Trafegando ronseis recomenda «Dime algo sucio»

15 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Opinións_lectores/as, Xerais nos blogs

Gustoume esta última novela de Diego Ameixeiras, Dime algo sucio, novela coral con estrutura circular na que imos desfiañando anacos de vidas que nada teñen que ver entre si e que acabarán mesturándose por esas razóns que o destino ás veces nos ofrece, cunha lixeira (moi lixeira, a verdade) nota de esperanza ao final a pesar da violencia dalgunhas das súas páxinas. De fondo, a cidade de Oregón, facilmente identificable, que nos levará de paseo pola nosa cidade ourensá, polas súas rúas e calellas, mentres a vida e a morte vanse sucedendo nunha novela «case-negra», áxil, de lectura rápida polos seus minúsculos capítulos. Personaxes insatisfeitos que case rematan coa súa vida ou que aínda a estarían a iniciar se non fose truncada violentamente. Xente da rúa, taxitas, médicos, vendedores ambulantes, adolescentes... mestúranse nunha cidade fría onde a violencia convive connosco sen apenas decatarnos. Soidade, adolescencia, desexo, sexo, amor, enfermidade... barállanse anarquicamente para achegarnos unha visión real da sociedade na que nos movemos decote nun ritmo marcado enfaticamente por eses pequenos capítulos. Unha novela a ter moi en conta no panorama da literatura negra galega.

Texto publicado no blog Trafegando ronseis.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Ameixeiras Neo-polar, por Manuel Rivas

5 febreiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Penso que a mellor novela policial escrita en Galicia é un ensaio titulado xustamente A novela policial: unha historia política, da autoría de Xesús González Gómez (Laiovento, 2002). Alí dise de xeito fulminante, como corresponde: "A novela policial galega naceu mal (...) porque (os autores) non sabían que a novela negra era a literatura moral do noso tempo". Na literatura, de que falamos cando falamos, en serio, de moral? Da escritura que abre gabias. Do gabiar. E se o fai con ironía, mellor é o gabiar. Mesmo semella un gabear! Nese gabiar/gabear eu teño un preferido, o Jim Thompson de 1280 almas, unha das grandes novelas breves da literatura universal, e doutras 20 alfaias negras que abren en canal a América (USA) dos anos 50. Del escribe XGG: "Se ben é un moralista, a súa escritura só describe feitos e acontecementos, máis nada". Por suposto, Thompson foi perseguido polo macarthismo. Era amigo de Woody Guthrie, o cantor revolucionario que tanto inspirou a Dylan .e ao mellor Lennon (tamén de orixe obreira: Working class hero). Unha escrita que, sendo moral, só describe feitos e acontecementos. Máis nada. E nada menos. Coido que desa escola é Dime algo sucio (Xerais), de Diego Ameixeiras. Non é doado que alí onde chegue a ollada chegue a linguaxe. Ameixeiras acada esa sincronía arqueolóxica nas catas. A frialdade conmovedora de quen escribe a gume. E ten a arte das redeiras, que son quen de ganduxar as cachizas do baleiro. Miro arredor e non encontro en castelán vitela desta calidade, a que ten tamén a última de Cid Cabido: Unha historia que non vou contar (Úrxeme chamar a XGG, a ver que conta). Manuel Rivas

Fragmento extraído do artigo de Manuel Rivas «O "desmilagre" de Adolfo Domínguez» publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia, 5 de febreiro de 2010.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Dime algo sucio» no Club de lectura Sete Vidas de Espazo Lectura

2 febreiro 2010

Clubs_de_lectura, Narrativa, Noticias

Hoxe, martes, 2 de febreiro, na Biblioteca Municipal de Gondomar, Espazo Lectura organiza a sesión mensual do seu Club de lectura Sete Vidas centrado na narrativa. Nesta ocasión, o libro escollido é a última novela do escritor Diego Ameixeiras titulada Dime algo sucio.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Diego Ameixeiras, unha mirada diferente na novela galega»

13 xaneiro 2010

Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios

O pasado domingo, 10 de xaneiro, José Miguel A. Giráldez publica no suplemento dominicial de El Correo Gallego unha entrevista longa con Diego Ameixeiras, con motivo da publicación de Dime algo sucio. Baixo o título, «Os autores do xénero negro estamos a feito a que se nos mire como de segunda división», e o subtítulo, «Diego Ameixeiras, unha mirada diferente na novela galega», Giráldez comeza realizando un retrato literario do autor de Tres segundos de memoria:

Pode dicirse que a traxectoria literaria de Diego Ameixeiras é fulgurante, pero non estou seguro de que el pense o mesmo. Semella un tipo tranquilo, sen alardes. Escéptico, en xeral. Digo que semella: non digo que sexa. Parece literalmente seducido polo cine, pola vértixe das historias, será porque ten unha parte de guionista, ou ben porque o guionista ten unha parte de novelista, ou viceversa. En fin. Ás veces di, escribe, frases lapidarias, pero non parece proclive a escribilas nunha lápida. Hai, iso si, crimes e criminais na súa prosa, xente susceptible de lápidas, prosa clásica o pulp, que importa. O pulp da doce e amarga froita literaria: cómpre exprimila sempre. E bebela, como sangue. Aínda que pulp signifique outra cousa: esa follas de papel de palla que sempre teñen as novelas de kiosko. Pero seguramente iso tampouco importa. Iso importa poco: como di el mesmo, cando lle pregunto sobre a súa adolescencia. Rilke pensaba que a nosa verdadeira patria é a infancia. Talvez a adolescencia non sexa patria, senón oscuro, movedizo, árido territorio. Un día de 2006 gañou o Xerais. E agora, acaba de publicar Dime algo sucio, que é un título potente. Non só o título: tamén o que vén embaixo. A novela. Diego pode sentirse afortunado: hai quen pensa que pode ser un máis da nosa prosa e hai quen pensa que o seu é diferente, que vai renovar a escrita. Pode que nin unha cousa nin a outra. Diego Ameixeiras prefire simplemente escribir, a ver que pasa. Escribir: sen perdón.

Xa metidos de cheo na conversa, recollemos algunhas respostas de Ameixeiras:

Dime algo sucio ten algúns trazos relacionados co relato negrocriminal, pero penso que a diversidade de tramas a converte, efectivamente, noutra cousa.  Temos un crime, pero a novela non xira exclusivamente ao redor dese suceso. Está inserido entre varias tramas que van dende as feridas que deixa unha relación sentimental enfermiza ata a marxinalidade da inmigración.

Baixo mínimos e O cidadán do mes non son máis que iso. Novelas pulp nas que todo é unha esaxeración. Moitos lugares comúns do hard boiled trasladados a Ourense baixo a forma de parodia, empezando por un detective toxicómano que emprega uns métodos de investigación lamentables.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Dime algo sucio”: axexados polo veciño», crítica de Sandra Faginas

12 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

AMEIXEIRAS VÉN DE PUBLICAR UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA E INTRIGA DE VIDAS CRUZADAS QUE BEBE DAS NOVELAS POLICIAIS DE QUIOSCO

Sempre persoal, a mirada de Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) tenos afeitos nesta curta e destacada carreira literaria a disparos acertados en forma de obras tan distintas como as primeiras Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), co detective Horacio Dopico como protagonista, e Tres segundos de memoria (2006), a novela xeracional dos nacidos nos oitenta, que acadou eses mesmo ano o premio Xerais.

Agora, como última novidade do 2009 acaba de publicar (tamén en formato e-book) Dime algo sucio, un texto forzadamente diferente, no que desaparecen o humor e a parodia e regresa o fío condutor da intriga, tan de moda ultimamente en toda a literatura coetánea do éxito larssiano, tamén no ámbito galego (aí están os magníficos resultados que seguen acadando entre os lectores as novelas de Domigo Villar).

A Ameixeiras agradéceselle o esforzo de cadrar unha obra complexa en canto á posta en escena, tamén no cinematográfico, con múltiples personaxes que se van enmarañando como en calquera vecindario urbano par arrastranos cara a unha historia violenta, tamén na forma. É un acerto a súa representación en minúsculos capítulos de apenas dúas páxinas que permiten seguir mellor o cruzamento vital dos personaxes, ao estilo Smoke, aquela de Paul Auster, pero sen chisco de esperanza no caso de Ameixeiras, e que axilizan unhas historietas enleadas ás que custa seguir a pista sobre todo na primeira parte da novela. Supera o escritor o simple exercicio de estilo enfiar a un grupo de lamas unidas pola estrañeza e o desamparo da cidade, que neste caso está contextualizado en Oregón, trasunto de Ourense.

Xente de a pé, proletariado urbano, grafiteiros, taxistas, adolescentes, mesturados todos baixo a maxistral prosa, áxil, directa, que atrapa pola súa capacidade de xerar lirismo da esencial realidade, non de acumulación incómoda de adxectivos sinéstésicos: «Cando a avoa Asunción xa está metida na cama e consegue conciliar o sono, os pais de Laura tardan pouco en quedar durmidos diante da televisión. Ao pai péchanselle os ollos cos auriculares nas orellas (...) A nai sempre acaba arrimando a cabeza no seu ombro, querería saber en que queda ese esperpéntico careo entre as ex amantes dun coñecido bailarín...»

Dime algo sucio rebusca nas vidas dos criminais pero no sentido literal do termo, na rutina de quen se cruza a diario con persoas capaces de facer dano e que como calquera de nós toman o autobús, beben cervexa, están enganchados ao televisor ou a algunha historia de amor, pero de quen sobre todo repsiran insatsifacción como calquera de nós, tamén no planos sexual, outro dos puntos claves da novela. De aí que o lector sucumba antes os poucos –e agradecidos– acenos de inocencia –«Cando se quere coa imaxinación leva tempo desengancharse»– dalgúns personaxes.

Dime algo sucio prende por iso que unha vez mías manexa con acerto Ameiexeiras, os diálogos cun estilo nunca vergoñento, que transpora serena limpeza e modernidade nas que entre chamadas perdidas sobrancea o impulso irremediable da caída que leva incoporada sempre o sentimento.

Unha obra esta de madurez narrativa na que se achega a violencia do desamor e da marxinalidade afectiva, en forma de imaxes sempre lúcidas e brillantes, desprovistas da incómoda adulación ao lector que levan incoporados outros escritores: «O home da cicatriz observa, vixía, calibra corpos. Camiña pola Avenida de Portugal e aceler ao paso das construcións que van cegando os camiños ata Portocarreiro, esquecidos entre hortas defuntas, silveiros clausurados pola maquinaria e casas doentes que case non están».

Desta vez apegado á parte escura do real, nunha ficción que bebe daquelas novelas policiais de quiosco, como as de Goodis, de portadas rechamantes e vistosas proclamas, Diego Ameixeiras apunta e dispara con precisión traballada, se ben desta vez acertou no oficio e na técnica e faltoulle unha miga da imprecisa voráxine desa escrita arroutada que abrolla do ventre, mesmo para dicir algo sucio. Sandra Faginas

Texto publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 9 de xaneiro de 2010.

Foto de Xurxo Lobato.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«”Dime algo sucio”: unha novela que se le de dúas sentadas»

8 xaneiro 2010

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

«Bajos instintos» é o título da crítica, asinada por A.M. Pedrosa, publicada nas páxinas galegas do suplemento «A&L» de ABC, de Dime algo sucio, a cuarta novela de Diego Ameixeiras. Traducimos do castelán o primeiro parágrafo do texto:

É un solombo, é dicir, literatura. En Dime algo sucio, ficción de intriga que pretende descubrir o enigma que une as vidas cruzadas de persoas moi diferentes, a trama non se antolla lenta, coma un río de infinitos meandros desa veciñanza de Oregón, identificado con Ourense. Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976) –aínda contando todo o que está pasando– é dilixente e directo cando escribe; é o seu xeito de concibir esta arte, un modus operandi que lembra vagamente a intencionalidade da escritura automática e vangardista e o fluír libre das ideas. A súa novela lese de dúas sentadas. A recomendación máis común con este libro é non ofrecer demasiadas pistas sobre o seu argumento. Por iso, agardan atopar a alguén que, desde fóra, traia a tan cobizada solución para o seu abrumador desespero.

O texto completo da crítica pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Dolores Vilavedra: «Ameixeiras segue a madurar como narrador»

19 decembro 2009

Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Diego Ameixeiras amosa en Dime algo sucio que segue a madurar como narrador, versátil sen deixar de ser el mesmo. Cunha trama menos efectista do que viña adoitando, aínda que sen renunciar á intriga, Ameixeiras achégase ás dificultades do amor adolescente, á soidade do desamor, á particular forma de non-ser que implica a marxinalidade, ás distintas formas de exercer e padecer a violencia... no marco dunha cidade embelecida pola súa prosa e pola súa capacidade para crear imaxes contundentes. Todo isto, en cen capítulos de non máis de tres páxinas, nin de menos de dúas, que marcan o ritmo dunha lectura á que non se permite a voracidade da precipitación. Voces como a de Ameixeiras confirman que a renovación xeracional da nosa narrativa está asegurada. Dolores Vilavedra

Comentario extraído do traballo titulado «Receitas varias para tempos de crise», publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia (18-12-2009)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Diego Ameixeiras entrevistado por «El País»

11 decembro 2009

Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios

Óscar Iglesias publica nas páxinas de «Luces» de El País Galicia unha entrevista a Diego Ameixeiras con motivo da aparición da súa novela Dime algo sucio. Na entrevista Ameixeiras di, entre outras cousas, que  «as novelas de Horacio Dopico [Baixo mínimos e O cidadán do mes] son historias pulp, un xogo literario no que tentei homenaxear o hard boiled mediante a parodia. Tres segundos de memoria son cadros costumistas e non atopei outro xeito de facelo que cun punto de vista próximo á picaresca. En Dime algo sucio non busquei premeditadamente poñerme serio, pero ao introducirme en temáticas como a violencia sexual, o suicidio ou o asasinato, apareceu unha voz distanciada e fría, aínda que por momentos non o sexa tanto.»

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O libro dixital en Galicia

14 novembro 2009

Conferencia, E-books, Noticias, Xerais_nos_medios

Manuel Bragado presentou onte a súa visión do libro dixital en Galicia na conferencia que ditou no seo do VI Simposio « O libro e a lectura» organizado pola Asociación Galega de Editores. O texto da súa intervención pode baixarse en pdf.

Esta foto de Anxo Iglesias presentou a reportaxe que  El País Galicia dedicou á aparición dos primeiros e-books de Xerais, Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xa á venda os primeiros e-books de Xerais

10 novembro 2009

E-books, Narrativa, Noticias

Os primeiros dous títulos en formato e-book de Xerais xa están á venda. Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, dúas das novidades da colección Narrativa que chegan esta semana ás librarías, poden ser descargados neste formato dixital dende o espazo de Xerais en Todoebook. Os títulos preséntanse, polo momento, en formato PDF-Adobe DRM, aínda que nos vindeiros días estarán dispoñibles tamén en E-PUB. A edición e-book de Sete palabras ten un prezo de 13,30 € (5,70 € inferior á edición impresa), mentres que a edición dixital de Dime algo sucio véndese a 11,00 € (4,80 € inferior á impresa). Os e-books de Xerais poden ser adquiridos tamén dende as librarías electrónicas coas que mantén acordo Todoebook (agregador propiedade de Publidisa), como El Corte Inglés, La Casa del libro ou Librería Ghandi, entre outras.

Este lanzamento de dúas novidades literarias en formatos impreso e electrónico simultaneamente constitúe un feito inédito na historia da edición galega e, aínda, moi pouco frecuente na edición internacional. Nos próximos meses, Xerais ampliará o seu catálogo de e-books con novos títulos das coleccións Narrativa, Poesía e Ensaio, tanto de novidades como de títulos de fondo actualmente descatalogados que se ofrecerán ao lectores e lectoras só en formato electrónico. O libro electrónico literario en galego abre a súa verea da man de Xerais.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Dime algo sucio», nova novela de Diego Ameixeiras

22 outubro 2009

Narrativa, Noticias

Dime algo sucio é a cuarta novela de Diego Ameixeiras. Aparecerá no vindeiro mes de novembro en edicións impresa e e-book.

A policía de Oregón atopa unha parella de cadáveres no interior dunha nave industrial abandonada. O home negro está axeonllado no chan colocando as últimas novidades en primeira liña da manta. Nelson, o grafiteiro, preparou nun muro da marxe esquerda do río unha versión manga do retrato de Laura, a moza que practica tres horas semanais de kung-fu. Ánxela confésalle a Marga que non quere nada que lle recorde a Xaime, desexa que desapareza da súa cabeza, matar os seus recordos. O taxista sorpréndese cando le o texto que os dous homes sen teito escribiron no seu cartón: «o rumor da melancolía é o son dunha orquestra ao lonxe.» Dime algo sucio de Diego Ameixeiras é unha novela de intriga que pretende desvelar o misterio que une as vidas cruzadas de persoas moi diversas, que buscan atopar un anaco de esperanza nalgunha das fendas da cidade cero. Escrita cunha prosa áxil e directa, amosando unha eficacia narrativa extraordinaria, esta cuarta novela confirma a madurez literaria de Diego Ameixeiras, un dos autores máis orixinais e valiosos da narrativa galega do século XXI.

A foto da cuberta é de Fran Herbello.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Xerais, próximas novidades literarias

14 outubro 2009

Crónica, Narrativa, Noticias, Teatro

Anunciamos o programa de novidades literarias preparado pola editorial até finais de 2009.

XERAIS NARRATIVA

XERAIS CRÓNICA

  • Episodios galegos, Manuel O' Rivas (aparición librarías terceira semana de novembro).
  • Melancolía de sofá, Luisa Castro (aparición librarías terceira semana de novembro).

XERAIS / AGADIC BIBLIOTECA DRAMÁTICA GALEGA

  • Delimvois, Rubén Ruibal (aparición librarías terceira semana de novembro).

XERAIS CLÁSICOS

XERAIS BIBLIOTECA DAS LETRAS GALEGAS

XERAIS MANUAIS

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google