El Correo Gallego publicou unha recensión crítica de Mar Fernández Vázquez sobre sobre O espírito do cabaleiro, de Cornelia Funke.
A unión de pantasmas e nenos resolve os enigmas do pasado
Cornelia Funke revisita a novela gótica en ‘O espírito do cabaleiro’ mudando motivos, roles de personaxes e ambientes
O boom mundial na literatura e no cinema da saga de J. K. Rowling protagonizada polo adolescente Harry Potter puxo de moda as novelas fantástica e gótica. A pedagoga, ilustradora e escritora Cornelia Funke (Dorsten-Westfalia-Alemaña, 1958) leva tamén anos revisitando este tipo de novelas cun grande éxito de público e de vendas, polo que foi cualificada como a “Rowling alemá” e elixida pola revista Times en 2005 como unha das cen persoas máis influíntes do planeta.
Grazas a Edicións Xerais podemos ler en galego tres narracións súas, traducidas por María Xesús Bello Rivas: Reckless. Corazón de pedra (2010), comentada nesta páxina, A princesa Sabela (2011) e O espírito do cabaleiro (2011), na que nos detemos hoxe, onde revisita a novela gótica como fixera na triloxía Mundo de Tinta, verquida a numerosas linguas, aínda que por desgraza non ao galego, e que lle supuxo o recoñecemento mundial
Presenta trazos frecuentes na escrita de Funke: un protagonista en proceso de madureza que se debate entre o ben e o mal e que por iso sempre está á defensiva; un pai falecido a quen se estraña; a mestura de temor, incomprensión e rexeitamento inicial do que está fóra do seu mundo cotiá; o nacemento de novas amizades; o espertar do amor; unha forte atracción cara ao mundo irracional, intertextualidades con Lewis Carroll e Shakespeare, etc.
Comeza cunha viaxe en tren do protagonista, un neno de once anos chama- do John Withcroft, quen se sente “proscrito” e “expulsado” da casa, por máis que unha irmá súa “desde que lera Harry Potter devecía por ir a un internado”.
Relátase o ocorrido desde a chegada ao mesmo colexio de Salisbury onde estudara seu pai, morto cando el tiña catro anos e a quen bota moi en falta pese a ter del poucos recordos. A decisión fora de súa nai pero influída polo seu mozo, O Barbudo, de quen John tentou librarse sen éxito.
A sexta noite ve pola fiestra do cuarto a tres xinetes mortos e dende entón a pantasma de Hartgill ameaza con matalo. Coa axuda de Ela Litteljohn, da súa avoa Zelda e mesmo de O Barbudo esperta a William Longspee enterrado na catedral, quen o protexe de Stourton.
Os nenos correspóndelle reuníndoo coa súa namorada Ela tras unha visita a Stonehenge, Kilmington e a abadía de Lacock na procura do seu corazón que agochara Aleister Jindrich, unha pantasma riseira como o gato da Alicia de Carroll.
Como noutras novelas góticas canónicas, Funke retorna á Idade Media e rescata personaxes históricos pero innova ao aplicarlles a xustiza poética. Reescribe desde os usos instrumental e lúdico motivos como o castelo, xoga coa tensión narrativa e co suspense e mestura realidade e irrealidade.
As fermosas ilustracións de Friedrich Hechelmann achegan verosimilitude. Agardo por Reckless II, que xa se está a traducir.
XERAIS




