Marcos Calveiro e Pere Tobaruel falaron de como constrúen a novela histórica

2 Maio 2012

Mesa Redonda,Narrativa,Reportaxes

Reproducimos a reportaxe de Montse Dopico en Dioivo sobre a mesa redonda de onte na Feira do Libro de Santiago, organizada por RedeLibros onde participaron Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente ) e Fran Zabaleta (Medievalario).

 

A novela histórica, testemuña da utopía cotiá

Venecia é un labirinto. Unha maraña por terra, mar e aire. Un dédalo atravesado por cento cincuenta canles, salvadas por máis de trescentas pontes de madeira e pedra á sombra de cento corenta campaniles e de setenta igrexas e capelas. Dispostas teselas que conforman o máis grande e fabuloso mosaico do universo”. O escritor Marcos Calveiro comeza boa parte dos capítulos da súa novela ‘Settecento’ con descricións coma esta. Mais, curiosamente, nunca visitou a cidade italiana.

‘Settecento’ xurdiu, ademais, dunha imaxe. O autor leu nunha revista de música que en Venecia houbera un tempo no que os aprendices dos luthiers pelexaban até a morte no porto polas mellores madeiras para os seus xefes. Contouno na Feira do Libro de Santiago, nunha mesa redonda sobre a novela histórica. Advertiu ao principio de que, nin el, nin os seus compañeiros no debate, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta, coñecían os segredos do xénero. Pero algún nos revelaron.

Cada un deles ten o seu método. O de Marcos é, segundo el mesmo o definiu, “caótico”. Comeza polo capítulo final e despois escribe o resto, sen guión sobre os personaxes. Traballa escoitando música. Documéntase moito, -le libros, vai aos arquivos-, pero non toma notas. Nin considera a rigorosa exactitude histórica como “un dogma de fe”, pois o que fai é, -lembrou-, literatura, e non historia.

Pere e Fran son máis sistemáticos, aínda que, no fondo, o seu xeito de traballar non é tan distinto ao de Marcos. Pere consulta historiadores. Mesmo para detalles como, -contou a anécdota na Feira do Libro- se o almorábide levaba roupa branca ou verde. Fran traballa co seu guión, e preocúpalle que o lector poida sentirse enganado se se decata dalgunha inexactitude histórica. Pero recoñece que, moitas veces, os personaxes atopan o seu propio camiño, diverxente do que el nun principio lles planeara.

Cada un deles presentou o libro doutro. Pere dixo de ‘Settecento’ de Marcos que para escribir liñas como as que encabezan esta crónica, tiña que ter toda a información sobre a cidade moi ben lida e dixerida. Marcos confesou que botaba de menos no libro de Fran, ‘Medievalario’, que non estivese en galego, pois a historia pídeo. Mais sinalou tamén que, para el, o importante na novela histórica non é a profusión dos datos, senón a súa achega á vida cotiá da época que recrea. Cualidade que, -subliñou-, si amosa ‘Medievalario’.

Fran apuntou, pola súa banda, ao xeito no que Pere conta a viaxe dunha investigadora catalá a Galicia ao tempo que narra a volta dunha familia catalá asentada en Galicia a Cataluña, no tempo da industria da salgazón. Mais o máis importante, -sinalou-, é que a acaba falando dos seres humanos, “dos motivos que nos levan e nos traen”, da arela de buscarnos a nós mesmos, que é o que distingue as boas novelas.

Unha das conclusións da mesa foi que, malia todo o traballo de documentación e todo o esforzo por darlle verosimilitude ás historias, os novelistas son “grandes mentireiros”. Porque para que che crean tes que mentir, traspasar a liña entre ficción e realidade. Marcos explicou que el partía sempre dunha idea, unha imaxe… algo como un billete de 25 pesetas que nos ensinou. Un agasallo da súa avoa, no que alguén escribiu algo para outra persoa de aquí desde Alemaña. “Aquí hai unha novela”, dixo.

Fran asegurou que a el, o que o “fascina vitalmente”, son as utopías. As loitas da xente que se rebela contra o poder establecido. E esa foi outra das conclusións da mesa: a novela histórica ten que apuntar a esas loitas cotiás, aos heroes anónimos. Ás cousas pequenas. Porque, dicía despois Pere, a historia é cíclica e sempre pasa o mesmo: o poder tenta manipular aos de abaixo. E, xa que a novela é un xeito de coñecer a realidade, bo é que olle a esas loitas.

Montse Dopico

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Santiago

25 Abril 2012

Feiras_do_libro,Presentacións

A FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
comprácense en convidalo/a aos seguintes actos:

  • Día 1 martes, 20:00 horas: Mesa redonda, organizada por REDELIBROS, “Os segredos da novela histórica” coa participación de Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente) e Fran Zabaleta (Medievalario).
  • Día 2 mércores, 19:00 horas: Presentación de O silencio de Mario Regueira. Intervirán: Arturo Casas, Manuel Bragado e o autor.
  • Día 2 mércores, 20:00 horas: Presentación de Dark batterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora
  • Día 3 xoves, 20:00 horas: Presentación de Os fillos do mar de Pedro Feijoo. Intervirán: Suso de Toro, Sergio Zearreta, Manuel Bragado e o autor.
  • Día 5 sábado, 19:00 horas: Presentación de transmuta, de Xabier Cordal. Intervirán: Arturo Casas, Oriana Méndez, Mónica Camaño, Manuel Bragado e o autor.
  • Día 5 sábado, 20:00 horas: Presentación de Iria de Anxo Angueira. Intervirán: X. L. Méndez Ferrín, Manuel Bragado e o autor.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación da novela “Poñente” de Pere Tobaruela en Barcelona

19 Abril 2012

Narrativa,Presentacións

 

Con motivo da festividade do Sant Jordi, 2012, Xerais e a Galería Sargadelos de Barcelona, organizan o acto de presentación da novela Poñente de Pere Tobaruela.

O acto, que contará coa participación de Helena González (Professora de la Universitat de Barcelona) e Pere Tobaruela, terá lugar o venres, 20 de abril, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos, Provença, 276 de Barcelona.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mesa redonda sobre “Os segredos da novela histórica”

14 Marzo 2012

Mesa Redonda,Narrativa

O venres 16 de marzo, na Libraría Paz de Pontevedra, convidámosvos á unha incursión na novela histórica:

Os segredos da novela histórica

Coa participación de: Marcos Calveiro (Settecento), Pere Tobaruela (Poñente) e Fran Zabaleta (Medievalario). Queremos que sexa unha oportunidade para falar sobre a novela histórica escrita en Galiza e sobre os procesos de creación. Aquí tedes o plan da mesa:
Primeira parte: Presentación das obras e debate en torno ao tema “Qué é a novela histórica?”

Segunda parte: Coloquio aberto sobre os procesos de elaboración da novela histórica: documentación, redacción, vocabulario, recursos, tratamento dos personaxes, verosimilitude…

Terceira parte: Proposta de elaboración de relatos ambientados nos universos literarios dos autores participantes, utilizando personaxes, situacións e ambientes descritos nas historias orixinais, en colaboración con Redelibros, que publicará os relatos resultantes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

De Cataluña ao Barbanza: «Poñente», de Pere Tobaruela

30 Xaneiro 2012

Narrativa,Presentacións

A edición do Barbanza de La Voz de Galicia publicou unha información de Moncho Ares sobre a presentación de Poñente, de Pere Tobaruela, en Rianxo.

Torabuela explota o nexo histórico entre Cataluña e Barbanza

A Asociación Cultural Barbantia adoita empezar o ano con forza. Normalmente fai coincidir a súa asemblea xeral cun encontro potente, e o de antonte non foi unha excepción. Para o habitual acto do último venres de mes, trouxo a Rianxo ao creador Pere Torabuela, de orixe catalán pero moi ligado a Galicia e a Barbanza, tanto que asombrou a todos os asistentes por falar nun perfecto galego no que, de vez en cando, ata se permitía deslizar algunha gheada propia das terras barbancesas.

Logo dun interesante debate en torno ao libro Poñente, no que o creador explota con estilo e interese a chegada dos cataláns a Galicia, segundo se puido deducir da conversa que mantivo con Carlos Mosteiro e Suso Laíño, presidente de Barbantia, subliñando este último a mestría coa que Torabuela reflicte no libro a vila da Pobra.

Moitos vínculos

A novela ten moito de barbancesa, porque o seu autor ideou a trama nunha visita que fixo a un cemiterio do Caramiñal no que, o ver tanto apelido catalán, pensou estar máis nun camposanto de Cataluña que de Galicia. Logo indagou sobre o asentamento dos precursores das conservas de peixe e escribiu Poñente na súa lingua natal.

 Por se fose pouca a relación da obra con Barbanza, a tradución foi feita por Ana Isabel Boullón Agrelo, da Pobra do Caramiñal, recente nomeada académica da RAG, que tamén compareceu no acto para explicar como fixo para trasladar á lingua galega o texto de Torabuela. Este destacou o alto nivel da tradución, xa que consegue darlle a todas as pasaxes o toque diferencial do galego.

Torabuela, que xa ten escritos 40 libros en catalán e uns 15 en galego, explicou que cando veu para Galicia esforzouse en aprender ben o idioma, e o seu dominio é tal que, como apuntou Suso Laíño, incluso é quen de facer palíndromos na nosa lingua, a pesares da dificultade que ten este recurso literario.

O feito de que Barbantia elixira Rianxo para dar por iniciado o ano cultural do 2012 non foi azaroso, senón porque coincidía coa celebración do mes que o Concello dedica ao recordo de Castelao, que naceu e morreu nun xaneiro. A entidade presentou Poñente, e tamén Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de María do Carme Kruckenberg, este, onte pola mañá.

O alcalde, Adolfo Muíños, expresou a súa ledicia porque o auditorio se enchese de cultura, feito que empezou coa actuación de Antón Alcalde e Iago Hermo, que deixaron á xente coa boca aberta polo seu dominio do piano e do xilófono.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación en Rianxo de “Poñente”

24 Xaneiro 2012

Narrativa,Presentacións

O venres, 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, rúa Autores da Rianxeira, s/nº no Parque de Galicia de Rianxo, terá lugar a presentación da novela Poñente de Pere Tobaruela.

No acto, organizado pola Asociación Barbantia e Xerais, participarán Xesús Laíño, Carlos Mosteiro, Ana Isabel Boullón, Manuel Bragado e Pere Tobaruela.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela, en Radiofusión: da Pobra do Caramiñal a Mugardos

12 Decembro 2011

Narrativa,Noticias,Radio

A web de Radiofusión publica unha información sobre  Poñente, de Pere Tobaruela.

 

 

Da Pobra do Caramiñal a Mugardos

“Os cataláns mercaron terreos grandes, as mellores propiedades. Aos mariñeiros e aos seus empregados pagábanlles unha miseria, así podían facer negocio. Pouco a pouco foron perfeccionando os métodos de salga. Tamén adquiriron equipos, prensas. Daquela o negocio colleu folgos.

É un fragmento da novela “Poñente” de Pere Tobaruela, na que se aborda a peripecia dos cataláns que se achegaron a Galicia no século XIX. Montaron a industria da salga, fábricas de curtidos e comerciaban con viños,  en localidades como Ares, Mugardos, Maniños e a Pobra do Caramiñal. Aos pescadores pagábanlle poucos cartos, pero era un salario seguro, afirma Tobaruela.

Segundo o libro “Historia de Mugardos”, os fomentadores cataláns comezaron a chegar a Mugardos a finais do século XVIII. Adícanse á explotación e comercialización da sardiña. Introducen novas artes de pesca e construen varias fábricas de salgadura, para comercializar o produto e exportalo ao resto da península. Dende O Seixo ata A Redonda, chegaron a funcionar 9 fábricas de salgadura.

Desas fábricas fala a novela “Poñente”, porque o poñente e a súa luz guían os dous protagonistas: Carme e Josep. Carme é unha muller de hoxe en día mergullada nun fondo proceso de cambio emocional. Para ela a luz do poñente ten un perfil concreto: unha galega chamada Sarela que, entre outras cousas, a obriga a cuestionarse a súa identidade sexual.
Atendendo a coordenadas temporais diferentes, o poñente tamén constitúe o horizonte persoal de Josep Sadurní, un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas e que asentaron aquí para sacar adiante con éxito a industria da salgadura, marcando para sempre o devir da poboación da beiramar deste país. Carme é unha profesora que, motivada por Sarela, comeza unha investigación sobre os industriais cataláns que se dedicaron á salga. Esta pescuda ábrenos unha fiestra ao coñecemento das relacións entre Cataluña e Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O domingo de Xerais no Culturgal

4 Decembro 2011

Culturgal,Presentacións

Tras o éxito rotundo dos actos organizados onte sábado en Culturgal, Xerais preparou para esta derradeira xornada do Culturgal 20011 o seguinte programa de actos:

Domingo 4

  •  13:15 h.: : Conversa con María Xosé Queizán sobre a novela Meu pai vaite matar. No Salón. Entrevistada por Xesús Fraga.
  •  14:00 h.: Presentación da novela Poñente, de Pere Tobaruela. No salón. Intervén Francisco Cidrás (profesor de Filoloxía Galega da USC)
  •  16:30 h.: Presentación de Ninguén, de Fran Alonso. No Salón. Conversa coa xornalista Belén López.
  •  18:00 h.: No Salón: Conversa con Emilio Alonso sobre o libro Vigo a 80 revolucións por minuto, con Víctor de las Heras, sobre Vigo. A explosión dos ‘80 e algúns músicos da movida viguesa:  Antonio Amblés (Sucursal Urbana / Los Cafres), Antonio Rosales (Sucursal Urbana / Los Cafres) e Agustín Moreiras (Caja B) , entrevistados por Teresa Cuíñas.
  •  18:30 h.: Fran Alonso e Xurxo Souto con O meu gato é un poeta. No Cuarto dos Nenos. Participan: Xurxo Souto e Fran Alonso

 AO REMATE DE CADA ACTO, OS AUTORES E AUTORAS ASINARÁN EXEMPLARES DAS SÚAS OBRAS NO STAND DE XERAIS

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

A destreza do narrador de «Poñente»: Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre a novela de Pere Tobaruela

30 Novembro 2011

Críticas,Narrativa

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Poñente, de Pere Tobaruela.

 

A novela da salga e dos fomentadores

A obra desta semana e ‘Poñente’ de Pere Tobaruela, unha obra editada por Xerais e traducida por Ana Boullón.

Cóntanse dúas historias, pertencentes a tempos ben distintos ( século XIX e actualidade), que se enguedellan, que se entrecociñan até constituír un discurso único. A primeira é a daqueles promotores cataláns que sementaron a costa galega de industrias de salga, é , dobre todo, a de Josep Sadurní, quen, desafiando o costume fomentador de casar só entre cataláns, toma esposa galega. Mais tamén é a da viúva Ferrer, que, tamén desafiando o papel secundario a que a sociedade condenaba á muller, se determina a pasar a ser ela quen goberne a compañía despois do falecemento do seu marido. E tamén a dos señoritos Ferrer, vividores, incompetentes e soberbios. Porque a Historia nunca é auga pasada. É río. E no río a auga que vai pasar a ponte é un reflexo da auga que xa a pasou. Velaí logo que Carme, unha moza afogada pola relación afectiva que mantén con Carles, a imitanza da viúva Ferrer reivindique a súa propia personalidade; e que Poñente tamén sexa en boa parte a crónica desta constatación. Mais tamén, a novela de Pere Tobaruela, axuda a explicar certos aspectos relativos ao desapego e refractarismo coa cultura e identidade galega con que a burguesía nos golpea nos días de hoxe. Porque a novela de Pere Tobaruela é unha novela de hoxe, é dicir, non un discurso pechado, non un discurso para ler e xa está. Porque o lector actual non quere quedar á marxe do discurso e reivindica a súa capacidade para interpretar e non só ler.

Poñente, é unha novela sobre a historia, non unha novela histórica. E unha novela integradora: a historia de Sadurní e os Ferrer intégrase na de Carme, tal e como o discurso global de Poñente debe integrarse na vida/historia do lector. E, se o coñecemento, por parte de Carme, das peripecias do XIX reafirma  a actualidade de Carme, tamén esta novela debe servir de algo na vida do lector.

Logo disto, o seguinte a salientar na novela de Pere Tobaruela é a habilidade, a destreza coa que o narrador vai tecendo diferentes modalidades narrativas, alén dos dous tempos, nun único discurso. Retallos de prensa, testamentos, partidas de defunción, fragmentos de libros de historia, de cancións, de documentos mercantís ou de retratos familiares, vanse entretecendo no discurso de Poñente, sen ancoraren, senón todo o contrario, a vertixinosa sucesión de sucedidos, servindo ao propósito dunha lectura dinámica e absorbente. Dinámica e absorbente, logo se decata o lector, é a lectura, é esta novela na cal o valor do fragmentario, da cousa pequena, se revela como parte imprescindíbel dun todo que non existiría sen o seu decisivo contributo, igual que o xogo nunca é superior ao valor do naipe senón que se constrúe a partir del.

Falamos, pois, dunha novela máis de autor que de narrador ou personaxes. Aínda tendo moito de novela coral, que non son poucas as personaxes nin se trata de personaxes planas. Precisamente nisto, en non seren personaxes planas, houbo moito coidado, logrando, en moi pouco espazo –e é outro dos puntos fortes da novela- que as personaxes actúen, transmitan sentimentos, e sexan espectadores da historia que os envolve. Por iso dicimos que é unha novela de autor, e houbo moito coidado niso, tamén, mais só será unha novela de autor mentres non a lea o lector, momento no cal cesa a propiedade autorial e dá paso a outra nova e definitiva.

Tratándose dunha novela de espectro semántico moi denso, e materializada na volta das 200 páxinas, fica a aínda por sinalar outra das características absolutamente notábeis desta novela, a pedra angular que fai posíbel a novela tal como a lemos: o uso do resumo. Páxina a páxina, Pere Tobaruela obséquianos un exquisito uso deste recurso, botando man del con tino e sensibilidade de xeito que a acción avanza sen estorbar a manifestación das personaxes; de xeito que a acción avanza harmonicamente, sen brusquidades nin contrastes excesivos, medindo moi ben os tempos e dimensións de ocorrencia a fin de que non estorbe nin entoleza a acción e deixe unha lectura dinámica, envolvente, completa e atenta. Un discurso, que, tendo a historia e a conformación da personalidade como eixo, non é novela histórica senón novela sobre a historia, e de construción plenamente actual para que a súa lectura o sexa tamén.

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A razón do meu libro é explicar a presenza dos cataláns en Galicia». Entrevista sobre Poñente con Pere Tobaruela

22 Novembro 2011

Entrevistas,Narrativa

La Voz de Galicia, na súa edición compostelana, publica unha entrevista de M. Beceiro con Pere Tobaruela sobre  Poñente,

«A razón do meu libro é explicar a presenza dos cataláns en Galicia»

O autor presenta a súa novela «Poñente», editada por Xerais

O escritor catalán afincado en Galicia, Pere Tobaruela, presenta hoxe, ás 20 horas, na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, o seu libro Poñente, editado por Xerais, nun acto que contará coa participación de Juan Monterroso, Lourenzo Fernández Prieto, Xoán Carmona e Manuel Bragado. O poñente e a súa luz guían os dous protagonistas desta novela, Carme e Josep, ela obrigada a cuestionarse a súa identidade sexual, e el un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas asentándose aquí para sacar adiante a industria da salgadura.

-¿Cal é o obxectivo que perseguiu ao escribir esta ficción?

-O motor do libro é a presenza dos cataláns que chegaron aquí para por en marcha a industrias das salgaduras. Ese é o motor do libro. A partir de aquí comeza a parte na que se mergulla unha situación especial e o coñecemento do mundo dos cataláns.

-¿Cal é a razón dese xogo do presente e o pasado?

-A razón do libro é explicar a presenza dos cataláns aquí para por en marcha a industria da salgadura. E a maneira de explicalo é establecendo esa relación do presente co pasado. Son como dúas novelas nunha, pero na que todo está entrelazado. É esa dobre mirada para permitirlle ao lector unha mirada hoxe en día, para explicar ese pasado desde o presente en primeira persoa.

-¿Por que lle interesou afondar nesa pegada dos cataláns na Galicia do século XIX?

-O meu interese é á mesma vez o punto de partida da obra. A protagonista principal está nun cemiterio de Pobra do Caramiñal onde ve, como o autor, unhas lápidas con apelidos cataláns. Entón, a pregunta é que pasou logo.

-¿Que cuestións descoñecidas aluma este «Poñente» sobre a estancia dos pioneiros cataláns aquí?

-Este tema tratouse moi colateralmente na literatura galega. Pero agora, tras esta novela, todos os críticos concordan en que é unha historia que todo o mundo sabe pero que ninguén lera. Entón, eu poño en orde unha serie de ideas, explicoas e xa está.

-¿O espazo da historia é só Galicia ou tamén Cataluña?

-Hai partes que transcorren tamén en Cataluña, en Sitges e Esplugues de Llobregat. Tamén en Porto, porque os cataláns movéronse moitísimo nesa época para buscar os mercados.

M. Beceiro

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os cataláns e nós. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Poñente», de Pere Tobaruela

17 Novembro 2011

Críticas,Narrativa

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Poñente, de Pere Tobaruela.

Os cataláns e nós

Identidades contra a desmemoria

Poñente é unha novela sobre identidades, pero tamén contra a desmemoria. Queirámolo ou non, a presenza dos empresarios cataláns que desde finais do século XVIII ata ben entrado o XIX se estableceron no litoral galego, fixeron suculentos negocios, pero tamén perfeccionaron os métodos da salga, forma parte da nosa memoria histórica. A narrativa galega ten practicamente esquecido este tema, aínda que o apelido Massiá, fundador dunha conserveira, é un dos personaxes dunha peza narrativa publicada nos últimos anos. Mais arestora, Pere Tobaruela,un escritor bilingüe catalán–galego, agasállanos cunha novela que abre a fiestra desas relacións entre Galicia e Cataluña e asemade afonda no motivo da identidade tanto individual como colectiva.

A novela amalgama dous fíos narrativos e discorre por dúas canles que se retroalimentan mutuamente. Por unha banda, a relación sentimental e sexual de Carme e Sarela e o interese da primeira en reconstruír a historia dos “fomentadores cataláns”, nomeadamente a da saga dos Sadurní, que se asentaron na primeira metade do século XIX na Pobra do Caramiñal.

Por outra, esa mesma historia contada por un narrador heterodiexético que nos retrotrae precisamente a ese tempo, a ese espazo e a esa historia, inseríndose no interior do primeiro relato. Nese primeiro plano, que se desenvolve no presente, unha voz homodiexética achéganos o seu propio conflito, a posta en cuestión da súa identidade sentimental e sexual,que o coñecemento dunha moza galega fai estourar, á vez que entre as dúas esculcan e intentan reconstruír a historia deses industriais cataláns que asentaron as súas industrias da salga na nosa beiramar.

O autor sutura con oficio estes dous fíos narrativos ofrecéndonos unha lectura no só amena, senón tamén ricaz, gratificante e afouta desde o punto de vista formal. Abondan as pausas descritivas con memorables retallos sobre as actividades dos cataláns,o seu estilo de vida e a súa integración en Galicia. Un xogo de tempos con frecuentes analépses e prolépses rompe a linealidade do texto, mais sen empecer a lectura. A novela está verquida ao galego por Ana Boullón, mais non se sabe desde que idioma. O paratexto pasou por alto ese dato nos créditos do libro. Descoñezo, xa que logo, se a súa é unha tradución creativa como quere Pere Tobaruela. Na miña estima o seu é un galego claro, diáfano, con emprego abondoso da fraseoloxía de noso. Verbo das virtudes e das posibles eivas que contela a tradución no terreo especificamente lingüístico, remito a outras voces máis autorizadas ca miña.

Francisco Martínez Bouzas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación en Santiago de “Poñente” de Pere Tobaruela

16 Novembro 2011

Narrativa,Presentacións

Esta presentación, que contará coa participación de Juan Monterroso, Lourenzo Fernández Prieto, Xoán Carmona, Manuel Bragado e Pere Tobaruela, terá lugar no martes, 22 de novembro, ás 20:00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago na Praza da Universidade, 1 de Compostela.

O poñente e a súa luz guían os dous protagonistas desta novela: Carme e Josep. Carme é unha muller de hoxe en día mergullada nun fondo proceso de cambio emocional. Para ela a luz do poñente ten un perfil concreto: unha galega chamada Sarela que, entre outras cousas, a obriga a cuestionarse a súa identidade sexual.

Atendendo a coordenadas temporais diferentes, o poñente tamén constitúe o horizonte persoal de Josep Sadurní, un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas e que asentaron aquí para sacar adiante con éxito a industria da salgadura, marcando para sempre o devir da poboación da beiramar deste país.

Carme é unha profesora que, motivada por Sarela, comeza unha investigación sobre os industriais cataláns que se dedicaron á salga. Esta pescuda ábrenos unha fiestra ao coñecemento das relacións entre Cataluña e Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A luz de poñente de Pere Tobaruela. Crítica de Armando Requeixo sobre a novela «Poñente»

7 Novembro 2011

Críticas,Narrativa

O crítico Armando Requeixo publicou unha recensión sobre Poñente, de Pere Tobaruela, nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños.

A luz de poñente de Pere Tobaruela

Os destros oficios de Tobaruela conseguen con estes vimbios corcoser un relato que flúe agradecido, regalando unha lectura amena, e onde o rigoroso traballo de documentación histórica que por tras da narración se adiviña foi convenientemente ponderado polo autor, quen soubo non afogar a novela con aborrecibles incisos explicativos, tan abondosos, por desgraza, neste tipo de textos ambientados noutros tempos.

Non son menores, pois, os atractivos cos que se adorna a novela, que, segundo reza na portada do libro, foi traducida por Ana Boullón. E escribo traducida e indico a autora da tradución porque así se fai constar, mais en ningún lugar (nin sequera nos créditos, como sería de agardar) figura o título orixinal dende o que a obra foi trasladada, polo que é tamén imposible saber por esta edición de que idioma foi vertido ata o noso, informacións que procede facilitar ao posible lectorado, como por outra parte é adoito nas convencións editoriais comunmente respectadas.

Digamos, pois, aquí, que este Poñente é a versión galega de Llum de Ponent, volume publicado en catalán por Llibres de L’Índex no 2009 do que o seu autor xa ofrecera algunhas mostras previas cando aínda ía titularse “Luz de poñente” (os curiosos poden comprobalo na videoteca do escritor que posúe a AELG).

Mais, alén deste tipo de cuestiúnculas informativas —e deixando a un lado calquera consideración sobre as calidades da tradución, pois prefiro centrarme hoxe no estritamente literario—, préstame dicir que Poñente funciona como un ben engraxado mecanismo literario onde cada peza vai canxando para desenvolver unha peripecia poderosa e subxugante, que atrapa o lector con abraiante facilidade. E aínda que é posible detectar puntuais desaxustes nesa maquinaria de reloxería suíza (poño por caso: un personaxe do que na páxina 122 se nos di que “naceu en 1828”, pero que na páxina 157, aínda en 1844, está xa “para facer os vinte”), non é menos certo que o conxunto resulta un saboroso amoado de relato documental e ficción novelada que convida á reflexión.

Achegarse ao Poñente de Pere Tobaruela non é mal xeito de, como cantou o mestre Llach, ficar enviso ante ese resplandor que queima os ollos, experimentar o desexo dun mundo novo dende as raíces propias e abrirse ao soño dunha luz que nos habite e nos ensine a convivir neste universo.

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela: novela breve mais ambiciosa. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

2 Novembro 2011

Blogs,Críticas,Narrativa

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Poñente, de Pere Tobaruela.

Novela breve, mais ambiciosa

Pere Tobaruela mestura nesta novela dous tempos: o presente, co desenvolvemento dunha relación amorosa, e mais o pasado (a época do reinado de Isabel II), coa historia dos industriais cataláns establecidos na costa galega para desenvolver a industria da salga da sardiña, e mesmo outros negocios relacionados co mar. A proposta é un acerto e, en xeral, está moi ben desenvolvida.

A novela aparece articulada en dous tempos e en dous espazos: a actualidade e o reinado de Isabel II; Galicia e Cataluña. A profesora catalá Carme relata en primeira persoa a súa relación amorosa con Sarela, que naceu e vive na Pobra do Caramiñal. Ao mesmo tempo, investiga sobre os industriais cataláns establecidos na Pobra e dedicados á salga durante o reinado de Isabel II, nos anos previos á Gloriosa. En terceira persoa aparece o relato referido á actividade e á vida destes industriais cataláns. Mesmo pode supor o lector que a narradora en terceira persoa é a propia Carme, que, por medio da novela, reconstrúe a vida dos investigados, pois, como acontece nas novelas históricas, a imaxinación do novelista completa o que non din os documentos, iso si, por medio de suposicións verosímiles.

O autor presenta así mesmo unha Galicia decimonónica que desfai o tópico do ruralismo e do atraso. As localidades costeiras como a Pobra son presentadas como focos de modernidade, cun capitalismo incipiente que fai que a fidalguía pase a ter un papel secundario, se ben pacta co novo capital. Definitivamente o ludismo de cregos e fidalgos aparece vencido na novela.

No eido do negativo consideramos que algúns personaxes da novela, como Carlos, caen no tópico e ata na novela decimonónica de tese. Para que unha muller rompa co seu home e elixa outro tipo de relación non cómpre converter este nun maltratador. Iso non é máis que un recurso fácil e demagóxico para conectar cun suposto tipo de lector marcado por prexuízos similares aos do antigo machismo. Por outra banda, os malos tratos tanto están presentes nas relacións homosexuais coma nas heterosexuais e na novela hai unha idealización das primeiras. Eu coido que sobra esa militancia.

Tamén resulta pesada esa moralina sobre a actividade profesoral, os claustros, a interculturalidade ou a disciplina nos institutos con rapaces de distintas etnias. Soa ao peor da novela xuvenil de profesor, da que afortunadamente parece que nos vemos libres na actual narrativa galega, pero que aquí tenta rescatar o autor. Así mesmo debería evitar tópicos coma ese da cita de Otero que presenta Santiago como a aldea máis grande do mundo (páx. 197). Esa frase, por moi de Otero que sexa, só é un tópico de quen non coñeceu  a aldea, empezando polo propio Otero, que era, dígase o que se diga, un señorito de Ourense, que tiña terras e casa na aldea. Con isto que ninguén pense que descualificamos a Otero, mais a realidade é a realidade. A aldea de verdade está en obras como As memorias dun neno labrego de Neira Vilas, por exemplo.

A novela, aínda que nada se di, parece ser unha tradución do catalán. A tradutora usa en xeral unha lingua acertada na liña do chamado galego identificado. Cómpre salientar o bo uso que fai do infinitivo conxugado, do posesivo de respecto mi, o predominio das formas comparativas ca/coma sobre que/como ou a construción do complemento directo de persoa sen a preposición a, mesmo cun indefinido como alguén (páx. 43). Nalgún caso emprégase lle no canto de lles mais non é o habitual: díxolle ós homes (páx. 89).

Malia este bo nivel da tradución hai erros que deberían corrixirse en futuras edicións, que, sen dúbida, terá a novela. Así non debe empregarse o verbo cesar como transitivo nin pasivo, como ben recolle toda a tradición normativa galega. Iso é unha influencia do mal castelán: Narváez foi cesado (páx. 176).  Nalgún caso incórrese na ultracorrección a propósito do uso de te/che: Xa, xa te vexo a cara (páx. 182). Na páxina 197 dise Saímos do aparcamento… e na 199 deixamos o coche no aparcadoiro. Sabido é que aparcamento é o feito de aparcar e aparcadoiro o lugar onde se aparca. Por outra banda, pube en galego é feminino e non masculino: rasurar o pube (páx.146).

Como sei que hai algúns lectores que gustan destes comentarios filolóxicos só quero engadir algunha cousa máis. Malia o que fai a xeneralidade dos dicionarios galegos e mesmo o de usos e dificultades de Galaxia adega e bodega non son sinónimos en todas as súas acepcións segundo a RAG, como aparece usado nesta novela. A RAG establece que, referido aos barcos, só debemos usar bodega e non adega, e iso xa desde o seu dicionario de 1990. Esta postura mantense no de 1997 e no castelán-galego de 2004.

En canto ao uso do posesivo con nomes de parentesco a norma xeral indica que o artigo nestes casos pode eliminarse. Mais o certo é que no galego actual os gramáticos máis solventes indican que debe usarse este artigo cos nomes de parentesco de relación horizontal (como muller, home, marido). Por iso, non nos soan ben oracións como Miña muller díxome que andaba por aquí… (páx. 103).

Cremos que se abusa ás veces do reflexivo ou pseudorreflexivo. En galego non soa ben Margarida cambiouse de vestido (páx. 107). A propia RAG propón a forma intransitiva cando aparece o complemento de réxime, como se pode ver nos exemplos do dicionario castelán-galego de 2004 na entrada cambiar, acep. c, 1: Cámbiate e ven dar un paseo…/A cantante cambiou de traxe varias veces. O que xa non me parece asumible é mentres se axustaba a camisa e os tirantes… (páx. 110).

Xa que logo, boa novela, malia esas eivas que xa sinalamos, e tamén, en xeral boa tradución. Se facemos eses comentarios lingüísticos e porque moitos lectores gustan deles e por deferencia cara á tradutora, que noutra ocasión non só leu a crítica, senón que mesmo corrixiu o corrector. Nesta procesión de caladiños que adoitan ser a literatura e filoloxía galegas, e mesmo a cultura galega en xeral, iso sempre é de agradecer.

Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela, e «Ninguén», de Fran Alonso, no repaso de novidades de Dolores Vilavedra

Críticas,Narrativa

O suplemento Luces de El País publicou un artigo de Dolores Vilavedra en que, baixo o título de «Tempo de devalar», realiza un repaso dos últimos títulos publicados, abordando brevemente Ninguén, de Fran Alonso, e Poñente, de Pere Tobaruela.

Fran Alonso reaparece cos relatos de Ninguén para seguir a desenvolver algún dos seus temas preferidos: a incomunicación da vida urbana, neste caso potenciada polo abuso da tecnoloxía. Intercalados entre as historias reprodúcense hoax ou loias informáticas que circulan por correo electrónico, aparentemente relacionados cos argumentos de cada relato pero que non engaden nada máis alá do puramente anecdótico. Pola súa banda, Pere Tobaruela explora en Poñente un mundo aínda ausente da nosa literatura: o dos industriais cataláns que no século XIX desenvolveron nas nosas costas a industria da salga. Artellada en dous planos temporais diferentes, a novela lévanos dende o conflito dunha muller de hoxe en pleno proceso de cuestionamento da súa identidade sexual a descubrir as orixes dunha saga de fomentadores e as circunstancias do seu asentamento en Galicia, un tema engaiolante no que aínda queda moito por afondar. Oxalá que Tobaruela se anime a seguir a explotar o filón que acaba de descubrir.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela, e o temor ante o Penalti que suxire Jaureguizar

24 Outubro 2011

Artigos literarios,Narrativa

Jaureguizar centrou  o seu artigo de opinión desta fin de semana en El Progreso nun determinado momento e actitude da historia de Galicia e na novela Poñente, escrito polo escritor catalán afincado en Galicia Pere Tobaruela.

O temor ante o penalti

GALICIA tivo un momento idóneo na súa historia. Como esa tarde no que os adolescentes acertan a coordenar piercing e montura de gafas. Perfecto Saavedra, o catedrático de Historia Moderna, situoume naquel tempo próspero: o textil no interior, as ferrerías nas montañas do Leste, as curtidurías na bisbarra de Santiago, a pesca en todo o litoral. A nosa achega demográfica era do 13% estatal. Iamos sobrados a respecto de Cataluña. As condicións eran inmellorables para sermos un país dos que galopan nos séculos. Pero algo fallou. Representamos‘El miedo del portero ante el penalti’ (Alianza), coma no libro de Peter Handke. Saavedra sabe excesivas cousas sobre o século XVIII como para explicarmas. «Hai moitos factores», foi o seu xeito educado e humilde de facermo ver. A conclusión é que Galicia no se atreveu a chutar con furia, a artellar unha influencia en Madrid consonte ao seu potencial. Talvez por non molestar, que sempre fomos ben mandados. E viñeron outros a axitar o país por nós, como sempre acontece na realidade e nunca nas novelas. Os homes chegados do nacente foron os fomentadores cataláns que puxeron a andar a industria. Eles salvá- ronos a pesca, pero o demáis marchou canda a desidia dos que apañaran capitais e deron en erixir igrexas e pazos. Pere Tobaruela tamén procede do mesmo punto cardinal, pero hai so uns anos. Aprendeu o noso idioma, tanto como para escribir novelas, que lle saen como ‘Poñente’ (Xerais). O industrial catalán Josep Sarduní ocupa unha das tramas, a histórica, co seu empeño por quitar adiante unha salgadura. O sal servía para conservar; ata para emprender, teimamos en conservar.

Jaureguizar

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Poñente», de Pere Tobaruela, unha das novidades de Narrativa do mes de outubro

10 Outubro 2011

Narrativa,Novidades

Poñente, de Pere Tobaruela, unha das novidades de Narrativa do mes de outubro.

O poñente e a súa luz guían os dous protagonistas desta novela: Carme e Josep. Carme é unha muller de hoxe en día mergullada nun fondo proceso de cambio emocional. Para ela a luz do poñente ten un perfil concreto: unha galega chamada Sarela que, entre outras cousas, a obriga a cuestionarse a súa identidade sexual. Atendendo a coordenadas temporais diferentes, o poñente tamén constitúe o horizonte persoal de Josep Sadurní, un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas e que asentaron aquí para sacar adiante con éxito a industria da salgadura, marcando para sempre o devir da poboación da beiramar deste país. Carme é unha profesora que, motivada por Sarela, comeza unha investigación sobre os industriais cataláns que se dedicaron á salga. Esta pescuda ábrenos unha fiestra ao coñecemento das relacións entre Cataluña e Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A cripta do Apóstolo», novela de aventuras para a mocidade

15 Decembro 2010

Críticas,Fóra de Xogo,Narrativa,Xuvenil

O crítico Xosé Manuel Eyré publica unha recensión en A Nosa Terra na que aborda dúas novela da colección Fóra de Xogo publicadas recentemente por Xerais: A cripta do Apóstolo e Dragal.

Reproducimos a continuación o que se di de  A cripta do Apóstolo, de Pere Tobaruela:

Como Hadrián, na de Gallego Abad, nA cripta do do apóstolo do barcelonés (xa radicado entre nós) Pere Tobaruela tamén hai un elixido, e tamén ese feito ameaza con cambiar a súa vida. Nesta segunda novela (a versión galega é responsabilidade de Rosa Boullón) a vontade de cooperar na formación en valores dos máis novos tamén é patente. Por exemplo, e xa de inicio, porque é ponte que achegue informacións sobre o Camiño de Santiago, informacións máis pertinentes para lectores non galegos, mais que tampouco están de máis para os galegos e están plenamente xustificadas ou esixidas pola propia trama novelesca.

Un grupo de alumnos cataláns disponse a facer unha excursión seguindo o Camiño de Santiago, acompañados de profesoras e monitores. Un dos monitores, máis vello ca os demais, cunha sospeitosa cicatriz na cara. Un dos alumnos, pola súa banda, é o elixido e el nin o sabe nin semella nada dado a colaborar. A trama avanza, así, de etapa en etapa, e con ela o coñecemento/develamento das personaxes e os misterios que con elas levan. Xacobe, Paula, Jaume e  Candela teñen por diante 16 días para coñecerse mellor, resolver varios misteriosos anagramas, loitar contra as bochas nos pés, atender explicacións históricas, rapear, rir co padre Francisco, namorarse e evitar a grande hecatombe final que ameaza. Unha trama ben dosificada, que alterna momentos dramáticos, humorísticos, (in)formativos, sentimentais… creando un clima variado onde o lector poida atopar diferentes ancoraxes que lle reteñan o libro nas mans.

Coma na novela de Gallego Abad, nesta de Toubaruela bótase de menos un chisco máis de ambición, non conformarse tan doadamente e abrir a trama decididamente ao lector adulto, profundizando nas implicacións que os temas teñen na vida tanto de lectores como de persoal, non reducindo tanto a conformación psicolóxica das personaxes a estándares adolescentes que son hoxe igual que hai 20 anos. De xeito que o tema e a trama se vexan redimensionadados e así atrapen o lector, calquera lector, adulto e mozo, ao sentiren o tema, a trama, as personaxes, a novela, como unha atmosfera que os succiona, que os interesa canto máis dentro están e canto máis dentro están menos claro ven o desenlace.

Xosé Manuel Eyré

A recensión crítica completa pode lerse aquí.

.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pere Tobaruela hoxe en LITVI

21 Xuño 2010

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Presentacións

Pere Tobaruela, autor d’ A cripta do Apóstolo, participa hoxe nas actividades de LITVI, o importante encontro internacional de literatura de viaxes que se celebra ao longo desta semana en Compostela. Tobaruela, que xa participou durante a semana pasada no programa «Os Autores no Camiño», presentou ás 12:00 horas a súa novela nas instalacións da feira e manterá a partir das 18:00 nas instalacións do Casino un café cos lectores e lectoras.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A cripta do Apóstolo» de Pere Tobaruela

10 Xuño 2010

Críticas,Fóra de Xogo,Xerais_nos_medios,Xuvenil

MISTERIO NO CAMIÑO

Unha gran dose de intriga

Hai unhas semanas, a profesora Dolores Vilavedra publicaba un artigo na prensa onde reflexionaba sobre “a escaseza de textos literarios contemporáneos que se inspiren no Camiño de Santiago” e/ou que desenvolvan a temática xacobea, e chamaba a atención sobre o feito de que tivese que ser un autor alófono quen viñese tratar o tema nas nosas letras en referencia a Pere Tobaruela. E isto aínda chama máis a atención se facemos conta de que xa en 1997 fora unha sevillana, Concha López Narváez, a que conseguira un grande éxito cunha novela desta temática, Endrina e o segredo do peregrino, que en 2004 había de editar en galego a editorial Galaxia.

A aposta editorial de Xerais por este Xacobeo 2010, ofrécenos libros que abranguen diversos xéneros, guías, estudos etnográficos e históricos, libros fotográficos, literatura infantil e un título de literatura xuvenil, A cripta do apóstolo, de Pere Tobaruela, unha historia de misterio no Camiño de Santiago. Parabéns á magnífica montaxe fotográfica que presenta o volume, realizada por Antonio Seijas, que podemos encadrar dentro do grupo das cubertas anticipatorias e a cuxa visión volvemos ao longo da lectura tentando adiviñar o que aínda está por vir.

Como acontece con outros moitos títulos de Fóra de Xogo, a catalogación de literatura xuvenil aquí só serve para nos indicar que aos adolescentes tamén lles pode gustar este libro e non que se trate dunha lectura só para ese tramo de idade. Aínda que non faltan elementos propios do xénero xuvenil: parte dos protagonistas son un grupo de catro amigos de último curso de primaria que realizan desde Somport o camiño de Santiago co seu colexio, a aventura iniciática que supón a peregrinación ou a descuberta do amor adolescente.

O libro divídese en dúas partes de extensión desigual, a primeira titúlase “A Lenda”, abrangue aproximadamente cincuenta páxinas, e nela o autor novela a lenda do apóstolo desde as súas orixes ata o nacemento da cidade de Santiago de Compostela. A segunda, titulada “A cripta do apóstolo”, constitúe o corpo da novela, e nela ofrécesenos a historia da peregrinación dos catro amigos durante dúas semanas acompañados dun misterioso e enigmático monitor.

Podemos sinalar un grande acerto desta obrafronte a outras do xénero, o seu indubidable carácter didáctico. O importante labor de documentación levado a cabo por este autor barcelonés que xa leva cinco anos entre nós, ten como froito a inclusión no discurso novelesco de moitas das lendas e feitos históricos relacionados con monumentos e personaxes importantes da peregrinación sen sacrificar a frescura da historia.

Unha boa lectura onde poderán atopar unha gran dose de intriga que mediante xogos con anagramas os manterá en vilo ata a última páxina, e non é metáfora. Pilar Ponte

Texto de Pilar Ponte publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 10 de xuño de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros de Xerais sobre o Camiño de Santiago

15 Abril 2010

Fóra de Xogo,Fóra_de_colección,Fotografía,Guías_de_viaxe,Merlín,Xuvenil

Coa chegada ás librarías da nova Guía do Camiño de Santiago para peregrinos, preparada por Antón Pombo, presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Xerais completa a súa oferta deste ano xacobeo 2010. Velaí a información sobre libros que abranguen diversos xéneros, dende as guías, estudos etnograficos e historios, pasando por libros fotográficos, a títulos de literatura infantil e xuvenil.

Esta Guía do Camiño de Santiago para peregrinos de Antón Pombo inclúe o percorrido desde Ponferrada a Compostela a través de 9 etapas coidadosamente descritas. Ademais, a guía continúa con 4 novas etapas e as súas variantes, para incluír tamén a prolongación do camiño a Fisterra e Muxía. O autor, xornalista e historiador Antón Pombo, é un dos mellores coñecedores das rutas xacobeas. Estas páxinas ofrecen toda a información necesaria, de carácter práctico e cultural, para o peregrino: a calidade do chan (asfalto, terra, pedregal…), os albergues e aloxamentos alternativos, os perfís altimétricos, as zonas de sombra, as fontes, os centros de asistencia médica, mapas moi detallados, desvíos de interese, planos, restaurantes, así como a información de interese cultural sobre as visitas atractivas, as aldeas, as vilas, as cidades, os monumentos, a ruta e o seu ambiente, a arte, a historia, etc. Esta guía inclúe, ademais, no seu interior, importantes mapas en abano, despregables, útiles e independentes, para seguir, paso a paso, o rastro do Camiño. Unha guía práctica e actualizadísima dirixida aos peregrinos que avanzan cara a Compostela a pé, dacabalo ou en bicicleta, o libro está aberto tamén ós que queiran coñecer algún tramo da rota, así como a aqueles que, dispoñendo de coche, se interesen polos aspectos paisaxísticos e monumentais dun itinerario declarado Patrimonio da Humanidade.

Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías (historia)

En Pedras de Compostela, Aldonza de Praterías debulla as súas lembranzas para referirlle á cidadanía os sucesos acaecidos ao longo de séculos en Compostela. Aldonza observou desde finais do século XI a cantos franquearon os limiares da porta do Perdón, na fachada de Praterías, sentido en cada momento o latexo da cidade. Mercedes Gualteria Pintos Barreiro, a autora de Pedras de Compostela, móvese animada pola esperanza que a cidadanía compostelá redescubra a adúltera pillada en flagrante, esa marabillosa escultura románica da catedral, e que a reincorpore ao seu patrimonio persoal. Pedras de Compostela reúne sesenta e oito fermosos textos, acompañados de fotografías de Manuel G. Vicente, que percorren a historia de Compostela durante nove séculos e acrecentan o gozo de vivir nesta cidade de pedra. Como afirma José Mª Díaz, Deán da catedral de Compostela, no prólogo, Aldonza –“esa Aldonza feminista precoz, reivindicativa e, por momentos laicista militante”– “debeu de escapar durante moitas noites do seu posto”, tanto para estudar de seu os espazos interiores da Catedral como para atender o paso dos peregrinos ou seguir o desenvolvemento da cidade: traída de augas, fontes, hospitais, institucións docentes, etc.

A cripta do Apóstolo, Pere Tobaruela (novela)

Xacobe, Paula, Jaume e Candela, e o resto dos seus compañeiros de clase, protagonizan a aventura de percorrer o Camiño de Santiago durante dezaseis días. Coa mochila ao lombo, combinando traxectos a pé e desprazamentos en autocar, estes mozos e mozas peregrinos do século XXI percorrerán un itinerario cultural fascinante que os levará dende Somport, un porto de montaña no Pireneo de Aragón, situado preto da fronteira francesa, deica a catedral de Compostela, onde está a cripta do apóstolo. Mais no comezo da súa viaxe, un dos monitores que os acompaña, un personaxe moi peculiar, alértaos de que un perigo sobrevoa a cidade compostelá. Será certo?

O camiño de Fisterra, Fernando Alonso Romero (guía, etnografía)

Bordón, sombreiro de ás anchas, zurrón de pel de cervo, cabaza para a bebida e cuncha ó peíto, os peregrinos xacobeos adoitaban proseguir a súa viaxe trala Vía Láctea, polo antigo Camiño Real, na procura fascinante da temible fin do mundo, a Fisterra Atlántica onde todo remataba. Era o camiño que conducía ó punto máis extremo do mundo occidental, alí onde se cruza a tradición pagana coas crenzas dos primeiros monxes cristiáns. O éncontro animista presente en San Andrés de Teixido e a fantasía do home que quere descubrir como o sol cae ó mar e ó lume que xorde da auga. O espírito, entre curioso, aventureiro e piadoso do peregrino medieval, que uníversalizou as terras de Galicia e Compostela coa súa tradición oral e a súa cultura e que levou o nome desta terra polo mundo adiante. E ata hoxe, o Camiño de Fisterra perdurou no espacio e na memoria. O Camiño de Fisterra é a crónica da reconstrucción deste percorrido. O autor, Fernando Alonso Romero, profesor da Universidade de Santiago e especialista en etnografía e arqueoloxía naval; esculcóu nas razóns máis fondas que levaban ós peregrinos nesta percura do fin do mundo. O encontro co aventura humána, a procura de novos horizontes, a ilusión de seguí-lo sendeiro da Vía Láctea, pola rota do sol que conduce ata Fisterra. Fernando Alonso propón ó lector, tamén o camiñante, un itinerario que reconstruíu, dividido en catro xornadas ou tramos para realizar a pé. Itinerario que transcorre desde Santiago, Roxos, Augapesada, Negreira, Zas, Maroñas, Hospital, Cee, Corcubión ata Fisterra. Un libro multilinüe, que ademais da galega, inclúe versións completas en castelán e inglés, complementado coas fotografías da autoría de Xoán Vilar Cardona. Un fermoso libro para ler e camiñar na procura do fin do mundo.

Peregrinos, Manuel González Vicente (fotografía)

Unha muller leva as mans á cara, coma se a dor das bochas dos pés lle tronzase a alma. Outra intenta avanzar en contra dunha intensa nevada. Un grupo de músicos peregrinos tocan improvisadamente nunha voda que atopan no camiño. Así é Peregrinos, de Manuel G. Vicente, un cálido, tenro, vivo e fermoso libro de fotografías sobre os peregrinos e sobre os habitantes do camiño. Peregrinos é o froito de dez longos anos de traballo dun fotógrafo que retrata o camiño desde dentro porque durante todo ese tempo viviu no seu propio ventre, como camiñante que é, e como membro fundador da Asociación de Amigos do Camiño do Santiago. Son daquela, todas elas, fotografías sentidas, vitais, intensamente verdadeiras, realizadas ó longo do camiño entre 1989 e 1999. Por iso, Manuel G. Vicente nos ofrece este magnífico traballo fotográfico, esta selección, francamente conmovedora, de todo o que a súa cámara, xenialmente manexada, captou a través de tantas olladas, de tanta convivencia, e con tanta tenrura e mestría sobre todas esas persoas que un día (desde que o camiño aínda non estaba de moda ata hoxe) decidiron calzar as botas e lanzarse á aventura compostelá. En Peregrinos está a paisaxe, a natureza omnipresente do itinerario, pero, sobre todo, están os sentimentos humanos reflectidos en todos e cada un dos rostros retratados: a dor, o sufrimento, a solidariedade, a alegría, o abatemento, a ilusión, a dureza, a xenerosidade, a entrega, a amizade. Valores todos eles que fan deste libro un retrato vivo e universal da alma das persoas. En tanto, desde o prólogo, José Antonio de la Riera, outro excelente coñecedor do Camiño de Santiago e tamén membro fundador da Asociación de Amigos escribe a letra emerxendo desde palabras divertidas, irónicas, reinterpretativas e ben cimentadas nun texto que ubica ó lector no punto exacto en que o camiño de Santiago se sitúa hoxe.

Resalgario, Antonio Reigosa (novela)

Resalgario é un dos fillos máis novos do Demo Maior. Resalgario cando viste de demo ten cara de coello, pelello negro, as mans peludas, pés de cabra, uñas de gato e un rabo enrodelado. Por fuxir do Inferno o seu pai imponlle como castigo marchar de Peregrino a Compostela durante un ano. Disfrazado de humano, Resalgario terá que utilizar todo o seu enxeño para saír con ben das diversas situacións coas que se vai topando ó longo do camiño. Resalgario de Antonio Reigosa é unha narración que recrea con acerto o mundo dos relatos de tradición oral. O humor e o enxeño aparecen en todo o seu explendor nesta magnífica novela.


Chuzame! A Facebook A Twitter

Pere Tobaruela anuncia a publicación da súa nova novela: «A cripta do Apóstolo»

2 Febreiro 2010

Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Noticias

O escritor catalán afincando en Galicia Pere Tobaruela anuncia nunha entrevista en La Voz de Galicia a aparición da súa nova novela, A cripta do Apóstolo, unha historia do Camiño de Santiago en clave de aventura. A novela será publicada na colección «Fóra de Xogo» e chegará ás librarías no vindeiro mes de marzo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Vouvos papar», unha aventura na Internet

16 Novembro 2008

Infantil,Merlín,Noticias

xg00141801Vouvos papar de Luz Méndez e Pere Tobaruela é a historia de Tucho e Mucha, dous nenos que conectados polo correo electrónico e o programa de chat, cando xogaban ao «Buscaminas», ao seu xogo preferido, viven unha aventura na Internet cando os chucha o seu ordenador coma se os prendese unha aspiradora. ¿Quen é que os quere papar? E ben raro todo isto, ¿non si?

Daniel Xove ilustrou esta apaixonante aventura, a primeira na literatura infantil galega que se desenvolve no mundo das pantalllas e dos programas informáticos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp