O desconcerto social e individual en «Orlando pendurado», de Goretti Fariña. Crítica de Xosé Manuel Eyré

30 Maio 2012

Críticas,Narrativa

Xosé Manuel Eyré publicou en Galicia confidencial unha recensión crítica sobre Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

A toupa e a luz pendente

 

Chámanlle “mercado” ao que non é senón un cúmulo (compra, venda, financiamento…) de actividades a redor da especulación. Chámanlles “axustes” ao que son recurtamentos, desenvestimentos para afogar o estado de benestar; e aínda por riba din que son “necesarios”, “imprescindíbeis”, e que a “austeridade” será a fonte da que mane a futura riqueza ( cando son imprescindíbeis para o capital, necesarios para eles, os políticos gobernantes, e, se da austeridade nacera riqueza xa seriamos todo ricos…). Semellante é a perversidade aboiando na atmosfera que nos alimenta. E non se faga raro, pois, que este Orlando recuperado non estea namorado (Matteo Maria Boiardo) nin se manifeste furioso (Ariosto) senón pendurado dun arnés, boca abaixo, aínda que no remate o total desquiciamento o empurre á canella da violencia froito da cegadora luz da impotencia.
Porque así é o Orlando pendurado de Goretti Fariña, tan simple e á vez tan complexo. Premio Cidade Centenaria de Riveira 2011.
Preséntase baixo a fórmula da novela breve e constitúe unha desculpa para explorar as relacións entre dúas personaxes que confluiron os seus destinos a pesar da dispar natureza de ambos. Orlando e Alexandra son dous caracteres opostos. El, Orlando, nado na montaña, renunciou ao seminario e preferiu deixarse arrastrar pola proximidade dos praceres mundanos porque non é quen de non facer caso aos avisos, eses sinais que a vida ofrece para que guiemos os nosos paso, mais non é bon lector seu. Ela, encarnación da mundanidade melosa que o atraeu a el, evoluíu deica converterse nunha creadora de conceptos, soubo desapegarse do concreto e elevarse nun mundo máis puro, ambicioso e descontaminado da curtedade mundana, na procura do alimento definitivo.
E, como tal novela breve, mandan os cánones que debería contar cun número reducido de personaxes. Cousa que aquí non sucede, hai moitas, mais non pasan de decorado humano preciso na exploración das relacións entre Orlando e Alexandra, e tamén axudan na caracterización das personaxes así como na creación de ambientes humanos ( o alcalde construtor; a voraz reporteira da tv. local; o padre Bernaldino; a proximidade con Karim, un emigrado, e non cos coterráneos…)
O comezo da novela non é do mellor, formalmente falando, e dá a impresión de que non se tiveron en conta os precedentes clásicos. Mais todo cambia, todo muda, e na mudanza está a explicación da vida. Velaí que, desde a segunda ocasión en que as personaxes dialogan, a novela ten outro ar e os diálogos constitúen o principal recurso; uns diálogos intelixentes, profundos, naturais (malia todo) e áxiles, onde a adxectivación está moi estudada. Aínda que, xa andada a novela, rebaixen nalgunha ocasión as caractrísticas antes expostas, será puntualmente, como un aviso, como os avisos que Orlando cre observar e o levan a equivocarse. Uns diálogos, que, curiosamente e, se se quer, loxicamente despois do dito deles, teñen un claro pouso de novela negra, se cadra a única novela que aos tempos de hoxe fai xustiza, como portadora do desconcerto, do desnortamento social e individual.
Por iso Orlando está pendurado, boca abaixo, como unha forma de subverter a posición normal das persoas e obrigalo a contemplar(se) desde arriba. En tentativa de botar luz sobre a vida, sobre ese espazo de tempo e lugar e tamén da non esperanza.Tamén cun chisco de humor, que sempre vén ben nestes trances serios. Que a vida non entende de bromas. Dá avisos mais hai que saber lelos, como non soubo facer Orlando, como non soubo facer tampouco Alexandra ou non remataría sendo agredida, cada un desde o seu particular xeito de se enfrontar á vida ( o concreto e conformista, o abstracto e inconformista, un pouco como os Pedriño e Rañolas de Castelao) fracasan ( tamén como Rañolas, Alexandra non ten fe no futuro, velaí a súa condena).

O traballador dun estaleiro na corda frouxa: «Orlando pendurado», de Goretti Fariña, crítica de Armando Requeixo

29 Maio 2012

Críticas,Narrativa

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

A vida na corda frouxa

A primeira vez que lin a Goretti Fariñafoi polo ano 2000. Gañara daquela o primeiro premio do Certame de Poesía Rosalía de Castro que convocaba a Casa de Galicia en Córdoba e o seu texto fora publicado pola santiaguesa Follas Novas Edicións no seo da colección Libros da Frouma. Ata onde sei, foi aquel o seu primeiro libro publicado e apuntaba xa nel a escritora que os anos nos trouxeron.

Vén isto a conto pola recente aparición da súa novela curta Orlando pendurado, máis que revelador exercicio de hipertextualidade paródica en directo diálogo coas obras de Matteo Maria Boiardo e, sobre todo, Ludovico Ariosto.

A historia deste Orlando pendurado sorprende pola orixinalidade da súa formulación: un ex-seminarista, traballador nun estaleiro, sofre un accidente que o deixa pendurado dunhas correaxes de seguridade a nove metros do chan. Entrementres non chegan os bombeiros a socorrelo, ten tempo a repasar mentalmente todos os sucesos últimos da súa vida que, na corda frouxa e á luz da posibilidade dunha fin inminente, adquiren un cariz distinto e acabarán por decidilo a tomar unha determinación no cambio de rumbo dos seus futuros pasos.

Escrita a xeito de transposición paródica dos subtextos dos que parte, esta imitación burlesca resulta da neocodificación dos motivos e estruturas das obras renacentistas amentadas, unha sorte de imitación burlesca e deformante onde a transposición e o trasvestimento operan unha relectura do texto orixe para transformalo nunha nova obra que subverte, en boa medida, as teses do vello modelo.

Polo camiño van xurdindo os grandes temas da novela: a crítica ao sistema político-económico neoliberal e os excesos da patronal, a sátira desapiadada contra a superstición de vedoiros e outras lañas, a denuncia dunha sociedade laboralmente precarizada e sobreexplotada, a presenza da difícil e dramática realidade inmigratoria e, moi especialmente, a crítica furibunda contra a Igrexa institucionalizada e os seus sibilinos mecanismos de poder.

Mais neste Orlando pendurado hai lugar tamén para unha interesante polarización dos universos do rural e o urbano, representados o primeiro polo propio Orlando Valiñas e o segundo pola súa moza, Alexandra. Dúas concepcións vitais por veces antagónicas que teñen aquí fidel reflexo no carácter de cada un dos personaxes, que ven como o pasado que os foi conformando como individuos van devagariño facendo cada vez máis imposible a súa convivencia, o que acaba por arrastralos ao desamor e a frustración.

A prosa de Fariña avanza con ritmo preciso e períodos depurados de áxil adxectivación. Un relato que se deixa ler con agrado e fai esquecer os parlamentos de dialéctica sobreelaborada que en ocasións gastan os personaxes principais. Unha historia, por tanto, amena e suxestiva, na que non faltan doses do mellor humor e que só vira opaco nun final opinable, que amosa unha reacción do protagonista da que talvez non se nos deu razón suficiente nas páxinas precedentes e que máis semella responder ao canxado transtextual coa obra de Ariosto que ao desenvolvemento harmónico da progresión evolutivo-emocional do personaxe, roto aquí por un comportamento disruptivo inexplicable.

Orlando pendurado, que obtivo o último Premio de Novela Curta ‘Cidade Centenaria de Riveira’, é a confirmación da traxectoria ascendente da vilagarciá María Goretti Fariña Caamaño, da que cabe agardar no futuro novos textos cos que a súa andaina como poeta e narradora siga a medrar.

Armando Requeixo

 

«Orlando pendurado», de Goreti Fariña: prosa fermosa e retranqueira. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

10 Maio 2012

Blogs,Críticas,Narrativa

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Nove noites unha recensión crítica sobre Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

Historia e parabola do fracaso

Pendurado a tres pisos de altura, o operario Orlando Valiñas vese fóra do mundo, no limbo de bruma, escoltado por gaivotas e sobre todo pensando en Alexandra, na loura compañeira de ollos de brión e abelá. É un dos parágrafos iniciais desta pequena peza narrativa, ganduxada cunha fermosa prosa que abala constantemente entre a sorpresa do meiró literario e a orixinalidade retranqueira, e que lle dá forma a este Orlando pendurado co que Goretti Fariña gañou a III edición do Concurso de Novela Curta “Cidade Centenaria de Riveira” o pasado año.

En apenas oitenta páxinas a autora ten espazo e sobre todo enxeño e pragmática narrativa para achegarnos unha historia dun feito real ou imaxinado, derivado dun accidente, dunha situación límite: os pensamentos do pendurado protagonista, os avisos  nos que cre, os compromisos que promete  se consegue saír vivo daquel pesadelo, o seu pasado inmediato de ex-seminarista, carne do rural, os inicios da mutua aventura entre el e a súa moza, Alexandra, que entra na súa vida como unha “súbita preamar moi arborada” (páxina 32), as encrucilladas compartidas, cando o amor fuxe polas xanelas e as mil voltas e reviravoltas na trama avesía das súas vidas. Pendurado do cable, o operario Valiñas descóbrese  como un monicreque que só en aparencias está intacto. Mais, unha vez que descolgado pisa no chan, vese doutro modo e, aínda que confuso, experimenta todo o peso e o saibo do fracaso.

Mais coido que é lícito ler este relato existencial tamén baixo as claves dun substrato ideolóxico, como friso do noso tempo e parábola do desastre e da frustración que arestora se ceba e asaña con tanta xente moza, da idade dos protagonistas.

En efecto, a teor do conto dos avatares da parella, a autora amósanos un rodapé retranqueiro, ateigado de plasticidade,  a imaxe dunha sociedade caciquil, manipulable e comesta pola corrupción. Unha visión carnavalesca dun país e das alfaias que moran no noso eirado autonómico onde a teoría da relatividade en proveito propio se aplica desde sempre e o olfacto no tocante aos cartos funciona de xeito admirable.

De por parte, e con máis compaixón que retranca, Goretti Fariña achéganos a figura deste operario Valiñas, que nunca atopara tempo para algo que non fose ir tirando na terra de ningures, como exemplo paradigmático de tanta xente, de mozos e de mozas da súa xeración que arestora se atopan igualmente no aire, pendurados dun presente sen futuro ou cun futuro, e por veces tamén cun presente, terriblemente  esganados.

Francisco Martínez Bouzas

Un neurótico pendurado revisa o seu pasado. Presentado «Orlando Pendurado», de Goretti Fariña

26 Marzo 2012

Narrativa,Noticias,Premios

O Diaro de Arousa publicou unha información sobre a presentación do libro Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

Ruiz Rivas destaca que el premio de novela corta ya es un referente en su género después de tres ediciones

La presentación de la publicación de la obra ganadorad el tercer Certamen de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira, “Orlando Pendurado”, de Goretti Fariña (Vilanova de Arousa, 1965), tuvo lugar el jueves en la casa consistorial riveirense. El acto estuvo presidido por el alcaide, Manuel Ruiz; el director de Edicións Xerais, Manuel Bragado; la concejala de Cultura, Elvira Pisos, y la autora. Disertaron sobre la obra y la relevancia de un premio que, tras seis años de andadura, está asentado como un referente en su género, y anunciaronl a convocatoriad e la cuarta edición del premio, cuyo único cambio es el aumento del número máximo de caracteres, de 120.000 a 140.000. El plazo de presentación de obras rematará el 23 de marzod e 2013.

El acto contó con las notas musicales del profesor de piano del conservatorio profesional de Riveira, Luis Ignacio Blanco, mientras que el escritor Antonio Piñeiro, miembro del jurado, junto con Manuel Bragado, Xabier López Marqués y María Ángeles López Sampedro, leyó un fragmento de la obra ganadora.

Ruiz destacó la doble finalidad del premio, como incenfivo para los jóvenes autores y para honrar a la cultura y lengua gallegas. Felicitó a los miembrods el jurado y a quienes integraron el Comité del Centenario, “punto de inflexión en canto ás actividades euhurais do noso concello”. Sefia16 la importancia de la cultura, a la que el Concello le dedicará el mes de junio y agradeció a Edicións )[erais la posibilidad de que se visualice a autores gallegos. “Non hai mellor lustre que Edicións Xerais publique e vaia publicitando as obras gañadoras para darlle un maior prestixio”, subrayó el alcalde. Farifia deseó un largo futuro al certamen y se mostrÓ encantada con la publicación de su novela, ambientada en el mundo naval, en la que cuenta la evolución mental de un neurótico a lo largo de una hora que entra en diálogo con su conciencia y revisa su pasado. Bragado declaró que el certamen “xa está sinalando unha tradición, enxergando un horizonte pola súa continuidade” y destacó el tema de cómo el ser humano aborda la sensación de fracaso y aludió a su prosa “elegante y hermosa” de la obra premiada. Pisos dijo que en la cuarta edición confían superar la cifra de novelas de la última edición, llegadas de lugares comoJ aén, Noia, Vilagarcía, Rianxo, Oviedo, Riveira, y Vigo.

«Orlando pendurado», de Goretti Fariña: o humor e a beleza dunha escrita culta e elegante

23 Marzo 2012

Blogs,Narrativa,Noticias

Manuel Bragado, director de Xerais, comenta en Brétemas  a presentación e o espírito do libro Orlando pendurado, de Goretti Fariña, novela gañadora do Premio Cidade Centenaria.

 

Vindicación da noveliña

No serán viaxamos a Ribeira para presentar Orlando pendurado, a novela curta de Goretti Fariña gañadora do Premio Cidade Centenaria. Unha obra de apenas oitenta páxinas que aborda cuestión tan complexa para os seres humanos como é a do fracaso axudándose da piedade proporcionada polo humor e da beleza achegada por unha escrita culta e elegante . Unha homenaxe explícita ao Orlando furioso de Ludovico Ariosto, que amosa as enormes posibilidades literarias deste formato de narrativa breve (menos de 120.000 caracteres).

Unha narración para dúas horas de lectura intensa e engaiolante que precisa doses semellantes as utilizadas polos atletas de 400 metros valados:  potencia, precisión e resistencia. Certames como este de Ribeira ou o de Soutomaior reivindican  para a literatura galega este xénero narrativo, baixo diversas denominacións (novela curta, noveliña, nouvelle, micronovela), que ten achegado importantes obras ao noso catálogo. Retorno a Tagen Ata de Méndez Ferrín, Comedores de patacas de Manuel Rivas, O solpor da cupletista de María Xosé Queizán ou As mellores intencións de Begoña Paz (gañadora da primeira edición do certame de Ribeira) foron froitos moi logrados. Neste tempo de velocidade, vindicamos a noveliña como un xénero que achega un anaco de acougo e reflexión.

Novidades: «Orlando pendurado», de Goretti Fariña, gañadora do «Premio III Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira»

16 Marzo 2012

Narrativa,Novidades

Orlando pendurado, de Goretti Fariña, é a novela gañadora do «Premio III Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira» 2011. A próxima semana chegará ás librarías.

A nove metros do chan e a sete do taboleiro onde escorregara dez minutos antes, o operario Orlando Valiñas planeaba na bruma da mañá. Pendurado dun incómodo arnés, que o unía á vida, pensaba en Alexandra, a compañeira que enchera a súa vida nos tres últimos anos. Orlando preguntábase como identificar os sinais que indican o modo de facer correcto na vida, a maneira de atopar o rumbo preciso para avanzar na boa dirección. Durante aquela situación límite, en boa medida froito do tempo de crise que vivimos, cruzáronselle na súa cabeza as decisións principais da súa vida, xusto cando se verá obrigado a tomar outra que orientará o seu futuro. Con Orlando pendurado, un protagonista argallante que principia namorado e remata furioso, a autora quixo trazar un relato entre existencial e costumista, cun resultado entre piadoso e retranqueiro.

 

«Orlando pendurado», de María goretti Fariña, Premio Cidade Centenaria de Ribeira

6 Maio 2011

Narrativa,Noticias,Premios

Onte tivo lugar, no salón de plenos do con­sistorio de Ribeira, a entrega da III edición do Premio Ci­dade Centenaria de Ribeira, que convoca  o Concello desa localidade con carácter bienal, e que publicará Xerais. A obra gañadora foi Or­lando pendurado, de María Goretti Fariña Caamaño, de Vilanova de Arousa. A novela aborda a situación dun traballador que vive unha situación límite, nun momemnto en que a crise económica no dá tregua.

O xurado estivo forma­do por Manuel Bragado, director de Xerais; polos escritores Antonio Piñeiro e Xabier López Marqués, e pola profesora María Ángela Rodríguez. Alicia Padín, do servizo de Nor­malización Lingüística do Concello, actuou como se­cretaria, con voz e sen voto.