Finalistas dos Premios AELG 2011

4 Marzo 2011

Ensaio,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios,Teatro,Traducións,Xerais,Xornalismo,Xuvenil

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais)  de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libros de Xerais finalistas nos Premios da Edición 2010

21 Febreiro 2011

Autores,Noticias,Premios

A Asociación Galega de Editores fixo públicos esta fin de semana os libros e autores finalistas nos Premios da Edición 2010, que serán entregados en Lugo o sábado 12 de marzo durante o transcurso da Noite da Edición.

No que se refire aos libros de Xerais, os finalistas son Todo é silencio, de Manuel Rivas, no Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción do ano; a novela Bilbao-New York-Bilbao, traducido por Isaac Xubín, no Premio Lois Tobío ao mellor libro traducido do ano; e a Guía ilustrada da Galicia invisible, ilustrada por Noemí López, así como Quéroche contar un conto, ilustrado polos alumnos do centro ASPANAEX de Vigo, no Premio Isaac Díaz Pardo aos mellor libro ilustrado do ano.  En canto ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano, os finalistas son Xosé Neira Vilas, Pepe Carreiro e Marcos Calveiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Kirmen Uribe na Coruña

21 Abril 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Noticias,Traducións,Xerais_nos_medios

Kirmen Uribe, autor de Bilbao-NewYork-Bilbao, Premio Nacional de Narrativa 2009, estivo onte na Coruña para participar xunto a María Lado nun recital do ciclo «Poetas di(n)versos». Un acto memorable, coducido e organizado por Yolanda Castaño, seguido por dous centenares de persoas con enorme interese e emoción.

Con anterioridade mantivo un encontro cos medios de comunicación no que presentou a edición galega da súa novela, preparada por Isaac Xubín e editada por Xerais, da que dixo sentirse moi satisfeito.

Velaí como quedaron recollidas as súas manifestacións:

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Bilbao-New York-Bilbao», adianto do primeiro capítulo

2 Marzo 2010

Adiantos_para_ler,Narrativa,Noticias,Premios,Traducións,Xerais_nos_medios

El Correo Gallego publicou no seu suplemento dominical unha entrevista con Isaac Xubín, o tradutor dnede o éuscaro de Bilbao-New York-Bilbao, a novela pola que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa en 2009, ademais dun adianto das súas primeiras páxinas.

Capítulo 1

OS PEIXES e as árbores parécense.

Perecénse nos aneis. As árbores téñenos no tronco. De facermos un corte horizontal a unha árbore veriamos no tronco os seus aneis. Un anel por cada ano, é así como se sabe cal é a idade da árbore. Os peixes tamén teñen aneis, pero nas escamas. E como acontece coas árbores, grazas a estes aneis sabemos cal é a idade do animal.

Os peixes sempre están a medrar. Nós non, nós minguamos dende a chegada da madureza. O noso crecemento detense e os ósos comezan a xuntárense. A persoa encolle. Os peixes, pola contra, crecen até morreren. Máis rápido cando son novos e máis lentamente co paso dos anos, pero sempre están a medrar os peixes. E por iso teñen aneis nas escamas.

O anel dos peixes orixínao o inverno. O inverno é o tempo durante o cal o peixe come menos e este momento de fame deixa unha pegada escura nas súas escamas. Porque crecen menos durante a época do inverno. No verán non. Cando os peixes non pasan fame non queda marca ningunha nas escamas.

O anel dos peixes é microscópico, non se ve de primeiras, pero velaí está. Coma se fose unha ferida. Unha ferida sen pechar ben.

E coma os aneis dos peixes, os momentos máis difíciles fican na nosa memoria, fan marca nas nosas vidas, até convertérense en medida do noso tempo. Os días felices, pola contra, pasan lixeiros, rápido de máis, e axiña os esquecemos.

O que para os peixes é o inverno, para as persoas é a perda. A perda delimita o noso tempo: o final dunha relación, a morte dun ser querido.

Cada perda, un escuro anel no interior.

O DÍA que lle dixeron que lle quedaban poucos meses de vida, o meu avó non quixo volver á casa. A miña nai, a súa nora aínda moza, acompañouno ao médico aquela mañá. O avó escoitou con serenidade o que dicía o médico. Escoitouno todo sen dicir ren e, despois, deulle a man ao médico e despediuse con amabilidade.

Ao saíren da consulta miña nai non sabía que dicir. Despois dun longo silencio preguntoulle ao avó se ían cara ao autobús. El respondeu que non.

Díxolle «Non imos volver aínda. Pasaremos o día en Bilbo. Quero ensinarche unha cousa» e tentou sorrir.

O avó levou a miña nai ao museo de Belas Artes de Bilbo.

A miña nai non esquecería endexamais aquel día, que a mesma mañá que lle anunciaron que ía morrer, o avó levouna a un museo. De que xeito tentou que a beleza se mantivese por riba da morte, en balde. Como se esforzou para que miña nai gardase outra lembranza daquel día tanacedo. Miña nai sempre tería na lembranza aquel xesto do avó.

Era a primeira vez que entraba nun museo.

CORENTA E CINCO anos máis tarde era eu quen entraba no museo. Precisaba información sobre un cadro e aló fun. Andaba tras o rastro dunha obra do pintor Aurelio Arteta coma quen segue unha pista medio borrada, dun xeito totalmente intuitivo. Pero unha voz interior dicíame que ese cadro era importante, que sería unha peza fundamental na novela que estaba a escribir.

O cadro era en orixe un mural, pintado, concretamente, no chalé de Ondarroa onde pasaba o verán o arquitecto Ricardo Bastida. Arteta pintouno no salón da casa durante o verán de 1922. Na década dos sesenta, porén, algúns anos despois de morrer Bastida, a familia vendeu o chalé. Botaron a casa abaixo para construír pisos. Pero, por sorte, o mural salvouse. Tiraron da parede a obra de Arteta e levárona ao museo de Bilbo. Dende entón está exposta no museo, nunha das salas do primeiro andar.

José Julián Bakedano, un dos responsables do museo, amosoume o mural. Daquela ocupaba tres paredes do salón do chalé. Na fachada estaba a galería, para mirar o mar. Nomuseo, pola contra, colocárano coma se fose un tríptico. No centro, na peza máis grande, aparece a representación dunha romaría. E nos laterais os outros dous fragmentos. Nun deles móstrase unha muller da época coas feituras dunha Venus do renacemento. No outro hai unha parella nova falando baixo dunha árbore. Á primeira vista chaman a atención as cores do mural. Arteta utiliza unhas cores moi vivas para retratar os mozos que van á romaría dunha aldea da montaña: verdes, azuis, lilas. Antes, endexamais se utilizaran deste xeito.

«Ao principio, algúns críticos non viron con bos ollos a obra de Arteta. Dicían, burlándose, que semellaba que utilizara lentes de cores para pintar» comentoume Bakedano. «A Arteta notábanselle os anos que estivera a estudar pintura en París. Viviu en Montmartre e alí ficou namorado dos traballos de Toulouse-Lautrec e de Cézanne. Pero non quixo nunca romper completamente coa tradición. Por iso, os seus cadros, lémbranme as vellas tabernas pintadas con cores moi vivas, son modernos pero sen perderen o feitizo».

No mural represéntanse dous mundos, os dous ao mesmo tempo. Por unha parte áchase o rural e pola outra o mundo urbano. As mozas do casarío visten de xeito tradicional. A saia chégalles até o nortello, pano na cabeza e sen escote. Pola contra, as mozas de cidade visten con outro aire. Os seus vestidos son lixeiros, móveos a brisa. Levan saias máis curtas, deixan os xeonllos ao descuberto e amplos escotes. No peito, amais, levan colares. Ao lado das aldeás, as mulleres da cidade teñen unha actitude atractiva, coma se estivesen a facerlle as beiras ao espectador. Na pintura é moi evidente a influencia do Art-Decó, transmite ese optimismo dos anos vinte.

Este cadro mostra o salto do mundo antigo ao novo e o contraste entre as mozas do casarío e as da cidade incrementa o erotismo das segundas» precisoume Bakedano. O certo é que o mural da casa de Bastida non era senón un ensaio. Aurelio Arteta non dominaba axeitadamente a técnica do mural e o arquitecto deixoulle o salón da súa casa para que fixese probas. A auténtica obra chegaría un pouco máis tarde. Ricardo Bastida deseñara a que sería a sede do Banco de Bilbao en Madrid. O edificio que construirían na mesma rúa Alcalá converteríase na súa obra máis importante até o momento. A sede, en resumo, debía ser símbolo non só do banco, tamén da cidade de Bilbo. Símbolo de fortaleza e de modernidade. Aquel traballo consolidaría as traxectorias de Bastida e de Arteta, faríaos coñecidos fóra do País Vasco.

Bastida quería que Aurelio Arteta pintase os murais do recibidor do banco. Coñecíanse dende cativos e as vidas de ambos os dous transcorreran paralelas, a dun polo camiño da arquitectura e a do outro polo da pintura. Na sala circular de entrada ao banco Arteta pintaría unha alegoría de Bilbo. Aparecerían os traballadores do porto, os dos altos fornos, a xente do campo, as vendedoras de peixe etcétera. Aquel era un labor inmenso, máis de dez murais, e ademais sobre unha superficie irregular.

Arteta aceptou o encargo pero antes quería adestrarse. Era moi esixente consigo mesmo, custáballe moito dar un traballo por finalizado. Nunha ocasión, anos despois, no seu exilio mexicano, un comprador, retirando a cobertura, tentou mirar un cadro que aínda non estaba rematado e que se atopaba tapado por un pano. Cando Arteta o viu, encolerizado, feriu o curioso na cara cunha espátula. Seica era a única cousa que o puña fóra de si.

A edición en galego de Bilbao-New York-Bilbao chegará ás librarías a finais da vindeira semana.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Bilbao-New York-Bilbao» de Kirmen Uribe, Premio Nacional de Narrativa 2009

16 Febreiro 2010

Narrativa,Noticias,Premios,Traducións

A comezos de marzo chegará ás librarías a edición galega de Bilbao-New York-Bilbao, a novela coa que Kirmen Uribe obtivo o Premio Nacional de Narrativa 2009. A tradución foi realizada directamente do éuscaro por Isaac Xubín.

Bilbao-New York-Bilbao relata un voo entre o aeroporto de Bilbao e o JKF de Nova York. O autor viaxa no avión e no transcurso da viaxe dá conta tanto do proceso de escritura da novela que está escribindo como das súas propias dúbidas. A novela aborda a historia de tres xeracións dunha mesma familia. A primeira, a de preguerra, protagonizada polo avó e os membros dunha xeración de artistas moi liberais e ideoloxicamente transversais. A segunda, a da época franquista, centrada nos pais, relata os afáns de pesca industrial en Escocia. E, por último, a xeración actual, a do propio autor, retratada por el no propio avión. Como teón de fondo de toda a obra aparece o Atlántico e a perda dunha forma de vida vinculada ao mar. Unha novela multipremiada e aclamada de xeito unánime, na que empregando os recursos da autoficción e das novas formas de contar se exploran os límites da ficción contemporánea.

Kirmen Uribe, nacido en Ondarroa en 1970, é licenciado en Filoloxía vasca e cursou estudos de postgrao en Literatura Comparada en Trento. Considerado un dos máximos renovadores do panorama literario en éuscaro, é autor de proxectos multimedia nos que, en colaboración con músicos e artistas plásticos e audiovisuais, combina a literatura con difeentes disciplinas artísticas. Participou en numerosos encontros internacionais de literatura en Europa, Asia e América, e publicou en revistas de prestixio como The New Yorker. A publicación en 2001 dos seu libro de poemas Bitartean heldu eskutik («Mentres tanto dáme a man») supuxo, segundo a crítica, unha «revolución tranquila» na literatura euskalduna, recibindo o Premio da Crítica e sendo traducido a diversas linguas. Bilbao-New York-Bilbao (2008), a súa primeira novela, recibiu o Premio da crítica 2008, o Premio da Fundación Ramón Ruibal á obra artística do ano 2008, o Premio do Gremio de libreiros de Euskadi e o Premio Nacional de Narrativa 2009.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais: novidades literarias de xaneiro e febreiro de 2010

4 Xaneiro 2010

BLG,Clásicos,Crónica,Ensaio,Fóra de Xogo,Guías_de_viaxe,Lingua,Narrativa,Noticias,Poesía,Reedicións,Traducións,Universitaria,Xuvenil

Tras os días de descanso de Nadal, o equipo da editorial prepara os primeiros lanzamentos das primeiras novidades literarias de 2010.

Neste mes de xaneiro aparecerán, dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas, dous poemarios de Ramón Cabanillas: Samos, en edición de Xosé Carlos López Bernárdez e No Desterro, en edición de Xosé Ramón Pena. Nas mesmas datas aparecerán os dous primeiros títulos de ensaio, A espiral no espello de Anxo Angueira (Xerais Universitaria) e Lingua de calidade de Xosé Freixeiro Mato (Xerais Materiais).

A comezos do mes de febreiro chegarán ás librarías os primeiros títulos do «Ano Uxío Novoneyra»: a nova edición d’ Os Eidos (Xerais Clásicos) e o libro de Xosé Lois García Uxío Novoneyra revisitado (Xerais Estudos Literarios). No mesmo envío incluiranse os dous primeiros títulos de Cronica: Melancolía de sofá de Luisa Castro e Feministas Galegas. Unha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón.

Tamén en febreiro aparecerán as tres primeiras novelas de Narrativa: A intervención de Teresa Moure, Settecento de Marcos Calveiro e Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe, premio Nacional de Narrativa 2009, traducido do éuscaro por Isaac Xubín. No mesmo servizo chegarán ás librarías dous títulos de Xerais Poesía,  Lapidarias de David Rodríguez e (Retro)visor de Antía Otero e dúas novelas de Fóra de Xogo, A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo, traducida do catalán por Eva Lozano, e A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis.

Na derradeira semana de febreiro publicaranse os dous primeiros títulos de Xerais Ensaio: Georges Steiner no The New Yorker, traducido do inglés por Lara Domínguez, Patricia Buján e Saleta Fernández e o segundo tomo d’ O segundo sexo. II. A experiencia vivida de Simone de Beauvoir, traducida od francés por Marga Rodríguez Marcuño, así como a Guía do Camiño de Santiago de Antón Pombo.

Chuzame! A Facebook A Twitter