Teño o gusto de me atopar aquí na presentación dun libro que acho fermosísimo na forma e no fondo.
A obra parte do feitizo dos contos tradicionais e ten os trazos dun clásico, tanto así no formato (portada e ilustracións sinxelas e detalladas) como no texto (a disposición en tres partes, os títulos que anteceden os capítulos, o encadramento do relato nun tempo pasado e impreciso, aparición de personaxes míticos). Pero o que semella clásico axiña se revela como un texto tremendamente innovador, porque non hai só unha historia, non hai un canon de inicio-nó-desenlace. O que aquí atopamos é un comezo, e o que segue é a gradación e a expansión do caos.Tres pinguiñas diminutas, que baten no mar, van desencadear o cambio en dous mundos radicalmente distintos, dous continentes asombrosos: “O mundo dentro do mar” e “O mundo fóra do mar.”
Son dous universos parellos, destinados a atoparse cando Neda e Mercurín, fillos do rei do mar, emerxen á superficie na súa nube de auga salgada na procura dun agasallo para o seu pai.
E chegan á vila de Nil, e atópanse con Lina e Pouco, parella protagonista que dá o título á primeira parte do libro.
Lina e Pouco, personaxes que noutras circunstancias serían invisibles, anónimos, xente corrente e do común, mais deles dous arranca unha fermosa historia de amor que, descrita desde o deslumbramento do seu inicio , vai ser contada ata o final con transparencia e tenrura, sen romanticismos nin pedantería. Amor sen diálogos, feito no silencio, porque para Lina e Pouco ise é o xeito de escoitar e dicírense todo. O de menos é a mudez de Pouco. Lina non precisa das súas palabras.
Pero a vida faise convulsa e o caos engule a Pouco nunha estraña nube de auga salgada. E nese extravío chega a segunda parte. É a que fala da viaxe de Lina, do devir da súa amargura, a constatación da súa soidade, da súa resistencia. Na busca de Pouco, a Lina sóbralle chan e fáltalle ceo. É así como sofre a súa metamorfose de pescozo estirado, delongado. E, malia sentir a morte, a súa é unha loita gañada.
Pero , tal como sucede na vida real, nunca hai unha soa historia, que mil cousas poden pasar. E outra metamorfose é a que se vai producir na vila de Nil. Esta vez non é física, senon que vai afectar a todo o seu tecido social.
Alí están os seus habitantes , a aprender como se vive unha guerra despois da guerra, como logo de loitar a días fixos e á mesma hora, todo remata e todo se esquece. Cada quen volve ao seu lugar, cada un ao seu oficio: o río ao seu leito e os mortos ao cemiterio.
Mais prodúcense, de súpeto, uns acontecementos inesperados e absurdos, que van descolocando á xente. Coma se ninguén ficase contento no seu lugar, a insatisfacción dá paso ás arelas de cambio. A desaparición de Pouco deixa un baleiro e, coma nun efecto dominó, os personaxes déixanse levar polas novas circunstancias e acomodan a súa vida na medida en que van atopando un novo lugar. Aparecen así o enterrador-músico, o estudante-enterrador, o cocho-estudante, o can – cocho, o xoieiro-can…
E lendo imos sendo testigos dos prodixios que se van producindo en ambolosdous mundos: no de Nil e no do mar.
Pasando cada páxina aumentan as sorpresas. A maxia, a emoción, o alento épico e unha sucesión de abraiantes carambolas énchennos dun agradable sentimento de asombro.
O texto mergúllase en historias tan fantásticas e en reflexións tan verdadeiras que o que semella incompatible acaba sendo unha abraiante mistura.
A narración permítenos entrar no laberinto das historias cunha claridade tal que non hai suceso que non nos seduza nin personaxe que non disfrutemos. Fagamos mención especial a dous deles: o emperador sombrizo Hedión e o seu fillo Propicio, transformador da vida dos mortos.
O amor, a guerra, a morte, o poder, abórdanse con orixinalidade, con humor e cunha ousadía que non se espera atopar nun texto de literatura infantil. Sen restarlle claridade ao texto, as imaxes son novedosas e audaces.
O fío da historia condúceo un narrador omnisciente, inda que as veces el mesmo o dubida (Quen sabe o que pasa cando un morre?)
ou descansa e deixa paso a un texto dialogado. É tamen o narrador amigo das reflexións acerca da natureza humana, inda que para estas atinadas disquisicións recibe de cando en vez a axuda do parente dun tal gato Kandás. O mico sabichón aparece de súpeto entre historia e historia e ten a ben agasallarnos con aforismos referidos tanto ás cousiñas cotiás como ás grandes verdades da vida.
Cada parágrafo agacha un tesouro, cada personaxe, cada capítulo do libro podería dar lugar a unha obra distinta. Non é de estrañar que ao final do libro anuncie a continuación nun segundo volume. Ao autor sóbranlle mundos.
É unha obra de calidade, que divirte e amolece a alma. Unha preciosa revelación.
E xa remato , co permiso do autor, cun dito do parente do gato Kandás:
“Pasen, lean, gocen, choren,
que este libro leva un mundo.
Collan folgos, meus señores,
que axiña sairá o segundo”