María Xosé Queizán, intervención nos Premios Xerais 2011

21 Xuño 2011

2011,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Poesía,Premios_Xerais,Vídeos

Eis un amplo resumo da intervención de María Xosé Queizán no acto de entrega dos Premios Xerais 2011. Moi emocionante foi o seu remate cando a escritora viguesa cantou a capela a cantifga de Mendinho (a partir do minuto 11).

Chuzame! A Facebook A Twitter

María Xosé Queizán, mantedora literaria dos Premios Xerais 2011

15 Xuño 2011

2011,Autores,Feminismo,Poesía,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha festa grande nos Premios Xerais 2011

12 Xuño 2011

2011,Autores,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xerais

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 11 de xuño, ditamináronse a XXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e a Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros. Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas, entre as que se atopaban Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Javier Bas, alcalde de Redondela; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas da Consellaría de Cultura de Turismo; Carme Adán, deputada do Parlamento de Galicia; Xabier Alonso, director xerente da Fundación Illa de San Simón; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros de Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial.

Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a primeira das intervencións de O Leo i Arremecághona, o cantante de Matamá que se ocupou do apartado musical deste serán musical e literario. María Xosé Queizán, que  actuou como mantedora literaria, leu o discurso titulado «Escribir en nome propio».

Tras a entrega dos galardóns a Anxo Fariña, Héctor Carré e Xavier Queipo, pechou a quenda de intervencións director da editorial que, en primeiro lugar, lembrou a figura de Juan Farias, o escritor de Caión falecido de madrugada, a quen cualificou como un dos fundadores da Literatura Infantil e Xuvenil e referente moral para varias xeracións de lectores novos. Bragado agradeceu a axuda que a estes premios achegan a Fundación Caixa Galicia, Ámbito Cultural-El Corte Inglés e a Fundación Illa de San Simón. Rematou as súas palabras relatando a anécdota na que o director Riccardo Muti denunciou os recurtes orzamentarios que sofre a cultura en Italia, reclamando que tamén no noso país o sector da cultura sexa considerado estratéxico: «precisamos todo o agarimo e apoio posibles».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Escribir en nome propio», discurso de María Xosé Queizán

2011,Adiantos_para_ler,Autores,Discursos,Ensaio,Feminismo,Noticias,Poesía,Premios_Xerais

RECLAMOU COMO CLAVES PARA UNHA ESCRITORA DAR VISIBILIDADE Á PROPIA IDENTIDADE,FACER DO SEU SEXO OCULTO O VISIBLE, E CAPITALIZAR O DESEXO

A escritora María Xosé Queizán, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2011, rememorou no seu discurso as trobairitz (o texto pode baixarse en pdf) as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega.

A autora de Amor de tango sinalou que «o asombroso da lírica occitana é que haxa estas mulleres compositoras. Produce estrañeza porque o Parnaso, dirixido polo patriarcado, está ocupado por homes que consideraron o Falo e o Logos como indicadores fundamentais da cultura universal. Negadas como suxeitas, as mulleres foron obxectas da literatura, e a fantasía masculina. Os poetas e escritores crearon o imaxinario. Por iso, que as mulleres deixen de ser obxectas de adoración do trobador e cheguen a tomar a palabra é, non so unha ousadía, senón un cambio radical na concepción de si mesmas. Abonda con asomarse á historia da literatura galega para ver a escaseza de escritoras até a época actual.»

A escritora viguesa reclamou como claves para unha escritora dar visibilidade á propia identidade, facer do seu sexo oculto, o visible, e capitalizar o desexo. «Na sociedade patriarcal o desexo é patrimonio masculino. Ao feminino correspóndelle a pasividade, a debilidade, a submisión, a beleza idealizada. Repasen a literatura galega, e poden comprobar que a inmensa maioría do protagonismo nos contos, nas novelas, téñeno os homes e os nenos. Poucas son as mulleres que asoman nos textos, e cando o fan, ou están idealizadas, ou son inferiores e nais sacrificadas. Nesta concepción do feminino, o desexo das mulleres é seren desexadas.»

María Xosé Queizán rematou a súa intervención lendo dúas das traducións destas trobairitz que ela traduciu para o galego e cantando a capela a cantiga de mendinho, o que constituíu un dos momentos máis emocionantes do serán.

Chuzame! A Facebook A Twitter