Que libro de Xerais recomendas para o verán?

30 Xuño 2009

Facebook,Narrativa,Noticias,Opinións_lectores/as

No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:

Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”

Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”

Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.

Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar.  “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”

Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”

Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez.  “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”

Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).

Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.

Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.

Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.

Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.

Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.

Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.

Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos :-)

reloxoEntre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”.  Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia  de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.

Jaureguizar asina «O Globo de Shakespeare»

30 Abril 2009

Autores,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias

j_224514Jaureguizar asinará exemplares d’ O Globo de Shakespeare, na Feira do Libro de Santiago, o venres, primeiro de maio, a partir das 19:00 horas.

Xerais na Feira do Libro de Santiago

28 Abril 2009

Animación á lectura,Feiras_do_libro,Noticias,Presentacións

Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.

Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)

Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.

Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos.  Participan Manuel Bragado e o autor.  Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.

Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético.  Ao remate asinará exemplares de  O sombreiro ChichiriteiroA corpo aberto e do resto da súa obra.

Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño.  No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza.  Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.

Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador  Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das  viaxes imaxinarias.

«O Globo de Shakesperare», crítica en lg3

10 Marzo 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Montse Pena Presas publica no espazo de crítica de lg3 unha crítica sobre O Globo de Shakespeare a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un dos parágrafos dun texto que consideramos moi interesante:

libros_1562Se ben a primeira parte da novela se pode entender como unha grande e descritiva didascalia (o texto non é dramático, mais podería perfectamente selo), coa habitual presentación de localizacións e personaxes, unha segunda parte, moito mais breve, pero tamén máis intensa, presenta o drama e faino desencadear axilmente. E é aí, precisamente, onde reside a homenaxe/parodia a Shakespeare que realiza Jaureguizar: as pezas do quebracabezas van casando para que este O globo de Shakespeare se convirta nun Hamlet actualizado, esta vez en forma de novela, trasladado de novo a Galiza. Primeiro, porque todos os personaxes gardan un segredo, non só para os demais, senón tamén para eles mesmos, e este só se descobre cando se desencadea a grande traxedia final. Segundo, porque Ricardo é o novo Hamlet (e cando interpreta ao Príncipe de Dinamarca estase interpretando así mesmo), xa non namorado da nai, senón do pai. Terceiro, porque os acontecementos (acompañados das conseguintes confusións), ao igual que nas traxedias shakespirianas, acaban por rebasar aos caracteres, e con eles o elemento tráxico fundamental está servido. E cuarto, porque detrás deste escrito hai unha compoñente de realismo máxico, de personaxes intanxibles tocados por un alento de loucura, ou de maxia, se se quere, que non pode deixar de lembrar a un Cunqueiro que á vez que trasladaba os mitos á terra, enchía aos paisanos dese “aquel” que os singularizaba.

«O Globo de Shakespeare» en Lugo

3 Marzo 2009

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

xg00153001O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións da novela premiada en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado.

«O Globo de Shakespeare», presentación en Compostela

19 Febreiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

ajure2O venres, 20 de febreiro, ás 20:00 horas na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela,  Jaureguizar conversará con José María Giráldez sobre O Globo de Shakespeare.

Jaureguizar en «El Correo Gallego»

17 Febreiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Rober G. Méndez dedica a derradeira páxina de El Correo Gallego a realizar unha semblanza do traballo de Jaureguizar tars a publicación d’ O Globo de Shakespeare.

Jaureguizar: entrevista no «Luces»

6 Febreiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

Na sección «Luces» da edición para Galicia deEl País Daniel Salgado realízalle unha entrevista a Jaureguizar centrada na súa última novela O Globo de Shakespeare, gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un breve fragmento:

jaurealvezP. Para quen escribe?

R. Para o público.

P. E quen é o público?

R. Eu son a Corín Tellado da literatura galega. Non, en serio, escribo para grandes públicos, busco grandes públicos. Temos que ser ambiciosos. Porque na literatura galega existen dous reparos fundamentais que non entendo: un, todos queren ser Méndez Ferrín, un grande intelectual cunha cabeza poderosa e unha prosa estupenda; e dous, non nos facemos respectar.

P. Respectar en que sentido?

R. Neste país hai medios e institucións que a un escritor de Murcia de cuarta fila lle pagan avión, hotel e conferencia mentres o libro galego, nas librarías, está coma os baños: ao fondo á dereita. Veño de pasar por unha do centro de Lugo e no escaparate só estaban as traducións ao español dos libros de Murado.

P. Nunca quedou sen nada que escribir?

R. Non me pasan esas cousas raras que lle pasan á xente, non lle teño medo ao folio en branco, nin me comunico co cosmos nin aparecen pantasmas a visitarme. Escribo tres libros ao ano e os meus libros véndense ben.

«O Globo de Shakespeare», adianto da crítica de Eyré

29 Xaneiro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Eyré adianta hoxe no seu blog dous parágrafos da crítica que preparou para A Nosa Terra sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide:

xg001530012Desde que Xosé Carlos Caneiro publicara Ébora (Xerais, 2000) poucas veces me divertín tanto lendo unha novela. Tentado estou de botar contas, polo menos dalgún título de Bieito Alonso, por iso da xustiza comparativa. Mais non o vou facer posto que a finalidade do aserto non é outra que comezar esta crónica letresca evidenciando a carcaterística máis notábel da última novela de Jaureguizar, e Premio Terras de Melide 2008, intitulada O globo de Shakespeare. O globo de Shakespeare posibelmente sexa, tamén, a novela máis completa deica o momento manifesta na imaxinativa e indómita escrita do autor nado en Bilbo. A única chata, esa redacción descoidada, descoidada e típica non só en Jaurgeuizar senón en máis, infortunadamente en máis autores. E que deixa como resultado segmentos como a seguir: “Alegara que a bolsa en Galicia que cobraba era breve”  (175) ou “Celia Mandiás entrou na sala do pazo levando unha bandexa para a cea de Leandro sen darlle fala para non desconcentralo” ( 179). Que, de cando en vez, aquí ou acolá segundo o azar depare, incomodan o seu, sobre todo ao lector que ame e estime a literatura como a arte da palabra. Algunha vez o temos comentado, para Jaureguizar a novela ven sendo máis “o cinema da mente”. E un, a verdade, cada día que pasa entende menos a ausencia de esmero nese aspecto, tanta preguiza, dado que, a fin de contas, a calquera lector ou escritor un chisco experiente lle mancan os ollos e tolle as aspiracións de medre na consideración como obra literaria

………………….

Tal é a virtude de historias como esta que nos relata Jaureguizar, manexando con habilidade o fíos da trama, dosificando esta deica precipitala nun remate apoteósico, tal como merece e demanda. O esquema é simple, e xa se sabe que o simple adoita ser efectivo. Gáñanos, no inicio, ao regalarnos esa galería de personaxes curiosas, estrañas e fortemente empáticas, inclusive as féminas- hai que estudar o papel da muller na narrativa de Jaureguizar, sobre todo comparando tramas para adultos e tramas para non adultos. Personaxes do mundo de Shakespeare e personaxes do mundo actual, confundidas. Introduce a trama, complícaa mentres incrementa as doses de paranoia, de delirio, e reserva parte das personaxes para que catalicen e precipiten o grande show final. Así de simple e efectivo, un esquema que ten moito de cinematográfico, concepción do retrato e concepción da escena. Porén, se indicamos onde radicaba a virtude, sáibase tamén que na mesma virtude está o seu teito de cristal, a fronteira. Cal é a utilidade da farsa literaria se a vida xa é en si unha farsa e, como na novela de Jaureguízar, tamén remata en traxedia? Non é pura evasión, pero esta pregunta debe facer reflexionar.

«O Globo de Shakesperare», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

jaurefarowebDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do premio Terra de Melide 2008.

Jaureguizar entrevistado por «Galicia hoxe»

24 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Jaureguizar non para. Hoxe é entrevistado en Galicia hoxe con motivo da publicación d´O Globo de Shakespeare, a súa premiada novela que cada vez está recollendo maior interese por parte  da crítica, dos medios e do lectorado. Recollemos algúns fragmentos da entrevista:

jaurealvezA obra foi recoñecida o xuño pasado co VIII Premio Terra de Melide. «As vendas van ben, as críticas son boas… din que é o meu mellor libro», comenta o autor, que xa está traballando noutras dúas novelas. De feito, onte atendeu este xornal por teléfono desde a cafetería na que estaba escribindo no seu ordenador. «O ano ten catro trimestres, que dan para escribir unhas tres novelas. O que fago é levantarme ás seis da mañá, ir correr e mentres ir pensando o que vou escribir, e despois escribo ata as oito. Soa un pouco espartano, pero é que máis tarde é moito máis difícil: tendo dous pícaros e co traballo…», di.

O Globo de Shakespeare é, segundo explica o seu autor, un «libro sobre os soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito… Fala do espectáculo, e do fracaso, a través dun personaxe, Ricardo, un titiriteiro que ten un teatro nun paseo, e que lle ten envexa a un escritor de éxito. Chega un punto no que o seu fracaso é tal que só actúa para unha prostituta á que lle paga por velo actuar». A novela tamén aborda as relacións de poder en grupos pequenos, a partir dunha trama sobre a busca do manuscrito do Hamlet nun pazo de Ribadeo.

Jaureguizar en Vigo

Entrevistas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

jaureguizar-manoloJaureguizar presentou onte a novela gañadora do Premio Terra de Melide O Globo de Shakespeare na libraría Librouro de Vigo. Faro de Vigo aproveitou para facerlle unha entrevista ao novelista de Ribadeo.

«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Vigo

22 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

xg001530011Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas presentarase na Libraría Librouro de Vigo O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto o autor conversará arredor da obra con Manuel Bragado, director da editorial.

Novidades literarias, recomendacións da «Revista das Letras»

15 Xaneiro 2009

Narrativa,Poesía,Xerais_nos_medios

xg00161501Entre as recomendacións de novidades literarias do número de hoxe do suplemento «Revista das letras» de Galicia de hoxe hai tres da editorial: Conexión Tubinga, a novela finalista do Premio Xerais 2008 de Alberto Canal; O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008 de Jaureguizar; e  Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga.

Jaureguizar entrevistado por «A Nosa Terra»

12 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

A Nosa Terra publica esta semana a entrevista que Lara Rozados realizou a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos algúns fragmentos:

Esta novela, como outras súas, afonda no mundo do espectáculo. Que conexións hai entre literatura, vida e teatro?

É algo que me interesa moito: concibo a literatura como espectáculo, e máis nestes tempos en que temos a competencia da televisión, de internet, da Wii… Se unha persoa paga 16.50 por un libro, que, cando menos, se entreteña e o pase ben. Xa en Cabaret Voltaire achegábame ao mundo do espectáculo dende esa perspectiva, máis de sala. Tamén estiveron presentes o cinema, que reaparece nesta novela, o circo, n’As horas sucias...

1452f3d8c7a940a580556784bf4707b008a68b9a

Foto Pepe Álvez /AGN

A obra afonda tamén nas relacións humanas, sobre todo as de poder, de dominación.

Son relacións moi marcadas pola envexa, pola fascinación, aínda que existen relacións máis sentimentais. É unha ficción, e creo cousas que seguramente non existan, como xente que se prostitúe para non se sentir soa (aínda que si hai xente que recorre á prostitución por este motivo, e por iso lle dei a volta). Hai relacións de dependencia, como a de Sebe coa súa muller: por moi triunfador que pareza, non sería nada sen ela; tamén ela, pouco atractiva, ten envexa do seu éxito e outro tipo de dependencia con respecto a seu home; logo está Rosalía, que, na súa relación con Ricardo, é a parte da parella que si está no mundo. Ela rexéitao, pero non pode deixar de sentir certa fascinación por ese home tan divertido, e que ao tempo fai cousas tan absurdas. Ao cabo, toda a novela circula arredor das arelas que non se cumpriron, dos soños dos personaxes.

En que traballa agora?

Teño dous libros para a serie de Tintimán, un reporteiro de 15 anos que resolve misterios en varias cidades galegas. Os libros, que sairán en marzo, teñen que ver cunha investigación arredor dunha seita en Compostela e co roubo da coroa de Napoleón, esta última ambientada na Coruña. Tamén preparo dúas novelas, unha xuvenil e outra para público adulto.

«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Ribadeo

8 Xaneiro 2009

Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

Reproducimos a anotación que Jaureguizar publica no seu blog sobre a presentación d’ O Globo de Shakespeare na Casa das Letras de Ribadeo.

A presentación d’O globo de Shakespeare o pasado sábado en Ribadeo foi emocionante. A Casa das Letras encheuse de xente malia a friaxe e o Barça. Farruco Graña presentoume no nome da Asociación Cultural Francisco Lanza, que promoveu o acto, algo que eu agradezo porque non é habitual que te chamen do teu pobo senón é por unha factura impagada do gas. Farruco emocionoume pedindo que algún día un globo sobrevoase a ría de Ribadeo, como acontece na novela. Logo veu un diálogo con Gonzalo Moure, sobre o que sempre lamento que deixase o periodismo para vivir de cuestións máis importantes. Optamos pola fórmula do diálogo porque me irrita escoitar a un tipo falando estupendamente dun libro meu dado que non podo evitar pensar en que todos os defectos que está calando, e porque é unha fórmula máis áxil e divertida para o público. Gonzalo foi ao cerne da novela con todo o acerto do bo xornalista que non deixou de ser: o espectáculo, o pop, o traballo de personaxes, a dobre lectura (entre a tona de intriga e a mar tendida da condición humana). Jaureguizar

«O Globo de Shakespeare», presentación en Ribadeo

2 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

xg00153001Mañá, sábado, 3 de xaneiro, as 20:30 horas, na libraría Casa das Letras de Ribadeo, presentarase O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar. No acto o autor ribadense conversará con Gonzalo Moure, co-autor d’ A porta de Mayo.

Jaureguizar entrevistado no «Xornal de Galicia»

30 Decembro 2008

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

20081207181318_jaureguizarIago Martínez entrevista no Xornal de Galicia a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un fragmento da conversa:

É unha novela moi popular, talvez a máis popular de Jaureguizar.
A min gustaríame que o fose. Dende logo, ten unha vocación moi popular e unhas paixóns moi fortes que van na busca do público. Ao que parece, debo ser o único escritor galego que quere vender libros. Pois si, eu quero vender libros.

[...]

Como Michael Haneke en Funny Games, Jaureguizar cuestiona ao lector nesta novela. A cita inicial de Shakespeare é abondo elocuente: “Se queren espectáculo e sangue, han telo”.
Si, é un final moi shakesperiano, moi desproporcionado, moi esaxerado, buscando o espectáculo, que é o que busca todo dios. Como nos despistemos, os libros desaparecen. Como sigamos coa poesía florida, estamos perdidos. Temos que dar un paso adiante e deixar en paz a memoria histórica.

«O Globo de Shakespeare» en «Culturas»

29 Decembro 2008

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

jaure-la-voz-20-12-2008Ramón Nicolás publicou o día 20 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

«O Globo de Shakespeare», primeiras críticas

21 Decembro 2008

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

xg00153001Esta semana apareceron as primeiras críticas sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

Pedro Rielo, no seu artigo en Galicia hoxe, define a novela como «unha proposta atrevida, ben escrita, para todos os públicos e non alambicada. O escritor é un director de orquestra ou un meigo que vai sacando da chisteira coellos, cartas sorpresa a través de retallos dun espectáculo de papel». Para continuar engadindo:  «O aburrimento está desbotado e viaxamos cos protagonistas desde a costa lucense ata Londres para dar xeito a unha novela na que o seu argumento, as súas chiscadelas non deben ser reveladas porque estragarían un conxunto que é unha bomba de reloxería. Paga a pena non ter complexos, calquera situación é posible tanto aquí como en Burkina Faso. Non aforra nin un só cartucho.»

Ramón Nicolás, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, escribe que O Globo de Shakespeare é «unha novela sólida e efectiva, dosificada con acerto e gobernada, por un lado, a través da presenza do universo literario, mais tamén persoal, de William Shakespeare, e, por outro, sometida a realidade reflectida a unha vontade transgresora, pero que expón con ironía, por veces con abraiante e cru realismo, os grandes problemas da humamidade».

Jaureguizar fala d' «O Globo de Shakespeare»

11 Decembro 2008

Entrevistas,Narrativa,Vídeos

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=76dRDfxg6Bk]

Neste vídeo da serie Falemos dos libros, gravado en Cultur.gal 2008, Jaureguizar presenta O Globo de Shakespeare.

Jaureguizar presentou «O Globo de Shakespeare» no Cultur.gal

9 Decembro 2008

Narrativa,Premios,Presentacións

kq9w4621

Jaureguízar presentou O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide no Cultur.gal 2008. Foi entrevistado por Óscar Sánchez de forma moi animada.

Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo

5 Decembro 2008

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

b87a7965514201e0edddce5158d3ea2314a2bc63

Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

Jaureguizar presentou «O Globo de Shakespeare» en Melide

29 Novembro 2008

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

jaureguizarJaureguizar presentou hoxe no concello de Melide O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto estivo acompañado por Socorro Cea (alcaldesa de Melide) e Manuel Bragado. No comezo da súa intervención, Jaureguizar salientou que estaba feliz por que está presentación se celebraba nun día shakesperiano, «a choiva, como din na miña terra, crea un escenario perfecto para a presentación deste libro». Logo sinalou a importancia de que un concello como o de Melide termase deste premio, «que haxa un concello que se implique deste xeito, como o fai o de Melide, coa literatura nacional é relevante».

Citando a súa admiración pola serie Os Soprano, o autor d’ O Globo de Shakespeare insistiu que na narración é importante falar sobre as persoas, como tratou de facer nesta obra. «No Globo hai unha trama real. Sir Francis Drake decidiu atacar Porto Rico, que defendía un militar das Figueiras. O fillo da Mariña conseguiu que a praza resistise e na volta o pirata inglés derrotado pillou unhas febres. Tamén é real que Drake e Shakespeare se coñecesen, como o é que Drake era unha persoa culta. Até aí os feitos reais. A partir de aí, desenvólvese a miña ficción. Hai unha primeira versión de Hamlet. Convén recordar que Shakespeare non escribía as súas máis de trinta pezas. Os actores aprendíanas de memoria. As que coñecemos de Shakespeare foron escritas por dous actores dous anos despois da súa militar. Sigo. O militar galego volve a súa casa natal de Ribadeo e no seu arquivo queda, entre outras, a peza que Shakespeare lle pasara a ler a Drake.»

A continuación, Jaureguizar expresou que escribía coa intención de que o lesen, non para ser querido.«Escribín esta novela para falar do espectáculo, como xa fixera en Cabaret Voltaire, onde abordei o espectáculo do cabaret; como fixen n’ As horas sucias, dedicada ao circo; n’ A cova das vacas mortas, onde está moi presente o cinema. Aquí no Globo o espectáculo é o teatro. O teatriño que hai no soto do pazo, onde Ricardo fai representación de obras de Shakespeare cos seus títeres. Ricardo fala por medio das voces dos seus títeres e como non ten público para o seu espectáculo contrata a unha prostituta para que as contemple. A ela, que se sinte moi soa, non lle gustan, apenas atende a aquelas máis románticas como Romeo e Xulieta. Mentres, Rosalía, a muller de Ricardo, trata de sacar adiante aos seus tres rapaces. Ricardo síntese frustrado e envexoso de Sebe, un escritor de éxito, un personaxe que quixen construír arquetípico (guapo, elegante…). Este Sebe soña con limóns verdes que van madurecendo ao longo da novela até chegar a ser amarelos. Por que soña con limóns? Por que como ensina o mestre Cunqueiro hai unha continuidade entre o soño e a realidade. Os limóns son importantes na miña novela»

Concluíu a súa intervención Jaureguizar sinalando que pechou a todos os personaxes, coa excepción de Rosalía, nun pazo, nun concepto bastante teatral, coa intención de poder abordar mellor as relacións de poder e mesmo as sentimentais entre todos eles e como a descuberta do manuscrito lles vai afectar.

Ao remate da presentación, Jaureguizar presentou as galletas da novela, uns sabedeiros doces de limón. «A primeira novela galega con dóce propio.»

Xerais no Cultur.gal 2008

26 Novembro 2008

Crónica,Infantil,Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

http___wwwculturgal

Nos vindeiros días, 4-5-6 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.

Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:

  • Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:

Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.

  • Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:

Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.

Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

  • Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O natural é político de Teresa Moure.

Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.

  • Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

(Premio Terra de Melide, 2008)

Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«O Globo de Shakespeare», elenco de personaxes

18 Novembro 2008

Narrativa,Noticias,Premios

Jaureguizar inicia no seu blog unha serie de anotacións sobre o elenco de personaxes d’ O Globo de Shakespeare. Velaí, a primeira sobre Ricardo, o personaxe central, a segunda, sobre Rosalía, a terceira sobre a señora Quickly, a cuarta sobre Sebe e a quinta sobre Adriana:

xg00153001Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.

Rosalía é un dos secundarios da miña nova novela O Globo de Shakespeare. Estivo casada con Ricardo pero non deu aturado vivir no seu pazo nin a súa familia. Divorciáronse, mais ela segue sendo a Terra sobre a que xira o satélite de Ricardo. De nova, ficara fascinada polo seu talento para o espectáculo; ela, que non deixaba de ver a Lúa coma unha farola auxiliar nas noites. O monifateiro xanta na súa casa todos os días, xunto cos tres fillos que teñen en común. Ela segue aturándoo porque continúa namorada del. Rosalía é repoluda, optimista, pragmática, xenerosa, celosa e demasiado parva para decatarse do miserable que é o seu ex home con ela.

En realidade, chámase Celia Mandiás e é ama de chaves. Rexe a vida do pazo no que está ambientado ‘O globo de Shakespeare’. Entrou na casa sendo unha rapariga e no que leva máis de medio século. A xenerosidade vai canda ela, pero é quen de ser cruel se detecta unha ameaza ao seu poder. O seu carácter é disciplinado, ascético, dominado polo deber e a moral. Fisicamente é enxoita e fibrosa, camiña erguida e ás présas, polo que Ricardo alcumouna Señora Quickly. Sente paixón polos paxaros, ata o punto de que dá as horas con razas deles. Recende a aceite de oliva virxe. Tivo un novio mariñeiro cando moza, pero el desapareceu.

Sebe (Eusebio Pontella) é un dos personaxes privilexiados d’O Globo de Shakespeare. O debuxo que lle fixen foi arquetípico, índa que eses trazos unidireccionais teñen unha razón de ser. Sebe é un home encantador, guapo, elegante, sociable, amable, simpático e disciplinado na promoción desas novelas que tanto éxito teñen. Está casado con Adriana, unha muller á que avantaxa fisica e socialmente. A súa vida cambia cando empeza a soñar con limóns, que empezan sendo verdes e rematan sendo maduros. Os limóns tiran por el cara unha paixón que fará que perda a súa capacidade de decisión sentimental.

Adriana é a muller de Sebe na miña novela ‘O Globo de Shakespeare. O seu aspecto, repoludo e feo, compite en desagradable co seu carácter túzaro por ver quen é máis desagradable. Con todo, é unha muller cunha gran fortaleza, que enfrenta continuamente os desastres da vida. Encarada ao éxito do seu home, preferiu ficar na discrección porque todo o seu soño na vida é ser querida por Sebe, de quen envexa o seu físico e o seu don de xentes.

O Globo de Shakespeare, novela gañadora do premio Terra de Melide 2008, será presentada no concello de Melide o sábado 29 de novembro, ás 11:00 horas; posteriormente haberá outro acto incluído no programa de Culturgal 08.

«O Globo de Shakespeare», adianto de lectura

14 Outubro 2008

Adiantos_para_ler,Narrativa,Premios

Xa pode baixarse un fragmento de lectura d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar premiada co Terra de Melide 2008.

«O Globo de Shakespeare», a nova novela de Jaureguizar

9 Outubro 2008

Narrativa,Noticias,Premios

Están a piques de chegar da imprenta os primeiros exemplares d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Unha novela que alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), constitúe, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, o escape das vidas, a soidade e unha sociedade onde non hai posibilidades para o amor.

Un actor que soña con Shakespeare, un escritor que soña con limóns, unha muller que soña con ser correspondida polo seu home, unha vella que ficou soñando co noivo da mocidade, unha prostituta que soña con non sentirse soa e un vello que nada soña e que goza controlando os soños alleos son os personaxes d’ O Globo de Shakespeare. O achado do primeiro Hamlet, a obra do soño e a morte, no pazo de Ribadeo onde se relacionan, asulagará os seus soños e as súas vidas. O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, o escape das vidas, a soidade e unha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifateiro Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cun apoteósico final tráxico.

Fotografía de cuberta: Manuel G. Vicente