O cómic que Lois Pereiro non puido ler
Jacobo Fernández Serrano debuxa a vida e a obra do poeta que protagonizou este ano o Día das Letras Galegas nunha novela gráfica, Lois Pereiro. Breve encontro, que está a piques de chegar ás librarías da man de Xerais
A Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971) tocoulle un dos oitomiles máis atravesados do ano dedicado a Lois Pereiro: levar á novela gráfica a vida e a obra do monfortino. Pintor, ilustrador, debuxante,
comiqueiro e autor de literatura infantil con ducias de traballos nos distintos campos, o autor de Aventuras de cacauequi enfrontábase por primeira vez a un reto semellante. Cando aceptou a encarga de Xerais, impúxose tres obxectivos: asumir a metodoloxía e os códigos documentais para reflectir con fidelidade a peripecia do poeta, arriscar á hora de poñer en imaxes a súa obra literaria e conseguir que o resultado fose unha obra de Jacobo Fernández Serrano, tan súa como calquera das que publicou nos últimos dez anos. O resultado ten 160 páxinas e está a piques de chegar ás librarías. Titúlase Lois Pereiro. Breve encontro e carga cun subtítulo innecesario: “Un achegamento comiqueiro á vida e á obra do poeta”.
O libro estrutúrase en tres bloques: un prólogo titulado “Como en Breve encontro de David Lean”, onde o protagonista e a morte recrean unha das escenas máis populares do filme; doce capítulos que trazan o arco biográfico e literario de Pereiro a través da evolución do seu aspecto físico, dende o seu nacemento en 1958 até a súa morte en 1996; e un apéndice, o décimo terceiro apartado, titulado Visións. Cumpridos xa os obxectivos de debullar a peripecia do poeta e poñerlle imaxes á súa escrita, cun tratamento para a prosa e outro moi diferente para a poesía, Jacobo Fernández déixase ir antes de dar por rematada a novela. Imaxina o poeta asubiando unha canción de Lou Reed no Ártico de Raymond Carver ou os membros da Real Academia Galega convertidos nunha manda de animais parlantes. “Non hai dobre sentido nin explicación lóxico-racional nesa escena. É só iso, unha visión”, apúrase a aclarar. “Hai quen me pregunta quen é o elefante ou a xirafa, pero non teño resposta. A visión veume así, cos animais dicindo anacos da obra de Lois. Pareceume ben máis fermosa esa imaxe que a dos verdadeiros académicos reunidos”.
O libro comeza en realidade con dúas citas, unha de Robert Walser e outra de Pereiro. O autor delátase: leuno case todo, tanto o que escribiu o monfortino, recuperado e fixado este ano en varias edicións, como o que se publicou arredor, a partir ou por culpa do poeta dende que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Días das Letras. Empezando por Conversa ultramarina (Positivas, 2010), o testamento literario que levaba quince anos nunha gaveta, até as biografías, semblanzas e análises que foron chegando ás librarías a medida que se achegaba o mes de maio. A fidelidade coa que se reproducen certos aspectos da vida de Pereiro evidencian que os ollos do ilustrador tamén leron nos álbums de fotos familiares ou o arquivo da TVG, onde se conserva a entrevista de Gayoso que recrea o libro, e que completou o proceso de documentación con algunhas conversas con Xosé Manuel Pereiro e Piedad Cabo, irmán e compañeira do poeta durante unha década respectivamente.
“Contén moitos datos porque non a fixen pensando unicamente no público galego, que xa ten algunhas claves, senón tamén no de fóra”, explica Jacobo Fernández. O esforzo documental apréciase nos textos que apoian as viñetas ou nas reproducións de portadas de discos e carteis da época, pero tamén nun dos treitos máis espiñentos: a adicción do protagonista á heroína. “Era un aspecto que tiña que chegar, pero non o tiña subliñado en vermello. O que pasa é que no cómic falan as imaxes. Non é alguén contando que consumía heroína, é el consumindo heroína. As imaxes funcionan como símbolos. Danlle ao lector, sen necesidade de dramatismos, unha idea do que foi. Con todo, para min o máis importante é a obra”.
A novela de Jacobo Fernández está inzada de rostros. Os de Lois Pereiro e os das persoas que foron importantes para el, dentro e fóra da familia, pero tamén de todos os escritores que citaba na súa obra e nas súas aparicións en público. “Para Lois a poesía é unha estirpe”, explica o ilustrador. “Faise acompañar constantemente dos autores que considera importantes para el, e eu quería que toda esa xente estivese no libro”. E aí están, por exemplo, todos os que o monfortino reivindica en Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Kropotkin a Shakespeare. Ou cada un dos que menciona en Conversa ultramarina a medida que pasa os días entre o hospital e a casa, xa moi deteriorado.
Coa prosa de Lois Pereiro foi máis atrevido Jacobo Fernández que coa poesía. Os textos de Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995) aparecen reproducidos con sobriedade sobre un fondo negro apenas manchado por algúns debuxos. “Para o debuxante, o primeiro que chama a atención na obra de Lois Pereiro é a potencia e a inmediatez das súas imaxes. Quixen debuxar a carón dos poemas, pero non contar os poemas en imaxes”, confesa o autor. “A prosa é máis asequíbel, e de feito creo que Modesta proposición funciona moi ben, pero a poesía é outra cousa, moito máis delicada. Tratei de que os poemas chegasen ao lector case intactos, para que a maxia funcione na súa cabeza. As páxinas negras son como silencios dentro da novela nas que emerxe a voz de Lois Pereiro co seu traballo máis depurado, coas palabras que el mesmo quixo deixar”.
Iago Martínez