«A chamada da selva», de Jack London: a loita por sobrevivir. Recensión de Mar Fernández Vázquez

28 Xuño 2011

Críticas,Xabaril,Xuvenil

El Correo Gallego publica unha recensión de Mar Fernández Vázquez sobre A chamada da selva, de Jack London, da colección Xabaril.

Buck, a loita por sobrevivir

A violencia, crueldade e irracionalidade que Jack London retratou en ‘A chamada da selva’ aínda perviven no século XXI

A tradución de obras canónicas da literatura universal acostuma ser unha estratexia das distintas literaturas á hora de se configuraren e asentaren como sistema literario, e a Literatura Infantil e Xuvenil galega non ía ser menos. Como fomos apuntando nesta páxina semanal, o transvasamento ao galego de autores clásicos non se fixo de forma planificada, senón máis ben de forma improvisada como se pode seguir pola análise das traducións das décadas dos 60 e dos 70 que describimos no apartado “Para coñecela +”.

No ano 1982 Edicións Xerais de Galicia publicou A chamada da selva na súa colección “Xabarín” e desde ese momento fóronse sucedendo, case anualmente, ata o ano 2000, as reedicións desta obra canónica. O seu tradutor e responsable así mesmo das notas e introdución que esclarecen o texto foi Gonzalo Navaza.

As reedicións desta obra no século XXI respectaron a normativa vixente do galego no momento da publicación e as mudanzas desta colección, de aí que a reedición de 2002 vise a luz na nova colección que a substitúe, “Xabarín de ouro”, e esta de 2011 é a primeira da renovada colección denominada “Xabaril”.

Esta obra encádrase na tipoloxía das novelas de aventuras, a aventura individual de evolución do personaxe principal, como As aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain. O narrador omnisciente equipara a Buck, o can protagonista, co home cando xustifica as súas actitudes violentas ou cando lle atribúe cualidades e reflexións propias do ser humano.

Buck capta a atención do lectorado desde a cuberta de Javi Montes quen o deseña sorrinte sobre a neve e reflectido na auga como o novo can ouveando á luz da lúa no que Buck se acaba convertendo.

É mágoa que esta reedición non conte coa introdución de Gonzalo Navaza que precedeu as anteriores, xa que grazas a ela o lectorado xuvenil coñecía o contexto socio-político-económico de Norteamérica nos inicios do século XX cando Jack London (John Griffith Chaney, San Francisco, 1876-California, 1916) a publicou en 1903, e entendía a vida deste autor, o porqué dos temas da súa produción, a significación desta obra e a gran popularidade que lle reportou.

A aventura e evolución de Buck comezan ao ser vendido sen sabelo o xuíz Miller, e vai pasando, como Lázaro de Tormes, por outros donos que, a golpe de vergallo, lle provocan que esperte o seu primitivo instinto de animal salvaxe. Buck convértese no eixo da zorra de cans que levan á Alaska buscadores de ouro cando aprende a actuar ante a violencia, crueldade e irracionalidade doutros cans e dos amos, agás John Thornton, a quen o une unha fidelidade mutua.

Edicións Xerais tamén publicou en 1997 Cairo branco, complemento desta novela ao presentar a aventura inversa e transmitir asimesmo o amor á natureza e á vida salvaxe, a loita ben/mal e a amizade.

Mar Fernández Vázquez

«A chamada da selva», de Jack London na sección Un libro para cada día de ANT

26 Maio 2011

Xabaril,Xuvenil

A chamada da selva, de Jack London, na sección Un libro para cada día, de A Nosa Terra

Aínda non sabes quen é o cadelo Buck?

Redacción. Xerais reedita o clásico xuvenil de Jack London ‘A chamada da selva’, que conta a historia dos buscadores de ouro en Alaska a finais do século XIX. Aventuras contadas desde o punto de vista do can Buck.

A colección ‘Xabaril’ segue a reeditar os clásicos universais xuvenís que Xerais xa publicara hai 30 anos. A chamada da selva, de Jack London, gaña unha nova edición pero mantén a versión de Gonzalo Navaza do 1982.

O libro conta a historia dos homes que no convulso final do século XIX deixaban familia e facenda para aventurarse na inhóspita Alaska na busca do ouro. Este engado era unha loita pola supervivencia e un enfrontamento diario e violento contra unha natureza que se resiste a ser domeada.

A historia cóntaa London desde o punto de vista do can Buck, un cadelo que vivía placidamente nunha granxa dunha familia acomodada até que é roubado e remata perto do lobo, ese seu medio irmán que é no libro metáfora do espello entre a civilización e a natureza bravía.

Ramón Nicolás comenta as novidades de Xerais

10 Febreiro 2011

Blogs,Críticas,Novidades

O crítico Ramón Nicolás comenta hoxe as últimas novidades de Xerais no seu blog Caderno da crítica. Reproducimos a continuación o texto:

Comeza o novo ano Edicións Xerais de Galicia cun mangado de novidades en diversas coleccións das que cumprirá ir dando conta máis polo miúdo de  aquí en diante.

Neste sentido destacan, ao  meu ver, senllas incorporacións ao sistema literario galego que simbolizan apostas por novas voces como son as de Yashmina Shawaki, que subscribe a novela Fundación Libélula, ao que parece unha vigorosa proposta de fondo reivindicativo que evidencia as difultades dun grupo de mulleres en contextos adversos  e mais Cara B, de Ignacio Silva, un libro composto por tres novelas curtas galardoadas previamente en diversos certames literarios.

Por outro lado, a colección Fóra de xogo ve o seu catálogo aumentado cunha peza teatral titulada Marta ante o espello, de Teresa Calo Fontán, en tradución de Pilar Sampedro e Maruxa Caamaño. A autora donostiarra, filla de emigrantes galegos, posúe un importante currículo no ámbito da dramaturxia como actriz e autora teatral, sendo esta a súa estrea no ámbito da literatura xuvenil. Ao tempo, a mesma serie acolle a terceira entrega de Poderosa, do hai pouco falecido Sérgio Klein, en tradución de Mercedes Pacheco: de novo un diario que protagoniza unha rapaza que “tiña o mundo na man”.

Para finalizar, alén de dúas reedicións de senllos clásicos na histórica colección Xabaril como son A chamada da selva, de Jack London, e mais A pantasma de Canterville e outros contos, de Oscar Wilde, que chegaron no seu día ao galego da man de Gonzalo Navaza e Gustavo Luca de Tena respectivamente,  a editora viguesa aposta por títulos para os primeiros lectores con tres autores de longa traxectoria como son Antonio García Teijeiro, Xoán Babarro e mais Gloria Sánchez, quen por certo será proximamente homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil pontevedrés que xa está a celebrarse.

A colección Xabaril: os clásicos en plena forma. As aventuras de Jack London e o humor de Óscar Wilde

3 Febreiro 2011

Noticias,Novidades,Xabaril

«Se a colección Xabarín foi fundamental para a normalización da nosa cultura a primeiros da década do 1980, Xerais leva recuperando desde hai uns anos títulos fundamentais das letras universais que seguen en plena forma para os lectores do século XXI». Así comeza a información que A Nosa Terra publica sobre a colección Xabaril, unha das coleccións emblemáticas de Xerais desde as súas orixes e da que, este mes de xaneiro, publicamos a reedición actualizada de dous novos títulos: A pantasma de Canterville e outros contos, de Óscar Wilde, e A chamdada da selva, de Jack London, un dos libros máis vendidos da historia de Xerais.

Partindo de traducións moi coidadas (neste dous casos, da autoría de Gustavo Luca de Tena e Gonzalo Navaza) e cun deseño novo e atractivo, a nova colección Xabaril, como informa A Nosa Terra, «segue a provocar o interese dos lectores mozos por libros que ofrecen aventura, reflexión e mestría narrativa a partes iguais. A colección chegou a ter 60 títulos, dos que se reeditaron nos últimos tempos nove e a cifra de vendas atinxiu os 400.000 exemplares». Reproducimos parte da información de A Nosa Terra:

O libro de Wilde é ocasión perfecta para coñecer o sentido irónico da literatura do autor irlandés e tamén ocasión para revisitar uns contos, caso de “O Príncipe Feliz” ou “O xigante egoísta”, nos que o lirismo do escritor alcanza o grao sumo.

A novela de London é un clásico da narrativa de aventuras e leva engaiolando adultos e adolescentes desde o 1903, ano no que se publicou por primeira vez. A fascinación polo ouro, a conquista do deserto de neve de Alaska e a fortaleza de espírito dos animais volven brillar en lingua galega.

Ler a información completa en A Nosa Terra.

«A chamada da selva», de Jack London, novidade do mes de xaneiro

19 Xaneiro 2011

Narrativa,Reedicións,Xabaril,Xuvenil

Un dos clásicos da literatura universal, A chamada da Selva, de Jack London, que se desenvolve nas rexións xeadas de Alaska e constitúe un dos libros máis vendidos da historia de Xerais, publícase agora en Xabaril, nunha fermosa e renovada edición, traducido por Gonzalo Navaza.

Jack London nacera en San Francisco no ano 1876 e morreu en Hawai en 1916. Esta curta vida, que produciu máis de cincuenta libros, pódese resumir no que el mesmo dixera poucos anos antes de morrer: «prefiro ser un espléndido meteoro, cada un dos meus átomos brillando con escintilante fulgor, ca un planeta permanente e durmido».

No outono de 1894 o descubrimento de ouro en Klondike levou ata as rexións xeadas de Alaska a homes de todas as partes do mundo. A chamada da selva é a historia destes homes, desta epopea vivida no espello da aventura dun can, Buck, que tras catro anos de cómodo vagar na granxa do xuíz Miller, preto de San Francisco, ten que comezar unha vida rexida pola lei do vergallo e da loita pola existencia para, ao cabo, sentir a chamada do atávico, o achegamento ao lobo, o seu irmán salvaxe, que ha cantar co seu ouveo a canción do mundo primitivo.