Os rapaces opinan sobre «Lúa de Senegal», de Agustín Fernández Paz

6 Marzo 2012

Infantil,Sopa de Libros

Os rapaces e rapazas do CPI Manuel Padín Truiteiro opinan sobre o libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

 

Lúa do Senegal

Esta novela é un diario da vida de Khoedi, unha nena de once anos africana que ten que mudarse do Senegal a Vigo, unha cidade galega que descoñece totalmente.

En Zunquinchor, onde se atopaba a súa casa antes, vivía coa súa nai, a irmá pequena, Naima, e a súa avoa, que morreu pouco tempo antes de que viñeran vivir a Galicia. Múdanse por fin para estar co seu pai, ó que fai moito tempo que marchou para Vigo.

Khoedi significa “Lúa” en wolof, por iso lle conta todo o que lle pasa á lúa, a mesma que vía no Senegal, e dille que lle gusta saber que van sempre xuntas. A historia está contada por un narrador e pola nena, altérnanse.

Os primeiros días naquela nova casa, na nova cidade, recordaba con nostalxia a súa avoa Mamá Feriane e as historias que lle contaba. Historias que ela, cambiándoas, facéndoas súas, lle contaba a Naima, e a moitas persoas máis que vai coñecendo co tempo. Tamén bota de menos o seu pobo, os amigos, a casa… Co tempo, as cousas van mellorando, e coñece a moita xente nova. Tamén fai amigos, que están no colexio onde está matriculada.

A lectura deste libro de Agustín Fernández Paz pareceume moi interesante. Gustoume moito, sobre todo porque trata da historia dunha nena de color, unha historia que podería ser real, non é unha historia totalmente ficticia como outras que teño lido.

Ás veces identifícome con Khoedi, a protagonista, nalgúns momentos cando se sente diferente ás demais, e simplemente cando está contenta, ou fala das cousas que lle dicía a súa avoa ou a súa nai. Púxenme no seu lugar moitas veces durante a lectura, e iso fíxome darme conta de que aínda qee dúas persoas sexan diferentes por fóra, ou sexan de diferentes razas, pódense sentir de maneira similar ou igual ás veces.

O primeiro capítulo fíxome chorar, porque era o principio dunha nova vida para Khoedi e a súa familia. Cóntalle á Lúa, á mesma do Senegal, os seus primeiros días en Galicia. Chea de nostalxia, fala do que bota de menos da súa casa en Zinguinchor, da súa avoa e das historias que lle contaba… Aínda que é moi triste ás veces, é un libro moi bonito, sinceiramente, un dos mellores que lin. Encantoume.

Ainhoa Soto (1º B)


É un libro moi real, refirome a que mostra a situación actual do noso país cara á emigración. Este problema nós vémolo dende o noso punto de vista, pero este libro ábreche os ollos. Ves a emigración dende o punto de vista dos emigrantes, ves que non é tan fácil como parece chegar a un país novo, sen coñecer a lingua, a xente, nada… é como empezar dende cero.

Cando o rematei, quedeime con ganas de ler máis. A min gustaríame que escribisen unha segunda parte deste libro, xa que é moi bonito. A parte que menos me gusta de todas é na que aparece Mareime, a profesora de universidade senegalesa. Esa parte resúltame un pouco monótona e aburrida. Polo demais, o libro esta moi ben feito, redactado, etc. Gústame tamén a ilustradora deste libro, as imaxes son en cores apagadas, polo que transmiten tristeza e soidade, dous sentimentos que encaixan perfectamente coa historia.
Antía Lorenzo (1º B)