Entrevista con Xabier Quiroga: «A novela ‘O Cabo do Mundo’ conta feitos tremendos e crueis»

22 Novembro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa

As páxinas da Ribeira Sacra do xornal lugués El Progreso publicaron o pasado venres unha longa entrevista con Xabier Quiroga, asinada por Ana Rodil. Nela, o autor de O Cabo do Mundo dá conta do seu oficio de escribir, repasa a súa obra narrativa, e rememora as súas afeccións e dedicacións deportivas. Sobre a súa última novela, expresa o seguinte:

O Cabo do Mundo conta feitos tan tremendos e crueis coma outros moitos que houbo e que quedaron agochados nas mentes dos represores adscritos a un franquismo sen dó. E nesa época as vinganzas persoais como a do alcalde do Saviñao que se conta na novela estiveron á orde do día.

A entrevista pode lerse completa aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Boa acollida para as últimas novidades de Narrativa de Xerais, que entran na súa 2ª edición

5 Novembro 2010

Narrativa,Reedicións

As últimas novidades publicadas por Xerais en Narrativa están tendo unha boa acollida por parte dos lectores e lectoras e, de feito, entraron xa na súa segunda edición as novelas Denso recendo a salgado, de Manuel Portas; O Cabo do Mundo, de Xabier Quiroga; e Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; así como o libro de relatos Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Estévez-Saá sobre «O Cabo do Mundo», de Xabier Quiroga

29 Outubro 2010

Autores,Críticas,Narrativa

José Manuel Estévez-Saá publicou onte en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre O Cabo do Mundo, de Xabier Quiroga, libro que foi Premio da Crítica 2010. Reproducimos integramente a recensión:

A verdade sempre é incómoda

Non é doado, nada doado, aproximarse nunha soa novela a tres temas tan delicados como a asunción dunha morte inminente, o recoñecemento dun amor secreto e imposible, e a revelación do sufrimento que xera un estado de represión silenciado. Cuestións todas elas que demandan do autor que desexe acometelas un esforzo extra de estudo e reflexión sobre a natureza do ser humano e o modo en que o destino e o poder político se alían até converterse no máis inxusto dos nosos inimigos. O escritor lugués Xabier Quiroga (O Saviñao, 1961), na súa última novela, O Cabo do Mundo, foi quen de tecer estes tres asuntos baixo unha armazón argumental de tal profundidade que o lector chega a sentirse atrapado no devir tanto público como privado do protagonista (e narrador) dunha historia na que a barreira entre realidade e ficción se desdebuxa, cada vez máis, a medida que avanza a narración dunha novela ás veces histórica e outras negra. Xabier Quiroga, probablemente, do mesmo xeito que o seu protagonista, o “profesor que atura adolescentes con cara de noxo e collidos polo sarabullo do consumo”, Carlos Pereiro, “non [é] capaz de estar satisfeito co vivido nin conformar[se] co que [lle] queda por vivir” e tenta “atoparlle un sentido á vida” inmiscíndose na parte máis íntima do ser humano por unha banda, e nas actividades “contra a República en Galicia”, resultado daquela esquecida represión que xeraba a “loita armada e clandestina en tempos de paz”, pola outra. A documentación de Xabier Quiroga e do seu personaxe supón un dobre proceso: “procurar na memoria dos vellos, na dos moi vellos”, e indagar entre “os estudosos desa ceifa de vergonza”. Xenuína novela dun dos grandes da nosa literatura.

José Manuel Estévez-Saá

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Monforte

10 Agosto 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Premios

Xerais prepara o programa dos actos que realizará na Feira do Libro de Monforte de Lemos, que terá lugar do 25 ao 28 de agosto na rúa do Cardeal.

O xoves 26 de agosto, ás 19:00 horas Ricardo Gurriarán presentará Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela 1939-1968.

O mesmo xoves, ás 20:00 horas Xabier Quiroga presentará a súa novela máis recente, O Cabo do Mundo, Premio da Crítica 2010 no eido da narrativa.

En ambas as dúas presentacións, os autores estarán acompañados polo editor Manuel Bragado.

Na Feira do Libro de Monforte tamén participarán Xosé Manuel Pereiro que pronunciará o pregón no serán do día 25 e o escritor Marcos Calveiro que asinara exemplares de Settecento, O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009) e o resto da súa obra en data por determinar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O Cabo do Mundo» de Xabier Quiroga, Premio da Crítica 2010

17 Abril 2010

Críticas,Narrativa,Noticias,Premios

Segundo lemos no blog de Xosé Manuel Eyré, a novela de Xabier Quiroga O Cabo do Mundo foi merecedora do Premio da Crítica 2010 no eido da Narrativa en lingua galega. Recollemos o texto preparado pola Sección de Crítica da AELG:

Era 2002 e Xabier Quiroga sorpendía na narrativa galega con Atuado na braña, unha historia ben trabada y traballada, complexa e poliangular, na que se plantexaba que a procura da identidade individual non se pode realizar fóra do ámbito social; por moito que os poderes mediáticos sacralicen o individuo, o certo é que a  historia de cada un está intimamente ligada á dos demais. Esta orientación temática  mantívoa  dous años máis tarde, en Era por setembro, novela máis breve que a anterior. Posteriormente chegou Se buscabas un deus (2006, sempre en Edición Xerais de Galicia), outra novela de fondo alento, que complementa  Atuado na baraña, en canto que a primeira incursión se proxectaba sobre o pasado resultando afectado o presente e nesta segunda partindo do futuro acaba por afectar as tres dimensións temporararias (presente, pasado y futuro).

Esta O Cabo do Mundo, que hoxe premiamos, combina a extracción de personaxes de la Historia da vida cotidá nun pobo do  sur da provincia de Lugo (Escairón), coa doación a esa mesma Historia de personaxes que son logradas creacións literarias. De forma e maneira que ambas ( extracción e doación) encaixan á perfección no puzzle, ese enorme puzzle que construímos, con toda a vontade e dignidade de que somos capaces, todos os que non queremos que sexan esquecidas tantas traxedias como eo Alzamento militar franquista de 1936 provocou e que algúns pretenden desactualizar interesadamente.

No eido da poesía, a obra gañadora foi Deter o día cunha flor de Luz Pozo Garza, obra publicada por Baía edicións. Os nosos parabéns para Luz e Xabier.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O Cabo do Mundo», presentación o sábado no Saviñao

1 Marzo 2010

Autores,Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro sábado, 6 de marzo, ás 20:00 horas presentarase nas instalacións do Círculo Saviñao (rúa Pardo Bazán 17 de Escairón) O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. No acto acompañarán ao autor Enrique Sampil e Manuel Bragado. O Cabo do Mundo, seleccionada como unha das tres mellores obras de Narrativa de 2009 polos membros da AELG, está recollendo as maiores beizóns por parte da crítica que a saúda de forma entusiasta.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O Cabo do Mundo», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

A MEMORIA QUE NON CESA

Dentro da novela galega contemporánea podemos establecer un subxénero que foi definido hai pouco de forma certeira polo profesor estadounidense John Thomson como novelas da memoria, é dicir, novelas que tentan reconstruír a sublevación franquista e a represión que orixinou, mais que non quedan na pura análise da sublevación do 36, senón que se mergullan tamén nos anos da República e na análise dos corenta anos de represión do franquismo. Esta nova achega narrativa de Xabier Quiroga é un exemplo acaído deste subxénero de novela, tan vital hoxe na literatura galega.

O novelista, sabémolo pola nota final, opta polo recurso do manuscrito encontrado, pois o texto novelesco é a narración en primeira persoa do protagonista, que tenta reconstruír o pasado do seu pai –posiblemente un membro das patrullas do mencer, que paseaban republicanos– e que edita o seu amigo e axudante nesta pescuda Xosé Manuel Reina.

A investigación do protagonista-narrador é suscitada porque, no enterro do seu pai, “un velliño moi vello” lle berra ao cadáver do pai: ”Adeus, asasino”. O protagonista, un profesor e novelista, na mellor liña do personaxe intelectual rico e conflitivo, tentará descubrir o significado destas palabras. Por outra banda, emprende esta pescuda desde unha situación límite, pois padece un cancro, que será causa da sua morte. Mais, antes de morrer e por consello-imposición do seu amigo e axudante Reina, escribirá a xeito de narración en primeira persoa o proceso desta investigación sobre o pai.

Xa que logo, estamos perante unha novela da memoria histórica. O autor utiliza fontes históricas, mesmo fala con historiadores reais que escribiron libros e artigos sobre a represión franquista, especialmente no concello do Saviñao, lugar onde actuou o pai. Por todas as partes atopa con muros de silencio, mesmo nas institucións. A novela é deste xeito unha boa reflexión sobre os atrancos que sofre a recuperación desta memoria histórica entre as que cómpre citar a actitude negativa das propias autoridades, o pacto que se fixo na Transición de evitar estes temas, a posición dos propios historiadores afectos ao poder que non queren tocar o asunto ou mesmo que na Transición e na actualidade os represores e os seus fillos seguen a ocupar postos de importancia na política, na economía ou na sociedade. Neste sentido a investigación sobre a figura do xefe da patrulla do mencer, o alcalde perpetuo do Saviñao D. Evaristo Moreiras, na ficción, así como sobre o seu fillo, importante empresario na actualidade, atopa todo tipo de obstáculos que o protagonista, coa axuda de Reina, irá superando.

A novela pode entenderse deste xeito como unha novela ensaio sobre as dificultades que se achan na recuperación da memoria histórica. Ás aludidas no parágrafo anterior hai que unir principalmente o medo que o franquismo meteu no corpo das propias vítimas da represión e nas súas familias. Cómpre calar para non ter novos problemas e ata na actualidade os netos teñen que gardar silencio, pois os herdeiros dos represores son, ás veces, poderosos abondo e non se sabe nunca como se poden vingar.

Como adoita acontecer nestas novelas da memoria, a falta de datos fai que o novelista teña que imaxinar moitas veces como foron os feitos, de tal xeito que se mesturan realidade e ficción. Tamén o mesmo proceso de pescuda se converte nunha aventura persoal e mesmo enfronta o investigador coa súa propia realidade persoal. Desta forma o narrador-protagonista Carlos Pereiro, a partir da investigación da vida do pai, enfróntanse coa súa propia vida, a súa infancia, a súa adolescencia, o seu fracaso matrimonial ou a súa derradeira relación amorosa cunha antiga alumna brasileira.

A novela, como adoita acontecer con outras deste subxénero, convértese en sucedáneo da historia. Entra onde os historiadores non se atreven a entrar: as figuras dos represores e non dos reprimidos. Nas investigacións históricas adoita falarse dos reprimidos e asasinados con nomes e apelidos, mais cálanse moitas veces, polos motivos devanditos, os nomes, actividades e cargos dos represores.

Esta novela afonda non nos reprimidos, aínda que tamén o fai, senón nos represores. Aí reside outro acerto. Na figura do alcalde asasino e xefe das patrullas do mencer moitos dos que xa temos algúns anos estamos a ver persoeiros dos franquismo da nosa infancia e das nosas bisbarras, dos que todos sospeitabamos que fixeran cousas horribles, mais ninguén falaba diso porque o medo non deixaba abrir a boca. E hoxe, o que tenta recuperar esta memoria da infamia, segundo moitos medios de comunicación, é alguén que busca o desquite, quere vinganza e ata os herdeiros dos represores poden levalos aos tribunais. De aí o acerto da novela ao centrarse fundamentalmente nos represores.

O desenlace é un tanto folletinesco, mais é posible que ata na realidade acontecesen cousas así, pois a represión na Arxentina xa nos afixo a ver como os asasinos quedaban cos fillos cativos dos asasinados. Na novela, dous da patrulla que asasinan o matrimonio Pepe-Estrela acaban recollendo as súas fillas, cóidanas e ata rematan casando con elas. Soa a folletín, mais todo é posible e verosímil despois das terribles experiencias históricas vistas na Guerra Civil española, en Chile ou na Arxentina das ditaduras militares. O lector, no final da novela, non sabe distinguir, xa que logo, que hai de ficción e realidade nestes casos, pois a realidade, por dura que sexa, supera ás veces a ficción. É outro dos méritos da novela.

Outro aspecto engaiolante desta obra é o personaxe Gumersindo, o home que vive coma un Robinson, só na natureza, ao xeito dun home prehistórico, que practicamente se sustenta co que el mesmo caza ou recolle. Na mesma liña, dentro neste caso da ironía, hai que salientar a figura do xefe de estudos do instituto onde traballa o protagonista, así como a presentación acertada do ambiente de moitos dos nosos centros de ensino secundario, que tamén ofrece a novela a partir da descrición do devandito instituto.

Así mesmo, como acontece noutras novelas da memoria, e como ben salientou o estudoso estadounidense John Thompson, hai unha valoración altamente positiva do período da II República como un espazo de liberdade, federalismo e xustiza, como comprende mesmo alguén tan primario e afastado da política como o propio Gumersindo. Cómpre subliñar igualmente a presentación da Galicia rural e dos campesiños como persoas solidarias, embarcadas en proxectos sindicalistas e progresistas, que desbotan o tópico dereitista do mundo rural conservador, antimoderno e individualista, que é outro dos tópicos forxados polo franquismo e que segue aínda vixente hoxe na dereita galega e asimilados.

En canto á lingua, Quiroga é posiblemente un dos novelistas actuais que mellor manexa o galego. Así manifesta un bo uso do infinitivo conxugado, emprega o artigo diante dos nomes propios de persoa (como é habitual na lingua falada da maior parte de Galicia) ou usa formas de superlativo como “un velliño moi vello” (páx. 15), que remiten á enxebreza da súa sintaxe. Non obstante, advertimos algúns erros como o emprego do comparativo que diante de min no canto de ca (“Mellor que a min”, páx. 193), o emprego de rir sen pronominalizar con complemento de réxime (“rían da propia miseria –páx. 145–, cando tanto o DRAG como o recente Gran Xerais establecen a pronominalización obrigada nesta acepción) ou a eliminación da preposición a, ao xeito castelanista, ante os adverbios comezados por a (“de arriba abaixo”, páx. 259; nestes casos, os DRAG, a partir da chamada información agochada dun dicionario, impón o emprego de a).

Achamos erros léxicos, que máis ca ao autor, hai que atribuír á falta de lectura dos textos por correctores profesionais, como o emprego de “lentes” como masculino, o castelanismo “finca” (páx. 191), “mimos” (por mecos, páx. 20), “apartado” (como substantivo, por sección ou outro substantivo sinónimo), “modais” (páx. 56) por modos ou educación.

Como conclusión, aconsellamos a lectura desta novela para así comprendermos o noso pasado recente, así como os atrancos que atopa a recuperación da memoria histórica, máxime nestes tempos en que o goberno autonómico lle retira as axudas e subvencións á recuperación desta memoria. Manuel Rodríguez Alonso

Texto publicado no blog Bouverd e Pécuchet o sábado 27 de febreiro de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O Cabo do Mundo», crítica de Ramón Nicolás

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

XABIER QUIROGA ENSAIA UN CONVINCENTE EXERCICIO DE SEDUCIÓN NARRATIVA CUNHA NOVELA INTENSA, DRAMÁTICA E ALICERZADA NAS REGAÑAS DA MEMORIA

Nominada como unha das mellores novelas para o premio de narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto coas propostas máis recentes de Cid Cabido e Luís Rei, ambas as dúas comentadas nestas páxinas, O Cabo do Mundo é, sen dubidalo, unha gran peza novelística que recomendamos vivamente. Quiroga retorna, dalgún xeito, ao Bouzuás das súas primeiras obras para ofrecernos outro territorio parello, desde agora incorporado ao imaxinario literario galego, como é o do Cabo do Mundo: lugar onde o Miño dá unha volta entre Escairón e Chantada. É alí onde se desenvolve boa parte da trama da súa proposta e, ao meu parecer, é aí onde circulan as páxinas máis brillantes pola súa transparencia e verismo, e porque nese lugar todo cobra un claro significado alén da metáfora: aí é onde o protagonista, cunha grave enfermidade ao seu lombo, persevera na procura teimosa da súa propia identidade persoal nun pasado ao que non lle ten medo pero no que é incapaz de penetrar; aí é onde intenta ver que pode haber ao final, que é a propia condición humana e cales son os seus límites, para o que atopa un personaxe de memoria imperecedoira no lector como é Gumersindo: indómito como a terra que o rodea, franco e leal, cheo de vellos saberes mais tamén depositario de grandes misterios para quen o silencio é tan elocuente como a palabra.

Se algún elemento cómpre destacar desta novela, alén do logrado verismo que a domina desde a primeira até a derradeira liña, é a conseguida tensión dramática a través da cal o lector quere seguir a evolución do protagonista nesa situación extrema que vive, debilitado fisicamente mais tamén animicamente ao procurar sen sosego unha resposta que explique de vez de onde vén, resposta que se vai desvelando a través da esculca que afonda nos convulsos acontecementos do ano 36, nomeadamente na represión que se operou singularmente nun lugar como O Saviñao, de xeito que o drama persoal avanza parello ao seu declive físico, pero que ademais se proxecta polos carreiros das grandes preguntas do ser humano cuestionando todo aquilo que se asoma ao abismo do descoñecido… Velaí como o devezo por saber, o desexo por coñecer a auténtica verdade move ao protagonista, e diría eu que ao lector, transparentando a crueldade duns días ignominiosos que nunca está de máis lembrar, devorcando historias reais, “carne viva”, vinganzas e represalias motivadas por motivos políticos, mais tamén por razóns asentadas na paixón e no desexo; sen esquecer ese fío suxestivo que reflexiona sobre a eliminación da documentación oficial da que se puidesen derivar funestas consecuencias. Neste contexto, o único operativo para reconstruír a propia identidade, a persoal e a dalgún xeito a colectiva era e é a memoria, á que se apela sen pausa, unha e outra vez.

Ben se poden engadir, ao sinalado, outros méritos da novela como son tanto o rexistro expresivo que Quiroga emprega e que resulta extraordinariamente brillante, case me atrevería a cualificar como gozoso, como a tonalidade se se quer detectivesca –apoiada pola presenza final do intuitivo Reina, alcumado como un novo Holmes- ou a acaída arquitectura da peza, que retarda ou remansa a acción cando cómpre para logo acelerala outorgándolle un ritmo trepidante que turra, inevitablemente, do ánimo do lector.

Xabier Quiroga reafírmase así como un excelente novelista con esta novela: tiroulle partido a un argumento, artellou unha excelente historia e, ao tempo, soubo moi ben como contala. O Cabo do Mundo non debería, abofé, pasar desapercibida. Ramón Nicolás

Texto publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o sábado 27 de febreiro de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas Premios AELG 2010

19 Febreiro 2010

Autores,Crónica,Fóra de Xogo,Infantil,Narrativa,Noticias,Premios,Sopa de Libros,Teatro,Xuvenil

Recollemos a relación de finalistas dos Premios AELG 2010, que serán fallados o 17 de abril de 2010, no seo da Cea das Letras.

Blog Literario

  • A canción do náufrago (http://franciscocastro.blogaliza.org/), de Francisco Castro
  • As uvas na solaina (http://asuvasnasolaina.blogspot.com/), de Marcos Valcárcel
  • Axenda Cultural da AELG (http://axendaaelg.blogaliza.org/), de Algueirada (Acción cultural na rede)
  • Brétemas (http://bretemas.blogaliza.org/), de Manuel Bragado
  • Cabaret Voltaire (http://cabaretvoltaire.canalblog.com/), de Santiago Jaureguízar
  • O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro
  • Ensaio

  • A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro, de Manuel Forcadela
  • As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo
  • Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero
  • Soñadores e Familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro, de María Xesús Nogueira Pereira
  • Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)

  • Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros
  • Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz
  • O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos
  • Valados, de Agustín Fernández Paz
  • Mellor traxectoria xornalística (AELG-Colexio de Xornalistas)

  • Belén Regueira
  • Ana Romaní
  • Xosé Manuel Pereiro
  • Bieito Iglesias
  • Manuel Rivas
  • Fran P. Lorenzo
  • Lino Braxe
  • Anxo Tarrío
  • Narrativa

  • Monte Louro, de Luís Rei Núñez
  • O cabo do mundo,de Xabier Quiroga
  • Unha historia que non vou contar,de Cid Cabido
  • Poesía

  • Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza
  • O pouso do fume, de Dores Tembrás
  • Teatro

  • Delimvois, de Rubén Ruibal
  • Medea dos fuxidos e outras pezas, de Manuel Lourenzo
  • Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa
  • Tradución

  • Flanagan. Flash-Back, de  Jaume Ribera e Andreu Martín, en tradución de Isabel Soto
  • O museo da inocencia, de Orhan Pamuk , en tradución de Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos
  • Obra dramática completa, de Sarah Kane, en tradución de Manuel F. Vieites
  • Residente privilexiada, de María Casares, en tradución de Ana Belén Martínez Delgado
  • Chuzame! A Facebook A Twitter

    «O Cabo do Mundo» de Xabier Qurioga, crítica de Xosé Manuel Eyré

    14 Febreiro 2010

    Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs,Xerais_nos_medios

    No número de 11 a 17 de febreiro, 1393, de ANT, debería saír publicada a crítica que de O Cabo do Mundo enviei. No seu lugar vén un texto rillado deses famosos ratos que ameazan, mesmo na era dixital, os medios impresos. Tan rillado que nel malamente dou recoñecido o por min escrito. Velaquí teñen a crítica enteira:

    OS CANS E A RABIA

    A experiencia en carne propia contradí a afirmación segundo o cal “morto o can, acabouse a rabia”. O can xa morreu hai máis de 30 anos, porén a rabia, o fascismo intolerante, segue a manifestarse cunha virulencia abraiante. Non hai nada que roldaron e ameazaron a Dionisio Pereira, só por querer esclarecer anos escuros. Menciónoo por ser un caso ben coñecido, mais todos sabemos que non é único, como non imos saber se mesmo está a ameazar a nosa lingua cunha contundencia, aleivosía, nocturnidade e premeditación nunca vistas! Informa o almanaque que 1936 pasou, informa, e que este é o século XXI. Infórmanos a vida de que a rabia adoecida segue impaciente por trabar en nós. Ese é o pecado, ser nós porque sendo nós estorbamos os negocios dos de fóra. Non hai máis voltas, a cousa é así de simple. E como non hai máis voltas, avisamos que confundir a última de Xabier Quiroga con “outra maldita novela sobre a Guerra Civil” só é posíbel desde ópticas contaminadas por intereses espúreos.

    Ou que se opina da novela sen chegar a lela. Porque O Cabo do Mundo é unha novela moi actual. E non é actual só por estar atenta á recuperación da Memoria Histórica. O que pasa n´O Cabo do Mundo pasa hoxe, certamente. Mais o que pasa hoxe ten as raíces no onte porque nalgún lado as ha ter e no mañá non pode ser, claro que o onte non é a folla do almanaque que arrincamos esta máñá, senón un pozo moito máis fondo que segue manando auga ao brañal da vida. Bouzuás, o brañal identitario de Xabier Quiroga que tamén aquí aparece, lugar duro, inhóspito, salvaxe, ben pode ser considerado como metáfora da vida, logo hai quen sabe vivir os valores da civilización e quen non dá pousado o estigma rancoreño e primario do brañal. Velaí a diferenza entre  o Carlos e Ramón ou o Evaristo, dous que non deron desapegado a roña canalla. Que en definitiva niso consiste a civilización, en chegar ao humanismo desfacéndose, polo camiño, da cotra dos comportamentos animais e primarios.

    No enterro do pai de Carlos, alguén lle chama asasino ao finado. Cando a Carlos lle diagnostican unha enfermidade que logo o consumirá, entón, abandonada toda esperanza, decide indagar se é o fillo dun asasino ou non. Tarefa que o  levará de volta ás terras d´O Saviñao (as novelas de Xabier sempre son un reencontro coas raíces) onde pouco a pouco irá destapando as lousas debaixo das cales agocha un misterio que o abalará con tanta intensidade como a lectura desta novela ao lector. Ese proceso de búsqueda é o miolo, é a novela. Porén non continuaremos sen sinalar que tal reencontro coas raíces, igual que o proceso de búsqueda e desapegamento da roña canalla, exercen de convincentes metáforas nas cales o ser humano atopa esperanza, e azos para vivir, cando se decide a limpar o pasado dos fantasmas que abafan o pesente.

    Respondendo ás expectativas xurdidas a partir da iniciativa de recuperación da Memoria Histórica, Xabier Quiroga propón nesta nova novela unha mestura entre ficción e realidade moi a ter en conta. Partindo da base de que a trama é pura creación, o feito de botar man de personaxes reais (en situacións ficticias, caso de Henrique Sampil) ou de que personaxes de ficción reivindiquen outras reais ás que dalgunha maneira se homenaxea (caso de Reina), confire ás personaxes puramente ficticias (e situacións) un extraordinario empaque de verismo. E por demais esta estratexia contribúe, de segundas e de maneira moi efectiva, á hora da reconciliación entre a lectura e o lector, pois refórzanse un  ao outro entre os dous efectos. É o xeito de render homenaxe a unha terra, enchéndoa de vida inmorredoira, que se desfai en abandono, a un modo de vida propio e peculiar que con esas xentes desaparece, lembrando que riqueza procurada nos obxectos é circunstancial, perecedoira, individual e ilusoria, mentres a que proporcionan a lingua e a cultura é consecuencia da interacción e polo tanto colectiva e perenne sen deixar se ser nosa.

    E se a este atractivo sumanos que as personaxes, indiferentemente do seu estatuto, están rexamente confuguradas, o resultado é o dun discurso que se apega ás mans e no cal o narrador pasa a un segundo plano, o da discreción e efectividade. Malia que, por veces, o discurso cheaga a manifestarse en períodos sintácticos entrecortados, esfaragullados, iso máis que como vontade de estilo (que noutras ocasións non atende de todo a puntuación) interpretámolo como petición ao lector para que non desvíe a atención. De xeito que o convite á reflexión é constante, nunca deixa de estar operativo desde que, pouco a pouco e de maneira convencida e convincente, foi instalando no lector unha porposta na cal personaxes reais acoden á ficción e para actualizala, na cal personaxes ficticias lembran que a ficción só son acontecementos non actuais sen que iso diga que non é real. E, no medio, unha trama, o desencadeamento dunha acción que non sendo real tampouco deixa de selo, que tampouco é o que máis interesa pois o que máis interesa é a natureza dos comportamentos humanos e como neles nace a barbarie.

    Fica por mencionar, aínda, a lingua, esa vizosa lingua que transporta os matices propios creados pola xente de´O Saviñao. E que non é menos literaria por ser lingua do pobo, senón, que, pola contra, por iso mesmo é mais importante.

    Os cans poden ladrar e morder, si, porén é coa rabia co que hai que acabar.

    ASDO: Xosé M. Eyré

    Se se comparan ambos textos resulta que os ratos foron rillar xustamente alí onde orixinal afonda nas raíces da escrita de Xabier Quiroga –que por certo é unha das mellores novelas do ano pasado, senón a mellor–, que non son raíces abstractas e individuais senón concretas e manadas do acontecer social.

    Aí e mais en como a novela de Xabier enche de vida unha zona que está ficando despoboada, no xeito en que esta novela contribúe a encher de vida ese abandono.

    Por demais de roeren título e conclusión.

    Non deixa de ser raro. Os medios quérennos rebeldes, non submisos. Porén ollánnos de esguello cada vez que inserimos os nosos textos no devir do acontecer social, como denuncie este verán pasado na miña intervención no seo do IX Congreso Internacional da AIEG. É froito da miña experiencia. Deste xeito a lectura fica reducida a un hábito individual, sen conexión coa sociedade e polo tanto inócuo. Os lectores desta Ferradura saben que partillamos xustamente a a opinión contraria.

    Texto publicado no blog de Xosé Manuel Eyre.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Xabier Quiroga: «Eu fago novelas de terror político»

    22 Xaneiro 2010

    Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

    Xan Carballa publica nas páxinas de «Luces» de El País Galicia unha interesantísima entrevista a Xabier Quiroga, con motivo da publicación da cuarta novela do escritor do Saviñao, O Cabo do Mundo. Baixo o título «Aquí non houbo unha guerra, eu fago novelas de terror político», Carballa e Quiroga conversan sobre unha novela na que se propón un regreso aos espazos de Atuado na braña, novela de grande alento coa que se dera a coñecer Quiroga e obtivera o Premio Lousada Diéguez de 2003. Recollemos algúns parágrafos do texto:

    A idea da procura dun mesmo estaba sempre nas miñas obras, e escribindo sabía que se podía parecer a outros libros anteriores. Pero aquí o cerne é a represión. A novela xorde a partir da lectura dos traballos do Ano da Memoria Histórica [promovido polo anterior Goberno da Xunta en 2006]. Chamáronme moito a atención as escuadras do amencer, eses grupos falanxistas que andaban nas noites matando xente en 1936. Souben dun feito que sucedeu na miña vila, que foi un consello de guerra no que mataron a dous e un terceiro conseguiu zafar, e aínda vive en Vigo. Son os tres Antonios de Escairón. Dous entregáronse e no limiar de 1937 fixéronlles un consello de guerra e fusiláronos. O outro agachouse como unha toupa até 1941, que o pillaron na súa casa. Ese feito galvanizoume: como era posíbel que nun lugar pequeno, no que politicamente non pasou nada grave, e que neses días de xullo, seguindo indicacións do gobernador civil, apenas fixeron unha requisa de armas, se desatase unha represión tan feroz. Foi a semente do libro.

    [...]

    O Cabo do Mundo existe, é un lugar espectacular nunha volta do Miño, entre Chantada e Escairón, que aquí funciona tamén como unha metáfora da procura do esencial cando a vida remata. Pero dubidei no título, que tamén puido ser A noite dos cans doentes.

    [...]

    Pense que o historiador Dionisio Pereira foi procesado hai nada por publicar nomes de persoas implicadas na represión. Levamos 30 anos de atraso, pero cristalizou unha mentalidade de pechar os ollos. Mesmo a apertura das fosas comúns parécelle mal a algunha xente. O meu editor, Manuel Bragado, ironizaba na presentación do libro que axiña se ía falar doutra “maldita novela da Guerra Civil”, cando o que estás é informando e cuestionando, desde unha literatura feita con vontade de enganchar ao lector. Aínda hai moitas historias para contar dese pasado, dese tempo suspendido do que ninguén quería falar. Aquí non houbo guerra civil, e polo tanto falaríamos máis de novelas de terror político.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «O Cabo do Mundo» de Xabier Quiroga, unha novela con blog

    6 Xaneiro 2010

    Blogs,Narrativa,Noticias

    Xabier Quiroga, autor d’ O Cabo do Mundo, acaba de abrir un interesantísimo blog sobre esta a súa cuarta novela. No blog pode atoparse información documental sobre personaxes históricos e espazos nos que se desenvolve a novela.

    As primeiras anotacións xiran arredor de Xosé Castro Veiga «O Piloto»,a biografía do Narote e o Follés, a camioneta do Criollo,  a crónica do primeiro de maio de 1936 en Escairón e, por último, a historia dos tres Antonios.

    Un blog que recomendamos moi vivamente tanto aos lectores d’ O Cabo do Mundo, que atoparán alí claves da novela, como aqueloutros que non o fixeron aínda.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «O Cabo no Mundo» ou «Contra os señores do olvido»

    24 Decembro 2009

    Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

    Francisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» a que constitúe a primeira crítica d’ O Cabo do Mundo, a novela de Xabier Quiroga. Baixo o título «Terror no Cabo» e o subtítulo «Contra os señores do olvido», Martínez Bouzas contextualiza esta obra dentro do esforzo da literatura galega de contribuír dende a ficción a reconstrución da Memoria Histórica. «A este propósito súmase hoxe, dun xeito orixinal e disimétrico, ao que soe ser esta narrativa de tipo social, a última novela de Xabier Quiroga, O Cabo do Mundo.» A continuación, o crítico salienta que o «o autor agasállanos cunha historia e unha trama narrativa que, desde o presente e de xeito nada maniqueo, tentan pescudar naqueles desgarradores días do ano trinta e seis nos que a barbarie represiva acabaou sendo tapada polo andazo dunha guerra sen frontes bélicas en Galicia, pero marcada polo terror nunha dupla vertente: a dos xulgamentos farsa, aragallados a xeito de vinganza, e a que o autor chama “paralegal”, exercida polos escuadróns da morte de falanxistas e asimilados a través de “paseos”, “sacas” e a actuación das “patrullas do amencer”.» Tras debullar o desenvolvemento doutros elementos estruturais da novela, o crítica remata do seguinte xeito: «Unha arquitectura fcailmente habitable polo lector e que fai avanzar a acción dosificadamente, unha verdadeira inmersión na Galicia profunda e un estilo de prosa elaborado, pero que reproduce cando cómpre o galego oral por veces moi basto é expresivo, contribúen a darlle verosimilutede a esta historia de terror no Cabo do Mundo.»

    A páxina do «Faro da Cultura», onde aparece o texto completo da crítica, pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Xabier Quiroga, entrevista en «Galicia hoxe»

    23 Decembro 2009

    Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

    Montse Dopico entrevista en Galicia hoxe a Xabier Quiroga con motivo da publicación d’ O Cabo do Mundo. Baixo o título «A procura da identidade», na entrevista debúllanse algunhas das cuestións principais desta cuarta novela de Quiroga: «Na miña obra narrativa, se hai algo común, é a procura da identidade, dun mesmo, e ao mesmo tempo descóbrense cousas que non se sabían. Si hai similitudes con Atuado: a idea do pasado, o lugar, que aquí é o Cabo do Mundo, coa súa historia de guerrilleiros refuxiados. Nacín por alí, e xa de neno sentía algo especial ao ver o Cabo… Sempre pensei que merecía unha novela.» Quiroga confesa que «esta novela naceu no 2006, no Ano da Memoria, e iso marcouna moito. Daquela comecei a ler moito sobre o tema, e sobre o que pasou no concello do Saviñao. Pero esta non é unha historia do pasado, senón do presente», engadindo que «son feitos que marcaron a historia do país, e que estaban agochados. Dicíase que aquí non pasou nada, que non houbo guerra… En realidade, si pasou, producíronse feitos demenciais, e temos que coñecelos para poder mirar ao futuro.»

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «O Cabo do Mundo» de Xabier Quiroga, presentación en Lalín

    8 Decembro 2009

    Narrativa,Noticias,Presentacións

    O vindeiro venres, 11 de decembro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro, Avda Bos Aires, 71 en Lalín, será presentada O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. Acompañarán ao autor no acto  Uxío Grande (Director do IES Laxeiro) e o editor Manuel Bragado.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    «O Cabo do Mundo», cuarta novela de Xabier Quiroga

    21 Outubro 2009

    Narrativa,Noticias

    Anunciamos a aparición nas librarías, primeira semana de novembro, da cuarta novela de Xabier Quiroga, O Cabo do Mundo.

    «Que farías se non che quedase nada de vida?» Esta é a pregunta á que se dispón a responder un profesor diagnosticado de cancro terminal. Comeza así a súa procura do esencial da vida, unha investigación centrada en dúas teimas do pasado relacionadas co seu pai e coa muller que sempre amou. A urxente busca de si mesmo achegarao sen remisión ao cerne dun segredo amoroso e duns cruentos e agochados sucesos da represión franquista levada a cabo polas «brigadas do amencer» nas ribeiras Miño. Partindo dunha minuciosa investigación histórica, mesturando realidade e ficción, atesourando un extraordinario alento narrativo e unha prosa vizosa e moi fluída, reaparece Xabier Quiroga cunha novela memorable que nos conduce a outro suxestivo espazo literario onde a memoria e a identidade se confunden: O Cabo do Mundo.

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Xerais, próximas novidades literarias

    14 Outubro 2009

    Crónica,Narrativa,Noticias,Teatro

    Anunciamos o programa de novidades literarias preparado pola editorial até finais de 2009.

    XERAIS NARRATIVA

    XERAIS CRÓNICA

    • Episodios galegos, Manuel O’ Rivas (aparición librarías terceira semana de novembro).
    • Melancolía de sofá, Luisa Castro (aparición librarías terceira semana de novembro).

    XERAIS / AGADIC BIBLIOTECA DRAMÁTICA GALEGA

    • Delimvois, Rubén Ruibal (aparición librarías terceira semana de novembro).

    XERAIS CLÁSICOS

    XERAIS BIBLIOTECA DAS LETRAS GALEGAS

    XERAIS MANUAIS

    Chuzame! A Facebook A Twitter

    Olark Livehelp