O último truco do conde de Waldemar. Unha reportaxe de Iago Martínez sobre «O misterioso Dr. Saa», de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández

20 Febreiro 2012

Crónica,Reportaxes

Iago Martínez publica en El País unha reportaxe sobre o libro da colección crónica O misterioso Dr. Saa, subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán , que está espertando moita expectación.

 

El último truco del conde

Un libro rescata la historia de Rodríguez Saa, célebre ilusionista de Portomarín

Manuel Rodríguez Saa viajó por primera vez a La Habana en el verano de 1921. Tenía 35 años y la misma obsesión con la que se había largado de la aldea para ponerse a servir en Lugo: conocer mundo y volver forrado. En eso, Manueliño no era original. A Cuba llegó en un vapor desde México. Le iba bien. Tenía una reserva en el Plaza, como Sarah Bernhard, y mucho equipaje en el camarote. Antes de llegar al puerto, hizo llamar a un mozo y le ofreció una propina. Le brindó un jirón del periódico: “Lo acordado, mozo, y por adelantado”. El chaval se quedó mirando el pedazo de papel con gesto de haberse comido alguna cláusula. El gallego se lo arrebató, hizo con él una bola y se lo puso de nuevo en las manos convertido en un dólar americano. “¿Hay trato?”.

 Eran dos de sus trucos favoritos. El del billete y el del rumor. Seguro que el público que abarrotaba el Gran Teatro de La Habana para verlo pocos días después no era ajeno al milagro. El Dr. Saa, más conocido como Conde de Waldemar, procuraba erizar la curiosidad de la parroquia antes de actuar. Hizo lo mismo en Camagüey, al este de la isla. Nada más subirse a un tranvía, se acercó al conductor y le sugirió que hiciese bajar al personal. Aquella máquina no iba a moverse de allí.

Los autores de O misterioso Dr. Saa (Xerais), la biografía de este singular ilusionista de Bagude, en Portomarín (Lugo), creen que las noticias del fabuloso tranvía inmovilizado llegaron a La Habana antes de que el protagonista regresase. Por si acaso, antes de continuar gira hacia Costa Rica se tomó la molestia de visitar la redacción de El Día y seducirla con lo que habían escrito sus colegas de El Camagüeyano. Se ve que ese truco tampoco se le daba mal: volvieron a publicar su proeza.

Aunque se presentaba como profesor de Ciencias Físicas por la Escuela Mágica de París y miembro de la Academia de Hipnotizadores de Francia, el Dr. Saa era autodidacta. Jamás le había llevado los cafés a otro mago. Cuentan Xosé Díaz y Belén Fernández en su libro que todo lo aprendió en los clubes y cabarés de Montparnasse, donde llegó después de malvivir como camarero en Madrid. Méliès, otro aficionado al ilusionismo, ya había convertido la pantalla de cine en el lugar privilegiado del asombro, pero la magia vivía aún su edad dorada. El Gran Houdini seguía vivo.

Rodríguez Saa se fue a Buenos Aires por amor y acabo debutando, por despecho, en un casino de Maipú, provincia de Mendoza. Allí comenzó su carrera de éxito, primero en Europa, durante la guerra, y a partir de su actuación en La Habana, por todo el continente americano. Luego regresó a Galicia para descansar, dejarse ver por las calles y las redacciones y actuar para sus vecinos de Bagude en un fiestón de tres días. Ya tenía en mente el próximo ochomil: debutar en España.

El 15 de enero de 1925 consiguió por fin estrenar en el Teatro Novedades de Barcelona. No fue fácil: tuvo que suspender el primer intento porque su equipaje seguía secuestrado en el paso fronterizo de los Pirineos. Es difícil saber ahora qué cuota del éxito se debe a la ocurrencia de invitar en las páginas de La Vanguardia a todos los periodistas, médicos y potentados de la ciudad, pero pocos días después llegó la confirmación al Hotel España: el dictador Primo de Rivera lo quería en África, no para combatir sino para entretener a las tropas que arrasaban Marruecos.

Con razón se haría llamar rey de magos y mago de reyes. Si no hubiese perdido más de un baúl en su ir y venir, Rodríguez Saa habría conservado las evidencias de su coqueteo con sátrapas de medio mundo. Le sacó partido a la debilidad de los poderosos por sus capacidades, eso es cierto. La cigarrera de oro que le regaló la realeza española llegó a usarla como cebo para su primera gira gallega. La foto en la que compartía mesa con el emperador Hiro Hito le salvó la vida durante la invasión japonesa de Filipinas. Pasó de la cola del pelotón de fusilamiento a ser un intocable.

Llevaba años establecido en Manila. Había conocido a su mujer en una fiesta privada mientras los militares ultimaban el golpe en España, en julio de 1936. Teodora Salgado tenía tierras, esclavos y buenas relaciones, así que vivieron cómodamente hasta 1944. Cuando la aristócrata murió, sus herederos obligaron al mago a improvisar un número que hasta entonces no había ensayado. Huyó sin que nadie se diese cuenta en el patio de butacas y cumplió su promesa de no volver jamás a Filipinas. En noviembre de 1984 lo enterraron en Portomarín. Este es su último truco. Ha vuelto a seducir a los periódicos.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Román Raña sobre «Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez

8 Setembro 2011

Críticas,Crónica,Letras_galegas

Román Raña publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro Lois Pereiro. Vida e obra, a biografía literaria escrita polo xornalista Iago Martínez.

Máis que unha biografía

Das mellores homenaxes

A presente obra do xornalista Iago Martínez (Vigo, 1979) resulta ser, de certo, algo máis que unha simplebiografía: trátase dun relato escrito con minuciosa paixón e que fai revivir, xa que logo, a figura humana de Lois Pereiro, que a filma e a reafirma ante os nosos ollos, que a retrata por dentro e que a anima por fóra, recreándoa. Se a todo isto unimos a excelente prosa con que o biógrafo alicerza todo, podemos afirmar que estamos diante dunha das mellores homenaxes quo poeta monfortino recibiu neste 17 de maio pasado. Cabe lembrar aquí que Iago Martínez tamén é coautor (xunto con Álex Cancelo) dun documentario absolutamente conmovedor, magnífico e imprescindíbel que completa e complementa axeitadamente o volume que estamos a comentar.
Lonxe xa dos actos conmemorativos, apagados os focos da atendicón mediática, chegou o momento de contemplar a produción de Lois Pereiro sen as interferencias carpetovetónicas da actualidade para desfrutar do seu lirismo lúcido e acedo. Xa o dixemos antes, hai un bo lume no interior desta obra: a admiración polo artista de que se fala, o coñecemento profundo da súa obra, o comentario sempre atinado, a reflexión fulgurante que nos sitúa ante un traballo en verdade exemplar.

Román Raña

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe Agustín Fernández Paz na Feira do Libro da Coruña

2 Agosto 2011

Autores,Crónica,Entrevistas,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Presentacións

Hoxe na Feira do Libro da Coruña o acto de Xerais estará protagonizado por Agustín Fernández Paz que conversará con Óscar Sánchez e Iago Martínez sobre Non hai noite máis longa a súa novela máis recente. Mañá, mércores, Manuel Rivas presentará a súa novela Todo é silencio e Carlos Callón o libro Como defenderes os teus dereitos lingúísticos.

  • Día 3 mércores
    • ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas.  Participan: Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
    • ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón.  Participan: Xabier DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe na Feira do Libro da Coruña Portas, Neira Vilas e Alonso Montero

1 Agosto 2011

2011,Autores,Crónica,Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Presentacións

Hoxe na Feira do Libro da Coruña os actos de Xerais estarán protagonizados por Manuel Portas, Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero que presentarán as súas novidades no Paseo de Méndez Núñez. Mañá, martes, Agustín Fernández Paz presentará a súa novela máis recente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais publicará os cadernos de viaxe, inéditos, de Lois Pereiro

18 Xullo 2011

Noticias

O Xornal de Galicia publica unha noticia de Iago Martínez, autor de Lois Pereiro. Vida e obra, sobre un novo proxecto que Xerais prepara arredor de Lois Pereiro, a partir dos seus cadernos de viaxe, inéditos. Reproducimos a información:

Xerais prepara un volume con textos inéditos do monfortino
Incluirá apuntamentos de viaxes, un dos últimos cadernos que escribiu e un DVD coas imaxes do seu derradeiro recital, no bar Mola da Coruña en xaneiro de 1996

“Para Isabel: ela, a que exerce na luz”. Así empeza un dos últimos cadernos que escribiu Lois Pereiro antes de morrer. Un dietario que lle dedicou á persoa que llo puxera nas mans como agasallo: Isabel Romero, a muller do seu irmán Xosé Manuel. “Dietario 1996, que estou a escribir para Isabel”, confesa na primeira páxina. “É herdanza súa e soio súa: unha promesa mínima que merece dabondo. (Esperemos que as follas abonden para outro ano)”. Este Caderno para Isabel, como o alcuman provisionalmente os herdeiros do poeta monfortino, verá por primeira vez a luz a finais deste ano. Formará parte do libro co que a editorial Xerais ten previsto pechar o ronsel de publicacións arredor do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras.

O volume, ao coidado do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, completarase coa transcrición doutros cadernos inzados de apuntamentos das viaxes de Lois Pereiro polo mundo e un DVD coa gravación do último recital do autor de Poesía última de amor e enfermidade –no bar Moka da Coruña en xaneiro de 1996– e posibelmente tamén algunhas imaxes dun acto que compartiu con Manuel María.

O libro súmase á presada de publicacións sobre Lois Pereiro no catálogo de Xerais, que van dende a edición da poesía completa que preparou a profesora Ana Acuña ou a Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia –acompañada por outros textos dispersos en publicacións periódicas dos 80 e 90– até as distintas achegas biográficas, entre as que destaca a “aproximación comiqueira”, como a define o seu autor, de Jacobo Fernández Serrano.

Unha das últimas contribucións do selo que dirixe Manuel Bragado en Vigo titúlase Que lle podo ofrecer a quen me intente?, un volume coordinado por Anxo Angueira e Teresa Bermúdez no que se reúnen ensaios, retratos e homenaxes literarias.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo

28 Xuño 2011

Autores,Feiras_do_libro

Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Paco Martín, homenaxeado pola AELG

27 Xuño 2011

Autores,Homenaxes

O sábado celebrouse en Lugo a homenaxe que a AELG lle rendeu a Paco Martín, a XVII edición de O Escritor na súa Terra. Iago Martínez, no Xornal de Galicia, fai memoria da traxectoria de Paco Martín e inclúe tamén unha entrevista de Alberto Ramos co autor lugués.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A xeración dos 50 volve a Monteverde. Reportaxe de Iago Martínez sobre «Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz

24 Xuño 2011

Narrativa,Reportaxes

Iago Martínez publica no Xornal de Galicia un ampla reportaxe sobre Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz. Reproducímola a continuación:

A xeración dos 50 volve a Monteverde

Agustín Fernández Paz reconstrúe unha vila galega dos 70 para retratar a violencia e a miseria moral do tardofranquismo

Xerais prepara a segunda edición de Non hai noite tan longa, primeira novela do vilalbés nunha colección para adultos

Cando Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) era un neno e vía pasar os señoritos ben arrimado ás casas do barrio das Fontiñas non pensaba nas diferenzas de clase. Ían xogar ao tenis, limpísimos, e ao cativo atravesáballe o corpo unha sensación incómoda. A intuición dunha inxustiza que agora xa é capaz de poñer en palabras: “Eramos como os negros das películas vendo pasar os exploradores brancos pola selva”. Gabriel Lamas, o protagonista de Non hai noite tan longa (Xerais, 2011), a primeira novela do vilalbés que se publica en galego nunha colección para adultos, da que se prepara xa a segunda edición, tampouco acertou a poñerlle nome á primeira a esa violencia. Pasaron trinta anos e un fantasma até que se rebelou de vez.

Gabriel Lamas e Agustín Fernández Paz teñen máis ou menos a mesma idade. Ambos padeceron a ditadura franquista, aínda que as súas biografías foron distintas. O protagonista da novela ten 50 anos cando regresa en 2002 a Monteverde, a súa vila natal, despois de tres décadas en París. Aínda non sabe moi ben por que cruzou a fronteira dos Pireneos en 1972, deixando o seu pai no cárcere por un delito que non cometera, nin por que regresa. Non é soamente para soterrar a súa nai. Ten unha conta pendente co seu pasado: facer xustiza e limpar a memoria do seu pai. Como Fernández Paz.

“Esta novela é un axuste de contas comigo mesmo e coa miña xeración”, recoñece o escritor. “Eu non son Gabriel Lamas. Non escapei, coma el, dunha situación que o afogaba, e por iso non experimento a súa carraxe. Pero si que teño a sensación de ter sido estafado. Vólveme cada vez que vexo unha película e comprobo que hai moitas imaxes que foran censuradas, ou cando consigo ver por fin algunhas que sabía de memoria polas revistas de cine e que xa non me serven agora. Pasoume hai uns anos con If…, a de Lindsay Anderson. Eu sabíao todo desa película por Triunfo, que lía todas as semanas, e por Film Ideal e Nuestro cine. Devecía por vela, pero era imposíbel. Cando a vin, despois de tantos anos, xa non me fixo graza. Pasáralle o momento”.

A investigación que emprende Gabriel Lamas en Non hai noite tan longa na procura do verdadeiro culpábel do delito polo que encarceraron o seu pai, roubándolle o resto da súa vida, permítelle ao escritor reconstruír a época na que o protagonista abandonou Galicia. “Fálase moito da inmediata posguerra, e ten lóxica, pero aqueles últimos anos dos sesenta e os primeiros anos setenta foron horribles”, recorda o autor. “Aínda existía o Tribunal de Orden Público (TOP), e esa foi a época do proceso de Burgos, o estado de excepción, os secuestros editoriais, o de Ferrol no 72. No libro tamén menciono, de pasada, a Enrique Ruano e a Humberto Baena”.

MONTEVERDE SOMOS TODAS

Monteverde é Vilalba, pero tamén outras vilas nas que viviu Fernández Paz ao longo da súa vida, como Betanzos, Pontedeume ou Guitiriz. “Se quixese que o lector identificase o que conto con Vilalba, chamaríalle Vilalba. Non o fixen porque estas cousas acontecían en calquera vila galega –e creo que española– da época, talvez de maneira algo menos acusada na costa”. Os antagonistas cos que bate Lamas, como sucedería tamén en calquera outro lugar do estado español, son os mesmos que torturaran o seu pai. Descendentes sociolóxicos ou de sangue dos que se levantaran contra as aspiracións dos seus antepasados, de tradición anarquista. “Esa é a outra estafa. Repasa a lista dos altos cargos das institucións e dos consellos de administración das empresas e compáraa coa dos xerarcas do franquismo, a ver que pasa. Están todos os apelidos, seguen no poder. O das fosas comúns é o síntoma máis evidente, pero hai outras fosas, simbólicas, que tampouco queren abrir”.

O protagonista cruza o seu Rubicón moral. De súpeto, como Rosa Parks, descobre que está canso de ceder e ceder. Porén, a súa investigación non empeza aí. O inicio da novela, a faísca, escribiuna Agustín Fernández Paz nun caderno de 2006 sen saber onde conducía. Un home entra nunha casa deshabitada e atopa o fantasma de seu pai, coma no primeiro capítulo de Non hai noite tan longa: “Moito tardaches! Levo máis de trinta anos agardándote”.

“Foi esa imaxe a que me moveu a escribir a novela”, concede o autor, afeccionado a historias de fantasmas como as do inglés M. R. James. “É un bo recurso para comezar a historia, porque impacta o lector e deixa abertas moitas cousas arredor da trama. E ademais, pensa que nos anos 50 en Vilalba, coma en calquera sociedade agrícola, contábanse moitas historias de aparecidos, nas que por certo todos criamos”.

O título da novela está tirado de Shakespeare, de Macbeth. Comparte con L. P. Hartley e Luis Cernuda o pórtico do libro: “Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día”. A noite é o que teñen en común Gabriel Lamas e Agustín Fernández Paz. A estafa que privou o escritor de ler, cando lle tocaba, as novelas polas que devecía. A inxustiza que o protagonista se propón resolver, estiñando tamén a ferida do seu propio sentimento de culpa. O día que persegue Lamas encárnao tamén Milena, a súa sobriña, bautizada co nome da muller pola que Kafka perdía o siso.
“Milena é unha rapaza nova, xa non ten medo. Está aberta ao futuro e ten ganas de saber”, explica o vilalbés, que depositou no personaxe da adolescente o reverso da súa propia frustración. “Malia a súa idade, ten unha enorme bagaxe intelectual. Pode parecer excesiva esa cultura, pero non o é. Na miña vida profesional como docente de ensino secundario coñecín mozos e mozas que lían o que le Milena, ou incluso máis. Eles poden. Para nós estaba prohibido. Chegamos tarde”.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os verdugos do 36 en Pontevedra. Reportaxe de Iago Martínez sobre «A memoria e o esquecemento», de Gonzalo Amoedo

22 Xuño 2011

Críticas,Crónica,Reportaxes

Iago Martínez que publicou no suplemento Contexto do Xornal de Galicia unha longa reportaxe sobre sobre A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo López: Reproducímola a continuación:

Os verdugos do 36 en Pontevedra

Gonzalo Amoedo verte n’A memoria e o esquecemento tres anos de investigación sobre a represión dos golpistas e as estruturas do poder franquista na provincia de Pontevedra. As vítimas tiñan nome e apelidos. Os verdugos, tamén.

O golpe de estado de 1936 acabou con moitas vidas en Galicia. Unhas oito mil, segundo o historiador Dionisio Pereira. En proxectos como Nomes e Voces, un equipo de especialistas dirixido polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, traballan na súa identificación. Para saber como e onde foron asasinados, de que os acusaban, que foi dos seus corpos ou cal dos eufemismos escolleu para eles o aparato de represión dos golpistas. Con que mentira certificaron a súa morte. As vítimas, todas, tiñan nome e apelidos, pero os verdugos tamén. A eles dedicoulle Gonzalo Amoedo (Redondela, 1959) tres anos de traballo e case 600 páxinas. A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra (Xerais, 2010) recompila os nomes deses cómplices da barbarie, estrados até agora en multitude de publicacións especializadas, e difunde por primeira vez a identidade de seis mil falanxistas. Non o fai, precisa o autor, coma se fose un inventario da ignominia –“Nin todo era branco nin todo era negro”–, senón como unha ferramenta para a memoria. A pescuda conduciuno a outra constatación: nada cambiou no 36. Nin no 39. Nin sequera no 75. Como n’O Gatopardo.

“Hai castas que se moven de maneira transversal pola historia”, explica Amoedo. “Mandaban antes do golpe e seguiron mandando despois”. Iso é o que acertaba a ver Giuseppe Tomasi di Lampedusa na súa novela. O aristócrata Don Fabrizio Corbera, príncipe de Salina, sabía que o desembarco de Garibaldi en Sicilia en 1860 marcaba o principio do fin da súa época, pero consolábao ver o seu sobriño Tancredi Falconeri entre as tropas do inimigo. Garantía a continuidade do seu sangue no bando dos vencedores, nas novas estruturas de poder. Que todo mude para que todo siga como está. “A familia Calvo Sotelo leva 200 anos no poder”, explica o autor do libro, volvendo ao século XX. “Ten pólas no PSOE e no que foi a UCD, pero tamén tiña unha importantísima no entramado inmediatamente anterior ao 36 e mesmo algún deputado por Ribadeo a principios da Restauración borbónica. Ás veces despístannos os apelidos porque os maternos van desaparecendo, pero seguen aí. Por iso a Transición tamén foi un engano. Fíxoselle crer á esquerda que podía mudar as cousas cando realmente non mudou nada. De aí que se fabricase unha esquerda, a do PSOE, que non tiña nada que ver coa que loitara contra Franco”.

Un dos textos máis citados no libro de Amoedo é El poder de la banca en España (1970), de Juan Muñoz. A Guerra Civil, argumenta, non foi unha contenda ideolóxica senón económica, “coma todas”, protagonizada polo capital, o Exército e a Igrexa. Nin sequera pola Falanxe Española, “un instrumento usado polos militares para os seus propios plans que nunca contou demasiado, nin na elaboración do golpe de estado nin na forma de levalo a cabo”. En todo caso, matiza, a organización que fundaran José Antonio Primero de Rivera, Ruíz de Alda e Alfonso García Valdecasas en outubro de 1933 “proporcionou o substrato ideolóxico” do que carecían os sublevados no intre de atentar contra a II República. Antes da guerra, de feito, a súa popularidade en Galicia era practicamente nula. Non máis de 160 militantes, segundo o redondelán, “e a maioría mozos ou estudantes”.

“Nun informe do ano 37 ou 38, unha vez que o golpe triunfara, un señor que fora presidente da Deputación de Pontevedra recoñecía que tiveran verdadeiros problemas para compoñer as xestoras municipais”, explica Amoedo. “Non tiñan xente, e ao final non lles quedou máis remedio que usar os antigos dirixentes da Restauración, que estiveran na Unión Patriótica de Miguel Primo de Rivera. Os que mandaran toda a vida”. A memoria e o esquecemento inclúe un cadro con todos eses gobernos municipais na provincia, indicando quen estaba e de onde procedía. Só houbo quince alcaldes que pertencesen á Falanxe Española antes da obrigatoria unificación de abril de 1933, os chamados “camisas vellas”. En Forcarei e Moraña, por exemplo, repetían os republicanos. En Baiona, Cambados, Marín e Pontevedra, os que xa estiveran á cabeza na ditadura de Primo de Rivera. En Rodeiro, O Grove, Moraña ou Mos, entre outros casos, recuperaban o poder aqueles que o tiveran entre outubro de 1934 e febreiro de 1936, todos membros da CEDA ou do Partido Radical. Tamén houbo algúns que pertenceran ao Partido Galeguista, e non só o coñecido Xosé Filgueira Valverde, rexedor de Pontevedra, senón tamén José Barreiro Álvarez (Baiona), anteriormente alcalde monárquico, ou Perfecto García Lemos (Bueu).

O PAPEL DOS GALEGUISTAS

A historia do galeguismo está atravesada pola represión. No capítulo dedicado á intelectualidade que colaborou cos golpistas, Amoedo recorda os asasinatos de Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres e Camilo Díaz Baliño, ademais das dificultades polas que pasaron no exilio personaxes como Luis Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Castelao ou Isaac Díaz Pardo. Non todos os casos, porén, foron coma estes. “O Partido Galeguista era unha formación demasiado nova, e había moita xente que intuía que ía ter un certo protagonismo no futuro. Apuntáronse como se podían ter apuntado a calquera outra cousa”, explica o autor. “Había moita xente moi dereitas dentro do partido, de misa diaria, e algúns procedentes desas familias das que falaba antes. Na primeira xestora da Deputación de Pontevedra había membros de Dereita Galeguista, a escisión do partido, e podo dicir que en Redondela os galeguistas que se integraron na Falanxe foron bastante crueis”.

A memoria e o esquecemento recorda as complicidades que tiveron co novo réxime intelectuais galeguistas –ou que escribían en galego– como Álvaro Cunqueiro, Antonio Noriega Varela, Celestino Luis Crespo Crespo, Aquilino Iglesia Alvariño –antigo membro das Mocedades Galeguistas, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1986–, Álvaro das Casas ou o vigués Jaime Solá, director de Vida Gallega e membro da Real Academia Galega.

A PLANIFICACIÓN DO TERROR

Gonzalo Amoedo desmente co seu traballo un dos mitos máis recorrentes sobre o que aconteceu en 1936: non houbo, agás contadísimas excepcións, axustes de contas. “As mortes tiñan que ver cunha selección previa, non se mataba a calquera”, arrisca. “Escolleron sobre todo a aqueles que se significaran na folga da sardiña, en defensa dos traballadores, e dous sectores en concreto: os mestres que abrían os ollos da xente e os funcionarios que non se implicaron con eles, tanto militares como gardas civís e membros da administración local”. Mataban, segue o redondelán, en lugares afastados das vilas que fosen visíbeis para todo o mundo, como os accesos das vilas. “Lembremos que na cúpula militar mandaban os militares da Guerra de África, xente que queimara aldeas enteiras en Marrocos. Aquí non se trataba de gañar unha guerra senón de estabelecer un medo perpetuo para que ninguén ousase nunca dicir nada”.

Todas as execucións pasaban polo exército, aínda que fosen outros os executores. A Garda Cívica, encargada de manter a orde na retagarda mentres os militares se ocupaban da fronte, non actuaba soa. “Na provincia de Pontevedra era un comandante quen mandaba o corpo, aínda que houbese tamén civís como Víctor Lis Quibén na xerarquía. Non existiu represión que non estive estudada e coordinada co Exército. Ás veces podíaselle ir a man a algún onde non debía, pero sempre había alguén que poñía no seu sitio a quen non fixese o debido”.

Tampouco a Igrexa se salva da ollada de Gonzalo Amoedo, que xuntou aos testemuños orais e a bibliografía publicada nas últimas décadas un importante traballo de pescuda no Arquivo Histórico Provincial e nos fondos da Xefatura Provincial do Movemento que o profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández depositou na Real Academia Galega, da que foi presidente. “Houbo curas que axudaron os fuxidos, pero en xeral o papel da Igrexa como institución foi tremendo. Destacan personaxes como o padre Nieto ou o famoso Reisiño de Vigo, que organizou arredor da revista Martin Códax un auténtico viveiro de fascistas. Unha das crueldades máis grandes, ademais de que che matasen a alguén, era que non cho deixaban enterrar no cemiterio ou obrigaban a xente a cavar foxas á porta do recinto para que todo o mundo as pisase ao entrar. Ese tipo de prácticas e de curas di bastante do espírito que aniñaba no seo da Igrexa”.

A Amoedo, autor tamén de traballos como Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista (2006) e Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra (2007), quédalle material abondo para ampliar unha hipotética segunda edición do libro co que pasou entre os anos corenta e os setenta, onde a represión continuou. Datos que axudarían a entender a penúltima conclusión do seu traballo: “A Transición foi unha gran mentira. Nin foi modélica nin foi santa nin a Constitución se fixo por todos e para todos. Foi unha componenda feita por uns poucos. Ninguén someteu o nomeamento do rei a un referendo. E aí está o PSOE, que naceu de novo coa conivencia dos servizos secretos do franquismo”. Don Fabrizio Corbera e Tancredi Falconeri, outra vez. Que todo cambie para que todo siga como está.

Víctor Lis Quibén: o paradigma do represor

Quen foron os elementos máis duros da represión na provincia? A pregunta non parecía tan doada, pero Gonzalo Amoedo ten moi clara a resposta: “Víctor Lis Quibén, sen dúbida. É o paradigma do represor. Non hai vila en Galicia onde non teñan algo que contar sobre el”. Nado en Bos Aires en 1893, fillo único de Fulgencio Lis e Perfecta Quibén Bermúdez, o médico Víctor Lis fixo máis carreira como asasino que como salvador de vidas humanas, e logo de trazar un curioso arco político dende a fe monárquica ao fascismo, cada vez máis radical, acabou morrendo só en 1963, “no máis absoluto esquecemento, abandonado polos seus, sen ningún peso político no réxime. Non o podían ver diante nin os seus antigos correlixionarios. Había demasiado medo”.

Xa en 1923 se anunciaba como médico cirurxián con despacho no número 68 da rúa da Oliva, en Pontevedra, e seis anos máis tarde aparecía como socio da Policlínica de Urxencias da rúa Benito Corbal canda Amancio Caamaño Cimadevila –fusilado na Caeira o 12 de novembro de 1936–, Francisco Pereira e Tomás Abeigón Pazos. En 1931 presentouse ás eleccións municipais pola candidatura monárquica, acompañado por Plácido García, Peregrino Fariña, Ramón Segura, Celso López –tamén médico, sería despois membro da FET das JONS–, Francisco Rodríguez e o seu compañeiro de despacho Tomás Abeigón.

En decembro do mesmo ano aparecerá como un dos impulsores da tradicionalista URD, da que chegará a ser secretario local, e da Acción Nacional de Vigo, ambas formacións finalmente integradas na CEDA. En novembro de 1933 obterá acta de deputado por Pontevedra, pero un ano máis tarde pasará a Renovación Española, o partido de José Calvo Sotelo, co que renovaría a praza en febreiro de 1936. Para entón, segundo Gonzalo Amoedo, levaba unha dobre militancia, xa que mantiña estreitos contactos coa Falanxe Española a través do seu secretario, Pío Domínguez Vigo.

“Víctor Lis Quibén pasou á historia por ser un dos principais responsábeis da creación dos escuadróns da morte, tamén denominados brigadas do amencer, que tanto dano fixeron nos días aciagos de 1936 e 1937 en toda a provincia de Pontevedra”, explicita Amoedo no seu libro, “e así, a súa figura de miserable carnicero será nomeada por calquera aldea da provincia sempre que alguén relate unha historia tráxica”. Primeiro na Garda Cívica, da que era o xefe práctico, e logo na fronte, unha vez disolta, Víctor Lis entregou a súa vida ao exterminio, pero tamén á etnografía. O médico “traballou na recollida de datos sobre a menciña popular, o cantareiro, as crenzas e costumes, así como na recompilación da verba dos canteiros e noutros traballos de divulgación histórica, participando en coloquios galego-portugueses”, conta A memoria e o esquecemento dun personaxe que mantiña correspondencia con Ramón Cabanillas. No Museo de Pontevedra consérvanse autógrafos, impresos e fotocopias dos seus traballos de antropoloxía cultural galega, que ocupan un total de catro caixas. Un traballo seu sería prologado por Fermín Bouza Brey e a Fundación Penzol dispón na súa colección doutro sobre a ermida da Peneda e as súas tradicións centenarias.

Amoedo alcuma a historia de Víctor Lis Quibén, un home de clase media, non asociado as grandes familias que detentaban –e detentan– o poder político, económico e social na provincia, “parábola do asasino de bo berce”. Poucos personaxes pasaron desa maneira á memoria local, argumenta o redondelán, agás contadísimas excepcións como as de Bruno Schweiger Damboeck e a familia Ferrín en Redondela. En oposición a estes perfiles sitúanse os daqueles “chibos expiatorios” que, sendo alleos ás clases que imaxinaran deseñaran e mandaran o golpe de estado e a represión posterior, se viron dun ou doutro xeito implicados na barbarie. Cita, por exemplo, o caso de Fernando Lago Búa, inspector provincial de Prisións, a quen se responsabilizou das extorsións e paseos que sufriron os presos de San Simón.

O doutor Víctor Lis Quibén converteuse nun cidadán corrente ao rematar a guerra. “Nin sequera recibiu un cargo de edil en pagamento polos seus moitos servizos, como recibiron outros, ou de simple directivo do colexio profesional médico ao que pertencía, ateigado daquela de vellos e novos falanxistas”, explica Amoedo ao final do capítulo que lle dedica no libro, “que ben podería dar lugar a unha biografía, se alguén ten interese”. “A súa estrela, que tanto brillara durante os anos da República e durante a guerra, foise apagando até a súa morte, desprezado incluso por moitos dos que foran os seus compañeiros de tropelías”.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo: «Hai moitas cousas da miña novela ‘Extramunde’ que perviven hoxe: a negación das minorías, a laminación intelectual, a opresión ou a superstición…»

14 Xuño 2011

Entrevistas,Música,Premios_Xerais

Reproducimos a entrevista de Iago Martínez que publicou o Xornal de Galicia con Xavier Queipo, gañador do Premio Xerais de Novela 2011 con Extramdunde.

A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste ser de dereitas

O escritor, compostelán afincado en Bruxelas, cre que “o máis revolucionario en Galicia é escribir en galego”

Xavier Queipo (Santiago, 1957) quixo ser breve o sábado en San Simón ao recoller o Premio Xerais de Novela por Extramunde. Limitouse a agradecer a decisión do xurado, gabar a calidade dos finalistas e a literatura galega e pedirlle un favor ao conselleiro de Cultura, que o escoitaba dende as primeiras filas do auditorio. O autor de Ártico e outros mares (1990), que vén de rescatar Galaxia nunha edición corrixida, ampliada e rebautizada como Ártico 2.0, encargoulle a Roberto Varela que lle trasladase unha mensaxe da súa parte ao Goberno de Feijóo: que nos deixe vivir en galego. A ovación foi menos breve.

Varela é soamente o mensaxeiro?

Varela forma parte dun goberno que está a masacrar conscientemente o galego, pero non creo que sexa o inimigo. Outra cousa é que non fose galego falante, pero tampouco eu o era cando me mudei a Bruxelas. Eu empecei a falar galego na emigración, cando me decatei de que se precisaba un referente.

E cando aconteceu iso exactamente?

En 1989, tiña eu trinta e un anos. Falábao de cando en vez con algún amigo, pero pouco máis. A partir dese momento, na miña casa e na miña vida privada sempre se falou galego. Cando remato a miña xornada laboral, que transcorre en inglés, francés e algo menos en italiano, portugués ou español, chego á casa e falo galego. É bastante liberador.

Que se conta en Extramunde?

É unha novela de aventuras ambientada no século XVI e ten unha forte compoñente ideolóxica. Critícase a opresión da ideoloxía única da Igrexa católica naquel momento, o colonialismo… Dáse unha visión dos dereitos fundamentais do home, e en particular do dereito á liberdade, a través dun grupo de persoas condenadas polo Santo Oficio.

Segue vivo hoxe ese século XVI?

As metáforas non están excesivamente elaboradas na novela. Un decátase con certa facilidade de que hai moitas cousas que perviven hoxe: a negación dos dereitos das minorías, a sospeita polos comportamentos individuais das persoas, a laminación intelectual dos pobos e da xente, a opresión dunha entidade imperial sobre outras ou a superstición, que en forma de catolicismo, islamismo, xudaísmo ou calquera outra manifestación inflexíbel de espiritualismo, nos levou a unha situación como a presente, na que estamos indignados.

Un dos textos engadidos en Ártico 2.0 explica, con rigor e algo de retranca, por que non hai máis novelas de aventuras na historia da literatura galega.

Non somos un país marítimo, somos un país pesqueiro. Non é o mesmo. O que nós temos é frota de pesca.

E man de obra, sobre todo.

Cada vez menos. Agora son sobre todo caboverdianos, ucraínos ou lituanos, xente que acepta un traballo duro por un salario baixo. Os nosos empresarios tampouco son uns santos.

“O noso é un pobo de mariñeiros máis que de navegantes; os mariñeiros non escriben novelas e os navegantes non tiñan conciencia de nación”. Desolador.

Que eu saiba, si. Nin os irmáns Nodal de Pontevedra nin Mourelle de la Rúa, que andou á procura de Alasca, escribiron en galego. Hoxe é máis fácil atopar o diario de Mourelle de la Rúa en inglés ca en galego, porque en galego non existe. Todo aquel que nace en Galicia é galego, pero hai quen exerce e quen non exerce. Non hai máis que mirar para o que temos no goberno da Xunta.

No Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (Litvi), que financia a Xunta con 20.000 euros, non hai un só escritor galego. Non os hai ou non os ven?

Unha cousa é que non teñamos unha experiencia marítima e outra que non sexamos viaxeiros ou non teñamos literatura de viaxes. A literatura da emigración é literatura de viaxes, e temos abondosos exemplos recentes, como New York, New York de Inma López Silva, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado ou o que escribín sobre as miñas viaxes por Asia. A metade de Saltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro, tamén se desenvolve en Londres. E hai literatura de catedrais, por suposto. De que fala Trece badaladas? De que fala Festina lente? Falan de catedrais. Se fose profesor de literatura e non biólogo, podería dar moitísimos máis exemplos.

Daquela, como se explica?

Supoño que a dirección consideraría que aos autores galegos non son abondosos, nin en número nin na súa calidade. Eu estiven na primeira edición, e coido que en igualdade de condicións con xente como Julio Llamazares ou César Antonio Molina. Nunca me sinto inferior cando estou con autores de sistemas literarios cun idioma maioritario, pero tampouco podemos esquecer que o galego é unha lingua minorizada en Galicia. Unha lingua que, debendo ser maioritaria, como indica o noso Estatuto de Autonomía, está a ser atacada pola xente que ten medo, pola dereita. Ser de dereitas consiste niso, en ter medo.

Medo a que?

Medo a que cambie unha coma no libro sagrado, no sistema de referencias no que eles se sinten seguros. O máis revolucionario en Galicia é escribir en galego, e por iso o fago.

Ártico e outros mares foi un dos primeiros títulos de Edicións Positivas. Cal foi o papel do selo naquela altura?

A principios dos anos noventa había un certo estancamento das editoriais máis grandes, que apostaban por rostros coñecidos e autores dun certo prestixio e unha certa idade. Eu tiña xa 31 anos, pero considérome dunha xeración posterior, polas temáticas, polo estilo e polo intre no que empecei. Por idade pertenzo á xeración de Manuel Rivas, Suso de Toro, Gonzalo Navaza ou Bieito Iglesias, pero eles xa tiñan unha carreira. Eu comecei con Fran Alonso, Jaureguizar e outros autores, un grupo de xente que ten en común que non ten nada en común. Somos illas nun arquipélago.

O limiar de Ártico 2.0 relata o periplo do libro fóra de Galicia ao longo dos últimos vinte anos. Non recibiu ningunha remuneración económica nin asinou ningún contrato polas traducións.

Os escritores estamos nas mans dos editores, e a eles nunca lles pasa nada cando incumpren un contrato. Non te vas meter nun xuízo cun tipo que está en Portugal ou en Cataluña ou en calquera outro sitio. Sería perder o tempo.

Cambiaron esas condicións ao longo das dúas últimas décadas?

Cada un terá a súa propia visión. Houbo un momento en que parecía que ían cambiar porque había axudas públicas e interese nalgunhas persoas, pero agora volve haber moitas dificultades cos recortes da Consellaría de Cultura, que ten como único referente o Gaiás.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

O cómic que Lois Pereiro non puido ler: «Lois Pereiro. Breve encontro», de Jacobo Fernández

Críticas,Novela gráfica

Iago Martínez publicou no suplemento Contexto de Xornal de Galicia unha reportaxe sobre a novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández. As dúas páxinas poden baixarse en pdf desde aquí. Reproducímola integramente:

O cómic que Lois Pereiro non puido ler
Jacobo Fernández Serrano debuxa a vida e a obra do poeta que protagonizou este ano o Día das Letras Galegas nunha novela gráfica, Lois Pereiro. Breve encontro, que está a piques de chegar ás librarías da man de Xerais

A Jacobo Fernández Serrano (Vigo, 1971) tocoulle un dos oitomiles máis atravesados do ano dedicado a Lois Pereiro: levar á novela gráfica a vida e a obra do monfortino. Pintor, ilustrador, debuxante, comiqueiro e autor de literatura infantil con ducias de traballos nos distintos campos, o autor de Aventuras de cacauequi enfrontábase por primeira vez a un reto semellante. Cando aceptou a encarga de Xerais, impúxose tres obxectivos: asumir a metodoloxía e os códigos documentais para reflectir con fidelidade a peripecia do poeta, arriscar á hora de poñer en imaxes a súa obra literaria e conseguir que o resultado fose unha obra de Jacobo Fernández Serrano, tan súa como calquera das que publicou nos últimos dez anos. O resultado ten 160 páxinas e está a piques de chegar ás librarías. Titúlase Lois Pereiro. Breve encontro e carga cun subtítulo innecesario: “Un achegamento comiqueiro á vida e á obra do poeta”.

O libro estrutúrase en tres bloques: un prólogo titulado “Como en Breve encontro de David Lean”, onde o protagonista e a morte recrean unha das escenas máis populares do filme; doce capítulos que trazan o arco biográfico e literario de Pereiro a través da evolución do seu aspecto físico, dende o seu nacemento en 1958 até a súa morte en 1996; e un apéndice, o décimo terceiro apartado, titulado Visións. Cumpridos xa os obxectivos de debullar a peripecia do poeta e poñerlle imaxes á súa escrita, cun tratamento para a prosa e outro moi diferente para a poesía, Jacobo Fernández déixase ir antes de dar por rematada a novela. Imaxina o poeta asubiando unha canción de Lou Reed no Ártico de Raymond Carver ou os membros da Real Academia Galega convertidos nunha manda de animais parlantes. “Non hai dobre sentido nin explicación lóxico-racional nesa escena. É só iso, unha visión”, apúrase a aclarar. “Hai quen me pregunta quen é o elefante ou a xirafa, pero non teño resposta. A visión veume así, cos animais dicindo anacos da obra de Lois. Pareceume ben máis fermosa esa imaxe que a dos verdadeiros académicos reunidos”.

O libro comeza en realidade con dúas citas, unha de Robert Walser e outra de Pereiro. O autor delátase: leuno case todo, tanto o que escribiu o monfortino, recuperado e fixado este ano en varias edicións, como o que se publicou arredor, a partir ou por culpa do poeta dende que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Días das Letras. Empezando por Conversa ultramarina (Positivas, 2010), o testamento literario que levaba quince anos nunha gaveta, até as biografías, semblanzas e análises que foron chegando ás librarías a medida que se achegaba o mes de maio. A fidelidade coa que se reproducen certos aspectos da vida de Pereiro evidencian que os ollos do ilustrador tamén leron nos álbums de fotos familiares ou o arquivo da TVG, onde se conserva a entrevista de Gayoso que recrea o libro, e que completou o proceso de documentación con algunhas conversas con Xosé Manuel Pereiro e Piedad Cabo, irmán e compañeira do poeta durante unha década respectivamente.

“Contén moitos datos porque non a fixen pensando unicamente no público galego, que xa ten algunhas claves, senón tamén no de fóra”, explica Jacobo Fernández. O esforzo documental apréciase nos textos que apoian as viñetas ou nas reproducións de portadas de discos e carteis da época, pero tamén nun dos treitos máis espiñentos: a adicción do protagonista á heroína. “Era un aspecto que tiña que chegar, pero non o tiña subliñado en vermello. O que pasa é que no cómic falan as imaxes. Non é alguén contando que consumía heroína, é el consumindo heroína. As imaxes funcionan como símbolos. Danlle ao lector, sen necesidade de dramatismos, unha idea do que foi. Con todo, para min o máis importante é a obra”.

A novela de Jacobo Fernández está inzada de rostros. Os de Lois Pereiro e os das persoas que foron importantes para el, dentro e fóra da familia, pero tamén de todos os escritores que citaba na súa obra e nas súas aparicións en público. “Para Lois a poesía é unha estirpe”, explica o ilustrador. “Faise acompañar constantemente dos autores que considera importantes para el, e eu quería que toda esa xente estivese no libro”. E aí están, por exemplo, todos os que o monfortino reivindica en Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, de Kropotkin a Shakespeare. Ou cada un dos que menciona en Conversa ultramarina a medida que pasa os días entre o hospital e a casa, xa moi deteriorado.

Coa prosa de Lois Pereiro foi máis atrevido Jacobo Fernández que coa poesía. Os textos de Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995) aparecen reproducidos con sobriedade sobre un fondo negro apenas manchado por algúns debuxos. “Para o debuxante, o primeiro que chama a atención na obra de Lois Pereiro é a potencia e a inmediatez das súas imaxes. Quixen debuxar a carón dos poemas, pero non contar os poemas en imaxes”, confesa o autor. “A prosa é máis asequíbel, e de feito creo que Modesta proposición funciona moi ben, pero a poesía é outra cousa, moito máis delicada. Tratei de que os poemas chegasen ao lector case intactos, para que a maxia funcione na súa cabeza. As páxinas negras son como silencios dentro da novela nas que emerxe a voz de Lois Pereiro co seu traballo máis depurado, coas palabras que el mesmo quixo deixar”.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais editará o primeiro libro sobre o Novo Cinema Galego

6 Xuño 2011

Noticias

Reproducimos a información de Iago Martínez que publica hoxe Xornal de Galicia:

Xerais editará o primeiro libro sobre o Novo Cinema Galego

O volume combinará entrevistas con algúns dos creadores cunha análise do fenómeno

Os autores intelectuais do Novo Cinema Galego, en tanto etiqueta, a medio camiño entre o activismo e o exercicio crítico, preparan xa a primeira monografía dedicada ao fenómeno. Xerais publicará contra o final do ano un traballo de Martin Pawley, José Manuel Sande e Xurxo González, os tres críticos vinculados ao blog Acto de primavera, no que se combinarán entrevistas cos principais creadores e unha análise exhaustiva do movemento.

Un ano despois da participación de Oliver Laxe no Festival de Cannes coa súa primeira película, Todos vós sodes capitáns, o que se deu en chamar Novo Cinema Galego segue a confirmar as expectativas depositadas polos seus promotores e a gañar espazos de visibilidade. A pasada semana, o prestixioso Festival Internacional de Documental de Marsella (FIDMarseille) confirmaba que Vikingland, a primeira longametraxe de Xurxo Chirro –alcume artístico do propio Xurxo González– entraría este ano a concurso.

A falta de definir o novo papel de Xurxo González, os promotores coinciden: a publicación da monografía redunda na consolidación dos cineastas, os produtos e os modos de produción que acharon acubillo no paraugas do Novo Cinema Galego. A este proceso tampouco son alleos os ciclos dedicados a estes títulos polo CGAI, a Universidade de Vigo, o Culturgal 2010 e máis recentemente o CGAC, nunha iniciativa que terá continuidade o ano vindeiro.
A estrea de Vikingland en FIDMarseille, que se celebrará entre o 6 e o 11 de xullo, é a xuízo de Pawley o terceiro fito máis importante na historia do cinema galego tras a participación de Peque Varela en Sundance (1977) e de Oliver Laxe en Cannes (Todos vós sodes capitáns).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Artigo de Iago Martinez sobre a «Modesta proposición e outros ensaios»: para ler politicamente a Lois Pereiro

20 Maio 2011

Artigos literarios,Clásicos,Críticas

Iago Martínez, autor de Lois Pereiro. Vida e obra, reflexiona neste artigo, publicado no Xornal de Galicia, sobre Modesta proposición e outros ensaios, de Lois Pereiro. Reproducímolo integramente:

Modesta proposición para ler politicamente a Lois Pereiro

A lectura política de Lois Pereiro está en marcha. Quixo a Academia –a historia– que o mercado das Letras Galegas se abrise para o poeta de Monforte neste tempo de obscenidade capitalista e chamados á revolta. A consigna callou decontado: Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, o panfleto que escribira por encarga de Manuel Rivas para a revista Luzes de Galiza en 1996, é o noso Indignádevos!. Mellor escrito, en galego, e máis eficaz que o libriño de Stéphane Hessel, malia á inxenuidade, o texto vive unha segunda idade nas librarías. Xerais rescatouno das hemerotecas para poñelo en circulación nun volume que se completa con varios artigos dispersos en publicacións dos oitenta.

Foi o poeta e xornalista Daniel Salgado quen ensaiou, a tal hora, a máis política das lecturas de Lois Pereiro. Na introdución á antoloxía que preparou para Galaxia, non por casualidade titulada “Lóbregas figuras do século da febre”, despacha así a posición do poeta no seu contexto: “Trazou unha vía paralela ás tendencias dominantes na literatura do seu tempo, enfrontouse á morte e aos poetas profesorais, incorporou as tebras postindustriais á súa escrita, desprezou a indolencia política dos seus pares e denunciou a quen pretenden allear o poema do sangue e da carne”.

Modesta proposición era, na súa orixe, a resposta a unha pregunta: e ti de que parte estás? “Da mesma que crin estar sempre”, responde Pereiro. “De parte da Beleza, dos que nos sentimos na obriga de loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou moralmente xusto e evidente”. Na altura na que escribiu ese ensaio de título imposíbel de memorizar, entre A Modest Proposal de Jonathan Swift e a Historia universal da infamia de Borges, o de Monforte estaba moi enfermo. Así e todo, regateáballe horas aos médicos para dedicarllas ao seu manifesto. Escribía e escribía, entre o hospital e a súa casa da Coruña, coma se cada páxina fose unha república. “Se as vítimas de antes pretenden ser verdugos á súa vez, ¿de que parte que non sexa a das novas vítimas, dos novos vencidos doutras guerras, podemos estar xa?”.

O lugar dende o que escribe estaba trazado nun poema uns meses antes. Titúlase “Amor e sangue en Chiapas” e vai precedido, en Poesía última de amor e enfermidade, dunha reescritura de Octavio Paz: “A Revolución que ven é a de Chiapas, as víctimas maias do principio que se rebelan, regresando a un futuro desexado… Todos somos Marcos! Todos EZLN, nas selvas Lacandonas do que nos foi prohibido!”. O poema dicía así: “Ando á procura dunha ollada súa / que me confirme a fé que teño nela / e avanzo a cegas coa maior firmeza / noutra rebelión xusta que interna / nunha urxente existencia de certezas / para este corazón rebelde e zapatista / obrigado a loitar polo evidente / cunha serea furia / antiga e sabia. / Desde o amor que resiste ó que oprime / con ela por compaña como antes / ou eu só ben armado de nostalxias / deixareime invadir de sangue maia / para que retorne á súa propia terra / ou consiga vivir outras mil vidas / en loita contra o mundo / se é preciso / crebándolle o pescozo / e desviando / á historia do seu curso / xunto coas mesmas víctimas / de sempre”.

Nese poema, datado en xullo de 1995, están os contornos da Modesta proposición. A “serea furia” de ascendencia gramsciana: “Intentando equilibrar co voluntarismo do meu optimismo, o pesimismo ó que me leva a razón”. A amarga lucidez de Dürrenmatt: “Sigao a estar de parte (…) dos que nos sentimos obrigados a loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou xusto e evidente”. E a actitude benxaminiana fronte á historia: “¿De qué parte que non sexa sempre a das novas víctimas podemos estar xa?”.

Pereiro nada contra a marea e reconstrúe, partindo das lecturas da súa adolescencia en Monforte, a súa propia xenealoxía política. Inventa, en realidade, unha tradición libertaria imposíbel: Kropotkin, Castelao, Bóveda, Bakunin, Ricardo Mella, CNT-FAI, Engels, Marx, Trotski, Lenin, Voltaire, Fourier, Lafargue, Ho-Chi-Minh, a I Internacional, a Internacional Situacionista, o simbolismo, Alfred Jarry, Leonard Cohen, Lour Reed, Esquilo, Chekhov, Shakespeare, os aborixes australianos, os chamáns, o rock, Alicia no país das marabillas.

Hai algo de confesión nese ensaio: “Coñezo moi ben a xeografía mental do cinismo imperante, porque o levo asentado en cada célula, alimentadas co máis triste e errado discurso dos meus anos, e podería acudir a el se fose necesario”. Non trata de xustificarse. Non é unha declaración de inocencia, senón todo o contrario. É un incendio. Escribe pra inxectar a paixón da resistencia “no imperio zombie de Microsoft e as autoestradas da información”. Ao cabo, nunca é peor o momento para levantarse de vez. “¿Que tempos serían menos sombríos e fatais para os vencidos, para as víctimas, os oprimidos, os débiles, os nobres, os escravos, os negros deste mundo?”.

A un ano de irse, Lois Pereiro propón tomar partido. Iniciar a sabotaxe. “Canto peores sexan os tempos que vivamos, máis false será esa inxenuidade, menos inocente a indiferencia, e máis cómprice non comprometerse”. A tal hora, o arco que traza a súa escrita está a piques de encaixar fatalmente co das súas constantes vitais. Se Poemas 1981/1991 estaba escrito con follas de afeitar sobre a barbarie, como unha acta da devastación, en Poesía última de amor e enfermidade –e en paralelo, nun código diferente, na Modesta proposición– o poeta parece acometer a reconstrución. A súa, contra o cinismo e a distancia, e a dos fíos que o unen aos outros, esgazados polo poder. O colectivo. Como naquela carta de Gramsci á súa irmá Grazietta en 1916: “Durante un par de anos vivín fóra do mundo, case coma nun soño. Deixei que se fosen rompendo un a un todos os fíos que me unían ao mundo e aos homes. Vivín exclusivamente para o cerebro sen deixar nada para o corazón”. Amor, resistencia, dinamita. Emancipación. Contra a morte e contra o poder. Como deixou escrito Uxío Novoneyra, “a forza do noso amor non pode ser inútil”.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez

19 Maio 2011

Críticas,Crónica

O crítico Ramón Nicolás publicou unha pequena recensión sobre Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez no suplemento Culturas de La Voz de Galicia. Reproducímola integramente:

Carta de Presentación

Velaquí o primeiro libro de Iago Martínez que erixe unha proposta que escoa a empatía precisa co biografado xunto cun claro acerto no esquema compositivo. Quen se achegue a este volume reparará en como é posible reconstruír o percorrido vital e literario de Pereiro desde as instancias do oceánico coñecemento que o biógrafo posúe, sobre todo o que el escribiu, mais tamén dos seus pasos, das súas actitudes,  case do seu pensamento. Non deixa o autor, paréceme, físgoa ningunha pola que non axexar nin así interpretar o universo Pereiro, constituído pola fi gura humana mais tamén por esaenorme arañeira intertextual que é a súa produción literaria,tan entreverada, e aquí fica exemplar mostra diso, coa música, coa literatura e coa Vida con maiúsculas.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iago Martínez en Xornal de Galicia: «Lois foi un autor máis reivindicado que lido»

18 Maio 2011

Biografía,Crónica,Entrevistas

O Xornal de Galicia publicou unha entrevista de Alberto Ramos con Iago Martínez, autor do libro Lois Pereiro. Vida e obra. Reproducímola integramente:

«Lois foi un autor máis reivindicado que lido»

O xornalista e xefe de Cultura de Xornal Iago Martínez (Vigo, 1979) vén de publicar Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011), unha biografía do escritor monfortino construída a partir dunha ampla base documental formada por máis de trinta testemuñas que Martínez entrevistou ao longo de cinco anos para desenvolver, xunto a Alexandro Cancelo, o filme sobre Pereiro titulado Contra a morte. O autor reconstrúe a traxectoria vital e literaria de Pereiro nun volumeque Xornal ofrecerá por 11,95 euros aos seus lectores o próximo martes para celebrar o Día das Letras Galegas.

Como se reconstrúe a vida de Lois Pereiro a través de trinta voces?
Eu sempre pensei que era imposible reconstruír a vida de ninguén. Escribir unha biografía ten algo de absurdo e algo de suicida. Nós non fomos exhaustivos no documental porque pensásemos que ao selo tivésemos garantido o éxito. Buscamos ser exhaustivos porque quixemos selo, queriamos ter o mapa máis completo posible. Entrevistamos a escritores do grupo de amor e desamor, a xente que fundara Loia nos setenta en Madrid, persoas que colaboraron en La Naval, pero tamén quixemos incorporar a xente que a historiografía non vai lembrar. Son os seus amigos, os que non teñen que ver coa literatura. Na biografía, eu tratei de construír un relato humano. Con humano  non me refi ro a unha cuestión emocional, refírome a unha escala humana. Que tivera unha estatura na que me recoñecese eu. Ao fi nal pulvericei todos os límites. O libro comeza cunha cita de Bourdieu que advirte da ilusión biográfica e con outra de Tomas Bernhard, que é unha da derrota. Iso demostra a miña vocación e a sensación que teño de que, ao fi nal, teño renunciado a certas cautelas para conseguir un relato con aura de fábula. Acabei construíndo un relato redondo, que comeza e acaba. Unrelato que aparece pechado aínda que a vida nunca o é. É unha biografía para ser lida, ten o valor da documentación. Son anos de investigación, con testemuños distintos e mesmo contraditorios, sintetizados nun relato.

Poeta maldito, poeta existencialista, poeta punk… A Lois Pereiro puxéronlle moitas etiquetas. Como biógrafo pensa que son só tópicos?
Todas as etiquetas son inxustas. De todas esas, hai unhas que son máis inxustasca outras. Ademais, cando se fala de poeta punk ou poeta maldito, fálase d etiquetas vellas, que son indisociables do constructo que chamamos Lois Pereiro. Son previas a esta lectura que se fai despois da elección para o Día das Letras. Por exemplo, o de existencialista penso que é algo recente. As comparacións con Rosalía, por outra banda non son recentes, pero agora repítense moito máis. Todas as etiquetas son inxustas e, ademais, eu penso que Lois foi un poeta máis reivindicado e citado que lido e coñecido. Non é miña, pero a frase da contraportada da biografía di que Pereiro é un mito contemporáneo das letras galegas. Probablemente sexa certo, tiña moito de mito por moitas razóns. Afortunadamente agora hai máis coartadas para volver ler a Lois Pereiro, hai achegas biográfi cas que permiten rescatar a complexidade da súa vida, que é tan complicada como a vida de calquera. Rescátanse ademais os seus textos.

Que significa para a Academia a elección de Lois Pereiro?
Para a Academia, non o sei. A Academia neste caso funciona máis como catalizador e desencadeante que como escenario. Non me arriscaría a facer unha lectura en clave orgánica de decisión. Si que me arrisco, en cambio, a sinalar a Rivas como un dos cómplices necesarios desta historia. Pereiro, ademais, é un poeta contemporáneo, eu creo que desmarcado incluso da súa propia xeración, con conexións moi claras coa cultura popular, co cine, coa música. Ademais, servía como arma arreboladiza contra as estruturas de poder e os discursos hexemónicos. Na literatura galega, como me dicía Antón Figueroa, hai moi poucas posicións como as de Lois Pereiro. Posicións críticas, distanciadas de escritores da que se pode chamar da estirpe dos escritores libres, da estirpe de Manuel Antonio. Entón, cando un quere emitir un discurso sobre a literatura galega ou quere manter unha postura distante coa literatura galega, ten pouco onde escoller e unha desas escollas sempre foi Lois Pereiro. Por iso digo que é unha figura máis reivindicada e citada que lida e coñecida.

Alberto Ramos

Chuzame! A Facebook A Twitter

Dolores Vilavedra fala de Lois Pereiro a través da «Poesía completa» de Ana Acuña e dos libros de Marcos Calveiro e Iago Martínez

13 Maio 2011

Clásicos,Críticas,Crónica,Fóra de Xogo

O suplemento Luces de El País publica un artigo de Dolores Vilavedra en que, baixo o título de «Ensaio para tempos anestésicos» aborda algúns dos libros publicados por Xerais en torno á figura de Lois Pereiro. Reproducimos os fragmentos referidos:

Na endeita de obras conmemorativas da nosa efeméride literaria anual salientan xa algúns textos que de certo están chamados a ser obras de referencia. Velaí o caso da Poesía completa de Lois Pereiro, editada por Ana Acuña para Xerais con todo o rigor filolóxico que se agarda dunha publicación deste tipo;
(…)

Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, esta pensada para públicos máis novos. Estruturada ao xeito dun guión cinematográfico, permítenos tamén escoitar, nun contexto ficionalizado, as voces que acompañaron a Lois ao longo da súa vida. Estas son as vantaxes que ten conmemorar figuras recentes: que aínda é posible seguir o seu ronsel palpitante, procurar a súa pegada humana, que o paso do tempo aínda non borrou.

Algo distinta é a obra de Iago Martínez. Cun título aséptico e pouco estimulante, Lois Pereiro. Vida e obra, quen é un dos mellores coñecedores do poeta monfortino sorpréndenos porque demostra de facto algo no que non se adoita reparar, ou faise de xeito superficial, se cadra por mor da nosa propia ignorancia. Refírome ao feito de que moita da poesía desta época, e nomeadamente a de Lois, non se pode entender sen coñecer a música rock. Martínez revela a mesta rede de referencias intertextuais entre poemas e cancións que é clave na obra do monfortino, e faino coa mesma precisión e rigor ecdóticos que lle aplica á xenealoxía dos textos; se cadra, o único que lle falta é a banda sonora. Todo isto converte este traballo en obra de referencia imprescindible. Ao tempo, a veta xornalística do autor lévao a profundizar en aspectos que noutras monografías sobre Pereiro resultan un tanto desdebuxados, e estou a pensar no affaire da colza ou na intrahistoria da movida coruñesa. En fin, un feixe de páxinas tan vivas, profundas e ben escritas que, por arrebatadoras, compangan á perfección coa poesía de Lois.

Dolores Vilavedra

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez

11 Maio 2011

Críticas,Crónica

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog Caderno da crítica unha recensión sobre Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez. Reproducímola integramente:

Chego case no límite, cando menos antes desa barreira tanxible que é o 17 de maio, a esta última biografía que publica Iago Martínez no que constitúe o seu primeiro libro. Con todo, tanto tería lelo agora ou dentro dun ano, ou dunha década, porque este é un deses libros que chegan para quedar. E non é, talvez, mala cousa chegar a este porto final,  logo de abondas singraduras particulares por estes mares de papel pereirianos, felizmente exhausto e enriquecido sempre pola enxurrada de publicacións que viron a luz de e sobre Lois Pereiro estes últimos meses, pois un valora máis xustamente esta lectura aleccionadora, intensa, apaixonada e desacougante por veces, respectuosa, documentadísima e nacida desde a contida complicidade co biografado. Todo isto explica que se ofreza un traballo que non é haxiografía senón, ao meu ver, un exemplar traballo de reconstrución e reinterpretación, que mesmo se inmisce, con especial sensibilidade e afouteza, en capítulos biográficos máis delicados, alicerzando o esforzo na base documental conservada mais tamén no necesario testemuño oral.

Ao abeiro dun esquema cronolóxico,  con licenzas dispositivas que resultan un acerto, quen se achegue a esta biografía verá desfilar, como non, a todo Lois Pereiro, mais tamén á práctica integridade do universo que tamén se moveu canda el, e non só as persoas de carne e óso -a familia, os amigos, Piedad…-, senón os espazos que coñeceu,  as afinidades afectivas, as situacións que viviu e como as encarou mais tamén o seu mundo de  lecturas, as doenzas, o sufrimento e as adiccións, as viaxes como rutas para resucitar voces e presenzas literarias, os proxectos levados adiante e aqueloutros frustrados ou a relevancia que a música, a poesía e o cinema supuxeron para a creación da súa propia obra, resultando certamente salientable o intenso e significativo labor de rastrexo e seguimento das innúmeras conexións interartísticas que se plasman na súa obra e que aquí se espellan con recorrencia.

Este libro de Iago Martínez é un traballo que escintila con luz propia, actualiza e sitúa no presente o ser humano e mais o literato que foi Lois Pereiro. Por riba conxura, de vez, o posible esquecemento.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Iago Martínez, última achega biográfica de Lois Pereiro

10 Maio 2011

Críticas,Crónica,Noticias

O xornal Galicia Hoxe informa da biografía Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez, unha biografía de referencia escrita por un xornalista que levaba varios anos investigando a vida de Pereiro.

Iago Martínez, última achega biográfica

Da man de Xerais chega esta publicación, realizada a partir de 30 entrevistas

Poucas veces, o lector atopará nas librerías tanta variedade -e abundancia- de biografías dun escritor ao que se lle dedica o Día das Letras como este ano de Lois Pereiro. O fenómeno proba ata que punto a figura do poeta monfortina está apegada á súa vertente popular. Unha das biografías que acaba de chegar ás librerías vén da man de Xerais e titúlase Lois Pereiro. Vida e obra, realizada polo xornalista Iago Martínez. O libro é o resultado de máis de trinta entrevistas que Iago Martínez realizou nos últimos anos xa que, para o xornalista, a biografía do poeta monfortino non é ningunha novidade: el é tamén o autor dun documental que se adentra na figura do autor de Poesía última e que, moi probablemente, se estreará este mesmo ano na súa montaxe definitiva.

O libro consta de 17 capítulos que non seguen unha orde cronolóxica pero que conteñen abondosas referencias musicais, cinematográficas e literarias presentes na obra de Pereiro, até completar unha exhaustiva perspectiva arredor do autor.

A OUTRA APOSTA

A obra de Marcos Calveiro

Xerais sacou este ano dúas biografías de Pereiro. A mais da de Iago Martínez, hai uns meses chegou ás librerías a de Marcos Calveiro, titulada Náufragos do paraíso, con alusión ao título da novela inconclusa que Pereiro escribiu. O volume está especialmente dirixido ao lector novo e constrúese como o guión dunha película en secuencia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez, a biografía de referencia sobre Lois Pereiro

16 Abril 2011

Biografía,Crónica

O Xornal de Galicia informa hoxe da chegada ás librerías de Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez. Reproducimos a información:

Xerais tira do prelo a «biografía de referencia» de Lois Pereiro

O xornalista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal, narra a peripecia vital e literaria do monfortino a partir de trinta testemuños nun libro “inescusable”

Durante algunhas semanas, ao periodista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal de Galicia, púxoselle cara de biógrafo en apuros. Mentres os prazos para entregar o libro finalizado ían fuxindo sobre os calendarios, a vida de Lois Pereiro (Monforte, 1958 – A Coruña, 1996), parecía que non deixaba de medrar nas marxes das follas nas que Martínez escribía u­nha biografía que, despois de meses de traballo e de moitas reviravoltas sobre o texto, xa está nas librarías baixo o título Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011). O proceso de creación non foi sinxelo e o propio autor recoñécelle ao editor Manuel Bragado nos agradecementos do libro que o nacemento desta biografía tivo bastante de “calvario”.

Pero despois de todo esforzo –ou sufrimento, segundo se mire– chega a redención e dende a súa editorial sublíñase a relevancia que a obra pode chegar a acadar neste ano no que o Día das Letras Galegas homenaxea a Lois Pereiro. “É a biografía de referencia. Neste ano no que aparecen moitas contribucións, dende estudos, antoloxías e publicación, esta é a biografía inescusable, é a que quedará”, sinala Manuel Bragado, director de Xerais.

“TRABALLO DE DECANTACIÓN”

Un trazo do libro que destaca o editor é a base documental coa que conta. “É unha obra que se fixo por decantación, na que o autor contou con grande cantidade de información conseguida noutros proxectos anteriores”, destaca Bragado. Este “traballo de decantación” que fixo Martínez comezou hai xa varios anos, cando o xornalista iniciara, xunto a Alexandre Cancelo, a preparación do documental sobre Pereiro titulado Contra a morte. Para ese proxecto –que aínda está pendente de estrea–, Martínez realizou unha longa lista de entrevistas con persoas da contorna do poeta monfortino. En total, a base documental empregada para a biografía inclúe conversas con máis de trinta persoas.

Con todo ese traballo previo, Martínez artellou unha biografía dividida en 17 capítulos que só racha unha estrutura cronolóxica no capítulo inicial, no que o autor se sitúa nos momentos previos á morte de Lois. A partir dese arranque con sabor a final, nárrase a vida do escritor e énchense as páxinas das abondosas referencias musicais, cinematográficas e literarias que Pereiro empregou na súa obra. “O propio título do libro de Iago xa o di: Lois Pereiro. Vida e obra. No caso de Pereiro a vida e a obra están pegadas. Iso vese na biografía, que é un retrato da súa vida, pero tamén do Lois lector, do Lois cinéfilo ou do Lois melómano”, explica o escritor Marcos Calveiro, que vén de publicar outra obra sobre Lois Pereiro titulada Náufrago do paraíso.

Nese mesmo sentido opina Xosé Manuel Pereiro, o irmán de Lois, quen tamén subliña as relacións entre a vida e a obra do poeta que se reflicten no libro de Martínez. “É unha biografía exhaustiva, que debulla a vida de Lois e lígaa bastante ben coa súa obra”, explica o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

Pereiro, ademais, observa unha constante en todos os libros, biografías ou antoloxías que se están a publicar nos últimos meses sobre Lois Pereiro: “Os autores están seducidos polo personaxe”. Martínez non é a excepción.

A. R.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez, novidade do mes de abril

15 Abril 2011

Biografía,Crónica

O libro Lois Pereiro. Vida e obra, unha biografía literaria escrita polo xornalista Iago Martínez é unha das novidades do mes de abril.

Lois Pereiro (1958-1996) foise antes de tempo, aos 38 anos. Prometérao na súa adolescencia: «Quero escribir un libro e morrer novo, como Manuel Antonio.» Ao final escribiu máis dun. A súa obra, e en concreto a súa poesía, constitúe unha das mostras máis auténticas e dolorosas da literatura galega. Para Lois Pereiro o corpo foi o seu campo de batalla e o argumento da súa poesía. Envelenado dúas veces, aos 36 anos diagnosticáronlle a sida. Marcado xa para a morte decidiu, contra todo prognóstico, seguir vivo para sempre na súa obra e nos soños dos que o seguiron querendo. Lois Pereiro. Vida e obra é a proba de que o conseguiu. Neste volume, o xornalista Iago Martínez aborda a biografía dun autor tan admirado como descoñecido, e faino dende a complicidade, cunha prosa áxil e directa, combinada cun minucioso labor de documentación. As súas páxinas adéntranse, con rigor e sensibilidade, no universo persoal de Lois Pereiro e ofrece claves culturais e literarias fundamentais para interpretar a súa poesía. Lois Pereiro. Vida e obra revela o ser humano que hai detrás do mito contemporáneo das letras galegas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Non hai noite tan longa», a primeira novela de Agustín Fernández Paz dirixida ao público adulto

12 Abril 2011

Autores,Narrativa,Noticias

O Xornal de Galicia recolle unha noticia asinada por Iago Martínez sobre a saída, o próximo mes de Non hai noite tan longa, a primeira novela de Agustín Fernández Paz dirixida ao público adulto:

Agustín Fernández Paz debuta por segunda vez

Xerais ultima a edición de Non hai noite tan longa, a primeira novela do Premio Nacional vilalbés dirixida ao público adulto

O titular engana. Din que é o abecé deste oficio. Agustín Fernández Paz desménteo axiña, pero non parece amolado. “Para min é unha novela máis, escribina coa mesma intensidade que as anteriores”, corrixe con amabilidade. A diferenza de todas elas, porén, Non hai noite tan longa (Xerais) será a primeira que o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil publique en Galicia sen prescricións de idade para os lectores. Nin teóricas nin explícitas. Tecnicamente será a súa primeira novela para adultos. Ao final, o protagonista ten que conceder: “É inevitábel que se vexa como un segundo debut”. Debe ser o abecé do seu oficio.

Non hai noite tan longa conta o regreso de Gabriel Lamas, un home de 50 anos asentado en París, á vila galega na que naceu. É a primeira vez en trinta anos que pisa a súa terra. Non volveu nin sequera para darlle sepultura ao pai, condenado e encarcerado a finais dos sesenta por un delito que non cometeu. A Galicia coa que se atopa en 2002, tras a morte da súa nai, é moi distinta da que deixara en 1970. O que non cambiou foi a ferida que o arredou dos seus e o levou a Francia, aínda sen estiñar. A mala conciencia segue intacta. “A novela é un axuste de contas coa miña xeración”, explica. “Coa educación que recibimos”.

A primeira novela para adultos de Fernández Paz puido ser Aire negro (2000), pero ao final apareceu en Fóra de xogo, a colección xuvenil de Xerais, por decisión do editor. “Esta talvez estea máis escorada cara ao lectorado adulto, pero tamén se podería considerar unha novela de fronteira, como Aire negro, Corredores de sombra, O centro do labirinto, Noite de voraces sombras ou O único que queda é o amor, que en catalán tivo dúas edicións na mesma editorial, unha nunha colección xuvenil e outra nunha colección para adultos”, explica o vilalbés.

Fernández Paz acredita no que Jordi Balló e Xavier Pérez sostiñan en La semilla inmortal: a ficción aliméntase dunha presada de argumentos universais, só 21 a xuízo dos autores do ensaio. “Os temas, neste caso o regreso e a vinganza, nunca son os que definen o lector dunha novela. Todos os temas serven para todos os tipos de lector. O que fai que unha novela sexa para adultos ou para mozos é a complexidade técnica. As novelas de fronteira, como eu lles chamo, son as que buscan a aquel que aínda non ten unha formación plena como lector, sexa adulto ou sexa mozo”.

O neno co pixama de raias, de John Boyne, ou La sombra del viento, de Carlos Ruíz Zafón, son para Agustín Fernández Paz libros desa caste. Aínda máis, parécenlle novelas xuvenís publicadas en coleccións para adultos. “Á inversa, é curioso o que pasou en Galicia coa Metamorfose de Kafka, Baixo as rodas de Hesse ou O vixía no centeo de Salinger. Apareceron en coleccións xuvenís, e iso permitiu que as lesen moitos mozos que doutro xeito nunca o farían”.

A través do desaxuste entre o país da memoria e o país do regreso, a novela deita unha ollada crítica, “por veces feroz”, sobre o presente de Galicia. “Hoxe non sería peor esa impresión que en 2002”, explica o lugués. “É certo que vivimos un tempo de desmantelamento, pero xa daquela había indicios dese proceso”. E malia a todo, o libro está preñado dun certo optimismo. Evidénciase no título, tirado do Macbeth de Shakespeare: “Non hai noite tan longa que non remate en día”.

DÚAS NOVELAS MÁIS A PUNTO

Máis preocupado polo futuro da lingua na que escribe que por entrar na Real Academia Galega –“Prefiro que entren as mulleres antes que os escritores de infantil e xuvenil”, arrisca–, Fernández Paz ten outras dúas novelas de camiño ás librarías. Xerais publicará logo do verán Fantasmas de luz, “unha fábula optimista sobre a globalización neoliberal e o cine protagonizada por un proxeccionista no paro”, e Rodeira ultima a dobre edición, en galego e castelán, dun volume de relatos titulado As fronteiras do medo.

Cinéfilo metódico, dos que elaboraba fichas de cada película que vía, Fernández Paz inzou Fantasmas de luz de referencias á gran pantalla. Tanto é así que o libro, adobiado con seis “tomas extra” que redimensionan os personaxes secundarios e deitan algo máis de luz nalgúns recantos da trama, remata cunha serie de fichas de cada unha das fitas.

“A recepción dunha obra literaria é sempre imprevisíbel”, apunta ao cabo o escritor. “A miña obsesión sempre foi a de gañar lectores para o galego, e aínda que son consciente de que o mundo da literatura para adultos é máis pechado, confío en que a novela funcione: que me lean os que me len e que se animen algúns dos que non o facían por publicar eu en coleccións xuvenís. Ter lectores é o mellor que lle pode pasar a un escritor”.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Reportaxe de Iago Martínez sobre Xabier P. Docampo, que explica as orixes de «O misterio das badaladas»

5 Abril 2011

Autores,Infantil,Reportaxes

O xornalista Iago Martínez publicou onte no Xornal de Galicia unha longa reportaxe sobre Xabier P. DoCampo, a estrea da película A casa da luz e a reedición de O misterio das baladalas. DoCampo conta as orixes da súa primeira novela. Pódese descargar en pdf e reproducímola integramente:

A Real Academia Galega non me necesita

DoCampo regresa ao seu Macondo coa reedición d’O misterio das badaladas e a estrea d’A casa da luz
IAGO MARTÍNEZ

“O meu respecto pola Real Academia Galega é tanto que teño clarísimo que non me necesita”. De súpeto, Xabier P. DoCampo (Rábade, Lugo, 1946) ponse moi serio: “Cando teñan unha vacante, se queren, que me pregunten a miña opinión; poden estar seguros de que nunca direi o meu nome”. E xa logo afrouxa o xesto: “Pensei máis veces en ser santo, se cadra porque hai máis prazas, que en ser académico. Iso é unha teima de Jaureguizar [escritor e xornalista] e algún máis. Están tan empeñados en propoñernos a min e a Agustín Fernández Paz que fixemos un acordo: que nos dean unha cadeira para os dous, pero que nola dean canto antes, que estamos engordando”.

O escritor anda estes días de volta en Eiranova e Eiravella, as dúas facianas do seu particular Macondo, un duplo espazo literario construído cos retallos de Castro e Feira do Monte, os lugares onde pasou a súa infancia, e de vilas algo menos cativas como Vilalba e Pontedeume. Eiranova naceu en 1986 co debut de DoCampo na narrativa, O misterio das badaladas, convertida axiña no primeiro best-seller da literatura infantil e xuvenil galega. Eiravella tardou unha miga máis: apareceu en 2002 coa publicación d’A casa da luz.

Nada máis sentar, o escritor estra os seus cadernos pola mesa. Están inzados de apuntamentos por todas partes. En vertical, en horizontal, con letra miúda. Non é doado atopar un recanto en branco. “O papel foi tremendamente importante na miña vida”, aclara decontado. “Ter unha cuartilla era unha riqueza”. Son as notas da súa próxima novela, un relato para adultos arredor da presenza do mal no mundo ambientado na Galicia dos anos corenta. Empezou a escribilo a partir dunha fotografía da nena máis triste que viu xamais, pero o relato emancipouse hai tempo desa faísca inicial. Non quere dar detalles. Quédalle, aproximadamente, un ano de traballo.

Eiranova e Eiravella volven estar de actualidade e por partida dupla. Xerais vén de recuperar nunha edición revisada O misterio das badaladas, e Carlos Amil estreou onte no teatro Rosalía da Coruña, dentro da programación de Achegarte, a adaptación ao cine d’A casa da luz. Na película, ademais, o cineasta atrévese a facer o que nunca fixo o autor d’O libro das viaxes imaxinarias: mesturar Eiranova e Eiravella na mesma ficción.

Os primeiros lectores de DoCampo foron o avogado Rafael Bárez e o profesor Francisco Silvosa, os seus compañeiros no seminario de Lugo. Cada noite, recorda, o cativo que foi escribía un conto e facía dúas copias con papel carbón. Unha para cada un. “Non deixei de escribir dende entón, pero até 1986 non publiquei. Cando rematei O misterio das badaladas xa tiña outra novela a medio facer e un libro de contos. Por moito que me quixese proletarizar, por moito que pensase que publicar era un vicio burgués, ao que me conducía aquilo era á frustración máis absoluta”.

Para aforrar, resumiu o argumento do libro e mandóullelo a catro editoriais cunha carta na que lles explicaba a única condición da poxa: o primeiro en amosar interese quedaba co orixinal. Adiantouse Vía Láctea, onde chegara a súa oferta rebotada dende Ediciós do Castro. “Aínda teño pola casa as cartas de Xela Arias, de Xerais; Carlos Casares, de Galaxia; e alguén de Sotelo Blanco que xa non recordo pedíndome a novela. Xa chegaban tarde”.

O libro, unha “novela de pandillas” que depuraba a fórmula do libro programado, prendeu axiña. Inspirábase nunha colección anglosaxoa, coñecida en España como “Elige tu propia aventura”, pero evitando a frustración do lector. Os xogos que puntuan a trama non son imprescindíbeis para chegar ao final. Non hai “Game over”. Daquela, a Lei de Normalización Lingüística disparara a necesidade de textos en lingua galega para a escola e todo estaba por facer. “Escribían Paco Martín, Xoán Babarro e pouco máis”, recorda. “Aínda faltaba un ano para que Agustín Fernández Paz empezase a publicar. O equipo comercial de Vía Láctea traballou duro e puxo a novela en todas as partes. Era difícil atopar un rapaz que non a coñecese. Hoxe, todos eses lectores teñen trinta e pico anos”.

Agora, a novela regresa ás librarías coa ortografía actualizada e algunhas mudanzas cativas. Segue vixente un artefacto así no imperio da sinestesia e os videoxogos? “Todo pode convivir”, retruca o lugués. “A arte son as linguaxes, non as historias que se contan ou os artiluxios que se moven. O videoxogo, que debe aspirar a ser arte, ten a súa linguaxe, que non é a literaria nin ter por que selo. A literatura infantil segue a ser necesaria porque é a que forma lectores, igual que o cine infantil forma espectadores. Por iso estou contento de que se fixese A casa da luz. Se houbese máis cine infantil, aforraríamos espectáculos tan bochornosos como Torrente. Se non educamos na escola para a poesía, para a boa prosa, para o cinema, para a música, para a arquitectura, onde lle imos dicir aos rapaces que está a felicidade? Hai que educar para a felicidade, non para o éxito”.

A casa da luz, producida por Vimbio Films e protagonizada por Antonio Mourelos, Xosé Manuel Olveira Pico, César Goldi, Cándido Pazó e Miguel de Lira e un grupo de nenos escollidos entre 1.600 escolares, segue pendente de resolver o seu paso polas salas comerciais. “Incapaz”, confesa, de variar a historia inicial, o Premio Nacional de Literatura deixou a adaptación nas mans do director. “É unha película de Carlos Amil, non miña. Eu pelexei canto puiden para atopar unha linguaxe literaria válida; el fixo o mesmo para levala á pantalla”.

Iago Martínez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crónica de H. Pena sobre dous dos libros de Xerais en torno a Lois Pereiro: a «Poesía completa» e «Lois Pereiro, náufrago do paraíso»

21 Marzo 2011

Autores,Clásicos,Fóra de Xogo

O Xornal de Galicia publicou unha crónica de H. Pena sobre dous dos libros que Xerais en torno a Lois Pereiro: a Poesía completa, en edición de Ana Acuña, e Lois Pereiro, náufrago do paraíso, de Marcos Calveiro, publicado en Fóra de Xogo. A maiores, nos próximos días distribuirase nas librerías a obra ensaística de Lois Pereiro baixo o título Modesta proposición e outros ensaios e, posteriormente, a biografía Lois Pereiro. Vida e Obra escrita por Iago Martínez. Reproducimos integramente a información do Xornal de Galicia referida aos dous primeiros títulos:

Xerais reúne a poesía de Lois Pereiro
A editorial galega lanza dous textos que, de xeito ben diferente, xiran en torno ao universo do poeta protagonista do Día das Letras Galegas
Con motivo do nomeamento de Lois Pereiro como protagonista do Día das Letras Galegas 2011, estase a producir unha profusión de títulos co poeta monfortino como protagonista. A editorial Xerais vén de lanzar dous volumes que, de xeito ben diferente, xiran en torno ao universo de Lois Pereiro. Trátase da biografía novelada de Marcos Calveiro, Náufrago do paraíso, e da Poesía completa de Pereiro, reunida por primeira vez pola profesora e investigadora Ana Acuña.

En Náufrago do paraíso, Marcos Calveiro novela a vida do poeta, estruturando unha “falsa biografía” do autor como se dun guión de cine se tratase. O seu responsable explica para Xornal que foi “toda unha honra” para el escribir este libro. “Sempre fun un gran seguidor e admirador de Lois Pereiro, pero, pese a iso, tiven que investigar e indagar moito, porque penso que a personaxe requiría algo distinto da típica biografía”, sinala.

Con respecto á estrutura do texto, Calveiro indica que o libro “parte dunha anécdota real” para logo trazar un percorrido “ficticio” sobre a vida de Lois Pereiro. “Eu recréoo á miña maneira e son as miñas palabras as que poño en boca de personaxes reais”, apunta. Cabe destacar que esta biografía vai máis aló da vida do propio Lois, “chegando até o ano 2010, no momento en que se lle nomea como protagonista do Día das Letras”.

Outra das peculiaridades do traballo de Marcos Calveiro é que se trata dunha obra dirixida ao público xuvenil –“que grazas á súa estrutura podería incluso ser representada por escolares”–, non obstante, o seu responsable precisa que “realmente é un libro para todo tipo de públicos”.

O autor afirma que “non tería feito este libro” de non ser un gran admirador do de Monforte. “Dende a primeira vez que abrín un libro seu caín rendido ante a súa poesía. Lois representa a modernidade e, pese á distancia xeracional, tivemos problemas e sentimentos similares”, di Calveiro.

Por último, e cuestionado acerca de se hai hoxe algún escritor que se achegue ao espírito punk de Pereiro, Marcos Calveiro responde que “a súa inexistencia pode ser reflexo da sociedade, se non os hai é seguramente porque non os esixe”.

TODO LOIS PEREIRO

Por outra banda, a investigadora e profesora da facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra, Ana Acuña, reuniu as obras completas de Lois Pereiro nun mesmo volume. 
Así, Acuña compendia os poemas que Pereiro publicou na revista Loia, no libro Poemas 1981-1991 e en Poesía última de amor e enfermidade. Ademais, a profesora rescata outros textos do poeta, como Nostalxias siamesas, un poema asinado polo propio Pereiro e Piedad Cabo que foi publicado no magazine Luzes da Galiza.

Para finalizar, o volume inclúe tamén outros dous textos de Manuel María e de Manuel Rivas –Xustificación e O viaxeiro que non se detivo na derradeira estación– que abren o libro póstumo Poemas para unha Loia.

H. Pena

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas dos Premios AELG 2011

4 Marzo 2011

Ensaio,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Poesía,Premios,Teatro,Traducións,Xerais,Xornalismo,Xuvenil

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público hoxe os finalistas dos seus premios anuais. Tras unha votación dos seus asociados anunciou os finalistas tanto nas categorías de libros editados como de blogs e xornalismo. A gala de entrega dos premios será o 30 de abril en Santiago. Os membros da AELG serán tamén quen escollan de entre os finalistas os galardoados.

Blog Literario

1. Ferradura en tránsito, de Xosé Manuel Eyré.

2. O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

3. Trafegando ronseis, de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso.

Ensaio

1. A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro.

2. Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao.

3. O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.

Literatura Infantil e xuvenil ( coa colaboración da Gálix)

1. Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto.

2. O pintor do sombreiro de malvas (Xerais), de Marcos Calveiro.

3. O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro.

4. Suso Espada. “Nota Roja”, de Francisco X. Fernández Naval.

Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)

1. Anxo Tarrío.

2. Daniel Salgado.

3. Fran P. Lorenzo.

4. Iago Martínez.

5. Ramón Nicolás.

Narrativa

1. O coitelo en novembro (Xerais) de Marilar Aleixandre.

2. Obediencia, de Antón Lopo.

3. Periferia (Xerais) de Iolanda Zúñiga.

4. Settecento (Xerais) de Marcos Calveiro.

5. Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.

6. Xuvia-Neda (Xerais) de Vicente Araguas.

Poesía

1. Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval.

2. Estremas, de Ana Romaní.

3. Retro(visor) (Xerais)  de Antía Otero.

Teatro

1. Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo.

2. Cínicas, de Teresa Moure.

3. Flores de Dunsiname (Xerais) de Manuel Lourenzo.

Tradución

1. Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe) (Xerais), na versión de Isaac Xubín.

2. Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto.

3. Randea do alento (Herta Müller) (Xerais), de Marga do Val.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Intensa programación de Xerais para o derradeiro día do Culturgal

28 Novembro 2010

Eventos

Hoxe remata o Cultugal en Pontevedra. Amais das intensa programación do evento, que se pode consultar na web ou descargar o en pdf, Xerais ofrece para hoxe domingo un intensto día de encontros con autores. A programación de Xerais para os tres días tamén se pode descargar en pdf.

Domingo 28

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Camilo Franco entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

12:30 h. Fina CasalderreyE ti que farías por min? / Un saco de estrelas

13:00 h. Elena GallegoDragal

13:30 h. Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas (Premio Merlín 2010)

18:00 h. Manuel Rivas: Todo é silencio

19:00 h. Marcos Calveiro: Settecento / O pintor do sombreiro de malvas

19:30 h. Manuel Portas: Denso recendo a salgado

Chuzame! A Facebook A Twitter

Programación de Xerais no Culturgal para hoxe venres

26 Novembro 2010

Eventos,Narrativa

Hoxe comeza o Cultugal en Pontevedra. A programación do evento consta de numerosas actividades que se poden consultar na súa web ou descargar o programa completo en pdf. A programación de Xerais para os tres días tamén pode ser descargada en pdf.

Venres 26

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Iago Martínez entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

18:00 h. Diego Ameixeiras: Asasinato no Consello Nacional
18:30 h. Iolanda Zúñiga: Periferia (Premio Xerais 2010) / Vidas post-it


Chuzame! A Facebook A Twitter

Programación de Xerais no Culturgal

19 Novembro 2010

Autores,Debates,Entrevistas,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Narrativa,Vídeos,Xerais

Os próximos días venres 26, sábado 27 e domingo 28 celébrase en Pontevedra o Culturgal, que se desenvolverá no Pazo de Congresos.

Trátase da III edición do Culturgal, que este ano se celebra na capital do Lérez, unha nova aposta por ofrecer un escaparate do que produce a industria cultural galega.

A programación do Culturgal está chea de actividades que se poden consultar na súa web.

En Xerais, presentamos a nosa programación para os tres días, que tamén se pode baixar en pdf.


Venres 26

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Iago Martínez entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

18:00 h. Diego Ameixeiras: Asasinato no Consello Nacional
18:30 h. Iolanda Zúñiga: Periferia (Premio Xerais 2010) / Vidas post-it


Sábado 27

19:30 h.  Presentación no Salón de Actos En castellano no hay problema
de Carlos Callón
Acto organizado en colaboración coa Mesa Pola Normalización Lingüística
Participan: Cris Quinteiro (Responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística de Pontevedra), Manuel Bragado, Carlos Callón.

Domingo 28

Faladoiro no Salón Libro. O xornalista Camilo Franco entrevistará aos autores.
Ao remate firma de exemplares no stand de Xerais.
Actos abertos ao público.

12:30 h. Fina CasalderreyE ti que farías por min? / Un saco de estrelas
13:00 h. Elena GallegoDragal
13:30 h. Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas (Premio Merlín 2010)
18:00 h. Manuel Rivas: Todo é silencio
19:00 h. Marcos Calveiro: Settecento / O pintor do sombreiro de malvas
19:30 h. Manuel Portas: Denso recendo a salgado

Se é cultura, está en culturgal from Culturgal on Vimeo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Rivas en «Xornal de Galicia»: «Este país necesita un calendario de vitorias»

3 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Iago Martínez publica en Xornal de Galicia unha longa entrevista con Manuel Rivas con motivo da publicación de Todo é silencio. Recomendamos a lectura deste texto que consideramos moi interesante e do que recollemos algúns parágrafos:


–Os protagonistas de Todo é silencio andan por aí, están tirados do real. Por que escribir unha novela e non un relato xornalístico?
–Hai libros documentais moi bos sobre o narcotráfico, sobre todo os de Perfecto Conde e Felipe Suárez, e xornalistas que saben moito, como Julio Fariñas ou Elisa Lois. En ningún momento pensei en facer algo semellante. Todo isto que conto, esa herba da memoria que foi traballando na cabeza durante anos, levábame dereito á ficción. Pretendía contar unha boa historia, o que non implica un desapego ou unha falta de compromiso, e quería situalo nunha especie de intemporalidade, aínda que estea contextualizada entre o 68 e os oitenta. Conto o que pasou doutro xeito. É o Mariscal, o capo, un cínico que me ten enfeitizado, quen conta a novela. É o lado escuro o que fala en Todo é silencio. E dinos moito máis, desvenda moito máis a realidade que as fontes oficiais.

–Daquela, o real é aquí pura documentación ao servizo da novela.
–Hai un traballo de documentación grande, pero logo hai que deixalo atrás. Como a vaca cando rumia. Na novela, a realidade está en cachizas, mesmo as personaxes e os escenarios son froito dun traballo de costura. O Mariscal ten trazos de personaxes reais, pero xa é distinto. E a vila tamén. Parecíame parcial e inxusto situar a historia nun escenario concreto. Podía ser Vilagarcía ou Cambados ou Vilanova, pero sería inxusto. Esta historia foi máis alá do Salnés. Hoxe sabemos que a droga entra nos contedores, en calquera gran porto, e que se blanqueou en moitos sitios. Creo que Brétema, onde se ambienta a novela, é a cidade atlántica. É máis real que o real. De todos os xeitos, a min gústame moito a literatura [ri]. Creo que é unha boa ferramenta. A novela muda, ten metamorfoses, pero a ninguén se lle ocorre hoxe dicir que está en crise. Ao contrario. É dos xéneros que máis posibilidades ten. Está moi ensanchada, mesmo asimila elementos de non ficción, documentais.

[...]

Non é certo que a intelixencia, no canto de procurar alternativas ou construír unha historia das conquistas, desbalde o tempo en certificar ciclicamente iso que chaman “o fracaso colectivo”?

Estou de acordo. Cabréame moito, cando falamos de loitas, cando fago repaso ás verdadeiras mobilizacións… Aquí tiñamos todas as cartas para que puxesen unha central nuclear en Xove. Aquí, en fronte de Fisterra, tiñamos o maior vertedoiro de lixos radiactivos do mundo. Íase facer unha celulosa en cada ría. Por que non pensamos en que todo iso se evitou? Por que non pensamos en como se evitou? Moi fácil: con moitísima xente na rúa. Moitísima xente aguantando alcumes, desprestixio. Eramos anarquistas, comunistas, nacionalistas, radicais… Mayor Oreja dixo que eramos batasunos. Gustaríame que o proceso xurídico do Prestige non acabase sendo un desastre, pero iso xa non depende de nós. No que dependeu da xente cambiáronse as regras do xogo. A ver que goberno volve facer o mesmo. Cambiouse a lexislación europea. Mesmo diría que os poderes da Coruña deberían ser honestos e recoñecer que iso que se está a facer aí, o porto exterior, por moi discutíbel que sexa, foi posíbel pola reacción popular. Gábanse de non sei que cando foi grazas a que a xente, cando a expulsaron de María Pita, ocupou o resto da cidade mentres se celebraba o Consello de Ministros. Se fosen honestos, recoñeceríano. É un mínimo moral. As confrarías, unhas honestas e outras que calan como petos, saben que o que se cobrou foi porque a xente saiu á rúa. Aí é onde está a diferenza entre a Galicia que loita polo ben común e pola liberdade e esoutra Galicia deshonesta que o único que fai é chuchar como unha sambesuga a outra Galicia. Hai que loitar sen esperar ningunha medalla. Loitar para gañar, para conseguir as cousas. Reganosa non debería estar onde está, aí perdemos, pero hai que recordar que en Xove non hai unha central nuclear. Este país necesita un calendario de vitorias. Semella que o reparto da terra en Galicia veu dado ou foi unha concesión romana, cando foi unha loita tremenda que non acabou até a redención total de foros nos anos trinta do século XX. É tremendo pensar que moita xente pensa que os roxos lle van vir quitar a terra cando foron os roxos os que lla deron. E moita xente morreu nesa loita. En Galicia o que se fai é borrar continuamente a causalidade das cousas. A relación entre os movementos sociais e a realidade. As conquistas. Coma se todo fose unha dádiva. Se hai unha autonomía é en boa parte pola lingua, é lamentábel que agora se use para desarmar esa lingua. É un esperpento. En Galicia hai razóns abondo para estar todo o día na rúa. Se cadra haille que dar tempo á xente. Ao mellor está rumiando, como o escritor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rubén Ruibal, entrevista en «Xornal de Galicia»

1 Setembro 2010

Autores,Entrevistas,Teatro,Xerais_nos_medios

Iago Martínez entrevista en Xornal de Galicia a Rubén Ruibal. As dificultades para estrear Limpeza de sangue, cinco anos despois de ser premiada e dunha sentenza do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia e a súa vinculación co seu mestre Roberto Vidal Bolaño son algúns dos temas abordados nunha entrevista que recomendamos moi vivamente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Todos somos periferia», entrevista a Iolanda Zúñiga en «Xornal de Galicia»

28 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Premios_Xerais

Iago Martínez entrevista a Iolanda Zúñiga en Xornal de Galicia, dúas semanas despois da entrega do Premio Xerais de Novela 2010. A autora de Periferia ultima estes días o o rixinal da novela que aparecerá nos andeis das librarías na primeira semana de outubro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xabier DoCampo e Agustín Fernández Paz, amigos por palabras

14 Marzo 2010

Autores,Entrevistas,Infantil,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Iago Martínez, asina en Xornal de Galicia, outra das súas grandes entrevistas. Desta volta reuníu a Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo nunha longa conversa na que os dous escritores da Xeración Lamote abordan boa parte da súa andaina xuntos durante corenta anos. Un texto moi recomendable para coñecer a dous dos nosos máis grandes escritores.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Francia olla para Rivas e Suso de Toro

12 Febreiro 2010

Autores,Noticias,Traducións,Xerais_nos_medios

Iago Martínez anuncia na edición de hoxe de Xornal de Galicia que «Suso de Toro e Manuel Rivas serán protagonistas os vindeiros días 11 e 12 de marzo na Universidade de París-Sorbonne IV». O Centre de Recherches Interdisciplinaires sur les Mondes Ibériques Contemporains que dirixe o hispanista Sadi Lakhdari, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da capital francesa, a cargo de Eric Beaumatin, dedícalles aos dous escritores o coloquio internacional «Manuel Rivas et Suso de Toro: deux voix de la littérature galicienne contemporaine». Malia a que o programa das xornadas está aínda por pechar, o departamento galo xa confirmou a presenza dos autores.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xesús Alonso Montero, entrevista en «Xornal de Galicia»

5 Febreiro 2010

Autores,Crónica,Entrevistas,Noticias,Reedicións,Xerais_nos_medios

O profesor Xesús Alonso Montero é entrevistado por Iago Martínez para o Xornal de Galicia. Na conversa anuncia a segunda edición de Cartas de republicanos galegos condenados a morte, Premio Ánxel Casal ao mellor libro de non ficción 2009, que aparecerá nas librarías no vindeiro mes de marzo.

Foto: Sonia Daponte, Xornal de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xavier Queipo entrevistado por «Xornal de Galicia»: «Eu son un ‘worst seller’»

30 Decembro 2009

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Xavier Queipo é entrevistado hoxe por Iago Martínez para Xornal de Galicia con motivo da publicación do seu álbum A illa dos cangrexos violinistas (OQO editora). O autor de títulos narrativos como  O ladrón de esperma, Papaventos ou Dragona comenta que se considera un worst seller: «Son un dos [autores] que menos vende na literatura galega. Cando os editores se fixan en min non é porque vexan un negocio, senón porque consideran que o meu traballo é de calidade. Nun libro que se chama Felices e diferentes calculei canto gaño coa escrita: sáeme cada hora a 0,25 euros. Así que esa mitoloxía só se lles pode aplicar aos escritores do réxime –o PP ten os seus e o bipartito tiña tamén os seus–, que viven ben porque están subvencionados, pero non ao resto. Eu teño que ter outro traballo fóra da escrita, e a inmensa maioría dos meus compañeiros, tamén. En calquera caso, quen así pense pode revisar as axudas que lles concederon aos meus libros ou ir buscar os títulos meus que a Xunta non quixo poñer nas bibliotecas por consideralos politicamente incorrectos.»

Foto de Támara Lafuente (Xornal de Galicia).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antón Reixa: «Vaca ou morte, venceremos»

22 Decembro 2009

Fóra_de_colección,Fotobiografías,Noticias,Presentacións,Xerais_nos_medios

O libro sagrado da vaca. A biblia dos agnósticos de Galicia. Un acto de patriotismo. Un chamado a entender de onde vimos. Mesmo un libro erótico dedicado a un animal icónico da cultura e a economía do país. Todo iso vén a ser No país das vacas (Xerais), o novo libro do fotógrafo Xurxo Lobato (A Coruña, 1956), unha «homenaxe visual» á vaca a través de ducias de fotografías, dous ensaios e máis de corenta testemuñas que onte se presentou nun acto inzado de autoridades no auditorio da Fundación Caixa Galicia da cidade da Coruña.

Á convocatoria do editor Manuel Bragado, responsábel de abrir a quenda de intervencións, acudiron o director xeral da entidade, José Luis Méndez; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá; e o fiscal superior, Carlos Varela, entre outras autoridades do país, amais das ducias de persoas que ateigaron o auditorio dos Cantóns.

O catedrático Lourenzo Fernández Prieto, autor dun dos traballos que acompañan as fotografías de Lobato, «Inventando a vaca: do reino das rubias ao reino das pintas», recordou as orixes da rubia galega nunha granxa experimental en Monelos, na Coruña, e emprazou os asistentes a lembrar de onde vén a riqueza de Galicia. Cómpre non esquecer, argumentou o historiador, que foi decote «a acumulación de capital dos tratantes de gando» a que permitiu desenvolver e diversificar a economía galega posterior, de xeito que non habería tanta distancia entre a investigación de Pharmamar no fondo mariño, por caso, e o mundo da vaca. Por iso, para o historiador, o traballo do fotógrafo e colaborador de Xornal é, tamén, «un chamado a entender de onde vimos».

O empresario Xosé Turnes, ex directivo de Leyma hoxe en Progando, aproveitou a súa quenda de palabra para desarmar algúns dos «tópicos» que aínda circulan arredor da economía da vaca, iso si, «sen entrar nas penas e calamidades dun sector que o está a pasar mal pero que resistirá como a pinta marela». Ao ver de Turnes, que remataría a súa intervención lendo un irónico «comunicado» en nome do animal, «xa era hora de facerlle unha homenaxe á vaca e de recoñecerlle a súa fonda pegada».

Para o poeta e produtor audiovisual Antón Reixa, quen xa contribuíra á renovación da iconografía da vaca con Sitio Distinto, o programa que dirixiu e presentou na TVG dos primeiros anos noventa, No país das vacas é «un libro sagrado, a biblia dos agnósticos de Galicia». Malia a que a pinta marela falara minutos antes por boca de Xosé Turnes, Reixa insistiu no «minimalismo” do animal ao que se dedican as fotografías que Xornal adiantou hai dúas semanas no seu dominical». «As vacas non falan, pero saben estar», dixo o escritor e colaborador deste diario. «Sosterlle a mirada a unha vaca é a mellor maneira de profundar na condición humana. As vacas somos nós. Sen vacas non hai futuro. Vaca ou morte, venceremos». Iago Martínez

Publicado en Xornal de Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Sete palabras» de Suso de Toro ou a oración do escravo, crítica de Iago Martínez en «Protexta»

14 Decembro 2009

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Baixo o título «A oración do escravo», Iago Martínez publica no «Protexta» nº 12, o suplemento de libros de Tempos Novos, unha extensa crítica sobre Sete palabras, a máis recente novela de Suso de Toro.

O texto, do que recomendamos moi vivamente a súa lectura, pode baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Episodios galegos» de Manuel Rivas, presentación en AchegArte

29 Novembro 2009

Crónica,Noticias,Presentacións,Vídeos,Xerais_nos_medios

A sala Bitácora de Palexco quedou moi pequena para acoller a todas as persoas que quixeron asistir á primeira presentación de Episodios galegos. Tempos de esperpento, o novo libro de Manuel Rivas na colección Xerais Crónica. O acto, que formaba parte do apretadísimo programa de AchegArte, contou coa participación do editor Manuel Bragado e de Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia. Ao remate das intervencións Manuel Rivas recitou unha ducia de poemas, escollidos entre os de toda a súa traxectoria, acompañado á guitarra por César Morán.

Recollemos os parágrafos que Iago Martínez dedicou á presentación na súa crónica da primeira xornada de AchegArte:

Era o sitio. Presentábase o libro número vinte de Rivas na editorial Xerais, unha colección dos artigos que o escritor coruñés publica habitualmente en El País e que vén a ser, tamén, unha crónica dos primeiros oito meses de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Un inventario de ataques á lingua galega e unha fotografía da reacción, inédita, da cidadanía. Un catálogo de pancadas ao medio ambiente e ás industrias culturais, pero tamén un sarillo de homenaxes a Ferrín, Líster, Taxes, Berger ou Pombal. “O relato do proceso de substitución daquel esforzo compartido de facer país que caracterizou, con todos os matices que se queiran, o bipartito”, por dicilo con Manuel Bragado, o seu editor. Son, co permiso de Galdós, os episodios galegos dun deses periodos históricos “que non se sabe se van ou se rachan”, explicou Xosé Manuel Pereiro, o decano dos xornalistas, “pero que en todo caso deben ser contados”. Son, coa complicidade de Cantinflas, chanceou Rivas, ensaios xornalísticos sobre “un deses momentos moi momentáneos” da historia nos que o poder fura no miolo do asunto. Nos que se decide a andamiaxe financeira dun país ou o futuro dunha lingua. “Empezan pola palabra e logo van polo demais”, advertiu o escritor, que dentro de dúas semanas lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. “Os obxectivos son sempre os mesmos: o territorio e os seus froitos”.

Pola súa banda, Ian fixo no seu blog unha anotación sobre o acto e recollou un anaco da gravación do recital.

Hoxe fun ben lonxe mercar o pan. Até A Coruña. No vello solar de Cultur.gal, na zona cero da súa desfeita, unha resistencia voluntariosa montou unha nova panificadora. Alí, entre mil moletes diferentes, estaba o último que Manuel Rivas deitou no acolledor forno de Xerais: Episodios galegos. Tempos de esperpento. Bragado e Pereiro gabaron o seu arrecendo e quentura. E Rivas lembrou que o pan das nosas liberdades está feito de palabras levedadas pola imaxinación. Pan para rematar coa fame negra deixada por tanta deconstrución e subtraccionismo. Non agardei a chegar a casa, na escuridade do Castromil enceitei a bóla. Pero antes de retornar á chuvia de Compostela, houbo tempo para a música de César Morán e os poemas de Rivas.

Pola súa banda, Calidonia gravou un vídeo sobre o recital:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/x0fPfM2mc-s" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Episodios galegos. Tempos de esperpento será presentado nunha roda de prensa o luns, 30 de novembro, ás 17:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A vida do outro», presentación en Compostela

22 Xullo 2009

Autores,Narrativa,Premios,Presentacións,Xerais_nos_medios

2009072200490544199Foto: Tamara de la Fuente.

A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora da XXª edición do Premio Torrente Ballester, foi presentada onte en Compostela. Acompañaron ao autor o escritor Fermín Bouza e o profesor e comentarista político Xosé Luís Barreiro Rivas.

Camilo Franco en La Voz de Galicia cualificou a obra como «unha novela da xeración da Transición». Pola súa banda, Iago Martínez en Xornal de Galicia salienta que «Reigosa novela o relato “aínda por construír” da Transición». Galicia hoxe titula «O periodista dos moitos egos». El Progreso presenta a novela como «biografía dunha xeración». Europa Press titula «Carlos G. Reigosa acerca al lector a la Transición mediante una crónica “humana” y menos generacional de lo que parece». ABC anuncia que «Carlos Reigosa novela la transición con “A vida do outro”».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Agustín Fernández Paz en «Xornal de Galicia»

20 Xuño 2009

Autores,Entrevistas,Homenaxes,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

Agustin Fernandez PazCon motivo da homenaxe que lle tributa hoxe a AELG en Vilalba e a entrega do Premio Nacional de Literatura Infantil o vindeiro martes en Teruel, Agustín Fernández Paz é entrevistado de forma extensa por Iago Martínez en Xornal de Galicia.

Así mesmo, Martín Pawley, tamén en Xornal de Galicia, publica un comentario de opinión titluado «Un home de ben» que transcribimos:

“Pertenzo a unha xeración cunha cualidade que a fai única: fomos os últimos nenos que medramos sen a presenza da televisión”. Así comezaba As paisaxes da memoria, o pequeno relato autobiográfico que Agustín Fernández Paz escribiu como acompañamento á edición española de varias das súas obras. Naquel texto memorábel Agustín elixiu describirse como unha rareza sociolóxica, alguén que garda na súa memoria recordos que hoxe poden parecer arqueoloxía e experimentou ao longo da súa vida o tránsito dun país non moi afastado da Idade Media a outro máis ou menos mergullado no século XXI. A liña do tempo que nos leva do arado de ferro até internet, unha época de cambios abruptos, de incríbeis transformacións ideolóxicas, sociais e tecnolóxicas. Agustín Fernández Paz é fillo de todas elas. Un elo que conecta as narracións de aparecidos desa infancia sen televisión cos libros de Lovecraft aos que chegou xa adulto; as conversas políticas clandestinas da longa noite de pedra cos debates non menos encendidos que hoxe flúen a través da rede.

O que non cambiou foi o gusto por recibir historias, “de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dunha sala de cinema ou a través das diversas pantallas que teño na casa”. Un gusto pola ficción que creceu canda el, cos contos que se escoitaban arredor da cociña de ferro e coa modesta biblioteca do seu pai onde descubriu a Verne, Salgari, Poe, Stevenson ou Mark Twain. Deixou de ser neno en Xixón, cando marchou con catorce anos para facerse perito na Universidade Laboral, hoxe convertida nunha espléndida fábrica de cultura. Pasou sete anos interno, abondo para ser quen de camiñar polos corredores do edificio cos ollos pechados sen bater contra parede ningunha.

Barcelona foi despois diso un oasis de liberdade, un lugar cheo de espazos para o coñecemento. Na Coruña aprendeu a ser mestre e comezou o período máis fértil da súa vida. Porque Agustín é mestre, mestre antes que escritor. Mestre de escritores, mesmo. Exerceu a docencia con paixón e formou parte activa, activísima, dos movementos de renovación pedagóxica. Está detrás dalgúns dos primeiros manuais escolares en galego, feitos de maneira esforzada e precaria nunha altura na que “cortar e pegar” aínda non era unha metáfora informática. Para aqueles libros escribiu infinidade de textos, as lecturas necesarias para ilustrar cada lección, lecturas que daquela non tiñamos en galego. Supoño que aí naceu o Agustín que todos admiramos. O Agustín que empezou a escribir por pracer e por necesidade creativa, mais tamén coa convicción de que era preciso ocupar un oco que aínda estaba por encher. O que agora entendemos por literatura infantil e xuvenil galega inventárona nos oitenta xente coma Agustín, coma Paco Martín, coma Xabier P. Docampo, amigos, chairegos (uns máis que outros) e compañeiros de xeración os tres, esa que Manuel Bragado deu felizmente en chamar “Xeración Lamote”. A débeda que temos contraída con eles é impagábel. No fondo, a verdadeira razón de ser deste artigo é a de lles dar publicamente as grazas.

A cidade dos desexos abriu en 1989 unha carreira, a do vilalbés, inzada de premios. As flores radiactivas, Cos pés no aire e Corredores de sombra son algúns dos títulos que fan grande a un autor apreciado e querido, que recibe centos e centos de cartas deses mozos e mozas que fixeron de Cartas de inverno un fito da nosa literatura con case setenta mil exemplares vendidos en lingua galega. Contos por palabras, unha marabilla, supuxo o seu recoñecemento internacional ao ser incluído na listaxe de honra do IBBY en 1992, igual que Aire negro, escollido de novo polo IBBY en 2001 e pola Jugenbibliothek de Munich que outorga os prestixiosos White Ravens. Cando lle concederon o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado polo seu volume de relatos O único que queda é o amor, Santiago Jaureguizar deulle a volta á noticia no seu blog: o importante non era que Agustín gañara o Nacional, senón que o Nacional gañara a Agustín. Non lle faltaba razón. Era o premio o que ficaba honrado ao acollelo na súa listaxe de vencedores, ao destacar un escritor cuxa ausencia case resultaba escandalosa.

Vén de publicar Lúa do Senegal, dedicada entre outros “a Ousmane Sembène, mestre” nun xesto que revela ao mesmo tempo a súa cinefilia e a súa bondade. Bondade é o que transpira este libro en todas as súas páxinas; bondade e amor. Amor por Khaedi, a nena que deixa atrás África para instalarse coa súa familia nunha cidade, Vigo, que tamén é a de Agustín e na que todo é diferente; amor polos personaxes, polas palabras, polos lectores, por todos nós. Porque Agustín é un home de ben, e esa é unha condición necesaria para facer arte con maiúsculas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Jaureguizar entrevistado no «Xornal de Galicia»

30 Decembro 2008

Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

20081207181318_jaureguizarIago Martínez entrevista no Xornal de Galicia a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un fragmento da conversa:

É unha novela moi popular, talvez a máis popular de Jaureguizar.
A min gustaríame que o fose. Dende logo, ten unha vocación moi popular e unhas paixóns moi fortes que van na busca do público. Ao que parece, debo ser o único escritor galego que quere vender libros. Pois si, eu quero vender libros.

[...]

Como Michael Haneke en Funny Games, Jaureguizar cuestiona ao lector nesta novela. A cita inicial de Shakespeare é abondo elocuente: “Se queren espectáculo e sangue, han telo”.
Si, é un final moi shakesperiano, moi desproporcionado, moi esaxerado, buscando o espectáculo, que é o que busca todo dios. Como nos despistemos, os libros desaparecen. Como sigamos coa poesía florida, estamos perdidos. Temos que dar un paso adiante e deixar en paz a memoria histórica.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp