As 10 mellores novelas de 2010 para Xosé Manuel Eyré

6 Outubro 2011

Blogs,Narrativa,Noticias

O crítico Xosé Manuel Eyré publica un post no que escolle as que, ao seu xuízo, son as 10 mellores novelas de 2010. Reproducimos aquí as que corresponden a Xerais. O listado enteiro pode consultarse no seu blog.

1. O coitelo en novembro, Marilar Aleixandre

3. Periferia , Iolanda Zúñiga

4. Todo é silencio, Manuel Rivas

6. Denso recendo a salgado, Manuel Portas

10. Asasinato no Consello Nacional, Diego Ameixeiras

Chuzame! A Facebook A Twitter

Finalistas de Xerais na VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento

26 Setembro 2011

Infantil,Noticias,Premios,Xuvenil

Publicamos o listado de libros de Xerais que resultaron finalistas en distintas categorías da VIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento. Trátase dun premio que é outorgado a través da votación dos propios estudantes galegos.

2ª CATEGORÍA (3º e 4º de EP):

3ª CATEGORÍA (5º e 6º de EP):

4ª CATEGORÍA (1º e 2º de ESO):

5ª CATEGORÍA (3º e 4º de ESO e Bacharelato):

6ª CATEGORÍA ( adultos):

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recenso salgado», de Manuel Portas, finalista do Premio San Clemente

16 Febreiro 2011

Narrativa,Noticias

A novela Denso recendo a salgado, de Manuel Portas, que vai xa na súa segunda edición, foi declarada finalista do XVII Premio San Clemente. O xurado do premio está formado por alumnos de diferentes institutos de Galicia. A noticia publicouse onte no portal Cultura galega.org.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Xosé Manuel Eyré en A Nosa Terra sobre «Denso recendo a salgado», de Manuel Portas

4 Xaneiro 2011

Críticas,Narrativa

O  crítico Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión crítica na que valora a primeira novela de Manuel Portas como unha das mellores do ano 2010. Publicamos un resumo amplo da recensión de  Denso recendo a salgado, que pode lerse completa en A Nosa Terra:

Denso recendo a salgado, a novela de Manuel Portas, o obxectivo da nosa crónica letresca, é un bon exemplo de canto vimos de dicir. Por tras do non agochado lirismo do título áchase un dos mellores exercicios narrativos do ano que vén de rematar. Nel hai outros pousos líricos, certamente, pénsese, por exemplo, no papel que a música de jazz ten na novela, axudando a crear unha atmosfera melancólica, contida, desbocada, tráxica. Porén, ningún outro elemento lírico do discurso novelístico ten a importancia desas catro palabras. Denso recendo a salgado é denso recendo a mar, mais tamén denso recendo a vida, denso recendo á orixe, recendo, sombra, lembranza húmida. Nin moito menos vai predominar na narración o elemento descritivo, tampouco. Esta é unha desas novelas puramente narrativas.

Formalmente, localízase nesa corrente que, desde os albores do século XX, tenta renovar o discurso novelesco. É novela fragmentaria, é novela parquet, é novela coral, non tan desmesurada, en canto a número de personaxes, como o Manhattan transer (John Dos Passos) ou A Colmea (Camilo José Cela) ou como a Periferia (Iolanda Zúñiga) de que recentemnte falamos. O esquezo inmediato non é tan forte, tampouco o obxectivo é tan inmenso, non se pretende dar conta de vida dunha colectividade grande, só dun grupo de amigos e as colateralidades que lles vaian xurdindo. Existen esquema e vontade narrativas claros, e á vez coralidade, fragmentarismo, na medida xusta para nunca perder o recendo salgado que os pasos das personaxes van deixando na mente, na alma, no entendemento, lectores.

Como xa sinalou Dolores Vilavedra, non é nada novo, mais non por iso deixa de sorprender nin tampouco por iso o discurso se sente como camiño tripado, esforzo sucedáneo, senón todo o contrario.

Así o sente o lector, en virtude tanto da arquitectura narrativa como no moi estudado e elaborado tratamento das personaxes. No primeiro caso, artellar un discurso, un discurso fragmentario no que caben tantas personaxes e ilas proximnado, pouco a pouco, desde o recendo que cada unha exhala, non é tarefa sinxela pois require traballar moito tanto a atmosfera que envolve as personaxes, personaxes que en si representan un considerábel abano de situacións sociais e vitais, como a casuística individualizadora. Sendo que ambos traballos inciden, de primeiras, na diverxencia, no afastamento, na non confluencia. Falamos da meirande parte delas, porque non todas remiten a aquel primixenio grupo de amigos; mais as que non o fan, nelas non se nota estrañamento senón que nadan no mesmo río. Certamente, o seren personaxes atrapadas nivélaas, e fai que a ansia de liberación se subliñe como supratema á vez unificador e diversificador. As ansias de liberación, de vida, dunha xeración, aquela xeración coincidente coa das primeiras mulleres liberadas. Incidíndose niso, no carácter das personaxes, nas interioridades propias de cada personaxe, sobre as que paira como condena a condicionante dunha situación social que os marca a todos, dunha maneira ou doutra, tolléndolles as esperanzas á vez que lles ratifica que só na interación entre eles hai certa dose de satisfacción ou dicíndolles que esa é a única esperanza, unha esperanza sen futuro.

De xeito que a novela se constitúe tamén en crónica, crónica social elaborada a partir da exposición, sincronizada en amálgama atmosférica de recendos en salmoira común, no drama perceptíbel na luz, nos tactos, na calor, no fondo das olladas, dun grupo de amigos habitantes nunha vila das Rías Baixas, formación de ás quebradas que loita por seguir voando, a loita pola vida cando nada está ao teu favor senón a necesidade de que vivir poida ser outra cousa. Crónica individual, si. Crónica dun tempo, tamén. Crónica social, obviamente. Crónica-retrato da condición humana mortalizada nun tempo, nun lugar, nunhas xentes como exemplo do drama.

E Manuel Portas, neste Denso recendo a salgado, celebrado primeiro contributo literario de quen se ten manifestado como sociolingüista e político (sempre), que chouta inclusive por riba dalgún terríbel tropezo como o feito de algunha vez se trabucar no nome de personaxes. E tamén por riba do feito de que en literatura hiai moi poucas cousas que en realidade sexan novas, agás a esperanza de liberdade que nos humaniza perennemente. Liberdade, que non é palabra únicamente política.

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» considerada como unha das mellores novelas do ano

29 Decembro 2010

Autores,Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

Primeiro contacto con Denso recendo a salgado

E metinlle 140 páxinas dunha sentada. Sen dúbida, a de Manuel Portas é unha das mellores novelas de 2010.

Como dixo Dolores Vilavedra, é moito de salientar que resolva tan ben un argumento pexado por tratamentos anteriores. Moito, malia que caia nun das trapelas máis crueis en que pode meter a pata un escritor, a confusión de personaxes. Pax 121, falan Suso e Carlos, mais Carlos diríxese a Suso chamándoo Xavier.

Máis outra vez estamos diante dunha novela coral. Non tanto como Periferia, mais a comparanza é obrigada porque as dúas se insiren decididamente na corrente renovadora da narrativa. A de Iolanda Zúñiga, moi ousadamente, desprezando por completo o esquezo inmediato. A de Manuel Portas, non, loita contra el, reduce o número de personaxes, dálles máis tempo e lugar para se manifestaren. Coida  historia, que conta na miña opinión moi cinematograficamente, botando man desa técnica tan usada na cal a cámara segue as personaxes, estas vanse atopando e cámara troca de personaxe para iniciar unha nova secuencia.

Nada do outro mundo, como se ve. Porén Manuel Portas, sen tampouco pretender alardes narrativso senón simplemente contando sen fisuras, seguido e con tino, Manuel consegue pegar a novela ás mans do lector, interesalo rapidamente e fondamente.

Máis outra volta volve xursir a sombra primeiriza de Dos Passos e Cela ( que tampouco son os únicos, nin moito menos ) mais ne Denso recendo a salgado a implicación do lector na lectura é, a meu xuízo, meirande. E non me defraudará recoñecer que sexa pola proximidade, non. Lograr esa proximidade entre a lectura e o lector, esa complicidade, non é nada doado. Ben se pode dicir que Portas descobre os segredos da vida e do literatura, ambos nun mediante o tratamento das personaxes. E se o consegue é porque é quen de identificar as problemáticas de cada personaxe, expoñelas sen obviar migalla do dramtismo que conteñen…mais tamén se esquecer o miolo sensíbel de cada unha. Logrando dese xeito un abano de sensibilidades e problemáticas vitais coas que o lector empatiza en maior ou menor grao… e xa será difícil que non atope algunha coa que identificarse ou alonxarse… Xosé Manuel Eyre

Anotación publicada no blog de Xosé Manuel Eyré o 29 de decembro de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Boa acollida para as últimas novidades de Narrativa de Xerais, que entran na súa 2ª edición

5 Novembro 2010

Narrativa,Reedicións

As últimas novidades publicadas por Xerais en Narrativa están tendo unha boa acollida por parte dos lectores e lectoras e, de feito, entraron xa na súa segunda edición as novelas Denso recendo a salgado, de Manuel Portas; O Cabo do Mundo, de Xabier Quiroga; e Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; así como o libro de relatos Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Portas estará hoxe con «Denso recendo a salgado» no Club Sete Vidas de Espazo Lectura, en Gondomar

2 Novembro 2010

Autores,Clubs_de_lectura,Narrativa

O escritor Manuel Portas estará presente esta tarde ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar para falar e participar cos asistentes ao Club de Lectura Sete Vidas, que organiza Espazo Lectura, nun debate en torno a súa novela Denso recendo a salgado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado», de Manuel Portas, presentación en Ourense

26 Outubro 2010

Autores,Narrativa,Presentacións

O vindeiro venres, 29 de outubro, ás 20,00 horas na Livraría Torga, rúa da Paz, 16, en Ourense presentarase Denso recendo a salgado, a primeira novela de Manuel Portas. Acompañarán ao autor Marta Arribas, Sechu Sende e o editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» de Manuel Portas, presentación en Lugo

12 Outubro 2010

Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro venres, 15 de outubro, ás 20,00 horas na Galería Sargadelos, Praza de Santo Domingo, 4 de Lugo, presentarase Denso recendo a salgado, primeira novela de Manuel Portas. Acompañarán ao autor Xosé Chorén, Xosé Miranda e Fran Alonso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Trafegando Ronseis recomenda «Denso recendo a salgado»

1 Outubro 2010

Blogs,Narrativa,Opinións_lectores/as,Xerais nos blogs

O blog de Anxo e Gracia, Trafegando Ronseis, recomenda a lectura de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas: «Gustoume esta novela de Manuel Portas editada por Xerais, Denso recendo a salgado, con trazos de novela negra ou cando menos policíaca».

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» de Manuel Portas, presentación na Feira do Libro da Coruña, luns 9 de agosto, ás 20:00 horas

6 Agosto 2010

Feiras_do_libro,Narrativa,Noticias,Presentacións

Denso recendo a salgado, primeira novela de Manuel Portas, será presentada na Feira do Libro da Coruña o luns, 9 de agosto, ás 20:00 horas. No acto acompañará ao autor o editor Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Portas: «Ninguén contara o drama de Arousa dende dentro»

12 Xullo 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

César Lorenzo entrevista no semanario A Nosa Terra a Manuel Portas con motivo da publicación da súa primeira novela Denso recendo a salgado. Recomendamos a lectura dunha entrevista que se pode ler completa na edición en papel do semanario (pdf aquí).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro da Coruña

8 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións

Xerais xa ten pechado o programa dos actos que realizará na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Día 2 luns
19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra.
19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Día 3 martes
19:00 h.: Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra.
20:00 h.: Presentación do libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz.  Intervirán: Manuel Rivas, Manuel Salorio, Manuel Bragado e o autor.
21:00 h.: Presentación do libro Settecento de Marcos Calveiro.  Intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.

Día 4 mércores
18:30 h.: Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19:00 h.: Presentación do libro Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra.  Intervirán Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Día 5 xoves
19:00 h.: Manuel Rivas asinará exemplares de Todo ben e do resto da súa obra.

Día 6 venres
19:30 h.: Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra.
20:00 h.: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Manuel Bragado e Vicente Araguas.

Día 7 sábado
19:30 h.: Presentación do libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.  Intervirán: Xavier Seoane, Manuel Bragado e a autora.

Día 9 luns
20:00 h.: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» de Manuel Portas

5 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

UNHA VOZ SÓLIDA
MANUEL PORTAS REALIZA A SÚA PRIMEIRA INCURSIÓN NARRATIVA CUNHA NOVELA DE XINEA CINEMATOGRÁFICA E PERSPECTIVA XERACIONAL

Manuel Portas era coñecido, ata o de agora, alén do seu labor docente e da súa actividade política desenvolta no concello de Santiago de Compostela, por ser o autor dun manual de sociolingüística convertido, por dereito propio, nun volume de inexcusable referencia durante a práctica totalidade dos anos noventa no ámbito do ensino da lingua galega. Hoxe, porén, cómpre falar da súa primeira novela, publicada hai poucas datas, que se converte na súa afortunada carta de presentación nos eidos na nosa narrativa.

En Denso recendo a salgado, así pois, asístese a través de máis de corenta fragmentos narrativos e ao longo dun semana de tempo real, non só a unha historia que ten como pano de fondo, entre outros elementos, o do mundo do narcotráfico e o da cidade de Compostela, senón ao devalar dun conxunto de microhistorias que arraigan nun ben sustentado universo de amizades e inimizades, tecidas e destecidas desde as primeiras páxinas nas que se relata, a xeito de thriller trepidante, a fuxida dunha patrulleira de vilixancia marítima e que, por certo, amosa un trazo que poucas veces se desatende nesta proposta como é o do ritmo intenso que caracteriza os máis dos fragmentos narrativos.

Facendo uso dunha técnica que asume como nuclear a multiplicidade de perspectivas, o que lle outorga verosimilitude pois non todo é unidireccional nin branco ou negro, e adoptando unha singular forma de diario novelado, un feixe de protagonistas, relacionados entre si tanto por manteren no pasado unha relación de amizade coma por seren compañeiros de estudos ao longo da adolescencia, retrátanse de xeito realista para posibilitar que se vaian desvelando as angueiras, frustracións, esperanzas ou atrancos que dominan as súas vidas.
Os personaxes, que son esenciais nesta novela, constrúense e preséntanse con bastante solvencia e identifícanse por eles mesmos, sen que haxa, a meu entender, lugar para o engano ou o equívoco. Ao tempo, ollados globalmente,  cando as súas vidas se van cruzando unhas coas outras, cando as perspectivas individuais se van esvaendo ou fundindo entre si, estes van adquirindo un protagonismo conxunto e é aí cando a novela asume un posicionamento, se se quere, xeracional, achegándose talvez ao que se podería denominar, con certa heterodoxia, unha novela de aprendizaxe, mais neste caso grupal e non individual. A novela, así pois, gaña nesa dimensión de testemuño xeracional, coma se se tratase dun espello que proxecta a evolución duns personaxes de carne e óso, talvez doutra xeración perdida –cales non o son nos últimos tempos?-, que se entenden e perciben como reais e auténticos, seres do común que alentan nun mundo tanxible coas súas contradicións, coas súas propias redes de afectos e desafectos…, mais tamén, como se dixo, onde asoma o deseño da realidade do narcotráfico: unha documentada visión crítica, abofé, realizada sen moralismos e que desemboca nun espazo no que tanto un xornalista como un policía especializado intentan revelar o fondo dunha trama na que non falan mortes nin tampouco esgazamentos persoais.

Por último, cómpre non esquecer o consciente peso do cinematográfico que repousa esta proposta, tanto na estrutura fragmentaria que presenta como na adopción de determinadas estratexias narrativas ou na propia presentación dos personaxes. A meu entender, por todo isto, velaquí unha notable proposta.

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplmento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 3 de xullo de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» de Manuel Portas, presentación en Vigo

23 Xuño 2010

Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro xoves, 24 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro de Vigo (Rúa Eduardo Iglesias 12), presentarase Denso recendo a salgado, a primeira novela de Manuel Portas. No acto acompañará ao autor o editor Fran Alonso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«A sinfonía da vida», entrevista en «Galicia hoxe» con Manuel Portas

17 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Manuel Portas retrata na súa primeira novela as vidas dunha serie de personaxes insatisfeitos coa súa existencia, co mundo donarcotráfico de fondo

Xente común, que arela un cambio na súa vida. Persoas que se senten insatisfeitas, atrapadas nun día a día sempre previsible. Son os protagonistas de Denso recendo a salgado, a primeira novela de Manuel Portas, que publicou Xerais recentemente. De fondo, o mundo do narcotráfico nunha vila mariñeira galega. Compostela. E todo o que quedou atrás co paso dos anos, nun grupo de amigos da mocidade.

Non escribiras nunca antes unha novela? Tiñas todo gardado no caixón?

Non, non escribía. Sempre me gustou a literatura, é un dos maiores prareces que hai, e ademais é algo que nunca te traiciona… Sempre andei metido en moitas cousas: primeiro na fundación da Mesa pola Normalización Lingüística, despois na AGAL, máis tarde na xestión educativa, e logo no BNG; fun concelleiro… Non tiven ata hai pouco tempo para escribir unha novela, e foi un pracer.

O libro retrata as vidas dun grupo de mozos e mozas da mesma xeración. Pero é, máis ben, o retrato dunha sociedade…

Si. Non é unha novela xeracional, senón que sitúa na sociedade actual a unha quinta, persoas que coincidiran no instituto. A idea da xeración axuda a darlle verosimilitude á historia.

Os personaxes soñan con saír do que os fai infelices. Uns atrévense polo menos a intentalo, como Xavier. Outros comezan, como María, e outros non son capaces, ou non poden. Pero case todos parecen condenados ao fracaso…

Cada un ten a súa perspectiva vital, o seu espazo, e hai quen se rebela e quen non. María toma a iniciativa e marcha, pese a quen lle pese. Hai outro tipo de rebelde, como o Viquingo, que xa vive desde o principio fóra da orde establecida…

É unha novela coral, cun narrador que nos vai levando da man. Esa pluralidade de voces sempre é un risco: o lector pode perderse…, e ademais deixa menos espazo para afondar nos personaxes…

En certa medida, hai na novela unha pegada cinematográfica, cun xogo multipolar de personaxes. Primeiro fálase das vidas de cada un, e despois vanse armando os lazos entre eles. O narrador danos unha visión selectiva: o lector pode seguir non só o que fan, senón o que pensan os personaxes, e nese aspecto non é como unha cámara de cine… No último tramo hai xa acción por acción. Eu tiña medo de caer nunha soa visión. Podía coller un personaxe, e contalo todo desde a súa perspectiva. Sería máis fácil, pero máis limitador. Quería que houbese perspectivas múltiples, como na realidade… Si xogo cos ritmos. Interésame darlle como sacudidas ao lector. Non é a acción dunha película de xénero negro, pero si hai personaxes que dan cambio radical, como o carpinteiro que se fai vendedor de artesanía…

A trama está presente e vaise acelerando cara ao final. Pero eu considero que para ti son máis importantes os personaxes…

A acción é o que lles acontece aos personaxes, seres coas súas realidades de desasosego, insatisfacción, soños, esperanzas… A realidade vista por cada un deles, como nunha sinfonía do que é a vida. As cousas van avanzando cara a un final que non é pechado… Tamén hai un xogo moi importante de amor e desamor. Para uns a consecución de amor é alcanzable, e outros quedan a medio camiño…

O mundo do narcotráfico fora tratado por Carlos Reigosa, aparece tamén de fondo nos libros de Domingo Villar… Na túa perspectiva, sublíñase a dimensión social: o paro e a precariedade laboral como caldo de cultivo…

É que eu vivín iso. Eu era un estudante que tiña os cartos xustos, e vía como outros utilizaban billetes para encender cigarros. O contrabando de tabaco, e despois o narcotráfico, xeraban excesos na sociedade… Mesmo había empresas que pechaban, pero non pasaba nada porque se podía solucionar con dous fardos… Era unha sociedade que vivía de costas á realidade. Pero despois viñeron as mortes por sobredose, por sida… O narcotráfico infecta unha sociedade, e iso era o que eu quería subliñar, a parte humana…

Ao final aparecen o xornalista e o comisario. A historia podería ter continuado sen eles…

Respecto do xornalista, moitas veces pensamos que son xente sentada detrás dun ordenador… pero eu creo que hai unha substancia humana que se move por detrás. Ambos personaxes axudan a darlle verosimilitude ao desenvolvemento da historia….

Fragmentos da entrevista de Montse Dopico publicada en Galicia hoxe o 11 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» de Manuel Portas, presentación en Vilagarcía

1 Xuño 2010

Narrativa,Noticias,Presentacións

O mércores, 2 de xuño, ás 20:30 horas na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía (Avenida da Mariña s/nº), presentarase a novela de Manuel Portas Denso recendo a salgado. No acto, organizado por Xerais e o concello de Vilagarcía, acompañarán ao autor Emilio Ínsua, Xosé Castro Ratón e Manuel Bragado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Manuel Portas, entrevista en «El Correo Gallego»

30 Maio 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Sandra Cuíña entrevista en El Correo Gallego a Manuel Portas con motivo da publicación de Denso recendo a salgado, a súa primeira novela.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado» gabada por Dolores Vilavedra

28 Maio 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Denso recendo a salgado de Manuel Portas: a grande novidade literaria da primavera

Sen dúbida a gran novidade literaria desta primavera é a estrea como novelista de Manuel Portas, a quen botabamos de menos na vida política. Mais logo de ler Denso recendo a salgado cómpre recoñecer que se cadra foi mellor perder un político e gañar un novelista. Frescura, soltura narrativa, dominio das distintas técnicas de modalización e autenticidade lingüística son os recursos que lle permiten a Portas resolver con nota un argumento pexado xa de entrada por tratamentos anteriores (por exemplo, certas novelas de Reigosa) pero ao que en Denso recendo a salgado a personalísima voz do autor consegue dotar dun anovado poder de convicción. Dolores Vilavedra

Texto extraído do artigo de Dolores Vilavedra «De autores e de editores» publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia o 28 de maio de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Denso recendo a salgado», primeira novela de Manuel Portas

3 Maio 2010

Adiantos_para_ler,Descargas,Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro xoves, 6 de abril, chegará ás casetas da Feira do Libro de Compostela os primeiros exemplares de Denso recendo a salgado, a novela coa que debuta en Xerais Narrativa o profesor Manuel Portas. Ese mesmo día, ás 20:00 horas na carpa da Feira presentarase a obra nun acto no que acompañarán ao autor Aurora Marco, Xosé A. Sánchez Bugallo, Manuel Bragado. Ao remate, a música Clara Pino (integrante de Cobalblue), tocará coa Harpa Celta o tema «Alalá do viquingo».

Denso recendo a salgado son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais, tecida con fíos multicolores de personaxes que se entrelazan dende unha aparente desconexión inicial para acabar nunha frenética sinfonía vital, tráxica e vibrante, trepidante, delicada, por veces romántica, e a un tempo crúa e dura como a realidade que lle serve de marco de referencia.

Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado e como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.

O primeiro capítulo desta sorprendente novela pode baixarse en pdf aquí. Boa lectura!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais na Feira do Libro de Santiago

22 Abril 2010

Crónica,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Historia,Narrativa,Noticias,Poesía,Xuvenil

Xerais preparou un importante programa de actividades para a Feira do Libro, que se celebrará no Paseo Central da Alameda de Santiago de Compostela, entre o 1 e o 9 do vindeiro mes de maio.

Día 1 sábado

13:00 horas: Pregón a cargo de Marcos Calveiro.
19:30 horas: Ricardo Gurriarán asinará exemplares do seu último libro Inmunda escoria.
20:00 horas: Presentación da novela Settecento de Marcos Calveiro. Intervirán: Martin Pawley, Manuel Bragado e Marcos Calveiro.

Día 3 luns

19:30 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA 2009)

Día 4 martes

20:00 horas: Presentación da novela A intervención de Teresa Moure. Intervirán: Margarita Ledo, Manuel Bragado e Teresa Moure.

Día 5 mércores

19:00 horas: Presentación do poemario (Retro)visor de Antía Otero. Intervirán: Estevo Creus, Fran Alonso e Antía Otero.

Día 6 xoves

20:00 horas: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Rosa Aneiros, Xosé A. Sánchez Bugallo, Manuel Bragado e Manuel Portas. Ao remate, a música Clara Pino (Integrante de Cobalblue), tocará coa Harpa Celta o tema “Alalá do viquingo”.

Día 7 venres

20:00 horas: Presentación do libro Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia de Francisco Calo Lourido. Intervirán: Xerardo Pereira-Menaut (Catedrático de Historia Antigua da USC), Manuel Bragado e Francisco Calo Lourido.

Día 8 sábado

19:00 horas: Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón. Intervirán: Caetano Díaz (Director de Galicia Hoxe) e Pilar García Negro. Colaboran a Asociación Cultural O Galo e A Mesa.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp