Noites insomnes cos «Relatos de terror» de Lovecraft. Artigo de Jaureguizar

26 Marzo 2012

Artigos literarios,Xabaril,Xuvenil

Jaureguizar publicou en El Progreso un artigo de opinión sobre os Relatos de terror, de H. P. Lovecraft

 

O regresista Lovecraft

Foron noites de terror insomne, de botar horas deitado agardando a que un deus extraterrestre esvarase por baixo da cama e se presentase no medio da habitación. Daquela, na adolescencia contra a fin dos 70 ler a Lovecraft era unha necesidade para calquera candidato a ser o máis moderno da vila. Eu mercara ‘Los mitos de Cthulhu’ (Alianza) e non me perdoei unha noite sen visitar os desertos e os mares dos que, a volta de calquera páxina, xurdía un enxendro que rachaba con calquera mínima norma estética occidental. O que me restaba era o espanto de ollos abertos. Canda esa sensación anuladora, nacíame o acougo de sentirme conectado con alguén que vivira medio século antes ca min en Providence.

No fondo, eu era un pailán de Ribadeo identificándose cun pailán de Estados Unidos, que aturara en Nova York durante dous anos e reparara, coma Paco Martínez Soria, en que a cidade non era para el. Curiosamente, o máis avanzado dos autores, a lectura máis elitista para os rapaces de clases medias en economía e cultura era un regresista a conciencia, alguén que combatía o progreso con criaturas imaxinarias e terribles. O resto da súa existencia pasouna no seu ámbito de orixe entregado a recrear as historias de horror gótico que lle contaba o entrañable do seu avó. Durante os seus anos, Lovecraf non deu máis ca publicado contos nalgunhas revistas profesionais, sendo Xerais a que recupera agora algúns deles en ‘Relatos de terror’.

Andados os anos, os amigos lograron convertilo nun pailaroco autor do máis famoso dos libros que nunca se escribiron: O Necronomicón. O soño de calquera autor, evidentemente; un‘adelgace sen privarse de nada’ literario.

Jaureguizar

«Cita en Fisterra», de Luís Rei Núñez, libro delicioso. Artigo de opinión de Jaureguizar

21 Decembro 2011

Artigos literarios,Críticas,Narrativa

Jaureguizar publicou en El Progreso un artigo de opinión sobre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

 

Fisterra para andar en casa

Bruce Chatwin tiña por amuleto un anaco de pel parda e reseca coma a pantalla dun cine abandonado. Recibiuno dunha avoa á que lle chegou en agasallo de voda nunha caixiña de pílulas. Pertencera a un antergo de ambos os dous, fillo dun pastor evanxélico. O rapaz rodou no circuíto da reprensión moral ata que un día aburriuse e marchou dar unha volta polo mundo. Finou nun naufraxio na Patagonia. Chatwin herdou o espírito e máis a reliquia atea e viaxeira. Luís Rei Núñez fai uns preciosos libros que anglofalantes e pedantes chaman de non ficción –lembro con ledicia ‘O señor Lugrís e a negra sombra’ (Xerais)–. Para o último,‘Cita en Fisterra’, andou polos ámbitos que os nórdicos din Fins Stern (Estrela Escura). Resulta de- licioso e divertido ler os sete días que botou ao longo dos camiños que desembocan no mar. Ás veces encerállase nos campos de batallas das nosas vindeiras derrotas –ecoloxía e idioma–, pero non lle sobra unha liña. Fascinoume o encontro en Corcubión con Álvaro de la Vega, o escultor térreo. Álvaro bota en falla as estacións do ano, ese calendario policromado que nunca se mira nas pantallas de plasma. Advirte o artista de que a necesidade de experimentar as mudanzas climáticas vai tomando corpo «e non descarto volver a Paradela». Sebald, que publicou libros de percorrer a liña do horizonte coma o de Rei Núñez, conta en ‘Camposanto’ (Galaxia) a perenne morriña da viaxe que pousou no ánimo infantil de Napoleón pola fuxida que houberon de facer os pais: eran nacionalistas corsos que andaban escapándolle ao invasor francés. Como tamén gustaba de estar na casa acabou conquistando Europa.

Jaureguizar

«Trece noites, trece lúas», de Antonio Reigosa: o libro das marabillas do Nadal

22 Novembro 2011

Álbums,Noticias,Presentacións

Jaureguizar publica en El Progreso unha información sobre Trece noites, trece lúas, e Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López, a raíz da súa presentación onte en Lugo.

Reigosa considera a Feira do Capón vilalbés único resto do Nadal lucense


O escritor mindoniense presentou onte en Lugo o seu novo libro, ‘Trece noites, trece lúas’, no que contesta numerosos interrogantes e conta curiosidades sobre das celebracións

LUGO. O escritor Antonio Reigosa considerou onte na galería Sargadelos de Lugo que o único costume de vello relacionado co Nadal que se conserva na provincia é a Feira do Capón de Vilalba. O investigador de lendas e mitos informou de que a Igrexa establecera unha abstitencia de comer carne que incluía o galo, “pero o Consello de Aquisgrán do século IX aceptou que se comese no caso de que o galo fose capado, o que favoreceu que aparecesen moitas feiras de galo por toda Europa.

Outros restos desa vixilia, que se mantivo en vigor ata 1918, é o costume de comer bacallao e outros peixes nesa data, segundo comentou Reigosa na presentación de ‘Trece noites, trece lúas’, o libro editado por Xerais no que analiza o Nadal dende Galicia coa colaboración da ilustradora Noemí López.

Antonio Reigosa apunta que o volume, de 160 páxinas ilustradas a toda cor, “naceu das interrogantes que nos podemos facer sobre o que acontece entre 24 de decembro e o 6 de xaneiro. Como exemplo pon a pregunta sobre o costume de agallarnos. O experto afirma que nace da conmemoración da edificación dun templo a Saturno, “deidade de orixe grega á que os romanos consideraban promotor dunha idade de ouro, nunhas festas coñecidas coma Saturnais. Esas celebracións “cadran coas festividades do sol invito e de Mitra, e en Exipto cun festexo de culto a Dionisos no que as augas se converten en viño, coma a primeira milagre que fixo Xesús Cristo, o día ‘ de xaneiro.

O Nadal era unha época “na que hai unha serie de ritos en Galicia, sobre todo relacionados coa comida, pero tamén rebule a vida nas cidades asolagadas ou se fan as previsións premonitorias do tempo, como son as sortes, resortes e contrasortes. Bastante estendidos se atopan costumes como colocar cascas de cebolas nas ventás.

Na provincia de Lugo perdéronse algúns como o moneco de Anovello, que consistía nun monicreque “que elaboraban os mozos dunha parroquia para

deixárllelo aos de outra, co que se armaba unha liorta. Outras tradicións lucenses son os reiseiros, as persoas que van cantando na zona da Montaña, pero Reigosa matiza que “foi unha recuperación do padre Mato, que atopa meritoria, pero non ve garantida a continuidade pola falta de anovación xeracional.

O escritor lamenta a desaparición desas peculiaridades, un proceso que determino que “esteamos uniformizados, comendo as doce uvas e tomando o champán.

PROXECTO. O director de Xerais, Manuel Bragado, sitou ‘Trece noites, trece lúas’ como “un paso máis nun proxecto de recuperación do patrimonio oral a longo prazo, que vén tras a publicación o ano pasado de ‘Guía ilustrada da Galicia invisible’, coa que se inciaba a colaboración entre Antonio Reigosa e Noemí López.

Na súa opinión, esta obra “responde a preguntas importantes relacionadas co calendario cristián do Nadal, a orixe dos belén, a árbore, os ritos de cada día, as figuras que fan agasallos como O Apalpador, Xan Fiz, os Reis Magos ou as relacionadas con Papa Noel.

Un capítulo trata, por exemplo, as celebracións deste tempo no ano celta ou o Nadal en diversos países do mundo. Tamén hai capítulos dedicados aos preparativos, os beléns vivintes ou en movemento -no que se fala do de Begonte-, as lendas arredordo sorteo de lotería do Gordo de Nadal.

Jaureguizar

Onde se meteron? Artigo de Jaureguizar sobre Suso de Toro e Manuel Rivas

15 Novembro 2011

Artigos literarios,Autores,Narrativa

Jaureguizar cabrodou n o seu artigo de opinión desta fin de semana en El Progreso os 25 anos de Polaroid e os incios de Suso de Toro e Manuel Rivas.

Onde se meteron?

Suso de Toro ten morriña de si mesmo hai 25 anos. Co gallo da feliz exhumación de ‘Polaroid’ (Xerais) polo seu cuarto de século recoñeceu que sinte envexa daquel autor que o escribiu, nunca terei a graza que el tiña. A sentenza é parricidamente certa. Tampouco é que se lle pida outra cousa porque o compostelán agrandou tanto o perfil que nunca se moverá tan lizgairo. O mesmo que lle acontece a Manuel Rivas. Un clásico, obviamente. Como consecuencia nunca máis leremos a frescura do mariñeiro contando que no barco «había un calendario cunha vaca e sentábame ben (…) a imaxe conducíame a un mundo do alento, o fume e o espertar na casa» A escea tireina de ‘Unha partida co irlandés’, estupendamente rescatada en ‘O máis estraño’ (Xerais), que me acouga como cando baixas a discografía de The Smiths. Ignoro en que quince horas relerei/lerei estes relatos, pero o libro pousado na mesa de lectura condúceme a un mundo de alento, cando a literatura me era ancha e allea, e aprendín paraxes enteiras con ‘Un millón de vacas’ e ‘Polaroid’. Dous másteres de escritura creativa que me esforzo por atopar novamente. Os novos autores galegos describen coma un paisaxista holandés, metaforizan con máis retranca que Sabina, pero naceron consagrados a xeito do Benjamin Button de ‘scottfi tzgeraldino’. Debe de ser unha sorte chegar a palpar o potencial escuro da novela e, de vez, descubrir que o espírito de Hemingway se aparece na pantalla do teu PC, mais boto en falta o risco. Parece coña, pero veño de atopalo nun escritor sarriao en español. Ninguén pode negarlle vertixe a ‘El año del terremoto’(Alrevés). Leo Coyote xa cumpriu 23 anos dúas veces.

Jaureguizar

Conrad, Hergé e a novela «Extramunde», de Xavier Queipo, no artigo de opinión de Jaureguizar

7 Novembro 2011

Artigos literarios,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

Jaureguizar centrou o seu artigo de opinión de El Progreso en Extramunde, de Xavier Queipo., en relación co Conrad, Hergé e Theordor Roosvelt. Extramunde foi Premio Xerais 2011.

Traizoar para ser pirata

XABIER QUEIPO vive no corazón da escuridade, no centro de África. A causa soamente o coñecen Conrad e máis el. Conrad xa nos conta en‘Tifón’ (Sotelo Blanco) as súas motivacións para navegar lonxe das augas xurisdiccionais de Polonia, que non son diferentes ás de Theordor Roosvelt. O expresidente norteamericano percorreu e cartografou ‘El Río de la Duda’, como conta na crónica homónima que nos regalan agoran as Ediciones del Viento. Roosvelt navegou o Mato Grosso e máis o Amazonas. Queipo é todo o moreno que se pode saír de Samil, pero non ten problema en tomarlle o café a un negro, comprarlle pan a un negro ou mercarlle un voo a un preto. Hergé non era tan recatado na diatriba racial, como hai quen intúe en ‘Tintín en el Congo’ (Juventud), agora denunciado. Queipo está avencidado no Matongué, o barrio senegalés da Bruxelas pálida e cristiá polo seu traballo nas institucións europeas, pero preferiría estar empadroado na liña do horizonte, como ben demostra en ‘Extramunde’ a novela co que gañou outro premio, o Xerais desta volta. O Nosa Señora das Augas Santas cruza o Atlántico e o Índico coa mesma forza que Tintín percorre o mundo na procura de emocións e dun tesouro en ‘El secreto del unicornio’, a obra mestra de Spielberg e Jackson. No fondo, o motivo da aventura nolo resume Antón Coello en Extramunde: «Estou certo de que máis dun oficial me traizoaría só para se embarcar nunha aventura de piratería». O importante é a aventura por riba das razas, porque, como refire Roosvelt «a nosa expedición está composta de branco, negros e indios; todo eles espidos e berrando coma salvaxes».

Jaureguizar

Truman Capote e «Ninguén», de Fran Alonso no artigo de opinión de Jaureguizar

2 Novembro 2011

Artigos literarios,Críticas,Narrativa

Jaureguizar centrou  o seu artigo de opinión desta fin de semana en El Progreso en Truman Capote e o libro Ninguén, de Fran Alonso.

Un zume que non estaba só

Truman Capote almorzaba zume de laranxa. Tomaba varios máis ata o xantar. E tamén despois. O seu avogado, Alan Schwatrz, sabía que a laranxa ía emparellada con vodka. Non dubidaba porque se citaban decotío. Hai que ser tan peculiar como Capote para que un dos teus mellores amigos sexa o teu avogado. Esa relación permitiunos gozar dunha noveliña pícara como ‘Cruceiro de verán’ (Galaxia). Partindo dunha versión orixinal de 1943 e de centos de apuntamentos con rehabilitacións e melloras que se demoraron dez anos, varios expertos deron fi xado un texto en 2004. A historia é a historia

que sempre escribía Capote: unha persoa soa no páramo

edifi cado da metrópole. Reescribiuna relacionando unha

prostituta e un gigoló en ‘Almorzo en Tiff any’s’, que cumprirá medio século cadrando coa Feira de Santos de Monterroso. Fran Alonso tamén narra a soidade. Xa o fixera no clásico ‘Silencio’ e retoma o asunto máis ou menos onde o deixou en ‘Ninguén’ (Xerais). Os ruídos dos veciños xa non se filtran polas paredes, senón polo Facebook. Un dos seus personaxes recoñece que «non lembraba que a súa nai recease da soidade» porque ela vivía nunha aldea e emigrara á cidade levando canda si

«a alegría da vida comunal». En nunca lle atopei ao chiste

á vida permanente na aldea, pero si é certo que a soedade é unha sensación de factura recente na Historia humana. Capote non a padeceu –atendía colas de amigos– ata os últimos tempos por mor de que se volveu punzante. Acabou tan desacougado que, cando Alan Schwartz o convenceu para facer testamento, houbo de remontarse a un vello amante, Jack Dunphy, para deixarlle todo.

Jaureguizar

Entrevista de Jaureguizar a Manuel Rivas: «O conto non é que ti queiras, vai na túa procura»

28 Outubro 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa

El Progreso publica unha entrevista de Jaureguizar con Manuel Rivas sobre a publicación do seu libro O máis estraño.

«A Guerra de España é a guerra de Troia; a guerra de todas as guerras»

 

 

O ESCRITORES que falan pouco escriben novelas longas, Manuel Rivas escribiu moitos contos porque é falangueiro. Reuniunos en ‘O máis estraño’, volume no que verqueu os contidos de ‘Un millón de vacas’, ‘Que me queres, amor?’, ‘Ela, maldita alma’, ‘As chamadas perdidas’ e ‘Contos de Nadal’.

Hai uns días presentaba a tradución para o serbio de ‘O lapis do carpinteiro’ na feira do libro de Belgrado. Un libro moi axeitado para un lugar que padeceu recentemente unha guerra civil.
—Quería destacar que fun a esa feira como representante da literatura portuguesa. O convite inicial veu de profesores portugueses da facultade de Filoloxía en calidade de escritor da ‘lingua avoa’. Hai un recoñecemento do galegoportugués que me parece moi importante porque se fai dende a perspectiva nun lugar tan distinto de Europa.

Sen embargo, Portugal sempre se resistiu a recoñecer a ‘lingua avoa’, sempre negou ao pai.
—Hai tempo que non acontece iso. En Portugal e en Brasil hai recoñemento, o problema é de autodescoñecemento. En canto a esa feira, é a maior desa parte de Europa. Trátase dunha cultura nun proceso curativo tras outro de odio e de escachizamento. A literatura ten moito que ver na saída dese inferno porque é a vangarda dese proceso de recompoñer a relación e combatir a desmemoria.

—‘O lápis do carpinteiro’ fala do acontecido no 36 en Galicia, un tema constante na súa obra, tamén nos contos.
—A Guerra Civil é a guerra de todas as guerras. Non se trata dunha obsesión miña por un período. A guerra é o escenario da derrota da humanidade. Espero que non se tome como unha frivolidade, pero a guerra de España é a guerra de Troia. O que escribo está referido ao drama da guerra. Atopei as experiencias máis conmovedoras fóra de aquí, na aperta que me deu un mestre iraniano exiliado en Londres, que era o mestre de ‘A lingua das bolboretas’, ou nas caras dos espectadores que miraban a proxección desta película nun parque de Buenos Aires. Tiña que ver con eles. Cando un escribe quere chegar do local ao universal. O que une a condición humana a estraneza.

O título deste volume refire a perplexidade ante o mundo.
—Interesábame esa idea de que somos a sombra da sombra, ou, no meu caso, a sombra dun soño.

Un conto novo deste libro chámase así. Por que estes contos completos agora? Foi unha petición de Alfaguara? Vostede vende moitos libros e estamos en plena crise.
—Foi algo híbrido. Alfaguara comentoume que había títulos esgotados, outros que, tanto en galego como en castelán saíran en coleccións xuvenís. Había contos que eran descoñecidos para a xente… Iso cadra cun momento de balance, momento sicolóxico en que un está mudando de pel, en que está cambiando, explorando novos eidos e novos xeitos de escrita.

Non entendo. Refírese a que está máis implicado na novela?
—Non, a que cando escribes vives nun cambio permanente.

Comprendo, pero iso é continuo; non deste momento concreto.
—Era un momento axeitado para convocar todos os relatos anteriores nunha mesma constelación.

A proposta de reunir cinco libros nun só volume é moi apetecible.
—Pareceume unha proposta que respondía a certa natureza das cousas, a ver unha panorámica do hábitat que un foi creando, a enfrontarse ás propias pegadas, que poden provocar insatisfacción e tamén arrepentimento.

Recoñece o arrepentimento, pero resistiuse a cambiar os contos ou a eliminar algúns.
—A primeira reacción foi facelo, porque non hai escritor que mire atrás e poida facer cánticos gloriosos.  Hai momentos consustanciais ao propio traballo que son de insatisfacción. Os franceses falan da síndrome da escaleira, da necesidade de volver atrás cando estás arriba.

Por que non os reescribiu?
—Hai unha certa corrección, revisión estilística. Entendo normal que non me convenzan todos, pero o dilema era publicar todos ou facer unha escolma. Ao relelos, cheguei a dúas conclusións. A primeira lina nun dos relatos, cando un personaxe di que «nunca borres as pegadas dun animal solitario». A segunda foi que ás veces os mellores contos son os que che parece que coxean por algures.

Son máis frescos? Teñen maís naturalidade.
—Teñen outro aire.

Eliminar ou modificar relatos, non sería traizoarse?
—Non tanto. En todos os oficios acontece iso. Agora resulta que o cadro negro de Malevich non era tan negro, tiña cores por detrás. Este é un oficio no que buscas unha certa elevación, estás na tarefa de reexistir no máis humano. Pero, neste caso, obedecín a voz dos contos, que pedían liberdade. Como lle día Vasili Grossman ás autoridades soviéticas: «Detéñanme a min, pero deixen en liberdade o meu libro».

José Luis Cuerda está rodando a adaptación cinematográfica de ‘Todo é silencio’. Cuerda e vostede manteñen unha relación estable nese senso de que el adapte os seus textos. Escribir sabendo que o que faga será adaptado non o condiciona? Non lle resta liberdade.
—A historia de cada adaptación é diferente. No caso de ‘A lingua das bolboretas’ non pensei en que fose ser película porque non é habitual que os relatos cheguen ao cine. Foi unha sorpresa. Neste caso, foi diferente porque era algo no que estaba mergullado. Fun tentado para escribir guións, con amizade pero con insistencia. No caso de ‘Todo é silencio’ foi como un desafío, pero xa non se vai dar máis.

Non vai escribir máis guións?
—Non digo iso, pero, se o fago,será a partir dunha obra de literatura, como nesta ocasión. Ata que escribín a novela non puiden facer o guión. O meu hábitat é a escrita. Eu son animal solitario á hora de escribir.

Gústalle traballar en solitario para desenvolver vostede as súas ideas?
—Son un animal solitario á hora de escribir; logo, partillo.

Cústalle compartir o seu mundo?
—Gústame o espectáculo do mundo, pero gústame andar so.

Leva tempo sen publicar un libro de contos. Vai entregar algún proximamente?
—Teño abertas varias carpetas. O conto non é que ti queiras, o conto vai na túa procura. Ás veces prendes un lume e quedas mirando para el ata que te queimas os dedos. Iso é o conto.

Jaureguizar

«Poñente», de Pere Tobaruela, e o temor ante o Penalti que suxire Jaureguizar

24 Outubro 2011

Artigos literarios,Narrativa

Jaureguizar centrou  o seu artigo de opinión desta fin de semana en El Progreso nun determinado momento e actitude da historia de Galicia e na novela Poñente, escrito polo escritor catalán afincado en Galicia Pere Tobaruela.

O temor ante o penalti

GALICIA tivo un momento idóneo na súa historia. Como esa tarde no que os adolescentes acertan a coordenar piercing e montura de gafas. Perfecto Saavedra, o catedrático de Historia Moderna, situoume naquel tempo próspero: o textil no interior, as ferrerías nas montañas do Leste, as curtidurías na bisbarra de Santiago, a pesca en todo o litoral. A nosa achega demográfica era do 13% estatal. Iamos sobrados a respecto de Cataluña. As condicións eran inmellorables para sermos un país dos que galopan nos séculos. Pero algo fallou. Representamos‘El miedo del portero ante el penalti’ (Alianza), coma no libro de Peter Handke. Saavedra sabe excesivas cousas sobre o século XVIII como para explicarmas. «Hai moitos factores», foi o seu xeito educado e humilde de facermo ver. A conclusión é que Galicia no se atreveu a chutar con furia, a artellar unha influencia en Madrid consonte ao seu potencial. Talvez por non molestar, que sempre fomos ben mandados. E viñeron outros a axitar o país por nós, como sempre acontece na realidade e nunca nas novelas. Os homes chegados do nacente foron os fomentadores cataláns que puxeron a andar a industria. Eles salvá- ronos a pesca, pero o demáis marchou canda a desidia dos que apañaran capitais e deron en erixir igrexas e pazos. Pere Tobaruela tamén procede do mesmo punto cardinal, pero hai so uns anos. Aprendeu o noso idioma, tanto como para escribir novelas, que lle saen como ‘Poñente’ (Xerais). O industrial catalán Josep Sarduní ocupa unha das tramas, a histórica, co seu empeño por quitar adiante unha salgadura. O sal servía para conservar; ata para emprender, teimamos en conservar.

Jaureguizar

O deputado Tabuyo mergúllase na novela negra co comisario Romero

12 Setembro 2011

Narrativa,Noticias,Presentacións

Jaureguizar publicou en El Progreso unha información sobre a novela novela  Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo.

O deputado Tabuyo mergúllase na novela negra co comisario Romero

Domingo Tabuyo sabe que a carne sueca é explosiva. «Un día informeime de que había unhas latas etiquetadas como un produto cárnico de Suecia e, en realidade, contiñan explosivos», comenta para situar a idea lonxana que foi conformando ata que acabase sendo ‘Svea kött (carne sueca)’, a novela negra que vén de publicar en Xerais.

A trama comeza coa aparición dun home indocumentado morto ao pé dunha libraría especializada en Oriente Medio e continúa co descubrimento dun segundo cadáver en Cambados. O comisario Sindo Romero -«que continuará investigando noutras novelas»- deberá ligar ambos os crimes.

Cando era novo, as inquedanzas literarias de Domingo Tabuyo avanzaron canda as sociais e, aínda que el asegura que «a escrita foi antes cá política», este profesor de Historia no ensino medio representa ao PSOE como deputado na Carrera de San Jerónimo por segunda oportunidade desta volta. De feito, publicou a súa primeira obra en 1993 e a actividade pública chegou despois, a base de participar en movementos e asociacións en Cambados.

Tanto a historia como a literatura ou política son actividades que escolleu, algo que non acontece coa Mariña, «na que estiven un tempo porque reenganchei despois das milicias ata que quitei as oposicións».

A experiencia no mar valeulle «unicamente para algúns comentarios na novela». Utilizou moitas máis expresións «dunha parente de Sanxenxo, que emigrou a Estocolmo». Sobre esa muller, apunta o autor que «sempre conservou as raíces galegas, pero, cando regresaba por vacacións, falaba nunha mestura de sueco e galego, que nos fixo aprender moitas palabras nesa lingua».

Este pontevedrés mantén as súas querencias e, cando decidiu escribir unha novela negra, atendeu ao seu gusto pola novela nórdica, por «tratar de cuestións que lle importan á xente». Suecia, a narrativa e os conflitos dos colectivos humanos conflúen deste xeito en ‘Svea kött’.

O protagonista que creou para afrontar esas carencias da sociedade é «un home de 50 anos que ten as súas raíces que non son dunha cidade, senón dunha vila, e que ten valores tradicionais», como poden ser o esforzo no traballo e a raigame nun sitio.

Por iso, compatibiliza «a vida laboral en Madrid coa súa patria real, que está no Salnés e que é Cambados». Tabuyo aprésase a deixar claro que, malia as coindencias que existen co seu xeito de vida -«paso a semana en Madrid, pero vivo en Cambados»-, «non é unha novela autobiográfica».

Esa fonda base ética serviralle a Sindo Romero para chantarse diante dunha «parte do aparello do Estado que actúa autonomamente» para atallar un problema de terrorismo. «Iso si que o compartimos», acepta o escritor, que comenta a acción de Estados Unidos contra Bin Laden, «coma unha mostra da dobre moralidade que trata de xustificar que a fin xustifica os medios, e non debe ser así en ningún caso».

O alcalde de Lugo, José López Orozco, máis ca un cuestionamento dos gobernantes, percibe «unha crítica aos valores morais da nosa sociedade».

Para o editor, Manuel Bragado, o interesante é propor eses asuntos «no contexto dunha novela negra».

Jaureguizar

Premios Xerais 2011 nos blogs

12 Xuño 2011

2011,Autores,Eventos,Fóra de Xogo,Merlín,Narrativa,Premios,Premios_Xerais,Xerais nos blogs,Xuvenil

Varios blogueiros e blogueiras comezan a publicar as súas crónicas e comentarios sobre os Premios Xerais 2011. A todos eles a maior gratitude de Xerais.

Crónica de Jaureguizar sobre o libro de Aníbal Otero, a maior autoridade lingüística do 36, biografada por Alonso Montero

5 Maio 2011

Crónica,Lingua

Jaureguizar publica en El Progreso unha reportaxe sobre o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, que se presentou o pasado mércores en Lugo. Reproducímola integramente:

Alonso Montero di que a guerra truncou a carreira de Aníbal Otero

O profesor presentou a súa investigación sobre o lingüísta de Ribeira de Piquín

LUGO. O profesor Xesús Alonso Montero asegurou onte, en referencia a Aníbal Otero, que «a Guerra Civil truncou unha vida profesional importante». Alonso Montero presentou o seu ensaio ‘Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo’, que publicou Xerais.
O estudoso da lingua e a literatura galegas afirmou sen dubidar que o investigador de Ribeira de Piquín «era a maior autoridade en lingüística galega no ano 1936 a pesar de que na altura non rematara a carreira de Románicas». Engadiu que «sabemos que lle faltaban algunhas asignaturas, pero non sabemos as que eran porque os arquivos da universidade Complutense arderon como consecuencia da guerra».
O feito extraordinario de ser o maior experto en materia de lingua ten o seu atenuante, matizado polo autor do libro, de que «daquela ninguén sabía tanto coma el porque a facultade de Filosofía e Letras de Santiago non tiña unha sección de Románicas, polo que el, coma min e logo outros como Xosé Luís Méndez Ferrín, tivemos que marchar a Madrid para estudar».
Alonso Montero, que analizou «os 207 folios da causa contra Aníbal Otero, entre as que hai cartas de Menéndez Pidal ou Navarro Tomás», explica que no momento de estoupar a contenda civil, o ribeirense estaba participando na elaboración do Atlas Lingüístico da Península Ibérica, unha investigación «que dirixía honorificamente Menéndez Pidal, pero na práctica quen se encargou foi Navarro Tomás». O equipo estaba formado por cinco filólogos e a encarga que lle fixeron ao ribeirense
consistía en recoller información da lingua en Galicia e no norte de Portugal.
Aníbal Otero instálase en Valença do Minho para traballar no norte luso, onde o sorprende a sublevación militar. «Daquela o goberno salazarista tiña relacións co goberno legal, que era o único que había, o da República», apunta o investigador. Esa situación non evitou que as autoridades portuguesas atendesen á reclamación da policía de obediencia franquista pois desconfiaban daquel galego que andaba entrevistando aos labregos. Rexistraron o seu cuarto no hotel «onde atoparon unhas anotacións linguaxe crítptica, que non era outra cousa ca unhas transcricións fonéticas», que eles tomaron por apuntamentos propios dunha espía.
Alonso Montero recoñece que «máis comprometadora foi unha carta á nai que tiña a medio escribir na que lle conta que está ben e que non pensa volver a Galicia porque non quere loitar contra o exército dun goberno legal». « En todo caso, di que iría por Cáceres para loitar do lado da República», sinala o autor do libro, que suma ao feixe de probas contra o lingüista «unha carta do embaixador español en Portugal, Claudio Sánchez Albornoz». O profesor considerou pertinente advertir que «Aníbal Otero non era comunista, nin sequera era de esquerdas; era liberal conservador». A única particularidade que tiña era «o seu ateísmo».
Portugal entrégao aos franquista e un tribunal militar condénao a cadea perpetua. Cumpre cinco anos de cadea. O cárcere non lle resta folgos investigadores porque «pregunta aos compañeiros de cela como pronuncian as cousas. O alcalde de Mos, por exemplo, contaba que lles pedía que pronunciasen ‘xurelo’».
A saída da cárcere non valeu máis que para que entrase noutra porque «se enterra na súa localidade natal, Barcia, onde traballa como labrego, pero, sobre todo, como muiñeiro». Neses anos cáelle unha segunda desgraza.
Tras contraer matrimonio cunha curmá, nácelles un neno con problemas físicos graves, «que o converte nun vencido da vida», en palabras de Alonso Montero. Nos anos 50 retoma a súa investigación durante un tempo, pero o material que produce queda inédito.
Na presentación, o autor estivo acompañado polo editor, Manuel Bragado, e máis polo decano da facultade de Humanidades de Lugo, Alexandre Veiga. O acto desenvolveuse na galería Sargadelos.

Jaureguizar

Entrevista de Jaureguizar con Agustín Fernández Paz sobre «Non hai noite tan longa»

4 Maio 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa

Jaureguizar publica hoxe en El Progreso unha entrevista con Agustín Fernández Paz con motivo da saída de Non hai noite tan longa. Reproducímola integramente:

«A miña xeración ten unha sensación de estafa polo tempo que nos tocou vivir»

O escritor vilalbés anda atarefado coa elaboración dun dossier que respalde a súa candidatura ao premio Andersen, o galardón internacional máis destacado de literatura infantil e xuvenil, pero o seu corazón anda incerto e ilusionado con ‘Non hai noite tan longa’ (Xerais), o seu debut oficial como escritor para adultos logo de 43 libros publicados.

Fernández Paz vive entre incertidumes nestes días. Aínda falta un ano para saber se lle conceden o premio Andersen, pero soamente lle falta unha semana para ir percibindo se o sistema literario galego o acepta como autor para adultos coa primeira novela que quita nunha colección non expresamente xuvenil ou infantil.
—Agora que está revisando a súa carreira para elaborar o dossier, non pensou en escribir unha memorias?

—Non teño intención de facelo. Si de facer un libro cunha escolma dos meus textos de ensaio. Algún ten un certo aire memorial.
—Por que se mantén sempre nun segundo plano, por tras da súa obra? A súa humildade é admirable, pero contradice a súa importancia.

—Non é humildade. Non estiven en África Oriental. A miña biografía é a de calquera tipo da miña idade, non me distingo por nada. De todos os xeitos, todas obras de fición son autobiografías enmascaradas. Hai dúas correntes paralelas que se alimentan do vivido.
—Resístese a falar de si mesmo, pero non da súa xeración. Faino en ‘Non hai noite tan longa’.

—Esta novela é dalgún xeito un retrato da miña xeración. Chega unha idade na que tes a necesidade de botar a vista atrás e ver como foron as cousas, como te foi levando a vida a facer determinadas cousas. Cando morreu Franco eu tiña 28 anos. 28 anos da miña vida marcounos o franquismo, pero máis que o réxime político, foi o modo de vida e a ausencia de pautas culturais que nos tocou vivir. Canda fala iso cos meus alumnos custáballes entendelo. Moitos dos autores aos que facíamos referencia na clase son autores que eu debera ter lido na mocidade, pero non puiden: Camus, Beckett, Neruda, Alberti ou Castelao. No cine pasoume igual, eu sabía de memoria a filmografía de Godard polas revistas de cine que lía, pero hai películas que aínda estou ven do agora por vez primeira. Para os que viviron o franquismo con pracidez era normal, pero para os que tiñamos sede de cultura era unha estafa tremenda. A miseria moral e o atraso son vivencias xeracionais. O drama en materia de relacions afectivas marcou a toda unha xeración.
—Padecían castración do afecto?

—Si, pero unida aos conceptos de pecado e de culpa que nos metían. Os seus escapes foron Barcelona e o cine. Si, tras Vilalba, Lugo e Xixón, Barcelona era unha illa de liberdade en todos os ámbitos. Había numerosos cines de arte e ensaio.
—Vosteda xa manda directamente ao protagonista de ‘Non hai noite tan longa’ a Francia. Por que escolleu facelo no 69, cando empezaba a apertura, e non os anos nos que a opresión era maior?

—O 69 e 70 foron anos de estado de excepción, do proceso de Burgos, das condeas a morte, os sucesos de Ferrol… Parécelle pouca opresión?
—A novela está ambientada en 2002. A que se debe?
—Porque é o ano de entrada do euro e porque o protagonista cumpre
50 anos, que é unha idade simbólica, cando regresa. Nesta obra volve un asunto do pasado que ha de ser resolto. A vida é iso, contas pendentes que resolver. No caso do protagonista debe resolver que prenderan e morrera o pai e a el aféctalle. Ten a conciencia da culpa de marchar deixando a familia e de non volver.
—Opina que a culpa é a característica da súa xeración.
—Non, a nosa característica é a sensación de estafa, de frustración
pola época na que nos tocou vivir.
—A culpa é un concepto relixioso, e vostedes foron marcados pola relixión.
—No caso da novela si que ten que ver coa relixión. O protagonista marcha para non afogar e fai por esquecer, pero volve e se reencontra co pasado. Ten unha sobriña que representa ás xeracións dos 80 e 90, que non teñen perxuicios e preguntan para saber o que pasou. E está o tema da portada…
—A famosa foto de Rosa Parks negándose a ceder o asiento no bus a un branco…
—Escollín esa foto por ese espírito de querer enfrontar a inxustiza e de resolver algo no pasado, aínda que sexa a destempo, no caso do meu protagonista.
—O pasado pode resolverse?
—Na miña novela, si; na vida real é máis complicado.
—Escribiu ‘Non hai noite tan longa’ pensando nos adultos?
—Non, escribína coa mesma dedicación cas outras. O editor leuna
e falamos de metela nunha colección sen adscricións. Eu véxoa tan de adultos coma outras novelas miñas, como ‘Aire negro’. Daquela, no 92, preferín metela nunha colección para rapaces porque pensei en chegar a máis lectores.

«Se Docampo ou Miranda ingresasen na RAG abriría unha botella do mellor champán»

A PETICIÓN para que a literatura infantil e xuvenil (LIX) estea representada na Real Academia Galega está medrando con Agustín Fernández Paz como candidato.
—A que ámbitos debería acceder a LIX para a súa normalización?
—Xa se fixo madura, aínda que en España tardou máis en chegar. Hai xente adulta que le este tipo de literatura e non lle caen os aneis. Saben que hai cousas boas, malas e regulares, como nos outros. Os escritores de LIX son máis visibles… se seguimos así, os editores non mirarán se publican nunha colección ou noutra.
—A entrada na RAG dalgún autor sería o paso definitivo?
—Esa polémica anda por aí, pero paréceme máis importante a entrada das mulleres.
—Unha vez haxa académicas, non debería haber autores de LIX?
Sería simbólico e farían unha achega como a doutros ámbitos. Na Academia están todos os sectores, agás a LIX. O importante son as mulleres porque é unha reivindicación histórica. A Academia Española ten mesmo periodistas. Tamén deberían entrar. A linguaxe periodística é importante.
—Obviándoo a vostede. Que lle parece que fagan académicos a Xabier Docampo ou Xosé Miranda?
—Abriría unha botella do mellor champán.

Jaureguizar

Tintimán, o booktrailer

11 Abril 2011

Noticias,Tintimán,Vídeos,Xuvenil

A película «A casa da luz» baseada no libro do mesmo título de Xabier P. DoCampo bota andar por toda Galicia con pases privados

24 Marzo 2011

Autores,Cine,Infantil,Noticias

A película A casa da luz, baseada no libro do mesmo título de Xabier P. DoCampo, bota andar por toda Galicia con pases privados, segundo informou onte o xornal El Progreso nunha noticia asinada por Jaureguizar.

O filme, que dirixiu o realizador Carlos Amil baseándose na novela homónima de DoCampo, é a primeira cinta galega con actores rodada para público infantil.

A información completa, dunha páxina do xornal, pode baixarse en pdf.

«A coroa de Napoleón» e Tintimán no xornal La Opinión da Coruña

18 Xaneiro 2011

Críticas,Tintimán,Xuvenil

Luis P. Ferreiro publica en La Opinión da Coruña un comentario sobre A coroa de Napoleón, de Jaureguizar, así como sobre serie Tintimán. Reproducimos o texto, que ten o título de «Un detective na batalla de Elviña»:

Un detective na batalla de Elviña

O escritor Jaureguízar presenta o xoves a novela ‘A coroa de Napleón’, na que un xornalista mozo debe resolver un misterio na cidade co aniversario da batalla da Coruña como tema central

Imaxínese o lector que, para celebrar os fastos do segundo centenario da batalla de Elviña que tivo lugar o 19 de enero de 1809, organízase na cidade unha grande exposición sobre eses acontecementos e a invasión napoleónica da Península en xeral. E imaxínese tamén que a peza estrela desa instalación, cedida baixo duras condicións polo goberno francés, é a coroa coa que o mesmísimo Napoleón se autoproclamou emperador. E, para rematar, imaxínese que un misterioso xinete enmascarado roba a xoia e pon ao Goberno ao borde dun serio conflicto diplomático.
Pois esta é a trama do libro A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña, que o seu autor, o escritor e xornalista lugués Jaureguízar, presentará o xoves na Librería Arenas, aproveitando a celebración do aniversario da batalla na que perdeu a vida o xeneral sir John Moore. “Tintimán é un reporteiro de 16 anos, que investiga misterios por Galicia. Neste libro, o seu obxectivo e atopar e recuperar a coroa de Napoleón antes que na policía, para ter a exclusiva para o seu periódico”.
Esta personaxe, que debe o seu alcume a unha mítica revista alternativa do Vigo dos 80, e que fusiona aspectos de Tintín e Indiana Jones, vive na cidade a súa segunda aventura tras Corazón de chocolate, que acontece en Compostela e que serviu para presentarlles aos rapaces de Galicia este particular detective adolescente, a súa moza Mónica, e ao seu gato-medium torto, o Señor Grozni. “A serie vai ter máis partes —asegura Jaureguízar—. A seguinte vai estar ambientada en Vigo. A través das aventuras de Tintimán quero contar unha parte da historia das cidades nas que acontecen os feitos dun xeito ameno. Na Coruña é a batalla de Elviña, e en Santiago, a época de Xelmírez”.
Este afán divulgativo fai que o escritor vexa con moi bos ollos as actividades de asociacións históricas como The Royal Green Jackets. O seu director, Manuel Arenas, participará na presentación de A coroa de Napoleón: “Estas agrupacións son moi positivas, porque permiten vivir a historia, que é algo que non acontece habitualmente. Eu intento que os meus lectores o fagan, pero e que os Royal Green Jackets reproducen os acontecementos con moito rigor e moita seriedade. E estou convencido de que o pasan estupendamente ben facéndoo”.
Aínda que as aventuras de Tintimán —que estudia no instituto e traballa de freelance para o mesmo periódico que o seu defunto pai, morto en Irak cando exercía de corresponsal— están pensadas para un público mozo, Jaureguízar afirma que os adultos tamén poden gozar das súas andainas: “O xuvenil é un público máis agradecido do habitual. Teño contacto con eles, porque vou aos institutos a falar con eles das miñas obras, e agradezo moito as súas opinións, que acostuman a ser brutais para ben ou para mal”.
E parece ser que é para ben, porque o primeiro volume das historias de Tintimán van xa pola súa segunda edición. Respecto ao estilo literario no que Jaureguízar encadra estas dúas novelas, afirma que se trata dun exercicio de estilo seguindo os cánones da novela de aventuras, aínda que o obxectivo, ademais de entreter, é didáctico. Só queda preguntarse cales serán os motivos polos que ese misterioso enmascarado roubou a coroa do emperador, e se Tintimán e os seus estraños amigos serán quen de reuperala. Todo parece indicar que si.

Luis P. Ferreiro

Tintimán, a serie de Jaureguizar, reseñada no Galicia Hoxe

Críticas,Tintimán,Xuvenil

Este pasado domingo o xornal Galicia Hoxe publicou unha ampla noticia sobre a serie Tintimán, de Jaureguizar, que consta xa de dous títulos: Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela e A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña.  O texto, asinado por Ada Casa Grande, pode baixarse en pdf, e reproducímolo tamén a constinuación:

Segue as aventuras de Tintimán e acompáñao na resolución de misterios

A Coruña e Santiago de Compostela son as dúas cidades onde se desenvolve a acción. Tintimán é un xornalista novo, algo insolente e arriscado que terá que facer fronte a dúas emocionantes intrigas. ‘Corazón de Chocolate’ e ‘A coroa de Napoleón’ conxugan á perfección a nosa personalidade colectiva coa necesidade de solucionar o problema acaído. Dirixido ao público xuvenil, o creador da saga é Jaureguizar.

ADA CASA GRANDE. Edicións Xerais de Galicia propón para esta fin de semana dúas historias impresionantes que te engancharán pola súa frescura, con intriga e misterio da man do magnífico escritor Jaureguizar.

Encadrado na colección xuvenil Sopa de Libros, Un misterio para.. preséntanos un sagaz raparigo chamado Tintimán. Trátase dun rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, que herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista no xornal Diario Galego.

En Corazón de chocolate, a primeira trama desta saga, a cidade de Santiago de Compostela é o escenario emocionante e atrevido para o primeiro misterio que ten que descubrir. Este reporteiro novo investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. O Señor Grozni, que é un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, loura e moi parecida fisicamente a Kate Moss, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade. N’A Coroa de Napoleón, a segunda das historias protagonizada por Tintimán, este desprázase ata á Coruña, onde se localiza a súa acción. A cidade herculina asiste horrorizada a un incidente de consecuencias internacionais, pois desapareceu unha coroa de Napoleón que o Goberno francés lle emprestara á Corporación para conmemorar o bicentenario da Batalla de Elviña.

A prezada xoia debe aparecer inmediatamente e de xeito discreto para evitar un conflito diplomático. Soamente un reporteiro coa coraxe de Tintimán, axudado por Señor Grozni, o seu gato torto, e por Mónica, poderá descubrir o acontecido.

Por se acaso te perdes, os dous volumes contan cun mapa por onde o intrépido xornalista terá que moverse con cautela e, para unha lectura máis relaxada, podes afrontar a historia por capítulos, xa que a trama se desenvolve aos poucos. As ilustracións das dúas pequenas novelas son da feitura de Matalobos coa súa característica elaboración que lles dan vida ás dúas cidades e ao seu protagonista, que transita e se mergulla en cada rúa, recuncho e praza.

Outras obras que podes ler do mesmo autor, tamén dirixidas a un público xuvenil, son A cova das vacas mortas, Balea morta ou lancha a pique, Salitre ou A rutina Corsaria.


«A Coroa de Napoleón. Un misterio de Tintiman na Coruña», de Jaureguizar, presentación o próximo xoves na Coruña

14 Xaneiro 2011

Narrativa,Presentacións,Xuvenil

A libraría Arenas acollerá o próximo o xoves, 20 de xaneiro,a presentación da novela A Coroa de Napoleón. Un misterio de Tintiman na Coruña, de Jaureguizar. O acto, que contará coa participación de Manuel Santiago Arenas Roca, Presidente da Asociación Histórico Cultural The Royal Green Jackets; o propio Jaureguizar e Manuel Bragado; terá ás 20,30 horas nos locais da libraría (Cantón Pequeno, 25 ).

O Espazo Tintimán protagoniza o Nadalxogo de Compostela

24 Decembro 2010

Animación á lectura,Eventos,Narrativa,Noticias,Tintimán,Xuvenil

O alcalde de Santiago coñeceu no serán de onte, os corazóns de chocolate! (e foi consciente de que son bombas calóricas) no Espazo Tintimán que se organizou no Nadalxogo de Santiago. Tamén informouse de quen é Tintimán (interpretado polo actor Alberto Rolán) e animoumo “a investigar esa seita”.

O programa de actividades do Espazo Tintimán en Nadalxogo pode descargarse aquí.

Jaureguizar estará no Nadalxogo de Compostela asinando exemplares dos seus Tintimán

20 Decembro 2010

Animación á lectura,Eventos,Infantil,Narrativa,Tintimán,Xuvenil

O escritor Santiago Jaureguizar estará no Nadalxogo, en Compostela, asinando exemplares do seu libro Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela, os días 23, 25, 27 e 28 de decembro, así como o día 2 de xaneiro. O Concello de Santiago está a empregar o personaxe Tintimán durante as actividades de Nadalxogo a fin de promocionar a lectura e promover o coñecemento da cidade.

Podes atopar a Tintimán, o reporteiro máis novo e arrichado do país, dentro do Espazo Tintimán do Nadalxogo, no Multiúsos Fontes do Sar de Santiago, entre o 23 de decembro e o 3 de
xaneiro. Tamén haberá obradoiros.

Obradoiros

Para ser un auténtico Tintimán, podes escoller entre dúas actividades:
• Obradoiro de animación en plastilina: Tintimán ten que buscar os pés á estatua de Cervantes. Para botarlle unha man, podes elaborar personaxes en plastilina e decorados para rodar a túa propia curtametraxe.
• Obradoiro de cociña. Nunca serás un Tintimán verdadeiro se non sabes cociñar corazóns de chocolate. Aprendéfacer este saboroso doce de biscoito e chocolate.

Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista.  A cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir.  O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.

Baixa toda a información sobre Tintimán e Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela.

Jaureguizar: «A terceira aventura da serie Tintimán estará ambientada en Vigo»

2 Decembro 2010

Autores,Infantil,Narrativa,Presentacións

O escritor Santiago Jaureguizar presentou onte en Compostela a súa novela Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela, acompañado da concelleira de Educación, Mercedes Rosón e do director de Xerais, Manuel Bragado. O Concello de Santiago empregará o personaxe Tintimán durante as actividades de Nadalxogo a fin de promoiconar a lectura e promover o coñecemento da cidade.

Así mesmo, Jaureguizar anunciou que o próximo libro desta serie estará ambientado en Vigo, e os seguintes dedicaráos a Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra. Os dous títulos xa publicados desenvólvense en Compostela e A Coruña.

Os ingredientes desta serie, apunta Jaureguizar son o «ritmo, acción e a aventura». O autor declaroulle ao xornalista Alberto Ramos que está  satisfeito coa acollida que está a ter a serie: «Eu vou moito polos institutos e varios rapaces din que, ao ler o primeiro, foron xa ás librarías para mercar a continuación. Estalles a gustar a personaxe».

Jaureguizar entrevista a Manuel Rivas: «O tema da novela é a loita polo poder»

27 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa

O xornal El Progreso de hoxe recolle unha entrevista que o escritor e xornalista Jaureguizar lle fai a Manuel Rivas con motivo da publicación da súa última novela Todo é silencio. «Máis ca cocaína, o tema da novela é a loita polo poder», asegura o entrevistado: «Había xente que se encontrou con que podía gañar diñeiro con algo que non era pecado, porque contrabando sempre houbo coas mulleres que pasaban a fronteira preñadas e volvían paridas».

A ese respecto, noutra das súas respostas, Rivas puntualiza: «sabemos quen goberna este mundo, pero non quen o domina».

Rivas asegura que da literatura lle interesa «as relacións de poder e o xeito no que a cultura actúa con prevención civilizadora como instrumento de dominio cun envoltorio perverso». E log engade: «pero non escribo pensando neses efectos secundarios. Como di Miguel Torga, o primeiro deber do escritor é escribir. Escribiría aínda que non me publicasen».

A entrevista pode lerse completa aquí.

Jaureguizar fala da «Guía ilustrada da Galicia invisible» de Antonio Reigosa

23 Outubro 2010

Artigos literarios,Ilustracións,Infantil,Noticias

Jaureguizar publicou o pasado venres no xornal El Progreso unha crónica literaria sobre a Guía ilustrada da Galicia invisible de Antonio Reigosa, que Xerais acaba de dar á luz:

«Antonio Reigosa intuíu hai tempo que existe unha xeografía paralela á que miramos todos os días. O escritor lucense decidiuse a indagar nela como un pioneiro dos que conquistaban terras novas no Renacemento e vén de presentar un manual para levarnos da man».

A crónica completa pode lerse aquí.

Artigo de Jaureguizar sobre «Asasinato no Consello Nacional»

18 Outubro 2010

Artigos literarios,Narrativa

Jaureguizar publicou esta fin de semana un artigo de opinión en El Progreso sobre Asasinato no Consello Nacional:

Neste mes de outubro que semella inocuo e mollado produciuse un feito inusual no BNG: a fronte está actuando ao unísono. Todos semellan estaren lendo Asasinato no Consello Nacional (Xerais), de Diego Ameixeiras. Tanta uniformidade lectora unicamente acontecera con Sempre en Galiza (Galaxia), de Castelao. Unha edición vendida de Asasinato nunha semana é un récord que baten poucos autores europeos. O secreto é a intriga política.

O artigo completo pode lerse aquí.

Jaureguizar entrevistado en «Xornal de Galicia»

26 Agosto 2010

Autores,Entrevistas,Tintimán,Xerais_nos_medios

Iago Martínez publica en Xornal de Galicia unha longa entrevista con Jaureguizar. Tras a publicación recnte das dúas primeiras entregas da serie «Aventuras de Tintimán», Corazón de chocolate e A coroa de Napoleón, anuncia que corrixe o orixinal dunha nova novela para adultos.

Ameixeiras: «Confío no sentido do humor dos dirixentes nacionalistas»

13 Agosto 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Noticias,Xerais nos blogs

A perda da presenza en San Caetano tras as eleccións do 2009 supuxo unha convulsión no Bloque Nacionalista Galego. O sangue non chegou ao río, pero Diego Ameixeiras decidiu levalo pola súa conta para escribir Asasinato no Consello Nacional, a novela coa que Xerais agarda en setembro unha recepción proporcional ao ascenso do que goza o autor ourensán. A acción comeza nun tras unha xuntanza da cúpula frontista na que a executiva presentou a súa dimisión. Ao remate da reunión, o candidato da UPG a voceiro do Bloque vai subir no coche e sorpréndese de que se lle achegue un encarapuchado que lle dispara tres balas contra a cabeza. O crime provoca que se inicie unha investigación oficial e, paralelamente, outra máis discreta que os nacionalistas encargan a Alberto Cudeiro.

Diego Ameixeira proclama que Asesinato no Consello Nacional é unha homenaxe patente de 264 páxinas a Asesinato en el Comité Central, a novela imprescindible de Manuel Vázquez Montalbán. «El escribiu ese libro nun momento de moitos problemas no PCE, atreveuse a sacar á luz o mundo interior do partido comunista e pareceume que a tesitura na que estaba o Bloque tras as eleccións do 1-M eran semellantes», argumenta. O escritor engade que «chamoume a convivencia de distintas correntes: dende a UPG, que simboliza o máis ortodoxo, a Máis Galiza, que son máis pragmáticos, pasando polo irmandiños de Beiras, na liña do altermundismo». O autor confesa que «é curioso saber como funciona ese mundo», ao que el se achegou «a través da prensa e xente que me daba as súas teorías sobre o BNG», que son do máis diverso. A derrota do ano pasado tivo como consecuencia «que saísen á luz vellos rancores», que foron vehiculizados «nuns foros de internet divertidísimos pola sinceridade coa se fala neles e que se agradece para construír personaxes». Con todo, eses comentarios foron un complemento «porque hai personalidades, como a de Beiras, Quintana ou Paco Rodríguez, que son moi literarias». Dese triunvirato, recoñece que escolle o primeiro, «porque podes estar de acordo ou non con el, pero non pasa desapercibido: poslle un micro diante e dáche cen mil titulares». Estes políticos figuran na obra con alcume «porque é obvio que van ser identificados» e Ameixeiras percibe moi delicado poñerse «nas súas cabezas dando nomes reais». A fin de evitar malentendidos, advirte de que, no dramatis personae de Asasinato no Consello Nacional «hai composicións a partir de persoas reais, de conxecturas que se barallan nos debates de internet e tamén arquetipos da UPG e do quintanismo».

Diego Ameixeiras amósase «soprendido de estar falando dun libro cando aínda non saíu», como se nunca pensase na posibilidade de que a súa fición teña un eco de incomodidade no Bloque. «Confío no seu sentido do humor e no seu sentidos de autocrítica, confío en que se vexa como sátira política; non creo que ninguén se poida sentir ofendido», entoa a xeito de penitencia inocente. A seguir, intenta despregar a complexidade da obra, protestando de que «non fala exclusivamente do BNG, hai tamén unha trama que vén da Guerra Civil e hai unha evolución do personaxe». «Non fixen un ensaio nin unha historia do Bloque», subliña. Esa teima en abrir o abano temático da súa novela non impide que acepte que creou un detective novo, Alberte Cupeiro, porque o seu investigador de cabeceira, Horacio Dopico, «é demasiado bruto» e Ameixeira pretendía «un punto de vista máis pausado das leas no BNG». Cupeiro ten a súa atención vital posta no pensamento oriental, mesmo é taoísta, polo que «as loitas internas no Bloque parécenlle pequenas miserias, a el dálle igual se mandan os da UPG ou os quintanistas, quere resolver o crime e facturar». Ese escepticismo non agocha que o detectiva teña, tamén, un pasado político que lle resulta conflitivo «e que ten que ver coa Guerra Civil», un episodio do que arrastra «outra trama que debe solventar». O novelista ourensán elabora as súas ficións entre as marxes do xénero negro, «polo que tamén hai dúas personaxes coas que formará un triángulo amoroso». Jaureguizar

Texto publicado por Jaureguizar no blog Cabaret Voltaire o 13 de agosto de 2010.

«A coroa de Napoleón» de Jaureguizar, crítica de Paula Fernández

17 Xuño 2010

Críticas,Tintimán,Xerais_nos_medios,Xuvenil

NOVELAS DE DETECTIVES

Con chiscadelas bravú

Na cidade da Coruña celébrase o bicentenario da batalla de Elviña, e no medio desta celebración acontece algo que podería crear un importante conflito diplomático con Francia: a coroa de Napoleón cedida para os actos desapareceu. Para resolver a situación aparece Tintimán, unha sorte de xornalista-investigador, estudante de bacharelato cun máis que alto concepto de si mesmo, algo así como un superheroe algo impertinente, que, axudado por amigos e o seu gato señor Grozni conseguirá resolver o problema malia os atrancos que se lle van presentando.

É este o argumento de [A coroa de Napoleón] unha novela de detectives para adolescentes con todas as características que isto implica, a xuventude e inusual independencia dos protagonistas, a aparición de problemas de grande importancia dentro da súa vida cotiá e as súas ganas de enfrontarse a eles, momentos humorísticos localizados nos momentos máis relaxados, á beira doutros máis tensos que reflicten perigo, misterios históricos inseridos nunha aura sobrenatural e unha inocente tensión sexual entre os protagonistas, que neste caso revela a inmadurez de Tintimán no seu tratamento coas mulleres. Todos trazos que cando se conxugan adoitan dar un bo resultado e, se ademais temos en conta que este é un tipo de novela co que Jaureguizar (Bilbao, 1965) semella estar cómodo –trama urbana, sucesión de acontecementos dinámica e chiscadelas cómicas que o achegan ao bravú co que se iniciou na literatura– comprobamos que o autor de Balea morta ou lancha a pique quere chegar, e mais sabe como facelo, ao público adolescente.

Non se pode esquecer o traballo de Matalobos que, dende as ilustracións, contribúe brillantemente coa recreación desa atmosfera detectivesca, con reminiscencias clásicas e recorrentes do xénero. Unha atmosfera  que foi inventada e deseñada polo autor para facer pasar un bo rato a rapaces e rapazas da ESO e  Bacharelato que, de seguro, gozarán con esta colección -as historias de detectives con frecuencia enchen varios volumes-  que xa comezara con Corazón de chocolate,  ambientado en Compostela, e que polo que parece vai ter continuidade na cidade de Lugo. Paula Fernández

Texto publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 17 de xuño de 2010. A páxina onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

Rosa Aneiros: «Ás de bolboreta»

16 Xuño 2010

Animación á lectura,Autores,Fóra de Xogo,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Que conta?

Na cafetería de Patricia, a Luzada, conflúen cada mañá os camiños polos que transitan os personaxes d’ As de bolboreta. O de Manuel, un neno de orixe africana orfo dobremente ao morrerlle a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e se deben enfrontar ás difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición das enfermidades. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres despois dos atentados terroristas no metro no ano 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do Goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño… Un grande abano de historias que conforman unha novela cun segredo: é un gran crebacabezas.

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o premio a Rosa Aneiros, sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un crebacabezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas se consegue unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista”. A novela de Rosa Aneiros foi tamén galardoada co Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2010.

Da palabra

A profesora Concha Costas describe Fóra de Xogo, de Edicións Xerais, como unha colección que conseguiu nos seus máis de doce anos de vida e nos seus cen volumes converterse nunha compañeira facilmente recoñecible para os mozos e mozas galegos, nunha arca da que ir tirando historias que lles falan de conflitos persoais cos que se identifican, de problemas sociais que lles preocupan, de mundos fantásticos por descubrir, de aventuras para compartir, de momentos históricos que coñecen o que deben coñecer. E estes libros póñense ao seu dispor nunha etapa especialmente importante no seu camiñar lector xa que, segundo din os estudos, é na adolescencia cando máis risco hai de perdelos como lectores. A colección Fóra de Xogo ten moitas vantaxes. Entre os seus títulos hai moita diversidade de autores –galegos e non galegos– e de temas, propostas novidosas e de clásicos, de autores para descubrir a carón doutros consagrados, narrativa e poesía. Neles, os mozotes poden atopar historias realistas e fantásticas, de aventuras e de sentimentos, sociais e míticas, históricas e contemporáneas. Poden achegarse a propostas puntuais ou a series que permiten ir familiarizándose cun universo literario recorrente como o que poden atopar nas exitosas pescudas de Flanagan. E toda esta variedade de fíos garante que o tecido de lecturas sexa plural e que a formación lectora no ámbito necesario da literatura xuvenil sexa sólida e sente unha base coa que poder achegarse sen complexos e sen inseguridades a outras lecturas que vaian formando o seu hábito lector. Chegar aos cen títulos e facelo sen perder actualidade, sen esgotarse, sen diminuír a capacidade de seguir enredando os rapaces na arañeira dos fíos da lectura é un éxito de Xerais que cómpre recoñecer e celebrar, como todos aqueles que desde calquera recanto do mundo dos libros nos demostren que o noso sistema literario está vivo e ten autores e historias para seguir tecendo, coas artes máis antigas e tamén coas máis actuais, as prendas máis valiosas do noso fondo de armario lector.

[...]

Recomendado

Ademais de aconsellar Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros tamén recomendamos A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre; Illa soidade de An Alfaya; A cova das Vacas Mortas de Jaureguizar, obras todas que foron galardoadas co Premio da Fundación Caixa Galicia. Ademais na mesma colección Fóra de Xogo podedes atopar moitas máis novelas como Unha primavera para Aldara de Teresa Moure; Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita ou Makinaria de Carlos Negro.

Texto de Romina Bal publicado na sección «Ler na escola»  de Galicia hoxe do 16 de xuño de 2010.

«A coroa de Napoleón», a serie de Jaureguizar protagonizada por Tintimán, recomendada por Manuel Rodríguez Alonso

8 Xuño 2010

Críticas,Tintimán,Xerais nos blogs,Xuvenil

Un reporteiro con futuro

Santiago Jaureguizar presenta neste relato dedicado a un público xuvenil a figura dun mozote de bacharelato metido a reporteiro intrépido que investiga o roubo da coroa imperial de Napoleón nos actos conmemorativos da batalla de Elviña en 2009. O libro é o número 2 dunha serie iniciada por outra entrega que ten por protagonista o mesmo rapaz intrépido (Tintimán). Isto fai pensar que a serie continuará con outros relatos de misterios que terá que resolver o devandito Tintimán. En principio, o proxecto resulta moi atractivo e, polo lido neste número 2 da serie, indubidablemente ten un futuro prometedor.

O desencadeante do relato e o roubo da coroa imperial de Napoleón, que fora traída á Coruña co gallo dos actos que se celebran en conmeración do bicentenario da batalla de Elviña (1809). Tintimán, que estaba destacado como reporteiro nos devanditos actos, asiste ao roubo da coroa por parte dun misterioso xinete vestido de negro e ha de atopar a devandita coroa. Na súas pescudas o rapaz reporteiro-detective é axudado polo seu inseparable gato Señor Gozni.

Cremos un acerto a elección dun rapaz de bacharelato como protagonista. Isto permite a empatía e mesmo a identificación do lector xuvenil co protagonista. A elección do gato, símbolo da intelixencia e da sagacidade, como axudante bótalle ao relato unhas pingas de elemento fantástico que tamén lle acaen.

Na creación dos personaxes así mesmo adoita acertar o novelista, aínda que lle teñamos que dicir que non estamos de acordo coa relación un chisco machista que o protagonista mantén coas rapazas, mesmo no xeito de dirixirse a elas con eses nena, preciosidade, que resoan a machismo rancio. Tamén rexeitamos a caricatura que se fai da limpadora cubana do xornal Diario Galego, Ariadna Cienfuegos, porque pode suscitar sentimentos racistas. Pola contra, o autor acerta plenamente ao presentar o medio familiar do protagonista, onde salientamos a relación Tintimán-Anselmo, como mostra de relación entre personaxes moi ben tratada, ou a da figura do director do xornal.

Cremos que o novelista debía coidar un pouco máis a articulación dos feitos principais da novela, os que crean o desenlace ou fan camiñar cara á solución dos problemas e misterios que se deben resolver na novela. Que a coroa se atope só pola chamada ao xornal dun  anticuario e que sexa o gato quen dea con ela amosa un traballo pouco concienzudo na articulación do argumento e unha especie de gana de rematar logo. O mesmo acontece coa resolución do misterio da pantasma do palacio de Cornide. No futuro o novelista terá que prestarlle máis atención á estrutura do argumento.

O libro, como debe facer a literatura xuvenil, abre camiños a novas lecturas e a novos coñecementos como a Guerra da Independencia en Galicia, os ilustrados galegos, o franquismo en Galicia, os nazis, os celtas, María Pita… É un grande acerto, pois a literatura xuvenil ten que servir para excitar a curiosidade do rapaces cara á adquisición de novos coñecementos e á procura doutras lecturas.

A lingua resulta tamén apropiada para o público xuvenil ao que se dirixe a novela. Hai un esforzo por usar estruturas que hoxe están a desaparecer da linguaxe dos máis novos, como pode ser o emprego case sempre acaído do infinitivo conxugado. Hai que salientar o esforzo que realizan este e outros novelistas en incorporar ao galego os termos novos dos mozos como bollycao, politono, donuts… Así mesmo é un acerto a reprodución do castrapo dun grupo de señoras coruñesas.

Con todo, observamos na lingua algúns erros que, dado que esta novela vai dirixida a un público xuvenil e mesmo posiblemente sexa proposta como lectura en moitos colexios e institutos, debe corrixir en futuras edicións. Así colócase mal o pronome átono en Chamou a Bolechas e el se ocupou de facermo chegar… (páx. 18); aparece o lleísmo en lle irritaban os agarimos (páx. 34); aparece usado incorrectamente o infinitivo conxugado nunha perífrase: comezan a avanzaren (páx. 39); ás veces o réxime pronominal dos verbos reproduce o do mal castelán: que a telefonaría (páx. 54); rexístranse castelanismos como angarella en singular, lentes en masculino, empuxe, chuletas, antiface… Debe corrixirse o significado que se lle outorga a arrebolar que en galego e ´lanzar algo contra alguén´e non ´quitarlle con forza algo a alguén´ e evidentemente non se pode arrebolar unha coroa para roubala, como se di na páxina 59. Así mesmo habería que ser un chisquiño máis coidadoso con algunha expresión e evitar traducións castelanistas como derradeira volta de porca (páx. 115).

En canto á portada do libro e ás ilustracións son moi apropiadas para o tipo de lector ao que se dirixe o relato. Xa que logo, malia as tachas que sempre hai en toda obra, este relato é especialmente acaído para ser proposto como lectura na materia de Lingua e Literatura Galega no primeiro ciclo da ESO. Sen dúbida ningunha entreterá os lectores desta franxa de idade e servirá tamén para incitar á lectura. Estamos ante unha serie que vai ter futuro. Augurámoslle a Tintimán longa vida e novas saídas. No remate deste número 2 xa promete unha investigación sobre a muralla de Lugo, que esperamos ler pronto. Manuel Rodríguez Alonso

Anotación publicada no blog Bouvard e Pécuchet o 6 de xuño de 2010.

«Corazón de chocolate» de Jaureguizar, crítica de María Navarro

20 Maio 2010

Críticas,Tintimán,Xerais_nos_medios,Xuvenil

FANTASÍA E HISTORIA
Unha boa fórmula

Unha nova colección de aventuras vén de irrumpir no panorama literario galego. Con dous títulos, Tintimán, pseudónimo de Uxío Lobo, acaba de chegar para instalarse entre os mozos aos que lles atrae o risco, a historia e as fortes emocións. O seu autor Jaureguizar, xa coñecido por libros como Todo a cen, Fridom spik, Salitre, Casa Skylab, Cabaret Voltaire ou Plastilina nos pulmóns, volta á novela para mozos con Corazón de chocolate, un dos primeiros volumes que publica nesta nova colección e na que dalgún modo rende homenaxe á revista viguesa dos anos 80, Tintimán.

A morte de Norberto Lobo, afamado xornalista do Diario Galego, facilítalle ao seu fillo a entrada no mundo do xornalismo, o de investigación, o do risco que é o que lle gusta ao intrépido mozo de dezaseis anos, amante da aventura e do coñecemento, pero pouco amigo das clases. A súa reportaxe sobre o Labirinto do Obradoiro e a existencia da Irmandade Xelmírez, unha seita perversa que remonta as súas orixes á Idade Media son motivos abondos que manteñen expectantes non só ás autoridades eclesiásticas da época, senón tamén a don Anxo, director do Diario, e a Anselmo, marido da súa nai.

Nin que dicir ten que dous medios líos amorosos con Mónica, compañeira de clase,e con Maika, fotógrafa da redacción, adozan e agobian a vida de Tintimán que se move entre o descaro dun rapaz en plena adolescencia e as respostas politicamente correctas que lles debe ás mulleres, neste caso máis maduras e expertas ca el nas artes amatorias.

Da mesma forma que neste volume é Santiago de Compostela a cidade marco que alberga as pescudas do protagonista, outras urbes galegas como A Coruña, Lugo, Ferrol, Pontevedra ou Vigo serán visitadas por Tintimán para desvelar os misterios que se agochan nas súas construcións, nas súas rúas centenarias ou mesmo nos recunchos máis insospeitados. E é que a mestura de ficción e fantasía coa historia semella ser unha boa fórmula para atraer e encantar o lector de hoxe en día que busca entre liñas coñecer os recantos caprichosos do destino, descubrir claves do funcionamento de comunidades ancestrais, atopar explicacións a feitos pasados ou marabillarse cos submundos que se perpetúan baixos os nosos pés. Eles dirán! María Navarro

Texto publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 20 de maio de 2010. A páxina completa odne aparece o texto pode baixarse en pdf aquí.

«Un misterio para Tintimán», nace un xove detective galego da man de Jaureguízar

12 Abril 2010

Tintimán,Xuvenil

A finais desta semana chegarán ás librarías os primeiros exemplares das dúas primeiras novelas coas que se dá a coñecer Tintimán, o xove detective galego creado por Jaureguízar: Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela e A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña. Tintimán, un rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista. Ambos os dous títulos foron ilustrados por Matalobos e foron editados de forma moi atractiva en flexibook.

En Corazón de chocolate, a cidade de Santiago de Compostela é un escenario emocionante e arriscado para o primeiro misterio que ten que descubrir Tintimán. O reporteiro investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. Señor Grozni, un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade.

Esta segunda entrega da serie protagonizada por Tintimán está ubicada na Coruña, cidade que asiste horrorizada a un incidente de consecuencias internacionais: desapareceu unha coroa de Napoleón que o goberno francés lle emprestara á cidade para conmemorar o bicentenario da Batalla de Elviña. A xoia debe aparecer inmediatamente e de xeito discreto para evitar un conflito diplomático. Soamente un reporteiro coa coraxe de Tintimán, axudado por Señor Grozni, o seu gato torto, e por Mónica, unha compañeira de clase que asegura ser a súa moza, poderá descubrir o acontecido.


Primeiros ecos da edición en galego da novela de Kirmen Uribe

17 Febreiro 2010

Narrativa,Premios,Traducións,Xerais nos blogs,Xerais_nos_medios

Jaureguízar comenta no seu blog a noticia da publicación en galego de Bilbao-New York-Bilbao, a novela coa que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa de 2009.

Bilbao e Bermeo son dous ámbitos determinantes no meu pasado (alí están soterradas as fontes das que manou o meu ADN) e na miña infancia. Bermeo é unha vila arrantzale, coma Ondarroa, onde naceu Kirmen Uribe. Eses son os meu motivos para me sentir próximo a el, máis agora que vai publicar en Xerais Bilbao-New York-Bilbao. A capa, tan bonita como a orixinal de Elkar (un selo mítico para a cultura vasca, como Xerais é na nosa). Marca, a maiores, un cambio de deseño na colección de narrativa: a min gústame pola limpeza e a sinxeleza, penso que dar tanto protagonismo á foto é moi arriscado (con este libro vai ben) e tamén que metería unha cor máis viva no faldón (na parte baixa), pero está chula. Manuel Bragado falaba sobre este libro no Gara de hoxe dicindo que «teníamos referencia del éxito que había tenido en euskara antes del premio (Nacional de Literatura español) y, tras leer un borrador en castellano, hemos de confesar que nos ha entusiasmado».

Ademais, recomendamos, como tamén fai Jaureguízar, a magnífica reportaxe de Gara sobre a publicación das traducións da novela de Uribe ao castelán, catalán e galego.

Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Salón do Libro de Pontevedra

11 Febreiro 2010

Autores,Entrevistas,Exposicións,Homenaxes,Infantil,Noticias,Xerais_nos_medios

O vindeiro 13 de marzo, o Salón do Libro de Pontevedra renderá homenaxe a Agustín Fernández Paz. Durante todo o Salón está instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier P.DoCampo e os músicos Mini e Mero.

A raíz desta homenaxe, Jaureguízar entrevista a Fernández Paz nas páxinas de El Progreso e adianta a próxima publicación por Xerais da súa vindeira novela, Fantasmas de luz. Segundo Agustín a novela estará protagonizada por un acomodador cincuentón dun gran cine que pecha, quedando no paro. O autor explica que cando hai situacións complicadas, o protagonista «recorre a frases de películas que o impresionaron; reacciona sempre con ollos dunha persoa que está metida no cine, onde leva traballando dende os anos 60». El personaxe ve pasar a vida por unha pantalla, como tantas veces fixo Fernández Paz.

Os cinco mellores libros de 2009 para Jaureguizar

30 Decembro 2009

Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

O símbolo perdido, de Dan Brown.

O novo supervendas da Factoría Brown non está no meu top five soamente pola súa funcionalidade: cumpre coas expectativas de lexibilidade, ritmo e intriga. Fundamentalmente está como símbolo de anormalidade: é o único best-seller, considerado no seu sentido máis puro, que puidemos ler este ano. A maiores, foi unha editora foránea, El Aleph, quen nolo achegou. Mágoa.

A deleiba do mundo, de Amin Maalouf

Seica algo avanzamos dende a Xeración Nós no que atinxe á súa teima de que as correntes do pensamento de arestora refresquen as nosas costas. Maalouf é unha novidade de extremo interese e puidemos dispor dela ao tempo có resto de Occidente. Subliño o esforzo de Xerais, que debería de verse axudado de xeito concreto por Cultura, mais o seu pensamento está en clave xacobea.

Valados, de Agustín Fernández Paz

Dende que nos agasallou con O único que queda é o amor; empezan a serme indiferentes os títulos de Agustín Fernández Paz. Digo que me son indeferentes non con desprezo, senón cun orgullo que lle collo prestado. Tras novelas como Aire negro, Corredores de sombras ou Cartas de inverno, o vilalbés xa está na categoría dos indiscutibles. Fernández Paz é o noso maior clásico vivo.

Unha historia que non vou contar, de Cid Cabido

Todo o noso sistema literario camiña nunha dirección, pero o meu explorador favorito decidiu adentrarse na contraria hai uns libros. Cada achega do noso rariño nacional é un coche bomba que guinda polos aires todas as nosas certezas. Cid Cabido vai descubrindo territorios e aos demáis non nos queda outra que non perdelo de vista.

Episodios galegos, de Manuel Rivas

O periodismo literario é un xénero no que baten as présas diariamente, pero Rivas sabe mudar as urxencias en frescura. Contra fin de ano chegounos un novo diario do seu caleidoscopio. O país non deixou de decepcionar durante o 2009, mais Manuel Rivas acerta sempre a amosarnos que os prados está baixo as leiras cubertas de estrume. O mellor é que, a maiores, logra que sorriamos. Jaureguizar

Anotación publicada en Cabaret Voltaire.

“A cova das vacas mortas”, unidade didáctica de Pilar Ponte

25 Novembro 2009

Descargas,Fóra de Xogo,Noticias,Premios_Xerais

Recomendamos moi vivamente a unidade didáctica que a profesora Pilar Ponte preparou sobre A cova das vacas mortas, a novela de Jaureguízar gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2006. A unidade didáctica está aconsellada para alumnado de Bacharelato, mais tamén está sendo utilizada con éxito en diversas aulas de 4º de ESO. Os nosos parabéns á autora e á iniciativa da AELG.

O texto da unidade completa (arquivo zip) pode descargarse aquí no espazo didáctico da AELG.

Que libro de Xerais recomendas para o verán?

30 Xuño 2009

Facebook,Narrativa,Noticias,Opinións_lectores/as

No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:

Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”

Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”

Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.

Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar.  “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”

Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”

Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez.  “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”

Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).

Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.

Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.

Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.

Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.

Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.

Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.

Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos :-)

reloxoEntre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”.  Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia  de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.

Jaureguizar asina «O Globo de Shakespeare»

30 Abril 2009

Autores,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias

j_224514Jaureguizar asinará exemplares d’ O Globo de Shakespeare, na Feira do Libro de Santiago, o venres, primeiro de maio, a partir das 19:00 horas.

Xerais na Feira do Libro de Santiago

28 Abril 2009

Animación á lectura,Feiras_do_libro,Noticias,Presentacións

Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.

Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)

Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.

Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos.  Participan Manuel Bragado e o autor.  Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.

Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético.  Ao remate asinará exemplares de  O sombreiro ChichiriteiroA corpo aberto e do resto da súa obra.

Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño.  No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza.  Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.

Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador  Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das  viaxes imaxinarias.

Luís Rei Núñez, premio Blanco Amor 2009

4 Abril 2009

Narrativa,Noticias,Premios

cp67f02795781_102742Acabamos de coñecer que a novela Monte Louro de Luís Rei Núñez é a novela gañadora da 27ª edición do Premio Blanco Amor falado no concello de Burela.  O xurado, formado pola gañadora da edición anterior Inma López Silva; o poeta e doutor en filoloxía galega Emilio Insua; a poeta e xornalista Olaia Cociña; o escritor Santiago Jaureguízar, e o investigador Armando Requeixo, outorgou o premio por unanimidade. Os nosos parabéns para Luis Rei Núñez.

Actualización (05-04-2009):

Anotación de Jaureguizar, membro do xurado: «Luís Rei Núñez gañou o Premio Blanco Amor coa novela Monte Louro, unha pescuda biográfica nun personaxe de ficción entre o Muros dos corenta, a Barcelona dos sesenta e unha Arxentina máis próxima no tempo. »

Actualización (06-04-2009):

Galicia hoxe.

– Cultura Galega.

A Nosa Terra.

La Voz de Galicia.

«O Globo de Shakesperare», crítica en lg3

10 Marzo 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Montse Pena Presas publica no espazo de crítica de lg3 unha crítica sobre O Globo de Shakespeare a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un dos parágrafos dun texto que consideramos moi interesante:

libros_1562Se ben a primeira parte da novela se pode entender como unha grande e descritiva didascalia (o texto non é dramático, mais podería perfectamente selo), coa habitual presentación de localizacións e personaxes, unha segunda parte, moito mais breve, pero tamén máis intensa, presenta o drama e faino desencadear axilmente. E é aí, precisamente, onde reside a homenaxe/parodia a Shakespeare que realiza Jaureguizar: as pezas do quebracabezas van casando para que este O globo de Shakespeare se convirta nun Hamlet actualizado, esta vez en forma de novela, trasladado de novo a Galiza. Primeiro, porque todos os personaxes gardan un segredo, non só para os demais, senón tamén para eles mesmos, e este só se descobre cando se desencadea a grande traxedia final. Segundo, porque Ricardo é o novo Hamlet (e cando interpreta ao Príncipe de Dinamarca estase interpretando así mesmo), xa non namorado da nai, senón do pai. Terceiro, porque os acontecementos (acompañados das conseguintes confusións), ao igual que nas traxedias shakespirianas, acaban por rebasar aos caracteres, e con eles o elemento tráxico fundamental está servido. E cuarto, porque detrás deste escrito hai unha compoñente de realismo máxico, de personaxes intanxibles tocados por un alento de loucura, ou de maxia, se se quere, que non pode deixar de lembrar a un Cunqueiro que á vez que trasladaba os mitos á terra, enchía aos paisanos dese “aquel” que os singularizaba.

«O Globo de Shakespeare» en Lugo

3 Marzo 2009

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

xg00153001O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións da novela premiada en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado.

«O Globo de Shakespeare», presentación en Compostela

19 Febreiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

ajure2O venres, 20 de febreiro, ás 20:00 horas na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela,  Jaureguizar conversará con José María Giráldez sobre O Globo de Shakespeare.

Jaureguizar en «El Correo Gallego»

17 Febreiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Rober G. Méndez dedica a derradeira páxina de El Correo Gallego a realizar unha semblanza do traballo de Jaureguizar tars a publicación d’ O Globo de Shakespeare.

Jaureguizar entrevistado polo «Diario Cultural»

13 Febreiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Radio,Xerais_nos_medios

jaure-320x200jpegJaureguizar, autor d’ O Globo de Shakespeare, foi entrevistado hoxe no «Diario Cultural» da Radio Galega. A entrevista pode escoitarse aquí.

Jaureguizar: entrevista no «Luces»

6 Febreiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

Na sección «Luces» da edición para Galicia deEl País Daniel Salgado realízalle unha entrevista a Jaureguizar centrada na súa última novela O Globo de Shakespeare, gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un breve fragmento:

jaurealvezP. Para quen escribe?

R. Para o público.

P. E quen é o público?

R. Eu son a Corín Tellado da literatura galega. Non, en serio, escribo para grandes públicos, busco grandes públicos. Temos que ser ambiciosos. Porque na literatura galega existen dous reparos fundamentais que non entendo: un, todos queren ser Méndez Ferrín, un grande intelectual cunha cabeza poderosa e unha prosa estupenda; e dous, non nos facemos respectar.

P. Respectar en que sentido?

R. Neste país hai medios e institucións que a un escritor de Murcia de cuarta fila lle pagan avión, hotel e conferencia mentres o libro galego, nas librarías, está coma os baños: ao fondo á dereita. Veño de pasar por unha do centro de Lugo e no escaparate só estaban as traducións ao español dos libros de Murado.

P. Nunca quedou sen nada que escribir?

R. Non me pasan esas cousas raras que lle pasan á xente, non lle teño medo ao folio en branco, nin me comunico co cosmos nin aparecen pantasmas a visitarme. Escribo tres libros ao ano e os meus libros véndense ben.

«O Globo de Shakespeare», adianto da crítica de Eyré

29 Xaneiro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Eyré adianta hoxe no seu blog dous parágrafos da crítica que preparou para A Nosa Terra sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide:

xg001530012Desde que Xosé Carlos Caneiro publicara Ébora (Xerais, 2000) poucas veces me divertín tanto lendo unha novela. Tentado estou de botar contas, polo menos dalgún título de Bieito Alonso, por iso da xustiza comparativa. Mais non o vou facer posto que a finalidade do aserto non é outra que comezar esta crónica letresca evidenciando a carcaterística máis notábel da última novela de Jaureguizar, e Premio Terras de Melide 2008, intitulada O globo de Shakespeare. O globo de Shakespeare posibelmente sexa, tamén, a novela máis completa deica o momento manifesta na imaxinativa e indómita escrita do autor nado en Bilbo. A única chata, esa redacción descoidada, descoidada e típica non só en Jaurgeuizar senón en máis, infortunadamente en máis autores. E que deixa como resultado segmentos como a seguir: “Alegara que a bolsa en Galicia que cobraba era breve”  (175) ou “Celia Mandiás entrou na sala do pazo levando unha bandexa para a cea de Leandro sen darlle fala para non desconcentralo” ( 179). Que, de cando en vez, aquí ou acolá segundo o azar depare, incomodan o seu, sobre todo ao lector que ame e estime a literatura como a arte da palabra. Algunha vez o temos comentado, para Jaureguizar a novela ven sendo máis “o cinema da mente”. E un, a verdade, cada día que pasa entende menos a ausencia de esmero nese aspecto, tanta preguiza, dado que, a fin de contas, a calquera lector ou escritor un chisco experiente lle mancan os ollos e tolle as aspiracións de medre na consideración como obra literaria

………………….

Tal é a virtude de historias como esta que nos relata Jaureguizar, manexando con habilidade o fíos da trama, dosificando esta deica precipitala nun remate apoteósico, tal como merece e demanda. O esquema é simple, e xa se sabe que o simple adoita ser efectivo. Gáñanos, no inicio, ao regalarnos esa galería de personaxes curiosas, estrañas e fortemente empáticas, inclusive as féminas- hai que estudar o papel da muller na narrativa de Jaureguizar, sobre todo comparando tramas para adultos e tramas para non adultos. Personaxes do mundo de Shakespeare e personaxes do mundo actual, confundidas. Introduce a trama, complícaa mentres incrementa as doses de paranoia, de delirio, e reserva parte das personaxes para que catalicen e precipiten o grande show final. Así de simple e efectivo, un esquema que ten moito de cinematográfico, concepción do retrato e concepción da escena. Porén, se indicamos onde radicaba a virtude, sáibase tamén que na mesma virtude está o seu teito de cristal, a fronteira. Cal é a utilidade da farsa literaria se a vida xa é en si unha farsa e, como na novela de Jaureguízar, tamén remata en traxedia? Non é pura evasión, pero esta pregunta debe facer reflexionar.

«O Globo de Shakesperare», crítica no «Faro da Cultura»

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

jaurefarowebDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do premio Terra de Melide 2008.

Jaureguizar entrevistado por «Galicia hoxe»

24 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Jaureguizar non para. Hoxe é entrevistado en Galicia hoxe con motivo da publicación d´O Globo de Shakespeare, a súa premiada novela que cada vez está recollendo maior interese por parte  da crítica, dos medios e do lectorado. Recollemos algúns fragmentos da entrevista:

jaurealvezA obra foi recoñecida o xuño pasado co VIII Premio Terra de Melide. «As vendas van ben, as críticas son boas… din que é o meu mellor libro», comenta o autor, que xa está traballando noutras dúas novelas. De feito, onte atendeu este xornal por teléfono desde a cafetería na que estaba escribindo no seu ordenador. «O ano ten catro trimestres, que dan para escribir unhas tres novelas. O que fago é levantarme ás seis da mañá, ir correr e mentres ir pensando o que vou escribir, e despois escribo ata as oito. Soa un pouco espartano, pero é que máis tarde é moito máis difícil: tendo dous pícaros e co traballo…», di.

O Globo de Shakespeare é, segundo explica o seu autor, un «libro sobre os soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito… Fala do espectáculo, e do fracaso, a través dun personaxe, Ricardo, un titiriteiro que ten un teatro nun paseo, e que lle ten envexa a un escritor de éxito. Chega un punto no que o seu fracaso é tal que só actúa para unha prostituta á que lle paga por velo actuar». A novela tamén aborda as relacións de poder en grupos pequenos, a partir dunha trama sobre a busca do manuscrito do Hamlet nun pazo de Ribadeo.

Jaureguizar en Vigo

Entrevistas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

jaureguizar-manoloJaureguizar presentou onte a novela gañadora do Premio Terra de Melide O Globo de Shakespeare na libraría Librouro de Vigo. Faro de Vigo aproveitou para facerlle unha entrevista ao novelista de Ribadeo.

«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Vigo

22 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

xg001530011Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas presentarase na Libraría Librouro de Vigo O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto o autor conversará arredor da obra con Manuel Bragado, director da editorial.

Novidades literarias, recomendacións da «Revista das Letras»

15 Xaneiro 2009

Narrativa,Poesía,Xerais_nos_medios

xg00161501Entre as recomendacións de novidades literarias do número de hoxe do suplemento «Revista das letras» de Galicia de hoxe hai tres da editorial: Conexión Tubinga, a novela finalista do Premio Xerais 2008 de Alberto Canal; O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008 de Jaureguizar; e  Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga.

Jaureguizar entrevistado por «A Nosa Terra»

12 Xaneiro 2009

Entrevistas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

A Nosa Terra publica esta semana a entrevista que Lara Rozados realizou a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos algúns fragmentos:

Esta novela, como outras súas, afonda no mundo do espectáculo. Que conexións hai entre literatura, vida e teatro?

É algo que me interesa moito: concibo a literatura como espectáculo, e máis nestes tempos en que temos a competencia da televisión, de internet, da Wii… Se unha persoa paga 16.50 por un libro, que, cando menos, se entreteña e o pase ben. Xa en Cabaret Voltaire achegábame ao mundo do espectáculo dende esa perspectiva, máis de sala. Tamén estiveron presentes o cinema, que reaparece nesta novela, o circo, n’As horas sucias...

1452f3d8c7a940a580556784bf4707b008a68b9a

Foto Pepe Álvez /AGN

A obra afonda tamén nas relacións humanas, sobre todo as de poder, de dominación.

Son relacións moi marcadas pola envexa, pola fascinación, aínda que existen relacións máis sentimentais. É unha ficción, e creo cousas que seguramente non existan, como xente que se prostitúe para non se sentir soa (aínda que si hai xente que recorre á prostitución por este motivo, e por iso lle dei a volta). Hai relacións de dependencia, como a de Sebe coa súa muller: por moi triunfador que pareza, non sería nada sen ela; tamén ela, pouco atractiva, ten envexa do seu éxito e outro tipo de dependencia con respecto a seu home; logo está Rosalía, que, na súa relación con Ricardo, é a parte da parella que si está no mundo. Ela rexéitao, pero non pode deixar de sentir certa fascinación por ese home tan divertido, e que ao tempo fai cousas tan absurdas. Ao cabo, toda a novela circula arredor das arelas que non se cumpriron, dos soños dos personaxes.

En que traballa agora?

Teño dous libros para a serie de Tintimán, un reporteiro de 15 anos que resolve misterios en varias cidades galegas. Os libros, que sairán en marzo, teñen que ver cunha investigación arredor dunha seita en Compostela e co roubo da coroa de Napoleón, esta última ambientada na Coruña. Tamén preparo dúas novelas, unha xuvenil e outra para público adulto.

«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Ribadeo

8 Xaneiro 2009

Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

Reproducimos a anotación que Jaureguizar publica no seu blog sobre a presentación d’ O Globo de Shakespeare na Casa das Letras de Ribadeo.

A presentación d’O globo de Shakespeare o pasado sábado en Ribadeo foi emocionante. A Casa das Letras encheuse de xente malia a friaxe e o Barça. Farruco Graña presentoume no nome da Asociación Cultural Francisco Lanza, que promoveu o acto, algo que eu agradezo porque non é habitual que te chamen do teu pobo senón é por unha factura impagada do gas. Farruco emocionoume pedindo que algún día un globo sobrevoase a ría de Ribadeo, como acontece na novela. Logo veu un diálogo con Gonzalo Moure, sobre o que sempre lamento que deixase o periodismo para vivir de cuestións máis importantes. Optamos pola fórmula do diálogo porque me irrita escoitar a un tipo falando estupendamente dun libro meu dado que non podo evitar pensar en que todos os defectos que está calando, e porque é unha fórmula máis áxil e divertida para o público. Gonzalo foi ao cerne da novela con todo o acerto do bo xornalista que non deixou de ser: o espectáculo, o pop, o traballo de personaxes, a dobre lectura (entre a tona de intriga e a mar tendida da condición humana). Jaureguizar

«O Globo de Shakespeare», presentación en Ribadeo

2 Xaneiro 2009

Narrativa,Noticias,Presentacións

xg00153001Mañá, sábado, 3 de xaneiro, as 20:30 horas, na libraría Casa das Letras de Ribadeo, presentarase O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar. No acto o autor ribadense conversará con Gonzalo Moure, co-autor d’ A porta de Mayo.

Jaureguizar entrevistado no «Xornal de Galicia»

30 Decembro 2008

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

20081207181318_jaureguizarIago Martínez entrevista no Xornal de Galicia a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un fragmento da conversa:

É unha novela moi popular, talvez a máis popular de Jaureguizar.
A min gustaríame que o fose. Dende logo, ten unha vocación moi popular e unhas paixóns moi fortes que van na busca do público. Ao que parece, debo ser o único escritor galego que quere vender libros. Pois si, eu quero vender libros.

[...]

Como Michael Haneke en Funny Games, Jaureguizar cuestiona ao lector nesta novela. A cita inicial de Shakespeare é abondo elocuente: “Se queren espectáculo e sangue, han telo”.
Si, é un final moi shakesperiano, moi desproporcionado, moi esaxerado, buscando o espectáculo, que é o que busca todo dios. Como nos despistemos, os libros desaparecen. Como sigamos coa poesía florida, estamos perdidos. Temos que dar un paso adiante e deixar en paz a memoria histórica.

«O Globo de Shakespeare» en «Culturas»

29 Decembro 2008

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

jaure-la-voz-20-12-2008Ramón Nicolás publicou o día 20 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

«O Globo de Shakespeare», primeiras críticas

21 Decembro 2008

Críticas,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios

xg00153001Esta semana apareceron as primeiras críticas sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

Pedro Rielo, no seu artigo en Galicia hoxe, define a novela como «unha proposta atrevida, ben escrita, para todos os públicos e non alambicada. O escritor é un director de orquestra ou un meigo que vai sacando da chisteira coellos, cartas sorpresa a través de retallos dun espectáculo de papel». Para continuar engadindo:  «O aburrimento está desbotado e viaxamos cos protagonistas desde a costa lucense ata Londres para dar xeito a unha novela na que o seu argumento, as súas chiscadelas non deben ser reveladas porque estragarían un conxunto que é unha bomba de reloxería. Paga a pena non ter complexos, calquera situación é posible tanto aquí como en Burkina Faso. Non aforra nin un só cartucho.»

Ramón Nicolás, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, escribe que O Globo de Shakespeare é «unha novela sólida e efectiva, dosificada con acerto e gobernada, por un lado, a través da presenza do universo literario, mais tamén persoal, de William Shakespeare, e, por outro, sometida a realidade reflectida a unha vontade transgresora, pero que expón con ironía, por veces con abraiante e cru realismo, os grandes problemas da humamidade».

Jaureguizar fala d' «O Globo de Shakespeare»

11 Decembro 2008

Entrevistas,Narrativa,Vídeos

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=76dRDfxg6Bk]

Neste vídeo da serie Falemos dos libros, gravado en Cultur.gal 2008, Jaureguizar presenta O Globo de Shakespeare.

Jaureguizar presentou «O Globo de Shakespeare» no Cultur.gal

9 Decembro 2008

Narrativa,Premios,Presentacións

kq9w4621

Jaureguízar presentou O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide no Cultur.gal 2008. Foi entrevistado por Óscar Sánchez de forma moi animada.

Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo

5 Decembro 2008

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

b87a7965514201e0edddce5158d3ea2314a2bc63

Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

Jaureguizar presentou «O Globo de Shakespeare» en Melide

29 Novembro 2008

Narrativa,Noticias,Premios,Presentacións

jaureguizarJaureguizar presentou hoxe no concello de Melide O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto estivo acompañado por Socorro Cea (alcaldesa de Melide) e Manuel Bragado. No comezo da súa intervención, Jaureguizar salientou que estaba feliz por que está presentación se celebraba nun día shakesperiano, «a choiva, como din na miña terra, crea un escenario perfecto para a presentación deste libro». Logo sinalou a importancia de que un concello como o de Melide termase deste premio, «que haxa un concello que se implique deste xeito, como o fai o de Melide, coa literatura nacional é relevante».

Citando a súa admiración pola serie Os Soprano, o autor d’ O Globo de Shakespeare insistiu que na narración é importante falar sobre as persoas, como tratou de facer nesta obra. «No Globo hai unha trama real. Sir Francis Drake decidiu atacar Porto Rico, que defendía un militar das Figueiras. O fillo da Mariña conseguiu que a praza resistise e na volta o pirata inglés derrotado pillou unhas febres. Tamén é real que Drake e Shakespeare se coñecesen, como o é que Drake era unha persoa culta. Até aí os feitos reais. A partir de aí, desenvólvese a miña ficción. Hai unha primeira versión de Hamlet. Convén recordar que Shakespeare non escribía as súas máis de trinta pezas. Os actores aprendíanas de memoria. As que coñecemos de Shakespeare foron escritas por dous actores dous anos despois da súa militar. Sigo. O militar galego volve a súa casa natal de Ribadeo e no seu arquivo queda, entre outras, a peza que Shakespeare lle pasara a ler a Drake.»

A continuación, Jaureguizar expresou que escribía coa intención de que o lesen, non para ser querido.«Escribín esta novela para falar do espectáculo, como xa fixera en Cabaret Voltaire, onde abordei o espectáculo do cabaret; como fixen n’ As horas sucias, dedicada ao circo; n’ A cova das vacas mortas, onde está moi presente o cinema. Aquí no Globo o espectáculo é o teatro. O teatriño que hai no soto do pazo, onde Ricardo fai representación de obras de Shakespeare cos seus títeres. Ricardo fala por medio das voces dos seus títeres e como non ten público para o seu espectáculo contrata a unha prostituta para que as contemple. A ela, que se sinte moi soa, non lle gustan, apenas atende a aquelas máis románticas como Romeo e Xulieta. Mentres, Rosalía, a muller de Ricardo, trata de sacar adiante aos seus tres rapaces. Ricardo síntese frustrado e envexoso de Sebe, un escritor de éxito, un personaxe que quixen construír arquetípico (guapo, elegante…). Este Sebe soña con limóns verdes que van madurecendo ao longo da novela até chegar a ser amarelos. Por que soña con limóns? Por que como ensina o mestre Cunqueiro hai unha continuidade entre o soño e a realidade. Os limóns son importantes na miña novela»

Concluíu a súa intervención Jaureguizar sinalando que pechou a todos os personaxes, coa excepción de Rosalía, nun pazo, nun concepto bastante teatral, coa intención de poder abordar mellor as relacións de poder e mesmo as sentimentais entre todos eles e como a descuberta do manuscrito lles vai afectar.

Ao remate da presentación, Jaureguizar presentou as galletas da novela, uns sabedeiros doces de limón. «A primeira novela galega con dóce propio.»

Older Posts »