Ao longo das máis de cinconcentas páxinas deste libro o seu autor analiza con detalle e polo miúdo o desenvolvemento no só da protesta dos universitarios galegos contra a ditadura de Franco, senón tamén a evolución da universidade galega desde o remate da Guerra Civil ata 1968, ano este do mítico peche dos universitarios na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago.
Gurriarán presenta con datos abondos como tras o remate da Guerra Civil o franquismo converte a universidade nun feudo do falanxismo e do nacionalcatolicismo. Lembra acertadamente a disposición franquista que reservaba o 80% de todos os postos de funcionarios para os combatentes do chamado Exército Nacional, para os colaboradores do Alzamento Nacional ou mesmo para os familiares destes dous colectivos. O SEU e o nacionalcatolicismo son donos e señores absolutos da universidade naqueles anos da inmediata posguerra civil.
Non elude o autor dar nomes concretos de represores e censores. Así pasan diante dos nosos ollos os nomes dos que daquela se dedicaron a expurgar as bibliotecas de autores e obras considerados perigosos para o Réxime e nesa listaxe aparecen os Pérez Bustamante, Filgueira Valverde, Torrente Ballester ou o falanxista e sempiterno decano de Filosofía Moralejo Lasso.
O libro detense na loita polo poder universitario que se establecen entre as distintas familias do franquismo. No longo reitorado de Legaz Lacambra (1942-1960) prodúcese a invasión da universidade compostelá por parte do OPUS a través dos López Rodó, D´Ors, García Garrido ou Meilán Gil. Non pasa por alto tampouco os elementos adoutrinadores franquistas como o SEU, as milicias universitarias ou os colexios maiores. Sinala así mesmo o sopro vivificador que supuxo para a universidade compostelá a presenza nelas nos cincuenta de Otero Pedrayo como catedrático de xeografía e os parladoiros no Hotel Compostela ou no Café Español, en que participaban moitos dos membros da xeración das Festas Minervais, como Franco Grande ou Méndez Ferrín. Salienta así mesmo a Homenaxe á poesía galega celebrada no Círculo Mercantil de Santiago, porque supuxo o uso do galego como lingua oficial neste acto.
Xa que logo, malia estes intentos anovadores, no remate dos cincuenta a universidade galega aparecía dominada polo OPUS (López Amo, López Rodó, Meilán Gil…), a cúpula eclesiástica (Lucas, Suárez Núñez…) e o SEU (Massaguer, Sánchez-Harguindey, Eiras Roel…). Nese bloque monolítico o galeguismo cultural de Galaxia e Piñeiro trataba de abrir un oco a través de actos como as Festas Minervais.
Os anos sesenta xa van ser moi distintos para a universidade galega. O libro analiza como se vai formando o ambiente que rematará no célebre peche na Facultade de Filosofía e Letras o ano 1968, fito na rebeldía universitaria compostelá antifranquista. O autor presenta de xeito acaído a galeguización das Festas Minervais nestes anos, o xurdimento de asociacións culturais como O Galo, a celebración do centenario de Cantares gallegos, a homenaxe a Antonio Machado… Íase formando un ambiente de protesta e antifranquista que callaría nos xa citados actos de protesta de 1968, que o autor analiza polo miúdo e alí aparecen os nomes dos líderes estudiantís antifranquistas como Cochón, Mauro Fernández, Casares, Luís Mariño, Calviño, Sanxúas, Álvarez Areces e tantos outros aos que lles debemos eterno agradecemento pola súa loita a prol da democracia. Tamén sinala con nome e apelidos os que defendían a universidade franquista como Otero Túñez, Massaguer, Ocón, García Garrido, Moralejo…
Como supremo acto de ignominia o autor describe polo miúdo o nomeamento de Franco, en 1965, como doutor honoris causa pola Facultade de Ciencias. O sistema represor antiestudantil estaba formado pola Policía (ao mando do comisario Armada), o SIM do Exército, a Falanxe e a Garda Civil. Os elementos infiltrados entre os estudantes como bedeis espía ou policías da Brigada Social que se facían pasar por estudantes aparecen mesmo con nomes e apelidos. Para ver como eran os represores do franquismo cómpre ler a historia da persecución psicopática que sufriu Mauro Fernández por parte dalgúns membros do SIM do Exército.
O libro remata coa análise dos feitos do 68, que culminaron co peche na Facultade de Filosofía de varios centos de estudantes, acontecemento estrela da revolta universitaria galega antifranquista.
Este documentadísimo traballo de investigación volve darnos de novo a imaxe dunha Galicia progresista, que estivo en primeira liña nas revoltas estudiantís dos sesenta e en consonancia co que supuxo, por exemplo, o maio francés do 68. Por outra banda, nesta revolta, a partir do grupo das Festas Minervais, o galego vai gañando un espazo como lingua de cultura e de progreso e convértese en lingua de propaganda e ata emblemática do movemento estudantil. Así o demostran a tradución ao galego da célebre canción himno da revolta, Venceremos nós, desde o inglés ou tamén a tradución ao galego, por parte de García Bodaño e Casares, das cancións que interpretou Raimon no mítico concerto compostelán de maio de 1967. O movemento estudantil estaba a facer que o galego xa non fose identificado só como lingua rural, senón tamén como lingua de progreso e compromiso. Mediten os sociolingüistas oficiais sobre estes feitos e saberán por que hoxe os sectores ultraconservadores atacan o galego: non é por ser lingua pouco útil ou ruralizante –como din os moi parvos–, senón porque o que os molesta do galego é que é lingua de progreso e innovación política e social.
Xa que logo, libro que debe estar en todas as boas bibliotecas e que os profesores de historia, filosofía e lingua lles deben comentar aos alumnos do segundo ciclo de secundaria e por suposto aos de bacharelato. Manuel Rodríguez Alonso