Celso Emilio Ferreiro: unha biografía agardada. Entrevista de Alberto Ramos con Ramón Nicolás

7 Marzo 2012

Biografía,Crónica,Entrevistas

Dioivo publica unha entrevista de Alberto Ramos con Ramón Nicolás sobre diversos aspectos da biografía de Celso Emilio Ferreiro que está en proceso de edición e Xerais publicará na próxima primavera.

 

«Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela»

O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. Para o director de Xerais, Manuel Bragado, esta biografía será a partir de súa publicación unha obra de “referencia” para coñecer o autor de Longa noite de pedra.

A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás, quen aclara que tomou esa licenza para lle dar un “rexistro diferente”, pero que todo ten unha “base documental”. Dese modo, o biógrafo relatará determinados momentos da obra do poeta, como a morte de seu pai ou o inicio da guerra civil.

A AMIZADE “SORPRENDENTE” CON CELA

Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba.

A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. Segundo o autor da obra, as cartas ofrecen unha “imaxe sorprendente” do autor de La Colmena. “Hai referencias de Cela sobre o seu traballo na RAE para eliminar definicións pexorativos da entraga ‘gallego’. Hai cartas tamén nas que Cela amosa sentimentos de pertenza a Galicia e mesmo chega a autodenominarse como emigrante”, sinala Nicolás.

Algunhas cartas con Cela e con outros persoeiros recolleranse nun apéndice da obra, que contará con máis de 50 documentos de diversa índole. Deste xeito, os lectores poderán ler misivas de Celso Emilio, coñece rdocumentos de cando foi expulsado da Hermandad Gallega de Caracas ou ver unha gran gama de fotografías.

Un exemplo do tipo de pezas que terán os lectores nese apéndice pódese consultar á esquerda. A Fundación Celso Emilio Ferreiro cedeu a Dioivo esta credencial do ano 1971, asinada por Alonso de los Ríos, polo que o poeta entraba a formar parte do Consello de Galiza. Este documento, xunto outros moitos, aparecerá recollido no apéndice da biografía preparada por Ramón Nicolás.

O CELSO EMILIO POLÍTICO

A relación entre Cela e Celso Emilio sorprende na medida en que a figura do poeta está vencellada a unha visión política radicalmente oposta á do Nobel. Unha dimensión política e militante que describe o libro, dende os  comezos do poeta na Federación da Mocidade Galeguista. “A súa actividade política transita polo nacionalismo, aínda que lle fixo ás beiras ao PC durante bastante tempo. Fóra diso, formou parte da fundación da UPG”, lembra Nicolás.

Non obstante, acabaría marchando desa formación tralo seu paso por Venezuela. “Quedou moi desencantado polo certo illamento que viviu en Caracas coa UPG, cando volve no ano 1974, desvincúlase da UPG”, explica. Despois, o poeta concluíría a súa evolución política entrando no PSOE co obxectivo de galeguizalo. “A razón do seu ingreso é galeguizar o partido. El entrou no partido coa intención de darlle un ton galeguista”, conclúe Ramón Nicolás.

ACTIVIDADE POLO CENTENARIO

A publicación de Ramón Nicolás será, probablemente, un dos momentos máis destacados do Centenario de Celso Emilio Ferreiro, unha conmemoración que está a encherse de actos e diversas iniciativas, tanto institucionais como populares. Este feito pode lembrar ao que se viviu en 1989, ano no que se lle dedicou as Letras Galegas. “Neste sentido, as Letras Galegas de Celso Emilio Ferreiro foron, para min, o máis parecido que houbo ao Vento Lois. Ese ano había motísimos actos nos que se implicou a xente, no que tamén se implicaron organizacións e asociacións de veciños. Este ano tamén parece que haberá bastante actividade sobre a súa figura”, sinala Nicolás.

Ao redor dese calendario de actividades, xerouse nos últimos días unha polémica pola programación institucional. A semana pasada, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou os actos institucionais previstos para celebrar a efeméride acompañado por representantes do Consello da Cultura Galega, da RAG, do Centro Pen, das Fundacións de Celso Emilio, de Curros e da Cidade da Cultura. Na foto faltaba só a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Esta situación soprendeu a Nicolás, quen comentou a ausencia no seu blog Caderno da Crítica. Acto seguido, respondeu nun comentario a secretaria da AELG, Mercedes Queixas, deixando ás claras que a Asociación de Escritores non fora convidada a participar. A polémica quedou servida e a omisión da entidade deixa en mal lugar os novos resonsables da Xunta en materia cultural.

Alberto Ramos

Celso Emilio Ferreiro: «A noite e a pedra como símbolos», por Manuel Rodríguez Alonso

9 Febreiro 2012

Biblioteca das Letras Galegas,Clásicos,Críticas,Poesía

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha nova recensión crítica sobre a obra de Celso Emilio Ferreiro a partir de Longa noite de pedra.

 

A noite e a pedra como símbolos

             O poema Longa noite de pedra artículase arredor de dous símbolos, que son a noite e mais a pedra. A forma hoxe en día máis fácil de acceder a este texto, á parte das innumerables antoloxías e ata libros de texto de secundaria que o reproducen, é a edición de Longa noite de pedra de Xerais na súa colección “Biblioteca das Letras Galegas”, preparada por Gonzalo Navaza.

Como xa sinalamos noutro dos nosos comentarios, o título do libro e mais do poema que abre o libro acadou tanta fortuna que pasou a designar os corenta anos do franquismo, mesmo fóra de Galicia.

O poema e os símbolos da noite e da pedra foron interpretados a partir das propias declaracións que sobre o asunto fixo Celso Emilio. Na devandita edición de Xerais, o editor en nota sinala que o poema procede da experiencia persoal vivida por Celso cando foi encarcerado no convento de Celanova en 1937 por unha denuncia. O propio poeta nun célebre libro de entrevistas realizadas por Freixanes (Doce galegos, de 1976) sinalaba que o poema xurdira da experiencia persoal da súa detención o ano 1937 no convento de Celanova, cando viña de permiso da fronte de Asturias (o poeta era daquela soldado mobilizado de forma obrigatoria no exército de Franco), pola denuncia dunha envexosa. Segundo conta o propio Celso, pasou varios días pechado nunha cela do convento, toda ela de pedra, incluído o teito e con tan pouca luz que o día parecía noite.

No seu relato autobiográfico A taberna do galo (1978), que se pode ler na edición da Obra narrativa, que fixo Mónica Góñez en Edicións Xerais, o poeta tamén alude a esta dura experiencia da detención no convento de Celanova, convertido en cárcere para presos políticos.

Este poema pasa a darlle título a todo o poemario e tamén temos a testemuña sobre este feito. Sabido é que Longa noite de pedra se publica por primeira vez en 1962 na colección Salnés de poesía da editorial Galaxia, que era dirixida por Francisco del Riego, Emilio Álvarez Blazquez e o propio Celso Emilio Ferreiro. O propio Fernández del Riego na súa autobiografía O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro) conta o proceso de publicación do libro. Relata Fernández del Riego que cando ían publicados varios libros da colección Salnes lle suxire a Celso Emilio que publique algo seu, mais Ferreiro non se manifestou moi disposto. Sentíase moi desesperanzado pola escasa audiencia que tivera O sono sulagado. Por outra banda, aducíame que só dispuña de poemas soltos, escritos en varias épocas e baixo distintas circunstancias. Faltáballes, segundo el, unha elemental unidade para se corporeizar en volume. Convencino para que el e mais eu os relésemos, facendo despois unha escolla. E así foi. Chegou un día ao meu despacho na rúa Velázquez Moreno, cunha manchea de folios mecanografiados e outros manuscritos. Durante máis dunha semá estivemos a lér e comentar os poemas. Desbotamos moitos, como é natural. Algúns foron refeitos en parte. Ao cabo, eliximos de común acordo as composicións que formarían o corpo do libro. Planteóusenos despois o problema do título que lle pór a este. Dándolle voltas ao asunto, ocurríuseme que o poema Longa noite de pedra podería ser tamén o axeitado para o libro. Pareceulle moi ben ao autor, e foi de tal maneira como xurdiu a obra poética que adquiriría máis tarde grande sona (páx. 211-212).

Nesta obra aínda dá Fernández del Riego novos datos sobre a publicación deste poemario. Refírese Del Riego ao autor: Celso Emilio Ferreiro era amigo meu desde a época da Federación de Mocedades Galeguistas… Despois da guerra civil, sen motivo aparente, puxo ao descoberto nun periódico de Pontevedra que era eu quen me agachaba no seudónimo Salvador Lorenzana. Tan insospeitada actitude determinou que me alonxase da amistade que nos unía. Andado algún tempo… reanudamos… as vellas relacións… (páx. 277) Tras aludir ao desalento que lle produciu a Celso Emilio a pouca difusión de O sono sulagado, xa vista enriba, engade Del Riego: que o inducín teimosamente a publicar na colección Salnés o novo libro que se titularía Longa noite de pedra por suxerencia miña. Tiráronse setecentos exemplares, que era o número asignado para tódolos volumes da colección. Na súa saída do prelo non atinxiu o desexado esparexemento. Pero, a partir da traducción ao castelán, a obra comezou a adquirir unha grande proxección, marcando o acento dunha época da poesía na nosa lingua (páx. 278).

Xa que logo, polos testemuños e documentos, podemos fixar a experiencia que motiva o poema Longa noite de pedra e mais tamén como se artellou o poemario do mesmo título, onde é fundamental a participación de Fernández del Riego, non só como instigador a publicar, senón tamén como antólogo, pois elixe os poemas que se editan xunto co autor, e mesmo di que se fan correccións, posiblemente inducidas tamén por Fernández del Riego. Por outra banda, informa sobre a difícil difusión que o poemario tivo na súa primeira edición e se a alguén lle temos que facer caso é precisamente ao responsable da editorial que o publica.

Mais o poema Longa noite de pedra ten acertos que o converten nun texto poético para min de primeira orde. Neste sentido temos outra testemuña que nos fai pensar que o poema algo ten, á parte do seu valor político, social ou cívico. Como xa indicamos noutro artigo anterior publicado neste mesmo blog, a gran difusión da obra de Celso Emilio debeuse en parte a que os seus poemas foron musicados e cantados por Voces Ceibes, comezando polo propio “Longa noite de pedra”.

Neste sentido Vicente Araguas, membro de Voces Ceibes, escribe no seu libro autobiográfico Voces Ceibes (Edicións Xerais de Galicia), lembrando o célebre concerto de Voces Ceibes no 68 na Facultade de Medicina de Santiago e falando do éxito que tiveron as cancións: e sobranceiramente, “Longa noite de pedra”, solemnemente interrompida na súa interpretación polas campás do veciño Convento de San Francisco, esconxuradas para bater con ladaíña triste, cando Xavier salmodiaba I eu morrendo/nesta longa noite de pedra. Para min, este foi o momento máis catártico do recital, cando ao chou estalou a conxunción sonora: voz, aplauso, guitarra, poema e campá. Todo un símbolo (páx. 88).

O primeiro acerto do poema, desde o meu punto de vista, é a súa estrutura circular, posto que comeza e remata co mesmo sintagma. O primeiro sintagma é o título (“Longa noite de pedra”) e o derradeiro sintagma do poema volve ser “longa noite de pedra”, mais disposto no que os preceptistas chaman un encabalgamento sirremático, posto que o complemento de pedra forma o derradeiro verso e queda separado do seu núcleo nominal noite, que é a derradeira palabra do penúltimo verso. Mais no corpo do poema esta palabra ou sintagma nuclear só aparece esta vez, ademais do título do poema.

Pola contra, a palabra que se reitera máis e pedra, que sen contar a súa presenza no título, aparece ata seis veces nun poema que podemos considerar breve. Se o poema presenta en total dezanove substantivos (contados os que se repiten), pedra aparece seis veces, co que pedra supón un 31,6% dos substantivos que aparecen no poema.

Volvemos ao símbolo da noite. Desde a Biblia a noite oponse ao sol, ás tebras, á luz. Os místicos relacionan a noite coa ausencia de Deus, co pecado. Mais na tradición literaria, comezando pola propia mística, a noite tamén é o momento en que se reflexiona ou un se atopa consigo mesmo. A noite, na tradición filosófica pitagórico-neoplatónica, é tamén o tempo da inspiración e da meditación. E ese sentido aparece tamén no poema de Celso Emilio. A noite é o desamparo, a soidade, o medo á represión, mais tamén esa noite non é eterna, sempre despois da noite chega o día e mesmo nesa noite decatámonos das condicións en que vivimos. Por iso, o lector ou receptor do poema sente a noite con ambivalencia: é negativa, mais non é eterna, pois á noite sempre lle segue a luz. Por outra parte, fainos meditar e enfróntanos con nós mesmos e cos nosos problemas e angustias, mesmo co pasado, mentres proxectamos o futuro. Esa interpretación da noite-sombra como medo, mais tamén como reflexión e volta ao pasado está tamén nos románticos alemáns como Novalis ou Hölderline, que consideran a noite como o espazo temporal misterioso onde o corazón conecta co pasado, visto fundamentalmente como dor, mais tamén aberto á luz do mencer. Mais a palabra noite, que dá título ao poema e mais ao libro, se descontamos o título, só aparece no remate do poema, como xa indicamos, producindo esta sensación de circularidade.

A palabra que aparece ata seis veces é pedra. A pedra simboliza o frío, a insolidariedade, a indiferenza, a dureza fronte ao sufrimento alleo, a imposibilidade de fuxir dun espazo pechado… É peor ca a noite, pois esta remata co día, por moi longa que sexa. Mais a pedra, que pecha todo, pode converter, como nos calabozos, o día en noite. Velaí o acerto do poeta: esta combinación da noite coa pedra.

Se o encabalgamento sirremático salienta pedra no sintagma longa noite/de pedra que remata o poema, ao longo do texto o autor emprega outros recursos para destacar pedra. Así esta palabra remata o primeiro verso e comeza tamén o segundo. Estamos ante o que a retórica designa como reduplicatio ou anadiplose. Esta repetición da palabra pedra reitérase como ánafora no verso 4 e cun paralelismo sintáctico desde o verso 6 ao 5, aínda que na última oracións dos versos 4-5 desaparece o verbo copulativo. A orde sintáctica nestes versos 2-5 é atributo-suxeito. Nos versos 6-10 segue o paralelismo sinónimico baseado na pedra, mais recupérase a orde sintáctica lóxica de suxeito-verbo copulativo-atributo. Por outra banda, o suxeito da oración comprendida entre 6-11 é unha enumeración caótica asindética (co que o lector pode incluír intuitivamente máis realidades), onde reaparece pedra como remate do verso 11, co que se produce non só un efecto de retrouso, senón tamén unha ordenación do poema a través dunha anadiplose imperfecta entre os versos 2-4 e os verso 11, que se continuará nos 16 e 19. Os primeiros once versos presentan unha sintaxe rápida e dinámica cun predominio absoluto dos substantivos. Pola contra, desde o verso 12 ao remate (verso 19) o ritmo sintáctico remánsase cunha oración de relativo, a presenza de dous adverbios e mesmo o emprego do xerundio, forma durativa por excelencia. Coincide ademais este remanso sintáctico coa aparición do eu lírico e coa meditación deste eu sobre a súa situación.

Por outra banda, o poema emprega unhas visións, imaxes visionarias e símbolos que conectan co inconsciente colectivo, pois a mentalidade popular relaciona a noite e mais a pedra co medo ou cando menos coa prevención. Pertencen aos mitos instalados no inconsciente colectivo, como se testemuña na mitoloxía popular galega e ata na fraseoloxía. A noite é o tempo das bruxas, dos trasgos, de Satán, da Santa Compaña… O día e a luz son o ámbito dos vivos. Mesmo a expresión popular estar coma unha noite significa ´estar triste e melancólico´ ou noite de lobos, asocia a noite co tamén medo mítico ao lobo. A pedra pola súa banda é o símbolo negativo do frío, a pechazón e sobre todo da insolidariedade e da falta de simpatía cara ao outro. A fraseoloxía dános de novo a pista: abrandar/facer chorar as pedras, ser duro coma as pedras, frío coma unha pedra, xorda coma unha pedra… De aí a impresión que nos producen as olladas ou os corazós dos homes de pedra.

Máis arriba falabamos da tremenda impresión que lle producía a Araguas e aos asistentes do concerto da facultade de Medicina de 1968 o ritmo do poema de xeito que o emparellaban co das campás. E que outro acerto do poema é o seu ritmo trocaico, que lembra o cunha campá que tocase a morto.

Non obstante, o poeta que nos tempos da guerra ou inmediatamente posteriores crea este poema, segundo el mesmo declara e vimos polos seus propios testemuños (máis declaracións sobre a época da escrita dos poemas de Longa noite de pedra podémolos atopar en Conversas con Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado tamén en Xerais, que sitúan os poemas na mesma guerra ou na inmediata posguerra) é tamén o home que aparece na listaxe de membros do partido Falanxe Española, que contribuíu a crear esta longa noite de pedra. O recente libro de Gonzalo Amoedo López, A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra (Xerais), ofrece un apéndice coa listaxe de milintantes falanxistas da Pontevedra da inmediata posguerra e alí aparece Ferreiro Míguez, Celso Emilio, empregado Fiscalía Taxas (páx. 442).

Alonso Montero en Os escritores galegos ante a guerra civil española (Galaxia) reproduce o poema de Celso Emilio Prisioneros, publicado en El Compostelano, o 4 de novembro de 1937. Este poema pasará a figurar nunha das antoloxías poéticas que por aqueles anos se facían en loanza do franquismo: Lira bélica (Antología de los poetas y la guerra), como tamén sinala Alonso Montero no mesmo volume.

Se comparamos o poema castelán, o romance,“Prisioneros”, con “Longa noite de pedra”, vemos algunha coincidencia. Os dous poemas tratan un mesmo tipo literario, o do prisioneiro. O prisioneiro é un tipo literario co que todos estamos familiarizados, mesmo desde a idade escolar, tanto no sentido literal coma no metafórico (quen non leu nos anos escolares o “Romance do prisioneiro” castelán ou os textos místicos do corpo ou mesmo o mundo como prisión dos sentidos?) Mais a prisión, como acontece en “Longa noite de pedra”, sempre é negativa. Non obstante, no romance franquista “Prisioneros” os vencidos son recibidos, dun xeito evanxélico, polos franquistas como os fillos pródigos que regresan á casa do pai: “Venid, los hijos perdidos; venid aquí, descarriados. Dun xeito tamén evanxélico, o sangue dos franquistas, como un novo sangue de Cristo serviu para os recuperar: ¡La sangre de nuestros héroes / os tiene recuperados! O romance presenta así mesmo unha serie de recursos que xa vimos en “Longa noite de pedra”. Así no comezo do poema aparece a anadiplose (Van llegando los vencidos / los vencidos, van llegando). O poeta manexa adecuadamente o ritmo sintáctico cunha sintaxe lenta con abundancia de repeticións, adxectivos, circunstanciais ou caracterizacións, así como a perífrase de xerundio, que suxiren a lenta e traballosa chegada dos prisioneiros. Usa imaxes visionarias e símbolos que nos lembran de novo o poema galego. Os ollos dos prisioneiros son grutas de medo. Os franquistas son a luz á que chegan os prisioneiros despois da noite en que viviron e chegan por unha carretera blanca (les damos luz y pan blanco). O pan blanco identifícase coa relixión católica: el blanco pan de Dios. O poema remata tamén dunha forma circular co Van llegando los vencidos / los vencidos van llegando, mais os dous versos anteriores son ¡Viva España, camaradas!/ ¡Camaradas, viva Franco!. Reparemos na perfecta conxunción que acada o poema entre falanxismo e nacionalcatolicismo.

O poeta que di, en galego, vivir polo mesmo tempo nunha longa noite de pedra, en castelán proclama que esta noite é realmente unha estrada de luz o os prisioneiros non son recluídos en calabozos escuros e de pedra, senón que son recibidos por caritativos caballeros, que os acollen como hijos perdidos, descarriados e recuperados pola sangue dos caídos franquistas, nunha sorte de redención católica volta ao político-falanxista, como os místicos volvían ao divino a poesía amorosa: ¡La sangre de nuestros héroes / os tiene recuperados.

Alonso explica este poema de Celso Emilio como xurdido polo afán de zafar da represión franquista de quen fora caracterizado membro das Mocedades Galeguistas. Mais o libro devandito de Gonzalo Amoedo López preséntanos un Celso Emilio, na década dos corenta, como falanxista e plenamente integrado no sistema como funcionario da Fiscalía de Taxas de Pontevedra.

Co gallo da dedicación do Día das Letras a Celso Emilio, Edicións Xerais presentou unha fermosísima e utilísima Celso Emilio Ferreiro. Unha fotobiografía (1912-1979). Como é sabido Celso Emilio foi fundador e director de Guieiro. O número do 1 de decembro de 1935 reprodúceo esta fotobiografía onde atopamos un artigo en portada titulado “Porque non berramos ¡Viva Hespaña! Se seguimos examinando esta fotobiografía, nas follas dedicadas ao período pontevedrés de 1940 a 1950 vemos unha imaxe pública de Celso Emilio como intelectual ao servizo do franquismo, ou polo menos colaborando con el. Así aparece na foto de conferenciante diante dunha mesa de autoridades presidida polo gobernador civil da provincia de Pontevedra, o fiscal se taxas e mais dúas autoridades militares. Pola foto parece que os dous primeiros visten a camisa azul falanxista. Así mesmo reproduce esta coidada fotobiografía a primeira páxina do número 1 da revista Finisterre, de setembro de 1943, cuxo redactor xefe era Celso Emilio. No recadro de presentación da portada podemos ler como derradeiro parágrafo: Al salir a la luz, saludamos brazo en alto al Caudillo, Capitán de la Patria, y a las autoridades y a la prensa nacional.

Como conciliar estas posturas antitéticas? Cando explicamos a literatura temos que fuxir tanto das posturas haxiográficas como tamén das demonizadoras. Os escritores, como calquera outra persoa, teñen que vivir o día a día, atopar un traballo, acadar un soldo, conseguir ver publicados os seus escritos na prensa ou nas editoriais do momento e iso condiciona. Por outra banda, nas situacións de ditadura e persecucións terribles como foi a franquista da guerra e sobre dos anos corenta, ninguén quere morrer e ninguén está obrigado a ser heroe as vinte e catro horas dos trescentos sesenta e cinco días do ano. Sen dúbida ningunha en Celso Emilio Ferreiro, escindido entre o poeta en galego que sofre a longa noite de pedra do franquismo e o Celso Emilio poeta gabador do franquismo en castelán ou mesmo falanxista, dáse o que tan ben estudaron na etapa da Inquisición Américo Castro ou Bataillon cos criptoxudeus ou cos erasmistas. Para poder vivir, traballar, mesmo para salvar a vida cumpría presentar unha imaxe pública de católico fervoroso, mais outra cousa ía por dentro.

Eu coido que o mesmo acontece no caso Celso Emilio. Claro que os afeitos á haxiografía lles gustaría máis o heroe, mais non é pouco padecemento e tremenda noite de pedra facer e escribir unha cousa en público, para zafar da morte e da persecuión ou simplemente para poder vivir, ter un traballo, que os fillos non sufran atrancos por seren fillos dun roxo ou separatista e escribir outra en privado, onde un se manifesta como realmente é. En próximas entregas tentaremos unir esta postura co chamado entrismo ou posibilismo nos anos do franquismo, que permitiron que se comezasen a publicar textos en galego ou coleccións como a Benito Soto, na que foi figura fundamental Celso Emilio Ferreiro.

Con este artigo, propoñemos así mesmo que neste ano Celso Emilio se explique a obra do poeta no seu tempo en institutos e colexios fuxindo tanto da haxiografía como da demonización e usando os materiais que están ao dispor de todos nós como as edicións que citamos, libros de conversas, fotobiografías e demais elementos, para que o alumnado lea, relacione e forme unha opinión de seu.

Manuel Rodríguez Alonso

Programa dedicado a Celso Emilio Ferreiro no Eirado da TVG

7 Febreiro 2012

Audios,Clásicos,Entrevistas,Poesía,Reportaxes,Televisión

O programa Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, dedicou un interesantísimo programa monográfico a Celso Emilio Ferreiro. Amais dunha magnífica reportaxe de Luís Méndez e de entrevistas sobre o poeta de Celanova co seu fillo Luís Ferreiro, co seu biógrafo Ramón Nicolás e coa responsable da edición da súa narrativa Mónica Góñez, o programa recupera do arquivo a actuación de tres músicos que cantaron os seus poemas: Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde.
 

A figura de Celso Emilio Ferreiro centra hoxe un acto do Club Faro

23 Xaneiro 2012

Eventos

A figura de Celso Emilo Ferreiro centra un acto que se celebrará esta tarde no Club Faro e no que intervirán o presidente da RAG, X. L. Méndez Ferrín; o biógrafo do poeta, Ramón Nicolás; e os fillos do escritor celanovés Isabel e Luis Ferreiro Loredo. O acto será presentado polo director de Xerais, Manuel Bragado.

Una mesa redonda sobre Celso Emilio Ferreiro centra el acto de Club FARO

Auditorio Municipal Areal (Areal, 46), a las 20.00 horas. Entrada libre.

“Vigo e Celso Emilio Ferreiro”es el título de la mesa redonda que hoy organiza Club FARO.Intervendrán en el acto Xosé Luis Méndez Ferrín (presidente de la Real Academia Galega), Ramón Nicolás Rodríguez  (biógrafo del escritor gallego)  y Isabel Ferreiro Loredo y Luis Ferreiro Loredo (hijos del autor). La presentación corre a cargo de Manuel Bragado (editor; director de Edicións Xerais de Galicia). El acto celebra el “Ano Celso Emilio Ferreiro”, declarado por la Xunta para conmemorar el centenario de su nacimiento.

A biografía de Celso Emilio Ferreiro que prepara Ramón Nicolás botará luz sobre cuestións descoñecidas

20 Xaneiro 2012

Biografía,Noticias

Ramón Nicolás adiantou, nunha conferencia no Ateneo de Santiago, algúns dos aspectos que guiarán o perfil da súa documentada biografía de Celso Emilio Ferreiro, que Xerais publicará na próxima primavera. Reproducimos a información que publicou Fran P. Lorenzo en El Correo Gallego.

Ramón Nicolás bota luz sobre a biografía de Celso Emilio

O profesor e crítico literario debullou detalles  do traballo que ultima sobre o poeta celanovés

Ramón Nicolás, o profesor, crítico literario e blogueiro vigués -mantén na rede o seu Caderno da crítica- anticipou a pasada tarde, nunha concorrida conferencia, convocada polo Ateneo de Santiago, os fitos da biografía que está a ultimar sobre o poeta Celso Emilio Ferreiro. O traballo publicarase neste 2012, centenario do nacemento do autor de Celanova, o lugar no que vivíu desde o seu nacemento en 1912 até o golpe militar de 1936. Co rigor e atención que adoita nas súas críticas e estudos literarios, Nicolás foi debullando as principais liñas dun percurso vital complexo, que se iniciou no arredismo ou independentismo de preguerra, da man, canda o seu amigo Pepe Velo, das Mocidades Galeguistas. Dese época son textos que Nicolás recupera nos xornais da época e divulga nesta biografía que detalla tamén a titela exercida por un seu irmán nos días de terror que lle seguiron á rebelión franquista e que o autor detalla con profusión de datos.

Reclamado para cumprir co servizo militar en plena guerra, en Oviedo coñece á que será a súa muller, Moraima, momento no que Nicolás sitúa tamén o o estourido do Celso Emilio poeta, que de volta en Pontevedra participa activamente na vida xornalística e editorial da cidade.

Desprazado a Vigo en 1949 iníciase unha outra etapa fecunda na que CEF escribe a que é para o biógrafo a súa gran obra, O soño sulagado: “aí está todo Celso Emilio”, asegura. O seu papel na fundación da UPG, a publicación en 1962 de Longa Noite de Pedra, na histórica colección Salnés, o salto a Caracas, e os conflitos coa Hermandad Gallega, completan un percorrido no que teñen singular peso as relacións epistolares coa intelectualidade galega do tempo “Xosé Mª Álvarez Blázquez foi o seu confidente e grande amigo”- e no que se bota luz sobre episodios descoñecidos e inéditos da vida do poeta.

Fran P. Lorenzo

 

«Longa noite de pedra» no seu tempo, por Manuel Rodríguez Alonso

18 Xaneiro 2012

Biblioteca das Letras Galegas,Clásicos,Críticas,Poesía

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.

 

 

Arredor de Celso Emilio Ferreiro

«Longa noite de pedra» no seu tempo I

Desde o punto de vista da recepción podemos dicir que na segunda metade dos sesenta e na primeira metade dos setenta as dúas obras que máis éxito tiveron de público na literatura galega foron Memorias dun neno labrego e mais Longa noite de pedra.

Evidentemente, as causas deste éxito baséanse na calidade das devanditas obras, mais tamén noutros factores que cómpre ter en conta. Xa temos tratado diso a propósito das Memorias e agora imos achegarnos a Longa noite.

Longa noite de pedra publícase en 1962 na colección Salnés da editorial Galaxia. A tiraxe era de 750 exemplares e malia o que din algúns, pola testemuña do propio Celso Emilio, o número de vendas foi moderado. Parece ser que en ningún caso tivo o éxito que lle atribúen a esta edición Alonso Montero ou Basilio Losada, como sinala o Diccionario da literatura galega III.

O certo é que o grande éxito de Longa noite prodúcese a partir da edición bilingüe, galego-castelán, publicada pola editorial catalá El Bardo en 1967. Ata1972 a editorial catalá publicará cinco edicións (dúas no 68). Foi o libro de poesía máis vendido da editorial catalá.

A edición de Galaxia parece ser que foi preparada por Emilio Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego, especialmente por este último, que realiza a escolma dos poema e ata suxire o título do libro a partir do poema do mesmo título, que abrirá o poemario.

En canto á recepción da edición de Galaxia a crítica non foi realmente entusiasta. Fixeron recensións desta primeira edición Ben-Cho-Shey, Augusto Casas, Salvador Lorenzana, Alberto Míguez, Dora Vázquez, Mauro Fernández, Manuel María e Alonso Montero. Os dous grandes valedores do libro van ser os dous últimos, Alonso Montero (en Hoja del lunes, de Lugo, 12-11-1962) e Manuel María (El Progreso 31-10-1962). Podemos dicir que o crítico que promocionou máis o libro foi Alonso Montero, nuna liña crítica marxista e do célebre compromiso sartriano. Podemos resumir a postura de Alonso sobre Celso Emilio nun libro que tivo unha ampla difusión dentro e fóra de Galicia: Realismo y conciencia crítica en la literatura gallega, que considera hito esencial en la historia de nuestra literatura contemporánea.

Non obstante, Longa noite de pedra vaise atopar coa oposición frontal de Ramón Piñeiro, daquela verdadeiro santón da literatura galega. Se examinamos a correspondencia entre Basilio Losada e Piñeiro (publicada por Galaxia en 2009) atopamos xuízos tremendamente descualificadores da obra de Celso Emilio. Así Losada asegura nunha carta de novembro de 1962: O derradeiro libro de C. E. Ferreiro decepcionoume, é unha poesía destemida e rexa, pero non orixinal, hai nas súas páxinas moito clixé xa visto na poesía castelá (páx. 171). A resposta de Piñeiro é contundente: Estou enteiramente de acordo… Sobran bastantes poemas. Con certeza que terá moito éisito no público, mais iso pouco quere decir tocante ao valor intrínseco do libro (páx. 174). Noutra carta de 1963 Piñeiro engade que a poesía “verdadeira” dos nosos días, eu coido que sigue esta liña: Pimentel – Díaz Castro – Novoneira – Franco Grande (páx. 246). Máis adiante, en xullo do 67, Piñeiro cualifica a poesía de Longa noite de prosaica violencia (páx. 249). Losada contéstalle mostrando o seu pleno acordo: Estou absolutamente de acordo coas consideracións que fai en relación co libro de Celso Emilio. A seguir Losada fala da inconsistencia do libro en canto valores poéticos intrínsecos. Se se quitan media dúcea de poemas que teñen forza de seu, nos demais hai bastante retórica (páx. 251). Noutras cartas Piñeiro e Losada manifestan o seu profundo odio contra todo o supoña marxismo ou literatura social. Mesmo sinalan que os grupos marxistas só queren acabar con Galaxia.

Na correspondencia entre Piñeiro e Franco Grande, Piñeiro sinala, o ano da publicación de Longa noite de pedra (1962): Penso que Os eidos, Sombra de aire na herba, Nimbos e mais o teu libro (refírese a Entre o si e o non de Franco) serán as catro aportacións sustanciás á nosa lírica nestes derradeiros anos (páx. 141). Franco Grande en carta de 1964 sinala: Díaz Castro, morto Pimentel, na miña opinión é o único verdadeiro poeta que nos queda en Galicia… A min resúltame curioso como atopan eco na xente as vulgaridades e ramplonerías de Celso Emilio Ferreiro, mentras un verdadeiro creador como Díaz Castro queda na sombra (páx. 144).

Paradoxalmente o grande éxito de público vaise producir cando Longa noite se publique en edición bilingüe galego-castelán (traducida precisamente ao castelán nada menos por quen tanto desprezaba a obra, Basilio Losada) pola editorial catalá El Bardo, dirixida por Jose Batlló. A  primeira edición bilingüe é de 1967, tras superar uns problemas coa censura dos que falaremos noutro lugar. No 68 ten outras dúas edicións e parece ser que nestes tres anos se venderon 6 000 exemplares, que serían 8 000 tras a cuarta edición de 1972. Foi o libro de poesía máis vendido dos que editou daquela El Bardo. A crítica en lingua castelá recibiuno con parabéns (G. Díaz-Plaja en ABC 10-8-67; A. Tovar en Gaceta Ilustrada 3-9-67 ou L. Azancot en Índice, decembro de 1967). Especialmente significativa foi a crítica de P. Gimferrer, o daquela líder dos venecianos ou neomodernistas en Destino (29-7-67) que afirma: riguroso cálculo interno que equilibra cada poema y el admirable sentido de la imagen poética. Esta es a menudo de raíz irracionalista o surreal y la influencia de Neruda no habrá sido inoperante.

Mais, quen era o editor José Batlló? Batlló nacera en Caldes de Montbui (Barcelona, 1939) e nos comezos dos sesenta residía en Sevilla, onde mantiña un grupo teatral de afeccionados cun daquela mozo Alfonso Guerra. Naqueles comezos dos sesenta Batlló era un devoto da literatura social de Gabriel Celaya e de Alfonso Sastre. Funda ademais a célebre revista de poesía La Trinchera, no ano 1962, precisamente o ano de publicación de Longa noite. Rematada a mili sevillana, Batlló regresa a Barcelona e contacta cos Goytisolo, Gil de Biedma etc. Nunha viaxe a Madrid xúntase cos Celaya, Félix Grande, Pradera e o PCE… Así xorde a colección de poesía El Bardo, que entre 1964 e 1968 difunde a poesía social, mais tamén poesía onde a experimentación vangardista, a preocupación pola forma e a linguaxe e tamén o sentimentalismo son liñas admitidas. Convértese deste xeito na colección onde todos os poetas novos daquela queren ver publicados os seus libros e é definido El Bardo por un dos mellores coñecedores deste período histórico (Jordi Gracia) como una colección poética de batalla y palmariamente roja. Na colección saíu precisamente Arde el mar de Gimferrer. Así pois, El Bardo de Batlló xuntaba o combate social e ideolóxico coa modernidade e o formalismo. Por outra banda, a editorial tiña unha boa rede de distribución a través das librerías progres de Madrid, Barcelona e Zaragoza.

Paradoxalmente, o tradutor ao castelán da edición de El Bardo vai ser o outrora tan crítico con Longa noite Basilio Losada. En cartas sucesivas a Piñeiro Losada aparece convertido nun prologuista e defensor do que el chama poesía combativa, pois dille a Piñeiro que acepta as peticións neste sentido da editorial, aínda que sinala que cumpriría publicar tamén en El Bardo a Pimentel.

Piñeiro non acepta de ningún xeito o éxito de Longa noite e respóndelle a Basilio: … arredor da súa importancia (refírese á poesía de Celso Emilio) hai unha notoria inflación propagandística. É menos orixinal e máis receptivo do que sería preciso para ser un bo poeta. É un poeta bastante retórico, tirando a mediocre, con uns cantos acertos valiosos. Todo o demais, é propaganda (páx. 587). En cartas sucesivas Basilio non ten máis remedio que recoñecer o éxito do poemario, que el designa comercial e rexistra as críticas favorables dos comentaristas casteláns que xa citamos enriba. O certo é que en carta do 21 de xuño de 1969 Basilio sinala: Por certo que Longa noite vai pola 4ª edición… liña eficacísima como demostran os 8.000 exemplares vendidos… (páx. 758). É dicir que en tres anos se venderan oito mil exemplares da edición bilingüe… Xa que logo o éxito era evidente. Mais non grazas a Galaxia e á súa edición, senón á de El Bardo.

Mais a gran difusión que vai acadar a obra de Celso Emilio na propia Galicia entre 1967 (data da primeira edición de El Bardo) e a de 1972 vén determinada por que a súa difusión vai realizarse a partir do movemento estudantil e reivindicativo que prende en Galicia a partir da célebre folga de estudantes de Santiago de maio de 1968.

A gran difusión de Longa noite, como aconteceu por exemplo cos Cantares gallegos, vai vir máis da edición de poemas soltos ca da difusión do libro, aínda que esta fose extraordinaria no seu tempo para ser un libro de poesía e nas condicións de censura que se facía. Os estudantes do 68 compostelán e o grupo Voces Ceibes cantan poemas de Celso Emilio como “Longa noite de pedra”, “Carta a Fuco Buxán”, “Monólogo do vello traballador”, “Romance incompleto” ou “María Soliña”. Por outra banda, nestes recitais de Voces Ceibes adoitaba entregarse ao público o texto dos poemas que intepretaban os cantautores no que daquela se denominaban Cancioneiros. Ían editados a multicopista. Deste xeito o membro de Voces Ceibes Benedicto García sinala no seu libro de memorias Sonata de amigos que no concerto da Facultade de Medicina de Santiago do 26 abril de 1968 se repartiron gratuitamente dous mil cancioneiros (páx. 47). No recital do 1 de decembro de 1968 repartíronse tamén  cancioneiros (páx. 65) a unhas 1300 persoas, aínda que cobrando 10 pesetas por cada exemplar (páx. 65).

Xa que logo, con estes datos vermos que a poesía de Celso Emilio tivo unha extraordinaria difusión e á marxe en certo sentido das canle libro. Os poemas difundidos nestes cancioneiros  e recitais son os máis combativos. Deste xeito, prímase a imaxe dun Celso Emilio exclusivamente poeta social, cando no poeta hai outras moitas cordas, mesmo no propio Longa noite de pedra.

A Filoloxía oficial da Universidade daqueles anos (1967-1972) ignoraba a figura de Celso Emilio. Nas clases de Literatura Galega impartidas por Carballo Calero propúñase a lectura de Nimbos, en sintonía coas opinións xa vistas de Piñeiro. Nas de Crítica literaria, impartidas por Lorenzo, non se facía nada, como xa temos dito, máis que memorizar a Introducción a los estudios literarios de Lapesa o a Métrica do españolista Quiles. Despois veu como gran figura da crítica Bobes Naves e só se falaba de formalismo e máis da poesía pura de Jorge Guillén. Nos métodos de Galego 1, 2, 3, si aparece Celso Emilio. No Galego 1 figura “Pra mocedade”, de Viaxe ao país dos ananos. No Galego 3 na sección dedicada á historia da literatura galega sinala este método …o paso a unha poesía social… concebida como vehículo espresivo da realidade do país. O representante máis destacado desta tendencia é Celso Emilio Ferreiro. Despois dunha serie de libros…, publica en 1962, Longa noite de pedra. O esgotamento inmediato desta obra foi un feito insólito na socioloxía literaria galega (páx. 169).

Na década dos setenta e incluso dos oitenta un dos críticos de poesía máis influentes en Galicia e fóra de Galicia era o tradutor de Longa noite, Basilio Losada. No Almanaque de Galaxia, que conmemoraba os vinte e cinco anos da editorial afirmaba sobre Longa noite: O 1962 é unha data clave da lírica galega. Aparece Longa noite de pedra que, ao meu ver, xunto co de Pimentel, é o libro máis importante da lírica galega de posguerra (páx. 105). É incrible o cambio de opinión sobre Longa noite de Losada, pois unha opinión é a súa antes da tradución e outra despois. A editorial Seix Barral publicará unha antoloxía da poesía galega contemporánea (Poetas gallegos contemporáneos) debida a Basilio Losada. Alí as críticas de Basilio non poden ser máis positivas: Longa noite de pedra es aun la pieza insuperada de la poesía testimonial gallega…

En fin, en sucesivas entregas, analizaremos outros aspectos relacionados coa poesía de Celso Emilio, mais o que resulta evidente é que a difusión de Celso Emilio nos sesenta e setenta foi extraordinaria. Nesta difusión representou un papel importante o libro, pero tamén as follas en ciclostil dos cancioneiros a partir de Voces Ceibes así como as antoloxías, como a citada de Losada. Por outra banda, os cancioneiros difundiron fundamentalmente a poesía social e cívica de Celso, esquecendo outros temas. Mesmo un poema como “Longa noite de pedra” pode ser interpretado por un lector que descoñeza as declaracións de Celso a Freixanes sobre o motivo que provoca este poema non só como un texto de poesía cívico-social. Mais isto queda para outra entrega. Tamén, aínda que nos doa, a gran difusión de Celso veu dunha editorial non galega, como era a de El Bardo, e foron máis xenerosos coa valoración da súa poesía xente de fóra de Galicia, como Gimferrer, que moitos dos críticos galegos, especialmente os do piñeirismo, que se enfurecían perante todo o que cheirase a marxismo.

Mais, sen quitarlle mérito ao grupo Galaxia e a outros similares, moitos soubemos que a literatura galega non era mera arqueoloxía e que tiña unha mensaxe universal no remate dos sesenta e nos comezos dos setenta grazas á obra de Celso Emilio, de Neiras e mesmo dos críticos que daquela defendían o compromiso sartreano. Así mesmo resulta rechamante como Longa noite, igual que acontece hoxe co fenómeno Rivas ou De Toro, acada o grande éxito cando é canonizado fóra de Galicia, polo que daquela se consideraba a crítica progresista ou unida a determinados medios editoriais e mediáticos españois. Tamén foi máis xeneroso con Ferreiro e ata mellor informado unha persoa allea a Galicia como Gimferrer. En fin, seguiremos co tema Celso Emilio.

Manuel Rodríguez Alonso

Centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro (4/1/1912 – 4/1/2012)

4 Xaneiro 2012

Autores,Narrativa,Noticias,Poesía

Tal día coma hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Era o 4 de xaneiro de 1912 e o poeta vía a luz na vila que posteriormente sería un dos eixos que guiaron a súa obra literaria. Cen anos despois, esa obra literaria é un referente inexcusable para a literatura galega, que hoxe non sería interpretable sen a figura enorme e simbólica de Celso Emilio. Desde Edicións Xerais de Galicia, editores da totalidade da súa obra, queremos sumarnos á celebración. Este ano, con motivo do centenario, o Parlamento Galego declarou, por unanimidade, o 2012 como Ano Celso Emilio Ferreiro, con actividades e celebracións especiais dedicadas a conmemorar a figura do escritor celanovés. Hoxe por hoxe, a figura de Celso Emilio Ferreiro sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega. En Edicións Xerais de Galicia camiñamos da súa man.

 

 

Celso Emilio Ferreiro, unha obra en seis libros, por Ramón Nicolás

3 Xaneiro 2012

Autores,Biblioteca das Letras Galegas,Clásicos,Críticas,Narrativa,Poesía

Ramón Nicolás publicou no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia estas recensións dos libros de Celso Emilio Ferreiro.

 

Celso Emilio Ferreiro, unha obra en seis libros

O soño sulagado (1954)

Primeiro libro en lingua galega  tras o clandestino Voz y voto. Nel repousan, con afán  totalizador, as preocupacións ás que lle deu forma poética e polas que transitou dese momento en diante: a reivindicación e a intención belixerante, os poemas abeirados á dimensión máis íntima e sentimental e aqueloutros que, aínda timidamente, xa deixan asomar o aguillón sarcástico e mordaz que centrará en exclusiva outros poemarios como as Cantigas de escarnio e maldicer ou Cimenterio privado.

Longa noite de pedra (1962)

Cúmprense no 2012 cincuenta anos desde a súa aparición na colección Salnés, vinculada  on Galaxia. O poemario non se reeditaría ata que ve a luz unha edición bilingüe, no selo catalán de El Bardo, en tradución de Basilio Losada. A consecuencia máis inmediata deste libro sería a súa proxección do autor como un dos poetas máis salientables do ámbito peninsular do momento. Poucos libros coma este no século XX: crónica poética dun  tempo, pero operativa e chea de validez aínda hoxe.

 Viaxe ao País dos Ananos (1968)

Recibido no seu día con certa polémica, CEF vén de experimentar en carne propia a persecución á que o somete unha nova directiva da Hermandad Gallega de Caracas, onde traballaba nunha sorte de autoexilio e da que foi expulsado. O poemario agroma destas vivencias e, alén de ser unha resposta a certa emigración logreira, nel encérranse grandes achados poéticos sobre a propia existencia e o intimismo.

Poesía galega completa (2004)

No ronsel de proxectos compilatorios semellantes como os que se efectuaron en Akal ou Sálvora, no ano 2004 reuniuse a práctica totalidade da súa obra poética en lingua galega. Nela, alén de poder atopar libros como Onde o mundo se chama Celanova (1975)  incorpóranse poemarios de difícil acceso como o cartel de cego Paco Pixiñas (1970) e un feixe de composicións  inéditas que completan o seu percorrido poético creativo.

Obra narrativa (2003)

Como creador percorreu tamén outros xéneros e no da prosa non se moveu con desacerto. Reúnense neste volume as dúas incursións que realizou baixo o título de A fronteira infinda (1972), unha colección de innovadores relatos, e mais A taberna do galo (1979), unha sorte de crónica ficcional de saibo celanovés, primeira parte dun proxecto máis ambicioso no que traballaba cando a morte o sorprendeu.

Crónicas, semblanzas e artigos (2005)

De non termos un coñecemento, malia que sexa parcial, do apreciable labor que  desenvolveu desde mozo ata a véspera da súa morte en diversos soportes xornalísticos, tampouco se terá unha idea cabal das dimensións da súa achega intelectual e literaria. Neste volume recóllense, nunha pequena pero substantiva parte, crónicas, contos e diversos artigos. Un primeiro paso para un traballo aínda pendente.

Estas fichas, baixo a orientación de ofrecer unha concisa información sobre a obra accesible na actualidade de CEF, complementaron o artigo «Descubrir o iceberg Ferreiro» e publicáronse igualmente no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 31 de decembro de 2011.

Ramón Nicolás

2012: Ano Celso Emilio Ferreiro

2 Xaneiro 2012

Artigos literarios,Autores

Reproducimos o artigo que Manuel Bragado, director de Xerais, publica hoxe no Faro de Vigo sobre o Ano Celso Emilo Ferreiro.

 

Ano Ferreiro

Este ano 2012, que agardamos sexa ventureiro e sereno, será o do poeta Celso Emilio Ferreiro. Celebraremos o centenario do seu nacemento, o 4 de xaneiro 1912 en Celanova, e o cincuentenario da publicación na colección Salnés da editorial Galaxia da primeira edición de Longa noite de pedra, o seu poemario esencial e libro insignia da memoria cívica e literaria de varias xeracións. O poeta que reclamou “voz e voto”, o grande poeta político e social da Galicia contemporánea, o poeta galego do século XX, probablemente, máis querido e popular volverá ser lembrado e apupado en Galicia e fóra dela.

O primeiro obxectivo da celebración de ambas as dúas efemérides debe ser ampliar a divulgación e o estudo da obra ferreiriana. Tras a reedición anotada de case todos os seus libros en lingua galega dentro da Biblioteca das Letras Galegas de Xerais, de varias antoloxías ilustradas dedicadas ao público infantil e das novas edicións en Xerais da súa obra poética e narrativa en galego completas, así como parte da xornalística, aquela que inclúe os artigos publicados na sección “La jaula de los pájaros raros”, recuperada no volume titulado Semblanzas, crónicas e artigos, ao longo deste 2012 publicaranse os seus textos literarios no xornal ABC e unha edición bilingüe galego e castelá de Longa noite de pedra por parte de Auga edicións. No entanto, será a agardada publicación da monumental biografía literaria do poeta, que está preparando Ramón Nicolás, tras unha minuciosa consulta dos arquivos familiares, a que probablemente desvele aspectos até agora privados do autor de O soño sulagado. A descuberta recente por parte de Nicolás de dous poemas inéditos en libro, “Mozo” (un texto que data nos anos 60) e “O atraco” (publicado na revista “Correo de Galicia” de Buenos Aires en 1969), adianta algunhas das novidades que coñeceremos dun autor insuficientemente estudado do que faltan aínda por descubrir cuestións relevantes na súa actividade política ou no seu traballo como editor e promotor cultural.

Unha ferramenta esencial para a popularización da figura de Ferreiro no centenario será a nova páxina web na que por vez primeira se presenta cos recursos hipertextuais (arquivo fotográfico e fonoteca incluídos) a súa traxectoria biográfica e cronoloxía literaria. Un recurso didáctico moi valioso para achegarse a unha figura sempre moi valorada no eido educativo, que contará, ademais, cunha exposición multimedia que percorrerá centros escolares e bibliotecas e coa fermosa iniciativa didáctica “Cen anos, cen poemas en Celanova”, apoiada pola asociación de comerciantes da súa vila natal. Os concertos que se están preparando axudarán a poñer en valor os textos dun autor presente en máis de trescentas cancións, traducidas a máis de vinte linguas e musicadas por autores das máis diversas procedencias e estéticas. Non se pode esquecer que Ferreiro –o letrista máis prolífico da música de noso– continúa presente na conciencia da sociedade actual por medio dos ritmos rap de Dios ke te crew, como noutrora o fixera da man de Voces Ceibes, Benedicto, Bibiano, Fuxan os Ventos, Pucho Boedo, Luís Emilio Batallán, Amacio Prada, Jei Noguerol, Xocaloma, Aquenlla, Astarot, Pilocha ou Suso Vaamonde, entre outros.

Coa maior parte da obra traducida ao castelán, a celebración do centenario debería contribuír a proxección internacional de Celso Emilio. O goberno da municipalidade de Caracas aprobou colocar unha placa co texto “El poeta que sintió a súa pueblo” na Cuarta transversal, a rúa onde Ferreiro viviu os sete anos da súa estancia en Venezuela. A publicación da edición en inglés de Longa noite de pedra, traducida por Jonathan Dunne, coincidindo no mes de agosto cos actos de celebracion en Vigo do cincuentenario da publicación deste poemario, suporá outro pequeño milagre nesa difícil estratexia de visibilizar a literatura galega no mundo.

Con todo, presinto que o máis importante deste centenario será volver a comprobar a actualidade dos poemas de Celso Emilio Ferreiro. Mergullada nas incertezas tremendas desta crise do capitalismo financeiro, sometida a retallazos dolorosos que amplían inxustamente as desigualdades, a cidadanía galega do século XXI precisa enxergar luces. Aí reside unha das funcións desa poesía necesaria, a que alenta na loita contra a inxustiza, o paro, a emigración, a guerra, a destrución da natureza ou a defender o tesouro da lingua de todos, temas fulcrais na obra deste noso poeta clásico, indignado e rebelde. Coma a de Rosalía, coma a de Curros ou a de Pondal, a de Ferreiro é a voz perenne do escritor nacional. Sei que neste seu centenario, a súa voz afouta continuará poñendo o dedo na chaga, investigando no coñecemento da verdade do seu tempo, do noso tempo.

Manuel Bragado

Ramón Nicolás, autor da biografía sobre Celso Emilio Ferreiro que publicará Xerais: «foi famoso pero nunca chegou a vivir da literatura»

7 Novembro 2011

Biografía,Entrevistas,Noticias

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Ramón Nicolás sobre a biografía de Celso Emilio Ferreiro que Xerais editará en 2012.

«Ferreiro foi famoso, pero nunca chegou a vivir da literatura»

A biografía sobre o poeta aproveitará gran parte da súa correspondencia

O ano próximo escoitaranse en máis dunha ocasión as palabras de Celso Emilio Ferreiro (CEF) grazas á declaración realizada polo Parlamento de Galicia. Ramón Nicolás ultima unha biografía sobre o escritor, que, segundo el, creou unha escola poética en Galicia.

-¿Que dificultades ofrece a figura de CEF desde o punto de vista do biógrafo?

-Primeiro fun lector, claro, pero levo case dúas décadas transitando pola obra literaria que Celso Emilio deixou e por algúns capítulos da súa vida ata que se deron unhas circunstancias que propiciaron internarme no seu perfil máis persoal, fundamentalmente porque un dos nosos autores máis relevantes carecía aínda dunha biografía integral que xuntase o periplo vital e a súa proxección literaria e política. As dificultades foron as habituais: recadar información, édita e inédita, interpretar documentos, esculcar nas cartas conservadas ou entrevistar as persoas que tivesen algo substancial que dicir sobre o autor.

-¿Que novidades achega a súa biografía sobre a figura do escritor?

-Creo que o novidoso pode radicar tanto na valoración que as persoas que o trataron tiveron a ben compartir, a través de entrevistas persoais ou a través de textos escritos que me cederon, como na abondosa información de primeira man que procede do seu epistolario e arquivo persoal. Aí están espelladas as liñas de sentido dunha vida en que, por exemplo, as cartas eran un medio fundamental de comunicación, e máis nun tempo difícil no que violaba unha e outra vez a confidencialidade das mesmas, polo que ás veces cómpre ler entre liñas. Malia isto, nestas cartas está case todo: os proxectos levados a cabo e os que se frustraron, as filias e as fobias, os amigos, os inimigos, a política e as polémicas.

-Nun sentido amplo, CEF foi un escritor famoso, valorado no seu tempo. ¿Como afectou iso á interpretación da súa obra?

-Celso Emilio comezou a gañar sona máis alá de Galicia a través das edicións bilingües da súa poesía, e isto ocorre a finais dos sesenta e dura algo máis de dez anos. Aquí era valorado en pequenos círculos, mais con Longa noite de pedra supera todo o previsible e chega a lugares onde nunca ningún poeta galego podería pensar. Por tanto, foi famoso nos seus últimos anos mais isto non o satisfacía moito; se cadra estaba máis contento, e é unha anécdota real, co parecido físico que gardaba con Salvador Allende. Dito isto, o certo é que o número de edicións esgotadas da súa obra en vida non ten semellanza con ningún outro poeta galego. Mais por outro lado nunca puido vivir da literatura e a súa axitada vida así o demostra.

-¿Cre que a lectura de CEF como poeta popular segue pesando hoxe?

-A música e as versións musicadas dos seus poemas fan que, dalgún xeito, a súa poesía siga viva. Foi poeta popular, e para min é positivo, porque as súas composicións se converteron en emblema, en signo dunha época, mais tamén Celso Emilio tiña un oído musical extraordinario.

-¿Que aspectos quedan por divulgar da súa obra?
-Volver proxectar a súa poesía fóra de Galicia. Sigo a ver nel un gran narrador, de obra exigua, pero sorprendente pola modernidade e a rotundidade das pezas narrativas que deu a coñecer. Tamén cumpriría volver a vista ao Celso Emilio de facetas case descoñecidas nel como ser debuxante, crítico literario (non ao uso) e a de responsable da redacción de textos de carácter político. As acusacións de que non exerceu politicamente como antifranquista, que lin hai pouco, son inexactas e moi inxustas.

Camilo Franco

O Parlamento Galego declara o 2012 como ano de Celso Emilio Ferreiro

13 Outubro 2011

Autores,BLG,Clásicos,Eventos,Noticias,Poesía

O Parlamento Galego, por acordo da totalidade dos grupos políticos, acordou declarar o 2012 como ano de Celso Emilio Ferreiro, sinalando que se trata dun dos poetas máis influíntes do século XX. Con esta declaración, que se recolle en diversos medios de comunicación, ao longo do ano 2012 terán lugar diversas actividades de difusión da obra e da vida do poeta celanovés.

Na resolución aprobada o 11 de xuño ínstase á Xunta de Galicia adoptar as seguintes medidas:

1) Declarar o ano 2012 como ano de Celso Emilio Ferreiro destacando o seu labor como renovador da literatura galega e a súa actividade política e literaria de compromiso con Galicia e defensa das liberdades democráticas.

2)  Esta declaración incluirá actuacións de  promoción e difusión da súa biografía e obra e procurará a implicación de institucións públicas e culturais, singularmente a Fundación Celso Emilio Ferreiro a fin de conmemorar o centenario do seu nacemento.

3) A Xunta de Galicia elaborará preferentemente antes do 4 de Xaneiro de 2012 o catálogo de actuacións a levar a cabo durante o ano para dar a coñecer a figura e a obra de Celso Emilio Ferreiro.

Precisamente para o próximo 2012, cando se cumpre o centenario do seu nacemento Xerais publicará unha completa biografía de Celso Emilio Ferreiro a cargo de Ramón Nicolás, tamén autor do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro.

Xerais publicou no seu catálogo a obra completa de Celso Emilio Ferreiro. Na colección clásicos figuran a Poesía galega completa, en edición de Ramón Nicolás; a Obra narrativa, en edición de Mónica Góñez; o libro de Semblanzas, crónicas e artigos, en edición de Ramón Nicolás. Na colección Biblioteca das Letras Galegas editáronse unha Antoloxía, en edición de Antonio García Teijeiro; Longa noite de pedra, en edición de Gonzalo Navaza; O soño sulagado, en edición de Ramiro Fonte; Onde o mundo se chama Celanova; en edición de Xosé María Álvarez Cáccamo; e Viaxe ao país dos ananos, en edición de Armando Requeixo.

Celso Emilio Ferreiro, trinta aniversario do seu pasamento

28 Agosto 2009

Homenaxes,Noticias,Poesía

cartaz homenaxe celso emilio definitivoMañá sábado, organizado pola asociación Arraianos, celebraranse en Celanova unha serie de actos con motivo do trinta aniversario do pasamento do poeta Celso Emilio Ferreiro (31 de agosto de 1979).

Ás 12 da mañá, realízarase un acto no Alto do Furriolo (A Bola), onde hai anos se inaugurou un mural creado por Xosé Vizoso, para lembrar os represaliados pola ditadura franquista. Alí haberá un recital a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.

Xa ás 18.30 horas, no cemiterio de San Breixo de Celanova, os actos da homenaxe popular comezarán cun recital poético con Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Ramón Nicolás, especialista en Celso Emilio (recentemente publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro).

Celanova, presentación de "Conversas con Celso Emilio Ferreiro"

22 Maio 2009

Crónica,Presentacións,Xerais_nos_medios

o22c16F2A edición de Ourense de La Voz de Galicia informa hoxe da presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro celebrada onte na Casa dos poetas de Celanova. No acto participaron Luís Ferreiro (director da Fundación Celso Emilio Ferreiro), Antonio Mouriño (alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez), Ramón Nicolás (autor do libro) e Manuel Bragado.

"Conversas con Celso Emilio Ferreiro", en Celanova

19 Maio 2009

Crónica,Entrevistas,Narrativa,Noticias

Capa_CronicaO xoves, 21 de maio, ás 20:00, na Casa das Poetas de Celanova (rúa dos Poetas 37),  realizarase unha presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto acompañarán ao autor, Luis Ferreiro e Manuel Bragado.

«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»

18 Marzo 2009

Crónica,Entrevistas,Noticias

Hoxe chegaron da imprenta os primeiros exemplares de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. Este orixinalísimo título chegará ás librarías na primeira semana do mes de abril.

Capa_CronicaA través de Conversas con Celso Emilio Ferreiro mergullámonos na significativa persona-lidade dun dos grandes escritores da literatura galega. Da man de Ramón Nicolás, biógrafo e editor da súa obra literaria, rescátase a voz e a palabra do autor celanovés, cando se cumpren trinta anos do seu pasamento, para dar conta da súa opinión política e literaria e para introducirnos no «universo Celso Emilio», que en boa medida goza de plena actualidade e validez. Ramón Nicolás compilou e ordenou, temática e fragmentariamente, as máis das entrevistas que se lle realizaron a Celso Emilio en medios escritos durante a súa vida e, como nun xogo de espellos, recupera o seu criterio e a súa presenza. A súa propia obra literaria, a política, a militancia, as polémicas que protagonizou, a súa perspectiva sobre o ámbito da cultura, a súa opinión sobre cuestións como a lingua galega ou a nación latexan ao longo destas páxinas apaixonantes.