De Bernardino a Novoneira

29 Xuño 2009

Autores,Poesía,Xerais_nos_medios

Artigo de X.L. Méndez Ferrín en Faro de Vigo con motivo da elección de Bernardino Graña como membro da Academia Galega e da designación de Uxío Novoneira como figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. Unha lectura moi recomendable.

Soemos decer que a Academia certa sempre ao designar a persoa que ha de ser celebrada no Día das Letras Galegas. En realidade o que ocorre é que, a partir do nomeamento da figura representativa anual, moitedume de individuos e grupos se aplican ao labor de diseccionala. Un impulso divulgativo irradia desde as editoriais, centros de ensino, asociacións culturais, comunidades varias e o autor intronizado no Día das Letras Galegas soe converterse no obxecto dunha análise colectiva e multidisciplinar que abraza tamén unha época dada na nosa Historia. Normalmente, e de modo litúrxico e repetitivo, sempre hai uns palermas que se laian de que o Día das Letras Galegas non serve para nada e todas esas cousas. Deus nos libre das xentes da crítica crítica (Marx).
Logo están outros que coidan que negar a existencia de xeracións literarias é cousa obrigada. Xeralmente pertencen a unha tradición que vén desde hai mundos de anos repetindo lugares comúns sen teren lido Petersen nin tan sequera no Fondo da Cultura Económica. Eu agora cadro contente porque a Academia Galega, que segue sen se equivocar, acaba de admitir o Bernardino Graña como individuo de número. Póñolle a “etiqueta” a Bernardino de escritor galego da xeración das Festas Minervais. E estalle moi ben, porque el foi un dos primeiros daquel concurso que, convocado polo SEU de Compostela, quixo resucitar as vellas Festas Minervais nas que o idioma galego cantara coa voz crocitada do corvo de “asas negras” nos chamados (por quen?) Séculos Escuros.
Sei que para algúns non hai xeracións literarias en xeral e a nosa das Festas Minervais carece especialmente de verdadeira substancia. Non digo que non, pero a das Festas Minervais (n´a habendo) foi ben excluída e marxinada alí onde chegaba a man negra do piñeirismo. Por esa razón a tantos importantes escritores galegos a Academia Galega do pasado, zarrapechou as portas de ingreso por eles seren considerados de filiación política sospeitosa de “nacionalismo” ou de “comunismo”. Eu non sei de que diaños podería ser sospeitoso Bernardino Graña, pro o caso é que só o último sábado, e tendo o noso amigo e autor, 77 anos, a Academia chamou por el para ocupar o sitio que merece na Rúa das Tabernas.
Sábado pasado, este cronista foi feliz na Coruña, na Academia, na Rúa das Tabernas. Viviu unha bela sesión na que na Academia resplendeceron as luces de prudencia, da ecuanimidade e da fraternidade corporativa. Bernardino Graña, o altísimo poeta, o mellor artífice e señor das palabras do mar, pasará a integrar a Institución. E, por se fose pouco, o noso irmán Uxío Novoneira, resultou designado figura central do próximo Día das Letras Galega. Novoneira forma parte da mesma xeración literaria ca Bernardino e ca min, aínda que é un dos pouquiños que nunca tomaron parte nunhas Festas Minervais. Durante o ano que vén falarase moito de Novoneira, e falarase no contexto dunha ofensiva dos poderes autónomicos reaccionarios contra a nosa lingua.
Teremos ocasión de tratar nestes asuntos. Non teñan medo. X.L. Méndez Ferrín

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Consultorio dos nomes galegos», crítica en «La Opinión da Coruña»

27 Abril 2009

Críticas,Dicionarios,Xerais_nos_medios

Revista de PrensaDiego Bernal Rico publicou no suplemento «Saberes» de La Opinión da Coruña unha crítica do Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos de X.L. Méndez Ferrín.

[Premede sobre a imaxe para ler o texto con maior comodidade.]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rosalía de Castro en Xerais

24 Febreiro 2009

Autores,BLG,Fóra_de_colección,Noticias,Poesía

rosalia_de_castroHoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:

xg00085201Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.

cvxg112201O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

6F: o día de X.L. Méndez Ferrín

6 Febreiro 2009

Autores,Entrevistas,Noticias,Xerais_nos_medios

ferrin_vozA nova da homenaxe que recibirá hoxe venres a partir da 20:00h en Vigo X.L. Méndez Ferrín polo seu septuaxésimo aniversario aparece recollida por varios medios informativos. Pola súa parte, La Voz de Galicia publica unha entrevista ao homenaxeado.

Salientamos os artigos que lle dedican ao escritor nado en Ourense Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe e Manuel Rivas na súa colaboración semanal no «Luces» da edición galega de El País. Extraemos uns parágrafos deste último:

Hoxe Ferrín recibe unha homenaxe en Vigo, en data que cadra co seu 70 aniversario. A cultura, e non só en Galicia, tende a recrearse na necrofilia. O intre máis glorioso adoita chegar en forma de obituario. Eu teño escrito algúns, mais estou a desenvolver unha especie de alerxia. Talvez o máis respectuoso cando alguén morre é usar o recurso dramático máis expresivo do teatro de Harold Pinter: (pausa). Por iso celebramos moito, dende unha forzada distancia, esta festa arredor dun creador que ten para Galicia a equivalencia da escrita en sílex dos circos concéntricos. Un pobo tamén se define por aquilo que homenaxea. O mellor, a sorte, é que se homenaxea a un creador en acción, a un pensamento ceibe, a un indómito e non a un mito. Homenaxea, e ben di Manuel Outeiriño, ao “poeta cimarrón”.

Ás veces semella que estamos cómodos cos mitos e incómodos cos vivos. A homenaxe a Ferrín suscitou unha corrente inversa. Unha obra gozosa, cooperativa. O libro titulado A semente da nación soñada. É un espazo de man común. Así saíu o libro que editan conxuntamente Sotelo Blanco e Edicións Xerais de Galicia. Ten o xeito dun forno comunal arraiano, eses lugares que nunca pechaban os días crus. Moito alimento, moita calor, moita lembranza criadora, portas que abren outras portas. Poucas loanzas tópicas, e moitas incursións suxestivas, como a que fai Enma Lazaré sobre Ferrín e Brassens, onde oímos borboriñar o trasgo libertario no rexo comunista.

Desta obra emerxe a verdadeira ideoloxía de Ferrín: a do home dispoñíbel co seu pobo, mesmo cando a circunstancia era hostil e indisposta. Eu non fun alumno de Ferrín, nin discípulo, nin compañeiro de partido. Mais lembro moi ben as veces que o vin. No Burgo, denunciando a contaminación da Cross que envelenou a ría coruñesa. En Xove, para parar aquel futurismo terrorífico da central nuclear. En Santiago, aínda afectado por unha doenza, poñendo voz á dignidade galega cando a “marea negra”. Estaba alí, disposto, na intemperie.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A semente da nación soñada»

2 Febreiro 2009

Autores,Noticias,Presentacións,Xerais_nos_medios

ferrin70_web1Transcribimos a información de Galicia hoxe sobre A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, o libro que será presentado en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, a partir das oito da tarde, no auditorio do Centro Social Caixanova, no seo do acto de homenaxe nacional a X.L. Méndez Ferrín. A obra, coeditada por Sotelo Blanco e Xerais chega ás librarías esta semana.

Para celebrar os setenta anos de Xosé Luís Méndez Ferrín e o setenta aniversario da publicación dunha das súas obras máis emblemáticas, Percival e outras historias, sesenta escritores, activistas e intelectuais reuníronse nun libro que, baixo o título A semente da nación soñada, tracexa un percorrido de longo alento sobre as vertentes dun dos homes que marcou de xeito máis decisivo a Literatura e o nacionalismo galegos nas últimas décadas.

O volume, coordinado por unha comisión de homenaxe na que figuraban desde Sotelo Blanco a Antón Dobao, pasando por Anxo Angueira ou Xosé María García Crego, será presentado o próximo venres, seis de febreiro, no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo. O acto será primeira parte dunha homenaxe que se completa, a partir das dez da noite no Pazo Os Escudos de Alcabre, cunha cea á que está prevista a asistencia de máis de duascentas persoas.

A semente da nación soñada, publicado por Xerais e Sotelo Blanco, a mesma editorial para a que Ferrín dirixe a revista A trabe de ouro, reúne boa parte das persoas que, dalgún xeito, gardan unha estreita relación co escritor. Compañeiros de biografía e de partido –Ferrín é o número un por Pontevedra da Fronte Popular Galega (FPG) nas próximas eleccións autonómicas– especialistas na súa obra, admiradores ou camaradas de institucións como a Academia Galega recompilan recordos, imaxes e poemas para unha obra que é –en palabras dos membros da comisión de homenaxe– «unha mostra de agradecemento e cariño ao amigo Ferrín, que seguindo o ronsel de Murguía e dos que soñaron unha Galicia ceibe e soberana, empeña a súa vida na construción da Nación».

Pero tamén é un tributo ao candidato da Literatura galega ao Nobel, «renovador constante da creación literaria, que desde moi novo anda á caza da olorosa pantera, á caza dun galego radical e puro, descolonizado de castelanismos, que á vez sexa popular e útil para a comuniación da cultura moderna, un idioma válido para todos os galegos e para todos os usos da lingua».

O volúme –de case 600 páxinas– complétase cunha exhaustiva bibliografía que cataloga cronoloxicamente a súa produción literaria, ensaística e científica –realizada por Miguel Anxo Seixas– coa escolla, polo miúdo, dos seus artigos periodísticos, traballo este que desenvolveu Antón Capelán, autor tamén dunha pequena introdución neste apartado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista a X.L. Méndez Ferrín

1 Febreiro 2009

Autores,Entrevistas,Presentacións

2009-02-08_img_2009-02-01_22_28_53_pag2

Foto J. de Arcos

Fernando Franco publica nas páxinas de Faro de Vigo unha longa entrevista con X.L. Méndez Ferrín, con motivo da homenaxe nacional que se lle renderá en Vigo o vindeiro venres, 6 de febreiro, acto no que se presentará, tamén, o libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Balnco e Xerais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

25 Xaneiro 2009

Autores,Noticias,Presentacións

cartel_ferrin_okO día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

10 Xaneiro 2009

Noticias,Xerais_nos_medios

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Arraianos», recomendación de Ánxela Bugallo

4 Xaneiro 2009

Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais_nos_medios

No suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura recomenda Arraianos de Xosé Lúis Méndez Ferrín como libro para agasallar estes días:

xg00093202Para agasallar, para compartir, é este bo momento de volver a Xosé Luís Méndez Ferrín, unha das figuras máis sólidas da nosa historia literaria. Reler, poño por caso, Arraianos, fainos de novo gozar cunha escrita sólida, cunha narrativa con selo propio e tamén, como non, coa grande riqueza da nosa lingua, cando remata o ano no que foi galardoado coa primeira edición do Premio Nacional de Literatura de Galicia. Ánxela Bugallo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha biblioteca para X.L. Méndez Ferrín

29 Novembro 2008

Autores,Noticias

2008-12-06_img_2008-11-29_00_57_05_pag7

Onte foi inaugurada con grande brillantez a Biblioteca X.L. Méndez Ferrín do Instituto Santa Irene de Vigo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

X.L. Méndez Ferrín, homenaxeado polo Instituto Santa Irene

27 Novembro 2008

Autores,Noticias

10000072713Xerais únese ao homenaxe que mañá, venres 29 de novembro, ás 19:30 horas, tributará o claustro de profesorado e o alumnado do Instituto Santa irene de Vigo a X.L. Méndez Ferrín. Quen fora profesor do centro durante máis de tres décadas, recibirá así a gratitude dos seus milleiros de alumnos e alumnas e o recoñecemento do seu labor docente. Coincidindo co acto, no que o profesor Xosé Ramón Pena encargarase de impartir a lección maxistral, descubrirase unha placa e abrirase a biblioteca dedicada ao escritor, que pretende converterse en referente para o estudo da súa obra literaria. O cadro de persoal de Xerais, en data tan sinalada, abenzoa ao noso admirado profesor Méndez Ferrín.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Visibilidade da nación galega», artigo de X. L. Méndez Ferrín no «Faro de Vigo»

3 Novembro 2008

Ensaio,Narrativa,Premios,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Recomendamos este artigo, onde X. L. Méndez Ferrín fala sobre a repercusión da literatura galega alén das nosas fronteiras, baseándose no feito de que recentemente o Ministerio de Cultura lle concedese dous dos premios nacionais a senllas obras escritas en galego: o de Ensaio a De provincia a nación: historia do galeguismo político, de Justo Beramendi, e o de Literatura Infantil e Xuvenil a O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz. Ademais, salienta Ferrín a importancia de que outra obra escrita en galego, Os libros arden mal, de Manuel Rivas (editada en francés por Gallimard co título de L’eclat dans labîme), sexa finalista do prestixioso premio Medicis.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Le Clézio na casa», artigo de X.L. Méndez Ferrín

27 Outubro 2008

Narrativa,Noticias,Premios,Traducións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Hoxe, X.L. Méndez Ferrín, na súa columna de Faro de Vigo recorda como se xestou na editorial en 1987 a tradución de Raquel Villanueva e Valentín Arias e edición en Xabarín de Mondo e outras historias de J. M. Le Clézio, o premio Nobel de Literatura 2008. Naquel momento a veterana colección xuvenil era dirixida por Luís Mariño e polo propio Ferrín.

Unha nova edición de Mondo e outras historias, actualizada á normativa da RAG 2003, parecerá a finais do mes de novembro na colección Narrativa de Xerais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Un antídoto para o autoodio"

23 Xullo 2008

Autores,Xerais_nos_medios

Galicia hoxe informa do encontro que autores e autoras da editorial (Manuel Rivas, Suso de Toro, Rosa Aneiros, Fina Casalderrey e Xosé Luís Méndez Ferrín) mantiveron na Facultade de Filoloxía de Santiago con ex alumnos de Cursos de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros da USC. Unha foto importante para a historia, que recollemos con orgullo e agradecemento.

Chuzame! A Facebook A Twitter

X.L. Méndez Ferrín, entrevista en «Luces»

6 Xuño 2008

Autores,Entrevistas,Premios,Xerais_nos_medios

X.L. Méndez Ferrín, a raíz de obter o Premio Nacional de Literatura 2008, é entrevistado por Daniel Salgado en «Luces» de El Pais Galicia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

X.L. Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura 2008

28 Maio 2008

Autores,Entrevistas,Noticias,Premios

Foto: Lalo Villar.

Acollemos con ledicia a noticia da concesión do Premio Nacional de Literatura 2008 ao escritor X.L. Méndez Ferrín. O equipo de profesionais da editorial únese ao entusiasmo da sociedade galega recoñecendo con este premio o labor de Ferrín durante máis de cinco décadas a prol da nosa cultura nacional. A punto de xubilarse como catedrático do Instituto Santa Irene, este galardón coincide cos preparativos do libro homenaxe que con motivo do seu setenta aniversario se editará no vindeiro outono. Beizóns, mestre!

X. L. Méndez Ferrín, nacido en ourense en 1938, é a figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, catedrático de Literatura e director da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. É membro da Real Academia Galega e columnista semanal do xornal Faro de Vigo. Obtivo os Premios “Celanova Casa dos Poetas” (1985), Premio Trasalba (2001) e Premio Nacional de Literatura (2008). En 1999 foi candidatado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega ao Premio Nobel de Literatura.
A súa obra narrativa iniciouse hai cincuenta anos con Percival e outras historias (1958), libro de contos, ao que logo seguiron O crepúsculo e as formigas (1961), contos; Arrabaldo do norte (1964), novela; Retorno a Tagen Ata (1971), noveleleta; Elipsis e outras sombras (1974), contos; Antón e os inocentes (1976), novela; Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982), contos; Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007, Premio da Crítica Galicia), novela; Arraianos (1991, Premio da Crítica Galicia, Premio da Crítica Española e Premio Losada Diéguez), contos; e No ventre do silencio (1999, Premio Eixo Atlántico, Premio da Crítica Española), novela.
A súa produción poética está composta por títulos como Voce na néboa (1957), Antoloxía Popul

ar (1972), asinada co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977, Premio da Crítica); Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992); Estirpe (1994, Premio Losada Diéguez); O outro (2002); Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). Parte dos seus contos están reunidos no volume Contos (1990), preparado por Sonsoles López. Publicou, tamén, a novela para público xuvenil Arnoia. Arnoia (1986), que foi incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988.
É autor, ademais, do Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos (2007) e dos ensaios Cancioneiro de pero Meogo (1966) e De Pondal a Novoneyra (1984).

Actualización, 29 de maio de 2008: a prensa do día faise eco desta magnífica nova.

Actualización, 30 de maio de 2008: Vieiros publica unha entrevista con Ferrín e o suplemento rdl outra longa entrevista.

Chuzame! A Facebook A Twitter

"Matádeo mañá", reeditado

15 Abril 2008

Crónica,Reedicións

A reedición de Matádeo mañá, o apaixonante libro memorialístico de Elixio Rodríguez, constituíu unha das obras máis demandadas na recente Feira do Libro de Santiago. Esta segunda edición foi revisada polo autor, pouco antes de falecer, engadíndolle un índice alfabético; ademais, o texto foi actualizado á nova ortografía, maquetado sobre o novo formato da colección, redeseñada a cuberta, ocupándose Aser Álvarez da preparación do adral.

Nestes meses, o departamento de edición da editorial prepara novas reedicións: Méndez Ferrín revisa as probas da edición definitiva de Percival e outras historias; Manuel Rivas as de En salvaxe compaña e Todo ben; e Agustín Fernández Paz as de Aire negro. Todas estas reedicións aparecerán antes do verán, con nova presentación de cuberta.

Matádeo mañá é un testemuño autobiográfico excepcional; a reconstrución do emocionante periplo vital deste aviador galeguista durante a Guerra Civil: un tempo ralentizado polo cárcere, o terror dos paseos, a súa fuxida cara ao bando republicano, os xuízos sumarísimos que sufriu e o seu traballo como secretario da Solidaridade Antifeixista Galega xunto con Castelao. Tamén é unha memoria lúcida do exilio galego en México, onde Elixio Rodríguez foi un dos promotores da emisión radiofónica A hora de Galicia e do Padroado da Cultura Galega e colaborador teimudo da revista Vieiros que dirixían Luís Soto e Carlos Velo, «xérmolo e vangarda política dun anovado nacionalismo galego», en palabras do historiador Elixio Villaverde, autor do limiar destas memorias apaixonantes. Este é un relato trepidante de feitos históricos, políticos, diplomáticos e bélicos, que constitúe unha grande achega á nosa memoria colectiva. Esta segunda edición destas memorias, consideradas como un dos cumes do xénero autobiográfico en lingua galega, foi revisada e corrixida polo autor antes do seu pasamento, á que se lle engadiu un índice onomástico e un adral de Aser Álvarez.

Chuzame! A Facebook A Twitter