Finou Sérgio Klein

21 Xullo 2010

Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Traducións,Xuvenil

Soubemos hoxe do falecemento de Sérgio Klein, o autor brasileiro da serie «Poderosa», da que levamos editadas dúas entregas e da que preparamos a terceira, novelas traducidas todas as tres por Mercedes Pacheco. O personaxe de Joana Dalva, esa rapaza que tiña o mundo na man, que facía realidade todo o que escribía coa súa man esquerda nos eu diario, popularizou a Klein no Brasil, onde conta con milleiros e milleiros de lectores e lectoras. Dende Xerais, durante a edición do primeiro volume de Poderosa, mantivemos correspondencia electrónica con el, na que amosou a súa satisfacción por contar cunha edición en galego da súa serie. As nosas condolencias para os seus editores de Fundamento por tan prematura perda.

Montse Pena Presas escribe en «lg3» sobre «Poderosa 2» de Sèrgio Klein

30 Abril 2010

Críticas,Fóra de Xogo,Traducións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

ESCRIBIR PARA TRANSFORMAR, ESCRIBIR PARA ATOPARSE

Cando en novembro de 2008 saudei xubilosa, neste mesmo espazo, a chegada ao mundo editorial galego de Poderosa de Sérgio Klein, non me equivoquei. Púideno comprobar agora que veño de rematar Poderosa 2, o regreso das aventuras de Joana Dalva que se vén de tirar na colección “Fóra de Xogo” de Xerais. A protagonista, conteilles no seu día, é unha rapaza de trece anos disposta a cambiar o mundo no sentido máis literal do termo, pois nas súas mans ten o prodixio que consegue transformalo todo. Con só escribir unha frase, esta modifica a realidade adaptándoa aos desexos de Joana. A ela arrodéaa un elenco de carácteres típicos na novela xuvenil entendida da maneira máis clásica (e tamén máis convencional) que segue funcionando e que o autor enche de forza e significación: a nai independente e decidida, que ás veces se ama e con quen ás veces xorden confrontacións; o pai semi-ausente que adora á filla; Xandi, o irmán pequeno pillabán e riseiro; Nina, a avoa encantadora que se venera e a quen se quere imitar; Leninha, mellor amiga e apoio incondicional; e João, mozo primeiro, compañeiro de diversas e novas aventuras.

Se na primeira entrega da serie asistiamos sorprendidos á revelación do poder de Joana –que era mesturado cun humor exquisito-, este segundo volume ten un carácter máis serio: a querida avoa morre e Joana, aínda impactada pola pena, verase envolta –xunto cos seus compañeiros da clase- en desvelar os misteriosos e sucios asuntos que se agochan tras a residencia de anciáns da cidade. Porén, este Poderosa 2 quizais teña tamén un significado máis profundo, dado que Klein confírelle voz aos caracteres que normalmente se escoitan menos, os anciáns e as adolescentes, reiventándoos a un tempo. A enxurrada verbal da protagonista reveloume a constante intención autorial de crear unha voz feminina verídica, real e profunda, tamén independente e con consciencia da propia mirada, da súa autonomía e do seu –permítanme o calco do inglés- “empoderamento”. Unha voz que normalmente aparece coa escrita desordenada que o troca todo: “Escribo en esquinas de cadernos, marxes de libros, cadernos de apuntamentos, panos de mesa de papel, papeis de regalo, bolsiñas de pan e folletos de propaganda” (páx. 15), máis que consegue ordenar o mundo e con el as existencias de aqueles que ten máis cerca. Porque nesta historia asistimos ao soño que todas algunha vez tivemos: a reaparición de alguén que marchara para sempre con tan só trazar unhas palabras nun papel. Así, o poder transformador de Joana transcéndea a ela mesma, xerando unha xinea que a emparenta con figuras femininas históricas–non esquezamos que o seu nome se debe xa a Xoana de Arco, a quen librou da fogueira reeinventando a súa vida. Mais ese poder tamén a vencella á súa realidade próxima, neste caso a través dunha avoa a quen revive sen procuralo primeiramente, pero á que lle outorga a posibilidade de elixir e coñecerse mellor. Amais, ambas ligazóns conéctana, por unha banda, coa historia en letras maiúsculas e coa súa intrahistoria persoal, elementos claves para comprender e xustificar a madureza que vai acadando.

Sérgio Klein descóbrese a si mesmo nas palabras que pon en boca de Joana: “Coido que a literatura ten o papel de combater os clixés, os retrousos, as palabras anticuadas, as frases feitas e de efecto; evitar en resumo, que a lingua sexa corroída polas repeticións e que se transforme nun bruído de vaquiñas de corte” (páx. 35). A súa novela cumpre todas estas funcións, moitas veces transgredíndoas, sorprendéndonos a cada paso e explicando así o éxito acadado xa en Brasil, Arxentina e México. Poderosa 2 encaixa perfectamente no que para Roberta Trites é unha novela feminista xuvenil: un texto en que o personaxe principal conta con capacidade autónoma de decisión a pesar do seu xénero. Unha idea clave nesa definición é “a pesar”: na novela feminista xuvenil o xénero da protagonista nunca é un obstáculo para o seu crecemento e desenvolvemento. E abofé que aquí non o é. Por algo esta serie chámase Poderosa. Montse Pena Presas

Texto de Montse Pena Presas publicado nas páxinas de lg3. o 26 de abril de 2010.

«No labirinto do vento», novos contos de fadas

16 Novembro 2008

Infantil,Noticias,Traducións

xg00142101No labirinto do vento é un volume de contos de fadas, reis, princesas e unicornios nos que a autora brasileira, Marina Colasanti, crea un diálogo entre a súa imaxinación e os sentimentos propios do ser humano: o medo, o desexo e o amor. Este libro, ilustrado por Carmen Segovia e traducido por Mercedes Pacheco, reúne dous títulos da autora publicados en 1978 Unha idea completamente azul e Doce reis e a moza no labirinto do vento, ambos os dous escritos nunha fermosa linguaxe poética, onde o lector de hoxe se atopará cos contos marabillosos de sempre.

"Poderosa", diario dunha rapaza que tiña o mundo na man

31 Agosto 2008

Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Traducións,Xuvenil

Poderosa de Sèrgio Klein é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil recente no Brasil. Traducida por Mercedes Pacheco Vázquez aparece esta semana en Fóra de Xogo para conquistar milleiros de lectores en galego. Poderosa constitúe a primeira entrega dunha serie (da que ata agora no Brasil a editora Fundamento leva publicados tres títulos e da que se publicará un cuarto en 2009) que tamén editará Xerais e da que xa se está preparando unha adaptación cinematográfica.

Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora.

Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe coa man esquerda provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia.

Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.