«A dama da luz», crítica de Paula Fernández

28 Xaneiro 2010

Álbums,Críticas,Xerais_nos_medios

A beleza que presaxian as tapas d’A dama da luz faise patente no momento que comezamos a súa lectura e pasamos a visualizar a fermosura das súas detallistas ilustracións e a deleitármonos coa súa prosa; ambas as dúas compoñentes imprescindibles deste álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz que parte dunha rapaza, Marta, ao tempo protagonista e narrataria, e o seu avó, tamén protagonista e narrador dunha historia onde se mestura o real co marabilloso nunha loitaentre estacións ambientada nun Vigo antigo, unha vila mariñeira hoxe desaparecida, que tingue de melancolía o relato.

A sempiterna pelexa entre a Primavera e o Inverno,a dicotómica e desigual loita tantas veces feita literatura, que representa as arelas do frío, forte e cruel, que quere dominar a calor escurecendo a paisaxe e cubríndoa de neve; apresenza dun ser fantástico, a dama da luz, feble e fráxil coma a Primavera que precisa atopar de volta o seu lugar e a súa función; un personaxe xa vello, un avó entrañable que garda historias e sabedoría,que ten saudade do pasado e que pasa á súa neta, símbolo dofuturo, a responsabilidade de resolver o conflito da conservación da Natureza.Todo o devandito, á beira do proceso madurativo da meniña,son algúns dos trazos máis salientables desta historia. Un conto onde a narración e o seu clásico desenvolvemento tripartito nos conducen a un desenlace simbólico que evoca esperanza para o futuro e,malia o fantástico da aparición da flor no asfalto, proporciona tamén verosimilitude, pois leva ao mundo real o resultado da pelexa, ademais de evidenciar unha vitoria.

Represéntanse xa que logo dous mundos, o noso, o da realidade, e un marabilloso. Contrarios mais perfectamente conxugados e recoñecibles, sen empregar para isto descricións excesivas pois é o dominio da arte da evocación do autor do texto a que nos pasea por un e por outro sen apenas percibir a transición.

Unha historia redonda, simbólica, de suxerente escrita e lectura amena que se engrandece coas ilustracións de Magutis que, dende a súa calidez tonal, a súa delicadeza á hora de reflectir o texto e a súa destreza cando mestura real e irreal, fan posible este álbum e que non entendamos o literario separado do plástico e ao revés. Paula Fernández

Texto da crítica de Paula Fernández publicada en «Faro da Cultura» de Faro de Vigo, xoves, 28 de xaneiro de 2010-

Premios «Fervenzas Literarias 2009»

21 Xaneiro 2010

Álbums,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios,Traducións,Xerais,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Recibimos con entusiasmo e agradecemento a noticia dos Premios «Fervenzas Literarias 2009» outorgados polos lectores e lectoras deste espazo de referencia na promoción da literatura galega. Tras os resultados de 2007 e 2008, velaí as obras publicadas por Xerais que resultaron gañadoras:

O noso agradecemento aos lectores e lectoras por estes recoñecementos. Grazas a todos e todas.

«A dama da Luz», presentación en Vigo

15 Outubro 2009

Álbums,Infantil,Noticias,Presentacións

O vindeiro luns, 19 de outubro, ás 20:00 horas presentarase na Casa do Libro de Vigo o álbum A dama da Luz. No acto intervirán Agustín Fernández Paz (autor do texto), Jorge Magutis (autor das ilustracións) e Helena Pérez (editora do álbum).

«A dama da luz», un álbum fermoso recomendado por Trafegando ronseis

7 Outubro 2009

Álbums,Infantil,Opinións_lectores/as

Lucidísimo comentario de Trafegando ronseis sobre A dama da Luz, o álbum escrito por Agustín Fernández Paz e debuxado por Jorge Magutis. Reproducímolo na súa totalidade:

Fermoso libro, fermoso texto, fermosa historia, fermosas ilustracións. A dama da Luz de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Jorge Magutis, é unha xoia bibliográfica que debemos ter nos nosos andeis. Para abrila de cando en vez. Para deter o esquenzo de historias máxicas. Unha historia fantástica que conta a loita perenne entre o Inverno e a Primavera, –seres fantásticos que viven nunha vila mariñeira moi diferente á que existe actualmente– da man do avó de Marta, protagonista e gardián dun segredo do pasado que relata agora con tenrura á súa neta para que esta comprenda a transformación e a ledicia do entendemento. Porque a vida tamén sabe ofrecer marabillas, como esa flor que descubrirá a nena nunha fenda, unha flor que é quen de medrar entre o asfalto como triunfo da natureza. E que é a fin dun relato marabillosamente nostálxico. Trafegando ronseis

A dama da luz será presentado en Vigo, o luns, 19 de outubro, ás 20:00 na Casa do Libro. A editora Helena Pérez acompañará aos autores no acto.

"A dama da Luz", álbum de Magutis e Fernández Paz

28 Agosto 2009

Álbums,Ilustracións,Noticias

Acaba de chegar do prelo a tirada d’ A dama da Luz, un álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz, ambientado no Vigo vello e mariñeiro e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera. A dama da Luz chegará ás librarías na primeira decena de setembro.

XG00163801O avó de Marta garda un enigmático segredo na súa memoria. Un segredo que fala de seres extraños que habitaban na cidade cando era moi distinta, apenas había coches e a xente non vivía coas présas de hoxe, seres como a Dama da Luz ou o Home das Sombras, e de lugares misteriosos como a Casa do Outeiro ou a mítica illa de San Brandán. Un día, algo especial sucede. E entón Marta coñecerá por fin o sorprendente segredo que o seu avó gardaba, unha historia que a levará a descubrir todas as marabillas que a roda da vida nos ofrece.

A dama da Luz é un fermoso álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz ambientado nun Vigo vello e mariñeiro, envolto nunha atmosfera de misterio, e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera.