Cando a música forma parte da trama: «A caza do Ghazafello», a aventura dun libro-disco colectivo

1 Decembro 2011

Audios,Música,Narrativa,Xuvenil

O Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica hoxe unha recensión crítica de Pilar Ponte sobre sobre o libro-CD A caza do Ghazafello, unha novela de Denís M. e música de Marcos Payno que reúne a importantes músico galegos e á ilustradora Sara López, con produción de Valentín Torrado.

O éxito colectivo

Boa opción para agasallar

É un pracer ter nas mans unha aventura en libro–disco como A caza do ghazafello,un éxito colectivo froito da colaboración de Denis M. (texto), Marcos Paino (música), Sara López (ilustracións),Orquestra das Ánimas (música) e algunhas das voces máis representativas do panorama musical galego (Ugia Pedreira –Antón Reixa,Xurxo Souto, PulpiñoViascón – García MC – Ico – Manolo Maseda).

Non agarden un disco como ambientación da obra literaria; aquí a música forma parte da trama, faina avanzar, explícaa e ponlle cabo a través de diversos xéneros e ademais adquire entidade independente, convertida nun CD que se escoitará e bailará tamén despois de rematada a lectura. Lois,o protagonista, un rapaz de doce anos que sofre bulling e que se refuxia na lectura como vía de escape, decide cambiar a súa situación e participar nunha excursión nocturna pola fraga. Deste xeito comeza unha obra singular na que se establece un diálogo directo co lector a través dun prologuista que en termos de camaradaría o interpela directamente e que lle fai chiscadelas ao longo da obra.

Para aqueles que se laian da carestía dos produtos culturais, velaquí unha aventura en libro–disco cun prezo moito mais que razoable que o converte nunha magnifica opción para agasallar.

Pilar Ponte

Chuzame! A Facebook A Twitter

Libro-CD «A caza do ghazafello»: Literatura ghazafella con banda sonora. Crítica de Armando Requeixo

16 Novembro 2011

Blogs,Críticas,Música,Narrativa,Xuvenil

Armando Requeixo publica no seu blog unha recensión crítica sobre o libro-CD A caza do Ghazafello, unha novela de Denís M. e música de Marcos Payno que reúne a importantes músico galegos e á ilustradora Sara López, con produción de Valentín Torrado.

Literatura ghazafella con banda sonora

Co evocador título A caza do ghazafello, Denis M. e Marcos Paino unen os seus talentos de escritor e letrista e mais de músico para ofrecer un suxestivo libro-disco pensado para os novos da casa.

En edición coidadosamente ilustrada por Sara López e con xenuíno prólogo de Xurxo Souto, este volume descóbrenos un entretido relato de aventuras onde un pequeno de doce anos, Lois, acabará por internarse nunha outra dimensión que o leva polo máxico mundo da Fraga, inzando de seres extraordinarios e tamén de perigos témeros.

Dende o literario, a historia debe moito aos clásicos do xénero marabilloso (Carroll, Lewis, por exemplo), mais tamén a outros referentes ben próximos para as nosas letras (poño por caso, Fernández Flórez) e incluso abondo bestsellerizados (Rowling & Co.). Non pode dicirse, xa que logo, que a orixinalidade sexa o forte destas páxinas, que, porén, gañan en humor e lexibilidade o que perden en previsibilidade.

Engastadas na propia trama literaria e amosando un atractivo musical innegable, as cancións que acompañan a novela son, ao meu ver, o verdadeiro prato forte do conxunto. Sete temas moi ben harmonizados, cunha variedade de rexistros e estilos que moito se agradece, pois confire grande amenidade ao conxunto que se deixa oír con sumo pracer.

Esta feliz banda sonora é posible grazas aos oficios da Orquestra das Ánimas, que interpretou a música dos diferentes temas, mais tamén aos vocalistas convidados para a ocasión, que deixaron a súa creativa pegada nestas cancións entre as que, con permiso de Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, García MC, Ico, Manolo Maseda, Coraile Yap Chine, Cata Prado, Teruca e o amentado Xurxo Souto, eu destacaría o redondo “Palleiro, can sensacional” ao que puxo voz Antón Reixa.

Parabéns merecidos, por tanto, para Denis Mutante e Marcos Paino, así como para todas e todos os músicos, cantantes e demais que fixeron posible este A caza do ghazafello, unha proposta literario-musical de gozo seguro tanto para júniors coma para séniors.

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A caza do Ghazafello», un libro-disco con novela de Denís M. e música de Marcos Payno, reune a importantes músicos galegos

27 Outubro 2011

Infantil,Música,Novidades,Xuvenil

O libro disco A caza do Ghazafello é unha das novidades deste outono. Un libro de Denís M., música de Marcos Payno e ilustracións de Sara López, producido con Valentín Torrado cun excelente plantel de músicos no disco: Antón Reixa, Xurxo Souto, Ugia Pedreira, Pulpiño Viascón, Carcía MC, Ico Manolo Maseda,  Coralie Yap-Chin.

Este non vai ser un paseo para preguiceiros. Vai ter que esforzarse moito o teu tacto, o teu gusto –haberá comida a eito–, encherás o teu ouvido con imaxes marabillosas… E sobre todo vai ter que traballar a feito o músculo de pensar, ese sentido que non se ve, que lle chaman imaxinación. Espero que a teñas ben adestrada porque lle imos ofrecer en doses moi altas o alimento que máis a excita: os debuxos, a música e as palabras. (Xurxo Souto) Música interpretada pola Orquestra das Ánimas Coas voces de: Antón Reixa – Xurxo Souto – Ugia Pedreira Pulpiño Viascón – Carcía MC, Ico Manolo Maseda – Coralie Yap-Chine

Chuzame! A Facebook A Twitter