Manuel Lourenzo González gaña o Premio Blanco Amor de Novela

18 Novembro 2011

Noticias,Premios

O escritor Manuel Lourenzo gañou onte on Premio Blanco Amor de Novela que organiza, nesta edición, o Concello de Santiago, dotado con 12.020 euros. A obra gañadora titúlase ATL e desenvólvese nun mundo futuro, abordando os problemas de identidade e o sentido da vida. Desde Xerais, queremos expresarlle ao autor os nosos parabéns. Reproducimos a información oficial do Concello de Santiago sobre o fallo do premio:

7/11/2011 Manuel Lourenzo González é o gañador da XXIX edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor que este ano organiza o Concello de Santiago e que está dotado con 12.020 euros. Así o decidiu o xurado do premio reunido o 11 de novembro no Teatro Principal cando elixiu a súa obra, presentada baixo o lema ATL. O premio será entregado ao gañador polo alcalde, Xerardo Conde Roa, nun acto que se celebra o 2 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O xurado, que fai constar na acta que “valora moi positivamente a cantidade e a calidade xeral das obras presentadas”, despois das correspondentes deliberacións acordou conceder o premio de novela longa Blanco Amor á obra presentada baixo o lema ATL, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Manuel Lourenzo González.

Tal e como recolle a acta, o xurado valorou “moi positivamente a coherencia do universo literario empregado. A intriga que desenvolve a trama está ben dosificada e consegue captar a atención do lector. O mundo futuro no que se desenvolve resulta sólido e sen estridencias. E, ao mesmo tempo, ATL ocúpase dos problemas da identidade e o sentido da vida que son manexados de maneira eficaz. O dinamismo da historia, a escrita entretida e áxil e a credibilidade do futuro no que nos sitúa, foron valores apreciados por este xurado para escoller a ATL como a novela gañadora desta edición do premio Blanco Amor”.

O xurado que elixiu ao gañador estaba integrado por Paula Carballeira Cabana, Francisco Macías Macías, Iván García Campos e Pablo Couceiro Caramés, asistidos polo concelleiro de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, Ángel Currás, en calidade de secretario, con voz e sen voto.

Manuel Lourenzo, licenciado en Pedagoxía, é profesor de Lingua e Literatura Galegas no instituto Torrente Ballester de Pontevedra. Autor polifacético, cultiva a narrativa de adultos, aínda que el mesmo indica que se sinte especialmente cómodo como creador de literatura xuvenil e de contos para cativos. Tamén ten varios libros de teatro e de ensaio no ámbito da didáctica da lingua, así como libros de texto. Obtivo varios premios coma o Xerais de Novela, Pedrón de Ouro, Carvalho Calero, Café Dublín, García Barros, Narrativas quentes e Merlín en narrativa; O Facho e Estornela en teatro e máis recentemente o Premio de Literatura Infantil Barco de Vapor. Agora, ese listado vén agrandarse cos este Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor.

Xerais obtén tres dos Premios Frei Martín Sarmiento

26 Abril 2010

Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Noticias,Premios

Tres obras infantís e xuvenís de Xerais foron gañadoras do Premio Frei Martín Sarmiento na súa sexta edición fallado esta fin de semana. Organizados polos Equipos de Normalización Lingüística da FERE en Galicia, estes premios son outorgados por máis de cinco milleiros de lectores de Primaria, ESO e Bacharelato.

Na 2ª categoría de 3º a 5º de Primaria resultou gañadora a obra de María Reimóndez Lía e as zapatillas de deporte, ilustrada por Iván Sende, publicada na colección Merlín e recomendada para lectores e lectoras de 9 anos en diante.

Na 3ª categoría de 6º de Primaria a 2º de ESO resultou gañadora a obra de Xosé Rivadulla Corcón Os piratas da illa da esperanza, iustrada por Adrián Solleiro, publicada na colección Merlín e recomendada para lectores e lectoras de 11 anos en diante.

Na 4ª categoría de 3º de ESO e Bacharelato resultou gañadora a obra de Marilar Aleixandre A Cabeza de Medusa, publicada na colección Fóra de Xogo e que xa obtivera, con anterioridade, o Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008 e o Premio The White Ravéns 2009.

A obra premiada na categoría de adultos, onde está como finalista a novela de Manuel Lourenzo González, O xardín das pedras flotantes, será dada a coñecer o vindeiro 28 de maio.

Os nosos parabéns para Reimóndez, Aleixandre e Corcón por tan merecidos galardóns, ademais do noso recoñecemento para os organizadores e para os xoves lectores e lectoras, auténticos protagonistas deste modélico concurso de animación lectora.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «Protexta»

29 Marzo 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

xardin_protextaLara Rozados publicou unha crítica en Protexta 09 d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.

Premios Irmandade do Libro 2008

20 Marzo 2009

Autores,Narrativa,Natureza,Noticias,Premios

250808Hoxe coñecimos as candidaturas finalistas da XVIIIª edición dos premios Irmandade do Libro que outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia serán entregados o sábado 28 de marzo, as 21:30 horas no Carballiño.

Acollemos con gran satisfacción a noticia de que Xabier P. DoCampo foi declarado gañagdor na modalidade de «Autor» valorando «tanto a súa extraordinaria faceta creadora como a súa contrastada vocación de traballo a prol do libro e da lectura» en Galicia.

Ademais, na modalidade de «Mellor libro do ano 2008» foron escollidos dous títulos nosos, Festina lente de Marcos Calveiro e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, que competirán con Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado.

Na modalidade de «Obra editorial do ano 2008», a nosa Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García competirá coa tradución d’ As flores do mal de Baudelaire, preparada por Gaonzalo Navaza para a editorial Galaxia, e coa colección «Rescate» de Alvarellos Editora.

Finalistas premios AELG2008

18 Marzo 2009

Ensaio,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

Finalistas do Premio San Clemente

Narrativa,Premios

Conexión Tubinga de Alberto Canal e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, novelas ambas as dúas editadaspola editorial (finalistas e gañadora, respectivamente, do premio Xerais 2008), xunto con Memoria das cidades sen luz de Inma López Silva son as tres obras declaradas finalistas da XVª edición do premio Arcebispo Juan de San Clemente na categoría de mellor novela galega. As tres novelas serán valoradas por un xurado de lectores e lectoras que cursan 2º de bacharelato en diversos centros de Galicia.

Dez libros para namorar

14 Febreiro 2009

Narrativa,Noticias

Os premios Xerais de novela hoxe en «Libro aberto»

1 Febreiro 2009

Noticias,Premios_Xerais,Presentacións,Xerais_nos_medios

libroaberto_pOs gañadores do premio Xerais de Novela 2008 visitan hoxe «Libro aberto», o programa de literatura da Televisión de Galicia. Na Biblioteca Nacional de Galicia da Cidade da Cultura, será entrevistado o escritor Manuel Lourenzo González, gañador do premio Xerais con O xardín das pedras flotantes.  Tamén será entrevistado Alberto Canal, finalista do premio Xerais coa novela Conexión Tubinga, unha intriga teolóxica que é a estrea literaria do ourensán.  Ademais, na sección de reportaxes falarase da lectura entre os adolescentes co escritor Xabier P. Docampo. Laura Caveiro, na sección de traducións, atenderá a un dos recentes éxitos editoriais, o libro Mal de escola, de Daniel Pennac.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «lg3»

7 Xaneiro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Lorena Domínguez Mallo comenta en «lg3» as virtudes d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do premio Xerais 2008. Recollemos un framento da crítica:

xg00139301[...] a forza da novela é incuestionable e a cantidade de historias só bosquexadas nela é tal que o propio autor decidiu crear un blog para darlles continuidade, (http://batume.blogspot.com); un diario en rede no que el mesmo e os lectores seguen tecendo esas historias. Esa concesión á autoría múltiple non deixa de ser unha boa mostra de como as grandes historias son aquelas que a xente toma para si, para transformalas, continualas ou interpretalas de xeito que xoguen un papel nas súas vidas.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «Culturas»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

manuel-lourenzo-culturas-3-xaneiro-2009Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos de 2008, unha crítica d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.

Foi ambicioso Manuel Lourenzo na concepción inicial desta novela, isto é, planificou –conxecturo- unha obra de longo alento que puidese acoller no seu seo un amplísimo abano de posibilidades técnicas no que á construción dunha novela se refire, de mans dadas cun argumento que vai máis alá do que podería ser unha historia amorosa.  O autor tripa estes camiños con habelencia, abofé, pois non en van a súa produción literaria vén xa de moi atrás e ten amosado longamente a súa pericia nestas lides. Asemade a novela planificada, por idénticas razóns, debería ser permeable ao feito de que nela se integrase, dun xeito natural, mesmo áxil, un feixe de recursos de filiación diversa que proceden dos máis amplos campos das humanidades. E velaquí o resultado.

Cos ollos postos na reflexión sobre o peso do destino e do máxico en todas as vidas, Lourenzo, como se dixo, constrúe unha historia de amor adolescente protagonizada por Simón e Anabel, unha historia que mergulla nun vasto océano que nace nos tempos medievais e que se estende até o presente tecendo unha arquitectura fortemente trabada e reconstruíndo as pezas dunha extensa panoplia cohesionada por múltiples recursos narrativos, que abalan entre o que se podería denominar a crónica dunha antiga “saga familiar” xunto co discurso memorialístico, para logo converxer nunha explicación solvente que ten que ver cunha concepción da escrita como solución terapéutica e liberadora, proxectando así cara a fóra unha historia que gaña en verosimilitude, sobre todo se se supera ese comezo que esixe, talvez, un esforzo engadido que, ao superarse, vai permitir conducirse polas páxinas restantes con outro alento.

Ao amentado xúntense aínda axeitadas doses da traxedia sempre presente, a carón dunha reiterada presenza do onírico ou de certas pasaxes de literatura de corte fantástico –singularizada nese libro misterioso de efectos máxicos que  focaliza tantas páxinas da novela-…, elementos fundidos, en moitas ocasións, con outras posibilidades como son os excursos históricos, filosóficos, mesmo psicolóxicos ou humorísticos que  outorgan  unha pátina de polifonía climática moi de agradecer.

Nunha obra deste calibre resulta difícil non caer na tentación de matizar historias xa deseñadas desde outra perspectiva, o que implica que, dalgún xeito, devale o interese que nela deposita o lector. Con todo, alén do feito de que nun plano contemporáneo o perfil dos protagonistas apareza vernizado cun idealismo que configura unha época presentada un pouco topicamente como unha arcadia feliz, a novela de Lourenzo é moi recomendable para lectores que gusten das propostas narrativas de peso, coidadas estrutural e lingüisticamente e posuidoras dunha grande intensidade emocional; ademais os seus lectores dispoñen na rede dun blogspot baixo o epígrafe de “batume” composto por historias que inspiradas ou derivadas da novela, agora a viviren fóra do libro, mais tamén operativas para seguir lendo nel. Ramón Nicolás

Catro obras de Xerais entre «O mellor do 2008» para «Culturas»

3 Xaneiro 2009

Críticas,Xerais_nos_medios

O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publica hoxe unha dobre páxina na que se recollen críticas de seis obras consideradas como «O mellor do 2008». Entre elas están catro publicadas pola editorial: O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Renacer de Xabier Paz e De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político de Justo Beramendi, Premio Nacional de Ensaio 2008.

«O xardín das pedras flotantes», crítica de X.M. Eyré

22 Decembro 2008

Críticas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

X. M. Eyré publica no seu blog o texto completo da crítica que remitiu A Nosa Terra d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do premio Xerais 2008. Recollemos algúns fragmentos:

xg001393011O xardín das pedras flotantes responde á fórmula do best seller á moda. Mestura, habilmente, aspectos relacionados coa historia, coa psicoloxía, co filosofía ou metafísica, nunha trama con aspiración de totalidade, que quere mergullar ao lector para que o acompañe no proceso reflexivo ou simplemente para inducirlle ese efecto. E niso, na propositada atención á devandita fórmula, áchanse tanto as súas virtudes como as súas fraquezas, que tamén as ten. Mais non quero continuar sen deixar de sinalar o obvio, o valor que para a cultura galega representa contar con discurso destas características, un discurso que está destinado a ser lido por milleiros e milleiros de galegos de hoxe e de mañá, e dicímolo a sabendas de que é a puxanza económica determinará en boa parte a súa sorte como best-seller.

Historia de amor moi ao estilo das de Tristán e Isolda ou Romeo e Xulieta. Historia de dous namorados, que son dous adolescentes, aos cales as súas familias (por diferentes motivos) lles prohiben verse. Contada desde a óptica de Simón, primeiro, e desde a de Anabel despois, para pechar o discurso un epílogo. Nela mestúranse a reflexión e indución á reflexión sobre conceptos chave: o destino e a o libe albedrío ( ata que punto somos capaces de decidir a nosa propia historia); o soño como vida e a vida como soño, a realidade como fantasía e a fantasía como realidade, e non se lles escape a implicatura simbolóxica do misterioso libro que está detrás de todo. Un libro e a maxia que pouco a pouco vai permeando na historia; presente desde o mesmo arrinque, non deixamos de tela presente no curso dunha trama que xoga a actualizala cada vez con máis intensidade á vez que reclama a nosa atención cara á faciana realista (digámolo así) do seu desenvolvemento.

Alén da capacidade para trabar unha trama complexa que pegue o libro ás mans do lector, igual que nos abren os ollos os equilibrios do funambulista. Alén de que a novela esta escrita con elegancia, nunha lingua versátil, dúctil e próxima. Quero salientar a habilidade das transicións entre os diversos climas que no discurso alterna ( dramático, realista, esotérico, filosófico, humorístico ) un narrador que, case como un mago, desde a sensibilidade é quen de atravesar a calquera instancia que precise sen que o lector, falamos sempre dentro das marxes que concede o best-seller, se preocupe pola verosemellanza pois as diferentes ramificacións temáticas vano manter ben ocupado e a transcendencia final do texto, unida á empatía proporcionada polo longo percorrido da ma das dúas personaxes centrais (sendo, a de Anabel fondamente atraente e carismática), evitará que a consideración definitiva non sexa positiva. Mesmo moi positiva, tendo en conta o que comunmente ofrecen os best-sellers.

Remataremos dicindo que, se ben a parentela de O xardín das pedras flotantes coa historia de Shakespeare, é moi clara e evidente, porén aínda lles aseguramos outro aínda máis interesante: pescudar ata que punto o inferno dantesco estivo presente

Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo

5 Decembro 2008

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

b87a7965514201e0edddce5158d3ea2314a2bc63

Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«O xardín das pedras flotantes», adianto da crítica de Eyré

3 Decembro 2008

Críticas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Xosé Manuel Eyré adianta no seu blog dous parágrafos da súa crítica sobre O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do Premio Xerais 2008. Reproducimos un anaco:

xg00139301O xardín das pedras flotantes responde á fórmula do best seller á moda. Mestura, habilmente, aspectos relacionados coa historia, coa psicoloxía, coa filosofía ou metafísica, nunha trama con aspiración de totalidade, que quere mergullar ao lector para que o acompañe no proceso reflexivo ou simplemente para inducirlle ese efecto. E niso, na propositada atención á devandita fórmula, áchanse tanto as súas virtudes como as súas fraquezas, que tamén as ten. Mais non quero continuar sen deixar de sinalar o obvio, o valor que para a cultura galega representa contar con discurso destas características, un discurso que está destinado a ser lido por milleiros e milleiros de galegos de hoxe e de mañá, e dicímolo a sabendas de que é a puxanza económica determinará en boa parte a súa sorte como best-seller.

Manuel Lourenzo González, entrevistado por ANT

26 Novembro 2008

Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

219c10daf2006bbf2c2787576815ec63dc476db2

Lara Rozados entrevista para ANT a Manuel Lourenzo González, autor d’ O xardín das pedras flotantes, novela gañadora do Premio Xerais 2008. Recollemos varios treitos da entrevista:

Agora acaba de crear un blog (batume.blogspot.com). Daralle máis xogo aínda o formato dixital para a estrutura da novela… E para a interactividade.

Precisamente, esta é unha historia de historias que queda aberta para que os personaxes poidan saír e ter a súa propia vida. É unha obsesión miña que non haxa secundarios, senón que todos teñan entidade e merezan ser nomeados. O blog dá a posibilidade de que as portas estean abertas. Agardo que se dispare a creatividade e isto se converta nunha novela coral.

Interesante a aparición dun libro maldito, como o Necronomicón de Lovecraft, de Poe (no propio nome da protagonista, “Anabel”) ou Baudelaire. Ten querenza pola literatura fantástica e do Romanticismo?

Era necesaria para a entrada do fantástico. Depende do que cadaquén consideremos fantástico, pero a min atráeme moito, malia que era complicado nunha novela con fondo realista. Pero era necesaria esa mestura de diferentes niveis. Eu teño unha visión da realidade moi poliédrica, que abrangue o que vivimos como real, pero tamén os soños. A imaxinación tamén forma parte da existencia.

Achou o xardín das pedras flotantes?

O título veume dunha “revelación”, nunha visita a unhas covas moi coñecidas de León, as de Vallporquero. Arrodeado daquela natureza extraordinaria, veume a frase á cabeza, “estou nun xardín de pedras flotantes”, e de aí trasladeino á novela.

Como está a ser acollida a obra? Non se presenta doada, entre a súa extensión e a complexidade das subtramas…

Podo dicir con toda sinceridade que tiña certo temor no momento da súa publicación: é unha novela que pode parecer difícil de ler para quen busque algo máis suave. Tiña medo de que non tivese boa acollida, pero polo que comentei coa xente que a leu, gustou moito e a lectura foi amena.

«O xardín das pedras flotantes»

25 Novembro 2008

Críticas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008, tras a súa presentación onte en Pontevedra, suscita o interese de varios medios.

Teresa Cuíñas anuncia en El País Galicia o prolongamento da novela no blog do autor.

Xosé Manuel Eyré publica duás entregas da crónica da crítica que está preparando. Adiantamos un parágrafo da primeira:

0925234001212863899-manuel-lourenzo-gonzalezPolo pronto, a novela tenme entre o ceo e o inferno. Está escrita con moito oficio, recoñécese un narrador elegante (ultimamente, eis un cualificativo que, afortunadamente, se me repite), que se manexa moi ben nun microestilo ou estilo frástico no cal os ritmos de exposición e intelección están pulcramente coidados, cunha lingua dúctil e próxima (non foxe do cultismo nin lle pon medo o coloquial ) na que o lector le con comodidade e o agrado de ter diante un narrador con oficio que se esmera en non defraudar. O ceo. Iso e a habilidade para transitar entre rexistros narrativos. Na bitácora do autor, unha excelente oportunidade de comprobalo. Aquí, cinco páxinas.

Por último, recollemos varias das afirmacións realizadas na presentación por parte de Mario Iglesias e Kiko Dasilva:

  • «Unha obra extraordinaria, de estrutura sólida, ben construída. Un traballo tremendo de arquitecto onde hai un trasfondo de anos.» Mario Iglesias.
  • «Fascina desa estrutura que sexa aberta, que teña ventás a outras moitas historias. Unha novela chea de links.» Mario Iglesias.
  • «Esta novela é un universo que conecta con universos.» Mario Iglesias
  • «Unha novela que fala do primeiro amor, mais non dende a inxenuidade do namorado.» Kiko Dasilva
  • «Os lectores namoraranse tanto dos personaxes como das historias que nos gustarían que contasen.» Kiko Dasilva
  • «Este será o libro máxico para Manuel. Enganchará a mozos e adultos. Espertará a curiosidade de cada lector polo seu propio pasado.» Kiko Dasilva

Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008

23 Novembro 2008

Entrevistas,Fóra de Xogo,Infantil,Merlín,Narrativa,Premios_Xerais,Presentacións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

g17p30f1

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:

Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».

Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».

Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.

«O xardín das pedras flotantes», presentación e primeira crítica

Críticas,Narrativa,Premios_Xerais,Presentacións,Xerais_nos_medios

O luns, 24 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Caixa Galicia (Edifcio Café Moderno), presentarase O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do premio Xerais 2008. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e Xerais, participarán Mario Iglesias, director de cine, Kiko Dasilva, ilustrador e humorista, o director de Xerais e o autor. Ao remate, haberá actuación dun grupo de corda e coloquio arredor dun viño galego.

Nesta última semana Manuel Lourenzo González publicou varias anotacións en Batume, o blog no que recolle novas historias, textos e materiais que forman parte do mundo d’ O xardín das pedras flotantes.

Coincidindo coa presentación, acaba de aparecer a primeira crítica sobre a obra, realizada por Manuel Rodríguez Alonso e publicada no «Cartafol de libros» de Vieiros. Recollemos os tres primeiros parágrafos deste texto.

xg00139301Na novela, unha novela longa, mestúranse varios tipos de novela. Nas voltas atrás en que se reconstrúe a vida dos antigos propietarios do libro máxico e maldito temos retallos de novela histórica; na parte en que o protagonista Simón describe en primeira persoa a súa vida na nenez e na adolescencia atopamos o costumismo rural (na liña do idealismo de considerar o agro unha Arcadia feliz) ou mesmo o estudiantil dun instituto de Pontevedra. Mais a novela entra no terreo do marabilloso de cheo cando xorde a relación amorosa Simón-Anabel, mesturada coa maldición do libro máxico.
O autor nesta parte navega polo terreo do marabilloso, máis ca do fantástico, pois non sabemos se é fantasía-soño ou unha simple realidade en que algún accidente casual parece unha malidición máxica (a morte envelenada de Anabel). Esta parte é a máis innovadora e rechamante da novela, mesmo co xogo perspectivista de presentar a relación amorosa Anabel-Simón desde as miradas enfrontadas da narración en primeira persoa de Simón e a narración, sobre estes mesmos feitos, doutro narrador en terceira persoa.
Moi atractiva resulta así mesmo a reprodución dos pensamentos de Simón no estado de coma ou semicoma que pasa no hospital. No remate todo acaba ben, ata con voda feliz do protagonista coa rapaza da aldea que sempre quixo. O lector non sabe se o que leu foi realidade ou só un soño de Simón, ben porque entrou en coma no accidente do coche da nai, ou tras a morte de Anabel. Tampouco sabe ben se existen bruxas coma Áurea ou libros malditos que só lles traen desgrazas aos seus posuidores que, non obstante, tolean por facerse con eles.
Xa que logo novela que mestura o tradicional, o costumista, o marabilloso, o subconsciente e que pode, por iso, compracer un abano amplo de lectores. Está ademais na liña de moda da novela de personaxes xuvenís, tratamento do marabilloso, bruxaría…, en fin, boa lectura para estas tardes de inverno que se aproximan, aínda que ás veces caia no tópico (as descricións arcádicas da aldea nos oitenta) ou amose algunha vacilación no tratamento do marabilloso.

Batume, blog de Manuel Lourenzo González

13 Novembro 2008

Narrativa,Noticias,Premios_Xerais

batume7

Acabamos de coñecer a primeira anotación de Batume, o blog aberto por Manuel Lourenzo González ao fío da publicación d’ O xardín das pedras flotantes, premio Xerais de Novela 2008. Lourenzo define así as intencións do blog:

pedraspequenaEn O Xardín das Pedras Flotantes suxírense múltiples historias que nin empezan nin acaban, simplemente discorren, e que dan pé a que sexan completadas ou continuadas ou dalgunha maneira imaxinadas por calquera persoa.
Nestas páxinas efémeras atoparedes algunhas desas historias, mais pequenos textos, imaxes e outros materiais, propios e alleos, que poderían estar no Xardín, pois forman parte del, pero que viñeron dar aquí por algún deses azares que tecen o noso diario navegar.
Vós tamén podedes aportar as vosas creacións, pois son para o Xardín onde todos acabaremos por vivir. Se inventades algunha historia relacionada coas historias do Xardín e queredes que figure entre estas que se amosan, xa sabedes o mecanismo: escribir e enviar.
Esta é a praia aberta a onde chega o batume.

«O xardín das pedras flotantes», Premio Xerais 2008

10 Outubro 2008

Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais

Xa está no prelo O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora da XXV edición do Premio Xerais 2008.

O xardín das pedras flotantes, a obra de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXV Premio Xerais de Novela, é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel, marcado por unha historia xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade. Unha historia fermosa gobernada por unha gran imaxinación e ateigada de riquísimas crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo. Botando man de elementos da literatura fantástica ou da traxedia e sen esquecer nunca un sutil e estimulante sentido do humor, esta novela podente homenaxea esa literatura que viaxa de Lovecraft a Poe, e adobíase, desde as roupas da contemporaneidade, cos intensos sentimentos humanos que o amor provoca nos comportamentos dos personaxes.  Desde o discurso memorialístico inicial, que o personaxe realiza e que preside toda a narración –orixinándose moito antes da súa propia infancia– até o desenlace final, o lector non perde de vista en ningún momento que a historia de Simón e Anabel é o auténtico motor que tece o entramado singular desta novela entretida, viva, vizosa e sedutora.

"O xardín das pedras flotantes" de Manuel Lourenzo González, adianto

12 Xuño 2008

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Premios_Xerais

Aquí poden baixarse en pdf cinco páxinas do orixinal d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXVº Premio Xerais de Novela. O texto corresponde ao capítulo 48, da terceira parte, “O amor”.

Entrevistas en culturagalega.org cos premiados nos Xerais 2008

9 Xuño 2008

Entrevistas,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Moito agradecemos os documentos sonoros que publica hoxe culturagalega.org. Poden escoitarse as tres entrevistas cos autores premiados nos Xerais 2008.

Premios Xerais 2008, primeiras entrevistas

Entrevistas,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Aparecen as primeiras entrevistas cos gañadores dos premios Xerais 2008.

  • Manuel Lourenzo: “Temos que acabar co complexo de inferioridade do galego” (Faro de Vigo); “Unha novela sobre ‘amores adolescentes’ e con dúas escritas” (La Voz de Galicia); “A causalidade ineludible” (Galicia Hoxe); “O mundo cambiou para un mundo que non é literatura; é moi complicado gañar lectores” (Vieiros); “Se o Xerais tivese a mesma dotación doutros anos, presentaríame igual” (La Voz de Galicia); “As miñas novelas longas son como conxuntos de relatos breves” (Praza das letras); “Fago literatura sen concesións para un lector intelixente” (El País).
  • Marilar Aleixandre: “Personaxes ficticios e circunstancias naciadas do real” (La Voz de Galicia); “É importante crear un mundo no que a xente nova poida refuxiarse” (Faro de Vigo); “Os mozos galegos si que len” (Galicia Hoxe); “Hai xente que non quere chamarlle ás cousas polo seu nome” (La Voz de Galicia).
  • Mar Guerra: “Un rapaz ‘sabichón’ e que xoga coas palabras (La Voz de Galicia); “Ser distinto non é ser estrano, é ser especial” (Faro de Vigo); “Un relato sobre os valores esquecidos” (Galicia Hoxe); “Non todas as aventuras de rapaces teñen que ter magos” (La Voz de Galicia),

«O Xardín das Pedras Flotantes», Premio Xerais de novela 2008

8 Xuño 2008

Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais

O xurado da 25ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado polos escritores Xabier Puente Docampo, Xosé Miranda, Santiago Jaureguizar, Uxía Casal, Estíbaliz Espinosa e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as cincuenta e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: “As sereas de Tubinga”, “Flor da xunqueira” e “Memoria de sal”.

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Flora da xunqueira”, presentada baixo o pseudónimo Manalva que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Lourenzo González e corresponde ao título O Xardín das Pedras Flotantes.

A novela gañadora do Premio Xerais de Novela no seu vinte e cinco aniversario foi considerada polo xurado “un relato de amor insólito, extraordinario e paixonal entre dous adolescentes, marcado por unha historia confluente de carácter xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade”. “Somos un para a eternidade, e iso está escrito así no libro da vida desde o principio dos tempos”, asegúrase nunha das frases da novela, confirmando que o personaxe principal se move impulsado por un destino cósmico dentro do que uns acontecementos son necesarios para que outros novos e inevitables tamén teñan lugar.

O Xardín das Pedras Flotantes relata, con moitísima frescura, unha historia fermosa e capaz, podente, gobernada por unha gran imaxinación e ateigada de pequenas e riquísimas crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo. Botando man de elementos da literatura fantástica ou da traxedia e sen esquecer nunca un sutil e estimulante sentido do humor, a novela combina varias persoas narrativas, homenaxea esa literatura que viaxa de Lovecraft a Poe, e adobíase, desde as roupas da contemporaneidade, cos intensos sentimentos humanos que o amor provoca nos comportamentos dos personaxes.

Desde o discurso memorialístico inicial, que o personaxe realiza e que preside toda a narración –orixinándose moito antes da súa propia infancia– até o desenlace final, o lector non perde de vista en ningún momento que a historia de Simón e Anabel é o auténtico motor que tece o entramado singular desta novela entretida, viva, vizosa e sedutora.

Manuel Lourenzo González declarou, cando recibiu o premio Xerais, que “O Xardín das Pedras Flotantes é unha relato de relatos. Un discorrer de múltiples historias nas que se mesturan personaxes, sucesos, lugares e tempos diversos e alleos e, sen embargo, unidos polos fíos paralelos da causalidade e o azar. Todas estas historias van confluír nos dous personaxes centrais, un rapaz e unha rapaza, cuxas vidas son o resultado inevitábel das sutís armazóns creadas polas vidas dos seus antecesores. Chegados á idade adolescente, o amor déixase sentir entre eles. Daquela, a busca dun espazo propio conducirá, tamén inevitabelmente, á traxedia como única vía posíbel de liberación”.

Continuou Manuel Lourenzo González expresando que “O Xardín das Pedras Flotantes vén ser un lugar da mente no que o amor e a morte, a literatura e a vida, o aquén e o alén, se igualan para guiarnos á pregunta esencial sobre o sentido da existencia. E é tamén unha emoción, o océano da memoria entendido como a ponte balsámica entre a pureza da infancia e os avatares dunha vida que non sempre é nosa”.

Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais 2008

Fóra de Xogo,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.

Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellaría de Cultura de Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, o concelleiro de cultura do concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.

No acto, presentado por Celia Torres, directora de promoción da editorial e coordinadora dos premios, participou Tino Baz, o cantautor miñoto, que interpretou ao comezo o tema “Volvín á terra pero perdín o amor”, sobre un poema de Bernardino Graña (presente no acto e moi aplaudido polos asistentes) e rematou con “Romance da Maruxa…In memorian”.

Despois da actuación de Baz e intervención de Carlos G. Reigosa, que actuou como mantedor literario, déronse a coñecer os fallos dos xurados. A gañadora da XXIIIº edición do Premio Merlín de literatura infantil foi a xornalista madrileña Mar Guerra Cid pola súa novela Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”. Marilar Aleixandre foi a gañadora do IIIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil pola súa novela A cabeza de Medusa, presentada baixo o lema “Eu son ti”. O XXVº Premio Xerais de novela foi para Manuel Lourenzo González pola novela O Xardín das Pedras Flotantes, presentada baixo o pseudónimo “Manalva” e o lema “Flora da xunqueira”.

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que valorou a traxectoria dos premios ao longo as súas vinte e cinco edicións, o que considerou unha mostra da madurez do sistema literario galego e da novela como xénero privilexiado polas lectoras galegas. Por último agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a conellaría de Cultura do Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.

Recollemos as primeiras referencias sobre o fallo dos premios aparecidas hoxe domingo na prensa electrónica:

  • Faro de Vigo: “Xerais premia a Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra”.
  • La Voz de Galicia: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais cunha novela de amor”.
  • La Opinión A Coruña: “Manuel Lourenzo obtiene el Xerais con ‘O Xardín das pedras flotantes’”.
  • El País Galicia: Lourenzo González gana el Xerais con una historia de amor adolescente”.
  • El Correo Gallego: “Manuel Lourenzo, premiado co Xerais de Novela”.
  • Galicia hoxe: “O talento recoñecido”.
  • El Progreso: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais”.
  • Europa Press: “Los escritores Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre y Mar Guerra reciben los premios Xerais de literatura 2008″.
  • Vieiros: “Manuel Lourenzo, Premio Xerais de Novela 2008″.
  • A Nosa Terra: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela”.
  • Chuza: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela 2008″.
  • Praza das letras: “Manuel Lourenzo González, Premio Xerais 08″
  • Gznación: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra fanse cos premios xerais 2008″.
  • Xornal.com: “Manuel Lourenzo gañou o Xerais con ‘O Xardín das Pedras Flotantes’”.
  • MundoGaliza: “Premio Xerais de Novela 2008″.