«Luz de Tebra», o debut de Ánxel Vázquez de la Cruz

22 Xuño 2010

Autores,Narrativa,Noticias,Presentacións

O doutor Ánxel Vázquez de la Cruz estréase na narrativa galega co libro de relatos Luz de Tebra, dez historias médicas escritas con grande alento. Un libro apadriñado por Manuel Rivas, autor do prólogo, e polo escritor uruguaio Eduardo Galeano, un dos primeiros lectores e admiradores destas sorprendentes historias. O libro chegará á slibrarías na primeira semana de xullo, coincidindo coa apertura da Feira do Libro de Vigo.

«Luz de Tebra é unha obra de rescate. Luz de Tebra vainos levando, relato a relato, chanzo a chanzo, do frío á calor, da intemperie a un forno comunal ou a un furancho dos de loureiro á porta. Ten o peculiar roxarse interior da ánima, do que arde sen se ver. Luz de Tebra é un dos libros de contos que enxerta, xa para sempre, na herdanza das nosas mil e unha noites: Retrincos de Castelao, Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, Os biosbardos de Eduardo Blanco Amor, Á lus do candil de Ánxel Fole, Escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro… Desa estirpe é Luz de Tebra. Cando un le este libro sente o calorífico levedar desa luz da escuridade. E sente a inconfundíbel felicidade clandestina de quen é agasallado co bisbar da boca da mellor literatura.» Manuel Rivas

«Ya quisiera yo ser capaz de escribir palabras así, milagreras como Santiago, y jodonas como el ángel que lo vuela: el ángel ese que acepta ser llamado doctor aunque él cura contando.» Eduardo Galeano

Luz de Tebra será presentado o vindeiro 3 de agosto na Feira do Libro da Coruña, nun acto no que teñen previso acompañar ao autor o doutor Manuel F.Salorio, o escritor Manuel Rivas e o editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter