Emilio Alonso Pimentel na Lonxa Literaria de Moaña

16 Xuño 2010

Clubs_de_lectura,Narrativa,Noticias,Premios,Tertulia

O próximo venres, 18 de xuño de 2010, a  partir das 9 da noite, terá lugar no centro sociocultural Daniel Castelao, de Quintela unha tertulia dos membros da Lonxa Literaria de Moaña con Emilio Alonso Pimentel arredor da novela Mercurio, obra gañadora do VIII Premio  de novela por entregas La Voz de Galicia 2008.

«”Mercurio”: crime sen castigo», crítica de Manuel Rodríguez Alonso

5 Xaneiro 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Baixo o título «Crime sen castigo», Manuel Rodríguez Alonso publica no «Cartafol de Libros« de Vieiros unha crítica de Mercurio, a primeira novela de Emilio Alonso. Reproducimos o texto na súa totalidade:

Emilio Alonso, na súa primeira novela, dentro do xénero policial, ou aínda mellor da novela negra, presenta un crime que non acaba sendo castigado, pois o asasinado era un impresentable que, segundo a frase con que remata este relato, pertencía ao grupo dos “mortos que están moi ben matados”.

O protagonista da novela –un criminalista-investigador privado de sona e antigo policía- descobre o misterio da morte do promotor inmobiliario lugués, mais tamén fabricante-mercador de explosivos, Pancho Figueiredo. Isto permítelle ao narrador-protagonista en primeira persoa recrear a vida non só do Lugo actual, senón tamén do Lugo do tardofranquismo, onde se criou o devandito criminólogo. Lugo é unha Vetusta en pequeno. O narrador ofrécenos a imaxe dun Lugo ultraconservador e hipócrita, dentro da mellor tradición da cidade provinciana, na liña da Orbajosa de Galdós, aínda que aquí dona Perfecta é Pancho Figueiredo e mais o seu círculo.

Mais hai un engado que ten este tratamento de Lugo. Lugo pode ser noxento para o narrador, pero é a súa patria, entendida a patria como o lugar onde sempre se quere volver, porque está unida non só ao paraíso perdido da infancia, senón ao descubrimento do mundo que supoñen a adolescencia e a primeira xuventude, coas primeiras amizades de verdade e así mesmo co descubrimento do amor. Lugo, xa que logo, pode ser todo o noxento, hipócrita e porcallento que se queira para o narrador-protagonista, mesmo ata dicir que as murallas non protexen Lugo do mundo, senón o mundo de Lugo, mais é o lugar onde se criou e tamén, como sinalamos enriba, a cidade do descubrimento da amizade e do amor. Esta ambivalencia na valoración de Lugo é, xa que logo, un dos engados da novela, máxime cando este narrador, que parece que odia tanto a súa cidade, acaba dicindo que a patria nunca a traizoan os nativos dela, por moi mal que a traten, senón os estranxeiros.

Por outra banda, a historia do asasinato de Pancho está moi ben levada, con enxeño abondo, así como o seu desenlace. O investigador, como non podía ser menos, descobre quen foi o asasino de Pancho –mellor asasina, pero non imos esmagar a novela explicando o desenlace, mais nunca contará o seu achado á policía, de tal xeito que se converte nun crime sen castigo, e a oración lapidaria con que Emilio Alonso remata o seu relato é un logro expresivo evidente, pois Pancho pertencía ao grupo dos “mortos que están moi ben matados”.

O enxeño aparece tamén noutros casos que o protagonista resolveu, como o do home conxelado ou o do mozo que aparece morto nun monte queimado.

Acerta o autor na recreación do Lugo actual e sobre todo no Lugo do tardofranquismo, manexando técnicas caricaturescas e mesmo esperpénticas (o banquete da primeira comuñón é un esperpento), mais sobre todo coa parodia da linguaxe propia do tardofranquismo. Emprega con efectos esperpénticos e caricaturescos sintagmas e termos da linguaxe tardofranquista como revolución pendente; familia, estado e municipio como esteos da sociedade; o parte; señora de…; asalto-baile…. Esta parodia lingüística ofrécenos unha especie de historia sentimental do noxento tardofranquismo dos sesenta e comezos dos setenta.

Malia ser un escritor que publica agora a súa primeira novela, consegue un galego coloquial urbano que soa moi natural nos oídos do lector. Aparecen expresións axeitadas e mesmo termos galegos que lle dan á lingua unha cor de autenticidade: botar a lingua a pacer, aseñorar, encher o bandullo, coa auga ao pescozo… Manexa termos de grande expresividade para caricaturizar como hominicaco, furafollas ou ata tenta algunha creación neolóxica evidentemente acertada como telepeideira para referirse a unha das raíñas do telelixo. Móvese na mesma liña a lingua dos diálogos.

Advertimos, non obstante, algúns erros na lingua que cumpriría que o autor corrixise para futuras edicións como o hiperenxebrismo veterán (páx. 45), prenda no canto de peza de roupa ou o emprego de cara como preposición, cando sabido é que en galego só existe con valor preposicional cara a, mais non cara.

Xa que logo, novela de extensión curta (podemos dicir que o relato entra dentro do subxénero da novela curta), de doada lectura e que, polo tema, a lingua e esta extensión, resulta moi adecuada para ser recomendada como lectura aos rapaces da ESO, mais tamén para ser lida neses momentos en que a lectura é compañeira inseparable de moitas persoas como son viaxes, esperas en estacións e aeroportos e, por suposto, no salón da casa nestas días de vacacións que se aproximan. Manuel Rodríguez Alonso

Emilio Alonso no derradeiro programa de «Libro Aberto»

14 Decembro 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Noticias,Televisión,Xerais_nos_medios

No derradeiro programa de «Libro aberto» participará Emilio Alonso que falará da súa novela Mercurio nas instalacións do Círculo das Artes de Lugo. Esta derradeira entrega do único programa de libros existente na TVG emitirase mañá, martes 15 de decembro, despois da película da noite e na G-2 (TDT) o mércores, 16 de decembro, ás 20:00 horas.

Chegados a esta altura é de xustiza que Xerais agradeza aos responsables e o cadro de persoal de «Libro aberto», en cada unha das súas tempadas e nos seus máis de cen programas, o seu rigor, esforzo e creatividade para abrir unha xanela ao mundo dos libros e da literatura galega.

A novela «Mercurio» loce no escaparate da docería Santos de Lugo

9 Decembro 2009

Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

A edición de La Voz de Galicia de Lugo anuncia que exemplares de Mercurio, a novela de Emilio Alonso Pimentel locen no escaparate da docería Santos de Lugo. O noso agradecemento aos responsables do veterán establecemento da rúa lucense das docerías, poucas veces ler resultará tan doce.

«Mercurio» de Emilio Alonso, crítica de Ramón Nicolás en «Culturas»

24 Novembro 2009

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

UN THRILLER SATÍRICO

Creo que foi o propio autor da novela, Emilio Alonso, quen definiu esta peza narrativa coma un “thriller satírico”. Confeso que nunca oíra falar dunha definición semellante, mais o certo é que, logo de achegarse a este Mercurio, cómpre darlle a razón a quen iso afirmou.
A novela sitúase, sen dúbida, dentro dese ámbito xenérico da ficción detectivesca, aínda que neste caso o protagonismo policial se substitúa polo dun reputado e mediático criminólogo e o conflito –no que non falta a presenza de corruptelas empresariais,  especulacións inmobiliarias, relacións sentimentais, vontades compradas  e, loxicamente, algún cadáver con incógnita- se resolva dun xeito que non sei se é moi canónico pero que resulta claramente efectivo. E o de “satírico” enténdase, se se quer, como “irónico” pois  que un dos méritos deste libro, a meu entender, é ese o pouso acedo que deitan as opinións do protagonista, espalladas aquí a acolá, mais que ispen conscientemente o espazo, e tamén a atmosfera, na que o conflito se deseña, isto é, a cidade de Lugo, que xa non é o necesario pano de fondo da intriga senón que adquire categoría protagónica.
Velaí como Lugo non é só a estrutura urbanística que rodea o fío argumental, antes ben os seus espazos públicos e privados, as súas xentes e os hábitos que a sombra da muralla parece proxectar nos propios personaxes de ficción e nas situacións que se crean ocupan, agora, o foco de interese que por veces despraza o detectivesco. E desde aí este criminólogo innomeado, dotado dun especial espírito crítico e analítico, malia recoñecer que Lugo, ou Lola -personaxe que é o contrapunto feminino da novela-, é a súa patria e a unha patria non se traizoa nunca, recrea para os lectores as singularidades da cidade e das súas xentes, o peso da tradición, os costumes inveterados…, adoptando un punto de vista un chisco acedo, afastado da hipocrisía e sempre retranqueiro para artellar unha visión crítica, por veces feroz, contra os prexuízos, convencións, compromisos, segredos ou “silencios cómplices”, tal e como o protagonista sinala, isto é, dando forma a unha reacción contra os convencionalismos vixentes que talvez cumpra entender como unha metáfora que vai máis alá da propia cidade e que se espalla, con forza propia, a outras sociedades, a outros tempos, a outros lugares…
Emilio Alonso, que optou por disfrazar ou desfigurar en ocasións nomes de persoas, xornais ou institucións e que noutros casos aparecen identificados claramente,  adáptase con soltura e habelencia no corsé espacial que esixe o galardón, medindo con acerto a dosificación da intriga. Por todo isto, Mercurio é unha novela ben recomendable que merecería ser a primeira doutras que deberían chegar ás mans dos lectores. Ramón Nicolás

Texto publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o 21 de novembro de 2009.

«Mercurio» de Emilio Alonso, presentación en Lugo

10 Novembro 2009

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

Mañá, mércores, 11 de novembro, ás 20.00 horas presentarase no salón de actos do IES Lucus Augusti (Avenida Rodríguez Mourelo s/nº) de Lugo Mercurio, a novela de Emilio Alonso, gañadora do Premio de Novela por entregas de «La Voz de Galicia» 2008. No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado. Ás 13:30 horas, Emilio Alonso manterá un encontro co alumnado do centro.

«Mercurio», presentación en Vigo

25 Setembro 2009

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

XG00167201Hoxe, venres 25 de setembro de 2009, ás 20:00 presentarase na Casa do Libro de Vigo Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia 2008. O editor Manuel Bragado acompañrá ao autor.

«Mercurio» de Emilio Alonso

29 Xullo 2009

Narrativa,Noticias,Premios

Chega ás librarías Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia de novela por entregas 2008.

XG00167201Mercurio é un thriller ambientado en Lugo e protagonizado por un ex-policía que exerce como criminólogo, mediático e famoso grazas á televisión. Por esta novela de Emilio Alonso, desfilan tamén un morto, policías, forenses, historias de amor e, sobre todo, moitas anécdotas que o protagonista vai contando ao longo da narración. O Lugo onde que a historia se desenvolve é unha cidade actual, con importantes referentes do pasado, pero no que pervive un miserable ambiente moral, social e cultural, o que se respiraba na cidade na década dos sesenta e primeiros setenta, prevalecendo vellos hábitos e rutinas que converten a Mercurio nunha hábil mestura entre novela policíaca e costumista. O humor e a retranca do protagonista, posuidor dunha dobre moral, e a homenaxe sentimental que o autor fai á súa cidade, converten esta novela, pola que pasean todo tipo de personaxes, nunha lectura agradable, amena e divertida.

Mercurio será presentada en Lugo, cidade onde se desenvolve este thriller, no mes de outubro.