnada en demagoxía barata. Todo o que relato ten unha base real, e todos sabemos que a realidade soe ser bastante máis cruel que as catro anécdotas que ilustran unha novela, mais aínda descoñezo as palabras precisas coas que describir certos holocaustos que están a devastar o mundo…

O discurso literario é crítico coa sociedade capitalista, a explotación, a exclusión social e implacable co chamado primeiro mundo…

—É o que vin. Non lin ningún manual comunista para estudar como poñer a parir este sistema económico. Non fixo falta. Calquera ser humano que levante a vista por riba do rabaño pode observar o que está a acontecer. Se o capitalismo fora tan brillante, por que o planeta está tan enfermo, tan desolado, tan segregado? Uns poucos vivimos grazas á mala vida que lles damos aos demais.

—«Periferia» tamén somos nós?

—Nós somos tamén periferia. Ou cando menos iso é o que nos fan crer eses outros que son tamén periferia. Situación xeográfica, minoría cultural, subordinación a un Estado… Dubido que a moita da poboación mundial, incluídos os personaxes que saen na novela, lugares como Bruxelas ou Dubái lles digan algo, moito menos cidades como Madrid. Creo que o planeta é arrabalde, que o seu centro non está nesta galaxia e que, de estalo, quizais agora mesmo se sitúe en Pequín e fale chinés mandarín. Somos insignificantes.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica sobre «Periferia» de Ramón Nicolás

Críticas,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

No suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia do pasado sábado, amais dunha entrevista con Iolanda Zúñiga, autora de Periferia, inclúese unha crítica de Ramón Nicolás nas que, entre outras cousas, asegura que «voces como a de Zúñiga non se poden desaproveitar: espellan un tempo, que é o noso, e fano con honestidade» Pódese ler a crítica completa aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Outono de lectura: Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras

16 Setembro 2010

Narrativa,Noticias,Reportaxes,Xerais_nos_medios

Maré, as páxinas de cultura do Galicia Hoxe, recolle hoxe unha reportaxe sobre as novidades literarias para o próximo outono, baixo o título «Outono de lectura».

Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras son os tres autores que Xerais vai ofrecer aos seus lectores e lectoras. A nova novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, que aborda o mundo do narcotráfico; o Premio Xerais de Novela 2010, concedido por unanimidade a Iolanda Zúñiga por Periferia; e a novela político dectectivesca de Diego Ameixeiras, Asasinato no Consello Nacional, constitúen tres magníficas novelas, distintas e de grande calidade, para este outono literario, tal e como se recolle no Galicia Hoxe:

«Manolo Rivas levou con sumo segredo o contido de Todo é silencio, a obra que sucede á eclosión narrativa de Os libros arden mal. Antonte mesmo fixo as últimas correcións do texto e a finais deste mes terá, fisicamente, o libro. Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema – coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, “quedará gravado na historia da Literatura galega”. É, engade o editor, “unha novela profundamente fermosa, de lectura e de escrita”. Segundo as previsións da editorial, publicarase antes do 10 de outubro».

«O Xerais 2010 tamén terá o seu oco nos andeis, xa que a editorial publicará proximamente Periferia, de Iolanda Zúñiga. Trátase dun texto “contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia” ambientado nas favelas brasileiras, onde a xente sen oportunidades recorre ó narcotráfico antes que a ir á Universidade xa que “gañan moito máis”. Periferia fala daqueles que viven “nos confíns do mundo” e dos “corazóns esperanzados dos seus protagonistas”. A editorial aproveitará a ocasión para facer unha reedición do seu Vidas post-it, de 2007».

«Quen está levantando moita expectación é Diego Ameixeiras co seu Asasinato no Consello Nacional, que ten tódalas papeletas para converterse no best seller da temporada. Na súa novela, o detective Alberto Cudeiro recibe o encargo da dirección do Bloque Nacionalista Galego de investigar un crime sucedido ó saír da reunión do consello nacional do partido. Alí, un encarapuchado asasina con tres disparos ó parlamentario Mario Dacosta, intres despois de que a executiva presentase a súa dimisión. A súa investigación non queda nese incidente, xa que Cudeiro rematará por resolver un enigma relacionado coa Guerra Civil».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Todos somos periferia», entrevista a Iolanda Zúñiga en «Xornal de Galicia»

28 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

Iago Martínez entrevista a Iolanda Zúñiga en Xornal de Galicia, dúas semanas despois da entrega do Premio Xerais de Novela 2010. A autora de Periferia ultima estes días o o rixinal da novela que aparecerá nos andeis das librarías na primeira semana de outubro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Narradoras para o século XXI» por Teresa Cuíñas

25 Xuño 2010

Autores,Narrativa,Reportaxes,Xerais_nos_medios

A LITERATURA SAÚDA A UNHA NOVA XERACIÓN DE MULLERES PROSISTAS

Dezaoito anos despois da súa creación, en 2001 o Premio Xerais de Novela, o de maior dotación económica en lingua galega, distinguiu, por vez primeira, unha obra escrita por unha muller. A Marilar Aleixandre, con Teoría do caos, tocoulle estrear un palmarés cuxa lectura diacrónica indica a invisibilidade das producións de autoría feminina e a escasa nómina de narradoras. Desde a inauguración do marcador até hai quince días, cando se resolveu a XXVII edición do certame a favor de Periferia, de Iolanda Zúñiga, as premiadas son seis. Este feito natural e predecíbel é aínda rechamante, por inédito, para os mediadores (editoriais, crítica e prensa) do sistema literario, e así llelo comunican aos lectores a través das canles de difusión. A perspectiva histórica ten a encarga de ofrecer as ferramentas axeitadas para a análise das traxetorias, das vixencias e das repercusións desde o futuro cara ao contexto actual.

“Temos canteira”, aseverou o director da editorial Xerais, Manuel Bragado, na noite dos premios. A expresión aludía á renovación xeracional da cultura galega, que posibilita a continuidade do traballo desenvolvido por diferentes axentes en eidos diversos, e, en particular, espella a relevancia das achegas literarias asinadas por mulleres, tan diversas e diferenciadas como imprescindíbeis no camiño da normalidade sociolóxica. “Supón unha esperanza nun intre no que semella que se nos quere negar a existencia e o futuro da lingua e da cultura galegas”, reflexiona o editor.

Visibilidade, encontro cos lectores e estímulo, os premios literarios son marcadores decisivos tamén no universo literario galego que as prosistas están empregando para crearen cadansúa imaxe autorial. “Os premios, como a posibilidade de publicar en revistas, forman parte de políticas de fomento á creación en galego que, no meu caso e no de moita outra xente, supuxeron un incentivo”, explica a escritora e xornalista Rosa Aneiros. Por un galardón, ao que a presentou un dos seus profesores de instituto, empezou a publicar unha Inma López Silva aínda adolescente. “Case todas as obras que publiquei ou vou publicar foron gañadoras ou finalistas de premios. Non quero dicir que publicar á marxe dos premios sexa difícil ou fácil; simplemente non sei como é, porque para min a saída natural para o que ía escribindo foi sempre mandalo a certames”, conta Eva Moreda, gañadora do Premio Terra de Melide 2010 con A Veiga é como un tempo distinto, unha novela ambientada na emigración galega en Londres, onde a autora está a residir. “Levo anos escoitando que a emigración é un tema trillado demais na literatura galega, e cando vivía en Galicia pensaba o mesmo, pero unha vez fóra, cando ti mesma estás experimentando, aínda que desde outra perspectiva, os sentimentos e emocións que viviron os que emigraron antes ca ti, paréceche inmediato e real”, recoñece.

Xerais publicou en 2000 a compilación Narradoras, volume inaugural da colección Abismos, destinada a acoller publicacións en prosa de carácter experimental. Ao coidado do escritor Fran Alonso, o libro reúne 25 relatos inéditos de escritoras galegas, algunhas autoras novas e outras consolidadas. Na súa presentación, Narradoras constaba como a primeira antoloxía de narrativa galega escrita por mulleres coa intención declarada de reflectir a formación dun corpus literario “que sen dúbida marcará o futuro da literatura galega”. A autodefinición como “comezo posíbel”, explícita no prólogo, indica a sensación de estar traspasando portas pechadas.

“Aínda que abrangue textos de desigual calidade”, observa a crítica literaria Dolores Vilavedra, “o libro provocou un efecto de bóla de neve que demostrou a eficacia deste tipo de estratexias de planificación cultural para facer visíbeis as escritoras”. A aparición de Narradoras e o Xerais de Aleixandre son os fitos cos que Vilavedra traza a fronteira cronolóxica do que denomina “a primeira xeración de narradoras da literatura galega”, nacidas a partir da década dos 70 ou que empezan a publicar no abrente do século XXI: “Non houbo xeración anterior, escritoras como María Xosé Queizán, Marina Mayoral ou Úrsula Heinze, primeira gañadora do premio Blanco Amor en 1994, foron pioneiras, case francotiradoras. Agora si existe un corte xeracional nestas autoras: comparten un perfil biográfico, constitúen un grupo dinámico e estabelecen relacións dialécticas e fructíferas neste momento” …

Fragmentos do artigo de Teresa Cuíñas publicado nas páxinas de «Luces» de El País Galicia o 25 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Xerais para unha moura fermosa

21 Xuño 2010

Autores,Narrativa,Poesía,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Unha moura fermosa e alegre fíxose este ano co galardón do Premio Xerais de Novela. As mouras son eses seres fantásticos que viven nas fragas galegas e teñen por misión coidar da natureza. Ela é unha muller de Vigo, pero pola súa alegría, que contaxía, por eses ollos abertos ao infinito e por ese sorriso traveso, e porque cando a atopas nunha rúa da súa cidade parece que un furacan de vento agradable te asalta, por todo iso é que máis que unha muller de Vigo parece unha moura das fragas. Pero o que é con certeza é unha escritora verdadeira, non porque sexa en verdade unha escritora, que o é, senón porque o que escribe é verdade. E aquí lembro aquilo que dicía Novoneyra de que ser poeta é ser verdadeiro. Pois Iolanda Zúñiga é unha poeta porque é verdadeira. Sabido é que as mouras nunca minten.

A primeira persoa que me falou de Iolanda Zúñiga foi Celia Torres, outra moura das fragas, que ten por misión coidar da árbore nutricia que é edicións Xerais. Acababa Iolanda Zúñiga de publicar o libro de relatos Vidas Pos-it, e certamente Celia transmitía paixón por ise libro, así que fun a comprobar o fundamento desa paixón, e descubrín unha forma moi libre e arrebatadora de escribir, cun pouso fondo de tenrura e un aquel de tristura que golpea no corazón do lector. O curioso era que os relatos contaban as historias de mulleres maltratadas pola vida, sobretodo polo absurdo e o tedio da vida convencional, e case todas elas cunha maleta chea de soños rotos pola imposición do cotián, e podía iso levar a facerte unha imaxe da escritora, Iolanda, como alguén perseguido por unha vida similar á que presentaba nos seus relatos, porque ao transmitir tanta verdade parecían escritos dende a experiencia. Pero de súpeto descubrías que Iolanda é ese remuiño de alegría que en nada se parece a unha muller desconfiada da vida, ela semella ser unha apaixonada da vida, o que sen dúbida engade máis valor ao que escribe. Logo veu o seu poemario Amor amén, tamén publicado por Xerais, que contén unha poesía directa e contundente, cun son de música urbana, e temática na mesma liña que Vidas Post-it. Agora co premio Xerais para a súa novela Periferia, da que sabemos que narra a vida nas favelas de Sao Paulo no Brasil, e polo tanto intuimos igual de dura e directa que os seus textos anteriores, Iolanda é xa unha realidade sólida da escrita galega, o que é algo moi positivo para as nosas letras, que se incorporen escritores e escritoras con esa vitalidade narrativa e poética e tamén no seu trato persoal. E non debe pasarse por alto o feito de que nos últimos dez premios Xerais foron premiadas seis escritoras, todas elas dunha grande potencia literaria, o que fala de algo moi positivo para o conxunto da sociedade galega: a familia da escrita en galego segue a ter un compoñente de vangarda social, como empezou a telo na época en que Rosalía de Castro confirmaba coa súa palabra poética a nosa identidade tan singular, e coa que podemos enriquecer ao mundo, como dixo Luís Seoane. Xosé Rivadulla Corcón

Texto de Xosé Rivadulla Corcón publicado en Xornal de Galicia o 20 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga: «Contra a soberbia»

15 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Iolanda Zúñiga volve esculcar na realidade crúa na novela coa que gañou o Xerais, unha historia sobre a precaridade cotiá e a falta de oportunidades nos suburbios

Montse Dopico “Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras”. Son palabras de Iolanza Zúñiga, ao coñecer a noticia da concesión do Premio Xerais coa súa primeira novela. A autora deuse a coñecer coa prosa contundente, directa e concisa dos relatos de Vidas post-it, (Xerais, 2007), que mudou en monólogo en verso libre en Amor Amén (Xerais, 2008). Agora acaba de gañar o Xerais con Periferia, un chanzo máis na súa esculca da realidade núa, crúa, brutal.

Este libro semella unha evolución non necesaria -podías ter virado para a poesía- pero si coherente co que tes escrito antes…

Ata agora escribir era para min máis como un hobbie, agora é máis un oficio. E si hai puntos comúns cos outros libros. A historia requiría unha maior extensión, para falar da cidade, os protagonistas, o entroido, o fútbol, a delincuencia, o narcotráfico… En Vidas post-it non había dous protagonistas, aínda que esta novela pode lerse como relatos, coma aquela obra. E, como en Amor Amén, hai partes fortes, duras…

A túa é unha literatura do cotián. De que experiencias agromou esta novela?

Está cimentada sobre a música. Hai uns quince anos comecei a interesarme pola música do Brasil, e ultimamente polo hip-hop, a cultura urbana… Tamén de documentais que vin… Cousas que vin, que escoitei… de cando aínda non era escritora. Elementos que viñan de moi atrás, e cos anos colleron consistencia. Vivín un tempo na periferia de São Paulo, visitei tamén outra favela en Río de Xaneiro…

O xurado salientou as referencias na túa novela á cultura de masas, a cultura popular, o mundo da música, o cinema, os medios, a publicidade -cuestións que xa tes abordado, de xeito claro en Amor Amén, para relatar un mundo consumista, teledirixido e baleiro para as persoas-…

Si, creo que hai nesta novela algo de cultura popular. Polo medio hai por exemplo cousas da prensa rosa, da publicidade… Si hai un aspecto pop, incluso vulgar, que creo que lle acaía á historia…

Das novelas como a túa, como as doutros autores e autoras que utilizan esa técnica de introducir fragmentos de elementos da nosa realidade: os medios, as novas tecnoloxías.. chámaselles ás veces textos posmodernos. O xurado viu nesta obra un chanzo máis na renovación da narrativa galega. Se cadra vós, só tratades de reflectir o que vedes…

Estou de acordo contigo. Eu non sinto que vaia renovar nada. O que escribo é algo que xorde de maneira natural, pola vida que me tocou, os empregos que tiven…, non me sairía doutro modo. Ao que conto vaille moi ben o ritmo rap, que é algo que está na rúa…

En Amor Amén cuestionabas o rol feminino tradicional, o xeito no que ás veces entendemos as relacións. Nesta novela parece que queres que ollemos a outra realidade que moitas veces non queremos ver…

O certo é que tiña medo de que me saíse algo panfletario. Eu vin aquilo, estiven alí e foi duro. Tentei facer algo equilibrado, e sei que hai partes nas que non o conseguín… Pero despois decateime de que tiña que ser sincera, non podía agochar que me estaba a afectar aquilo…, e quixen facer reflexionar. Falo dunha periferia, que podía ser calquera suburbio de calquera cidade.

E o estilo? Recoñecemos no libro á Iolanda das anteriores obras neste aspecto?

Eu creo que si, pero é difícil apreciar iso desde unha mesma…, porque escribo desde min. Eu si me recoñezo na novela: ás veces crúa, outras veces máis lírica, outras cunha prosa máis sinxela…, aínda que xa pasaron tres anos desde Vidas post-it.

Xa tes falado da soidade, a precariedade de afectos, a incomunicación, o desamor, a violencia, as drogas, a dependencia… Que querías subliñar neste libro?

Para alguén que vive nas favelas, a súa esperanza é o fútbol e o Antroido. En vidas marcadas pola droga, a violencia, o narcotráfico… son os ingredientes básicos da vida alí, non só nas favelas senón na periferia, no que abrangue do centro ás favelas.Teriamos que tentar ver esa periferia, deixar de mirarnos ao embigo, estar máis do lado da periferia.

PERSONAXES

“Os nenos engánchanse ó crack”

Fálasnos dos personaxes?

Hai dous, que son semiimportantes, tampouco teñen tanto peso. Unha muller, Luciana, que se mete no narcotráfico para axudar a nai, que é algo que pasa alí. Os nenos engánchase ao crack, e os delincuentes maiores o que queren é que se enganchen, porque así traballan para eles. E Brown, un bandido máis de renome. Son xente que non ten oportunidades. Moi poucos negros van á Universidade, e saben que pouco máis poden esperar. Gañan moito máis co narcotráfico…

Texto da entrevista publicada en Galicia hoxe o 15 de xuño de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fran Alonso, secretario do Premio Xerais de Novela 2010

Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Fran Alonso, secretario do Premio Xerais de Novela 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga fala de «Periferia», Premio Xerais 2010

13 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Vídeos
Chuzame! A Facebook A Twitter

Iolanda Zúñiga, primeiras entrevistas

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de novela 2010 por Periferia, foi entrevistada por diversos medios. Recollemos estas primeiras entrevistas.

Fotografía de Pilar Ponte publicada en Facebook.

Outras entrevistas anteriores con Iolanda Zúñiga:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2010 nos medios

Entrevistas,Merlín,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Foto de © Paula Gómez del Valle.

«Numerosas son as referencias publicadas na prensa galega, tanto impresa como dixital, arredor do fallo dos Premios Xerais 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia» de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de novela 2010

Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

O xurado da 27ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e oito participantes acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «O avesso do avesso» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iolanda Zúñiga e corresponde ao título Periferia.

Iolanda Zúñiga (Vigo 1975). Mestra de Educación Musical. Forma parte do grupo Murmelbruxas de música para nenos. Na actualidade traballa nun restaurante vexetariano de Vigo. Con anterioridade fíxoo como titiriteira, asistente nunha libraría e nunha tenda de discos. Como escritora publicou o libro de relatos Vidas pos-it (Xerais 2007), pezas concisas e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida, recibida de forma entusiasta pola crítica, e o poemario Amor amén (Xerais 2008), un monólogo en verso dunha muller enganchada a unha relación destrutiva. Coa súa primeira novela, Periferia, obtivo o premio Xerais de Novela 2010.

O xurado do Premio Xerais de novela 2010 no ditame que elaborou sobre Periferia sinalou que «partir dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, o autor ou autora deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela.»

Para o xurado «esta obra, a pesar de que foi elixida por unanimidade, require dunha lectura atenta e, desde logo, non é posible xulgala cos criterios habituais cos que xeralmente nos referimos á novela. Nese sentido, a novela presentada co lema «O avesso do avesso» abre unha reflexión interesante, se cadra unha reflexión necesaria, de actualización, de forma, de apertura de novos carreiros para abordar as cuestións preocupantes e os problemas do noso tempo.»

Unindo camiños desde o ámbito da lusofonía, ambientada no Brasil de São Paulo, esta novela céntranos nun mundo globalizado, onde a violencia, o caos, o narcotráfico e a desorde da megalópole, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI.

Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura de masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, ao fútbol, está tecida cunha mestura de textos tipicamente postmoderna e, con seguridade, pide unha edición en formato electrónico que permita escoitar a banda sonora mentres se dá conta da lectura.

A xuízo do xurado, «a novela presentada baixo o lema «O avesso do avesso» constitúe unha achega necesaria á renovación da narrativa galega a través dunha concepción potente e nítida de cal debe ser unha forma de narrar para o tempo actual. Un relato compacto, tamén mesto, extenso e verdadeiramente fascinante, cun enorme poder de seducción.»

Iolanda Zúñiga declarou cando coñeceu a noticia da concesión do premio Xerais que «Periferia é unha novela que transcorre nos arrabais da grande e caótica Sâo Paulo. A cidade precisa espazo para albergar á súa poboación, cada vez máis numerosa, e, como se dunha matrioska rusa se tratase, vaise desmembrando, e vai relegando aos seus moradores do centro á periferia, da periferia ás favelas. Porque aí, amoreados coma o gando das granxas industrias, conviven millóns deles, neses confíns do mundo onde as oportunidades son practicamente nulas, onde os conflitos inherentes á subsistencia son máis feroces e onde as vidas carecen de valor. Mais Periferia tamén fala dos corazóns esperanzados dos seus protagonistas. Malia que, a ollos do primeiro mundo, os seus métodos para arredarse da miseria sexan ilícitos.»

Continuou Zuñiga dicindo que «Periferia é un texto negro, cimentado sobre África. Periferia é unha narración infatigable, fraguada sobre a música rap, coas doses de denuncia e celeridade que este estilo implica. Periferia é unha crónica que neste mesmo instante pode estar acontecendo en Sâo Paulo, ou en calquera suburbio de calquera metrópole do planeta. Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras…»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa González Costa e Iolanda Zúñiga, Premios Xerais 2010

Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais

O xurado da 27ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e oito participantes acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fría e negra», «Hovercraft» e «O avesso do avesso». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «O avesso do avesso» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iolanda Zúñiga e corresponde ao título Periferia.

Pola súa banda, o xurado da 25ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros e formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Canis lupus», «Celerífera», «Cincocentros trinta e tres» e «Sete pétalos». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Celerífera», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Teresa González Costa e corresponde ao título A filla do ladrón de bicicletas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp