«Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán: «unha novela sobre a ciencia e a razón contra a violencia»

8 Marzo 2012

Blogs,Narrativa,Presentacións

Manuel Bragado, director de Xerais, dá conta en Brétemas da presentación de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán.

 

Montse Dopico, unha das nosas mellores xornalistas culturais, fixo unha magnífica intervención na presentación de Meu pai vaite matar en Compostela. Enfiando a lectura da novela no marco da obra narrativa, ensaística e poética de María Xosé Queizán definiuna como «novela de teses, sendo a principal a de toda a súa obra: continuar loitando contra o patriarcado. Esta é a novela onde está toda a Queizán.» Dopico salientou que nesta novela abordábanse os temas principais da obra da escritora viguesa: o sexo como dominación, a familia como institución destrutora para algunhas persoas, a violencia en todas as súas formas (o abuso sexual, a violencia no cárcere, a violencia política, a violencia colonial…), a homosexualidade… Con todo, para a presentadora é a reflexión filosófica unha das claves de Meu pai vaite matar, sobre todo no que atinxe a fascinación da Queizán pola ciencia, o seu compromiso pola igualdade e a loita contra a falta de xustiza. Montse Dopico rematou definindo a obra como «unha novela sobre a ciencia e a razón contra a violencia». Unha lectura moi recomendable no Día Internacional das Mulleres.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán: «Meu pai vaite matar xurdiu dunha viaxe a Tierra de Fuego». A novela preséntase hoxe en Compostela

7 Marzo 2012

Entrevistas,Narrativa,Presentacións

A edición compostelana de La Voz de Galicia publica unha declaracións de María Xosé Queizán sobre a súa última novela, Meu pai vaite matar, que presenta esta tarde ás 20,00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) en Santiago de Compostela.

 

María Xosé Queizán

«Eu quero sacar seres relucentes que non teñen que ver comigo»

A escritora María Xosé Queizán volve hoxe (ás 20 horas) á Librería Couceiro, para presentar Meu pai vaite matar, unha novela editada por Xerais na que esculca os segredos máis ocultos dunha familia. A filla dunha parella de progres, ingresada na Policía Xudicial, atopa un día unhas pistas que a levan ata a Patagonia na procura do seu tío, protagonizando así unha novela de intriga, aventura e viaxes.

A escritora aclara que «esta novela xorde dunha viaxe –da que poñerei imaxes na presentación– que fixen hai máis dun ano a Terra de Fuego». Alí coñeceu un penal militar onde levaban aos criminais máis terribles, convertido agora en museo, que a deixou fascinada. María Xosé explica que a novela transita entre Galicia e a Arxentina, «refl ectindo a través dos personaxes e acontecementos cousas, frases e pensamentos moi serios».

A autora di que non ten nada de biográfica. «Eu –engade– quero divertirme ao mesmo tempo que escribo e sacar seres relucentes que non teñen nada que ver comigo».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación de “Meu pai vaite matar” de María Xosé Queizán en Compostela

1 Marzo 2012

Presentacións

A presentación, na que participarán Montse Dopico, Manuel Bragado e a autora,  terá lugar o mércores, 7 de marzo, ás 20,00 horas, na libraría Couceiro, Praza de Cervantes, 6 de Santiago.

Meu pai vaite matar é unha novela que esculca dende unha ollada antipatriarcal e racionalista os segredos máis ocultos dunha familia. Unha novela de intriga, aventura e viaxes na que se abordan as principais preocupacións dunha autora fundamental do pensamento feminista galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A verdadeira aventura e o lesbianismo, por Xosé Manuel Eyré. Crítica sobre «Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán

22 Febreiro 2012

Críticas,Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré publica unha recensión en Galicia Confidencial sobre Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán.

 

 

A verdadeira aventura e o lesbianismo

Esta semana, falamos de ‘Meu pai vaite matar’, un libro de María Xosé Queizán editado por Xerais

Regresa aos trinques das librarías María Xosé Queizán, un nome ben seignificativo na historia das nosas letras, tamén un nome ben coñecido na loita pola liberación feminina das estruturas, sociais e mentais, machistas, paternalistas. E faino cunha novela, este Meu pai vaite matar onde esta loita é central, unha novela na que se actualizan as teses de Amantia ( 1984), e con resultados equiàrábeis.
De primeiras preséntasenos un discurso de aventuras, onde Diana toma a decisión de dedicarse profesionalmente ao mundo da investigación criminolóxica.Un reto, pois bdn adiviña que a familia lle pensaba outro destino. A familia, unha familia de clase media-alta, unha familia de intelectuais progresistas e burgueses, non fai un drama da situación e Diana cumpre o seu desexo. Abondoulle desexalo, dato moi importante porque non progresa quen non o desexa, e o que podía ser un drama, unha situación realmente traumática e exemplar, da que tirar moito partido narrativo expoñendo as formas e estratexia desa loita, fica nalgo anecdótico. Nalgo anecdótico, como tamén será a actividade investigaora de Diana na policía, e cun moito de ideal. Porque a de Diana é unha vida ideal, cuns pais progresistas e de clase media-alta e comprensivos e que gustan de introducir cultismos na súa fala, como nota característica e curiosa. É unha vida ideal e non dexará de selo, nunca. Non hai máis que ver a cantidade de veces que Diana, e o resto de personaxes, rin ao longo do discurso ( con ese riso pillo detrás do cal aniñan segundas intencións, preferentemente).
Tan poucas son as trabas no camiño de Diana e vénceas de xeito tan sinxelo, que isto repercute na personaxe, unha personaxe que máis que heroína ( que é o que lle estaría designado a alguén que se enfronta ás estrururas sociais e mentais da época ) fica en simple suxeito paciente, tampouco está o mundo como para que heroínas e heroes sobrevivan fóra da banda deseñada. Sen dúbida, isto é polo excsivo idealismo da novela, en si, e das personaxes. Unhas personaxes onde ningunha se libra, nin sequera o malvado Horacio de Rosas, psicópata, malevo e sedento de sangue, que semella extraído da traxedia dun tango para incorporalo aquí.
As mellores páxinas da novela son o que denominaremos crónica de Moncho, tío de Diana, de físico pouco ou nada favorecido que adoita causar espanto, desaparecido na Arxentina e acusado de abusar dunha nena da familia Rosas ( moi conservadora e de moito poder ). Onde se relata a vida dos penados, os primeiros colonizadores das duras terras austrais de Ushuaia; penados e colonizadores, nunhas condicións de vida absolutamente denigrantes e infrahumanas que poñen de manifesto o verdadeiro valor da vida, de estar vivos e poder gozar da natureza. Como dicimos, son as mellores páxinas da novela. Pois fóra delas regresa o idealismo. Diana emprederá a aventura de tentar reatopalo, e nesa andaina topará con Horacio de Rosas, mais será o encontro fortuito con Odile ( científica, congresista) o que realmente marcará o  desenvolvemento da novela, onde a procura de Moncho pasa a un segundo lugar mentres o proceso de atracción entre Odile e Diana ocupa o primeiro plano. Algo lóxico, pois todo na novela vai encamiñado a expoñer as bondades do lesbianismo, un lesbianismo que a única problemática que presenta é o  non ser comprendido pola xente, pola sociedade, composta de indivíduos rexidos por criterios morais machistas e paternalistas. De aí que esta sexa a verdadeira aventura entre as aventuras, nin a peripecia de Moncho, nin o derivado da actividade policial de Diana, nada despraza este idelaismo. O cal tiraniza e condiciona a densidade dramática das personaxes, facendo que un discurso que podía ser de aventuras, un discurso de aventuras con forte pegada realista, remate nunha afervoada crónica rosa destinada a cantar a bondade do lesbianismo.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Cando a autora que fala a través da narradora. Reportaxe de Montse Dopico sobre «Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán

3 Febreiro 2012

Narrativa,Reportaxes

Montse Dopico publica no xornal dixital Praza Pública unha reportaxe titulada «Afoutas e insubmisas» sobre os poemarios de Carme Blanco, e a novela Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán.

 

Afoutas e insubmisas

Dúas voces insubmisas. Afoutas, contestatarias, fronte aos poderes que nos oprimen. Irmandadas na oposición á violencia, ao patriarcado. Carmen Blanco e María Xosé Queizán. As dúas, autoras fundamentais no pensamento feminista galego, afondan no seu compromiso nas súas últimas obras. A primeira, nos poemarios ‘Un mundo de mulleres’ (Biblos) e ‘Lobo amor’ (Unión Libre). A segunda, na novela ‘Meu pai vaite matar’, (Xerais).

(…)

“O amor pode conducirnos á cousificación, ao abandono de nós mesmas”

María Xosé Queizán volve opor, pola súa banda, en ‘Meu pai vaite matar’, a ciencia e a razón fronte á violencia, o irracionalismo. Nunha novela de aventuras, de viaxe, e tamén de tese. Unha obra na que ela mesma fala a través da narradora omnisciente, ou das personaxes. E faino para erguerse  como nos seus ensaios, na súa poesía, no seu teatro e no resto da súa narrativa- contra o patriarcado e, en xeral, o abuso de poder. A inxustiza.
O libro xurdiu dunha viaxe da autora á Patagonia. Aínda que as raíces das reflexións que deita poden atoparse tamén noutras obras súas, como a crítica do cárcere franquista de ‘Sentinela aberta’ ou o discurso antisentimentalista de ‘Ten o seu punto a fresca rosa’. “É que o amor debilita a nosa racionalidade, e pode conducirnos á cousificación, ao abandono de nós mesmas. Aínda que eu creo que isto se vai superando”, opina.

‘Meu pai vaite amar’ amosa moitos tipos de violencia. Malos tratos causados por homes cunha visión errada da súa masculinidade. Pederastia. Abusos sexuais no seo dunha prisión que é tamén espazo de explotación laboral e de aniquilación das persoas. Ou corruptelas dunhas autoridades que atopan complicidades na base social. Queizán advirte de que atribuír a violencia a factores como a loucura é só un xeito de agochar os problemas.  “É que ninguén quere ver a realidade. Por iso a novela realista ten un gran potencial”, cre.
A novela contén, por outra banda, certa análise sociolóxica -a decadencia das familias herdeiras da fidalguía, a transformación das clases sociais co Estado de Benestar ou o contraste entre o mundo rural e urbano- e filosófica: o racionalismo fronte ao romanticismo ou o posmodernismo, a igualdade e a xustiza… Mais o pensamento feminista é o cerne das teses do libro, no que se rexeita a confusión da sexualidade coa dominación. “A supeditación sexual é unha das formas de submisión das mulleres que aínda persisten. A aceptación da incomodidade, do sacrificio, no xeito de vestir por exemplo”, salienta.

“Non pode haber igualdade mentres se manteña o contrato sexual”

A homosexualidade está tamén presente en ‘Meu pai vaite amar’, como o estaba en ‘A semellanza’, unha das obras pioneiras no tratamento das sexualidades non heteronormativas na literatura galega. “En ‘A Semellanza’ cuestionaba a ecuación que iguala sexo e xénero, porque creo que o importante é a identidade, e non tanto o corpo”, indica. Mais en ‘Meu pai vaite matar’ aparece unha homosexualidade non problematizada. “O que mudou”, di, “foi o recoñecemento social. Mentres se asuma que a heterosexualidade é o normal, estase expulsando a homosexualidade ao non normal”.

Como feminista admite, porén, que se produciron outros avances. Como unha lexislación -as leis de igualdade, por exemplo- “que non se aplican. Non se está facendo o suficiente para que se cumpran”, asegura. Aínda que tamén se deron retrocesos -pensa-, como, en Galicia, unha Lei de Familia que “nos devolve ao nivel do franquismo”, denuncia. De todos os xeitos -subliña- “non pode haber igualdade mentres se manteña o contrato sexual, o mundo do privado como un espazo alleo ao público”.

Carme Blanco apuntaba no seu ensaio ‘O contradiscurso das mulleres’ que o contraste entre feminismo da igualdade e da diferenza tiña moito de artificial. “Esa polémica igualdade / diferenza, como tantas outras  nacidas dos “dogmas” e dos “sectarismos”, que nos dividen e nos fan perder forza, é superficial. É preciso sumar e tender pontes, desde a autenticidade, para resolver os problemas reais máis urxentes e importan pouco para as prácticas as teorías que non sexan abertas”, insiste ao respecto. Queizán defínese como feminista da igualdade e racionalista. “Pero reclamar iguais dereitos que os homes non significa ser como os homes”, aclara.

Montse Dopico

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entre a crónica de viaxes e a intriga policial. Crítica de Marga Romero sobre «Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán

2 Febreiro 2012

Críticas,Narrativa

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica hoxe unha recensión crítica de Marga Romero sobre Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán.

 

Con intriga policial

Unha novela de tese

María Xosé Queizán renovadora da novela, velaí A orella no buraco, rica ensaísta e estudosa da literatura universal que nos conecta coas poetas da lírica provenzal nas súas Evidencias, comprometida dramaturga que traslada Antígona a Galiza, sorprendente poeta nos noventa que esnaquiza o discurso patriarcal desde a Metáfora da metáfora, mestra do relato, do mellor da súa obra, ¡Sentinela alerta!, volve agora ás librarías cunha novela que capta a atención desde o título: Meu pai vaite matar.

Obra que conxuga aspectos do relato policial, que xa nos ofrecera en Ten o seu punto a fresca rosa, coa crónica de viaxes na que a paisaxe da Patagonia é o espazo de moitas descubertas ao redor da identidade de Moncho e da propia Diana que desvela os segredos da familia e se desvela. Unha novela onde a ironía exerce a crítica á xeración da revolución, do “verdadeiro rock”que por forza debe poñer os pés no presente, mais tamén un relato onde a dialéctica rural–urbano non é deste tempo. Unha narración áxil que nos descobre unha personaxe que nos gustaría volver topar, a tía Lola; as páxinas dedicadas á vetusta casa familiar, onde habita, a creación deste espazo, asfixiante coas esencias do pasado, tan oteriano, lémbranos un dos mellores relatos da autora “As botas”. Unha novela que remata como“ unha película desas de acción”, cun morto na alfombra. Unha novela de tese cuxo discurso nos conduce contra o patriarcado, a violencia machista, as violacións na infancia e aposta pola defensa da ciencia e da razón.

Marga Romero

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con María Xosé Queizán sobre «Meu pai vaite matar» en Radiofusión

3 Xaneiro 2012

Audios,Entrevistas,Narrativa,Radio

Radiofusión, a programación das Radios Municipais Galegas, emitiu unha entrevista ccoa escritora María Xosé Queizán, autora da novela Meu pai vaite matar.

A entrevista pode escoitarse en mp3 aquí.

María Xosé Queizán: “Existe desinterese por coñecer a realidade social”

Xerais edita “Meu pai vaite matar”

Impactada trala viaxe que realizou a Ushuaia, María Xosé Queizán decidiu unir na súa nova novela esta cidade do sur de Arxentina e Galicia. En Meu pai vaite matar a autora viguesa intentou trazar unha historia “suxestiva” e “entretida” que, asemade, abordase cuestións como os abusos infantís. Queizán elixiu como personaxe central da súa obra a unha policía, xa que entende que os profesionais deste gremio, ao contrario que a maioría da xente, están en contacto coa realidade social. A escritora detecta “hipocrisía” e “desinterese” na cidadanía. “Sabemos que existen determinados problemas, pero ninguén quere complicarse a vida”.

Cultura • 27/12/2011 • Autor: Redacción

A protagonista da novela é Diana, quen, tras rematar un máster de criminoloxía, ingresa na Brigada da Policía Xudicial, onde coñecerá a Mario, un mozo aleitado no rural, co que axiña ennoivará. Tras descubrir algunhas pistas arredor dun segredo familiar, ela emprende unha viaxe ata a Patagonia na procura do seu tío Moncho.

Desde Edicións Xerais explican que Meu pai vaite matar é unha “novela de intriga, aventura e viaxes na que se abordan as principais preocupacións dunha autora fundamental do pensamento feminista galego”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

“Meu pai vaite matar”: novela de tese imprescindible

27 Decembro 2011

Autores,Críticas,Feminismo,Narrativa,Xerais nos blogs

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog baixo o título, “Novela de tese imprescindible”, a seguinte anotación sobre Meu pai vaite matar de María Xosé Queizán:

A crítica literaria cuñou o termo de novela de tese para refirirse a aquelas novelas escritas cunha técnica realista onde o narrador omnisciente aproveita para difundir as súas ideas sobre temas de actualidade. A crítica, especialmente a chamada crítica universitaria, dominada hoxe polo formalismo e mais polo posmodernismo acrítico, que considera que non hai verdades nin valores absolutos, despreza este tipo de novelas. Mais a novela de tese é un subxénero novelístico tan válido e necesario como calquera outro e máis neste caso en que se tocan temas tan de actualidade como o maltrato machista ou a pederastia. Xa que logo, novela de tese necesaria, por enriba do que digan os posmodernos.

A autora usa un narrador en terceira persoa omnisciente para contar a historia de Diana marcada pola pederastia e mais polo maltrato machista. Este narrador medita e adoutrina sobre o machismo ou mesmo sobre as diferentes formas da pederastia, especialmente a dos cregos ou a dos familiares máis próximos. Tamén adoutrina ou mesmo fai ensaio sobre os progres dos sesenta ou Darwin. Mais eu coido que nos tempos actuais é perfectamente lícito usar da novela de tese, por decimonónica que se considere, para concienciar os lectores sobre o grave problema da pederastia, especialmente a exercida no ámbito familiar, ou sobre o machismo, sobre todo o que aflora, como no caso de Mario, en quen parecía curado desa lacra. Por outra banda, ninguén lle pode apor á novelista falta de coñecemento das técnicas da novela do século XX, posto que foi unha das grandes innovadoras da novela galega xa en 1965 con A orella no buraco, recoñecida como unha das grandes obras canónicas da literatura galega no tantas veces citado aquí tomo II do Diccionario da literatura galega, coordinado por D. Vilavedra.

Xa que logo, a estrutura decimonónica da novela de tese é unha elección da autora e que, como xa dixemos, resulta acaída para o obxectivo que se propón.

Mais a novela utiliza outras estruturas. As técnicas da novela policial ou mesmo do tópico da procura edípica das orixes aparece na investigación sobre o pasado familiar de Diana. A autora emprega recursos da novela sociolóxica para profundar na análise da decadencia da fidalguía, os costumes do mundo rural, a xeración da revolta de estudantes do 68 e dos primeiros setenta ou mesmo no mundo urbano actual. A novela de aventuras aparece na fuxida a América de Moncho ou na construción do penal arxentino de Ushuaia, que entronca o texto coas novelas ou películas sobre a dureza da vida dos penados. Mesmo aproveita a estrutura do libro de viaxes no percorrido que pola Tierra de Fuego realizan Diana e mais Odile. Do mesmo xeito a novela sentimental e case que rosa aparece na relación Diana-Odile. A técnica do monólogo aparece empregada de xeito oportuno ao reproducir os pensamentos do psicópata Horacio de Rosas.

Mesmo a autora insire con mestría o relato dentro do relato a partir das cartas e do texto autobiográfico de Moncho sobre a súa estancia na Arxentina e mais a fuxida do penal de Ushuaia, onde, ao xeito das grandes novelas hispanoamerianas, a natureza devén un personaxe máis. O desenlace, en que se igualan o psicópata Moncho e o policía Mario, é outro indubidable acerto.

Xa que logo, novela de tese sobre o maltrato machista e mais a pederastia e abuso a menores, pero que tamén manexa outros recursos. Ben é certo que domina nela o narrador que expresa e analiza a súa ideoloxía e ata os personaxes, a través dos diálogos, realizan propostas ideolóxicas. Especialmente rechamante é, por exemplo, a descualificación do pensamento brando e da posmodernidade que realiza Odile (páx. 221). Mais, como dixemos, este tipo de novela ideolóxica e de tese é hoxe moi necesaria e máis cando se refire ao abuso sexual de menores e á violencia machista. Ben é certo que outras teses expostas na novela como a do ruralismo da literatura galega nos sesenta ou a interpretación que fai da aldea actual son máis que discutibles, así como a do suposto elemento igualador de clases da sanidade e ensino públicos actuais, sen especificar que tal como hoxe están non son precisamente unha fonte de igualación social, especialmente no referido ao ensino. A biblioteca galega da familia labrega de Mario demostra un descoñecemento supino do que é a lectura e a cultura do medio labrego en que temos que supor que transcorre a infancia-adolescencia deste personaxe.

(…)

Con todo e como remate, novela coma esta son hoxe, coas súas teses e mesmo digresións ideolóxicas do narrador ou ata dos personaxes moi necesarias, aínda que a algúns lles parezan técnicas decimonónicas. A súa aposta polo antipatriarcalismo, a denuncia do machismo, mesmo nos que parece que o teñen superado, ou dos abusos sexuais a menores e mais a súa defensa do racionalismo científico a propósito de Darwin nun mundo cada vez máis abafado polas teogonías, que xa tanto alporizaban a Curros, fai moi necesaria a lectura desta novela e a meditación sobre as ideas que propón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

“Meu pai vaite matar”, crítica de Ramón Nicolás

26 Decembro 2011

2011,Autores,Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Ramón Nicolás publicou no caderno “Culturas” de La Voz de Galicia do 24 de decembro, baixo o tíitulo “A volta narrativa de María Xosé Queizán”,  a seguinte crítica sobre Meu pai vaite matar:

Un libro de María Xosé Queizán, calquera que este sexa, merece de seu ser saudado efusivamente pois poucas traxectorias tan celmosas, e ao tempo  teimosas, a prol da creación literaria en galego, veña esta dos ámbitos da narrativa, a poesía, a tradución, o ensaio ou o xornalismo, podemos atopar en alguén que, desde aquela histórica A orella no buraco (1965), mantén rexa e lucidamente os esteos do seu pensamento e mais da súa singular e privativa ollada interpretativa cara ao noso mundo e os seus arredores; unha ollada considerada transgresora noutro tempo e que hoxe resulta inevitable e operativa para asomarnos e movernos por un mundo cambiante como o actual.

Esta recente novela, que ve a luz tras o ensaio igualmente publicado hai pouco tempo sobre Mary Wollstonecraft, disponse baixo o suxestivo título de Meu pai vaite matar e nela non deixa de lado,  mesmo talvez impulsándoos substantivamente, elementos que se entrecruzan unha e outra vez na súa obra como son a defensa tanto do racionalismo como do antipatriarcalismo, adquirindo agora unha tonalidade talvez un tanto distinta que podería facilitar a súa chegada a un maior número de potenciais lectores. Explícome: Queizán artella unha historia que se alicerza sobre elementos tirados da novela policíaca ou de intriga, con algunhas pegadas do xénero aventureiro e mesmo tintes propios da crónica de viaxes máis canónica. Agroman así, agrupándose con solvencia, fíos que nos conducen por historias persoais marcadas por unha escura trama, coma todas que se alimentan de abusos e do uso da violencia machista nunha relación sentimental. Todo isto derivará  ata confluír noutra relación que manteñen dúas protagonistas, en terras arxentinas, escenario no que se desvelarán as claves que poden explicar unha incógnita familiar de complexa resolución.

De obviar, ao meu ver, certa tonalidade antirruralista e un discurso expresivo talvez pouco verosímil na relación sentimental feminina, é esta unha proposta, de estrutura moi áxil por certo, que vén dunha das nosas escritoras máis experimentadas e arriscadas. Só por iso xa cumpriría achegarse a este Meu pai vaite matar.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Galería de fotos da presentación de «Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán

21 Decembro 2011

Fotogalerías,Fotografía,Presentacións

Nesta galería de fotos e tamén a través da páxina de Feministas Independentes Galegas podemos veras fotografías da presentación, o pasado 14 de decembro en Librouro, da novela Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán: «Un libro especial é a miña biografía, que estou escribindo por imperativo moral»

19 Decembro 2011

Autores,Entrevistas

O xornal De Luns a Venres publicou unha entrevista con María Xosé Queizán, a raíz da publicación de Meu pai vaite matar.

 

María Xosé Queizán:

«Un libro especial é a miña biografía, que estou escribindo por imperativo moral»

“De Luns a Venres (DLV) ¿Un sinónimo de Galicia?
María Xosé Queizán (MXQ): É única.
DLV: ¿Que quería ser de pequena?
MXQ: Non me lembro.
DLV: ¿Un lema a seguir na vida?
MXQ: A honradez.
DLV: ¿Un defecto?
MXQ: Varios. Un deles é ser desobediente e contestataria.
DLV: ¿E unha virtude?
MXQ: Para min, a mesma que o defecto.
DLV: ¿Un lugar especial?
MXQ: A ría de Vigo.
DLV: ¿Unha paixón?
MXQ: O feminismo.
DLV: ¿Un autor/a?
MXQ: Son moit@s @s que me abriron fiestras mentais. Leo moito ensaio.
DLV: ¿E un libro especial?
MXQ: O vindeiro que teño en proxecto.
DLV: ¿Pode adiantarnos que é logo o que ten entre mans?
MXQ: Estou escribindo a miña biografía por imperativo moral. Pero teño varios proxectos pedindo espazo e tempo.
DLV: ¿Como está de saúde a literatura galega?
MXQ: Mellor ca nunca.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Meu pai vaite matar»: de Rosalía de Castro a María Xosé Queizán

15 Decembro 2011

Autores,Narrativa,Presentacións

Manuel Bragado, director de Xerais, fai unha crónica da presentación de Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, no seu blog Brétemas.

Coa Queizán

No acto de presentación de Meu pai vaite matar, Marga Romero reivindicou a figura de María Xosé Queizán escollendo unha das metáforas da escritora viguesa: «Teño raíces nesta terra, pero son aéreas». Romero, nunha intervención magnífica, tras afirmar que «a literatura galega de muller viaxaba directamente de Rosalía até María Xosé Queizán, cando en 1965 publica A orella no buraco», ganduxou con fío invisible as achegas literarias da autora de Amor de tango en cada un dos xéneros (ensaio, teatro, poesía, xornalismo e narrativa), subliñando a sabedoría dos seus últimos discursos literarios (o do Premio Xerais 2011 e o recente do Pen Clube) así como o acerto rotundo na elección dos títulos para cada unha das súas obras. María Xosé respondeulle que antes de comezar a escritura dunha novela xa contaba co título: «Teñoo dende o principio, xa que a idea fundamental do que quero escribir está aí». Queizán definiuse como escritora de novela realista e, como tal, asumíu que non podía escribir de oídas: «Para cada novela debo investigar, coñecer, aprender, é unha das cousas que máis me gusta da escritura». Adiantou que ten un guión cinematográfico inédito e rematou definindo a súa escritura como narradora: «Escribo mirando. Vexo o que vou contando. Non son de oído. Son de vista». Un fermoso serán literario o de Librouro, mentres na rúa caía o ballón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista con María Xosé Queizán sobre «Meu pai vaite matar», unha novela policíaca e de aventuras que aborda o tema da violencia de xénero

14 Decembro 2011

Autores,Entrevistas

A xornalista Amalia Mauleón publica en Faro de Vigo unha entrevista coa escritora María Xosé Queizán, autora da novela Meu pai vaite matar, que se presenta esta tarde ás 20 horas en Librouro (Vigo).

«Los policías son los que más saben de la realidad social»

La autora viguesa regresa a la novela con “Meu pai vaite matar”

Tras terminar un máster de criminología, Diana ingresa en la Brigada de la Policía Judicial, donde conocerá a Mario, un joven del rural con el que comenzará a salir. Mientras tanto, la tía Lola, hermana soltera de la madre de Diana, rescata los restos de lo que fue una familia de cierto abolengo. Diana encontrará algunas pistas que la llevarán a emprender un viaje hasta la Patagonia, en Argentina, en la búsqueda de su tío Moncho. Con este argumento bucea María Xosé Queizán (Vigo, 1939) en los secretos más ocultos de una familia en su nueva novela, “Meu pai vaite matar” (Xerais), una historia de intriga, aventuras y viajes que la escritora presenta hoy ( 20.00 h.) en la librería viguesa Librouro.

—La protagonista, Diana, no es una mujer convencional.

—No, es hija de una pareja de progresistas ya mayores que, como yo, hicieron la revolución y conservan la idea de los policías del pasado. Se encuentran con que su hija quiere estudiar Criminología, y no les hace mucha gracia, aunque al final lo aceptan.

—La novela se desarrolla entre Galicia y la Patagonia. ¿Por qué decidió trasladarla a Argentina?

—Hice el año pasado un viaje a esta zona y fue una verdadera maravilla. Navegué entre glaciares y elefantes marinos y conocí la historia de sus tribus. Al regresar, decidí que tenía que convertirlo en el escenario de una novela.

—¿Podríamos definirla como novela policíaca?

—Novela policíaca y de aventuras. Pero toca muchos temas, entre ellos uno determinante, el del abuso sexual. Tiene más de 300 páginas pero puedo asegurar que resulta muy entretenida.

—En “Ten o seu punto a fresca rosa” su protagonista también era una policía.

—Me gusta y me da mucho juego porque creo que los policías y los médicos son los que más saben hoy en día de la realidad social. Nosotros no entramos en ese inframundo que ellos conocen tan bien. En la anterior novela consulté algunos detalles con un policía especializado en temas de malos tratos y me dijo que todo lo que pudiera ocurrírseme es poco en comparación con la realidad.

 —¿Cree que el mundo policial está más abierto a las mujeres?

—Hoy en día hay muchas y muy valiosas mujeres policías. Aportan su intuición y su sabiduría y se han hecho imprescindibles. Menos mal que las cosas han cambiado muchísimo.

—Su última obra, “Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial”, era un ensayo. ¿tenía ganas de regresar al mundo de la imaginación?

—Disfruté mucho investigando para este ensayo, la verdad, pero en realidad no soy yo quien elijo los géneros, sino que los temas vienen con su género bajo el brazo.

—Ha sido un año muy fructífero para usted, con estas dos nuevas obras publicadas.

—Estoy en una etapa muy productiva y, al mismo tiempo, sigo con la revista “Festa da palabra sileciada”. Me gratifica mucho escribir y quiero aprovechar el momento. No creo en la inspiración y sí en el esfuerzo y la imaginación.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O domingo de Xerais no Culturgal

4 Decembro 2011

Culturgal,Presentacións

Tras o éxito rotundo dos actos organizados onte sábado en Culturgal, Xerais preparou para esta derradeira xornada do Culturgal 20011 o seguinte programa de actos:

Domingo 4

  •  13:15 h.: : Conversa con María Xosé Queizán sobre a novela Meu pai vaite matar. No Salón. Entrevistada por Xesús Fraga.
  •  14:00 h.: Presentación da novela Poñente, de Pere Tobaruela. No salón. Intervén Francisco Cidrás (profesor de Filoloxía Galega da USC)
  •  16:30 h.: Presentación de Ninguén, de Fran Alonso. No Salón. Conversa coa xornalista Belén López.
  •  18:00 h.: No Salón: Conversa con Emilio Alonso sobre o libro Vigo a 80 revolucións por minuto, con Víctor de las Heras, sobre Vigo. A explosión dos ‘80 e algúns músicos da movida viguesa:  Antonio Amblés (Sucursal Urbana / Los Cafres), Antonio Rosales (Sucursal Urbana / Los Cafres) e Agustín Moreiras (Caja B) , entrevistados por Teresa Cuíñas.
  •  18:30 h.: Fran Alonso e Xurxo Souto con O meu gato é un poeta. No Cuarto dos Nenos. Participan: Xurxo Souto e Fran Alonso

 AO REMATE DE CADA ACTO, OS AUTORES E AUTORAS ASINARÁN EXEMPLARES DAS SÚAS OBRAS NO STAND DE XERAIS

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Meu pai vaite matar», de María Xosé Queizán, é unha das novidades do mes de novembro

23 Novembro 2011

Narrativa,Novidades

Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán, é unha das novidades da colección Narrativa no mes de novembro.

Tras rematar un máster de criminoloxía, Diana, a filla dunha parella de progresistas, ingresa na Brigada da Policía Xudicial, onde coñecerá a Mario, un mozo aleitado no rural, co que axiña ennoivará. A tía Lola, a irmá solteira da nai de Diana, agocha no seu caserío de pedra os vestixios do que fora unha familia de certo avoengo. Entre aquelas antigallas, Diana atopará algunhas pistas que a levarán a emprender unha viaxe ata Patagonia, na Arxentina, na procura do seu tío Moncho. Meu pai vaite matar é unha novela que esculca dende unha ollada antipatriarcal e racionalista os segredos máis ocultos dunha familia. Unha novela de intriga, aventura e viaxes na que se abordan as principais preocupacións dunha autora fundamental do pensamento feminista galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán, Premio Voz da Liberdade 2011 do Pen Club de Galicia

17 Novembro 2011

Autores,Noticias,Premios

O Pen Club de Galicia acaba de concederlle a María Xosé Queizán o Premio Voz de Liberdade 2011. Reproducimos o texto do fallo.

O xurado cualificador do Premio “Voz de Liberdade” 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia e de carácter bienal, integrado por Luís González Tosar, Miro Villar, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Manuel Outeiriño, Román Raña e Manuel Guede, decidiu conceder este galardón, na súa quinta edición, por unanimidade, á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outros méritos, o xurado considerou, “a súa traxectoria independente e firme, tanto na defensa da liberdade de expresión coma na  dos dereitos das mulleres desde a década dos sesenta ata a actualidade. María Xosé Queizán, cunha obra de referencia na narrativa, na poesía, no ensaio e no teatro, destaca tamén polo seu labor de tradutora e por manter, ao longo de 28 anos, a revista “Festa da palabra silenciada”, verdadeira voz da escrita feminina e exemplo de pluralidade e proxección exterior da literatura galega”. O xurado fai constar, asimesmo, que María Xosé Queizán impulsou, xunto con outros 22 escritores e escritoras, o primeiro intento de creación do PEN Clube de Galicia, asistindo á asemblea constitutiva celebrada en Santiago o 7 de abril de 1977 e suscribindo a incorporación ao PEN Internacional.

Este importante recoñecemento da sección galega da organización mundial de escritores (o PEN Internacional é órgano consultivo clase A para temas culturais da ONU e da UNESCO), recaeu anteriormente en Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo e, na última edición (2009), correspondeulle a Marcos Valcárcel.

A entrega do “Voz de Liberdade” 2011, unha peza escultórica da autoría do ourensán Xosé Cid, terá lugar no transcurso dunha actividade literaria aberta, na que a glosa da homenaxeada correrá a cargo da Catedrática de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Vigo, Prof. Mª Camiño Noia Campos. O acto terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, Praza de Cervantes, Santiago de Compostela.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán: «A primeira obra de ciencia ficción foi Frankenstein»

2 Novembro 2011

Ensaio,Presentacións

A edición  compostelana de La Voz de Galicia publicou unha noticia asinada por M. B. sobre a presentación do libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial de María Xosé Queizán.

«A primeira obra de ciencia ficción foi Frankenstein»

La flamante librería de mujeres Lila de Lilith acogió ayer la presentación de Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, el último libro de María Xosé Queizán. En esta obra de ensayo, editada por Xerais de Galicia, la escritora gallega aborda la vida de Mary Shelley, la autora de Frankenstein, el momento histórico que le tocó vivir, su familia, su amante, así como el mundo de los artistas e intelectuales de aquel círculo romántico. «Con este libro -explica María Xosé Queizán- pretendín desentrañar os camiños que levaron a Mary Shelley a escribir Frankenstein». Considera la autora gallega que esta obra de la británica «é a primeira novela de ficción, aínda que non está considerada como tal senón como unha obra de terror». María Xosé Queizán rechaza que sea una obra de terror: «É unha novela de ficción, pero moito máis que iso. Tamén é unha novela sobre os aspectos sociais, políticos e científicos do momento».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación en Santiago de “Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial” de María Xosé Queizán

26 Outubro 2011

Ensaio,Presentacións

O xoves, 27 de outubro, ás 20:00 horas, na libraría Lila de Lilith, rúa Travesa, 7 de Santiago, terá lugar a presentación do libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial de María Xosé Queizán. No acto intervirán Pemón Bouzas, Manuel Bragado e María Xosé Queizán.

A escritora británica Mary Wollstonecraft Shelley espertou cedo o interese dos estudos feministas. A súa completa educación, pouco habitual nas mulleres da época, permitiulle crear a figura literaria de Frankenstein. Nese ensaio, a escritora María Xosé Queizán, coa excelente pulsión literaria que a caracteriza, adéntrase na personalidade da creadora británica, convidándonos a unha viaxe a través da súa biografía, a través do contexto sociopolítico do seu tempo, da revolución industrial, e tamén en torno ao poder que emana do seu personaxe de ficción, o imperecedoiro Frankenstein e o seu significado posterior. Mary Wollstonecraft Shelley herda da súa nai, a autora da Vindicación dos dereitos da muller, morta dez días despois do parto, a súa conciencia feminista e a busca dun racionalismo ilustrado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Artigo de Iolanda Martínez Suárez en torno María Xosé Queizán: «A voz e os seus ecos»

29 Agosto 2011

Autores,Críticas,Ensaio

Iolanda Martínez Suárez publica no último número de Protexta unha longa  recensión crítica sobre o libro de homenaxe a María Xosé Queizán, Cara a unha poética feminista, así como sobre o último ensaio da mesma autora, Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial.

A voz e os seus ecos
O volume en homenaxe a María Xosé Queizán dá conta dun compromiso feminista rexo ao longo de varias décadas de escrita, o mesmo que cruza o seu último ensaio

Lonxe quedaron os tempos nos que María Xosé Queizán se laiaba con razón do silenciamento da crítica ao que se vían abocadas a súas obras literarias ou de pensamento. Xerais acaba de publicar Cara a unha poética feminista, un libro homenaxe á escritora viguesa, no que unha coral de voces autorizadas por longas traxectorias profesionais analizan as diferentes caras dunha obra poliédrica.

Este ensaio polifónico debulla o discurso feminista e nacionalista da autora para presentarlla ao lectorado como unha escritora comprometida co seu tempo, feminista racionalista e nacionalista –por esta orde–. O resultado é un rico diálogo coa obra poética, narrativa, discursiva e co pensamento racionalista optimista e independente dunha autora pioneira e feminista representativa, outrora pouco reconecida. A proba do éxito dialóxico é a abundante intertextualidade presente nas diferentes contribucións teórico-críticas das autoras e autores, nomeadamente estudosas da literatura galega e/ou da teoría feminista, como María Xosé Agra, Mónica Bar, Olga Castro, Helena González, Marga Rodriguez Marcuno, etc., que componen o volume.
Estamos perante un texto que vén facer as funcións de crítica bibliográfica e discursiva, así como a saldar en parte a débeda pendente do sistema literario galego para coa autora, pola súa contribución á “creación dun espazo propio para a escrita das mulleres en Galiza”–en termos de Carme Adán e Mercedes Oliveira–, un mérito cada paso máis reconecido.

Cara a unha poética feminista mostra a evolución literaria e discursiva de MXQ dende a publicación da súa primeira novela no 1965, A orella no buraco –primeira mostra galega da nova narrativa– ata a publicación do seu penúltimo ensaio, Antinatura (2008). Fóra do percorrido histórico que abarca o libro homenaxe, dende os 60 ata o 2010, queda o último ensaio de MXQ, tamén publicado por Xerais, e que recibe o título de Mary Wollstonecraft e a súa criatura artificial. A propia autora, na única referencia ao texto no volume da homenaxe –durante unha entrevista con Marga do Val– afirma: “No meu próximo ensaio [...] o fundamental é tratar todos os elementos: persoais, científicos, familiares, culturais, íntimos, públicos… que deron como resultado a xenial creación de Frankenstein de Mary Wollstonecraft Shelley”. MXQ consciente da importancia da escrita como ferramenta de “resistencia cultural” achégase ao universo literario da autora británica decimonónica, filla da feminista homónina autora da Vindicación dos dereitos das mulleres, para dar conta do debate entre razón e emoción que definiu a vida e obra de Mary Shelley, como tamén lle acontecera a súa nai. Queizán, sabedora de que “as escritoras poden acabar coas estruturas imaxinarias de dominadas e elaborar novos universos simbólicos xeradores de identidade” continúa no seu último ensaio o labor de visibilizar sinaturas de mulleres feministas, como vén facendo coa dirección da colección “As Literatas”, de Xerais, dende 1999, así como á fronte da revista Festa da Palabra Silenciada, dende 1983, coas traducións de varias autoras, etc. “Parir a liberdade” é o acto que máis contribúe a humanizar e desnaturalizar as mulleres segundo MXQ, e nesa medida escribir e difundir a escrita sonactos de rebeldía dunha autora que se sente cómoda tratando os temas da sexualidade e o erotismo, consciente da súa forza política transformadora.

A creación na vida e na arte atravesa o último ensaio de MXQ, Mary Wollstonecraft e a súa criatura artificial, conferíndolle unha radical actualidade ao texto. O patriarcado como pano de fondo que convén visualizar e as súas consecuencias na vida das mulleres, neste caso particular na da escritora Mary Shelley, é un dos trazos que fai reconecible o texto na bibliografía de MXQ. A temática da división dos espazos público e privado, e a transposición das mulleres ao doméstico e dos homes ao político como un dos piares ideolóxicos do patriarcado atravesa boa parte das contribucións críticas do libro homenaxe así como o último ensaio da autora.

Segundo a lóxica androcéntrica, contra a que MXQ loita en tanto feminista antiesencialista, no eido privado, as súas inquilinas, as mulleres, viven segundo os ditados da emoción, mentres que na esfera pública, os varóns se moven no eido da razón. A presentación de Mary Shelley por MXQ está feita en termos de difícil equilibrio entre a razón e as emocións, pois a escritora británica debátese entre o universo da creación que comparte co seu companeiro e os ditados sociais que a converten en filla de intelectual respectado e reputado, amante, nai solteira, etc. MXQ fai unha reconstrución da vida persoal e creativa de Mary Shelley dende a perspectiva feminista, coa creación de Frankenstein como punto de chegada. Creación de vida artificial que MXQ entende como un axuste de contas da escritora británica, como un triunfo da persoa sobre as opresións do patriarcado que a someten. Segundo a autora viguesa Mary Shelley crea vida coa súa pluma para compensar a morte da súa nai, durante o seu propio nacemento, os suicidios da súa irmá e a da esposa do seu companeiro, as mortes dos seus fetos e fillos acabados de nacer por falta de coidados. A creación literaria como acto de transformación é presentado en forma de relato histórico situado na Europa do século XIX, na pel de Mary Shelley.

Manuel Forcadela caracteriza, no volume homenaxe, a poética de MXQ co trazo do desprazamento dende o Eu ao Outro e dende o presente ao pasado. Esta mesma característica apreciámola no seu último ensaio, onde MXQ enxalza as virtudes propias –a escrita como motor transformador da sociedade patriarcal nun sistema igualitario– noutra –Mary Shelley– e vai do presente ao pasado –século XIX–. Dende os anos 80, a obra literaria e discursiva de MXQ adquire unha nova coherencia e evolución que culmina na presente obra.
Como se dunha personaxe dunha das súas novelas se tratase, Mary Shelley é presentada como unha persoa que ten que aprender a controlar os seus sentimentos e emocións, e  priorizar a súa racionalidade.

O ensaio mantén o pulso de comezo a fin, coa axuda dun recurso moi cervantino. MXQ insire na historia de vida e obra da protagonista microrelatos sobre outras personaxes históricas tales como Napoleón e Josefina, Mary Wollstonecraft e W. Godwin, Lord Byron e Augusta Ada, etc. Estas microbiografías, presentadas dende a perspectiva feminista, animan ao lectorado a turrar do fío e enriquecen o relato principal, ao conferirlle un ambiente e polo tanto unha alta dose de realismo, escorrentando a pantasma da excepción que se soe presentar para desmontar o feminismo e reforzar o sistema patriarcal.
Dúas lecturas necesarias. Por non volver ser “unha estranxeira na mina (súa) propia terra”.

Iolanda Martínez Suárez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Montse Pena Presas sobre «O segredo da Pedra Figueira», de María Xosé Queizán

26 Agosto 2011

Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

Montse Pena Presas publica no último número de Protexta unha recensión crítica sobre O segredo da Pedra Figueira, de María Xosé Queizán.


Un texto pioneiro
Relato fundacional de María Xosé Queizán para a literatura xuvenil galega. Agora recupérao Xerais

O segredo da Pedra Figueira de María Xosé Queizán publicábase por primeira vez baixo o selo Tintimán –xurdido ao amparo da revista homónima– en 1985. Nese mesmo tempo, un annus mirabilis para o lectorado mozo, saíran tamén do prelo dous textos que marcarían un antes e un despois nas letras de noso: Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín, ese primeiro e histórico Premio Nacional de Literatura Infantil para a LIX galega, e Arnoia, Arnoia, a engaiolante e mellor demostración de como X. L. Méndez Ferrín sabe achegarse ao público mozo (moi interesante resulta a súa lectura en paralelo coa creación de Queizán, xa que ambas as dúas comparten o alento épico e o carácter de novela de aprendizaxe, focadas dende diferentes ángulos).
O libro de Queizán fora rescatado por Xerais xa en 1989 e publicado na exitosa colección Xabarín, gozando así dunha maior difusión que a acadada na súa anterior edición. Que hoxe se volva reeditar –como xa se fixera en 2003– na colección “Fóra de Xogo”, di moito da sensibilidade literaria dos responsables desa: non só porque O segredo da Pedra Figueira se considere un dos nosos primeiros textos escritos especificamente para o público xuvenil, senón tamén porque é unha das primeiras obras feministas da LIX galega. Neste sentido, Queizán segue a lina aberta por Xohana Torres, que en 1984 publicara Pericles e a balea, e fixera xa visible que as mulleres e as nenas son marineiras e navegan como a súa mítica Penélope.
O argumento conta como Lazo, unha moza da tribo dos Amala, ve o seu hábitat invadido pola perigosa tribo dos Lurpios. Como consecuencia disto, o seu pobo ten queemigrar e buscar un lugar onde asentarse. Tras pasar por diferentes perigos, conseguen facerse co seu propio espazo, preto da cidade de Findasol. A longa viaxe dará a oportunidade á protagonista de acadar a madureza e de elixir o seu propio destino, rexeitando a oportunidade de ser a custodiante da Pedra Figueira. Mais, paradoxalmente, este encontro consigo mesma e coa súa identidade feminina só é acadado cando as aspiracións societarias están conseguidas.
Se ben o texto pode ser lido coma unha épica de carácter identitario, que a autora coloque no papel protagónico tres figuras femininas de diferentes xeracións: Sensatanai (a avoa depositaria da sabedoría), Marpesia (a nai guerreira) e Lazo, a filla (que pode escoller o propio camino, co que se reivindica o seu dereito a elixir), que amais subverten os roles establecidos, desvela a intención autorial de crear unha xenealoxía feminina e feminista. O valor da obra de Queizán é, neste sentido, dobre, pois se por unha parte por primeira vez unha muller adolescente protagonizaba unha novela galega, pola outra facíao dende unha óptica claramente crítica co patriarcado, que conseguía facernos reflexionar sobre os preconceptos asociados ao xénero. Todo, a pesar de que, na novela, o longo espectro da identidade nacional siga sobreponéndose á identidade feminina.

Montse Pena Presas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Mar Fernández Vázquez sobre «O segredo da Pedra Figuera», de María Xosé Queizán

24 Agosto 2011

Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

Mar Fernández Vázquez publicou en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre O segredo da Pedra Figueira, de María Xosé Queizán.

A terra prometida de «O segredo da Pedra Figueira»

Queizán recrea simbolicamente a procura da liberdade e reivindica o protagonismo e potencialidades femininas
O 5 de decembro de 1984 María Xosé Queizán (Vigo, 1939) puña o punto e final ao relato longo O segredo da Pedra Figueira, publicado pola editorial Tintimán no ano 1985 con ilustracións de María Fé, Marife e Maife Quesada (nomes cos que asina esta ilustradora, Zamora, 1957) que representan un mundo bucólico en tonalidades coloristas e harmónicas.

Esta narración reeditouna Edicións Xerais de Galicia en dúas coleccións: “Xabarín”, en 1989, e “Fóra de xogo”, en 2003 e 2011, dirixidas todas elas ao lectorado xuvenil. A reedición de 2011 actualiza o texto de 2003 á normativa vixente na lingua galega e corrixe excesivos castelanismos.

O Segredo da Pedra Figueira é unha obra ateigada de elementos de carácter simbólico e mitolóxico postos ao servizo da reivindicación das personaxes femininas. É unha mostra máis do labor a prol da muller realizado por María Xosé Queizán na maior parte dos seus traballos. É mágoa que últimas edicións de “Fóra de xogo” fora eliminada a precisa introdución que Carmen Blanco asinaba na reedición de 1989 onde se achegaba á autora e analizaba este relato longo.

Se ben esta obra estruturalmente responde aos trazos dunha narración de aventuras, a viaxe non é só física senón que implica unha mellora vital dos personaxes cara á conquista da liberdade e un proceso de maduración interior e de coñecemento de saberes e tradicións ancestrais por parte de Lazo, a rapaza protagonista, por mediación da súa avoa e guía Sensatanai.

Así mesmo constitúe unha recreación simbólica e identitaria de múltiples elementos e piares básicos dunha cultura como a galega. Mostra o poder e a sabedoría presentes nas pedras, nas árbores, na etnografía, na historia, na xeografía, na transmisión oral e na mitoloxía e sobre todo salienta que as figuras femininas son fundamentais no proceso de salvagarda da historia.

Os desolados habitantes da illa de Tule actúan como heroes bíblicos, das sagas históricas e dos contos marabillosos que emprenden unha travesía, ante a devastación que os rodea, na procura dunha terra prometida, dun edén no que vivir en familia unha nova vida tranquila e feliz. Unha viaxe chea de obstáculos a superar como é o caso de deixar atrás xente querida, tan emblemática coma o avó, e a súa terra; vencer a ira dos Señores das Tebras; saír da Caverna dos Tesouros; atravesar a Costa da Morte, non sucumbir ás mulleres lobas e mudar o seu estilo de vida guerreira para se afacer á vida rural da próspera e babilónica Findasol, remate da travesía e comezo dunha vida nova.

Queizán une etnografía, crenzas, lendas e mitos galegos e universais, historia e xeografía. Dota de simbolismo os nomes dos personaxes, tribos, lugares e obxectos, e presenta unha parábola da absoluta liberdade e unha reivindicación feminista e dos alicerces identitarios.

Mar Fernández Vázquez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Rocío Moar Quintela sobre «Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán»

1 Xullo 2011

Autores,Críticas,Feminismo,Homenaxes

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou onte unha recensión de Rocío Moar Quintela sobre Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, libro coordinado por por Manuel Forcadela e Camiño Noia.

Dicir Queizán

Precursora e pioneira

Cara a unha poética feminista é unha homenaxe á traxectoria vital e literaria de María Xosé Queizán. O volume, coordinado por Manuel Forcadela e Camiño Noia,reúne un conxunto extenso e heteroxéneo de textos: dezaséis artigos teóricos, unha ampla biografía e bibliografía,dúas entrevistas e varias homenaxes e agradecementos.A través da súa lectura (re)coñecemos a personalidade e a proposta ideolóxica dunha muller inconformista, subversiva e comprometida co seu tempo.
Fronte á orde patriarcal, que reduce as mulleres á natureza e á esencia, Queizán propón un feminismo“racionalista”, coa ciencia e a cultura como aliadas da igualdade e a liberdade;“nacionalista”, reformulando o concepto de nación dende o feminismo e non á inversa e“activista”, co fin de concienciar emobilizar ás mulleres contra a manipulación do Patriarcado e do Capitalismo.
Deste xeito, María Xosé acha que a opresión feminista vai paralela á da nación e explica os seus estereotipos e prexuízos por razóns históricas e sociais. Propón rachar co colonialismo e o patriarcado a través da normalización lingüística e a equiparación da muller,conservando a identidade. Para Queizán, sen a liberación da muller galega non pode darse a liberación de Galicia, e esta ha de facerse dende dentro,máis alá das dicotomías positivistas.
A autora revélase contra a visión patriarcal da sexualidade, que somete ás mulleres no ámbito privado e tolera a existencia da prostitución, cuxa legalización considera inadmisible. Mentres,defende unha sexualidade máis completa e complexa, desvinculada da reprodución,do matrimonio e do amor. Revisa osmitos femininos clásicos e propón novos universos simbólicos,reconquistando o espazo do corpo feminino como suxeito de desexo e de pracer.
A súa poesía, conceptual, madura e comprometida, vai evoluíndo coa revisión e reformulación da historia lírica occidental e coa identificación, a través da metáfora, da ideoloxía patriarcal enraizada na linguaxe.A“Festa da Palabra Silenciada” converteuse dende 1983 nun espazo de visibililización,debate e estímulo á literatura das mulleres e un exemplo de resitencia política e cultural. Disidente ata consigo mesma, someteu a súa obra a unha constante eséxese, evoluíndo cara a un feminismo radical, ilustrado e tamén pacífico.
Ante o simulacro da superación dos discursos feministas, anima a seguir loitando pola liberdade da muller, cuestionando a realidade e propoñendo solucións concretas para construír un mundo mellor e unha sociedade máis xusta.
As numerosas fotografías ao longo do tempo axúdannos a reconstruír a vida e a obra dunhamuller precursora e pioneira na defensa dos dereitos da muller en Galicia.

Rocío Moar Quintela

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán, intervención nos Premios Xerais 2011

21 Xuño 2011

2011,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Poesía,Premios_Xerais,Vídeos

Eis un amplo resumo da intervención de María Xosé Queizán no acto de entrega dos Premios Xerais 2011. Moi emocionante foi o seu remate cando a escritora viguesa cantou a capela a cantifga de Mendinho (a partir do minuto 11).

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A modesta proposición e outros ensaios», de Lois Pereiro, dispoñible en formato e-book

17 Xuño 2011

E-books,Ensaio

Xa é posible ler a Lois Pereiro en formato e-book. Modesta propisición e outros ensaios está a disposición dos lectores e lectoras desde o espazo de Xerais en Todoebook.

Deste xeito, unha das obras máis emblemáticas de Pereiro pasa a estar dispoñible en formato e-PUB ao prezo de 8 euros.

Con este título, Xerais amplía a súa oferta dixital, á que se incorporou tamén nas pasadas semanas Mary Wollstonecraf Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Premios Xerais 2011, as entrevistas a gañadores, membros do xurado e participantes

15 Xuño 2011

2011,Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.

Eis a relación e os seus enlaces:

cid

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán, mantedora literaria dos Premios Xerais 2011

2011,Autores,Feminismo,Poesía,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha festa grande nos Premios Xerais 2011

12 Xuño 2011

2011,Autores,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xerais

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 11 de xuño, ditamináronse a XXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e a Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros. Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas, entre as que se atopaban Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Javier Bas, alcalde de Redondela; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas da Consellaría de Cultura de Turismo; Carme Adán, deputada do Parlamento de Galicia; Xabier Alonso, director xerente da Fundación Illa de San Simón; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros de Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial.

Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a primeira das intervencións de O Leo i Arremecághona, o cantante de Matamá que se ocupou do apartado musical deste serán musical e literario. María Xosé Queizán, que  actuou como mantedora literaria, leu o discurso titulado «Escribir en nome propio».

Tras a entrega dos galardóns a Anxo Fariña, Héctor Carré e Xavier Queipo, pechou a quenda de intervencións director da editorial que, en primeiro lugar, lembrou a figura de Juan Farias, o escritor de Caión falecido de madrugada, a quen cualificou como un dos fundadores da Literatura Infantil e Xuvenil e referente moral para varias xeracións de lectores novos. Bragado agradeceu a axuda que a estes premios achegan a Fundación Caixa Galicia, Ámbito Cultural-El Corte Inglés e a Fundación Illa de San Simón. Rematou as súas palabras relatando a anécdota na que o director Riccardo Muti denunciou os recurtes orzamentarios que sofre a cultura en Italia, reclamando que tamén no noso país o sector da cultura sexa considerado estratéxico: «precisamos todo o agarimo e apoio posibles».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Escribir en nome propio», discurso de María Xosé Queizán

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Noticias,Poesía,Premios_Xerais

RECLAMOU COMO CLAVES PARA UNHA ESCRITORA DAR VISIBILIDADE Á PROPIA IDENTIDADE,FACER DO SEU SEXO OCULTO O VISIBLE, E CAPITALIZAR O DESEXO

A escritora María Xosé Queizán, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2011, rememorou no seu discurso as trobairitz (o texto pode baixarse en pdf) as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega.

A autora de Amor de tango sinalou que «o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.»

A escritora viguesa reclamou como claves para unha escritora dar visibilidade á propia identidade, facer do seu sexo oculto, o visible, e capitalizar o desexo. «Na sociedade patriarcal o desexo é patrimonio masculino. Ao feminino correspóndelle a pasividade, a debilidade, a submisión, a beleza idealizada. Repasen a literatura galega, e poden comprobar que a inmensa maioría do protagonismo nos contos, nas novelas, téñeno os homes e os nenos. Poucas son as mulleres que asoman nos textos, e cando o fan, ou están idealizadas, ou son inferiores e nais sacrificadas. Nesta concepción do feminino, o desexo das mulleres é seren desexadas.»

María Xosé Queizán rematou a súa intervención lendo dúas das traducións destas trobairitz que ela traduciu para o galego e cantando a capela a cantiga de mendinho, o que constituíu un dos momentos máis emocionantes do serán.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Ramón Nicolás sobre Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán

6 Xuño 2011

Críticas,Ensaio

O crítico Ramón Nicolás publicou no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión de Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial. Reproducímola integramente:

SOBRE A CREADORA DO FRANKESTEIN

María Xosé Queizán Achégase á biografía de Mary Wollstonecrft Shelley, analizando o seu tempo e as claves que explican a xestación do seu famoso personaxe de ficción

Achegueime con interese a esta proposta de María Xosé Queizán, tanto por poder dispor, unha vez máis, da oportunidade de transitar pola fluidez e indiscutible pulsión literaria dunha das nosas mellores ensaístas como pola ocasión que supón para profundar nas dimensións biográficas e literarias  de Mary Wollstonecraft Shelley,  a creadora do Frankenstein orixinal, obxecto por outra parte de numerosas distorsións debido ás innúmeras versións de carácter cinematográfico que se realizaron desde o século XX ata hoxe.

Non dubido en cualificar como  brillante o resultado global do ensaio pois a autora combina a exposición de datos empíricos, que proveñen do manexo dunha  inxente cantidade de documentación e lecturas que se van incorporando con enxeño –cartas, notas, avisos, fragmentos de ensaios, poemas…-, cunha prosa ricaz que, interpelando a conciencia de quen le con numerosas preguntas, acada un rexistro que, a meu entender, cumpre as características precisas para obter un amplo espectro lector.

Este atractivo advírtese xa desde as primeiras páxinas nas que, empregando recursos propios dunha novela, coñécese un feito clave no modelado intelectual e humano da escritora como son os momentos previos ao suicidio frustrado da súa nai, Mary Wollstonecraft, quen tanto influíu nela en moi diversas facetas e que foi a responsable da Vindicación dos dereitos da muller, un texto fundacional do feminismo moderno.

De aquí en diante, esparexendo acaídas notas de carácter contextual que falan da sociedade, a literatura, a economía e a política deste tempo, vai construíndose a biografía da autora do Frankenstein, que se alicerzou sempre no racionalismo ilustrado alentando no contexto romántico; unha biografía marcada adoito por sucesos de carácter tráxico. Velaí, así pois, como se deseña a súa vida familiar ou a formación académica e literaria que gozou, proxectada nunha muller que exhibiu unha personalidade afastada  dos convencionalismos da sociedade vitoriana, como se amosa en determinados xestos da súa actitude vital ou naquelas vivencias máis persoais, entre as que non faltan capítulos de xorne autenticamente aventureiro, a carón das que reparan nas dificultades ou dramas vividos, nas ausencias ou presenzas experimentadas ou, por citar algún outro fragmento destacable, o que se nuclea arredor do seguimento dos lugares e países visitados e aquelas páxinas que se ocupan da súa relación co poeta Shelley e coa figura paterna.

E nun momento dado a autora conduce o ensaio a augas nas que prima a valoración literaria, internándose na xénese do “novo Prometeo” da escritora británica para o que ofrece unha lectura que repara nas claves da estrutura da obra, na relevancia desa obsesión que amosou pola creación de vida artificial autónoma ou no rastrexo das posibles influencias que exerceron un papel relevante na concepción da mesma como son os adiantos científicos da época, alén dun asunto central, que xa ocupara algunhas páxinas doutros libros da ensaísta viguesa, como é a reflexión sobre a maternidade.
Unha mostra máis, teño para min, da vitalidade dun xénero como é o do ensaio galego, sempre tan necesario e de indiscutible e celmosa proxección universal.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas dos Premios Xerais 2011

3 Xuño 2011

2011,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Xerais,Xuvenil

Reunidos hoxe 3 de xuño de 2011 no Castelo de Soutomaior, os xurados dos Premios Xerais 2011 elixiron os finalistas de cada unha das modalidades.

O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas “Extramunde”, “O caso Ocaso” e “Todo home é coma a lúa”.

O xurado da V edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas “Ánxela”, “Gabirro” e “Pelouro”.

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas “O carreiro das formigas”, “Prometeo” e “Trampa de luz”.

O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 11 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Escritora María Xosé Queizán

29 Maio 2011

Autores,E-books,Estudos literarios,Feminismo,Homenaxes,Noticias,Presentacións

Ao fío da presentación o pasado venres do libro Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, Manuel Bragado publicou o domingo un artigo en Faro de Vigo reivindicando o papel da Escritora María Xosé Queizán.

María Xosé Queizán, que está rematando unha novela, acaba de publicar a edición en e-ebook do seu ensaio máis recente Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial.

María Xosé Queizán será a mantedora literaria do acto de entrega dos Premios Xerais, que se celebrarán o sábado 11 de xuño de 2011 na illa de San Simón.

ESCRITORA MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

No serán do pasado venres, o Auditorio Mar de Vigo acolleu a presentación do libro Cara unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán (Xerais 2011). Ademais da presentación desta obra colectiva –coordinada por Camiño Noia e Manuel Forcadela, profesores do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, e na que participaron dúas ducias de persoas vinculadas ao ámbito académico e ao movemento feminista–, o acto constituíu unha reivindicación rotunda da achega humana, política e cultural da escritora e pensadora feminista viguesa.

Nacida na rúa Urzaiz en febreiro de 1939, á altura do muro da Estación, aquela nena de posguerra educada en berce de mulleres herdou unha tradición de galeguismo urbano e unha educación liberal que a afastou do fanatismo fascista e relixioso daqueles anos díficiles. Sen perder nunca as súas raíces na ría, viaxou a París hai cincuenta anos, onde tivo o seu primeiro encontro cos pensadores existencialistas e coa literatura máis innovadora do seu tempo. Dende entón, esta viguesa afrancesada, rebelde e independente, mantivo como norte da súa vida a defensa dos principios da razón e da xustiza, concretados nos proxectos da revolución feminista, socialista e galeguista nos que participou, alenta e continúa promovendo dende o seu oficio de escritora.

Desque en 1965 publicara na colección “Illa nova” de Galaxia a novela obxectalista A orella no buraco, e desque en 1977 aparece o seu primeiro libro de ensaio, A muller en Galicia, María Xosé Queizán desenvolve un catálogo literario que non entende de fronteiras de xénero, procurando unha vía de diferencialismo feminista, ensaiando a creación dunha linguaxe específica e abordando temáticas novas para a literatura galega. Oito libros de ensaios, dous de contos, media ducia de novelas, tres pezas teatrais, catro poemarios, conforman un catálogo actual de vinte e catro libros individuais. Unha obra literaria á que cómpre engadir máis dun centenar de artigos publicados en revistas literarias, centos e centos de artigos xornalísticos en seccións como «Lilith», «Antígona» ou «Carrapuchiña feroz» (estas en Faro de Vigo), dúas biografías inéditas, un libro de viaxe en publicación e varios guións de documentais. Unha obra tan extensa como variada, propia dunha escritora total que fixo da literatura e da creación artística un compromiso primeiro e fundamental na súa vida.

En cada unha das súas novelas, relatos, poemas ou artigos –sempre escritos dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia– salienta a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. Toda a súa obra constitúe un esforzo pouco frecuente na literatura galega por ofrecer as lectoras e lectores unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos paradigmas de igualdade na relación entre os seres humanos. Un exercicio de coherencia e de reflexión permanente que xa é tempo de recoñecer. Máis aínda cando é imposible entender a literatura galega contemporánea sen o espazo fulcral, artellado pola obra literaria da pensadora e escritora viguesa.

Alén do seu traballo como escritora, María Xosé Queizán é unha teimuda editora. Dende hai vinte e cinco anos dirixe e terma contra vento e marea esa fantasía chamada Festa da Palabra Silenciada, a interesante revista cultural da FIGA (a organización feminista á que pertence é da que unha das súas fundadoras). Dende 1999 dirixe «As Literatas» de Xerais, unha colección de literatura escrita por mulleres que permitiu verquer para o galego de forma pioneira a autoras como Herta Müller ou Emilia Pardo Bazán. Actividade editorial á que non son alleas outras iniciativas súas como promover a tradución para o galego da obra de Simone de Beauvoir, O segundo sexo, proeza realizada ao longo dunha década pola súa amiga Marga Rodríguez Marcuño.

María Xosé Queizán merece o agarimo e afecto dos membros da cultura galega, mais tamén ser elixida como membro da Real Academia Galega, reparando así unha anomalía que de forma incomprensible se ven arrastrando dende hai tempo. María Xosé Queizán merece o aplauso, o agarimo e os aloumiños que lle proporcionamos os seus conveciños, mais tamén que no denominado Parque da «Escritora María Xosé Queizán» (situado en García Barbón, á altura da entrada da autoestrada), inaugurado en 1998 con motivo da homenaxe que lle ofreceu a AELG, volva chantarse a pedra na que se gravaron os seus versos e volva plantarse unha magnolia negra como aqueloutra que ela plantou. Reclamo que o concello repare a escape esa inxustiza poética, antes de nomeala Viguesa distinguida.

Manuel Bragado

Chuzame! A Facebook A Twitter

A celebración arredor do libro de homenaxe a María Xosé Queizán será esta tarde no Auditorio do Mar de Vigo

27 Maio 2011

Autores,Feminismo,Homenaxes,Noticias

Mar Mato publica hoxe en Faro de Vigo unha información sobre o libro Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, que pretende renderlle unha homenaxe á escritora feminista viguesa que se materializará na presentación que esta tarde, ás 20,30 h., terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, nun acto presentado por Mónica Bar Cendón e no que tamén intervirán Iolanda Veloso, Camiño Noia e a propia María Xosé Queizán. Reproducimos integramente a información do Faro de Vigo:

Más de 20 estudiosos homenajean a la poeta María Xosé Queizán en un libro

La obra lleva el título de “Cara a unha poética feminista” y se presenta esta tarde en el Auditorio do Mar de Vigo

MAR MATO – VIGO Asegura Manuel Forcadela sobre María Xosé Queizán (Vigo, 1939) que la poeta “rompió radicalmente con la concepción tradicional de la poesía” dejando atrás el tópico de la dominación sobre la mujer. Además, fue la primera autora en publicar un poemario lésbico en gallego. Por estas consideraciones y otras sobre su obra, más de 20 estudiosos han colaborado en Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán que esta tarde, a partir de las 20.30 horas, se presenta en el Auditorio do Mar de Vigo.
Los coordinadores del proyecto han sido Camiño Noia y Manuel Forcadela. Este último destacaba ayer que la obra supone “un libro de estudio, una bibliografía pasiva” sobre una persona que –a su juicio– podría formar parte de la Real Academia Galega (RAG). “Si se realizase un ranking por biografía, obra, conocimientos lingüísticos, sin ninguna duda, Queizán estaría entre las primeras” en entrar en la institución, asegura.
Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán supone un volumen (editado por Xerais) dividido en tres partes. En la primera, se ofdrece de forma breve un homenaje a la persona como reconocimiento de su obra.
En la segunda parte del libro, Vanesa Cerqueira presenta una extensa biografía mientras que Marga do Val y John Thompson adjuntan largas entrevistas realizadas a Queizán.
Por último, se añade un estudio de críticos con 16 largos artículos. Entre ellos, figura uno de Mónica Bar Cendón sobre la sexualidad en la obra de la poeta. Por su parte, Carme Adán y Mercedes Oliveira tratan su lado más filosófico. La conexión con determinados elementos de la obra de Rosalía es analizado, por otro lado, por María Xosé Agra.
El objetivo inicial de Manuel Forcadela así como de Camiño Noia era publicar el libro con motivo del 70 aniversario de Queixán –celebrado hace dos años–, sin embargo “no pudo ser así”.
La presentación de la obra, finalmente, será esta tarde. En el acto, está previsto que participen la propia Queizán; Mónica Bar Cendón; Camiño Noia e Iolanda Veloso. Organizan la Concellería de Igualdade del Concello de Vigo y el departamento de Filoloxía Galega e Latina de la Universidade de Vigo, de donde partió la idea de elabor el libro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación de «Homenaxe a María Xosé Queizán. Cara a unha poética feminista», este venres 27 no Auditorio Mar de Vigo

25 Maio 2011

Autores,Feminismo,Homenaxes

O próximo venres 27 de maio, ás 20:30 horas, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo, na rúa Beiramar, a presentación do libro Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán. O acto será presentado por Mónica Bar Cendón e intervirán Iolanda Veloso, Camiño Noia e a propia María Xosé Queizán.
O acto está organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UDV, pola Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo e por Xerais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Recensión de Ramón Nicolás sobre «Cara a unha poética feminista: Homenaxe a María Xosé Queizán»

23 Maio 2011

Autores,Homenaxes

O crítico Ramón Nicolás publicou no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión de Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, volume colectivo coordinado por Manuel Forcadela e Camiño Noia. Reproducímola integramente:

María Xosé Queizán en estado puro

Non vou negar que moito me gustaría contarme entre os que lle tributan, a través das páxinas deste volume, un merecido recoñecemento ás distintas dimensións que amosa a traxectoria dunha escritora tan polifacética e suxestiva como é María Xosé Queizán. Con todo, consólame saber que formo parte dun grupo de persoas que, dun ou doutro xeito, quixeron estar malia non ser posible.

O libro, así pois, concíbese desde a perspectiva dos editores como unha achega a unha homenaxe máis ampla que a escritora merecería e organizada desde as instancias do diálogo “coa súa obra literaria e coa súa posición feminista a través de diferentes aparellos analíticos”. Desde xeito, alén dun interesante, e nalgunha medida novidoso, corpus fotográfico distribuído ao longo de todo o libro, son numerosas e moi heteroxéneas as colaboracións que afondan en asuntos que rodean, ou rodearon, os distintos focos de interese ideolóxico, literario ou político da Queizán. Velaí como, no primeiro apartado titulado “Estudos de crítica”, se articula a abordaxe analítica de títulos concretos da autora que foi espallando  no seu percorrido como poeta, narradora, ensaísta ou directora dunha revista tan fundamental como é a Festa da Palabra Silenciada; ademais de acoller outras colaboracións, de vontade máis xeneralista ou global, que asedian aspectos como o seu pensamento ou as ousadías sexuais na súa obra, a carón de análises de fondo filosófico ou verbo do seu pensamento feminista, sen esquecer algunhas outras achegas que presentan motivos que xulgo próximos ou queridos á autora.

Igualmente atractivo resulta o segundo bloque deste libro no que se inclúe unha biografía actualizada da autora de Sentinela, alerta, xunto cunha bibliografia de e sobre a autora, de consulta obrigada desde agora para calquera investigación ulterior. Finalmente, engádense dúas reveladoras entrevistas, ao que parece  unha delas anticipando un traballo maior, nas que se deitan datos, reflexións e referencias de interese xeral, nalgún caso descoñecidas ou escasamente tratadas.

Un derradeiro apartado, epigrafado “Testemuñas e homenaxes”, recolle un feixe de pequenos artigos ditados, maioritariamente, pola emoción e os afectos. Afectos que, desde aquí, traslado á autora a través da lectura deste recomendable libro.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Presentación de «Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial», de María Xosé Queizán, o próximo vernes 6 en Vigo

3 Maio 2011

Ensaio,Presentacións

O próximo venres 6 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar na Casa do Libro de Vigo (rúa Velázquez Moreno, 27), a presentación do libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, da escritora María Xosé Queizán. O acto O acto contará coa participación de Iolanda Veloso, Mónica Bar, o editor Fran Alonso e a propia autora, María Xosé Queizán.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial», de María Xosé Queizán

25 Abril 2011

Uncategorized

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog unha recensión sobre Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán. Reproducimos os principais parágrafos:

Bo estudo sobre un mito universal

A figura do doutor Frankenstein e a súa criatura convertéronse por mor do cine nun dos mitos da cultura contemporánea. María Xosé Queizán analiza neste ensaio dun xeito acaído tanto a creación do mito, como a figura da súa creadora, Mary Wollstonecraft, situada acertadamente no seu ambiente familiar, histórico-cultural, social e tamén afectivo.

A ensaísta comeza por situar a Mary no seu medio familiar. A nai, chamada Mary coma a filla, foi unha das creadoras do feminismo. A vida da nai coincide coa Revolución Industrial e coa Revolución Francesa. Mary, a nai, foi, xunto con Olympe de Gourges, una das creadoras do feminismo co ensaio Vindicación dos dereitos da muller (1792). Previamente tratou de organizar a súa vida cun traballo de seu e sen depender do matrimonio, como mestra dunha escola fundada por ela mesma ou de institutriz. Trata cos escritores e intelectuais progresistas do momento. Visitará Francia para vivir en directo os acontecementos da Revolución.

De volta a Inglaterra, e tras unha relación amorosa traumatizante, vive unha curta etapa de felicididade xunto co intelectual progresista William Gowin, futuro pai de Mary. Tamén analiza a ensaísta, de xeito moi apropiado, algunha das ideas fundamentais de Mary, a nai, como é a da desmitificación da maternidade, tal e como se entende tradicionalmente, ideas que seguen a ser hoxe perfectamente válidas. Mary morrerá precisamente como consecuencia do parto da súa filla tamén chamada Mary.

A nena e adolescente Mary séntese orgullosa das ideas feministas da nai. Queizán presenta moi oportunamente tamén a contradición entre o pensamento progresista do pai de Mary e o seu comportamento cotián. Mary fórmase nas lecturas e na asistencia ás xuntanzas de intelectuais e escritores que se celebran na casa paterna, ás que asisten personaxes tan cualificados como Coledrige. Os libros convértense nos mellores amigos da adolescente Mary, que ata aprende francés para ler na súa propia lingua a Rousseau e Voltaire. Queizán consegue darnos unha visión moi boa do período de formación de Mary.

Nunha das xuntanzas de intelectuais da casa paterna Mary vai coñecer o poeta Percy Shelley, que será o grande amor da súa vida. Malia que Shelley está casado, os dous iniciarán unha relación amorosa, que non rematará ata a temperá morte do poeta.

A seguir, Queizán analiza a vida en común de Shelley-Mary, as viaxes e estadías en Francia, Suíza, Alemaña e Holanda, así como os sucesivos embarazos de Mary e incluso a morte dalgúns dos seus fillos case acabados de nacer. De especial interese é o comportamento machista de feito que mantén non só o pai de Mary, senón tamén o propio Shelley, en franca contradición, como xa indicamos, co seu pensamento progresista. A ensaísta dálle moita importancia a este aspecto e amosa como as dúas Mary, a nai e a filla, foron no seu tempo vítimas dos estereotipos machistas que dominaban na sociedade, incluso no comportamento de homes teoricamente progresistas como o pai de Mary ou o poeta Shelley. Esta parte do ensaio é unha das mellores, para nós, e das máis atractivas e que debía ser de lectura e comentario obrigados en todos os centros de ensino, pois segue a manter, por desgraza, plena actualidade.

Outra parte importante do ensaio dedícase a explicar o proceso de creación e mais á análise da obra literaria que lle dará a Mary filla unha fama universal: Frankenstein, el moderno Prometeo. Queizán analiza a obra dentro das coordenadas ideolóxicas e estéticas en que se move a autora, ofrécenos a visión do mundo que informa a obra e resulta unha análise modélica do que debe ser un estudo dunha obra literaria, sen descoidar o ambiente ideolóxico, social, histórico e mesmo autobiográfico en que se desenvolve o escritor. É un modelo de crítica para seguir, fronte a tanta crítica puramente interna só ao texto que trouxeron a Galicia os semióticos e similares, que non buscan outra cousa que separar as obras do seu contexto histórico, político e ideolóxico.

Se a análise que Queizán fixo da obra de Pondal foi modélica no seu día, esta volve selo e debería ser lectura obrigada para os estudantes de filoloxía e mesmo para os profesores de literatura, pois forneceraos dun método adecuado de análise crítica da literatura para empregar nas aulas, especiamente nas de Secundaria e Bacharelato. Non caben máis neste eido que parabéns para a ensaísta.

(…)

Para rematarmos, só nos queda engadir que estamos ante un verdadeiro ensaio, non unha tese de doutoramento ou similar que se presenta como ensaio. Ademais trata un tema universal desde o galego, co cal se volve a demostrar a universalidade da lingua e cultura galegas, fronte aos representantes do pailanismo (termo do sociólogo Fermín Bouza) ou tuzarismo (termo de Manuel Rivas) que din que o galego e a cultura galega non teñen unha visión dos fenómenos culturais de ámbito universal.

Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Marga Romero sobre «Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial», de María Xosé Queizán

7 Abril 2011

Críticas,Ensaio

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica hoxe unha crítica de Marga Romero sobre Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán. Reproducímola integramente:

Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, último libro de Mª Xosé Queizán, publicado dentro da colección “Ensaio” de Edicións Xerais, detense na biografía de Mary Wollstonecraft Shelley, no seu carácter de orfa e mais na presenza constante da súa nai, a pensadora Mary Wollstonecraft –autora de Vindicación dos dereitos da muller (traducida ao galego por Mª Fe González Fernández para Sotelo Blanco)– quen morreu dez días despois do parto.
Igualmente, sinala María Xosé Queizán o feito de que Mary Shelley fose compañeira e nai das criaturas ideadas por Percy Shelley, asemade que subliña, como non, o feito de ser ela mesma a creadora de Frankenstein, o moderno Prometeo. Polo demais, o ensaio de Queizán, no que ecoa a novela, volve sobre un tema recorrente na obra da escritora galega: trátase da maternidade, que xa centrara outro traballo anterior, Escrita da certeza (Espiral Maior, 1995). A maternidade e o mesmo momento do parto que deixa orfa a protagonista do libro, que case a mata como lle acontecera á súa nai e que mata así mesmo tantas criaturas. Ese binomio nacemento/ morte é o que está detrás da escrita sobre o científico Frankenstein e o seu desexo de crear vida artificial, cuxa autora, entre a herdanza ilustrada e racionalista e o ambiente romántico, ansia “a inmortalidade, ante a morte dos seres queridos”. María Xosé Queizán trasládanos deste xeito ao pensamento da época e mais aos adiantos científicos dos que era coñecedora Mary Wollstonecraft Shelley, o que lle permitiu escribir “unha novela máis ilustrada que romántica” e converter
“a maxia en ciencia”.

Marga Romero

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán», novidade do mes de abril

6 Abril 2011

Autores,Novidades

O libro Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán é unha das novidades do mes de abril. Está coordinado por Manuel Forcadela e Camiño Noia.

Cara a unha poética Feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán é unha sinxela contribución á grande homenaxe que, cremos, merecería a escritora e a cidadá María Xosé Queizán. Con ela, alén de mostrarlle o noso afecto e a nosa empatía, pretendemos dialogar coa súa obra literaria e coa súa posición feminista a través de diferentes aparellos analíticos, incrementando o capital, xa en por si importante, de autores e autoras que teñen deitado a súa ollada sobre a súa obra e sobre o seu discurso teórico.

Herdeira dunha tradición que mestura galeguismo e progresismo, María Xosé Queizán non foi allea, como é sabido, á gran revolución socialista e feminista do noso tempo. Desde moi cedo, a conciencia da inxusta situación social, da subalternidade das mulleres na sociedade patriarcal e da represión que sufrían a lingua e a cultura do seu País foron para ela os motores que, pasiño a pasiño, puxeron en marcha o seu traballo, sen que ningún día deixase de ser o primeiro dun futuro mellor para a humanidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Aínda hoxe un home cun comportamento nefasto cara á súa familia pode ser moi ben considerado a nivel público» di M. X. Queizán arredor do seu libro «Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial»

21 Marzo 2011

Autores,Críticas,Ensaio,Noticias

A xornalista M. Dopico dedicoulle esta fin de semana no xornal Galicia Hoxe unha crónica ao libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán, así como a súa autora. Reproducimos a información íntegra a continuación:

Vencer a morte, devolver a vida

María Xosé Queizán debulla as circunstancias nas que naceu o «Frankenstein» de Mary Shelley

A arela de vencer a morte, devolver os seres queridos á vida. E a necesidade de amar e de ser amado e a dor que causa o rexeitamento social do diferente. Son, segundo María Xosé Queizán, alicerces do Frankenstein, a novela pola que é máis coñecida Mary Shelley. A escritora galega desentraña en Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial todos os factores que explican a creación deste famoso personaxe por unha autora que se debatía “entre a herdanza ilustrada e racionalista e o ambiente romántico”.

A obra, un ensaio con ronsel de novela, afonda non só na figura de Mary Shelley e a súa familia, senón no contexto histórico e en especial no escenario intelectual da época: científicos, artistas… “Foi un traballo de moitos anos. Sempre me interesou moito o Frankenstein de Mary Shelley. Levo moito tempo recollendo material e, si, documenteime moito. O obxectivo é explicar como xorde unha novela tan fantástica, da man dunha escritora tan nova, que ademais tivo unha vida tremenda. Súa nai morreu no parto dela, perdeu fillos, a irmá suicidouse… e a súa novela foi un xeito de optar pola vida, de crear vida ante tanta morte”, indicou Queizán.

Mary Shelley era filla de Mary Wollstonecraft, a autora de Vindicación dos dereitos da muller, un texto fundacional do feminismo. Unha muller que cuestionou xa a distinción entre o público e o privado, adiantándose a Simone de Beauvoir na crítica do mito da maternidade. Como a súa filla, tratou de manter a súa autonomía, aínda que para iso tivese que a contracorrente das convencións sociais. “Mary Shelley fuxiu con Percy Shelley sendo moi nova, e non casaron ata que morreu a muller del. Ela non quería casar, pero el pensou que así podería quedar cos fillos. Ela enfrontouse á sociedade totalmente. Escribía nesa soidade…, como o fixo Rosalía. Rompeu con todo, e morréronlle varios fillos, tivo abortos… a causa do xeito de vida romántico que levaban, sempre viaxando…”, engadiu.

Mary, que era unha persoa interesada nos avances científicos, sabía, deste xeito, que a criatura da súa novela non podía ser un ser humano máis, porque a sociedade non o admitiría nun tempo no que a Igrexa reivindicaba, como agora, para Deus a orixe da creación. “Ela sabía que iso non sería aceptado nin polos seus propios compañeiros. Por iso a criatura do doutor Frankenstein só podía ser un monstro. Hoxe a Igrexa segue a defender o mesmo, e preocúpase máis por un óvulo no útero dunha muller que pola muller mesma”, sinalou.

O libro pon de manifesto tamén a contradición entre os elevados ideais dos románticos e o abandono dos seres queridos que ás veces a entrega ós mesmos supoñía. “Iso pasa aínda hoxe”, comenta Queizán. “A figura do pai coidador é moi recente. E aínda hoxe un home cun comportamento nefasto cara á súa familia pode ser moi ben considerado a nivel público”. A dicotomía, e á súa vez a convivencia, entre paixón e razón, nas mesmas persoas, é outro dos alicerces da tese formulada polo ensaio.

DATOS

A proposta para a RAG “non me preocupa, chega un pouco tarde”

Queizán foi proposta desde o Concello de Vigo, co posterior apoio doutros concellos e das sinaturas de 400 persoas, para ocupar unha das vacantes da Real Academia Galega. Sobre esta cuestión, comenta que “estou disposta a denunciar, claro, a pouca presenza das mulleres nas institucións. A RAG tivo que recibir a proposta de fóra. E no aspecto personal non é un tema que me preocupe. Xa é un pouco tarde, aínda que asumiría a responsabilidade xa que así o propuxeron os concellos e toda a xente que asinou”.

OPINIÓNS

A Lei de Familia, “volta atrás”

Queizán apunta no libro cuestións como a desigualdade da muller no mundo laboral ou doméstico. “A Lei de Familia é unha volta atrás. E ademais isto repercute moito na sociedade”, opina.

Volve o discurso da lingua bonita

O seu libro A muller en Galicia, no que establece un paralelismo entre a opresión da muller e da lingua galega, volve estar moi de actualidade. “O que se infravalora preséntase como algo fermoso…”, comenta.

M. Dopico

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial», de María Xosé Queizán, novidade do mes de febreiro

23 Febreiro 2011

Autores,Ensaio,Novidades

O libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán, publicado na colección Ensaio, é unha das novidades de Xerais para este mes de febreiro.

A escritora británica Mary Wollstonecraft Shelley espertou cedo o interese dos estudos feministas. A súa completa educación, pouco habitual nas mulleres da época, permitiulle crear a figura literaria de Frankenstein. Nese ensaio, a escritora María Xosé Queizán, coa excelente pulsión literaria que a caracteriza, adéntrase na personalidade da creadora británica, convidándonos a unha viaxe a través da súa biografía, a través do contexto sociopolítico do seu tempo, da revolución industrial, e tamén en torno ao poder que emana do seu personaxe de ficción, o imperecedoiro Frankenstein e o seu significado posterior. Mary Wollstonecraft Shelley herda da súa nai, a autora da Vindicación dos dereitos da muller, morta dez días despois do parto, a súa conciencia feminista e a busca dun racionalismo ilustrado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Randea o alento», de Herta Müller; a novela vista por María Xosé Queizán

2 Febreiro 2011

Críticas,Narrativa

Enlazamos as magnificas palabras de María Xosé Queizán sobre Randea o alento, a novela de Herta Müller, na presentación do libro na librería Andel, reproducidas no blog de Feministas Independentes Galegas. Poden lerse completas no blog de FIGA. Reproducimos un pequeno extracto:

Teño reflexionada sobre o feito de que en momentos de grandes traxedias e sufrimentos colectivos pode haber persoas que encontren a felicidade. Cantas e cantos non se terán namorado nun refuxio antiaéreo protexéndose das bombas, ou nun furgón que os leva á cadea ou a un campo de concentración! Cantas persoas non forxaron na guerra fondas amizades… É marabilloso que as persoas sexan quen de vivir momentos de felicidade e de pracer, rodeadas dos desastres e a dor do contorno, ou de salvar o altruísmo, a amizade, o amor en tempo de odio. Trátase do azar desafiando á necesidade.
O protagonista desta novela desexa formar parte da leva que o obrigará, despois da Guerra, a padecer os rigores, as torturas e as humillacións nun campo de traballo ruso, onde os rusos recluían os alemáns. O desacougo da familia é grande ao despedir a un rapaz de 17 anos para un destino cruel. Non poden evitar pensar que o están vendo por última vez. Menos a avoa que vaticina: “Ti vas volver”. Esa afirmación da avoa dálle azos ao protagonista para resistir a tortura e, así mesmo, concede tensión á novela. Pensar que o protagonista se pode salvar propicia a lectura.
(…)
Herta Müller en Randea do alento, alento dun padal de fame, relata a verdade espida, o material acontecer das cousas, a realidade con toda a crueldade e coas palabras precisas.
Palabras que transporta en galego Marga do Val, coa mestría, a forza, a beleza que a caracteriza. Sabemos que debeu ser un traballo moi difícil, pero cando traduce as palabras da autora “suaba na xeada e xeaba no suor” eu escoito a Marga Doval.
Chuzame! A Facebook A Twitter

«Randea o alento», presentación o venres 14 na librería Andel de Vigo

7 Xaneiro 2011

Narrativa,Premios,Presentacións,Traducións

A libraría Andel acollerá o próximo venres 14 a presentación da novela  Randea do alento, da premio Nobel alemana Herta Müller, traducido pola escritora galega Marga do Val. O acto, que contará coa participación de María Xosé Queizán,  Valentín Arias, Marga do Val e Manuel Bragado,
terá lugar o vindeiro  ás 20,00 horas. A libraría Andel está na rúa Pintor Lugrís, 10, enVigo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Novelas e relatos de aprendizaxe e iniciación

23 Novembro 2010

Crónica,Narrativa

O xornal El Correo Gallego rememora hoxe, nun texto asinado por Mar Fernández Vázquez, a importancia das novelas e relatos de aprendizaxe e inciacion durante os anos 80.

Novelas e relatos de aprendizaxe e iniciación

É tamén nesta década dos oitenta cando comezan as novelas e relatos de aprendizaxe e iniciación, un tipo de narracións que presentan a busca da identidade por parte dun personaxe a través da súa formación intelectual, moral e sentimental. Nelas, o protagonista realiza o paso da mocidade á madureza a partir da experiencia alcanzada despois de superar as dificultades e riscos dunha viaxe, exterior ou interior, na que será axudado por un conselleiro e guía, obxectos máxicos ou amuletos. Entre estas narrativas, dirixidas sobre todo ao lectorado xuvenil, publicadas maiormente a flnais da década, destacan as achegas realizadas por escritores e escritoras xa coñecidos na literatura de adultos tales como O segredo da Pedra Figueira (Tintimán, 1985), de María Xosé Queizán; Arnoia, Arnoia (Edicións Xerais de Galicia, 1985), de Xosé Luis Méndez Ferrín; Libro das viaxes e dos soños (Galaxia, 1986), de Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962-1986) e Talismán dos druídas (Galaxia, 1989), de Pepe Carballude, obras que se constrúen sobre todo a partir de elementos mitolóxicos e de trazos que ofrecen datos sobre a identidade galega, moitas veces comparándoa con outras culturas.

Mar Fernández Vázquez

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Concello de Vigo propón a María Xosé Queizán como académica da RAG

26 Outubro 2010

Autores,Noticias

O Xornal de Galicia recolle hoxe a nova de que «a Corporación viguesa aprobou por unanimidade no pleno deste luns apoiar a candidatura de ingreso de María Xosé Queizán na Real Academia Galega (RAG), polo seu “activismo cultural” e o seu “valor humano e intelectual”. A comisión informativa de Xestión Municipal ditaminou favorablemente o pasado 18 de outubro sobre este asunto e, este luns, co voto positivo de PSOE, BNG e PP, o Pleno acordou por unanimidade apoiar a candidatura da escritora».

Segundo informa o Xornal de Galicia, «a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, explicou que o Consello Municipal da Muller propuxo a María Xosé Queizán como aspirante a entrar na RAG, unha institución na que actualmente só hai catro mulleres, despois do falecemento da historiadora ourensá Olga Gallego Domínguez».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Randea do alento», presentación hoxe na Biblioteca Municipal de Tui

5 Outubro 2010

Narrativa,Noticias,Traducións

Randea do alento, a última novela da Premio Nobel alemana Herta Müller, traducida ao galego por Marga do Val para Xerais, preséntase esta tarde na Biblioteca Municipal de Tui. O acto terá lugar ás 20 horas e nel participará a propia tradutora, así como María Xosé Queizán, escritora e directora da colección As Literatas, de Xerais; e Montserrat Bascoy Lamelas, doutora en filoloxía xermánica.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Praia, montaña ou pluma?

25 Agosto 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Ao longo deste mes de agosto, Adrián Gondar ven publicando no xornal Galicia hoxe unha serie de entrevistas con escritores e escritoras galegos baixo a denominación de «Praia, montaña ou pluma?» Eis os enlaces dalgunhas das máis recentes de tan magnífica xeira:

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Narradoras para o século XXI» por Teresa Cuíñas

25 Xuño 2010

Autores,Narrativa,Reportaxes,Xerais_nos_medios

A LITERATURA SAÚDA A UNHA NOVA XERACIÓN DE MULLERES PROSISTAS

Dezaoito anos despois da súa creación, en 2001 o Premio Xerais de Novela, o de maior dotación económica en lingua galega, distinguiu, por vez primeira, unha obra escrita por unha muller. A Marilar Aleixandre, con Teoría do caos, tocoulle estrear un palmarés cuxa lectura diacrónica indica a invisibilidade das producións de autoría feminina e a escasa nómina de narradoras. Desde a inauguración do marcador até hai quince días, cando se resolveu a XXVII edición do certame a favor de Periferia, de Iolanda Zúñiga, as premiadas son seis. Este feito natural e predecíbel é aínda rechamante, por inédito, para os mediadores (editoriais, crítica e prensa) do sistema literario, e así llelo comunican aos lectores a través das canles de difusión. A perspectiva histórica ten a encarga de ofrecer as ferramentas axeitadas para a análise das traxetorias, das vixencias e das repercusións desde o futuro cara ao contexto actual.

“Temos canteira”, aseverou o director da editorial Xerais, Manuel Bragado, na noite dos premios. A expresión aludía á renovación xeracional da cultura galega, que posibilita a continuidade do traballo desenvolvido por diferentes axentes en eidos diversos, e, en particular, espella a relevancia das achegas literarias asinadas por mulleres, tan diversas e diferenciadas como imprescindíbeis no camiño da normalidade sociolóxica. “Supón unha esperanza nun intre no que semella que se nos quere negar a existencia e o futuro da lingua e da cultura galegas”, reflexiona o editor.

Visibilidade, encontro cos lectores e estímulo, os premios literarios son marcadores decisivos tamén no universo literario galego que as prosistas están empregando para crearen cadansúa imaxe autorial. “Os premios, como a posibilidade de publicar en revistas, forman parte de políticas de fomento á creación en galego que, no meu caso e no de moita outra xente, supuxeron un incentivo”, explica a escritora e xornalista Rosa Aneiros. Por un galardón, ao que a presentou un dos seus profesores de instituto, empezou a publicar unha Inma López Silva aínda adolescente. “Case todas as obras que publiquei ou vou publicar foron gañadoras ou finalistas de premios. Non quero dicir que publicar á marxe dos premios sexa difícil ou fácil; simplemente non sei como é, porque para min a saída natural para o que ía escribindo foi sempre mandalo a certames”, conta Eva Moreda, gañadora do Premio Terra de Melide 2010 con A Veiga é como un tempo distinto, unha novela ambientada na emigración galega en Londres, onde a autora está a residir. “Levo anos escoitando que a emigración é un tema trillado demais na literatura galega, e cando vivía en Galicia pensaba o mesmo, pero unha vez fóra, cando ti mesma estás experimentando, aínda que desde outra perspectiva, os sentimentos e emocións que viviron os que emigraron antes ca ti, paréceche inmediato e real”, recoñece.

Xerais publicou en 2000 a compilación Narradoras, volume inaugural da colección Abismos, destinada a acoller publicacións en prosa de carácter experimental. Ao coidado do escritor Fran Alonso, o libro reúne 25 relatos inéditos de escritoras galegas, algunhas autoras novas e outras consolidadas. Na súa presentación, Narradoras constaba como a primeira antoloxía de narrativa galega escrita por mulleres coa intención declarada de reflectir a formación dun corpus literario “que sen dúbida marcará o futuro da literatura galega”. A autodefinición como “comezo posíbel”, explícita no prólogo, indica a sensación de estar traspasando portas pechadas.

“Aínda que abrangue textos de desigual calidade”, observa a crítica literaria Dolores Vilavedra, “o libro provocou un efecto de bóla de neve que demostrou a eficacia deste tipo de estratexias de planificación cultural para facer visíbeis as escritoras”. A aparición de Narradoras e o Xerais de Aleixandre son os fitos cos que Vilavedra traza a fronteira cronolóxica do que denomina “a primeira xeración de narradoras da literatura galega”, nacidas a partir da década dos 70 ou que empezan a publicar no abrente do século XXI: “Non houbo xeración anterior, escritoras como María Xosé Queizán, Marina Mayoral ou Úrsula Heinze, primeira gañadora do premio Blanco Amor en 1994, foron pioneiras, case francotiradoras. Agora si existe un corte xeracional nestas autoras: comparten un perfil biográfico, constitúen un grupo dinámico e estabelecen relacións dialécticas e fructíferas neste momento” …

Fragmentos do artigo de Teresa Cuíñas publicado nas páxinas de «Luces» de El País Galicia o 25 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Ler é sexy» por Dolores Vilavedra

Autores,Críticas,Noticias,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios


Por se non o sabían. Ademais de moitas outras cousas, todas elas moi louvables, ler é sexy. Graciñas a Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de novela 2010, por lembrárnolo na camiseta que vestía cando recolleu o galardón. Unha ás veces esquece ese tipo de obviedades, sobre todo nos tempos que corren. Moitas fomos á Illa de San Simón pouco predispostas á autocompaixón choromiqueira, e con pouca vontade de mentar -nin para criticalo!- este goberno da pataqueira que nos tocou. Iso sería case unha aldraxe a lugar tan fermoso e á memoria sagrada que a illa garda. E velaí que as palabras que soaron foron outras. Iolanda Zúñiga levantounos a autoestima ao sinalarnos o roteiro que nos leva ao futuro: fe no que somos, entusiasmo polo que facemos, curiosidade para deixarmos á marxe os vieiros rozados e confianza na nosa capacidade para mudar as cousas. Ese é o caderno de bitácora das novas xeracións que están xa a tecer a rede da cultura galega de hoxe, de mañá. Alí, en San Simón, víronse este ano moitas caras novas, moitos mozos e mozas que no currículum só teñen afouteza e creatividade, pero que nos están a devolver a esperanza. Facédesnos falla para non sucumbirmos á síndrome de liliput que os nosos gobernantes teiman en nos inocular.

Que dúas mulleres gañasen o Xerais e o Merlín é un feito que non debera sorprendernos, pois espella o protagonismo que están a ter na nosa literatura, visualizado tamén no feito de que Fina Casalderrey actuase coma mantedora do acto. Pero entre Iolanda Zúñiga e Teresa González Costa hai máis coincidencias, comezando polas xeracionais. Elas son xa froitos logrados da Xeración Merlín, esa que se iniciou á lectura en galego hai vintecinco anos da man de Úrsula Heinze, de An Alfaya, de Gloria Sánchez…. Público novo do trinque, que debulla nas letras coma quen rilla chocolate e do que saíron docentes entusiastas, lectores apaixonados e escritoras coma Iolanda e Teresa. Si, se cadra, a historia da literatura, tan amiga ela de etiquetas, terá que empezar a falar da Xeración Merlín. Porque, se o futuro está na mocidade, cómpre lembrarmos que temos historia. E o 13 de xuño, en San Simón, celebramos tamén as vintecinco primaveras que cumpriu o Premio Merlín de literatura infantil.

Non sei se os aires da ría levarían ata Cangas do Morrazo as voces ledas da illa. Se así foi, seguro que os señores da Academia Galega alí reunidos para recibir ao poeta Bernardino Graña tomaron nota dos ventos que corren. A próxima vaga, para unha muller. Por se queren ideas, velaquí van algunhas: María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Ana Romaní. Xa digo, só algunhas. Ah, e por se dubidan do que lles digo e pensan que iso de “ler é sexy” non é máis que márquetin, bótenlle un ollo a un libro que se titula As mulleres que len son perigosas, de Stefan Bollmann. Seguro que se convencen. Dolores Vilavedra

Fragmento do artigo publicado por Dolores Vilavedra nas páxinas de «Luces» de El País Galicia de 25 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O segundo sexo en galego» por María Xosé Queizán

16 Xuño 2010

Críticas,Ensaio,Traducións,Xerais_nos_medios

A obra da filósofa Simone de Beauvoir consta de dúas partes: a primeira, Os feitos e os mitos, foi publicada por Xerais no 2008. Agora preséntase o segundo tomo: A experiencia vivida. A extensa obra foi traducida ao galego por Marga Rodríguez Marcuño asesorada no aspecto filosófico por África López. Sei o inxente traballo que supuxo esta tradución, e confío en que ha ser a mellor expresión da autora noutra lingua, dado o coñecemento da Marga de ambas as linguas e o esmero e rigorosidade coa que traballa. Unha sorte para a nosa cultura. Esta segunda parte está máis achegada á realidade. Estuda a infancia, a mocidade, a madureza, a vellez, feminina; a súa situación social, de casada, nai ou prostituída; a sexualidade, o lesbianismo… Todas as experiencias na vida das mulleres son analizadas con intelixencia. A obra considérase un texto fundacional do feminismo do s. XX. A pesar dos máis de 60 anos transcorridos desde a súa publicación, ten o valor de todo discurso certeiro e universal. Parte do Fondo Común, o nome que lle dá ao que pouco despois sería definido como Patriarcado, e desde esa razón elabora un discurso afastado do esencialismo no que ser muller non é un arquetipo senón unha consecuencia cultural, produto da civilización. É unha ser en situación. A situación actual é máis libre, teñen máis formación, acceso ao traballo, á economía ou á sexualidade. O descubrimento da píldora anticonceptiva foi posterior á súa publicación, e supuxo unha gran liberación. As mulleres saíron do mundo privado e xa poden apreixar o universo en soberana soidade como ela aspiraba. María Xosé Quiezán

Artigo publicado n’ A Nosa Terra o 14 de xuño de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O segundo sexo» de Simone de Beauvoir, presentación en Vigo

9 Xuño 2010

Ensaio,Noticias,Presentacións,Traducións

Mañá, 10 de xuño, ás 20:00 horas, presentarase na Casa Galega da Cultura de Vigo (praza da Princesa s/nº) a tradución para o galego do libro de Simone de Beauvoir O segundo sexo realizada por Marga Rodríguez Marcuño. No acto, organizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo, acompañarán á tradutora Carme Adán, María Xosé Queizán, Fran Alonso e Iolanda Veloso, concelleira de Igualdade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Feministas galegas», presentación en Pontevedra

18 Maio 2010

Crónica,Noticias,Presentacións

Mañá, mércores 19 de maio, ás 20:00 presentarase no Café Moderno de Pontevedra Feministas galegas. Crónica dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. O acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, a Fundación Caixa Galicia e Xerais, contará coa participación de María Xosé Queizán, Manuel Bragado e a autora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Conferencia de María Xosé Queizán sobre «Amor de tango»

8 Abril 2010

Autores,Conferencia,Narrativa,Noticias

O vindeiro luns, 12 de abril, ás 20.00 horas a escritora María Xosé Queizán ditará unha conferencia no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo arredor de «Amor de tango e o Vigo da primeira metade do século XX.»

En Amor de tango María Xosé Queizán ofrece unha novela que reconstrúe o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot, unha das protagonistas. É a novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo. É a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra. É a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas están ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría. É a novela dos trasatlánticos, das fábricas de salazón, do Cable Inglés, das grandes Navieiras, da emigración, do Berbés. Memoria viguesa, intimismo, historia miúda e persoal e retratos construídos desde un eficaz realismo constitúen os eixos sobre os que gravita este fermoso e inesquecible canto a Vigo e as mulleres que a poboaron.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Feministas galegas», presentación en Vigo

18 Marzo 2010

Crónica,Presentacións,Xerais_nos_medios

Faro de Vigo informa da presentación de Feministas galegas realizada onte na Libraría Librouro de Vigo. Na foto de R. Grobas, aparece a autora, Mónica Bar Cendón, rodeada da escritora María Xosé Queizán e a catedrática Camiño Noia, participantes nun acto moi concorrido.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mónica Bar Cendón, entrevista n’ «A Nosa Terra»

16 Marzo 2010

Autores,Crónica,Entrevistas,Presentacións,Xerais_nos_medios

Mónica Bar Cendón, autora de Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, é entrevistada por Mar Barros para a A Nosa Terra. O libro será presentado mañá, mércores, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo, contando coa participación da autora, María Xesús Queizán e Camiño Noia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Feministas galegas»: a historia que faltaba por contar

14 Marzo 2010

Crónica,Noticias,Presentacións,Reportaxes,Xerais_nos_medios

Teresa Cuíñas, baixo o título «Unha historia que faltaba por contar», publica unha moi interesante reportaxe en El País Galicia arredor do libro Feministas galegas. Clave dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. Estte libro será presentado o vindeiro mércores, 17 de marzo, ás 20.00 horas naLibraría Librouro de Vigo. No acto acompañarán á autora, Camiño Noia, María Xosé Queizán e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Feministas galegas», presentación en Vigo

10 Marzo 2010

Crónica,Noticias,Presentacións

O vindeiro mércores, 17 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo (rúa Eduardo Iglesias 12) presentarase o libro de Mónica Bar Cendón Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha. Acompañarán á autora, María Xosé Queizán, Camiño Noia e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán en Carral

8 Marzo 2010

Autores,Conferencia,Noticias

A Concellería de Cultura do Concello de Carral organiza para o vindeiro xoves, 11 de marzo, nas instalacións da Biblioteca Municipal un coloquio coa escritora Mª Xosé Queizán arredor do tema «Litertura e feminismo».

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán conversa con Vidal Villaverde

11 Xaneiro 2010

Autores,Entrevistas,Xerais_nos_medios

Galicia hoxe publica a longa conversa que a escritora María Xosé Queizán mantivo con Manuel Vidal Villaverde. Un texto interesante no que se abordan moi diferentes cuestións, dende a súa traxectoria autora á situación actual da lingua e literatura galegas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Herta Müller recibirá o Nobel o 10 de decembro

9 Decembro 2009

Autores,Narrativa,Noticias,Premios,Traducións,Xerais_nos_medios

Moi interesantes son as declaracións realizadas en Estocolmo por Herta Müller, días antes da cerimonia de entrega do Premio Nobel de Literatura. A escritora alemá, de nacionalidade romanesa e pertencente á minoría suaba, síntese «filla do desarraigamento»: “A miña casa era a miña casa, pero se es perseguida, se estás asustada, non tes sensación de fogar” explicou. A vida dunha familia como a súa que espera en Romanía os visados para trasladarse a Alemaña quedou plasmada maxistralmente en O home é un grande faisán no mundo, novela traducida por Franck Meyer e publicada por Xerais na serie «As Literatas» dirixida por María Xosé Queizán.

No espazo web da Academia Sueca pode baixarse en pdf o discurso («Cada palabra sabe algo sobre o círculo vicioso») que lerá Herta Müller na cerimonia oficial de entrega dos Premios Nobel, que se celebrará o próximo 10 de decembro, coindicindo co aniversario da morte do seu fundador, Alfred Nobel.

Na primavera vindeira aparecerá en Xerais Narrativa, coincidindo coa súa publicación en castelán e catalán, a máis recente novela de Herta Müller, Atemschaukel, traducida do alemán por Marga Romero. A novela, cualificada por algúns críticos alemáns como obra mestra, está protagonizda por leo, un mozo de dezasete anos, que narra os cinco anos de inferno que pasou nun campo de traballo soviético.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Herta Müller, Nobel en galego»

11 Outubro 2009

Autores,Natureza,Premios,Traducións,Xerais_nos_medios

Manuel Bragado publicou en Faro de Vigo un artigo sobre a concesión do Premio Nobel de Literatura á escritora alemá Herta Müller e a edición en galego realizada por Xerais dunha das súas novelas, O home é un grande faisán no mundo.

Os dous Nobel anunciados esta semana provocaron sorpresa inicial e polémica posterior en todos os medios. O de Literatura, outorgado pola Academia Sueca a Herta Müller, escritora alemá de nacionalidade romanesa, a pesar de ser unha das escritoras máis lidas en Alemaña, por non tratarse dun deses nomes do universo das letras que un ano si e outro tamén se repiten nas quinielas do máis popular e mellor dotado premio literario do mundo. O da Paz, outorgado polo Comité Nobel Noruegués do Parlamento Noruegués a Barack Obama, polo feito discutible que apenas en nove meses de mandato o presidente estadounidense –sen quitarlle mérito ningún a algunhas das súa iniciativas e discursos e sen esquecer as súas vacilacións en Guantánamo e Afganistán– fose considerada “a persoa que traballou máis ou mellor a prol da fraternidade entre as nacións, a abolición ou redución dos exércitos existentes e a celebración e promoción de procesos de paz”. Sexa coma fose, nun caso coma noutro, a “polémica” provocada pola decisión de ambos os dous xurados nórdicos alenta a popularidade e consolida a influencia duns premios centenarios creados polo inventor da dinamita.
No entanto, ten particular interés e significado para nós o premio concedido a Herta Müller, escritora que descubrimos en 2001 da man de María Xosé Queizán, a directora da serie “As literatas” de Xerais, que nos propuxo editar a novela O home é un grande faisán no mundo. Soubemos, entón, grazas ao estudo introdutorio preparado por Marga Romero, boa coñecedora da literatura alemá contemporánea, da traxectoria desta muller nacida en Nitzkydorf, localidade do Banato, antiga república centro europea hoxe dacabalo de tres estados Romanía, Hungría e Serbia, onde vive dende o século XVIII unha importante comunidade suaba que mantén a súa lingua, costumes e crenzas alemáns. Soubemos da peripecia biográfica desta narradora e poeta da comunidade suaba do Banato, formada na Universidade de Timisoara e perseguida polo réxime de Nicolae Ceausescu tras a publicación incompleta (chapodada pola censura) en 1982, cando traballaba como profesora, do seu primeiro libro Niederungen (Tierras bajas, a súa primeira obra en castelán, editada en 1990 por Siruela), quince relatos localizados nun mundo rural pechado e opresivo, espazo literario de boa parte das súas obras posteriores. Tras negarse a traballar para o servizo secreto romanés, prohibíuselle publicar na súa terra natal, foi perseguida tanto na súas actividades profesionais coma privadas e foi elixida como Representante da Minoría Suaba de Romanía, o que a obrigará en 1987 a fuxir a Berlín, cidade na que se instalou e na que, dende entón, desenvolveu a súa actividade literaria. En 1995 ingresou na Academia da Lingua Alemá e, dende entón, recibiu algúns dos premios literarios alemáns máis coñecidos.
Máis alá de ter noticias sobre a heroica traxectoria biográfica desta autora perseguida pola ditadura romanesa, que ademais de defender os dereitos da minoría suaba á que pertence, tamén o fixo cos do pobo cigano, aconsello achegarse a súa única obra dispoñible polo momento entre nós, a novela O home é un grande faisán no mundo (editada en galego por Xerais e en castelán por Siruela); un fermoso título recollido dun refrán romanés que para Marga Romero “traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido en voar verdadeiramente, á torpeza e desgracia do home”. Esta narración, indubidablemente triste, é o relato poético da espera interminable dunha familia suaba, nacida no Banato, que agarda por un pasaporte que lle permita emigrar a Alemaña. Un relato fermoso sobre unha fuxida, onde está sempre presente unha paisaxe abafante poboada por animais e vexetais que nos transmiten crenzas populares, que nos dan conta da vida deses seres que como o faisán no mundo son sufridores dos golpes da vida. Argumento achegado á peripecia biográfica de Müller, que acabamos de relatar, e onde están presentes os temas que lle son propios: os territorios do desamparo, da pobreza e da exploración das fronteiras, de todas as fronteiras, dende as xeográficas, lingüísticas, políticas ás mentais. Un relato narrado por medio dunha prosa poética moi coidada na que percibimos unha permanente tensión entre o relato da vida cotián e a reflexión sobre a realidade política. Un libro clave para coñecer á Nobel.
Comentario á parte merece que unha vez máis, o noso humilde sector da edición en galego, estea presente nesta festa mundial da literatura que é o Nobel. Xa é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Nobel recae nun autor ou autora con obra que publicamos previamente en galego. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en 2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller. Unha fachenda para todos. Manuel Bragado

Chuzame! A Facebook A Twitter
Older Posts »
Olark Livehelp