Cuestionando o mito da Movida. Anotación de David Rodríguez a partir de «Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso.

17 Xaneiro 2012

Blogs,Críticas,Crónica,Música

David Rodríguez publica no seu blog O Funambulista Coxo unha anotación, titulada «Fraga, Díaz Pardo, Transición  e outros fracasos», sobre a Movida viguesa a raíz do libro Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso.

[Vén de aquí]

(…) Se extrapolamos todo o dito até o momento sobre a contracultura ianqui ao periodo coñecido como a Transición da ditadura á democracia (un período no que as oligarquías do Estado tamén se adaptarían ao novo capitalismo consumista), vital para a comprensión do presente no Estado Español, poderiámonos cuestionar, agora que semella haber un certo revival dos anos 80 coa publicación por Xerais de dous libros sobre esa década (Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso e Vigo a explosión dos 80 do fotógrafo Víctor de las Heras), se toda a cultura xerada arredor da Movida non foi, máis ca a espontánea e xenial fructificación das prácticas culturais dunha xuventude farta dos corsés franquistas, o diamante en bruto que as elites político-mediáticas da época souberon elevar até conseguiren a narración perfecta do espírito xeracional domesticado que precisaban, e se non actúaba, tamén ela, como a gran sublimación das ideas de liberdade, hedonismo e transgresión que necesitaban aquelas elites que pilotaron a “ruptura-pactada” para conter o “desencanto” que logo se percibiu entre o que a democracia prometía e o que finalmente deu de si, un desencanto que hoxe que o mito da democracia española (Non-Real para boa parte da xuventude) está en aberta descomposición toma cada vez máis a forma de cuestionamento puro e duro. En relación con isto, un autodenominado Comité Robespierre escribía non hai moito, nun acedo artigo a propósito da Movida madrileña, que:

O primeiro do que debemos cerciorármonos ao abordar dito monstro cultural é que xunto á famosa transición democrática, é un dos poucos feitos ou períodos que gozan dunha visión positiva e incuestionable por parte dos media, existe unha unanimidade máis que sospeitosa á hora de valorar a movida. [...] A movida é canda á transición e a monarquía, un dos mitos mellor asentados no imaxinario colectivo español, moi poucas voces se atreven a cuestionala.

Ao cal engadían:

En España e como soe ser costume, subimos tarde e mal ao carro do posmoderno, salto ao baleiro que se percibía moi complexo tras corenta anos de escurantismo cultural e represión aberta. Guindarse ao pozo da fragmentación e o frívolo, mergullarse no lameiro nihilista do todo vale e cofarse co lema Non hai alternativa sen luxar as mans de merda e sangue, convertíase nunha tarefa difícil, pero fíxose, vaia se se fixo, da noite á mañán e ademais a golpe de subvención.

E isto é algo que nós, ao analizarmos a sucursal da movida madrileña que tivo sobre todo epicentro en Vigo, tamén deberiamos pensar. Cando un bota un ollo ao fantástico libro de de las Heras logo se decata de que aí hai dúas sociedades. Por unha banda estaba o Vigo traballador coas súas mobilizacións na rúa facendo fronte ás reconversións que a entrada na hoxe putrefacta UE exixía ao PSOE. Pola outra os rapaces, catro gatos segundo se desprende do libro do propio Emilio Alonso, epidermicamente transgresores, que vivían totalmente alleos á realidade circundante e que pululaban arredor duns cargos socialistas (ou estes arredor deles, tanto ten) desexosos por vencellárense a certa idea paifoca de modernidade.
Esta descripción parece ser corroborada polo propio Emilio Alonso, autor de Vigo a 80 revolucións por minuto, cando, nunha das múltiples entrevistas concedidas co gallo do libro, afirma:

Viñamos dunha época escura, estabamos cansados da loita antifranquista, dunha decepcionante construción da democracia e precisábase algo novo e fresco. Certo é que os problemas económicos e sociais seguían aí, pero ser conscientes diso e tentar solucionalos non era óbice para que tamén nos puidesemos divertir e tentásemos desenvolver unha actividade cultural nova ou diferente, posto que Vigo, nese aspecto, era un deserto. Aqueles tempos considerábase frívolo tocar rock and roll, facer fanzines ou debuxar cómics. O que exixían certos sectores a todo o mundo era a súa dedicación exclusiva á loita político-social, demonizando así a actividade cultural e consagrando a protesta na rúa como máximo expoñente de compromiso.

E nalgún punto do seu libro cando, cunha honestidade —por outra banda presente en todo ese traballo— que o honra, alerta contra calquera tentación de maquillar a historia para facela máis presentable agora que esa simbiose PSOE-Movida resulta tan evidente e vergonzante:

Hai quen insiste en considerar aquel patético desencontro “Madrid se escribe con V de Vigo” como o momento en que a movida pasou a mellor vida porque foi fagocitada polas institucións pero, como xa dixen, non estou de acordo con esa percepción. Desde os seus primeiros momentos de existencia, as institucións, o poder político, estivo moi preocupado por aproveitarse da movida. E parécenme absolutamente hipócritas os que din que foi esa intervención a que lle fixo perder os seus sinais de identidade.

Facendo un estudo sociolingüístico logo se obtería unha fotografía ben nítida do asunto. O que se daba no Vigo da época era a coincidencia nunha cidade dunha masa de proletarios como quen di recén chegados das aldeas expresándose en galego con —é unha hipótese miña non comprobada empíricamente que se apoia no sinxelo dato de que pouca xente nova no Vigo dos oitenta podía permitirse a compra de instrumentos musicais e que Emilio Alonso parece corroborar cando asegura que os chamados daquela PNN (Profesores non numerarios) eran maioritarios na noite chic viguesa— as vellas e as incipientes clases medias castelán-falantes cuxa visión provinciana (con todas as excepcións que queiramos) acabarán por seren hexemónicas no Vigo actual, pois desde entón o groso desas clases medias viguesas, e en xeral galegas por máis que sexa dunha parte dese estrato social do que se nutre maioritariamente o nacionalismo galego, nunca foron capaces de se desprenderen dun madrileñismo ideolóxico do máis pailarote (madrileñismo pailán, por certo, que aínda goza de moita saúde en certos ambientes musicais vigueses). Esta lectura sociolóxica da Movida viguesa tamén é corroborada por un documento da época —un artigo anónimo publicado, penso que non por casualidade en galego, na revista El Coyote— recollido no libro de Emilio Alonso que di cousas como esta:

O posmoderno non se caracteriza por tomar unha actitude crítica fronte ós problemas alleos: que haxa paro ou que vivamos nunha sociedade inxusta é algo que non lle interesa a “LA MOVIDA”. [...] O posmoderno é un burgués non pior sentido da palabra: a súa máxima é ter máis cartos e despreciar aos que teñen menos. Non é de extrañar que o Posmodernismo sexa o movimento máis apoiado polas institucións establecidas. Un exemplo claro estamos a vivilo na nosa cidade coa dichosa “movida”.

Pero existía realmente naquel contexto de loita obreira animadversión á loita cultural? O Comité Robespierre volve ser moi pertinente e a súa conclusión encaixa perfectamente co exposto máis arriba arredor da persistencia dunha esquerda viva e rupturista no País Vasco:

O máis gracioso do proceso é que, mentres a golpe de subvención se colocaba no mapa a artistiñas nenos de papá (a comezar por Berlanga, fillo dun famoso director de cine) que celebraban a frivolidade máis dantesca como símbolo inequívoco dunha xeración, noutro lugar xestábase unha verdadeira revolución músico-cultural, realmente urbana, transgresora e contracultural e de corte eminentemente independente: o rock radical vasco.

O cal parece contradicir a Emilio Alonso e probar que unha cultura fresca, transgresora e novidosa si era posible no Estado Español da época sen desprezar ao país no que se vivía e sen desentenderse dos seus problemas. O rock radical vasco, contemporáneo das diversas movidas, resultou un movemento que aínda hoxe nutre ás xeracións máis novas de músicos vascos sen ter sido asimilado en ningún momento, e foi, ademais, un referente que tamén habería exercer gran influencia no Vigo do punk politizado que arrincaría a finais dos oitenta e que terá o seu propio lugar de confluencia na vella Asociación de Veciños Val do Fragoso. Desvirgheitors, unha das primeiras bandas de punk alternativo de Vigo, cantaban sobre a Movida xa na súa maqueta de 1987 coa falta de circunloquios propia do estilo:

Pegatinas y carteles llenan toda la ciudad con el nombre de movida a todos engañarán, gente que se viene aquí buscando lo que no hay todo esto es un montaje que Bibiano pagará. [Refírense a Bibiano Morón un dos donos do mítico local Kremlin]

Neste sentido, se ben é posible trazar un paralelismo entre a lectura que fai Thomas Frank da contracultura americana dos sesenta e a Movida dos oitenta, máis difícil é meter nese mesmo saco a un movemento de raigaña auténticamente popular como foi o rock radical vasco pouco preocupado por lexitimar moralmente o cambio de réxime e que tamén nesta terra habería crear a súa pequena e pouco publicitada escola.

David Rodríguez

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tintimán, o booktrailer

11 Abril 2011

Noticias,Tintimán,Vídeos,Xuvenil

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Lapidarias», de David Rodríguez, ao que califica de «impresionante poemario»

9 Febreiro 2011

Críticas,Poesía

O crítico Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión sobre o poemario Lapidarias, de David Rodríguez, baixo o título «Contraste do poeta atrapado». Reproducimos algúns fragmentos:

Da apocalipse que atoparei -non do paraíso perdido- teño nostalxia (111)

Abonda este poema para ensinar o estado de ánimo desde o que David Rodríguez escribe este impresionante poemario. Case estiven a piques de escribir “definir”. Como definir un estado de ánimo que vai maís alá do tópico ben/mal? Como definir o estado anímico de quen se sente atrapado cando as paredes que o fechan mudan de aparencia?

Sen dúbida, esta, a poesía, a arte da palabra, é unha boa e intelixente maneira de definir o indefiníbel.

Sen dúbida, esta, a poesía na fronteira do relato hiperbreve, igual é a única maneira.

Insinualo, deixar que o receptor imaxine o pozo onde se afoga. Ás veces, tantas veces, moitas palabras o único que fan é complicar, encher ocos que significan máis estando baleiros, tapar, enmascarar.

(…)

Autor que se deu a coñecer desde o Premio de Teatro Radifónico Diario Cultural, David Rodríguez non só este espléndido, atrevido e maduro poemario, tamén é todo o que aínda lle queda por escribir… porque este maduro, atrevido e espléndido poemario non deia de ser o seu primeiro.)

(…)

Porque é unha fraude escribir? Porque só é un camiño máis, porque non te tira do pozo. Evidente. Estatuto do evidente nunha sociedade que non se estraña de nada, o cal indigna o poeta que sabe que hai que reaccionar aínda que sexa batendo na imaxe do espello (113). Ou da literatura.

Precisamente esta literatura de David Rodríguez é moi lingüística, a palabra é o seu centro, a dimensión física, materializada, de conceptos/cárceres que leva a que os poemas sexan moitas veces descritivo-interpetativos (21, 19, por exemplo), sempre doídos, outras veces entre reflexivos e narrativos. Na disxuntiva entre a nostalxia do pasado ou do futuro, esta poesía non está exenta de propósitos (17, 99, 101) nin tampouco a experiencia amorosa lles é allea (77). E igual é por iso ( aínda que non só ) esa sensación de perda, de extravío, vital. O extravío, apoesía de quen se procura a si mesmo e se estraña do que atopa, cousa que o fai consciente da súa outredade. Ser humano é positivo?     O poeta atrapado, o/en debate.

Así as cousas, poesía fortemente contrastiva. Primeiro contra o espello da realidade, despois contra o espello da propia memoria, tamén contra o espello dos outros, e contra o do tempo.

Pódese ler a recensión completa en A Nosa Terra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«O pintor do sombreiro de malvas» de Marcos Calveiro, o booktrailer

18 Xaneiro 2011

Fóra de Xogo,Premios,Vídeos,Xuvenil

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/8YtEqGgkIVQ" width="600" height="448" wmode="transparent" /]

Booktrailer da novela O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, premio Lazarillo de literatura xuvenil 2009 e premio Fervenzas Literarias ao mellor libro xuvenil de 2010. A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez e as ilsutracións son de Ramón Trigo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Lapidarias», de David Rodríguez

17 Decembro 2010

Blogs,Críticas,Poesía

No seu blog Caderno da crítica, Ramón Nicolás publica unha recensión sobre Lapidarias. Os versos escuros, o poemario do escritor David Rodríguez. Reproducímola integramente:

Debuta David Rodríguez como poeta, que non como autor teatral e ensaísta, con este Lapidarias. Os versos escuros, libro publicado hai uns meses en Edicións Xerais e que, ao meu ver,  talvez non obtivo a atención mediática e crítica que se cadra  ben merece.

O autor, responsable por certo do blog http://ofunambulistacoxo.blogspot.com/,  abéirase con este volume a unha estética singular que sintetizaría baixo os termos de brevidadediálogo, silencio e dor.

Brevidade pois o exercicio da contención expresiva ao que somete o verso, estilizándoo e esencializándoo ata o máximo, convértese nun trazo tan relevante do poemario que beirea os límites dun libro de aforismos, de sentenzas, de reflexións sobre a vida e a morte, deus e o demo, o amor e o desamor nunha moi salientable e recorrente utilización de oposicións binarias e simbólicas, nas que as máis das ocasións se procura o estrañamento, a sorpresa, a desorientación do lector;  diálogo porque o autor opta por este recurso formal establecendo unha vivificante relación creativa e interartística entre as súas propias creacións e as fotografías de Eduardo Irago; silencio pois a expresión poética fica en moitas ocasións potenciada pola presenza do baleiro que implica o espazo en branco, por todo aquilo que tamén rodea ao poema e que non se di, que se suxire lenemente; finalmente, dor, se quere derrota, sufrimento, devastación, acedume, outredade, escepticismo, relativismo…, baixo unha actitude corrosiva, crítica, fratricida… pois a voz lírica percorre con teimosía as estremas de todos estes conceptos, sen intención salvífica, só para testemuñar como a poesía pode ser dura como o cemento, sorprendente, rotunda e intensa como a que encerran estes versos escuros.

E, como di o autor, “as veces é bo calar / a vida é máis curta que as palabras”. Abofé que si.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Periferia« de Iolanda Zúñiga, o booktrailer

16 Decembro 2010

Narrativa,Premios_Xerais,Vídeos

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/6aoTiBbM4iQ" width="600" height="448" wmode="transparent" /]
Booktrailer de Periferia de Iolanda Zúñiga, novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2010.
O guión e a realización é de David Rodríguez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Asasinato no Consello Nacional», booktrailer

23 Novembro 2010

Narrativa,Televisión,Vídeos,Xerais

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZGHPUxRISnQ" width="600" height="450" wmode="transparent" /]
Booktrailer de promoción da novela Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, editada orixinalmente ne lingua galega por Edicións Xerais de Galicia.
A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Todo é silencio», booktrailer

9 Novembro 2010

Narrativa,Televisión,Vídeos,Xerais

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/hza4zvhKPz4" width="600" height="450" wmode="transparent" /]

Booktrailer de promoción da novela Todo é silencio de Manuel Rivas, editada orixinalmente en lingua galega por Edicións Xerais de Galicia. A peza audiovisual foi deseñada e montada por David Rodríguez. A música e a interpretación é de Lara Domínguez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica de Armando Requeixo sobre «Lapidarias»

27 Setembro 2010

Autores,Críticas,Poesía,Xerais_nos_medios

O crítico Armando Requeixo aborda nunha recensión o poemario Lapidarias. Os versos escuros, de David Rodríguez. A recensión crítica de Requeixo, que sae publicada en tres xornais (Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego) valora moi favorablemente o primeiro poemario de David Rodríguez, subliñando que este autor gañara o I Premio de teatro radiofónico Diario Cultural: «Entre as sorpresas poéticas máis agradables deste 2010 figura Lapidarias».

Reproducimos algúns fragmentos das palabras de Armando Requeixo:

Non hai aquí amabilidade ningunha, todo o contrario, faise bandeira da crueldade necesaria, que se enarbora dende a cita inicial de Barceló coa que se abre o libro: «Vou dicir as cousas moi directamente, case con crueza, porque non hai, polo momento, outra maneira de dicilas». E a mesma contundencia de limpidez espida amosan as fotografías de Eduardo Irago que acompañan os poemas deste libro, nun diálogo fértil, de vasos comunicantes, onde tal semella que algúns versos naceron logo da paciente contemplación da instantánea e, se cadra, noutros casos fose o verso o que preconfigurase o molde visual.

A obra Lapidarias de David Rodríguez ten a esencialidade da escrita que permanece, que afonda nas verdades intemoporais, no encontro de elementos estraños en situación filosófica que quería Badiou, unha literatura para sentir pensando, para murmurar ben alto que escoiten os nosos silencios.


A crítica completa pode lerse aquí.


Chuzame! A Facebook A Twitter

«Lapidarias. Os versos escuros» de David Rodríguez

9 Marzo 2010

Noticias,Poesía

David Rodríguez debuta na colección Xerais Poesía con Lapidarias. Os versos escuros. O libro chegará ás librarías a vindeira semana.

Coma un claroscuro de Caravaggio, estes «versos escuros» revelan as ambigüidades das categorías de luz e sombra e constitúen unha reiteración do fóra de campo cinematográfico mediante o cal o que non está aparece. As fotografías que acompañan os textos atravesan o abismo que arreda ao individuo de todo o que está fóra del, e nun raro exorcismo iconográfico «externalizan» e dan forma á súa paisaxe interior. Os poemas de Lapidarias. Os versos escuros botan man –mediante unha expresión mínima– das dualidades e elipses que debullan os oxímoros da existencia: a morte e a vida, a autodestrución e a redención, a linguaxe e o silencio, a corporeidade e a espiritualidade, a dor e o pracer, a violencia e o amor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xerais: novidades literarias de xaneiro e febreiro de 2010

4 Xaneiro 2010

BLG,Clásicos,Crónica,Ensaio,Fóra de Xogo,Guías_de_viaxe,Lingua,Narrativa,Noticias,Poesía,Reedicións,Traducións,Universitaria,Xuvenil

Tras os días de descanso de Nadal, o equipo da editorial prepara os primeiros lanzamentos das primeiras novidades literarias de 2010.

Neste mes de xaneiro aparecerán, dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas, dous poemarios de Ramón Cabanillas: Samos, en edición de Xosé Carlos López Bernárdez e No Desterro, en edición de Xosé Ramón Pena. Nas mesmas datas aparecerán os dous primeiros títulos de ensaio, A espiral no espello de Anxo Angueira (Xerais Universitaria) e Lingua de calidade de Xosé Freixeiro Mato (Xerais Materiais).

A comezos do mes de febreiro chegarán ás librarías os primeiros títulos do «Ano Uxío Novoneyra»: a nova edición d’ Os Eidos (Xerais Clásicos) e o libro de Xosé Lois García Uxío Novoneyra revisitado (Xerais Estudos Literarios). No mesmo envío incluiranse os dous primeiros títulos de Cronica: Melancolía de sofá de Luisa Castro e Feministas Galegas. Unha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón.

Tamén en febreiro aparecerán as tres primeiras novelas de Narrativa: A intervención de Teresa Moure, Settecento de Marcos Calveiro e Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe, premio Nacional de Narrativa 2009, traducido do éuscaro por Isaac Xubín. No mesmo servizo chegarán ás librarías dous títulos de Xerais Poesía,  Lapidarias de David Rodríguez e (Retro)visor de Antía Otero e dúas novelas de Fóra de Xogo, A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo, traducida do catalán por Eva Lozano, e A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis.

Na derradeira semana de febreiro publicaranse os dous primeiros títulos de Xerais Ensaio: Georges Steiner no The New Yorker, traducido do inglés por Lara Domínguez, Patricia Buján e Saleta Fernández e o segundo tomo d’ O segundo sexo. II. A experiencia vivida de Simone de Beauvoir, traducida od francés por Marga Rodríguez Marcuño, así como a Guía do Camiño de Santiago de Antón Pombo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Valados», entrevistas a Agustín Fernández Paz

16 Decembro 2009

Autores,Entrevistas,Infantil,Merlín,Presentacións,Xerais_nos_medios

Con motivo da presentación realizada onte na Casa do Libro de Vigo de Valados, Agustín Fernández Paz foi entrevistado por Faro de Vigo e Xornal de Galicia.

En ambos os dous textos, Fernández Paz sinala que a idea deste libro «xurdiu dunha das clases de Segundo de Bacharelato, cando lles mandaba elaborar un texto a partir dunha noticia na prensa para que practicaran redacción. Nunha semana, deille dúas fotos, unha do valado de arames de Ceuta e Melilla e outra do muro entre Palestina Israel. A min, pareceume que sería unha idea formidable para face-lo meu texto. Esa foi a semente para un traballo de dous anos nos que fixen 12 redaccións. É unha obra moi traballada.»

Con respecto ao obxectivo de Valados, Agustín expresa que súa intención foi «narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra tódolos muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acabna cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.»

Na presentación de Valados interviu Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo que gabou a obra e a contextualizou no traballo que desenvolve AI en España a prol do dereito de asilo e da ampliación de deereitos á poboación inmigrante, en contra do racismo. No acto proxectouse un audiovisual sobre os muros existentes no mundo, preparado por David Rodríguez sobre un guión literario do propio Fernández Paz.

Foto: Sonia Daponte. Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp