«Os Eidos. Libro do Courel», edición en Xerais Clásicos no Ano Novoneyra

25 Febreiro 2010

Autores,Carteis,Clásicos,Noticias,Poesía

Cando Uxío Novoneyra publicou Os Eidos, en 1955, a súa voz converteuse de inmediato nunha das máis intensas, renovadoras e salientables da poesía galega. En Os Eidos agroma unha poesía limpa, concisa e breve, que asenta nunha profunda identificación entre o poeta e a natureza, e que nos vai mostrando, desde un certo ensoñamento de quen escribe, un intimismo radical ligado á terra e aos sentimentos de pertenza a esta. Un libro de fondo silencio, esencial, cósmico, universal, irrepetible. A presente edición de Xerais Clásicos, preparada con motivo do «Ano Novoneyra 2010», recolle fielmente os contidos da edición Os Eidos. Libro do Courel, editada por Edicións Xerais de Galicia en 1981, e revisada ao longo das décadas de 1980 e 1990 polo autor. Ademais, Xerais prepara na mesma colección, a publica Dos soños teimosos, volume de conversas, no que Novoneyra proporciona a súa visión sobre a poesía e sobre a súa propia obra.

O cartel de Xerais do Ano Novoneyra, sobre foto de Xurxo Lobato, pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais: novidades literarias de xaneiro e febreiro de 2010

4 Xaneiro 2010

BLG,Clásicos,Crónica,Ensaio,Fóra de Xogo,Guías_de_viaxe,Lingua,Narrativa,Noticias,Poesía,Reedicións,Traducións,Universitaria,Xuvenil

Tras os días de descanso de Nadal, o equipo da editorial prepara os primeiros lanzamentos das primeiras novidades literarias de 2010.

Neste mes de xaneiro aparecerán, dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas, dous poemarios de Ramón Cabanillas: Samos, en edición de Xosé Carlos López Bernárdez e No Desterro, en edición de Xosé Ramón Pena. Nas mesmas datas aparecerán os dous primeiros títulos de ensaio, A espiral no espello de Anxo Angueira (Xerais Universitaria) e Lingua de calidade de Xosé Freixeiro Mato (Xerais Materiais).

A comezos do mes de febreiro chegarán ás librarías os primeiros títulos do «Ano Uxío Novoneyra»: a nova edición d’ Os Eidos (Xerais Clásicos) e o libro de Xosé Lois García Uxío Novoneyra revisitado (Xerais Estudos Literarios). No mesmo envío incluiranse os dous primeiros títulos de Cronica: Melancolía de sofá de Luisa Castro e Feministas Galegas. Unha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón.

Tamén en febreiro aparecerán as tres primeiras novelas de Narrativa: A intervención de Teresa Moure, Settecento de Marcos Calveiro e Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe, premio Nacional de Narrativa 2009, traducido do éuscaro por Isaac Xubín. No mesmo servizo chegarán ás librarías dous títulos de Xerais Poesía,  Lapidarias de David Rodríguez e (Retro)visor de Antía Otero e dúas novelas de Fóra de Xogo, A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo, traducida do catalán por Eva Lozano, e A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis.

Na derradeira semana de febreiro publicaranse os dous primeiros títulos de Xerais Ensaio: Georges Steiner no The New Yorker, traducido do inglés por Lara Domínguez, Patricia Buján e Saleta Fernández e o segundo tomo d’ O segundo sexo. II. A experiencia vivida de Simone de Beauvoir, traducida od francés por Marga Rodríguez Marcuño, así como a Guía do Camiño de Santiago de Antón Pombo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

2010, Ano Novoneyra

30 Outubro 2009

Autores,BLG,Crónica,Homenaxes,Infantil,Merlín,Noticias,Reedicións

Como ben recorda Galicia hoxe, tal día coma hoxe de hai dez anos morreu Uxío Novoneyra, o grande poeta ao que renderemos homenaxe ao vindeiro 17 de maio.  Con este motivo Xerais traballa nestes meses en diversos proxectos editoriais arredor da obra e da súa figura, dos que anunciamos os de próxima aparición:

Dentro da colección XERAIS CLÁSICOS publicarase unha nova edición d’ Os eidos, baixo os criterios da preparada por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco en vida do poeta.

Na serie ESTUDOS LITERARIOS, Xosé Lois García agarda a publicación de Uxío Novoneyra revisitado, colección de ensaios arredor da peripecia biográfica e literaria do poeta do Courel.

Carmen Blanco prepara para a colección LETRAS GALEGAS Uxío Novoneyra. Vida e obra.

Na colección MERLÍN e dirixida ao público máis novo, Fran Alonso ultima Uxío Novoneyra. Biografía e antoloxía.

Mario Regueira traballa para XERAIS CRÓNICA no libro Novoneyra e o seu tempo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Uxío Novoneyra, 17 de maio 2010

27 Xuño 2009

Autores,BLG,Homenaxes,Noticias,Poesía

En Xerais recibimos con enorme satisfacción a designación por parte da Academia Galega do poeta Uxío Novoneyra como figura homenaxeada o 17 de maio de 2010.  Recoñécese así a traxectoria do autor d’ Os Eidos como unha das fulcrais da poesía galega do século XX.

12003113Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 1930-Santiago, 1999) fillo dunha familia de labregos, terá na súa terra natal o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (Xerais 1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata a súa morte no ano 2000. Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.

Chuzame! A Facebook A Twitter