A xornalista Vanesa Oliveira publicou en Dioivo unha entrevista con Elena Gallego, na que tamén fala da súa novela Dragal.
«O desprestixio dos xornalistas levou a convertérmonos en bazofia á vista da sociedade»
Elena Gallego Abad atesoura 25 anos de experiencia como xornalista. Dende os seus comezos en 1987, ten traballado en emisoras como Radio Ourense (Cadena Ser), Radio Minuto Santiago (Ondas Galicia), Radio Popular Ourense (Cadena Cope), Voz de Galicia Radio e Onda Cero Ourense (Uniprex)e xornais como LaVoz de Galicia e La Región. En 1998 recibiu o Premio ‘Xosé Aurelio
Carracedo’ de Xornalismo pola producción e realización do programa A Fiestra, emitido en Onda Cero Ourense. Dende 1999, forma parte da plantilla de Faro de Vigo. Como escritora, Elena está inmersa nunha serie fantástica que narra a historia do último dragón galego. Co seu primeiro volume, Dragal, A herdanza do dragón (Xerais, 2010) –finalista en 2009 do IV Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil– vén de gañar o VII Premio Frei Martín Sarmiento. O ano pasado saiu do prelo o segundo libro da triloxía, Dragal II, a metamorfose do dragón (Xerais) e esta primavera tocaralle a quenda a Dragal III, a Fraternidade do dragón (Xerais, 2012).
—Nestes máis de vinte anos que atesouras de experiencia profesional en radio e prensa escrita, Elena, houbo moitas transformacións no sistema de medios de comunicación en Galicia. Pero agora vivimos unha crise profunda que está a levar á creba a demasiados medios e ao paro a demasiados xornalistas. Unha crise necesaria pero que xera incerteza sobre o presente e futuro do sector. Como analizas esta situación? Cara a onde cres que nos está a levar?
—Corren malos tempos para o xornalismo, é certo, pero o noso sector apenas é “un máis” dos que se están a desartellar co argumento da crise económica que nos afecta. Calquera que bote unha ollada ao redor atópase co paulatino desmantelamento da rede económica, social e cultural que existía ata hai apenas cinco anos. Quizais os xornalistas esteamos entre os primeiros afectados pola crise porque, cando deixaron de correr os cartos, os recortes máis inmediatos foron para os medios de comunicación, públicos e privados. A austeridade nas administracións públicas e as débedas que moitas institucións aínda acumulan coas empresas de comunicación, sumadas aos recortes en publicidade dos pequenos anunciantes, o descenso de ventas nos quioscos e subscritores, non permiten manter custes. Daquela, moitos dos nosos medios de comunicación foron abocados ao peche ou a reestruturación de persoal. En realidade, os medios de comunicación nunca deixaron de seren empresas.
—A que cres que se debe o desprestixio do xornalismo? Esta situación restounos credibilidade?
—O desprestixio do xornalismo é un síntoma da crise de valores que está a vivir a nosa sociedade. Se cada persoa fose consciente do valor que ten o noso traballo para ela, a nivel individual, mudaría de opinión. Os xornalistas sacamos á luz os temas que afectan ás persoas, facémolos visibles. Se non se fala dos problemas, semella que non existen e ninguén se preocupa de atopar solucións. Se feitos como o das preferentes das caixas ou a falla de medios para sufocar incendios non chegan aos medios de comunicación, non se pode crear opinión que esixa actuacións ou responsabilidades. Pero un dos problemas que neste momento ten o xornalismo é a imaxe que certos medios están a dar do noso traballo. Antes, non hai tanto tempo, esta era unha profesión de prestixio. Mais, desde o momento en que os medios de comunicación se transforman en plataformas para mentir, para insultar, ou se limitan a difundir as mensaxes de determinados grupos de presión, políticos ou económicos, vaise creando confusión no público. Agora moita xente identifica os xornalistas con eses individuos que perseguen a determinados famosos para acadar unha exclusiva que logo publicarán en certos medios ou programas de televisión. Iso é facer xornalismo? O problema está aí, en que se banaliza o noso labor e se desprestixia a profesión. Á vista da sociedade, convertémonos en bazofia e o que se chamou “cuarto poder” perde o seu papel de referencia.
—Esquecemos os xornalistas que a nosa responsabilidade é elaborar información para a sociedade e non estar ao servizo dos intereses do medio no que traballamos?
—Eu creo que os xornalistas temos un labor que cumprir, que o noso traballo é importante para a sociedade. Pero temos que traballar seguindo unhas normas que son de sentido común. Ser fieis á verdade, non manipular a información nin auto censurarnos. Se es un profesional responsable, a túa información vaise publicar, traballes na empresa na que traballes. Non todos os medios de comunicación teñen a mesma liña editorial, iso é tan evidente como necesario para a saúde democrática, pero iso non debería afectar o labor dos seus xornalistas. O problema é que, cando un medio se converte no altofalante de determinados intereses políticos ou económicos, o público identifica os seus xornalistas con esa determinada liña editorial e xa non valora o seu labor.
—Que responsabilidade temos os xornalistas e cal as facultades de comunicación da situación actual? Falta autocrítica pola nosa parte?
—A autocrítica debería formar parte da loita diaria da nosa profesión e non sempre é así. Nos tempos que corren a información flúe a demasiada velocidade e os xornalistas non sempre nos detemos a facer ben o noso traballo, non buscamos resposta a esas cinco “w” que se consideran básicas para elaborar calquera información con rigor. O xornalista debe ofrecer ao público a historia completa, pero moitas veces nos limitamos a transmitir as informacións que nos facilitan, sen responder a esas preguntas básicas. O noso traballo está incompleto se non somos quen de explicar o “por que”, hai que ser honestos. As facultades teñen a responsabilidade de formar xornalistas, pero a vida real vai moito máis aló.
—Como vives a relación coas redes sociais? De que forma cres que hai que xestionar a relación xornalista-usuarios das redes?
—A idea do “xornalismo cidadán”, de que calquera cun móbil e unha conexión a internet pode facer información, é unha verdade a medias. O xornalismo vai máis aló dese relato inmediato, ás veces breve e irreflexivo. Temos que contar cousas, pero os profesionais sabemos que hai que cumprir unha serie de normas. Os feitos non sempre son o que semellan a primeira vista. Para que unha noticia teña credibilidade, hai que contrastar fontes e traballar a información. É imprescindible atreverse a afondar no tema, a preguntar e a dubidar da veracidade do que nos están contando. Mais, para analizar a información, hai que ter criterio e formación suficiente. Recoñezo que as redes sociais son unha excelente canle de transmisión, a máis rápida da historia da humanidade. Eu, como escritora, teño contas no facebook, twitter, linkedin, redelibros, manteño unha páxina web dos meus libros e un blogue persoal (que non actualizo dende hai máis dun ano, por falla de tempo). Iso demostra que creo na internet. Para difundir o noso traballo, e aquí falo como escritora e non como xornalista, os autores precisamos da rede, e moito máis os escritores en lingua galega, que non sempre acadamos esa visibilidade nos andeis das librarías nin nos medios de comunicación convencionais. As redes sociais nos achegan aos nosos públicos.
—Precisamente na rede están a agromar novos medios de comunicación -Praza ou Dioivo son un exemplo- de vocación renovadora do sistema tradicional de medios: autoxestión e financiamento a través dos lectores/usuarios parecen ser as súas bazas para elaborar información de calidade que non dependa das axudas públicas ou de grupos económico-políticos de presión. Coidas que esta é a única liña da supervivencia para o xornalismo independente?
A única liña de supervivencia do xornalismo, en tempos de crise ou de bonanza económica, é a procura da calidade informativa. Calquera medio de comunicación débese ao seu público e non debe traizoalo por presións externas, que sempre as hai, en todas partes. As informacións, como a choiva, non sempre se producen a gusto de todos. Pero sempre haberá xornalistas independentes dispostos a contar a realidade, estou convencida.
—Como escritora, estás a piques de publicar o derradeiro volume dunha triloxía dedicada ao último dragón galego, ‘Dragal’ . A literatura foi unha válvula de escape para ti? Atopas nela maior liberdade para expresar o que como xornalista non podes?
—A literatura é unha experiencia de liberdade que non é posible no xornalismo, e tamén un marabilloso refuxio da realidade. Cando comecei a escribir Dragal, eu quería facer unha novela de maxia e aventuras que me servise para transmitir unha serie de valores culturais ao meu fillo adolescente. Dragal é a historia do último dragón galego, dunha estirpe que atopamos no Códice Calixtino e que se reencarna nun rapaz do século XXI para cumprir unha profecía. Quen lea esta triloxía descubrirá que os seus alicerces beben da mitoloxía galega, da nosa maxia e tradicións. Levoume un intenso traballo de investigación, mais pagou a pena. De feito, en menos de dous anos o primeiro libro xa vai pola cuarta edición. Teño que recoñecer que a literatura é unha fiestra aberta a outras realidades, que me permite evadirme dos problemas cotiás. Pero, como no caso do xornalismo, tamén hai moito traballo detrás e determinadas regras que cumprir.
—Que tipo de xornalismo botas en falta ou che gustaría facer se puideras elixir?
—Hoxe non hai tempo para o xornalismo de investigación, que é o que máis me gusta. Traballar nun mesmo caso durante meses e publicar cada día novos datos, facer novas achegas dende os distintos puntos de vista e buscar a verdade… Mais se un redactor ten que escribir dúas ou tres páxinas diarias, o certo é que non pode afondar en todas e cada unha das informacións que asina. A información política tamén me parece moi apaixonante. Non falo de facer propaganda, senón de descubrir o verdadeiro rostro dos seus protagonistas, o que se agocha detrás do pano despois de cada función.
XERAIS









O vindeiro luns, 5 de xullo, a partir das 19:00 horas, 

O sábado, 1 de xuño, coincidindo coa inauguración da
A
Decidiu afastarse das tarefas profesionais, como responsable comercial de FARO no Morrazo, máis centradas na publicidade e na información, para adentrarse no mundo da ficción. Elena Gallego presenta hoxe a súa primeira novela
O punto da partida para emprender esta viaxe literaria atopouno na casa. “Teño un fillo que se chama Adrián, case como o protagonista da novela”, sinala a autora, “e góstalle a literatura fantástica e todo o relacionado cos dragóns”. Así que decidiu facer unha novela deste tipo, pero cos elementos fantásticos que ten Galicia, moi rica neles. Hai historias de Harry Potter, de vampiros, de moitos protagonistas imaxinarios, pero faltaba unha nutrida na tradición literaria propia, donde non faltan a herdanza oral ou autores tan fantásticos como Cunqueiro ou Manolo Rivas. “As historias que lle gustan ao meu fillo son foráneas, e eu quería escribir unha nosa que tamén lle gustara”, xustifica. Así que comezou a relatar as cousas que lle pasaban a un rapaz de 16 anos, en cuarto curso de ESO, e a súa especial relación cun dragón.
Mañá, martes, 11 de maio, ás 20:00 horas, na sede da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO (Avda. Vigo, 91 – baixo) de Cangas, terá lugar a presentación de
Elena Gallego
Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego? Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que, os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.