Crítica sobre «A princesa Sabela», de Cornelia Funke, no blog Trafegando ronseis

14 Marzo 2011

Álbums,Blogs,Críticas,Infantil

O blog Trafegando ronseis incluíu o sábado unha crítica sobre A princesa Sabela, de Cornelia Funke. Reproducímola a continuación:

Tan pronto como vin na libraría un álbum ilustrado publicado por Xerais, xa o collín. Neste caso é unha tradución dun libro que xa ten uns aniños (é do 97), a súa autora é Cornelia Funke e as ilustracións son de Kerstin Meyer. A princesa Sabela é un conto divertido que fala do aburrido que é ser unha princesa que nada ten que facer e loa pola contra o traballo e o feito de ser cadaquén independente. Claro que o comentario aquí pode variar: cando o lemos na aula o alumnado, que ten que traballar arreo ao saír do instituto, exclamou: “iso porque non ten que traballar! Se o tivese que facer todos os días non lle había gustar tanto”. Así que xa vedes, o mundo é moi diferente segundo o cristal con que o miremos. Porque vendo o que vemos cada día na nosa sociedade, semella que ao que se aspira é, precisame

«A princesa Sabela», de Cornelia Funke, novidade do mes de marzo

7 Marzo 2011

Álbums,Infantil

O álbum A princesa Sabela, da escritora alemana Cornelia Funke (da que Xerais publicou recentemente Reckless), ilustrado por Kerstin Meyer e en tradución de María Xesús Bello Rivas, é unha das novidades de Xerais do mes de marzo.

Que aburrido é ser unha princesa! Sabela está farta de que llo dean todo feio, de ter que sorrir decote e vestir roupas bonitas e súper limpas. Ela quere poder subir ás árbores, meter o dedo no nariz, vestirse e peitearse soa… Unha mañá, cansa de ser unha princesa, decide guindar a súa coroa ao estanque dos peixes. O rei, como castigo, ordena que Sabela traballe na cociña de palacio e no cortello dos porcos. Que divertido! Nunca fora tan feliz!

Encontro dixital sobre «Reckless» con Cornelia Funke, que tratará os contos galegos

15 Decembro 2010

Entrevistas,Narrativa,Traducións,Xuvenil

Os lectores de El País mantiveron onte un encontro dixital en directo sobre Reckless. Carne de pedra, a última novela de Cornelia Funke lanzada en galego por Xerais simultaneamente ao seu lanzamento mundial.

Durante o encontro, unha lectora dille que leu Recless en galego e pregúntalle á autora se non ten pensado vir coñecer Galicia. Ela non o descarta, e asegura que no seu cuarto libro, no que tratará os contos populares españois, lle dedicará especial atención aos contos galegos.

«Reckless», de Cornelia Funke: crítica de Marga Romero

25 Novembro 2010

Críticas,Xuvenil

O suplemento literario Faro da Cultura, do Faro de Vigo, publica hoxe unha recensión crítica de Marga Romero sobre a novela Reckless. Corazón de pedra, de Cornelia Funke. Pódese baixar en pdf. Reproducímola integramente:

Feliz galano

Viaxar, cando toda a terra é dos contos

Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña,1958) foi máis feliz cando o pasado 14 de setembro presentou a súa última novela, Reckless. Carne de pedra, traducida a doce idiomas; entre eles, desde logo, o noso. En galego, en efecto, contamos tamén con Os irmáns corazón de León de Astrid Lindgren, a autora sueca que dignificou a concepción da literatura infantil e xuvenil. De Lindgren bebeu Cornelia Funke, para a concepción das súa obras, como bebe desa literatura tradicional: a rescatada polos irmáns Grimm, cun labor de investigación, que se achegou ao etnográfico, seguindo os preceptos do que se chamou “Naturpoesie”, poesía do pobo, considerada anterior e superior á “Kunstpoesie”, a lírica artística da literatura culta.

Agora, nesta aventura na que hai moito da propia vida dos Grimm, convertidos nos irmáns Jacob e Will Reckless, Cornelia Funke, consegue cunha lingua de alto lirismo (que se mantén na versión en galego): xuntar a “Naturpoesie” e a “Kunspoesie.”

A aventura de Jacob Reckless na procura do seu irmán para que este regrese á súa natureza humana, convertido pola fermosa Fada Escura nun Goyl de xade, ten moito que ver coa investigación dos Grimm para devolvernos historias de nós. Porque o Goyl de pedra de xade, fermoso, perde a conciencia do seu amor por Clara, porque na vida como nos contos achamos milleiros de obstáculos no camiño, Lorelays que matan con cantos, cabelos de Rapunzel que se converten en cordas para salvarnos, moitos Barbaazuis que matan mulleres, a espiña dunha rosa que detén o tempo co sono, falsos enganos das fadas, casas nas que somos Hänsel e Gretel, paisaxes que nunca imaxinaramos e un bico que nos ata a vida. Por iso temos que ler este libro de Cornelia Funke, para non sermos de pedra e agradecer,contra todas as malas fadas,que na lingua non se chanten as trillas. Un bo galano para tempos de Nadal, sempre de contos.

Marga Romero

«Reckless»: Pel de aventura, crítica de Xosé Manuel Eyré

4 Outubro 2010

Críticas,Fóra de Xogo,Xuvenil

O crítico Xosé M. Eyré publica en A Nosa Terra unha extensa recensión sobre Reckless. Carne de pedra baixo o título de «Pel de aventura»:

De todos os segmento ou nichos literario-editoriais, aquel peor definido é o que comprende os títulos de obras que, sendo pensados para lectores novos, ofrecen unha lectura “adulta” tamén moi recomendábel ao fuxiren do simplismo que en principio se sospeita en textos que non cómpre moito transfondo cultural previo para descodificalos. Seguramente debido á súa pouca utilidade, pois toda, absolutamente toda a literatura pode e debe ser ofrecida como lectura aos máis novos, a menos que os queiramos de entendedeiras reducidas. Nunha ocasión como esta de hoxe, certamente serviría para evitar este circunloquio  preliminar, mais…

Aquilo que singulariza Reckless. Carne de pedra, a última da reputada autora alemá Cornelia Funke, presentada a mediados de setembro para todo o mundo e nunha ducia de linguas, entre elas, pese a quen pese, o galego, é a intelixencia, sensibilidade, ambición e vontade intervención literaria que, sobre todo, se desprende dun recurso que, en mans con menor sapiencia contadora, non pasaría dun refrito paródico can afán avetureiro á moda, e que non é outro que o apelo narrativo a títulos clásicos da literatura para os máis pequeniños. A Cincenta, A bela dormente, A bela e besta, Polgariño, Alicia no país das marabillas, Viaxe ao centro da terra, Brancaneves, Hänsel e Gretel, Rapunzel… son títulos doadamente recoñecíbeis na lectura desta novela, a carón doutros, xa de literatura adulta, como Tristán e Isolda ou A Odisea. Non se trata, como indicamos, de ningunha operación de collage oportunista. Reckless. Carne de pedra reúne elementos de todos eles porque foron aparecendo ocasións, ao logo da escrita, en que cumpría homenaxear moitos deses contos que forman parte da nosa cultura, individual, colectiva e occidental, máis querida. Cun propósito que, englobándoo, vai alén da emotiva homenaxe, pois forman parte da materia narrativa da novela e están empregados cunha vontade contrastiva que redimensiona por completo o discurso, un discurso de fondo ao Tolkien (por empregar unha alusión plástica) que ofrece a posibilidade de comprobar como os contos infantís clásicos, en determinadas circunstancias, se poden volver auténticos pesadelos, auténticos contos de terror, tan fraca é a liña que os separa. Un procedemento contrastivo manexado con moita habilidade, habilidade que o transforma cun recurso narrador fundamental, e que volve atraente en grao sumo unha historia que, sen el, non pasaría doutra aventura seguindo os gustos do século.

Polo demais, a historia que conta a novela de Cornelia Funke conta cos elementos típicos (digan tópicos, se queren) dos best-seller correspondentes. Hai, moi remarcadamente, maxia, aventura, amor, seres extraordinarios (por suposto) á par doutros humanos e inclusive vexetais, tesouros, amuletos, reis e princesas, guerras e exércitos, tesouros, peregrinatios e procuras, terras inhóspitas e ameazantes…

Todo comeza cando Will pasa ao outro lado do espello e un feitizo obra que se vaia transformando nun  goyl (seres de pedra) de xade (pedra que tradicionalmente lle dá boa sorte ao posuidor); o seu irmán Jacob, axudado por Fox (raposa que pode volverse humana), Clara (humana que tamén pode transformarse) e Evenaugh Valiant (poderoso anano de carácter rabudo), emprende a procura de solución á problemática que se lle veu enriba. A historia medra a partir de aí, dosificando calculadamente a intriga, deica un remate, en apoteose, que, sen ser o típico e agardado happy end, deixa contentos tanto lectores mozos como adultos, dispoñendo un chisco antes do desenlace un episodio propio de tramas palacianas e de espionaxe, no que deriva naturalmente a acción, que redunda e completa a revisión desmitificadora encetada e consistente na alusión e incorporporación á materia narrativa de todo o caudal de títulos que antes, sen pretensión de exhaustividade, mentamos. Constituíndo unha máis que seria ameaza a ese cinema (tantas veces infumábel) denominado “para toda a familia”; pois esta si é unha auténtica novela “para toda a famila”, coa vantaxe que sempre presentan os textos escritos diante das historias vertidas en imaxes de celuloide.

Seguramente, non erraremos se dicimos que Reckless. Carne de pedra vai figurar entre os títulos máis vendidos nos vindeiros meses. Tendo en conta a traxectoria da autora, un nome ben consolidado no panorama letresco europeo, isto é en si máis que previsíbel, porén non é ese o mérito dunha novela onde os posíbeis aspectos desenvolvidos con menos fortuna (ás veces é un tanto confusa, por exemplo) son tapados polas virtudes, esa versatilidade e ambición, antes aludidas. Ese non é o mérito senón afortunada circunstancia coadxuvante, pois, se a novela non respondese… E nós, lectores galegos, podemos considerarnos afortunados de podermos acceder a ela, na nosa lingua e en primicia mundial, malia os titánicos e incesantes traballos de acoso e derruba por parte das instancias á que lles “debería” competir todo o contrario. E, nisto, o labor calado, consecuente, comprometido e insubornábel, de tantos lectorados de lingua galega esparexidos pola xeografía mundial ten moitísimo que ver. O suificiente como para que estas humildes liñas só sexan un pálido reflexo na súa honra, e para reclamar que estudos máis demorados lles fagan xustiza. María Xesús Bello Rivas, a autora da versión galega, un texto que en ningún momento, malia a temática, se nos fai alleo, sabe ben diso.

E non queremos rematar sen mencionar que, entre o aluvión de títulos que a historia desta novela alude, tamén os hai galegos, moi especialmente Pel de lobo (de Xosé Miranda), e tamén algúns ecos de Cunqueiro.

Xosé Manuel Eyré

A tradutora de «Reckless» ao galego, en Radiofusión

21 Setembro 2010

Entrevistas,Fóra_de_colección,Traducións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Radiofusión (Radios Municipais Galegas) faise eco da saída ao galego de Reckless. Carne de pedra durante o seu lanzamento internacional e, con ese motivo, entrevistaron a María Xesús Bello, tradutora da novela de Cornelia Funke á nosa lingua. Na páxina de Radiofusión, onde se dá conta da nova, poden escoitarse tamén as declaracións da tradutora. mp3

«Reckless», artigo de Estévez-Saá

17 Setembro 2010

Artigos literarios,Críticas,Fóra de Xogo,Traducións,Xuvenil

El Correo Gallego publicaba onte un artigo de José Manuel Estévez-Saá sobre Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke. O autor do artigo destaca o rigor da tradutora, María Xesús Bello Rivas e a decidida aposta de Xerais por este libro.

Cornelia Funke presentou «Reckless», que xa está nas librarías e tamén será levada ao cine

16 Setembro 2010

Narrativa,Noticias,Presentacións,Traducións,Xuvenil

O último libro de Cornelia Funke xa está nas librarías. Con el, o pasado martes Xerais incorporouse por primeira vez a un lanzamento internacional dese tipo, incluíndo a tradución ao galego (autoría de María Xesús Bello) entre as linguas que participaban no evento. A presentación de Reckless. Carne de pedra tivo lugar en Nova York e foi retransmitida en directo por vídeo a través da páxina de fans da autora. Durante o acto, Cornelia Funke, que saíu ao escenario vestida ao chamativo xeito Therese von Austrien, leu fragmentos do seu libro, dando a coñecer os personaxes, os irmáns Jacob e Will Reckless.

No acto particparon a escritora alemana, o director e produtor de cine Lionel Wigram, así como o actor británico Elliot Hill, que ofreceron unha lectura dramatizada dunha parte da novela. Ademais, tamén houbo unha actuación do músico norteamericano Adam Watts.

A novela está inspirada nos contos de fadas dos irmáns Grimm, e conta as aventuras de dous personaxes que cometen o erro de cruzar o espello e descobren un mundo no que os contos máis tenebrosos se fan realidade, incluso o dunha fada que sementa carne de pedra. Un terrible maleficio converte a carne humana en pedra e Jacob, o irmán maior, terá que enfrontarse a numerosos perigos para lograr salvar a vida do seu irmán pequeno Will.

Reckless. Carne de pedra será levada ao cine polo produtor e director Lionel Wigram, como xa fixo con Harry Potter e Sherlock Holmes. A noticia recóllea o xornal Galicia Hoxe nas súas páxinas de cultura:

«Reunímonos cada día durante moitos meses para falar dos nosos personaxes e os lugares ós que queriamos levalos. Loitamos por atopar o camiño idóneo a través do labirinto desta historia e fixemos que cada un visitase lugares ós que xamais fósemos sós. Logo diso, senteime a escribir”, detallou Funke. Na primeira das novelas froito desa colaboración os irmáns Jacob e Will Reckless entran no mundo máxico que se oculta tras o espello do despacho do seu pai».

Mañá poñerase á venda «Reckless» en galego durante o lanzamento mundial

13 Setembro 2010

Narrativa,Noticias,Traducións,Xuvenil

A partir de mañá estará nas librerías a tradución ao galego de Reckless. Carne de pedra, a última novela de Cornelia Funke. A coidadosa tradución, que levou á cabo María Xesús Bello Rivas, poderá adquirirse nas librerías o mesmo día en que se produce o seu lanzamento mundial nas principais linguas europeas, lanzamento no que tamén participa Xerais. No blog da editorial ofrecimos recentemente a oportunidade de ler en pdf os dous primeiros capítulos da novela.

O día 14 de setembro foi elixido para a aparición simultanea das traducións da novela ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a todas as linguas que comparten o lanzamento mundial. A alemana Cornelia Funke presentará a súa novela en Nova York e o acto será retransmitido en directo pola súa páxina de fans.

Reckless. Carne de pedra constitúe a primeira entrega dunha triloxía de Funke. A novela ten 360 páxinas, sairá cun prezo de 20,00 euros, e será a primeira obra que poidamos ler en galego desta autora alemana, unha das escritoras de literatura infantil e xuvenil máis lidas e queridas do mundo. De feito, Cornelia Funke foi elixida polan revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, e logrou vender xa máis de 14 millóns de exemplares dos seus libros.

Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el… a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxectos máxicos para reis e emperadores. Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

Con motivo do lanzamento mundial previsto para mañá, Cornelia Funke acaba de facer pública hoxe a seguinte mensaxe:

Con Reckless cambiraron moitas cousas… O mundo do espello é totalmente novo, claro, pero é que ademais é a primeira vez que descubrín e experimentei, acompañada, un destes mundos. É o primeiro libro para o que debuxei unha ilustración por capítulo. Asemade, é a primeira vez que lucirei un vestido confeccionado para a ocasión cando saia no outono cara a miña xira de recitais de lectura. ¡Tampouco nunca antes se publicara un libro meu, de xeito simultaneo, en doce linguas! Estou certa de que imaxinaredes o nerviosa que me pon pensar en ir en Nova York cara ao escenario, para lerlles aos nenos do mundo enteiro partes do meu novo libro, falarlles do mundo de detrás do espello e contestar ás súas preguntas. Aínda semella que todo isto non me está a suceder. ¡É tan incrible!

«Reckless. Carne de pedra» de Cornelia Funke, adianto dos dous primeiros capítulos

29 Xullo 2010

Adiantos_para_ler,Traducións,Xuvenil

Aquí poden baixarse en pdf os dous primeiros capítulos da fermosa tradución galega preparada por María Xesús Bello Rivas de Reckless. Carne de pedra de Cornelia Funke. Como adiantabamos hai dous días, a edición en galego de Xerais, aparecerá como o resto das que participan no lanzamento mundial, o vindeiro 14 de setembro.

«Reckless. Carne de pedra» de Cornelia Funke nas librarías o 14 de setembro de 2010

27 Xullo 2010

Autores,Entrevistas,Música,Noticias,Traducións,Vídeos,Xuvenil

O vindeiro 14 de setembro de 2010 aparecerá nas librarías de Alemaña, os Estados Unidos e Reino Unido as edicións alemá e inglesa de Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da triloxía de Cornelia Funke, cunha tirada entre as dúas dun millón de exemplares. O mesmo día aparecerán, tamén, as edicións francesa, castelá de Siruela, catalana e a galega publicada por Xerais, que por vez primeira se incorpora a un lanzamento literario internacional deste tipo.

A tradución galega foi preparada por María Xesús Bello Rivas e a novela de 360 páxinas terá un prezo de 20,00 euros.

Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el… a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxectos máxicos para reis e emperadores. Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

CORNELIA FUNKE é unha das autoras máis queridas e lidas no mundo. Coñecida como a «Rowling alemá» e elixida pola revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, xa vendeu máis de 14 millóns de exemplares das súas obras, entre as que destaca Tintenwelt (Mundo de Tinta).
RECKLESS. CARNE DE PEDRA é o primeiro título da autora en galego.

Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña, 1958) estudou Pedagoxía e Ilustración en Hamburgo. Axiña comezou a traballar como ilustradora de contos infantís para despois escribir para público xuvenil. É autora de máis de cincuenta libros e guións e actualmente vive en Los Angeles (EE.UU.).

En diversos espazos da rede poden verse os book-trailers e as primeiras entrevistas con Cornelia Funke falando de Carne de pedra, a primeira entrega do que será a triloxía «Reckless».

Reckless from We Make Sound on Vimeo.

Así mesmo, a edición estadounidense da obra ten unha canción, «Reckless» de Adam Watts:

Adam Watts “RECKLESS” from Daniel Chesnut on Vimeo.

Gallimard jeunesse, os editores da edición francesa, publicaron estoutra entrevista na que Cornalia le en francés un anaco da novela:


UNE RENCONTRE AVEC CORNELIA FUNKE AUTOUR DE "RECKLESS"
Cargado por GallimardJeunesse. – Videos de arte y animación.